Dáme moita preguiza
comentar as comedias novas porque son todas moi parecidas, non só entre si,
tamén parecidas ao de sempre. Polo menos este ano decidiron prescindir da
tendencia do falso documental, e non hai ningunha serie na que os personaxes
falen directamente a cámara comentando escenas da súa vida privada con total
naturalidade, comezaba a ser un pesadelo.
Total, estas son as novas
comedias que vin.
TERRIBLE, TERRIBLE, TERRIBLE
The New Normal (NBC)
De que vai: É o novo produto de Ryan Murphy, o creador de Glee e American Horror
Story. En principio trata dunha parella homosexual rica que decide ter un
fillo e contactan cunha nai de aluguer pobre e pailana. En realidade é media
hora de estereotipos (os gays superficiais e con bos traballos, a hillbilly
corta pero cun gran corazón, a nena que non encaixa na escola porque é
demasiado lista para a súa idade...) e Ellen Barkin ladrando insultos racistas e
homófobos que se supón que nos teñen que facer graza porque ei! opinamos xustamente
o contrario!, daquela iso debe de ser
a retranca.
Por que mola: televisivamente non podo pensar en nada. En Estados Unidos hai unha panda de taradas que pensan que a
serie foi ideada polo Anticristo, polo feito de que saian homosexuais adoptando
bebés, e fan campañas contra ela, e ler calquera entrada do seu blog sobre a
decadencia de América e a corrupción das nosas almas é moito máis entretido que
ver un capítulo da serie.
Por que non mola: son os personaxes máis estereotipados desde
aquela comedia dos 90 que se titulaba Unha
Cantidade Moderada de Personaxes Estereotipados Facendo Cousas Pouco Realistas
pero Hilarantes. Absolutamente todos os chistes baséanse nun dos
protagonistas gays sendo super-gay, a paleta facendo cousas de paleta, ou Ellen
Barkin dando un discurso tan esaxerado que non fai graza en contra de os
gays/os negros/o aborto/as nais solteiras/Obama/Occupy Wall Street/a NBC/os
franceses/os Dereitos Humanos and so on.
A quen lle pode gustar: ao seu creador, Ryan Murphy. Imaxínoo deitado na
súa chaise longue de 8.000 dólares, co seu batín de seda e unha copa de xerez
na man, rindo a esgalla e dicindo “fuck the ratings, I AM hilarious!”
AO FINAL QUEDA CO COMPAÑEIRO DE TRABALLO DURITO
PERO DE BO CORAZÓN
The Mindy Project (Fox)
De que vai: Kelly Kapoor deixou a oficina de Scranton de Dunder-Mifflin (gustaríame poder dicir que a tempo, pero a data
de caducidade da comedia que unha vez foi a miña preferida está nalgures entre
a cuarta e a quinta tempadas), mudouse a ¿Los Ángeles? e fíxose xinecóloga. En esencia
é o mesmo personaxe, o único que lle dá sentido á súa vida é soñar con casar
con Ken e ter moitos fillos, pero a diferencia da Kelly de The Office, esta Mindy non é esaxeradamente cotilla, nin unha raíña
da chantaxe emocional, nin graciosa. Completando o proxecto están os seus dous
compañeiros de traballo, un sedutor descerebrado co que ás veces se deita, e o
outro, o da camaradería e a tensión sexual que os escritores van manter polo
menos até o final da tempada.
Por que mola: deixei de vela no segundo capítulo. Se molaba por algo, supoño que era por
ver que tal lle ía a Mindy Kaling fóra de The
Office e a resposta é que se cadra se tiña que ter afundido co barco en vez
de saltar a falta dunha tempada, sobre todo para facer isto.
Por que non mola: é previsible, moito máis do que a maioría das
comedias, Mindy é aburrida e custa traballo distinguir o doutor cachondo pero
superficial do doutor cachondo pero profundo.
A quen lle pode gustar: a quen lle gustase Sex and the City, Will &
Grace, Friends e calquera outra
comedia que postulase que o obxectivo último das mulleres na vida é casar cun
home atractivo e ter fillos.
CHANDLER É MOITO MÁIS GRACIOSO CANDO NON É
CHANDLER
Go On (NBC)
De que vai: Chandler Bing Ryan King é un comentarista deportivo de radio ao que
lle acaba de morrer a muller. El di que está ben, pero como é evidente que non,
obríganlle a ir a un grupo de terapia, deses que os americanos fan con calquera
pretexto, para superar a perda. Alí atópase con xente moi rara e moi divertida,
comezando pola terapeuta, que nin está cualificada nin o fai moi ben, e seguindo
por unha banda de marxinados sociais con corazóns tan grandes coma os seus
traumas.
Por que mola: os personaxes fanse querer decontado. Para comezar, non é a típica
situación de tipo-duro-que-pasa-da-xente-ao-que-ao-final-lle-abrandan-o-corazón,
senón que Ryan xa demostra ser empático
e agarimoso desde o principio. Os seus compañeiros de terapia son moi raros,
pero non son caricaturas, teñen moitas aristas e están descritos con moito
cariño. Ademais, os compañeiros de traballo de Ryan non aparecen só para dar
contraste aos tolos, como acontece normalmente neste tipo de comedias, senón
que tamén participan das cousas absurdas que fai Ryan e suman á profundidade da
serie.
Por que non mola: ás veces pásase de tenra, normalmente as escenas
finais teñen algo de moral, con todos os personaxes xuntos e felices,
facendo algo incribelmente emotivo, pero o bo é que as cousas emotivas que fan
aínda conseguen ser máis graciosas que na maioría das series. No piloto,
vestíronse con complementos medievais da clase de ¿Dragones y Mazmorras? da
aula do lado e foron perseguindo o coche de Google Maps.
A quen lle pode gustar: aos fans de Matthew Perry, pero tamén a calquera
persoa que lle gusten as comedias cun punto de profundidade, como Parks and Recreation ou Community (por certo, dúas das mellores
comedias da historia).
O DE SEMPRE CON MÁIS DO DE SEMPRE
Ben and Kate (Fox)
De que vai: Kate é unha nai solteira que traballa moito e non ten tempo para ligar ou
peitearse, Ben é o seu irmán neno-atrapado-nun-corpo-adulto que nunca tivo un
traballo serio e vai por aí facendo cousas estúpidas que nunca lle carrexan
consecuencias. Hai un par de actores secundarios: o amigo parvo e fiel de Ben
que está namorado de Kate desde neno, e a amiga sarcástica
de Kate cuxa única misión seica é lanzar frases graciosas no momento axeitado
para facer rir o público.
Por que mola: porque se non tes nada mellor que facer,só dura vinte minutos, e riste un
par de veces no episodio.
Por que non mola: porque non é só que xa se fixese antes cen veces,
é que xa se fixo antes mellor, peor e exactamente igual, así que non teñen nada
que demostrar.
A quen lle pode gustar: á xente que sente a mirar calquera comedia de
situación que dan na tele, sen importarlle a orixinalidade nin a calidade.
UN MONO CON BATA DE MÉDICO
Animal Practice (NBC)
De que vai: di ti que desta só vin un capítulo, pero non a entendín moi ben. É un hospital
veterinario que parece un hospital de verdade (eu nunca estiven nun hospital
veterinario pero non creo que se pareza en nada ao plató de ER), un médico que adora os animais pero
odia as persoas, e nalgún punto aparece a súa ex-muller que ¿herdou o hospital?
e agora é a administradora, creando un estraño paralelismo con House M.D. Non sei, estaba distraída
polo mono con bata de médico conducindo unha ambulancia de xoguete.
Por que mola: porque ten un mono en bata de médico conducindo unha ambulancia de
xoguete.
Por que non mola: porque só ten iso, e acaba aburrindo, mesmo a min
que son unha gran fan dos monos vestidos de persoas.
A quen lle pode gustar: a quen lle gusten os monos e talvez os dramas
médicos? En serio, non teño nin idea de qué vai, pero o mono era adorable.
Este é o Hospital Veterinario de Lugo |
E esta é a clínica veterinaria de Animal Practice |
E até aquí o que vin.
Baixo ningún concepto vou ver The
Neighbors ou Guys With Kids, nin
sequera para poñelas a caldo aquí.
No comments:
Post a Comment