Como ben sabedes, este blog ten máis vocación de servizo
público que os anuncios de desaparecidos que botan en Radio 3 ás 5 da mañá, así
que nunha nova iniciativa para que gocedes coas series americanas que todos
baixades de quince en quince e despois non tedes tempo para ver, aquí chega un
novo apartado da serióloga titulado Guía
para engancharse. Como sempre, spoilers galore!
Esta semana: Guía
para engancharse a Under the Dome
De que vai
Como moitos xa saberedes, Under the Dome está libremente baseada nunha novela desa máquina de
facer cartos que se chama Stephen King. Insisto no de “libremente” porque, agás
os nomes da vila e dos personaxes e a premisa inicial, todo parecido coa novela
é pura coincidencia. Pero en todo caso, levar o selo de aprobación do señor
King nunca garantiu a calidade dun produto televisivo, aínda me choran os ollos
se lembro algún dos exemplos máis flagrantes...
Unha excepción notábel sería Haven, que tamén está moi libremente inspirada no libro The Colorado Kid, de King (máis
libremente que Under the Dome, mesmo)
e é unha boa serie sobrenatural.
Pero, ao que imos, por onde comezar a explicar Under the Dome?
Resulta que un día calquera, nunha vila americana calquera
chamada Chester’s Mill, unha cúpula xigantesca aparece da nada, illando parte
da vila do resto do mundo. Iso está moi ben, porque en principio semella unha
premisa interesante para todo o que pode pasar despois sen ter que recorrer a
cousas raras como mafias e clubs secretos de loita (pero si, amigos, recorren a
iso), e sobre todo porque o momento na que a cúpula se pousa sobre Chester’s
Mill está bastante currado, con imaxes coma esta:
De seguida desátase o caos, xente tentando desesperadamente
atopar unha saída da cúpula e os bombeiros e as ambulancias, que por algunha
estraña razón estaban todos fora da vila, tentando entrar. Este é o momento no
que coñecemos os nosos heroes.
Os protas
Primeiro está o ex-militar Dale Barbara, Barbie, o
forasteiro que pasaba por alí e que é demasiado listo para o seu propio ben, ou
iso é o que a serie se empeña en demostrar, porque a verdade é que moi listo
non é.
Despois está a intrépida xornalista Julia Shumway, que tamén
é moi lista. A súa traxectoria na serie resúmese deste xeito: primeiro
desconfía de Barbie e está moi preocupada porque non localiza o seu home, e non
sabe se quedaría fóra da cúpula ou algo. Un par de capítulos despois decide que
o seu home a abandonou e comeza a poñerlle ollos tenros a Barbie, quen finalmente
lle confesa que é un asasino a soldo e que matou o seu home por unhas débedas
de xogo (certo). Julia anóxase con el medio capítulo en tempo real e uns dous
días en tempo-cúpula, e finalmente fan o amor con música de violíns e unha
sutil elipse entre o primeiro bico e o postcoito, porque isto é a CBS e non a
HBO, e comezan a vivir xuntos e se comportar como se fosen unha parella de toda
a vida. Pero, chachán, o conflito entra en xogo nesta segunda tempada, porque
Julia comeza a ter fe (si, amigas) en que a cúpula é unha especie de deidade
que guía os seus destinos, e se rebota moito con Barbie porque el é o racional,
se é que iso é posíbel nesa parella.
Despois está Big Jim Rennie, que é o teu alcalde do PP ao
uso. Ademais de gobernar Chester’s Mill con man de ferro e tanta incompetencia
como calquera outro dos habitantes faría, Big Jim é o vendedor de coches usados,
o produtor/distribuidor de drogas local e o pai dun zumbado chamado Junior. Pero
sobre todo, e para gran escarnio da que lles fala, Big Jim está interpretado
por Dean “Jesuschristmarie” Norris, co cal, ver cada capítulo de Under the Dome é como cuspir sobre a tumba de Hank Schrader. E desenterrar o seu cadáver e mexarlle enriba. Varias veces.
Non teño claro se Junior só está tolo, se sufre algún
retardo medicamente descrito, ou se os seus pais lle prestaron tan pouca
atención de neno que é como eses chavales que parecen autistas sen o ser. Tan
pronto está secuestrando quinceañeras e encadeándoas nun zulo como apuntando
armas á cara da xente como tentando matar a Barbie como chorando porque a súa
nai pinta cadros coa sensibilidade artística dun mandril con encefalopatía. Agora habemos chegar a como e
por que o departamento de policía de Chester’s Mill é o máis incompetente desde
a invención da policía, pero sobra dicir
que unha das primeiras decisións da nova sheriff é darlle unha placa, un arma e
un coche patrulla a Junior, basicamente porque nunha das crises que asolan a vila cada dez segundos, el mantivo a orde apuntando un rifle á cara
dun pobre home que só quería saír do hospital.
O que nos leva a...
Observen o poderío do
departamento de policía de Chester’s Mill manobrando
Resulta que a cúpula actúa como unha especie de inhibidor, e
cada vez que se achega un aparato electrónico a ela este deixa de funcionar ou estoupa ou algo.
Mala sorte para o xefe de policía de Chester’s Mill, que levaba un marcapasos e
foi dos primeiros en achegarse a investigar a cúpula.
Na ausencia do sheriff, quedaron en Chester’s Mill os
policías máis listos do departamento: a axente Linda, o axente Paul, e un
terceiro axente ao que non lle chegaron a dar nome. No segundo episodio, o
axente Paul toleou e tentou desfacerse da cúpula disparando, pero as balas
rebotaron e déronlle ao terceiro axente, que deixou de ser tal e pasou a
engrosar a lista de falecidos por ataque de cúpula. O axente Paul seguiu a súa
escalada de violencia até que a axente Linda tivo que rematalo en defensa
propia, e así é como Linda se converteu na nova sheriff do lugar, polo menos
até a estrea da segunda tempada.
Na lista de éxitos da axente Linda figuran, entre outros:
-Cando o axente Paul estaba arrestado por disparar (sen
querer) ao outro policía, fixo o vello truco de afogar na súa propia saliva
para que Linda se achegase a axudalo e, cando a tivo cerca, bam!, desarmouna,
pechouna na cela e marchou roubando un feixe de rifles de asalto. Ben xogado,
Linda!
-A axente Linda asumiu as súas novas responsabilidades como
xefe de policía Linda nun episodio no que os militares do exterior planeaban
lanzar un mísil contra a cúpula e mandaron a todo o mundo a se despedir dos
seus seres queridos con moi pouco tacto. Sabendo de primeira man o perigoso que
era achegarse á cúpula, Linda prohibiulle a todo o mundo tocala ou achegarse
demasiado, e xusto despois diso veu o seu mozo bombeiro do outro lado, e ela
fixo isto:
-SPOILERACO: Hai un episodio no que a cúpula se volve magnética e as
cousas metálicas que están perto saen voando e se pegan a ela (inexplicablemente,
todo o que saíu voando cara á cúpula foron triciclos e grellas, así que supoño
que haberá unha tenda de triciclos e barbacoas nunha das beiras de Chester’s
Mill). Barbie está pegado á cúpula por unhas esposas que lle puxera Linda momentos
antes, e un coche sen o freo de man posto vai avanzando cara el moi, moi amodo.
En vez de a) frear o coche ou b) turrar de Barbie para quitalo da traxectoria
do coche, a axente Linda decide empurrar a Barbie e despois sofre unha
transmutación en cervo cegado polos faros e queda parada no sitio, durante
moito moito tempo, esperando a que o coche sexa atraído pola cúpula, con
tráxicas consecuencias.
Os adolescentes
Se o cociente intelectual do cidadán medio de Chester’s Mill
anda arredor de 70, a LOGSE de Chester’s Mill debeu de ser terrible, porque
eses nenos!
Os adolescentes protagonistas da trama son: Joe, un alelado
que nos primeiros episodios engana a todos facéndolles crer que sabe algo de
trigonometría, anotando números nun caderno e finxindo que mide a cúpula, e a
medida que pasan os capítulos vai perdendo materia cerebral e remata por
propoñer facer unha análise de sangue a unha rapaza que saiu dun ovo (demasiado longo para explicar) para determinar se é
humana, levándoa a cabo da seguinte maneira:
Como lo cuento |
Norrie é unha das personaxes máis carismáticas e convincentes
que vin en todos estes anos de analizar series de telev...Haha NON. Norrie
quedou atrapada na cúpula cando estaba de paso coas súas nais, creo que de
camiño a visitar a súa mellor amiga e mentora Dana Brody. Unha das súas
nais morreu porque a outra non foi egoísta abondo para roubar do hospital as
doses de insulina que tan desesperadamente precisaba, e a que queda viva é un
personaxe secundario que aparece cando hai que facer recheo no café de Chester’s
Mill, así que o único que fai Norrie é enrollarse con Joe e en xeral dar polo
cu pero non literalmente porque os dous deixaron claro que querían ir amodo na
relación.
Os favoritos do
público (mostraxe extraída dun total de: eu)
Coa Sheriff Linda fóra de xogo, é difícil decidirse polo
personaxe máis estúpido ou inverosímil, aínda que hai algúns candidatos á súa
altura.
Ben é o amigo burro de Joe, e falando de Joe, dicir amigo burro
é un novo nivel de burremia que só se acada con perseverancia e múltiples
golpes na cachola. O papel de Ben na serie é, basicamente, facer festas *ehem*
salvaxes aproveitando que a maioría dos pais de Chester’s Mill quedaron do lado
aburrido da cúpula, dicir que non entende nada e poñerse constantemente en
perigo para que alguén teña que arriscar a vida para rescatalo. O mellor de Ben
é a súa actitude desenfadada, chillanxing total, como se non estivese deseñado
por un executivo da CBS que pensa que sabe como falan os chavales hoxe en día:
O reverendo. Xa non me lembro do seu nome porque apareceu en
moi poucos capítulos, pero que actuación, señoras e señores. O reverendo era
Pepe Viyuela meets Buster Keaton, puro slapstick e fatalismo. O único que podo
facer para compartir a miña adoración polo reverendo, é mostrarvos o que fixo
para queimar uns papeis que o incriminaban no asunto das drogas.
Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata. O bo que ten Chester’s
Mill é que, malia estar cercada por unha cúpula, ter problemas de abastecemento,
e sufrir cada tres minutos a ameaza dunha catástrofe inminente, non deixan de
agromar novos cidadáns aquí e acolá. Xente que estaba presuntamente ocupada
durante a tontada esa da cúpula xigante que se materializou da nada e isolou
por completo a vila e matou unhas ducias de habitantes, e que de cando en vez
aparecen de súpeto no café da vila dicindo “ola, estiven aquí, en segundo plano,
todo o tempo”. Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata é unha delas, unha
adquisición deliciosa da segunda tempada, e a súa misión é basicamente non
sorrir nunca e matar moscas a canonazos. E se esa imaxe vos parece esaxerada,
isto é o que fixo para acabar cunha praga de eirugas que ameazaban as colleitas
de Chester’s Mill:
Ah, si! Alén diso, tamén propuxo facer un censo para ver
como de útil era cada habitante da cúpula, e despois desenvolveu no seu
laboratorio da escola unha nova cepa de gripe porcina para matar o 20% da
poboación e ter máis recursos para os superviventes. Todo o que fai faino en
nome da ciencia e con cara moi seria, e cada vez que alguén a acusa de cometer
crimes de lesa humanidade, ela deféndese berrando “ciencia!” Con todo, non importa moito o que faga, porque como os habitantes de Chester’s Mill teñen a memoria dunha gamba e o
cerebro de media, Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata pasou unhas tres horas
no cárcere e no capítulo seguinte déronlle acceso a todos os explosivos da
vila, aparentemente.
Si, amigos, uns dos residentes a eliminar pola gripe porcina era este tenro bebé, e cando Big Jim tratou de opoñerse, Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata deixouno mudo berrando "Darwinismo!" |
O misterio do café de
Chester’s Mill
O café de Chester’s Mill é o lugar de reunión para os habitantes
da cúpula. A súa dona morreu ao pouco de comezar a serie, e desde aquela a
porta quedou aberta, e calquera que pase por aí é libre de entrar na barra,
facer cafés para os seus paisanos e preparar o almorzo para todos botando man
do subministro máxico ilimitado da despensa (ou se cadra a longa man da Iniciativa Dharma tamén está detrás disto? Cuando menos inquietante,
Carmen...).
Á parte da conspiración do eterno subministro de alimentos,
a forma en que os chestermilianos levan o café é o máis parecido que vin eu á
colectivización, e funciona, pero shhh! non vaian censurar a serie por
bolivariana.
As cousas divertidas
que pasan dentro da cúpula cada semana
Tede presente que o tempo na cúpula non segue o horario GMT.
O que para nós foron dous veráns interminábeis de agonía televisiva tradúcese
en apenas unhas poucas semanas en Chester’s Mill, a xulgar pola continuidade da
serie. Nesas semanas, os habitantes de Chester’s Mill enfrontáronse a:
-unha cúpula xigante que se materializou da nada.
-un incendio nunha casa que demostrou que os chestermilianos
non saben facer unha cadea con cubos de auga nin que lles vaia a vida niso.
-o brote de meninxite que levou a poñer en corentena UNHA
DAS PORTAS do hospital.
-unha tentativa do exército de destruír a cúpula lanzando un
mísil nuclear que devastou a terra do outro lado e ao mesmo tempo fixo que toda
a vexetación se rexenerase en dous capítulos.
-varios cortes de auga que se resolveron sen problemas con
chuvia.
-unha crise de escaseza de comida que se resolveu sen
problemas cando unha personaxe secundaria confesou que era unha acumuladora
compulsiva e que tiña toda a súa casa, TODA, chea de produtos envasados que non
caducaban nunca.
-outra das personaxes pop-up montou un club de loita
clandestina nunha fábrica abandonada, e todos os chestermilianos foron mirar.
-a cúpula virou magnética e todos os triciclos e grellas de
Chester’s Mill voaron cara ela.
-varios intentos de linchamentos populares, para os que
mesmo se chegou construír un cadalso na praza da vila.
-pantasmas das personaxes mortas.
-un asasino en serie que só matou unha vítima.
-unha tormenta de area que tupía a cúpula e impedía a
correcta ventilación.
-un predicador tolo que bautizaba con ácido.
-a praga de eirugas e o posterior incendio das colleitas
provocado para contrarrestar o seu efecto por Rebeca, a Profe de Ciencias
Sociópata.
- Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata en todas e cada unha
das súas aparicións.
Unha sólida formación
científica
O que os habitantes de Chester’s Mill teñen de burros,
téñeno tamén de enxeñeiros. No tempo indeterminado que levan debaixo da cúpula
xa se apañaron para construír o devandito cadalso, un contra-imán xigante para
reverter o campo magnético da cúpula e un xerador eólico feito con chapas de
sinais recicladas ao que engancharon unha mangueira para fabricar o
humidificador máis grande na área dos tres estados.
A metafísica detrás
da serie
Vouno tentar resumir: resulta que no centro xeométrico da
cúpula, que varía segundo o episodio, atópase unha mini-cúpula que se ilumina cando
catro mans particulares a tocan e comeza a proxectar hologramas rosas como unha
tola por toda canta parede haxa perto. Ás veces tamén proxecta pantasmas que
lle din aos personaxes que fagan cousas estúpidas como aforcarse no cadalso da
vila. Dentro desa mini-cúpula hai un ovo negro, e cando se activa fai un zunido
que só molesta a algúns personaxes e as bolboretas compórtase de xeito estraño
e a cúpula se magnetiza, e algúns dos protagonistas pensan que a cúpula é unha
especie de deus que lles dá ordes e por iso sacaron o ovo de dentro cando virou
rosa e tirárono ao lago e despois no medio do lago naceu unha rapaza que levaba
morta desde o 88 cando tocara un meteorito que posteriormente se converteu no
ovo negro de dentro da mini-cúpula.
Daquela, o teu
consello... Debería ver Under the Dome?
POR SUPOSTO. Non podo enfatizar máis a necesidade de ver esta
gran serie, no ronsel de outras que nos deixaron antes como The Event, Flash Forward, Revolution, Zero Hour...
Se podes, míraa cos teus amigos, e cada vez que Julia diga algo que non ten
ningún sentido como “a cúpula quere que sexa alcaldesa” bebede un chupito. Cada
vez que algún dos actores principais bote man do afamado método “función de fin
de curso do meu colexio” bebede outro chupito. Cada vez que Norrie poña cara de
cu bebede un grolo, e cada vez que unha crise de proporcións bíblicas se
resolva nos cinco últimos minutos do episodio cun deus-ex-machina en forma de
señora tola que acumula provisións na súa casa bebede a copa enteira. E como
vai os luns, é mellor que pidades o martes libre.
No comments:
Post a Comment