Chegou o outono e case marcha, e eu aquí, procrastinando. Pero non vos preocupar, que non vos deixo sen a miña opinión gratuita e desinformada das series que veñen... Das que vin por agora, non pensedes que vou falar da tipa que resolve crimes seguindo pistas tatuadas no seu corpo nin do tío Jesse facéndonos a todos vellos na súa comedia na que é avó. En fin, aí vai, para todos os públicos e sen spoilers, o que vin este outono na tele (por agora).
O outono que ven
ABRIUSE A VEDA PARA A
NOSTALXIA DOS NOVENTA
Scream Queens (FOX)
De que vai: Ryan
Murphy strikes back. Esta vez é unha “homenaxe” ao xénero slasher, o mesmo que American
Horror Story era unha homenaxe a
todas as películas de terror que se lle ocorreron a Murphy, é dicir, un
pastiche de escenas sacadas directamente de outros autores, mesturadas nunha
cocteleira e sazonadas cos estereotipos raciais e sexuais tan característicos
do director multimillonario.
Por que mola: Emma
Roberts é moi boa facendo de xefa de irmandade insoportábel, e Nasim Pedrad é gloria bendita, aínda que
non entendo moi ben que fai aí. En xeral o casting está ben, o mesmo que case
todas as escenas de asasinatos, aínda que sigo preferindo as das películas
orixinais.
Por que non mola: Segue
a aburrida fórmula Ryan Murphy, que é a mesma desde Glee: colle de protagonistas a un grupo de brancos de clase alta e
beleza imposíbel, e despois rodéaos por personaxes planos con carteis colgados:
a negra, o discapacitado, o gay reinona, o gay malvado... Despois fai que os
malos da serie sexan os que se metan con eles en todos os capítulos, creando
situacións cómicas nas que é moito máis doado identificarse co malo de lingua
viperina que co obxecto das súas burlas, e finalmente pon a parir os críticos
que non louban os seus programas aducindo que “están contra a diversidade”.
Repetir cada tempada até chegar ao billón de dólares.
A quen lle pode
gustar: A fans de Glee e
nostálxicos dos 90.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
WASHINGTON OU
SHONDALAND?
Quantico (ABC)
De que vai: un
grupo de buenorros e buenorras teñen escenas de sexo na ducha mentres estudan
na academia do FBI. Uns meses despois, un deles é responsable dun atentado en New York e os
outros seguen dándolle ao vapor mentres investigan ou algo. Non me enterei moi
ben, entre os saltos temporais locos e os cambios de parella aleatorios é
difícil seguir o argumento.
Por que mola:
como xa dixen, buenorros, buenorras, steamy sex, e unha conspiración de fondo
que dá para querer saber máis.
Por que non mola:
O argumento non se toma en serio nin por un intre. Aínda que a premisa é
“atentado terrorista involucrando o FBI”, o mesmo podería ser “doutores e doutoras
buenorros salvan vidas no minuto 40 do capítulo” ou “famosa asesora do
presidente buenorra líase co presidente armando a marimorena en Washington”...
Vedes por onde vou? Outra cousa que me ten tola: os pelos da protagonista. É
IMPOSIBLE investigar nada con esa cantidade de pelo diante dos ollos.
A quen lle pode
gustar: A fans de Shonda Rhimes, que de todas formas a criticarán porque,
con todo, non ten o ritmo das de Shonda Rhimes. Absterse fans de tramas de
espías serias.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
NOT SO MODERN FAMILY
Life in Pieces (CBS)
De que vai:
sketches cómicos sobre a vida de tres xeracións da mesma familia, conectados
entre eles.
Por que mola:
faltan comedias novas na tele para encher os ocos das que marcharon (Parks and Recreation) ou das que decaen
perigosamente (The Big Bang Theory). Esta é
un intento, con sorte mellora ao longo da tempada.
Por que non mola:
as situacións cómicas son as mesmas dos últimos vinte anos, sen ningunha
revisión nin frescura, co cal ás veces funcionan pero a maioría, non.
A quen lle pode
gustar: sei que os fans acérrimos de Modern
Family van poñer a parir esta polas conexións obvias, pero son o seu
público obxectivo, realmente.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
GRINDER RESTS
The Grinder (FOX)
De que vai:
despois do éxito da súa serie dramática, un avogado televisivo pensa que está
capacitado para exercer na vida real, métese no bufete (e na vida) do seu irmán,
e empeza a irromper nos seus xuízos berrando legalismos de serie de avogados.
Por que mola: Rob
Lowe fai un personaxe excesivo por todos lados, compensado pola racionalidade
do seu irmán Fred Savage, e é case como un spin-off the Parks and Recreation baseado na vida de Chris Traeger (o que sempre
pedín a berros). Rob Lowe é un deses actores que empezaron facendo drama e por
culpa diso tardamos en descubrir o seu enorme talento para a comedia. É un
crack, e cando xuntas un crack con actores bos e un guión tan tolo como
entusiasta, sae isto.
Por que non mola:
O único que teño que criticar, por criticar algo, é que se deron demasiada
présa en introducir un interese romántico para o protagonista, se cadra non era
necesario ser tan sitcom niso.
A quen lle pode
gustar: a fans incondicionais de Chris Traeger e do tipo de comedia que
inaugurou The Office antes de morrer
de morte natural.
Nota serióloga: ★★★★★
DEFINE “COMEDIA”
You, me and the apocalypse (Sky, NBC)
De que vai: A descrición
oficial da serie di que un grupo “ecléctico” de persoas vense forzadas a
agardar xuntas a chegada dun cometa que vai destruír a terra. Si, en fin.
Por que mola: ten
toques graciosos, non graciosos de JAJAJAJA!, graciosos como cando contestas un
chiste dun amigo cun só emoji de riso pero sen bágoas nos ollos, como dicindo
“si, vale, ten graza, pero tampouco flipes que non é tan bo”.
Por que non mola:
A este paso vou facer unha tese sobre Rob Lowe. Rob Lowe ten un pequeno papel
de cura escéptico aquí, e como sempre borda o material co que traballa, só que
desta vez o material co que traballa é normaliño tirando a moñas. Tamén está
esa nova manía das cadeas de televisión de coller as comedias que non fai moita
graza, estiralas para que os capítulos duren 40 minutos, e rebautizalas como
“traxicomedias” ou, peor aínda, “dramedy”.
A quen lle pode
gustar: a quen vexa calquera cousa con tal de que leve o selo de comedia
británica (esta é coprodución). A fans da apocalipse coma min, pero fans moi
militantes, porque hai polo menos sete series mellores que ver antes ca
esta.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
O PACIENTE LEVA MORTO
DESDE 2007
Code Black (CBS)
De que vai: un
grupo de residentes comezan a traballar na sala de urxencias máis frenética
desde o Mercy Meredith Seattle Derek’s Dead Grace Hospital e o Chicago
Whatsherface George Clooney Memorial.
Por que mola: Hai
que dicir que a sala de urxencias polo menos está sucia, desordenada, e con
iluminación difusa, o cal a fai máis realista ca esas grandes salas brancas con
persoal de pixama azul impoluto que vemos noutras series. E tamén sae Luis
Guzmán, go Human Beings!
Por que non mola: residentes
idealistas dándose de fociños coa dura realidade? si; doutoras teimudas utilizando procedementos
inverosímiles nos dez primeiros minutos do episodio? por suposto; administración do hospital
que non comulga cos procedementos de dita doutora? claro; celador/enfermeira que
son en realidade os putos xefes do cotarro? dálle; mortes inesperadas que provocan un cambio vital nos
residentes? como non! Hai moito tempo que o xénero hospitalario non é quen de ofrecernos nada que non
saíse antes en E.R. (o cal e lóxico,
que foron 15 tempadas).
A quen lle pode
gustar: a ionquis das series de médicos. Se che gustan tanto que te
chupaches Monday Mornings e The Night Shift, vaiche alegrar saber
que esta é lixeiramente mellor.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
NON É SUPERMAN CON
SAIA
Supergirl (CBS)
De que vai: a CBS
sube ao carro de todas as producións televisivas baseadas en cómics, pero faino
ao estilo CBS, nada de torturados personaxes da Marvel de moral dubidosa... Nada
de zonas grises... Moito mellor unha super-riquiña e super-boísima Super...
girl de boa familia (DC Comics).
Por que mola: o
caso é que dalgún xeito este riquiñismo
manifesto funciona, porque Supergirl é
exactamente o que agardamos dela, Kara Zor-El a curmá de Kal-El que lle vai
axudar a salvar o mundo cada semana, e mentres as aventuras de rutina coas que
se atopa sexan entretidas, por que non? Tamén é de agradecer que non só Kara,
senón practicamente todas as personaxes principais, boas, malas e cheas de aristas, sexan mulleres, e
sei que é incríbel que en 2015 sigamos a falar do test de Bechdel, pero
isto é o que hai.
Por que non mola: polo
mesmo que mola, non é máis có que vemos. Sen ningunha pretensión, ten potencial
para seguir durante tempadas infinitas até se converter nun coñazo coma Lois & Clark ou, deus non o quera, Smallville.
A quen lle pode
gustar: a fans de cómics, pero non a frikis de cómics.
Nota serióloga: ★★★☆☆
O POBO QUE ESQUECE A SÚA PROPIA HISTORIA, ESTÁ
CONDENADO A VER CIENCIA-FICCIÓN
The Man in the High Castle (Amazon)
De que vai: Baseada
nunha novela de Philip K. Dick, é unha historia de espías nun universo
alternativo na que os nazis e os xaponeses gañaron a Segunda Guerra Mundial (de
Franco non din nada) e e se repartiron o mundo, aínda que na serie todo pasa en
Estados Unidos, loxicamente.
Por que mola: a
idea do final alternativo da guerra é interesante abondo, pero ademais o
argumento é tan intricado que se sostería sen axuda diso, non é nada tan simple
como “a resistencia contra os malos”, tamén hai tensións entre as potencias
invasoras, contraespionaxe, e todo o que debe constituír unha boa trama de
espías. Tamén mola moito a ambientación dos tres lugares principais onde
acontece a historia: New York (zona do Reich), San Francisco (zona xaponesa) e
Canon City, NV (zona desmilitarizada); malia que a historia acontece nos anos
60, as diferenzas entre os tres fan intuír a evolución dos Estados Unidos desde
a fin da guerra e como se foron adaptando ás potencias invasoras.
Por que non mola:
polo que transcende nos primeiros episodios, a historia alternativa de como
gañaron os nazis semella ser que soltaron a bomba H en Washington e, sen os
americanos, os aliados perderon. O mesmo que ao escribir a historia
“auténtica”, no universo paralelo a mitoloxía americana obvia Stalingrado e o
papel fundamental da URSS na vitoria, nada novo. Ten outras americanadas, como
que as biblias están mal vistas polo Reich, porque o código de boas prácticas
da cultura ianqui dita que a relixión cristiá nuuuuuuuunca auspiciou, alentou
nin aplaudiu ningún xenocidio no mundo. Pasando por alto iso (ou véndoo coma
licencias creativas), non ten duda.
A quen lle pode
gustar: malia ser ciencia-ficción estritamente falando, ten máis de drama
histórico, así que a fans do xénero, desde Manhattan
até The Americans. A premisa das
películas que van procurando os protagonistas tamén ten un punto inquietante:
lembroume, claro que noutro estilo moi
diferente, a unha xoia de Masters of
Horror que se chamaba “Cigarette Burns”.
Nota serióloga: ★★★★☆
Proximanente, na segunda tempada de The Man in the High Castle, o que si pasou de verdade nos EstadosUnidos de América. |
E iso é todo... Polo menos até que a NSA me deteña e me metan en Guantánamo por este último collage. Desfrutade das series até a próxima entrega.