1. É un drama que medra con cada capítulo
É difícil atopar series que equilibren o
desenvolvemento da trama coa caracterización dos personaxes e que saiban manter
a tensión un capítulo tras doutro. Algunhas combinan capítulos expositivos, nos
que a historia avanza, con capítulos “de personaxes” nos que realmente non
acontece nada pero nos dan unha chea de información sobre a historia e as
motivacións dos protagonistas (Lost, Mad Men). Outras confían en grandes
xiros e sorpresas para manter os espectadores en tensión dun capítulo a outro,
pero ás veces se esquecen de xustificar esas sorpresas (Homeland). The Americans constrúe
en cada capítulo unha trama de espías no que as relacións dos personaxes son
reflexo das relacións diplomáticas e de espías dos dous bandos. Os conflitos
entre a URSS e os Estados Unidos resoan nos conflitos persoais do matrimonio
Jennings, espías soviéticos que se fan pasar por unha modélica familia de clase
media americana, do seu veciño axente do FBI, dos superiores de ambos e dos
axentes aos que utilizan para conseguir os seus medios. Cada un dos 13
episodios da primeira tempada engade unha capa máis ao conflito e afonda un
pouco nas miserias dos personaxes sen descoidar a acción, e o equilibrio
resultante é (desculpen a comparación forzada) como ver a Nadia Comǎneci executar un mortal sobre barra fixa.
2. Os personaxes teñen múltiples arestas, que se van
perfilando máis con cada capítulo
Peter e Elizabeth Jennings son, nós xa o sabemos
desde o comezo, dous membros de elite da KGB adestrados desde a súa mocidade
para se facer pasar por unha parella americana media. Viven nun barrio
residencial, teñen dous fillos, traballan xuntos nunha axencia de viaxes, e no
seu tempo libre reclutan axentes, matan contra-espías e montan dispositivos de
vixilancia. Pero despois dun piloto cunha caracterización algo forzada (o cal non é nada raro para un piloto) resulta evidente que esas dúas
son só as capas máis superficiais dos Jennings, e comezamos a ver a unha
Elizabeth que se tenta achegar aos seus fillos sen o conseguir, un Phillip namorado da súa muller falsa, mais tamén namorado do seu antigo amor ruso, un
axente Beeman (o veciño do FBI) que sacrifica o amor da súa familia pola súa
lealdade ao país pero tamén pon en perigo esa lealdade polo seu amor por unha
das axentes que recluta, Nina, quen a súa vez vai gañando profundidade e
protagonismo en cada capítulo... Mesmo os personaxes secundarios e os máis
irrelevantes teñen contradicións, dúbidas e tantas sombras que a historia
podería desenvolverse durante tempadas sen perder nada do seu interese inicial.
3. Os actores
Nunca pensei que ía loubar o traballo da chorona de Felicity e dun dos irmáns petardos de Brothers & Sisters, pero estes dous
souberon superar as súas orixes e darlles credibilidade a dous personaxes moi
difíciles de interpretar. Mención á parte merecen Noah Emmerich, que fai que de
inmediato sintamos simpatía polo axente Beeman malia as nosas máis fondas conviccións
anti-imperialistas; Annet Mahendru, unha relativa descoñecida que borda o papel
de espía (dobre? triple?) de Nina sen revelar demasiado sobre as súas
verdadeiras lealdades; e sobre todo
Margo Martindale, que está soberbia como Claudia, unha axente soviética que
pasa desapercibida como avoíña encantadora e matou nazis na fronte de
Stalingrado (e ten moitos, pero que moitos ases na manga até o derradeiro
capítulo #ClaudiaFTW).
4. O feito de situar a trama nos 80 dálle
credibilidade
Para empezar, porque fixo que a acción da serie
sexa realmente entretida, con disfraces, persecucións e artimañas que semellan
reais e procuran a complicidade do espectador, en contraposición ás actuais
tramas de espionaxe nas que alguén hackea un número de serie dun marcapasos e
provoca un ataque ao corazón grazas a un virus informático (si, Homeland, estoute mirando a ti); pero
tamén porque podemos observar a evolución do xogo de espías con certa
distancia, coñecendo o escenario global no que se desenvolveu e as
consecuencias que tivo no mundo, e como para os americanos esa guerra xa
rematou, os escritores non senten a necesidade de meternos propaganda pola
gorxa e concéntranse en nos entreter.
5. Por primeira vez na ficción sobre a guerra fría,
os americanos son lixeiramente máis parvos cós rusos
Isto non quere dicir que ningún dos dous sexa
especialmente parvo. De feito o xogo de espías que se desenvolve durante a
primeira tempada é exquisito, ben planificado e demostra que a “intelixencia”
de ambos bandos se chamaba así por algo. Pero, sendo sinceros, nos sempre nos
imos pór do lado dos irmáns soviéticos e contra o bloque capitalista, por iso
dá gusto ver que neste caso Hollywood abandonou a súa tendencia de
caricaturizar os axentes do outro lado e canonizar os propios, e neste caso pon
a KGB un (pequeno) paso por diante dos americanos. É certo que a ficción
estadounidense sempre respectou moito máis á malvada KGB que a calquera dos
supervillanos estereotipados que viñeron despois (nomeadamente, o ditador
bananero con barba branca ou boina vermella, e os terroristas con turbante que
“odian o noso modo de vida”). O primeiro capítulo de The Americans acusou un pouco a pilotitis
e tiña algo de caricatura, con momentos nos que Phillip e Elizabeth Jennings se
parecían bastante a Boris Malinoff e a Natasha, por non falar da crise
de fe de Phillip, que se planteou cambiar de bando porque “a comida de aquí é
moito mellor”, pero iso non se repetiu nos episodios seguintes.
6. O derradeiro episodio pechou unha tempada
brillante, e xa estamos desexando que volva
Como dicía ao comezo do post, The Americans equilibra perfectamente todas as súas historias sen
necesidade de golpes de efecto. Por iso o derradeiro capítulo fuxiu dos
recursos forzados e confiou na forza da historia e dos personaxes para facernos
volver na segunda tempada. Quen pense que isto quere dicir aburrimento está moi
equivocado. Á última hora de The Americans
non lle faltaron persecucións, situacións de perigo nin escenas de infarto
(persoalmente, pasei a metade do episodio á beira do asento e a outra metade
vitoreando como unha tola, #ClaudiaFTW outra vez), pero en vez de rematar nunha
nota alta, cos personaxes nalgunha situación de perigo inverosímil ou sen saber
se alguén está vivo ou morto, os escritores decidiron deixar algúns elementos da trama abertos e pechar outros discretamente, e confiar máis na evolución dos personaxes que en crear
expectativas falsas nos espectadores, e ao final iso é o que distingue a boa
televisión dos produtos prefabricados (alguén lembra os helicópteros de Monroe
sobrevoando os protagonistas nun campo aberto na final de inverno de Revolution e como se resolveu ese
fiasco?)
Paige, a Dana Brody do cruel universo paralelo (isto é, lista), comeza a facerse preguntas. |
7. A careta
Normalmente non lle presto demasiada atención a iso, salvo os casos nos que a careta é moito máis creativa có resto da serie (ola ke ase, True Blood?). En The Americans a presentación suma puntos ao total da serie. Se cadra a C convertida en fouce e martelo é innecesaria, porque o resto do grafismo fai ese mesmo traballo de forma moito máis sutil, pero a iuxtaposición de estereotipos ianquis e estereotipos soviéticos equilíbrase soa por exceso, e as fotos dos protagonistas pegadas sobre unha "auténtica" familia americana son o perfecto resumo da trama.
The
Americans é probabelmente a miña
serie preferida de 2013. E agora que acabo de gafala dicindo iso vou tocar
madeira inmediatamente para evitar que corra a sorte de Awake e Last Resort.