Tuesday 3 September 2013

vinte e pico mortes televisivas que chorei (primeira parte)

Aviso para navegantes.
Acabo de volver das vacacións e xa ando con outra lista na cabeza. Porque a tempada de verán viu cargada de mortes televisivas, desde todas as ridículas de Under the Dome, até as dolorosas de ver, como o brûlé de Eric a les fines neiges en True Blood (máis vos vale que iso só sexa un puteo e non pasase realmente, guionistas de True Blood!) ou as tráxicas mortes de Ray Seward e de Bullet, a mellor personaxe de The Killing con diferenza (e que se parece moitísimo a unha rapaza que me ven polo bar, co cal desde que vin o capítulo da súa morte conmóvome estrañamente cada vez que me pide unha caña, e danme ganas de pregarlle que nunca, baixo ningunha circunstancia, se suba a ningún taxi). No medio de todas esas, a metamorte de James Gandolfini, que encaixa tanto dentro do seu personaxe de Tony Soprano que case dá medo (teño pendente un post sobre como a canción “Don’t Stop Believing” de Journey está máis maldita ca Rosemary’s Baby, xa van dous actores principais de series onde ese tema tivo un gran protagonismo que morren en estrañas circunstancias).

O caso é que con este andazo de pasamentos  viume á cabeza aquela lista de personaxes que merecían ser atropelados por un trailer (por que, no nome de Zeus, esquecín a Betty Draper daquela?) e pensei en facer unha diferente, coas mortes televisivas que lamentei (esta última é máis longa, para demostrar que non son un monstro sen corazón). Chanquetes aparte, é certo que a morte dun personaxe de ficción ao que sigo todas as semanas me pode impactar máis cá da unha persoa real que non coñezo de nada. Se cadra non é bonito, pero coido que é xustificable, porque os sentimentos que espertan en nós eses personaxes si que son moi humanos. Lembro cómo chorei cando souben da morte de Joey Ramone, ou cómo aínda se me escapa unha bágoa cando vexo o video-clip homenaxe a Joe Strummer, pero non sentín nada diso cando me dixeron que morrera o primo terceiro do meu avó, que seguramente sería unha gran persoa, pero non aportou nada á miña existencia.

Sexa como for, houbo personaxes aos que eu chorei amargamente cando nos deixaron para sempre uns centos de minutos antes cós seus co-protagonistas, o mesmo que chorei os seus desenganos amorosos, despedimentos e tamén as súas vodas. Velaquí a miña lista:

20. Nicole Chapman (Fame, Tempada 6 Episodio 11)


Malia non estar na serie desde o principio, Nicole era unha das miñas personaxes preferidas de Fame, supoño que porque como nena me identificaba máis facilmente con ela que co resto de mulleres máis seguras e fortes da serie. O coñazo de episodio no que todos choran a súa morte nun accidente de tráfico estaba pensado como unha desas películas educativas da escola: se bebes non conduzas. A min, as circunstancias exactas do seu pasamento resultáronme determinantes á hora de lembrar poñer sempre o cinto de seguridade.

19. Maggie Gioverti (Falcon Crest, Tempada 9 Episodio 1)


Unha das máis antigas desta lista, e que me causou moita impresión de cativa. Despois de ser un personaxe aburridísimo durante anos, Maggie Gioverti, agora señora de Richard Channing, disfruta dun baño na piscina da súa mansión cando o pedrusco do seu anel de diamantes se engancha no filtro do fondo, e non é quen de quitalo. Mentres, Richard sae da prisión, encamíñase a casa sen sospeitar nada, recibe as duras novas na porta, e por algunha estraña razón un paxaro morre en Biafra e un neno corre cara el, na que pode ser a montaxe máis terríbel da historia da televisión.

18. Bleeding Gums Murphy (The Simpsons, Tempada 6 Episodio 22)



Nin Maude Flanders nin Snowball I, II e III. A morte máis chorada dos Simpson foi a do músico de jazz Bleeding Gums Murphy, que lle aprendeu a Lisa a sentir o saxo e que despois de morrer aparecéuselle no ceo (xunto con algúns outros personaxes doblados por Constantino Romero) para darlle sorte no seu recital.

17. Aileen Morgan (Homeland, Tempada 2 Episodio 7)


Mira que hai listas coma esta en internet e en ningunha delas fun capaz de atopar a Aileen, a terrorista autóctona de Homeland que decidiu suicidarse antes de pasar a vida nunha cela de illamento. O seu personaxe espertou dúbidas interesantes, como por exemplo qué fan os Estados Unidos cando os malvados terroristas que queren acabar coa torta de mazá e os Chevrolet non teñen turbante, senón que son da casa, e para colmo rapazas loiras de ollos claros (non hai moito misterio aí, métenos en Guantánamo, como a calquera outro). O mellor, aparte da súa morte planeada (da que xa falei polo miúdo aquí), foron as dúas conversas que tivo con Saul: a primeira, cando el a detivo e tentou “evanxelizala” nunha viaxe por estrada, e ela deixoulle claro que as súas conviccións, fosen as que fosen, eran dela, e que non se trataba dunha meniña influenciábel á que islamizara o mozo a pirolazos. A segunda conversa, para min a mellor, cando el a foi visitar a á prisión de máxima seguridade na que a metera, e malia mandar xente alí todos os días, o axente da CIA non tiña nin idea das condicións nun lugar así.

16. Gregory (The Americans, Tempada 1 Episodio 10)



Estou convencida de que The Americans vai ser considerada unha serie de culto no futuro, así que non teño problema para meter a Gregory nesta lista, malia aparecer só nunha presada de episodios. Gregory é un personaxe polo que todos nos inclinamos desde o primeiro minuto (un Black Panther que axuda a unha axente do KGB coa que tamén está liado nunha relación aberta? eu digo que é un partidazo!), un tipo duro onde os haxa, e cando Claudia (outra das favoritas) lle fixo unha visita no seu piso franco e puidemos palpar o seu medo, todos o pasamos tan mal coma el. Despois, o seu conmovedor discurso pedíndolle a Elizabeth unha saída digna como combatente que era, e o final apoteósico do episodio, contrastaron coas mortes menos cerimoniosas de outros personaxes aparentemente máis heroicos como o estúpido axente Amador ou o coitado Vlad.

15. Salvatore “Big Pussy” Bonpensiero (The Sopranos, Tempada 2 Episodio 13)



Nas seis tempadas de The Sopranos hai unha chea de mortes impactantes, final aberto incluído. Moita xente dirá que a máis tráxica foi a de Adriana por ser familia directa de Tony e porque o capítulo da súa morte foi moi sentimental, sobre todo por estar tan centrado nas decisións de Chris coma nas da propia Adriana. Para min a máis graciosa foi a de Jimmy Altieri por ser o perfecto equilibrio entre traxedia e comedia (“you smell like Paco Rabanne crawled up your ass and died”) que se deixaba ver nos mellores momentos da serie. Pero sen dúbida a que supuxo un punto sen retorno para Tony foi ter que matar o seu amigo e man dereita “Pussy” Bonpensiero, o que fai que o seu recordo siga perseguindo a todos en moitos episodios trala súa morte.

14. Unhas cantas mortes en Urxencias (E.R.)

Como bo culebrón, E.R. foi responsábel de centos de mortes televisivas nas súas quince tempadas en antena, algunhas delas moi curiosas.


Lembro a de Lucy Knight porque a forma en que decidiron matala foi máis creativa do normal: un psicópata é admitido en urxencias o 14 de febreiro, e como Lucy lle fai dano ao lle facer unha punción lumbar, el decide devolverlla... co coitelo da torta de San Valentín. (Tempada 6 Episodios 13 e 14)


Tamén está o capítulo de moralidade ambigua, na que un home tirotea unha casa de acollida porque perdeu a custodia do seu cativo. Despois de que mate a varios nenos e adultos, a policía fíreo. Cando está só no ascensor co doutor Greene, camiño do quirófano, entra en parada, e o bo doutor acende o desfibrilador pero descarga as pás no ar, a uns centímetros do peito do tío, mirando con cara de anxo vingador mentres o home morre lentamente. (Tempada 7 Episodio 22)


Pero como os dramas dos 90 tiñan un sentido hamurábico da xustiza, os deuses da tele non tardaron en darlle un cancro terminal ao doutor Greene, e a súa morte en Hawai en brazos da súa muller a doutora Cordey, e a carta que posteriormente ela mandou á equipa de Urxencias para comunicarlles o pasamento, foron dúas das escenas que si me fixeron chorar. (Tempada 8 Episodios 20 e 21)


O doutor Romano, o Cartman de E.R.,  era un dos meus personaxes preferidos, e a súa morte foi un pouco demasiado: primeiro, nunha evacuación de emerxencia, a aspa dun helicóptero rebanoulle un brazo, co que non puido volver operar; despois, nun xiro de (in)xustiza poética, noutra das moitas situacións de desastre que se vivían no County General, outro helicóptero rematouno ao lle caer enriba. E para culminar o agravio, a doutora Weaver, que decote era o obxecto das súas burlas homófobas, usou os cartos do seu seguro para fundar un programa médico para homosexuais. (Tempada 10 Episodio 8)


Malia ser bastante canónica, E.R. durou tanto que ás veces se podían permitir dedicar algúns capítulos a experimentar, con puntos de vista pouco habituais ou escollas visuais estrañas. Un deses episodios trataba dun ex-preso (Ray Liotta) que ía morrer ao servizo de Urxencias, e estaba narrado en tempo real. Dicir que foi un dos episodios que mellor lembro de 331 que houbo explica porqué está nesta lista. (Tempada 11 Episodio 6)

13. Lane Pryce (Mad Men, Tempada 5 Episodio 12)



Os fans de Mad Men gustan das teorías conspiranoicas. A deste ano, que non se realizou malia que eu aínda defendo que é plausíbel para a vindeira tempada, era que Megan Draper ía atopar unha morte moi semellante á de Sharon Tate a mans da familia Manson, e todo por unha escolla moi acertada de vestiario. A tempada pasada, todos os presaxios de morte apuntaban a Pete Campbell ou a Roger Sterling, pero finalmente foi Lane Pryce o que nos deixou dun xeito máis ben patético, iso si, despois de tentar unha saída tráxica e grandilocuente como el era: quíxose suicidar usando o tubo de escape do seu novo Jaguar, unha metáfora perfecta para culpar a conta publicitaria que o levara á ruína, pero no último minuto o motor do coche fallou, non foi quen de amañalo, e rematou aforcándose na súa oficina, convertendo así unha saída “digna” nun engorro para todos os seus compañeiros (unha serie de metáforas visuais que poderían ter sido moi torpes pero que Christopher Manley dirixiu con sutileza).

12. Os dinosaurios. TODOS os dinosaurios (Dinosaurs, Tempada 4 Episodio 7)



Moitas veces as series infantís tentan achegar a temática da morte aos cativos para preparalos para aceptar unha parte fundamental da condición humana. Isto faise con fins máis didácticos ca lúdicos, e normalmente os educadores detrás da serie escollen a morte dunha mascota ou dun personaxe secundario (que de seguro é moi ancián e viviu unha vida plena e feliz) para ilustrar o sentimento de perda dunha forma non demasiado traumática para os espectadores.

Despois están os xenios criminais detrás da serie infantil Dinosaurs, que decidiron matar dous paxaros dun tiro e resolver os contidos transversais da morte e o respecto polo medio ambiente nun só capítulo, e de paso aterrorizaron a toda unha xeración amosando non só a morte de todos os protagonistas da serie senón a extinción completa dunha especie. Coido que é a primeira vez que vemos a morte dun bebé (dinosaurio si, pero tamén antropomorfizado) en horario infantil.

11. Gale Boetticher (Breaking Bad, Tempada 3 Episodio 13)


De acordo que Gale tiña que morrer no excelente episodio “Full Measure” porque a outra opción sería que morrese Walt, e daquela aínda non estabamos preparados para iso (por non falar de que remataría a serie) pero Gale era un tipo tan entrañable que é difícil non botalo de menos: inventou un cachivache para facer o café perfecto, idolatraba a Walter White, lía a Stephen King e a Marx, e cantaba “Crapa Pelada” en (ehem) perfecto italiano. Como recordo ao seu (inmortal) xenio, e para pechar esta primeira parte nunha nota alegre, velaí o vídeo completo da súa sesión de karaoke:


No comments:

Post a Comment