Estou bastante afeita a escoller unha serie como a sorpresa
da tempada e que a cancelen case coma se os executivos das cadeas
estadounidenses lesen este blog e buscasen formas crueis de burlarse de min (Awake, Last Resort). Tamén estou afeita a que series que comezaron sendo
boas ou cando menos entretidas vaian entrando aos poucos nunha espiral de
inwatchabilidade (perdón polo galinglish, non se me ocorre outro termo para
dicir unwatchable sen que sexa invisíbel, que non é o que quero dicir, vaia
tradutora) até que miralas cada semana se converte nun trámite aburrido (The Office, The Big Bang Theory, How I
Met Your Mother). O que non me esperaba é que fixo Homeland hoxe. Iso si que non o esperaba, e estou cabreada.
En palabras de Saul:
Para explicar o meu cabreo vai ser mellor que empece por
contar qué pasou no capítulo de hoxe de Homeland,
pero para iso teño que remontarme aos capítulos anteriores, porque hai máis de
quince días que non publico unha entrada nova (unha crítica por semana? a quen
quería enganar?). Á luz da nova deriva do guión non estou segura de poder ser
moi xusta resumindo os capítulos anteriores porque non deixo de pensar no
estúpido que foi todo o que aconteceu esta semana, tan estúpido que case anula
todas as xenialidades previas desta tempada, nun claro caso de Lostitis aguda,
pero vou tentar compartimentar.
E iso, spoiler alert, blablabla.
Homeland (Tempada 2, Episodios 7, 8 e 9) ★★★★☆
Pasaron unha chea de cousas nestes tres episodios: Brody e
Carrie liáronse outra vez! Saul e o resto da CIA escoitaron con cara de
circunstancia cómo Brody e Carrie se liaban outra vez! Volveu Aileen! Morreu
Aileen! O fillo de Brody tivo dúas frases no diálogo! Virgil! Adoro a Virgil.
Vou tentar ir por orde.
En The Clearing, o
primeiro deses tres episodios, Roya Hammad díxolle a Brody que por culpa da
operación nada secreta nin delicada de Gettysburg perderan algúns homes, e que
precisaba que el estivese máis involucrado na célula terrorista. A el pareceu
non facerlle moita graza, pero non se tiña por que preocupar, porque o seu
labor consistía en ir pasar a fin de semana á mansión dun millonario con festas
na piscina, paseos polas cortes e demais, e de paso “estar perto do
vicepresidente”, o cal a min pareceume unha misión un pouco chorras, pero que
saberei eu, nunca dirixín unha célula terrorista. Dana seguiu dando a barrila
con que había que contarlle aos maiores que atropelaran unha vella, e Finn non
quería nin de coña, pero comezaron a discutir por iso e finalmente as mamás
descubriron todo. Entón Morena Baccarin primeiro e Brody despois comportáronse
como auténticos necios, querendo ir á policía a explicar que o fillo do
Vicepresidente dos EUA e a filla do futuro Vicepresidente dos EUA atropelaran
unha muller, déranse á fuga e deixárana morrer na rúa. Que clase de carreira
política pretendían ter estes dous? Hai dous capítulos Morena Baccarin estaba
toda tola coa idea de ser Segunda Dama? Viceprimeira Dama? pasase o que pasase
e agora escandalízase porque a muller do Vicepresidente non quere oír falar de
ir á policía coa historia do atropelo e fuga? Non hai quen a entenda.
Vouvos aforrar o suplicio desta liña argumental: Brody
acompañou a Dana á policía a contalo todo; Carrie interceptouno e explicoulle
que nin de coña podía xogar ao pai honrado cando a seguridade nacional estaba
en xogo e blablabla; Dana chinouse con el por non deixarlle contalo e porque
foi Carrie, a amante tarada, a que llo impediu; Dana marchou a casa de Mike,
nun movemento que eu diría que foi do máis intelixente que fixo esta rapaza
desde que comezou a serie, porque se es unha adolescente cabreada e de verdade
queres ferir ao teu pai, escapa del e vai pasar uns días á casa do seu
ex-mellor amigo/ex-amante da túa nai; Mike levouna a ver a filla da señora
morta, moito máis realista e espabilada que Dana, quen lle dixo que tivese a
boca calada porque a oficina do Vicepresidente estaba a pagarlle un pasturcio
para que non lle contase a ninguén o do atropelo; fin da horríbel historia do
atropelo e fuga. Para o único que serviu todo isto, aparte de para ver suspirar
a Dana aínda máis, foi para estresar a Brody até o punto de dicirlle a Roya que
mandaba todo á merda e que pasaba de Abu Nazir, o que á súa vez levou a Carrie
a “secuestrar” a Brody para reprogramalo, e ao sexo escoitado por toda a CIA e
parte de outras axencias, e a que Abu Nazir secuestrase a Brody para re-reprogramalo.
Pero a iso xa chego agora.
As decisións estúpidas ás veces comezan cunha aperta. |
E agora, un exemplo de trama secundaria que tampouco leva a
ningures pero que, ao contrario cá de Dana, susténtase por si propia e é
entretida e conmovedora como para non decepcionarnos cando vemos que non ten
relación coa trama xeral: Saul e Aileen. Resulta que grazas a seguir a Roya
Hammad, a CIA tiña fotos dun novo terrorista con cara de terrorista pero non
sabían quen era, e a falta dunha pista mellor Saul decidiu ir á Prisión de
Máxima Seguridade do Carallo 29 para tentar sacarlle información a Aileen, a
terrorista americana que detiveran na anterior tempada. Esta premisa é un pouco
frouxa porque dubido que entre a CIA e os carcereiros Aileen non estivese xa
sen uñas, moas e dignidade para que revelase toda a información pertinente
sobre toda Al Qaeda, pero o que viu a continuación foi bonito. Saul atopou a
Aileen nun rocho de 2x2 no soto da prisión, e cando ela lle dixo que só ía
falar con el fóra da cela, el preguntou, estrañado “e logo que ten isto de
malo?”. MecagonaCIA, o primeiro golpe no estómago. Foron a unha sala cunha
fiestra, desde a que se vía unha paisaxe moito máis aceptábel da que (segundo a
miña pouca experiencia) se ve desde algunhas prisións españolas, o cal foi unha
sorte para Aileen, porque non tiña pensado voltar á cela. O que seguiu foi un
xogo de poder entre Aileen, unha prisioneira totalmente rota, e Saul, un
veterano da CIA con centos de horas de traballo de campo ao lombo, e a min
pareceume poético. El tentou que Aileen confiase nel, ela non o fixo, malia que
había deportividade na súa contenda, e finalmente foi Saul o que confiou nela,
que o enganou, e aproveitou a súa debilidade para quedar pechada a soas cuns
lentes e cortar as veas co cristal. E Saul pareceu xenuinamente triste por
perdela, o que contrasta máis coa súa actitude ao comezo do episodio, cando lle
pareceu que un rocho sen luz no soto dun edificio de cemento era un sitio máis
que aceptábel para pasar 23 horas ao día. Esta foi unha historia coa que non me
pareceu que estivese perdendo o tempo, ben espaciada ao longo do episodio e
executada, o mellor que dá Homeland cando
non lle dá por mandalo todo á merda e converterse en 24... En fin, sigamos.
O que tamén pasou neses tres episodios foi que Quinn se
recuperou coma se nada do tiroteo de Gettysburg, e que Quinn é claramente malo.
Saul andaba coa mosca detrás da orella, así que mandou a Virgil e a Robin (non
sei como se chama o compañeiro de Virgil, pero en serio, desde agora Virgil e
Robin e o Virgilmóbil) a osmar ao seu piso, e fixeron un traballo de primeira,
coma sempre que se lles encarga algo a eses dous XENIOS: descubriron que Quinn
non é quen di ser, é un paranoico da seguridade e ten reunións secretas moi
pouco discretas cun tipo da CIA que se dedica a operacións especiais, así que sabemos
que Quinn máis que analista é un asasino. Resulta que Estes o puxo ao mando da
operación de Saul e Carrie non só para botarlles un ollo, senón para eliminar a
Brody cando este xa non fose necesario. No último destes tres fantásticos
episodios, mentres a CIA desenvolve a operación contra a Abu Nazir, Quinn faise
pasar polo chófer de Brody para matalo en canto lle dean a confirmación, pero
por sorte Abu Nazir escapa e Estes anula a orde no último minuto.
O que nos leva a Brody e Abu Nazir, Brody e Carrie. Gústame
como a serie explotou esas dúas relacións até agora: na primeira tempada
explicáronnos que Abu Nazir rompera a Brody durante o seu cativerio até que non
quedaba nada del e despois recompuxérao e déralle amor e un sentimento de pertenza, e para min foi críbel a
maneira en que todo iso se foi revelando, como cando Brody lle explicou a
Carrie na cabana do bosque que el realmente amaba a Abu Nazir. A segunda
tempada tratábase de volver atraer a Brody cara ao lado americano da guerra, e
por moito que o ameazasen e Quinn lle atravesase a man cun coitelo, a que
estaba a facer o delicado traballo equivalente ao de Abu Nazir era Carrie,
querendo ou sen querer, e houbo un paralelismo evidente nas dúas historias:
Carrie capturou ao Brody soldado de Abu Nazir en New Car Smell, Carrie rompeuno facéndolle cuestionarse a súa
relación con Abu Nazir, con Isah e coa súa propia familia nos capítulos
seguintes, e finalmente Carrie tendeulle a man e amouno (máis literalmente que
Nazir) en I’ll Fly Away, mentres
Peter Quinn se regodeaba e Saul parecía un pai preocupado e asqueado. E, do
mesmo xeito que fixera Nazir cando lle deu a Brody unha palmadiña no lombo e
lle dixo “hala, a atacar o teu país”, ao día seguinte da súa noite de amor
Carrie deulle unha palmadiña no cu e díxolle “hala, a infiltrarte na rede de
Nazir”.
Despois diso Nazir fixo unha viaxe aos EUA aparentemente só
co obxecto de secuestrar a Brody, o cal é un pouco ida de olla, porque o alter
ego de Osama Bin Laden non se vai pasear polas pataqueiras de Idaho coma se
nada para convencer a un axente dobre que o está traizoando de que volva ao
rego, pero como até o de agora Homeland sempre
nos recompensara con historias que ían a algures, deixámolo pasar cun pouquiño
de “suspension of disbelief” (outra cousa que non sei como se di en galego).
Total, que Nazir secuestrou a Brody, que debe de tomar Nervocalm de almorzo,
porque non fan mais que levalo e traelo, soltouno, e nun dos momentos que
fixeron a Homeland unha serie
maxistral, vimos por medio dun flashback o que Brody lle contaba a Carrie que
pasara, pero nunca o que pasara realmente, co cal seguiamos sen ter claro se
estabamos perante un axente dobre, triplo ou elevado a infinito. A CIA
coordinou unha operación para deter a todos os malos do mundo, na que caeron
Roya Hammad e unha chea de extras que estaban cargando explosivos nunha
furgoneta das noticias de forma moi pouco discreta, o cal me fixo pensar que toda a historia dos explosivos fora un cebo, e, como xa dixen, Nazir non
estaba alí así que Estes e Quinn abortaron a Operación Rick Astley (que é o
nome que lle darían ao plan para matar a Brody se os que poñen os nomes das
operacións na CIA fosen os mesmos que os que poñen os nomes das da Guardia
Civil Española).
Alén diso, a familia de Brody está nun piso franco da CIA
mentres dura a operación (non sei se o termo “chabolo franco” está aceptado,
pero pedazo chabolo); Morena Baccarin
volveuse liar con Mike, o peor mellor amigo do mundo, o cal espero que lles
fixese aliviar tensión sexual e deixar de ser tan lánguidos e insoportábeis; e
o fillo de Brody dixo algo sobre que auga da piscina estaba boa e que as
pantallas planas molan. Por dios, dádelle algo que facer a ese rapaz!
O que por fin nos leva a:
Homeland (Tempada 2, Episodio 10) ★☆☆☆☆
NOTA: doulle unha estrela porque pasaron cousas, e supoño
que a iluminación non estivo mal.
O episodio chámase Broken
Hearts, o cal é revelador, porque así me sentín eu.
Daquela, nalgún punto entre o capítulo anterior e este, Homeland, aquela serie chea de matices e
caras escuras, converteuse en 24, os
putos Estados Unidos do Ben contra as Forzas do Mal con Turbante (non esaxero,
acabo de miralo e o seguinte capítulo chámase The Motherfucker with a Turban).
Neste episodio Brody volve ao piso franco e atópase con
Morena Baccarin e Mike, o peor mellor amigo do mundo, todos postcoitais e
incapaces de disimular. Pasa deles e tenta pasar algún tempiño cos fillos, para
compensar por poñer as súas vidas en perigo e iso. Chama Carrie, Morena
Baccarin enfádase pero a quen lle importa, porque Brody está feliz como unha
perdiz falando en plan adolescente con Carrie, a lo “colga ti primeiro”, e
Carrie está a piques de chegar á CIA e poñerse a garabatear “Señora de Nick
Brody” e corazonciños en todos os informes clasificados. Pero de súpeto un
recurso argumental manido lánzase contra o seu coche, e adeus Carrie,
secuestrada polo terrorista máis buscado desde Bin Laden a plena luz do día no
medio de Washington (si, o mesmo Washington onde vive o Presidente dos Estados
Unidos e onde están o Pentágono e o Congreso e moi perto de onde está a CIA).
Así comeza a demencia. Despois Abu Nazir chama a Brody,
amósalle a Carrie atada a unha tubería, e dille que (atención ao plan digno de
supervillano de Revolution) a vai
matar a menos que Brody se cole no despacho do Vicepresidente Walden, averigüe
o número de serie do seu marcapasos e llo pase para que poIda
provocarlle un ataque ao corazón a distancia. How fucking brilliant! Para que
narices Abu Nazir se pasou 8 anos entrenando a Brody e a Walker e montou todo
ese dispositivo con Aileen, o mozo de Aileen, o agregado da embaixada do Líbano
e deus sabe quen máis para matar a Walden no bunker, cando era tan doado como
roubar o número de serie do seu marcapasos e facelo fibrilar a distancia ou o que sexa?
Estiven tentando lembrar se nalgún capítulo anterior se mencionara algo de que
o Vicepresidente tiña un marcapasos, porque así e todo négome a crer que os
guionistas de Homeland sexan tan
chambóns de sacarse da manga un elemento coma ese, pero de verdade que non me
lembro. Se estou trabucada, por favor que alguén me corrixa.
Deixando iso á parte, todo o que seguiu esixiume un
exercicio de fe que, de facelo, podería ter crido que Brody ía viaxar a Kripton
no seu gadgetocóptero e volver cun condensador de fluzo que destruíse a Abu
Nazir para sempre. En vez diso, non me cansei de facerlle pedorretas á pantalla
do ordenador. Creo que Damian Lewis pensou o mesmo ca min, porque até agora a
súa actuación parecérame impecábel mesmo nos momentos máis histriónicos (como
matando ao xastre de Gettysburg, por exemplo) e neste capítulo actuou
simplemente mal. E non me estraña. Brody correu coma un tolo á residencia do
Vicepresidente, onde os axentes do servizo secreto máis incompetentes da
historia vixiárono concienzudamente mentres agardaba na entrada e despois,
cando preguntou polo baño, deixárono andar só pola casa do Vicepresidente
adiante e non se volveron preocupar malia que tardou moito, moitísimo en
volver. Brody entrou no despacho, atopou de seguida o maletín do marcapasos, e
o único que lle custou un pouco en toda esa fazaña foi ler os números de serie
porque eran moi pequenos e, xa se sabe, a presbicia. Menos mal que alguén
deixara unha lupa convenientemente apoiada nun andel. Toda esa escena estaba
gravada a un ritmo frenético que (penso) quería imitar o do primeiro capítulo
da tempada, cando tivera que entrar no despacho de Estes para coller a lista
duns posíbeis obxectivos de Al Qaeda. Daquela, eu estivera sentada na beira do
asento, dando chimpos de emoción e berrándolle a Brody que se apurase. A escena
desta semana foi tan grotesca que non puiden manter os ollos na pantalla todo o
tempo. Por fin Brody chamou a Nazir, díxolle que soltase a Carrie primeiro, e este
soltouna sen plan B ningún... Seica Abu Nazir secuestrara a Carrie, unha axente
de campo da CIA, el só, e non tiña ninguén máis con el no edificio abandonado
no que se atopaba (supoño que a implicación era que na operación da semana
pasada a CIA detivera a todos os contactos de Abu Nazir e el escapara polos
pelos, só e acurralado, pero mesmo eu sei que non é así como se organizan as
células de Al Qaeda). Brody leulle os números a Nazir, e Nazir mandoulle un
whatsapp ao seu hacker de garda en Beirut, e este activou a secuencia de
autodestrución do marcapasos, ou o que fose, aí xa deixei de prestar atención.
Total que o Vicepresidente rematou a súa reunión e entrou no
despacho sen escolta, onde non lle sorprendeu para nada atopar a Brody
fedellando nas súas cousas, e díxolle unha cousa súper malvada sobre matar
nenos árabes ou así, e Brody alegrouse de ter colaborado con Nazir e despois
volveu outra escena vergoñenta na que o Vicepresidente sufría un ataque ao
corazón mentres Brody o zarandeaba e lle dicía que se alegraba de que morrese
por querer matar nenos. Nin rastro do servizo secreto. Nin cando Brody saíu
correndo do despacho e comezou a berrar que precisaba un médico, non había
ninguén en toda a planta. En serio, en que gasta a Casa Branca os cartos dos
contribuíntes?
Mentres, en Langley, Saul enfrontouse con Estes e díxolle
que descubrira quen era Quinn e a Operación Rick Astley, e Estes chinouse tanto
que ao final do episodio mandouno reter e levar ao calabozo da CIA. Gálvez, o
actor secundario que todos os telespectadores esperan que sexa o topo da CIA,
volveu misteriosamente do seu leito de morte para axudar porque “soubo que
secuestraran a Carrie” e a ningún dos seus colegas espías lle pareceu súper
sospeitoso, onde está Virgil cando o precisas?
E polo medio de todos estes
despropósitos, Carrie e Abu Nazir tiveron unha conversa que debía ter sido un
duelo de titáns polo amor de Brody e a lexitimidade das súas respectivas
guerras santas, e en troques diso foi unha redacción de sexto do meu cole polo
día da Paz:
Até aquí a intriga toda, as teorías de se Brody era un axente dobre ou triplo, a doble moral dos dous bandos e a boa televisión. A partir de agora God Save America, témome.
E este foi, para min, o final de Homeland. Moito teñen que amañar os dous capítulos que quedan para
que recupere a alegría de vivir.
No comments:
Post a Comment