Non vou ver todas as comedias que se estrearon este curso,
nin sequera unha terceira parte. Non hai dereito a que ninguén pase polo
suplicio de ver Sean Saves the World
ou We Are Men, pero como serióloga
teño que facer un sacrificio por vós, caro público, e por iso estas últimas
semanas estiven vendo máis refritos de comedias de situación dos 90 dos que sería
aconsellábel para unha persoa sensíbel coma min. E podo dicir con seguridade
que a maioría delas son un truño. Aí vai a lista pormenorizada:
MACFARLANE’S CHAINSAW
MASSACRE
Dads (Fox)
De que vai: dous
programadores de videoxogos modernos, despreocupados e con cartos quéixanse de
ter que compartir espazo cos seus pais, que non son nada modernos e non teñen
un can, aínda que semellan máis despreocupados aínda cós fillos.
Por que mola:
diría que porque ten actores moi versados na comedia (Seth Green, Giovani Ribisi, Tonita Castro, Martin Mull),
pero case dá máis rabia que non teñan unha serie mellor na que aproveitar o seu
talento. No primeiro episodio hai un cameo de Dan Castellaneta (Homer Simpson)
poñendo voces raras.
Por que non mola:
Seth Macfarlane é demasiado branco, guapo e millonario como para que os seus
chistes racistas e homófobos podan seguir sendo lidos en clave posmoderna.
Agora mesmo só é un abusón de escola meténdose co máis débil, e esa fórmula
aburre tanto por si soa que case nos fai esquecer outros horrores da serie,
como as risas enlatadas.
A quen lle pode
gustar: probabelmente a Peter Griffin, dubido que a ninguén máis.
Nota serióloga: ☆☆☆☆☆ (as
estrelas son negras, isto significa 0 estrelas)
LOCA ACADEMIA DE SNL
Brooklyn Nine-Nine (Fox)
De que vai: unha
comedia de situación nunha comisaría de policía, co axente que non segue as normas
pero é encantador, o xefe duro que non se anda con coñas, o axente torpe, a
axente bruta, a secretaria rara, etc...
Por que mola: porque
ten actores tan guais como Andy Samberg e André Braugher, e algunha actriz nova
da que hai estar moi pendente porque vai dar que falar (Chelsea Peretti). Tamén
molan os gags que fan con artistas convidados como Fred Armisen.
Por que non mola:
como acontece normalmente nas comedias, os primeiros episodios van por bo
camiño pero aínda lle falta atopar o seu ritmo.
A quen lle pode
gustar: a quen lle guste Andy Samberg e as curtas de Laser Cats de SNL, pero
tamén a calquera que aprecie as comedias de unha cámara da última xeración,
como The Office(NBC) ou Parks and Recreation.
Nota serióloga: ★★★★☆
BIG LOVE CON PROTAGONISTAS SIMPÁTICOS
Trophy Wife (ABC)
De que vai: unha
moza sexy e alocada casa cun home que xa leva dúas ex-mulleres e tres fillos ao
lombo, e por momentos semella que viven todos xuntos na mesma casa.
Por que mola: o
da familia disfuncional pode parecer un argumento trillado, pero neste caso
funciona. Os personaxes son moi graciosos e deseguida te enganchas con eles, e
os nenos non resultan insoportábeis, o que, en televisión, é dicir moito. O
piloto foi o mellor de todas as comedias novas con diferenza.
Por que non mola:
os dous capítulos que seguiron o piloto baixaron un pouco o ton e o ritmo, e
así e todo segue a ser a mellor comedia deste ano. Vaia, se cadra isto debería
ir no “Por que non mola” de todas as outras...
A quen lle pode
gustar: ao ser unha comedia familiar, abrangue un espectro máis amplo ca Brooklyn Nine-Nine, así que
practicamente a calquera, especialmente a quen lle gustasen os primeiros
episodios de Modern Family e agora xa
estea até o carallo deles.
Nota serióloga: ★★★☆☆
NIN TODO O
HISTRIONISMO DO MUNDO
The Crazy Ones (CBS)
De que vai: Robin
Williams e Sarah Michelle Gellar son pai e filla e teñen unha axencia de
publicidade na que asinan contratos millonarios con McDonalds e así...
Por que mola: malia
que os guionistas deseñaron a serie sen máis premisa inicial que o talento de
Williams e SMG, son os personaxes secundarios os únicos que aportan algo
fresco. Hai actores novos moi brillantes e esperamos que a cancelen pronto para
velos en series de máis calidade.
Por que non mola:
imaxino todas as reunións de traballo na sala de guionistas comezando con esta
frase: “Temos a Robin Williams, para que escribir? Que poña voces graciosas e
xa... Alguén quere baixar ao bar?”
A quen lle pode
gustar: non sei que dicir, a min gústame moito SMG e tolero bastante ben a
Robin Williams, e nin así...
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
SE É CERTO QUE VOLVEN OS 80,
QUERO JACO PARA VER ISTO
The Goldbergs (ABC)
De que vai: É
unha comedia familiar na que se supón que vemos como eran os 80 (para quen non
o lembre) a través dos ollos dun neno repunante que se parece moito máis a
Carlitos de Cuéntame que a Kevin
Arnold.
Por que mola: diría
que por ver a xente xogando con cubos de Rubik, polas cores flúor e continuas
referencias a Flash Dance, E.T. ou The Goonies, pero como xa levamos case 10 anos metidos nun revival
oitenteiro insoportábel, o raro sería non atopar ningunha desas cousas nunha
comedia ambientada na actualidade.
Por que non mola:
non ten nada demasiado horríbel, pero tampouco nada gracioso, en cada capítulo
hai como moito un momento no que podes chegar a esbozar un medio sorriso. O
neno pequeno é repulsivo e debe morrer.
A quen lle pode
gustar: a quen vexa calquera cousa que dan pola tele con tal de que o
formato sexa sitcom de 20 minutos.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
LOS SERRANO CON
PARKINSON
The Michael J. Fox Show (NBC)
De que vai:
Michael J. Fox ten parkinson e unha familia televisiva.
Por que mola: Michael
J. Fox (aka Alex Keaton aka Marty McFly aka Calvin Klein, ou Levis Strauss na
versión dobrada) é dos poucos que souberon pasar de ídolos xuvenís a bos
actores, malia gustarme máis cando fai de malo (The Good Wife), e a súa compañeira de reparto é Betsy “Jesus Christ Marie” Brandt.
Por que non mola: sitcom
familiar, blabla, pai parvo e nai perfecta, blabla, tres fillos co patrón
parvo-lista-entrañable, blabla, persoa de fóra do núcleo familiar (neste caso a
cuñada) que crea conflito, blabla... O único que ten de orixinal é que o
protagonista ten parkinson e fai chistes de parkinson.
A quen lle pode
gustar: a fans incondicionais de Michael J. Fox.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
TAKE CAR, GO TO MUM’S,
KILL PHIL, GRAB LIZ, GO TO THE WINCHESTER...
Man Down (Channel 4)
De que vai: un
desastre de profesor cuarentón que aínda vive cos seus pais tenta tomar as
rendas da súa vida (to man up) para recuperar á súa moza. A premisa é moi
parecida a Shaun of the Dead, pero
sen zombis (polo de agora).
Por que mola: ten
personaxes e situacións que lembran a The
League of Gentlemen (canto a boto de menos). Os protagonistas son
perfectos, e o pai de blabla é nada máis e nada menos que Rick FUCKING AWESOME
Mayall, mundialmente coñecido por The
Young Ones, Bottom e The New
Statesman.
Por que non mola:
ás veces confía demasiado nos chistes de caca-culo-pedo-pis, pero despois de
todo son británicos.
A quen lle pode
gustar: a fans de Rick Mayall, para empezar. A fans de The League of Gentlemen, The Inbetweeners
e das comedias británicas en xeral.
Nota serióloga: ★★★★☆
A REACCIÓN DE
CALQUERA DE NÓS Á TEORÍA DA CONSPIRACIÓN
The Wrong Mans (BBC Two)
De que vai: Sam
colle a chamada dun móbil que se atopa nos restos dun accidente de tráfico, e
por culpa diso el e o baldreu do seu amigo Phil vense sumidos nunha
conspiración de alta escala.
Por que mola: Sam
e Phil son moi críbeis no papel de pringaos que viron demasiadas películas de
Hollywood. A conspiración en si é tan ridícula que engancha.
Por que non mola:
sei que vai soar raro para estar a falar dunha comedia británica, pero algunhas
partes son esaxeradas de máis.
A quen lle pode
gustar: mais unha vez, a fans de Mayall e Edmonson, Wright e Pegg, The
League of Gentlemen, e os grupos de humoristas británicos en xeral.
Nota serióloga: ★★★★☆
SITUACIÓNS
EMBARAZOSAS (TAMÉN PARA O PÚBLICO)
Hello Ladies (HBO)
De que vai: un
tipo que non liga porque ten cero habilidades sociais intenta ligar e métese en
situacións violentas que fan que as mulleres ás que lle entra se sintan tan mal
coma os espectadores na casa.
Por que mola: os
actores que acompañan a Stephen Merchant na súa procura de amor son graciosos,
máis nada. É a típica serie na que convén ten un ollo posto porque poida que se
acabe convertendo nunha boa comedia despois duns cantos episodios.
Por que non mola:
é unha nova versión de The Office,
a comedia que nos fai sentir vergoña allea e ao mesmo tempo mágoa polo
protagonista, mais sen o carisma de Ricky Gervais.
A quen lle pode
gustar: a fans de Stephen Merchant e Ricky Gervais.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
(con
reservas)