All in the Family: The
Bunkers and Inflation parts 1, 2, 3 and 4 (Tempada 5, Episodios 1, 2, 3 e
4)
1974
Durante os catro primeiros capítulos da quinta tempada de All in the Family, o sindicato de Archie
Bunker decide ir á folga para conseguir que lles aumenten o salario mínimo. A
familia ten débedas, como sempre, e Archie tenta que a súa muller Edith non
descubra o da folga para non estragarlle o aniversario de voda. Edith, pola súa
banda, tenta atopar un traballo para soster a familia durante a folga que,
sendo sectorial, prolóngase durante semanas.
Esta é unha das poucas ocasións nas que un problema serio se
desenvolve durante varios episodios, co cal a situación de normalidade non se
restablece para o final do capítulo como adoita acontecer coas comedias.
Lou Grant: Strike
(Tempada 4, Episodio 13)
1981
Lou Grant é o xornalista que todos quixemos ser (todos os
que nos lembramos del, claro). Traballa como redactor xefe de Los Angeles Tribune e como boa serie dos
70, as súas tramas están cheas dos conflitos sociais que non volveron abordar
xornalistas de ficción máis modernos.
En Strike os
traballadores da rotativa do L.A. Tribune
temen perder os seus postos de traballo coa instalación dun novo sistema
informático e van á folga. Os redactores secúndana en solidariedade cos seus
compañeiros, pero a directora do xornal obriga a Lou a permanecer no seu posto
xa que é parte da equipa directiva. Coma moitos outros argumentos de Lou Grant, a historia garda paralelismos
coa folga que os traballadores do Washington
Post mantiveron en 1975.
The Comic Strip
Presents: The Strike
1988
The Comic Strip era un grupo de cómicos británico de onde
saíron os protagonistas de The Young Ones
e algúns outros. Cada capítulo da serie era independente e os actores
interpretaban a personaxes diferentes.
The Strike trata
dun mineiro de Gales que se converte en guionista de cine e escribe unha peli estilo
Ken Loach sobre as folgas mineiras do 84 no Reino Unido, baseada na súa propia
experiencia. A produtora que a merca quere convertela nunha película de catástrofes
(mineiras) na que Al Pacino (ao que o produtor se refire todo o tempo como Scarface) rescata a Meryl Streep. Aos
poucos, a industria vai cambiando toda a película: a localización non lles
parece realista malia ser o sitio onde realmente tivo lugar a folga; os anos
oitenta non son o suficientemente miserábeis e queren cambiar a ambientación
aos 30; todos os actores ingleses teñen
que parecer feos, sucios, mesquiños e ignorantes para destacar a heroicidade de
Pacino... O resultado final é tan ridículo e afastado da realidade, que a
película gaña numerosos Oscars.
The King of Queens:
Strike One, Strike Too, Strike Out (Tempada 3, Episodios 5, 6 e 7)
2000
O protagonista de King of Queens, Doug, traballa para unha
empresa de mensaxería e vive no barrio obreiro de Queens, en Nova York, coa súa
muller, que é secretaria nun bufete, e o seu pai xubilado.
Neste capítulo a folga tamén se estende no tempo da serie
durante máis dun capítulo. Ao primeiro, Doug está preocupado pola folga porque
acaba de mercar un coche novo, pero para o último episodio semella que xa se
lle esqueceu e parece máis ben que está de vacacións.
Grey’s Anatomy: Break
on Through (Tempada 2, Episodio 15)
2006
Grey’s Anatomy é
un melodrama sobre a vida e milagros (unha chea de milagros) de unha serie de doutores
superdotados do ficticio Hospital Seattle Grace. Case todas as historias teñen
que ver con leas amorosas entre os médicos (en ocasións tamén se dignan a
confraternizar co persoal de enfermaría), que ven reflectidos os seus problemas
nos seus pacientes.
En Break on Through as
enfermeiras do Seattle Grace convocan unha folga e os doutores ignórana por
completo, pensando que o seu sagrado deber de “salvar” pacientes está por riba
das condicións nas que iso se fai. O único que a secunda é o residente de
segundo ano George, que dá un discurso bastante efectista sobre a solidariedade
obreira e o que supón ser un esquirol.
Non atopei fotos do episodio. Estes son algúns dos actores de Grey's Anatomy apoiando a folga dos guionistas en 2007-2008. |
No comments:
Post a Comment