Thursday 20 December 2012

a fin do mundo en 7 teleseries


Seica mañá remata o mundo. Ou se cadra é pasado. Ou hoxe, como dicía o discjockey ao comezo de Until the End of the World, “non sei en que fuso horario está Deus”.

En todo caso, se facemos caso á ficción estadounidense, que é a que coñezo, a fin do mundo sempre comeza nos E.U.A., con algúns preludios illados na Torre Eiffel, o Big Ben, o Taj Mahal e un poblado remoto de África, pero o gordo sempre se centra alí, máis concretamente na cidade de Nova York, así que podemos asumir con certa marxe de manobra que a fin do mundo terá lugar o 21 de decembro segundo o horario GMT -5. Iso aínda nos dá unhas horiñas xeitosas para pasar coa familia, desfasar en plan fin do mundo, ou ver series. E existen grandes series e grandes capítulos que tratan ese tema, a maioría ianquis porque, como digo, os americanos son expertos en acabar con todo (pun intended).

As miñas series preferidas que, até a data, trataron ese tema, son:

Survivors (BBC, 1975-1977, 2008-2010): Hai esperanza despois da fin.

O que sempre me mosqueou da ficción apocalíptica, especialmente  en televisión, é que adoita centrarse nun grupo de personaxes que non merecerían estar vivos. Fundamentalmente porque fan cousas estúpidas, como a miña adorada Charlie de Revolution; ou porque fan cousas estúpidas e non son boas persoas, como Lori e Rick de The Walking Dead, os peores pais do mundo; e outras veces porque son personaxes tan planos que non merecen estar vivos como personaxes.


En Survivors (2008), un virus remata co 99% da poboación en poucos días, e nos atopámonos cunha muller, Abby Grant, que tivo a enfermidade e a superou, co cal é inmune ao virus, e vai na procura do seu fillo, que estaba interno nun colexio deses da campiña inglesa. Polo camiño atópase cunha serie de superviventes que se lle van unindo e tamén algún personaxe escuro que sabe máis do virus do que conta. Refírome á versión de 2008 porque da orixinal, de 1975, só atopei o primeiro capítulo, e non me parece que a nova versión o desmerecese.

O que me atraeu desde o principio é que todos os personaxes principais son moi reais, bos ás veces e mesquiños outras, heroes e covardes, e sobre todo que malia verse envoltos na fin do mundo razoan e actúan conforme ás circunstancias, en vez de se converter en rambos ou survivalistas expertos. Dito doutra forma, se cada unha das series apocalípticas da televisión contasen entre os seus superviventes a un membro do grupo de Abby Grant, as súas posibilidades de vivir cunha certa comodidade acrecentaríanse nun 200%.

Tamén é certo que o creador da versión orixinal é Terry Nation, guionista de Doctor Who e orgulloso pai dos Daleks.

Jericho (CBS, 2006-2008): Unha lección: o futuro aquí pódese parecer ao presente noutros lados.

O de Jericho é algo que non entendo. Lembro o rebumbio que espertou cando a estrearon (aquí) en televisión, semellante ao de Lost, pero só durou unha tempada e pouco e cancelárona por falta de audiencia. Supoño que botala na CBS, unha cadea especializada en series de policías e forenses destinadas a outro tipo de público máis conservador, tiña os seus riscos. Pero penso que o que non lle gustou á xente de Jericho foi o mesmo que o que non lles gustou de Rubicon e actualmente de Last Resort: as tres falan de ter o inimigo na casa, e iso non cadra ben cos votantes da “liberdade duradeira”.

En Jericho a causa da apocalipse é un holocausto nuclear. Unha serie de bombas eliminan as principais cidades dos E.U.A. e sumen o país no caos. Jericho é unha vila granxeira de Kansas, onde a comunidade dividida tenta sobrevivir. Coma sempre, hai teoría da conspiración polo medio, pero o que fai interesante esta serie, sobre todo a segunda tempada, é a chegada da poderosa Jennings & Rall, unha empresa subcontratada polo exército dos novos Estados Unidos (que se volven dividir), e que na súa organización, tácticas paramilitares e contactos coas altas esferas parécese moito, demasiado, ás compañías de mercenarios que se ocuparon de “reconstruír” Iraq despois da invasión americana. O paralelismo é tan obvio que os habitantes de Jericho se teñen que converter en combatentes pola liberdade, malia que o exército ocupante e os xefes de Jennings & Rall din que son terroristas... aí queda.


Con esta exposición tan dura dos feitos –e diante de todo, divertida, porque non hai que esquecer que se trata dunha serie de acción- Jericho non sobreviviu á primeira tempada e da segunda só houbo 7 episodios, que apenas deron tempo para improvisar un final que atase todos os cabos soltos. Existe tamén un final aberto que ten algo máis de sentido, e a serie continuou despois en formato de cómic, aínda que xa moi lonxe da idea orixinal.


Red Dwarf (BBC2, 1988-1993): Cartas desde a tumba.

Red Dwarf é unha comedia de media hora cunha premisa de ciencia ficción: os habitantes dunha nave espacial morren por unha fuga radioactiva, e o único que queda vivo é o mecánico de máis baixo rango, Lister, que no momento da fuga estaba cumprindo castigo nunha máquina de crioxenia por ter un gato agochado a bordo. Cando Lister sae do castigo, tres millóns de anos despois, atópase con que os únicos que fican na nave son o holograma do seu superior coñazo, Rimmer, o ordenador intelixente de a bordo, Holly, e unha forma evolucionada do gato que tiña agochado, Cat, que é un humanoide obsesionado co seu aspecto e tamén un pouco Little Richard pasado de éxtase.


Como comedia ten todos os ingredientes de comedia,comezando pola relación amor-odio entre Lister e Rimmer e rematando polo histrionismo do gato, e con todo lembro un capítulo cun tema tan estúpido que case me fai chorar: no episodio 8, os protagonistas atópanse cunha nave de correos que estaba perdida, e Rimmer (que, lembremos, é un holograma) atopa unha carta que lle mandaran tres millóns de anos atrás para dicirlle que o seu pai morrera, e deprímese. Os outros tentan convencelo de que é estúpido deprimirse porque un ser querido morreu hai tres millóns de anos, porque todos están mortos e a Terra nin sequera existe, e con todo é algo tan humano que fai o episodio tráxico. Hai outros, moitos outros, máis graciosos ca este, pero sen dúbida o episodio de Red Dwarf que mellor representa a apocalipse é este, “Better than Life”.


Life After People (History Channel, 2009): Cats after people.

Life After People é un documental especulativo que non se centra nos acontecementos que poden levar á fin da raza humana, como tantos outros, senón no que vai pasar despois de que a raza humana desapareza. Está contado de diversos puntos de vista: a evolución de animais e prantas, as construcións, a enerxía, etc... sempre tomando como punto de partida a primeira hora sen vida humana na terra, e desenvolvendo esas teorías para saber o que vai pasar despois dunha semana, un mes, un ano...

Tranquilas, non é Revolution, é o Londres de Life After People.
Por suposto que é especulación, porque non podemos medir o que vai pasar cando non esteamos, pero a forma na que está narrado (o feito de que conten con expertos en distintos campos e que fuxan da espectacularidade) fai que todo semelle plausible.

Un dato interesante: segundo o documental, os gatos son os animais domésticos que máis preparados están para sobrevivir sen nós porque son os putos amos.


Medium (NBC/CBS, 2005-2011): os psicópatas tamén ven ficción apocalíptica.

Moito me gustaba Medium pola forma que tiña de presentar os casos. Nun dos meus preferidos, "Apocalypse... Now?" (T. 5, Ep. 6), Allison soña cun escenario apocalíptico no que o seu home e as súas fillas están agochados na casa, desesperados porque non lles quedan reservas de auga nin comida, e o que se ve fóra é un deserto post-nuclear. Non se trata dun futuro moi afastado, a xulgar pola idade das nenas. Loxicamente, en canto esperta, Allison vai correndo á súa tenda para pirados survivalistas máis próxima e carga o maleteiro con barriñas enerxéticas e bidóns de auga. Se os meus soños fosen premonitorios, eu faría o mesmo ca ela.

"Ten algo para sobrevivir á fin do mundo? Non? Bueno, pois déame armas, que malo será..."
O que acontece na realidade é moito máis perverso: un psicópata matou a toda unha familia para secuestrar a filla pequena e metela nun búnker convencida de que houbo un verdadeiro holocausto nuclear, e de que ela e o pervertido son os dous últimos habitantes do planeta que, claro, terán que repoboar algún día. A escena na que (SUPER-SPOILER) a moza xa adolescente sae do búnker porque hai un incendio, e atopa o secuestrador na súa casa tranquilamente vendo un partido pola tele e tomando unha cervexa, é brutal.

Millennium (Fox, 1996-1999): creadores pasados de ácido e Patti Smith.

Alguén vaime discutir que Millennium non é per se apocalíptica, pero nalgún punto da primeira tempada estableceron que o propósito do grupo Millennium era investigar unha serie de acontecementos e persoas que ían levar a unha apocalipse inminente arredor do ano 2000, así que podo argumentar facilmente que é unha serie pre-apocalítica, o que ben vale.

Ademais, incluína na lista como excusa para poñer esta escena xenial, que forma parte do último episodio da segunda tempada, e ese episodio si que trata dun virus que vai rematar coa humanidade.


O mellor videoclip que lle podían facer a esta canción, non podo crer que a Fox o emitise enteiro.


Twilight Zone (1959-1964, 1985-1989): o terror que marcou a miña infancia.

Igual que outras series de ciencia ficción, como Doctor Who, The Outer Limits ou Masters of Science Fiction, The Twilight Zone ten moitos capítulos que tratan o tema da fin do mundo. Time Enough At Last (1959) é un dos máis lembrados e parodiados: un home solitario ao que lle encanta ler e nunca ten tempo atópase nun futuro post-nuclear, por fin só e rodeado de libros, até que lle rompen as gafas. Eu persoalmente nunca entendín o clímax da historia, do mesmo xeito que a biblioteca municipal se salvou do holocausto, ben pode haber por aí algunha óptica, ou algunha casa, ou algún cadáver torrado que conserve as gafas graduadas postas... o que quero dicir é que o problema do protagonista é difícil pero non é insalvábel.

O episodio que a min me resultou máis aterrador, en troques, foi A Little Peace and Quiet (1985). Nel, unha ama de casa tamén rodeada de ruídos, tarefas, nenos berrando, marido petardo e veciños coñazos, atopa un colgante en forma de reloxo de sol. Descubre que cada vez que o pon, o mundo enteiro se paraliza, e deseguida comeza a desfrutar del, usándoo para safarse de vendedores inoportunos ou para relaxarse cando a súa familia mete moito ruído. Aos poucos a historia de fondo deixa ver que hai unha guerra nuclear inminente, e finalmente unha noite a muller ve na televisión as noticias de que Rusia (daquela era Rusia) lanzou nonseicantos mísiles con destino aos Estados Unidos. Coa tele mandando evacuar, o marido berrando e os nenos chorando, a muller para o tempo máis unha vez e sae á rúa a ver qué acontece. Mentres camiña polas rúas ateigadas de xente conxelada no acto de correr, tropeza cun home que está sinalando ao ceo, dáse a volta para ver ónde apunta o dedo e ve, no ceo, a uns metros da súa cabeza, o mísil soviético, suspendido no aire.

Escribo este resumo de memoria, porque non volvín ver o episodio desde que o puxeron por primeira vez na tele, cando eu tiña uns 9 ou 10 anos. Lembro o argumento perfectamente como lembro que o camisón que levaba a señora era rosa, e que tropezou co home que sinalaba o ceo xusto diante do cine, porque foi unha imaxe que me perseguiu moitas noites, o que para min a eleva á categoría sublime de dúas das miñas cousas favoritas: o bo terror e a boa televisión.

Buscando imaxes despois de escribir a entrada atopeime con isto: lembraba que a última escena era diante dun cine, pero de cativa non collín á referencia cómica ás dúas películas.

Jeremiah (bonus track)

Nunca vin Jeremiah, que vai dun mundo onde todos os adultos morreron e os nenos medraron salvaxes, pero pensei que pagaba a pena pechar esta lista con ela, só polo feito de que os protagonistas son, atención: Dylan de Beverly Hills 90210 e o fillo de Bill Cosby!

Isto claramente di: fin do mundo.




2 comments:

  1. Eu poría tamén esta serie da BBC, destinada a adolescentes, que, como outras moitas cousas, sinalan claras diferencias entre os 70 e estes días de gloria, exemplificados por Skins, My super sweet-16, e todas esas cousas que dan ganas de corta-las venas ó largo do brazo.
    http://www.youtube.com/watch?v=2QNgZhWafU0

    E supoño que has de saber quen son.

    ReplyDelete
  2. Ooostras, a serióloga non coñecía esta! Moi guai, adxudicada! (no blog falo de min en terceira persoa, a lo Julio César, para fardar).

    ReplyDelete