Friday 22 September 2017

all work and no play (2017 redux)

Resulta que se me pasou comentar as novas series do verán, e que se me vai pasar comentar as de outono. O caso é que agora xa non podo ver corenta series á semana por conciliacións varias (aproveito para lembrarlles aos medios de comunicación que conciliar a vida familiar coa laboral non significa ter a quen endilgarlle os fillos mentres ti traballas 12 horas, que cada vez que sacan unha noticia sobre programas de madrugadores ou garderías lle chaman “conciliación”). Total, que agora xa só vexo as series que me apetece ver, así que se vos acabou o choio de que me trague todo canto truño estrea ABC para que poidades ler a reseña e non teñades que pasar por iso, pero, como ás veces tamén me trabuco escollendo, non deixedes de ler esta última entrega condensada de todas as novas series que vin nos seis últimos meses, así que veña, velaquí

TODAS AS NOVAS SERIES QUE VIN NOS SEIS ÚLTIMOS MESES
(para qué matarse con outro título)


NON É O MOTEL BATES

Room 104 (HBO)

De que vai: É unha serie antolóxica, cada episodio cubre un xénero distinto, da comedia ao terror, e narra unha historia que só ten en común coas outras o cuarto de motel no que sucede todo.
Por que mola: Escribir con restricións case sempre dá para facer cousas interesantes. Neste caso, o feito de que as historias duren só media hora e acontezan nun único escenario fainas moi contidas en si mesmas, coma un microrrelato, especialmente as de suspense (como “Ralphie” ou “Phoenix”) e as máis cómicas (“The Internet”).
Por que non mola: Como cada episodio ten unha temática distinta, e algúns autores non se repiten, non sempre manteñen o mesmo nivel, pero como só duran media hora, non hai nada pesado de máis.
A quen lle pode gustar: Dependendo do xénero, a fans de outras antoloxías como Comic Strip Presents, Night Visions, Fear Itself, Masters of Horror ou Masters of Science Fiction. O feito de que todo transcorra nun cuarto do típico motel americano fai pensar tamén nunha das series máis infravaloradas da historia, The Lost Room (qué boa era!).

Nota serióloga: ★★★★☆



CAPULLOS POR DOQUIER

Top of the Lake: China Girl (BBC)

De que vai: Catro anos despois dos sucesos da primeira tempada, a detective Robin Griffin volve como detective á súa antiga división en Sidney e ten que investigar o asasinato dunha moza tailandesa (o de titulalo China Girl suponse que é unha crítica a cómo os brancos estereotipan todas as outras razas, pero realmente parece preguiza por parte dos guionistas) que aparece aboiando en Bondi Beach dentro dunha maleta. Mentres, a filla que deu en adopción hai 17 anos é insufrible.
Por que mola: Elizabeth Moss é moi boa, e Gwendoline Christie, nun papel no pólo oposto da súa Brienne de Game of Thrones tamén, e o misterio inicial ten algo de gancho, malia se ir desinflando en cada episodio.
Por que non mola: Cada capítulo son 60 minutos de homes sendo uns auténticos capullos en grados diversos, e non é que non resulten todos moi cribles, pero chega a cansar por saturación. A idea de Jane Campion de escribir personaxes femininas complexas rodeadas de personaxes masculinos planos (e capullos) para dárlle a volta á narrativa tradicional funcionaba moi ben na primeira parte da serie, pero aquí é tan pouco sutil que perde forza. No canto de afondar na obxectivización permanente da muller ou na bazofia misóxina que teñen que aturar as mulleres en posicións de poder, os machopirolos desta edición sáenlle comicamente machopirolos. Iso, unido ao feito de que as personaxes principais (brancas e máis ou menos acomodadas) están tan enleadas nos seus dramas persoais que practicamente se lles esquece investigar a morte da personaxe que lle dá título (asiática e pobre), e que o único con algo parecido á conciencia de clase semella ser o malvado proxeneta, fan pensar que se cadra a Campion tamén lle dan igual as personaxes pobres non brancas.
A quen lle pode gustar: Con todo, ten semellanzas abondo coa primeira parte (en ton, sobre todo) como para que aos fans lles guste. 

Nota serióloga: ★☆




O QUE STEPHEN KING PREDICIU

Mr. Mercedes (AT&T)

De que vai: Baseada na novela de detectives de Stephen King, un sociópata que hai varios anos cometeu un atropelo masivo (antes de que fosen trending topic), entretense puteando anonimamente ao detective que na altura non conseguiu collelo, e o detective, xa retirado, pícase e decide volver ao choio.
Por que mola: Sei que dicir “baseada na novela de Stephen King” é case unha garantía para que unha serie sexa desastrosa, porque aí temos Under the Dome ou Nightmares and Dreamscapes para lembrárnolo, pero esta é unha das que saíron bastante decentes. Brendan Gleeson fai un Bill Hodges tan humano coma o da novela, pero co seu propio matiz, o que é de agradecer, e malia que a historia apenas varía con respecto ao libro, ao ter tempos e organizacións diferentes, non se fai innecesaria como acontece con outras adaptacións demasiado “literais”. Ah! E a secuencia dos créditos, con cambios moi sutís en cada capítulo acompañando It’s not too late de T-Bone Burnett é das mellores que vin ultimamente.
Por que non mola: Os primeiros capítulos pódense facer algo repetitivos se liches a novela, pero esa sensación pasa segundo afonda na trama. O personaxe de Brady, a némesis de Hodges, é demasiado normal, se cadra polo actor que o interpreta, e iso faino menos crible como asasino sociópata. Iso e que nos queren meter no fociño que escoita punk-rock a todas horas e moi alto xa que logo ten que ser un mal tipo.
A quen lle pode gustar: A fans de Stephen King, claro, pero tamén a quen lle gusten as intrigas pouco convencionais.

Nota serióloga: 




FRANQUICIA KING INC.

The Mist (Spike)

De que vai: Outra baseada nunha novela de Stephen King, desta vez máis convencionalmente de terror: unha néboa mesta envolve de súpeto unha pequena vila de Maine, y lo que pasó a continuación no te sorprenderá.
Por que mola: Porque hai monstros e todo acontece nunha pequena vila idílica.
Por que non mola: Lembrades unhas liñas máis arriba, cando dixen que dicir “baseada na novela de Stephen King” é case unha garantía para que unha serie sexa desastrosa? Pois iso. Esta en concreto parece a resposta de The Asylum á primeira adaptación de The Mist, que non era brillante pero tiña escollas moi boas (como o final devastador). Esta, a diferenza de Mr. Mercedes é totalmente prescindible.
A quen lle pode gustar: A incondicionais de Stephen King, pero dos que ven as adaptacións malas para poder criticalas a gusto.

Nota serióloga: 




EL FUTURO YA ESTÁ AQUÍ

The Handmaid’s Tale (Hulu)

De que vai: Seguindo coas adaptacións de novelas, Hulu adapta o clásico contemporáneo (e seica até agora descoñecido para o público non anglosaxón) de Margaret Atwood: nun futuro distópico que está en realidade fabricado co presente doutras latitudes, desde o roubo de bebés de disidentes até os réximes integristas pasando pola ablación e a queima de libros, coñecemos a historia de Offred, que no novo mundo ten o papel de incubadora humana (violación ritualizada mediante) para as clases dirixentes da República de Gilead.
Por que mola: Porque as atrocidades contras as mulleres nunca pasan de moda, amigos. A serie está moi ben feita, tanto do punto de vista visual (os planos das criadas cruzando a cidade coma formiguiñas guiadas ou rodeando a unha parideira son fermosísimos, a contención que amosa a cámara da perspectiva de Offred cada vez que a violan di máis que se enfocase o acto en si) como do da construción de personaxes (é interesante, por exemplo, ver como Serena Joy, que foi unha estratega do golpe, asume no novo mundo a súa condición de ser inferior á vez que descarga as súas frustracións nas criadas). Todo axuda a construír un relato distópico, si, pero que se es muller non resulta totalmente alleo.
Por que non mola: Por agora a primeira tempada rematou, máis ou menos, onde remata o libro, pero polo visto non aprenden e vai haber máis, así que a saber en qué dexenera.
A quen lle pode gustar: A fans das distopías e da historia alternativa, a xente á que lle gusten as series dramáticas de poucos episodios.

Nota serióloga: 




O SUICIDIO É O NOVO NEGRO (EN SERIO, NON)

13 Reasons Why (Netflix)

De que vai: Unha adolescente suicídase, pero antes tómase a molestia de gravar unha serie de cintas para todas as persoas ás que ela considera responsables, nas que explica exactamente cómo influíron no seu suicidio, conseguindo así o que ningún suicida consegue xamais: ter a última palabra e controlar o seu contorno despois de morta.
Por que mola: Non se me ocorre ningunha razón (xa non digamos 13) pola que a serie mole: nin a premisa (que parte dun pacto co espectador pouco verosímil), nin os personaxes (que son odiosos e non provocan empatía ningunha), nin sequera a produción din nada.
Por que non mola: Entendo que é unha serie de ficción, e nunca lle pedín a unha serie de ficción que encerrase unha ensinanza ou que tivese contido didáctico de ningún tipo, pero sendo unha serie que ten como público obxectivo a rapazada, tócame un pouco as narices a visión romantizada que dá do suicidio: por unha banda, a moza obxecto do acoso escolar é guapa, delgada, lista e simpática (e sei que ninguén está libre de sufrir acoso, pero por qué non usar unha protagonista máis realista?); polo outro, o seu suicidio non é a fin da súa vida, senón o momento en que os que a ignoraron até entón comezan a escoitala e a convertela no centro de atención, co cal non é que a serie non teña mensaxe, é que ten unha mensaxe escrita nun rótulo de neón con letras de catro metros de alto que di “a morte non é a fin da vida, despois de morta aínda podes volver a poñer a todos os que che fixeron dano no seu sitio e ser por fin a máis popular do instituto” e iso paréceme un pouco irresponsable. Alén desa lectura (que sei que ten moito de moralista, qué lle vou facer), a premisa en si non se sostén: a rapaza grava 6 cintas e media onde explica todo o que lle aconteceu, o protagonista recíbeas e ponse a escoitalas para saber por qué se suicidou, pero como a serie ten que durar 13 episodios (un por cada cara de cinta), o rapaz para cada dúas por tres para ir buscar os outros que tamén as recibiron e preguntarlles qué lle fixeron á moza, o que sabería simplemente escoitando as cintas seguidas (cousa que, por certo, mesmo os outros personaxes lle repiten unha e outra vez que faga).
A quen lle pode gustar: A fans de melodramas adolescentes, pero moi moi melodramas e moi moi planos. Iso si, eu como son unha rancia chantaríalle un Parental Advisory.

Nota serióloga: 




SE NON CHEGABA COS VAMPIROS DE LOUISIANA...

Midnight, Texas (NBC)

De que vai: Adaptada dunha novela de Charlaine Harris, continúa coa mitoloxía de vampiros, trasgos e demais monstros de True Blood, desta vez nunha pequena vila de Texas onde todos os habitantes son seres sobrenaturais.
Por que mola: É que non ledes? Vampiros, trasgos e demais monstros nunha pequena vila de Texas.
Por que non mola: No primeiro episodio, True Blood era capaz de debuxar con poucas pinceladas un universo crible onde os vampiros eran reais e había tempo que saíran do armario (e a escolla de palabras non é casual, porque as semellanzas entre o colectivo vampírico e a loita polos dereitos LGBT+ era moi buscada naquela). En Midnight, Texas, o feito de que o protagonista non se inmute cando se atopa co seu primeiro vampiro resulta inverosímil, sendo el vidente e todo, e de aí en diante é difícil suspender a incredulidade.
A quen lle pode gustar: A fans de Charlaine Harris, sobre todo.

Nota serióloga: 




BUA NENO, QUE MOVIDA

Somewhere Between (ABC)

De que vai: A ver se o digo ben. Unha xornalista experta en crimes tenta atrapar a un asasino en serie, pero este secuestra e mata á súa filla pequena. Até aquí todo ben. Entón a señora tenta suicidarse sen éxito e esperta unha semana antes do asasinato da filla, pero lembrando todo o que pasou despois, e tenta atrapar ao asasino antes de que (re)mate á nena.
Por que mola: Porque a premisa é moooooi tolai, como non podía ser doutro xeito baseada nunha retorcida serie coreana.
Por que non mola: Os actores meh, e a tola premisa non se sostén cun guión bastante charramangueiro. En xeral dá a sensación de ser a serie coreana pasada por Google Cultural Translate.
A quen lle pode gustar: A incondicionais da típica serie de misterio con toque sobrenatural que cae todos os veráns (The Whispers, Zoo...)

Nota serióloga: 




DRAMA FROIZDIANO... DOS DE LORENZO

The Sinner (USA)

De que vai: Unha nai de familia infeliz e con tendencias suicidas está a pasar o día na praia cando de súpeto soa unha canción que lle fai transformarse nunha tola e apuñalar até a morte a un mozo que pasaba por alí. A medida que a trama avanza, descubriremos que a canción desatou nela unha memoria reprimida e zzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzz
Por que mola: Que di a crítica que é moi interesante e impredecible. Eu, despois de ver o segundo capítulo, vou escribir a revelación final, metela dentro dun sobre, e abrilo en directo cando remate a serie.
Por que non mola: Diga o que diga a crítica americana, o guión para escrito cunha plantilla para dramas psicolóxicos con reviravolta final.
A quen lle pode gustar: A fans dos dramas psicolóxicos con reviravolta final. Iso si, que non sexan demasiado esixentes e se sorprendan facilmente.

Nota serióloga: 

Aquí ía poñer unha foto da serie, pero buscando atopei este anuncio que me flipou: non sei se Police é a marca e The Sinner a colonia ou ao revés, que a calquera das dúas opcións lle ronca ben, pero o frasco son unhas jodidas esposas.

PARA ESTAR GUAPA HAI QUE SUFRIR

Claws (TNT)

De que vai: A dona dun salón de beleza e as súas empregadas branquean cartos da droga para a mafia local, pero cando van cobrar os beneficios, os mafiosos tentan chulealas con interesantes consecuencias.
Por que mola: É unha volta do clásico drama mafioso, desta vez as protagonistas son mulleres traballadoras, e a súa forma de lidiar cos asuntos da mafia teñen moito que ver con como se relacionan entre elas e como son percibidas polos homes que teñen arredor. Como bonus, sae Carrie Preston.
Por que non mola: Aínda que a premisa sexa fresca, cae facilmente nos estereotipos de xénero e clase, e Dean Norris está tan pasado de rosca no seu papel de capo mafioso que case me fixo botar de menos os seus tempos de Under the Dome.
A quen lle pode gustar: A quen lle gusten os dramas cun toque de comedia negra, do estilo de Breaking Bad e Better Call Saul.

Nota serióloga: 




BILLY BOB THORNTON NON REMATOU DEREITO NIN PAGANDO

Goliath (Amazon)

De que vai: David E. Kelly tenta coller o ronsel de Better Call Saul cunha serie sobre un avogado vido a menos, que noutros tempos fundou un prestixioso bufete co seu amigo da alma -agora inimigo- e que mandou todo ao carallo polas súas malas decisións. Agora malvive entre un motel e o bar do lado, e leva fianzas de delincuentes comúns até que se lle presenta a oportunidade de vingarse do seu antigo bufete cunha demanda civil millonaria.
Por que mola: Todo mundo adora a Billy Bob Thornton e non serei eu quen lle leve a contraria. Alén diso, a historia xudicial ten intriga abondo como para seguir a serie (son 8 episodios).
Por que non mola: Basicamente é unha mestura de todos os estereotipos sobre o antiheroe, pero aquí levados até o paroxismo: o malo (o ex compañeiro de bufete) é tan malo que mesmo ten a metade da cara queimada, e só lle falta acariñar un gato; todas as mulleres que coñeceron algunha vez ao protagonista séntense irremediablemente atraídas por el; malia ser un alcohólico que malvive nun rocho, Billy Bob é o mellor avogado do mundo e impresiona a xuíces e outros avogados por igual coa súa habelencia xudicial; a conspiración contra el conta con matóns e polis corruptos...
A quen lle pode gustar: A fans moi fans dos dramas xudiciais, pero coa advertencia de que este é máis escuro que o que adoita facer David E. Kelly (The Practice, Boston Legal...)

Nota serióloga: 



Até aquí o que vin, como vedes faltan cousas deste ano que teño pendentes, como The OA, I’m dying up here ou Comrade Detective, pero xa me poño... Como curiosidade direivos que a maioría destas series son adaptacións de libros, e aínda que sempre houbo adaptacións, o volume destas lévame a confirmar a miña idea de que a terceira idade de ouro da televisión está cada vez máis kaput, e se cadra deberíamos volver a nosa atención a outras cousas. Aos libros nos que se basean, por exemplo.