Friday 11 October 2013

vinte e pico mortes televisivas que chorei (segunda parte)

Por fin! Por fin! Xa está aquí a segunda parte da lista máis agardada do outono. Máis spoilers para todos:


10. Liz (Louie, Tempada 3 Episodio 13)
Mesmo para unha comedia tan marciana coma Louie, o personaxe de Liz sempre foi do máis raro, e a súa morte, absurda e tráxica a un tempo, foi o resumo do seu paso pola serie. Despois de pasar un ano máis ben horríbel (entre outras cousas a perda de Liz, que o facía feliz) Louie sube nun autobús cara ao aeroporto para pasar o fin de ano coa súa irmá e a familia, idea que non lle entusiasma. No autobús atópase con Liz, o que lle devolve a alegría de vivir por aproximadamente medio segundo, porque nese mesmo momento Liz comeza a sangrar polo nariz, debrúzase no chan e pouco despois morre, sen explicación. Que???


9. O Décimo Doutor (Doctor Who, Tempada 4 Episodio 18)
Isto ten un pouco de trampa porque todas sabemos que os Señores do Tempo se rexeneran, e que os distintos actores que interpretaron ao Doutor Who durante décadas non son máis ca reencarnacións do mesmo doutor, iso si, cada unha coa súa propia personalidade. Con todo, decidín meter o Décimo Doutor nesta lista porque: a) adoraba a David Tennant e odio con toda a miña alma a Matt Smith, que o substituíu, e b)semella que o Décimo é o único Doutor Who que ve a súa existencia coma un episodio finito, non unha reencarnación, por iso as súas palabras de despedida (“non quero marchar”) resultan tan dolorosas.


8. Coronel Henry Blake (M*A*S*H, Tempada 3 Episodio 24)
Despois de tres tempadas pasando por alto as monadas de Hawkeye e Trapper, e aturando a Klinger, o coronel Blake por fin se licencia e marcha de regreso á súa consulta privada en Illinois. Un lote de bicos, abrazos e final feliz... Que? Nunha serie que se estaba emitindo mentres o exército americano estaba aínda en Vietnam? Nin de broma. Os creadores de M*A*S*H  non tiñan ningunha necesidade de entrar aí, pero quixeron facelo igualmente: chavales, lembrade que na guerra non hai finais felices, pouco despois da saída de escena do coronel, Radar anuncia entre bágoas que o seu helicóptero foi abatido sobrevoando o mar de Xapón.


7. Bobby Singer (Supernatural, Tempada 7 Episodio 10)
A sétima tempada de Supernatural foi a peor da serie porque introduciu os estúpidos Leviathans, probabelmente os monstros máis cutres da historia televisiva (así que son super-poderosos, pódense metamorfosear en quen queiran, comen humanos e... mátanse con auga e xabón???). A sétima tempada, ademais, viu a morte do personaxe máis querido da serie, Bobby Singer, a figura paterna que Sam e Dean levaban buscando desde o primeiro episodio da serie. Por sorte, os guionistas de Supernatural déronlle a oportunidade de revivir momentos felices exercendo de pai de Sam e Dean no episodio da súa morte. E a súa frase de despedida, foi a que todos os fans agardábamos: “idjits!”


6. Dan Conner (Roseanne, Tempada 8 Episodio 23, descuberto na Tempada 9 Episodio 24)
Debéramos ter sospeitado cando a novena tempada de Roseanne (unha serie que xa teño louvado aquí por se manter fiel na súa representación da clase obreira) comezaba cos Conner gañando a lotaría e facéndose millonarios. Debéramos ter sospeitado máis aínda cando todo nesa tempada seguiu sendo ridículo: Dan recuperouse milagrosamente do seu ataque ao corazón da tempada anterior, Darlene tivo un bebé, Jackie atopou un príncipe azul que era realmente un príncipe, Steven Seagal salvou a Roseanne e Jackie dun grupo terrorista (como lo oyen!) e outra serie de catastróficas dichas... Así e todo, a todo o mundo colleulle por sorpresa que, despois de cagala tanto nunha soa tempada, no capítulo final da serie os guionistas decidiran marcarse un Dallas (tamén chamado un Los Serrano para os máis novos, aínda que persoalmente prefiro chamalo “xiro argumental do concurso de redacción de terceiro de E.X.B. da miña escola”): era todo un soño! Dan morrera, efectivamente, dun ataque ao corazón ao final da oitava tempada, e os acontecementos desde aquela (e algúns de tempadas anteriores) formaban parte do xeito en que Roseanne narrara a súa propia historia, cambiando o que non quería lembrar. Moitos anos despois Ian McEwan escribiu unha novela con basicamente o mesmo truco final, forrouse e, que eu saiba, ninguén o acusou de plaxio.


5. Omar Little (The Wire, Tempada 5 Episodio 8)
Omar foi un dos personaxes máis queridos de The Wire, probablemente porque estaba retratado con máis coidado que os outros personaxes do lumpen de Baltimore. A súa imaxe icónica, co abrigo e o rifle, e o seu código de honor tamén axudaron. O mesmo que os espectadores estaban da súa parte, os rapaciños das torres temíano e admirábano, agardando ser como el algún día (polo menos en case todo). Por iso foi máis chocante aínda que a súa morte chegase a man dun deses cativos, así, sen previo aviso, como acontecen as cousas en The Wire.


4. Sayid Jarrah (Lost, Tempada 6 Episodio 14)
A morte de Sayid non foi nin de lonxe tan tráxica como a de Jin e Sun ou a de Charlie, e iso é o que máis me saca de quicio. Sayid foi un dos mellores personaxes durante cinco tempadas (e o único que rompeu o pescozo dun inimigo cos pés mentres estaba maniatado e deitado no chan), até que na última os guionistas decidiron castigalo dándolle unha liña argumental de merda, volvéndoo malo sen razón aparente (resucitárono na piscina equivocad... perdón, que merda me estás contando???) e volvéndoo bo sen máis explicación no último minuto, para despois matalo nunha escena con bomba digna de Van Damme contra Jason, la precuela (vaia, grazas a algunha manobra de enxeñería incomprensíbel, se corto o cable que non é, en lugar de que non se pare a bomba ou que se detone inmediatamente, o que vai pasar é que conseguirei acelerar o reloxo os segundos xustos para que me sexa imposíbel escapar correndo, nin un máis nin un menos... por favor!). E por se non lles bastase con iso, tamén tiveron que desenterrar a súa memoria e mexar sobre ela cando, despois de establecer durante toda a serie que o amor da súa vida era  Nadia, no odioso capítulo final decidiron emparellalo PARA TODA A ETERNIDADE con Shannon, a estúpida que coñeceu na illa e que morreu pouco despois. Por todo iso eu maldígovos, Damon Lindelof e Carlton Cuse, e como desagravio meto a Sayid nun dos primeiros postos desta lista.


3. Joe Dubois (Medium, Tempada 7 Episodio 13)
As series de tema sobrenatural non son moi afortunadas amosando a vida cotiá dos protagonistas; as máis das veces remarcan a soidade do heroe e a imposibilidade para levar unha vida normal (como lles acontece a Sam e Dean en Supernatural), e en casos moi contados presentan unha visión idílica onde o resto do mundo existe para lle facilitar a vida á protagonista (Ghost Whisperer). O caso de Medium representaba o difícil equilibrio entre unha cousa e outra: os poderes de Allison creaban conflitos moi críbeis no fogar, especialmente co seu home, mais ao final do día Joe Dubois estaba alí para se deitar na cama a carón da súa muller e opinar, coa perspectiva materialista dun científico, sobre todas as taradeces que a ela lle aconteceran no seu mundo de pantasmas e visións.

Por iso foi duro que os guionistas decidisen matalo. Por iso e porque non era en absoluto necesario: nin o actor deixou a serie, nin había unha liña argumental que remataba coa súa morte, nin ten xustificación o horrendo derradeiro episodio, onde decidiron matar a Joe uns 40 anos (en tempo da serie) antes ca Allison, co cal non só nos despedimos de Jack Webber media hora (en tempo real) antes có resto dos seus compañeiros de rodaxe, senón que tivemos que padecer coa familia Dubois a devastación por perder ao pai nun accidente aéreo bastante sinistro. O feito de que Allison fose médium e non fose quen de se comunicar co seu home até morrer ela tamén, engádelle saña ao agravio.

Ás veces as mortes televisivas son conmovedoras porque están ben escritas e ben interpretadas, e outras, como é o caso, simplemente nos fan chorar porque son tan inxustas como na vida real.


2. Hank Schrader (Breaking Bad, Tempada 5B Episodio 6)
Na primeira parte desta lista incluín a Gale Boeticher porque era un personaxe que non queriamos perder e porque o capítulo no que morre está no meu top ten. Desde Gale, moitos outros personaxes perderon a vida en Breaking Bad, e algúns merecerían estar nesta lista (Mike, que tal por Belice, tío?) e se cadra a máis de un lle sorprende que este segundo posto non sexa para Walter White, pero escoiten isto:

Ao longo da serie Walt experimentou unha evolución persoal e *ehem* profesional que só podía rematar con el morto, e a pesar de todo eu coido que conseguiu unha resolución máis ou menos feliz, dentro das súas expectativas: amañouse para facerlle chegar aos seus fillos o que quedaba da súa fortuna, vingouse dos supremacistas que mataran a Hank e lle roubaran todo polo que traballou, fixo todo o que puido para eximir a Skyler de calquera culpa, perdooulle a vida a Jesse e mesmo, dalgunha forma, venceu o cancro morrendo dun tiro no peito.

E despois está Hank, que se mantivo recto e firme durante toda a serie, aturou reverentemente a Marie (#jesuschristmarie!), sobreviviu a unha bomba dentro dunha cabeza, a dous psicópatas mexicanos cunha hacha, e ao estrés post-traumático que viu con iso, e tivo tempo de ser un bo cuñado e unha figura paterna bastante mellor que Walt para Walter Jr. Hank, que soubo quen era Heisenberg só por casualidade, por ter un apretón no momento axeitado e no váter axeitado, pero que despois fixo un traballo incríbel para lle tender unha trampa coas poucas armas que tiña, e que rozou o seu obxectivo nesa última chamada a Marie. 

Hank marchou cunha das mellores frase de toda a serie: “You’re the smartest guy I’ve ever met and you’re too stupid to see he made up his mind ten minutes ago.” E eu chorei.


1.       Joyce Summers (Buffy the Vampire Slayer, Tempada 5 Episodios 15 e 16)
É a morte, ou a representación da morte, mellor rodada da historia da televisión. Primeiro porque nunha serie que trata do sobrenatural, dunha moza que enfronta a morte todos os días, é descorazonador que esta, a que máis lle importa de todas, sexa unha morte natural e que non a poida reverter, nin tan sequera vingar. Joyce Summers morre dunha complicación imprevista tras extirparlle un tumor cerebral, e Buffy chega a casa unha tarde soleada despois de loitar co monstro da semana e atópase coa súa nai fría, nun sofá. Títulos de crédito. Ese é un dos medos máis fondos que todos experimentamos, ese preguntarse “e se agora abro a porta e os meus pais están mortos?” e Joss Whedon retratouno con cero artificios.

O seguinte capítulo é un estudo da dor. Con planos tan pechados e fóra de sitio que resultan abafantes, Joss Whedon, que escribiu este capítulo despois de que a súa propia nai morrese de forma semellante, recolle as tentativas de Buffy por reanimala, primeiro chamando “mamá? que fas aí? mamá?” e despois, cando comeza a comprender o que acontece, un tembloroso “mami?” que me xeou o sangue. A chamada a emerxencias, a chegada da ambulancia, o radiante día de primavera, toda esa escena está rodada de forma tan desestruturada que resulta ben críbel para os que perdemos algún ser querido. Despois diso cadaquén lidia co dó ao seu xeito: Willow poñéndose histérica porque non atopa que poñerse para ir ao tanatorio, Anya facendo as preguntas fóra de lugar que normalmente se lle ocorren aos cativos en situacións así, Dawn querendo vela, querendo ver o corpo... O sobrenatural só está presente nos últimos minutos, e curiosamente só se usa como un pequeno recordatorio de que a vida continúa, e o capítulo é tan sobrio que podería tratarse de calquera drama conceptual deses que gañan os premios da crítica.

Eu sei que a moita xente non lle interesa en absoluto unha serie sobre unha animadora loira que persegue monstros, e que non pensan que está á altura de competir nas ligas de The Wire ou Breaking Bad. A todos eses recoméndolles sinceramente ver este episodio.