Wednesday 5 August 2015

o peso ideal nas series de televisión

Este mes deixei a dieta, e para evadir o meu sentimento de culpa levo toda a noite buscando mulleres gordas en papeis relevantes en televisión, que case é o mesmo que buscar mulleres vellas ou mulleres feas, a non ser que falemos, claro está, de convencións estilísticas como a vella sabia ou o parrulo feo.  As mulleres gordas non están por ningures na televisión que consumimos e que eu comento, e cando están obedecen a un obxecto satírico ou moralizante, nunca son personaxes reais senón máis ben encarnación de defectos ou virtudes, o mesmo daría que en vez da Monica gorda de Friends os seus amigos se dirixisen a unha galiña falante de dous metros ou que García de Criminal Minds fose unha porquiña rosa vestida con minisaia e tacóns. Outro día, se cadra noutro blog, podo analizar o caso español, onde as presentadoras de televisión teñen que ser simpáticas á vez que están cachondísimas, ou o caso galego, onde Gayoso leva trinta anos presentando o Luar acompañado dun desfile de traxes de noite con clons dentro que se renovan cando van quedando vellos, porque para carisma xa abonda co del, pero iso, que mellor noutro blog...

O que me chama a atención das series americanas é que levan anos perfeccionando o papel do “espectador subrogado” , nun intento por lle dar voz e imaxe á audiencia das súas ficcións, e é estúpido que ningún personaxe feminino relevante de ningunha serie teña un IMG superior a 20 cando o 35% da poboación adulta estadounidense é obesa (un dato terrorífico tirado da Wikipedia que á súa vez tirouno dunha publicación do CDC en 2010).


O mesmo que as guapas teñen que ser guapas pero sen o tentar demasiado e que os retoques son pecado mortal (sempre que sexan chafalleiros e te pillen) as gordas simplemente non poden existir na televisión americana porque... que caste de exemplo lle estariamos dando ás nosas fillas? Falo das mesmas fillas ás que bombardeamos con programas como Toddlers and Tiaras, os centos de Real Housewives ou o xa clásico da endogamia redneck Duck Dynasty. [NOTA: négome a reproducir imaxes deses programas neste lugar sagrado para min, pero os máis masoquistas tedes ligazóns a todos eles a só un click... alá vós].

A conclusión de todo isto ven sendo que en televisión todo é aceptable salvo os quilos de máis.



E como sempre, coa vocación de servizo público que caracteriza este blog, velaquí a serie de directrices a seguir se algunha vez na vosa vida sodes personaxes de ficción televisiva ou guionistas na procura de produtoras.

Como conseguir o peso ideal para aparecer nunha serie americana

1. Unha muller nunca nunca nunca se preocupa polo seu peso. Ou está delgada de forma innata a pesar de meterse atracóns de comida rápida American-style ou simplemente non merece vivir. Lembro unha tempada da infame The O.C. na que tentaban introducir un interés romántico máis terreal para Ryan. A rapaza en cuestión estaba delgada coma unha porta, o mesmiño có resto, pero cometía o erro de comentar diante de Marissa e Summer que lle custaba moito seguir a súa estrita dieta para conseguir estar así. As dúas mozas ollárona horrorizadas por enriba das súas hamburguesas graxentas e despois seguiron roendo nelas. Por desgraza, a escena cortouse antes de amosarnos como as dúas divas de instituto se dirixían ao baño a vomitar toda a graxa que acababan de tragar, o único que explicaría a súa gravidade cero con eses hábitos alimenticios. E, por suposto, a nova rapaza e Ryan nunca foron algo serio, ela simplemente non estaba feita para ese mundo.

Isto aconteceu porque nalgún momento a comezos do novo século alguén quixo vendernos que a nova muller (branca e de clase media) xa non se preocupaba polo que comía, facer dieta era vulgar e nada sofisticado... O que nunca nos revelaron é que todas as nosas heroínas de ficción tiñan un metabolismo máxico que lles permitía comer sen preocupacións e tamén sen consecuencias.



2. Se non estás delgada, só podes ser unha gordecha entrañable, pero ningunha mención á comida. Como en Mike & Molly, onde o 80% dos chistes no guión teñen que ver con Mike e a comida pero nin unha soa vez se menciona a posibilidade de que a Molly lle guste comer. E como non, é unha comedia, o único que pode facer Melissa McCarthy porque, malia ser unha actriz cun rexistro incrible, seica non dá a talla para o drama (pun intended). O mesmo acontece nas últimas tempadas de SNL con Aidy Bryant, unha das mellores incorporacións a quen só lle dan papeis de gorda... Xa estou oíndo os repunantes, “é que está gorda...” Vale, fans de SNL, imaxinade por un momento que Jay Pharoah só tivese papeis de negro. Como é iso? Que en vez de interpretar ás veces un home de negocios ou un dependente deTarget, interpretase sempre un home de negocios de Baltimore ou un rapeiro dependente de Target que atende bailando e facendo chistes de “yo’mamma”. Iso é o que lle pasa a Aidy Bryant: cando fai de nena, é a nena gordecha entrañable; cando fai de adolescente, é a adolescente gordecha e sen amigos; e cando fai de señora maior é esa velliña que parece a muller de Santa Claus. E, malia ter unha voz normal, sempre sempre sempre ten que falar co mesmo falsete cá gorda da Orquesta Mondragón.

3. Se tes forza de vontade abondo, pódeseche premiar coa delgadeza extrema. Iso si, con ocasionais chamadas de atención para que non esquezas de onde vés. Gabba Gabba, you’re NOT one of us. 



4. Se todo o anterior falla, pero seguimos precisando a actriz por un tempo, a única opción para non amosar o seu horrendo corpo é agochalo baixo sete saias e que todos os demais personaxes na escena finxan que non pasa nada, como fan as telenovelas cando unha actriz está embarazada e a súa personaxe non.  Este foi, durante case todas as tempadas de , Medium o caso de Patricia Arquette, á que eu sempre considerara a irmá máis guapa de Rosanna Arquette.  Como comezou a rodar a serie aos seus 37 anos, Patricia Arquette era unha muller adulta con algo de barriga, interpretando a unha muller da súa mesma idade que, en vez de ter algo de barriga como é natural, desenvolveu un apéndice moito máis inquietante nun xiro de guión que, algún día, os analistas televisivos darán en chamar “O estrano caso da señora Dubois e as blusas súper holgadas”.


Neste último suposto está o caso flagrante de Sasha Pieterse, flagrante polo nova que é a actriz e polo perfil de telespectadora influenciable que ve a súa serie (as miñas sobriñas de 15 e 11 anos, por exemplo). Sasha Pieterse comezou a  interpretar a Alison, a raíña das lurpias en Pretty Little Liars, cando só tiña 14 anos, malia o personaxe representar 16. Como era de esperar, o seu corpo cambiou ao longo dos anos de rodaxe, e non sei se por causa do estrés ao que, seguro, foi sometida pola produtora ou por unha revolución hormonal normal e corrente, colleu unha forma máis redonda (na miña época de instituto seguiría estando claramente no bando das delgadas da clase, pero que saberei eu, eu non estudei no West Beverly Hills High). Na tempada que ABCFamily, custodia dos valores Disney na televisión, está a emitir este verán, só pasaron dous anos e Alison ten 18, pero en vez de abrazar as súas fermosas curvas, os estilistas da serie decidiron convertela na muller dun senador do medio oeste.



Conclusión: é moito mellor parecer un pouco pailana que amosar barriga, e se agardas o suficiente non te terás que preocupar pola barriga tampouco, que xa se apañarán para eliminar o teu personaxe ou toda a serie con el... e se non, que llo pregunten a Kirstie Alley!

No comments:

Post a Comment