Friday 19 July 2013

os meus Emmy (hoxe, o drama)

Por algunha razón, a prensa toda tolea cando saen as candidaturas dos Emmy e os medios falan de tontadas como “os Oscar da tele” ou asumen que o sistema de candidaturas e votacións representa a alguén máis que á propia industria. De aquí ao verán que ven, as televisións van anunciar os seus produtos coa cantilena “candidata ao / gañadora de un porrón premios Emmy”. Pero, malia ás veces coincidir, os Emmy están moi lonxe de premiar a calidade como o facían cando en 1973 La Cabina gañou un por mellor curtametraxe de ficción.

Agora mesmo, os Emmy non son máis ca unha cerimonia soporífera na que uns velloucos executivos de cadeas de televisión que hai 30 anos que non se enteran de cómo funciona a tele xogan a darse palmadiñas no lombo e premiarse entre eles porque... son familia? se meten tiros xuntos nos baños da HBO? Non sei exactamente porque se premian, nin qué criterio estraño seguen para seleccionar candidatos, pero o caso é que se xuntan, póñense elegantes e danlle todos os premios a Modern Family, que de modern xa vai tendo máis ben pouco.

E como non podo cambiar isto, nin influír nos medios de comunicación para explicarlles que o proceso de candidatura e votación dos premios está viciado (pero viciado de MDMA e farlopa, eh? Que se non, non se entende o de propoñer a Kerry Washington como mellor actriz por Scandal...) decidín que vai ser mellor facer as miñas propias candidaturas, cando menos as das categorías principais. Molaría moito que entrásedes a votar, e así a primavera que ven alugamos un dos corenta auditorios baleiros de Caixa Galicia, contratamos a Neil Patrick Harris ou algún equivalente galego (admítense suxestións), e dámonos palmadiñas no lombo coma os executivos da HBO. Eu poño o batido de vainilla.

Tachán, tachaaaaaannn!! Señoras e señores, presentámoslles as candidaturas dos premios máis molóns do blogomillo. Xa están aquí...


Mellor serie dramática

Os señores dos Emmy aceptaron Breaking Bad e Game of Thrones porque se non probabelmente habería unha revolta popular con fachos ardendo e galletas (das de pinchar, non das de comer) dirixíndose cara a Los Angeles agora mesmo. Total, non lles teñen que dar o premio, que vai ser para as favoritas Mad Men (eu penso que os executivos de LA queren ser Don Draper), Homeland ou House of Cards. O de Downton Abbey, que é unha telenovela entretida, supoño que é porque, a pesar de todo, os americanos aínda son uns acomplexadiños que pensan que calquera cousa con acento británico é boa. A maioría son escollas que non entendo, sobre todo tendo en conta que ese ano se estrearon as mellores series que vin nos últimos tempos, e ningunha delas pasou a criba.

As miñas series candidatas (e paréceme unha competición moi difícil) son:


* todo o mundo sabe que non vexo Xogo de Trolls, pero si que leo as críticas. Ademais, teño medo de que dous dos lectores deste blog aparezan na miña casa cun facho ardendo e unha galleta na man.

Mellor actor principal na categoría de drama

Non me fagades falar. Hugh Bonneville só está aquí porque Downton Abbey é candidata a mellor serie- E Jeff Daniels? Por que, por ser capaz de repetir os discursos histriónicos de Aaron Sorkin sen tatexar?

En fin, os meus candidatos:

Bryan Cranston (Breaking Bad)
Matthew Rhys (The Americans)
Aden Young (Rectify)
Andre Braugher (Last Resort)
Timothy Olyphant (Justified)
Hugh Dancy (Hannibal)


Mellor actriz principal na categoría de drama

Daquela o único que tes que facer para optar a este premio é abrir moito os ollos coma un debuxo manga, facer tremer o beizo inferior, e aparentar que estás a piques de botarte a chorar como Kerry Washington en todas e cada unha das escenas de Scandal... En cambio se interpretas a sete personaxes totalmente diferentes de forma críbel e honesta, non tes sitio nos Emmys? Ugh, Emmys, matádesme!

As miñas candidatas aos (moito máis molóns) Seriologgy™ son:

Tatiana “podo nominala sete veces?” Maslany (Orphan Black)
Keri Russell (The Americans)
Elisabeth Moss (Mad Men)
Juliana Margulies (The Good Wife)
Anna Torv (Fringe)
Katey Sagal (Sons of Anarchy)



Mellor actor de reparto na categoría de drama

Semella que aquí os académicos decidiron achegarse un pouco máis á realidade, malia que hai ausencias notábeis que eu vou corrixir xa mesmo (e que conste que sinto na alma non poder meter aquí o meu moi chorado Mike - Jonathan Banks - pero penso que os outros dous secundarios de Breaking Bad son indiscutíbeis, e tres xa me parecía abusar... ).

Os meus candidatos son:

Noah Emmerich (The Americans)
John Noble (Fringe)
Aaron Paul (Breaking Bad)
Dean Norris (Breaking Bad)
Vincent Kartheiser (Mad Men)
Jordan Gavaris (Orphan Black)



Mellor actriz de reparto na categoría de drama

Como #browncoat orgullosa, con gran dor do meu corazón, teño que protestar pola nominación de Morena Baccarin para calquera categoría en calquera serie porque seguramente sexa unha gran persoa pero é unha pésima actriz. O resto sen novidade, é a categoría que menos cambiou nos últimos tres anos.

As miñas candidatas, se servise de algo, son:

Margo Martindale (The Americans)*
Christina Hendricks (Mad Men)
Christine Baranski (The Good Wife)
Annet Mahendru (The Americans)
Kristin Bauer van Straten (a única razón pola que sigo vendo True Blood)
Lana Parrilla (Once Upon a Time)


*sei que nas candidaturas dos Emmy foi como actriz invitada, pero supoño que iso foi porque na categoría de secundaria non tiña ningunha posibilidade. Como nos Seriologgy™ ten todas as posibilidades do mundo porque é simplemente xenial, decidín ascendela a esta categoría, onde debera estar por dereito propio.

E como xa falei dos peores intérpretes de drama, vou inaugurar unha nova categoría para facer as delicias de cativos e adultos. Con todos vostedes, o que estabamos a agardar todas as rosmonas cheas de odio que habitan nestes blogs de dios:

Peor serie dramática (que, o mesmo que a mellor, este ano está incribelmente reñida)


Quen é o personaxe máis parvo da televisión? Charlie tropezando e tomando decisións estúpidas en cada episodio de Revolution ou Kevin Bacon deixando escapar asasinos en serie en cada capítulo de The Following? Alguén me pode explicar a lóxica interna de Zero Hour? Por que ninguén denunciou 666 Park Avenue por plaxio ou simple mal gusto? Quen elixiu o suxerente título de The Mob Doctor? Por que segue existindo Falling Skies despois de Jimmy (RIP Jimmy)? Cando imos descubrir que o Presidente dos Estados Unidos organizou o 11S e a morte de Manolete para poder tirarse a Olivia Pope? So viele Berichte. So viele Fragen.