Showing posts with label Saturday Night Live. Show all posts
Showing posts with label Saturday Night Live. Show all posts

Monday, 12 November 2012

spoiler alert: o que vin esta semana na tele (do 5 ao 11 de novembro). primeira parte


Espero que isto sexa unha cousa semanal, e estamos aí negociando colaboracións para o blog, así que cunha pouca sorte non tedes que ler soamente o meu punto de vista sesgado e caprichoso, senón que o poderedes contrastar con outros puntos de vista sesgados e caprichosos. Mentres tanto, ídesvos ter que conformar con isto.

Ah! Para fardar un pouco máis, decidín engadir un sistema de puntuación con estrelas, de cero a cinco, por isto de catalogar e medir que nos gusta aos humanos (“a min mídeme...”).

Imos aló: os spoilers, grandes, pequenos e medianos, a partir de aquí.




Revolution (Tempada 1 Episodio 6: The Children’s Crusade) ★☆☆☆☆

Estou un pouco decepcionada con este capítulo de Revolution porque non foi tan divertido coma o anterior. Agárrense los machos, por suposto que foi tan malo coma o anterior e que os personaxes seguiron tomando decisións estúpidas, pero por algunha razón para min non funcionou tan ben coma un narcotraficante psicópata argallando un duelo a morte entre dous dos protagonistas porque se aburría.

Esta semana os nosos heroes seguían o seu camiño interminábel cara a base de operacións de Monroe (comezo a ter claro que o camiño é o obxectivo e que non van chegar alí até o final da tempada), cando se atoparon cunha banda de nenos desamparados mais ao estilo de Peter Pan ca d'O señor das moscas, como cabería esperar dunha situación extrema coma esa. Antes de saber que pasaba con eles, Charlie xa se quería embarcar noutra misión suicida para axudalos, malia que agora vexo claro porque Charlie nunca ten medo de ir facer o idiota por aí adiante: sabe que, pase o que pase, o tío Miles sempre a vai rescatar no último minuto. Claro que os espectadores tamén o sabemos.

A historia dos nenos era que formaban todos parte dun campamento de superviventes até que un día a milicia de Monroe matou os seus pais, asumo que porque iso é o que fan as malvadas milicias post-apocalípticas, porque tampouco o explicaron.  Os nenos sobreviviron agochados, e agora a milicia chegou para levar a Peter Pan ao seu líder non se sabe ónde. A cousa foi como segue: Charlie quería ir rescatar o chaval a onde fose e como fose, porque a súa personaxe ten esa consistencia, que nun momento dado está rosmando porque van moi lentos e non se dan achegado ao seu irmán e no seguinte estase metendo de cabeza en calquera plan estúpido e perigoso para axudar a alguén que non llo pediu. 
Semellaba que Miles ía ser a voz da razón, pero de súpeto remordeulle a conciencia que todos eses asasinatos  ocorresen mentres el estaba ao cargo da milicia de Monroe e co seu beneplácito (o que, estrañamente, nin Nora nin a súa sobriña nin sequera o petardo de Aaron semellan terlle en conta nunca), e decidiu que tamén era a súa responsabilidade rescatar o rapaz. Aaron, como bo covarde que é, protestou un pouco, pero non lle fixeron nin caso. E alá se foron a un misterioso barco ancorado na costa onde a milicia entrenaba reclutas forzosos para os converter en asasinos sanguinarios.

Chegados a este punto teño que facer un inciso para comentar que me desconcerta bastante qué clase de entrenamento militar tivo o tío Miles, porque para ser un soldado do exército dos E.U.A. que despois fundou o seu propio para-exército, non é quen de decatarse cando alguén o sigue monte a través. Xa lle pasara dúas veces co fillo de Giancarlo Esposito, o que pode ter un pase porque o chaval estaba entrenado, pero é que agora o seguiu o club dos cinco ao completo, incluído o neno gordo e tímido, a nena negra e resabiada e un par de estereotipos máis, e non se decatou de nada. O caso é que chegaron todos ao sitio onde estaba o barco e repetiron punto por punto o argumento da semana pasada, que total xa o tiñan ensaiado. Véxase:
Paso 1 – Charlie disfrázase para meterse ela soa na boca do lobo porque (os guionistas insisten en que) esa é a única forma de levar a cabo o seu plan.
Paso 2 – Charlie mete a pata facendo algo perigoso e/ou estúpido.
Paso 3 – O tío Miles dá un par de saltos e cabriolas e chega até onde está Charlie sen correr ningún perigo.
Paso 4 – O tío Miles desfaise dos gardas, rescata a Charlie e finaliza o plan con éxito e sen baixas.
Por que, no nome de Deus, aínda non se lles ocorreu que vaia sempre Miles desde o principio é algo que descoñezo.

Mentres todo isto acontecía, Aaron quedou ao cargo dos cativos –o que a min persoalmente quitaríame o sono- nun faro aparentemente abandonado que despois de 15 anos sen electricidade estaba en perfectas condicións, porque xusto cando Miles e os seus ían perdendo a pelexa no barco e precisaban unha distracción, o USB acendeuse outra vez e o xerador do faro comezou a funcionar e a dar luz coma se nada, cegando momentaneamente aos malos do barco (e, de verdade, só aos malos, o cal na miña opinión está moi perto da xenialidade desta escena) e Miles puido escapar. Ah! No faro había algúns malos máis agochados, pero Aaron desfíxose deles porque seica é o novo Miles.

Pola súa banda, a peor nai do mundo, Rachel, axudou a Monroe a torturar e sonsacar a un antigo compañeiro de traballo para saber ónde estaban agochados os outros USBs, e grazas a iso soubemos que, ademais de ser a peor nai e a peor compañeira de traballo do mundo, Rachel tamén formaba parte do peor equipo de científicos do mundo, porque tratando de desenvolver unha fonte de enerxía inesgotable o que fixeron foi exactamente o contrario, dar cunha forma de esgotar toooooda a enerxía, e o contan tan contentos, coma se fosen os inventores do post-it. O home de Rachel, que só saíu no piloto e do cal non lembro nin o nome, quería vender esta perigosa arma aos militares, para o cal lle fixo unha demostración desternillante a un malvado axente do goberno: por algunha razón, en lugar de amosarlle como todo deixaba de funcionar dentro dun entorno convenientemente illado e observando a través dun cristal como estaba a facer el, obrigou ao axente do goberno a meterse dentro dese entorno illado e comunicarse con el por medio dun teléfono móbil que, claro, tamén deixou de funcionar. Non podo evitar imaxinar os científicos da CIA dicíndolle aos seus superiores “estamos desenvolvendo unha droga experimental, achéguese e remangue a camisa, señor director de operacións”. 


En principio Rachel negábase a venderlle a patente da cousa-que-servía-xustamente-para-o-contrario-do-que-querían aos militares, porque daquela estaba embarazada de Danny e xa se sabe, mulleres e hormonas! póñense todas sentimentais e non se lles pode deixar tratar con asuntos de estado... pero convenientemente tiña unha condición médica que lle ía facer perder o bebé e o único que podía axudala era o malvado axente gubernamental, co cal asumimos que aceptou vender porque Danny está vivo. Ah! E ao final descubrimos que o malvado axente do goberno tamén está vivo e ten secuestrada a aquela señora negra que saíu só no primeiro capítulo e que tamén tiña un USB e non volvemos saber dela.

En resumo: os Nenos Perdidos están salvados e agora xa non desconfían de todos os adultos grazas a Charlie e tío Miles, que seguirán por aí perseguindo aventuras co mesmo patrón en vez de ir dereitiños a rescatar a Danny; Rachel non coñece límites éticos á hora de protexer ao seu fillo, pero non parece preocuparse moito por saber qué vai ser da súa filla agora que o seu home morreu; hai unha conspiración do goberno detrás dos USB máxicos que volven a luz nos momentos máis oportunos do mundo; e a milicia segue coas súas tolas aventuras... quen sabe? se cadra no próximo episodio afogan unha camada de michiños, ou finxen axudar a unha vella a cruzar a estrada e despois lánzana desapiadadamente diante dun camión. O que si, do malvado torturador da semana pasada que ía saír na procura de Charlie e os seus para matalos, non volvemos saber. Quen dixo continuidade?


Supernatural (Tempada 8 Episodio 6: Southern Comfort) ★★★☆☆

A anterior tempada de Supernatural foi a peor até o de agora, para min, para os fans e para a crítica de verdade, por iso a oitava tempada tenta volver ás súas orixes, presentando un caso diferente cada semana, afondando na relación entre os irmáns e sen preocuparse moito, polo de agora, da mitoloxía xeral da serie. Ademais de ter uns antagonistas horríbeis e pouco claros, a anterior tempada tivo a dubidosa honra de contar co peor capítulo da serie, Season 7, Time for a Wedding!, onde os recorrentes chistes metatelevisivos de Supernatural desta vez non funcionaron. Tería borrado ese capítulo da miña mente por completo se non fose porque houbo unha cousa que si me gustou: Garth, o substituto temporal que Dean escolleu para Sam, e que durante todo aquel capítulo foi tratado como un substituto temporal, tiña algo especial para min. O seguinte capítulo no que apareceu, Party On, Garth seguiume dando esperanzas. Non sei porqué, sempre pensei que detrás da caricatura do cazador torpe e friki sen amigos había potencial para un personaxe secundario interesante, se cadra pola interpretación de DJ Qualls ou porque os guionistas xa contaban con introducilo na serie, pero o caso é que a miña fe viuse recompensada no capítulo desta semana.

O caso non tiña nada de particular. Ao xeito dos casos da primeira tempada, foi máis un vehículo para que os irmáns Winchester discutisen, mais unha vez, os seus sentimentos, que para outra cousa. Un penique da Guerra Civil posuía a quen o tocaba co espírito dun soldado confederado vingativo, e se esta persoa lle gardaba rancor a alguén por calquera motivo, convertíase nun asasino sádico e non paraba até matar o obxecto da súa ira. Obviamente, Dean tocou o penique e foise cargar a Sam por deixalo só no Purgatorio, pero Garth salvou o día e converteuse no novo Bobby, algo que levaba tentando desde o comezo do episodio pero Dean lle impedía (a verdade é que me fixo graza ver como Dean se indignaba porque Garth non dicía as coletillas de Bobby, “balls!” e “idjit” nos contextos axeitados).

Garth é un tipo encantador, pero podía ter lavado a gorra de Bobby antes de poñela.
O que non entendo moi ben é o rancor de Dean cara Sam por non buscalo cando estaba no Purgatorio, refacer a súa vida e deixar de ser cazador. Calquera que queira tanto ao seu irmán como estes dous, querería que fose feliz cando el xa non está, e Dean fixo exactamente o mesmo ao final da quinta tempada, cando pensou que Sam estaba morto. Ademais, as continuas referencias ao mal que o pasou no Purgatorio e que nada o pode describir non semellan corresponderse cos flashbacks que nos chegan de alí: a serie xa nos amosou os Winchester vivindo infernos nos que eran torturados día e noite para toda a eternidade; en comparación con iso, dar voltas por unha fraga matando monstros con axuda de alguén non parece moi distinto ao que Dean fai na súa vida real, e desde logo non tan doloroso como a súa tempada no Inferno.

Pola súa banda, Sam está a ter a peor liña argumental da súa vida, e falando de Sam iso é moito dicir. Non sei qué me supera máis, se ver a Jared Padalecki pararse no medio do set e mirar ao baleiro agardando a que na montaxe introduzan as escenas do flashback, ou a historia totalmente carente de emoción da veterinaria viúva de guerra que volveu abrir o seu corazón a un completo estraño. Ademais, se tanto a quería, como é posíbel que marchase a xunta do seu irmán no medio da noite sen deixar sequera unha nota? Cando Dean abandonou a Lisa para protexela, polo menos a chamaba de cando en vez para asegurarse de que estaba ben.


Outra cousa que boto de menos? A música. Non o podo dicir con seguridade, pero penso que desde a montaxe co resumo da tempada pasada no primeiro capítulo, na que soou Locomotive Breath de Jethro Tull, non houbo outra inclusión do rock clásico no que vai de tempada. Tiña entendido que a importancia da música na serie era unha aposta persoal do creador, Eric Kripke (que, incribelmente, tamén está detrás de Revolution aínda que ninguén o diría), pero Kripke deixou a serie despois da quinta tempada, e este cambio na “política musical” non se fixo aparente até agora, polo menos para min. Non sei se ten que ver con que a produtora Sera Gamble tamén deixase a serie ao final da pasada tempada, se cadra era ela quen mantiña viva a idea orixinal de Kripke, pero ese era un dos detalles que lle daban autenticidade á serie, coma os chistes de Dean, coma o Impala, e que facían que os espectadores se identificasen facilmente, sería unha mágoa perdelo. Sobre todo, espero que non se desfagan de Carry On Wayward Son como himno para o resumo da tempada, aínda que teremos que agardar até o último capítulo para sabelo.



Last Resort (Tempada 1 Episodio 6: Another Fine Navy Day) ★★★★☆

Xa comentei o moito que me gusta esta serie? Despois de ver o piloto tiña as miñas dúbidas de que Last Resort puidese seguir mantendo o interese cunha premisa que semellaba non dar máis de si, pero agora mesmo estou vendo todo o que os guionistas teñen na manga e dá para seis tempadas e unha peli. É certo que a serie comezou a sacrificar o pouco realismo que podía ter (toda a parte aburrida das operacións militares secretas e o código de conduta dos oficiais de submarinos) para afondar nas augas abisais que hai máis alá do xénero bélico (que ben me quedou a metáfora, que pouco forzada...) pero eu estou contenta de que fixesen iso, sobre todo con capítulos como o desta semana. Non quero mencionar a outra serie que se desenvolve nunha illa e mestura xéneros, porque penso que a Last Resort lle vai ir mellor sen esas comparacións, pero polo que vin até agora, os guionistas son capaces de meter calquera xénero na trama sen que pareza forzado, e iso sempre é bo.

O episodio desta semana está a ser polémico porque a maioría dos críticos o puxeron a parir. A min gustoume especialmente polo mesmo que lle critican: pola narración fragmentada. Tamén porque as escenas do submarino me lembraron moito a un dos meus episodios preferidos da televisión de todos os tempos (NOTA MENTAL: facer unha lista cos meus episodios preferidos da televisión de todos os tempos), Out of Gas, de Firefly, e a boa televisión que é capaz de evocar máis boa televisión convértese automaticamente en excelente televisión (non estou moi segura de que quere dicir isto).


O argumento non é moi complicado, pero foi a maneira de contalo (a decisión de saltar adiante e atrás no tempo e os movementos erráticos da cámara para acompañar a angustia dos personaxes) a que o converteu nunha historia case excelente, e despois chegarei a ese case. O que aconteceu, basicamente, foi que o inimigo (polo que sabemos o goberno dos E.U.A.) convenceu o cacique local para que introducise un axente tóxico na auga, unha droga que provoca alucinacións, comportamento agresivo (só se es francés e xa estás cabreado de antemán) e acaba causando perdas de consciencia. Os efectos podíanse combater con epinefrina, que había no dispensario local e tamén no submarino, así que o capitán Chaplin decidiu levar a parte da tripulación a bordo para tentar coller o antídoto e poñer o submarino a salvo dun posíbel ataque aproveitando a intoxicación, e Sam ficou en terra para manter a orde. Como era de esperar, algún traidor (ou traidora, a xulgar polo avance do próximo episodio) roubara toda a epinefrina do submarino e o dispensario, así que os nosos heroes tiveron que pasar por todas as fases da intoxicación.

Alén diso, o xefe dos Navy Seals que sobreviviu no piloto recuperou a conciencia no hospital, malia que por pouco tempo, e negouse a revelar a misión que levaran a cabo en Paquistán, e que Chaplin pensa que é a razón de que os queiran ver mortos. King púxose da súa parte e mandou tomar vento a Chaplin e a Sam, aínda que non estaba moi seguro de querer volver a casa, pero isto só durou até que un novo grupo de Seals (ou supoño que serán Seals, tamén) atracou na illa aproveitando o brote de loucura transitoria/inconsciencia, matou algunha xente e torturou ao xefe de King para que lle dese unha información clave sobre o que acontecera en Paquistán. Despois reanimaron á francesa para que lles axudase a establecer comunicación cos seus superiores, e ameazaron con matala porque vira demasiado. Nese momento Sam e King, que se atoparan vagando pola illa mentres tentaban saber que pasara, irromperon para acabar cos Seals malos e salvar a chica, e deixaron vivir ao cacique traidor porque estaba namorado da chica, esa parte non a entendín moi ben.

Mentres tanto, no submarino, a tripulación foi quedando aos poucos inconsciente polo efecto da droga, e Chaplin, que ten máis corpo e vou asumir que por iso tardou máis en asimilala, pairou polo submarino como Mal Reynolds pairou por Serenity no capítulo de Firefly que mencionei antes, tentando apagar un incendio que se declarara nunha sala de máquinas e loitando contras as alucinacións e a falta de osíxeno. O que non me cadra, pero supoño que se resolverá en próximos episodios, é quen lle axudou e porqué esa persoa non o deixou morrer, porque Chaplin se desmaiou soñando co seu fillo antes de conseguir apagar o incendio, pero cando acordou, tiña un chute de epinefrina no peito e o incendio estaba controlado. Pouco despois descubriu que o misterioso samaritano tamén lle roubara a chave que activa o protocolo nuclear que levaba colgada no peito, así que agora non poden ameazar a Washington cos seus mísiles. Supoño que a razón pola que o traidor non os deixou morrer a todos aló abaixo era porque el tamén estaba atrapado no submarino e precisaría de tripulación para levalo outra vez á superficie.


Sam, pola súa parte, tivo unha alucinación un pouco parva, na que a súa muller/conciencia se despedía del porque cruzara a liña do eticamente aceptábel cando (sempre segundo a alucinación) lle deu unha malleira de morte ao Seal malo. O malo é que esa imaxe perdeu cando volvemos ver o Seal malo, unha hora despois da brutal malleira, cun par de tiritas na cella e como unha rosa. Tampouco sei cándo volveu o francés cabreado á illa, non se supón que hai uns capítulos marchara e deixara colgada a moza alá? É o único que pode atravesar o bloqueo? Perdín algo?

Estas últimas dúbidas son suficientes para quitar unha estrela da miña puntuación, porque non quero que me acusen de parcial (aínda que realmente son parcial, que mais ten?), pero polo demais diría que, malia que este estilo errático non se poida repetir todas as semanas porque deixaría de funcionar, este foi un gran capítulo de Last Resort.


Parks and Recreation (Tempada 5 Episodio 6: Ben’s Parents★★★☆

Malia que se supón que as series teñen que ter tensión sexual entre os seus protagonistas e as parellas estábeis non funcionan (é curioso, porque esta premisa só se aplica ás parellas non casadas... dás unha patada a unha pedra e aparece un americano moralista), Parks and Recreation está no seu apoxeo cando Leslie e Ben traballan en equipo, coma esta semana. Desta vez a ocasión era a súa festa de compromiso, e para Leslie tamén coñecer os horríbeis pais de Ben e, como non, poñerse como reto que se levasen ben aínda que só fose durante a festa. Resulta que a nai de Ben non superou o seu divorcio de hai mil anos (o que lle fixo á colcha de Leslie non ten nome, bruxa egoísta!). Máis importante, resulta que o pai de Ben é Mike de Breaking Bad!! (team Mike forever, bitches!), o cal non só é alucinante senón que tamén é alucinante. Iso si, visto BB e visto este capítulo, teño que dicir que Mike é moito mellor avó e asasino a soldo que pai, ademais de estar casado cun ser humano horríbel.


Aparte diso, volveu Jean Ralphio, yupi!, malia que non sabemos se será por moito tempo, porque Tom semellou madurar algo desde o seu fracaso estrepitoso con Entertainment 720 e xa non o quere ter de socio; descubrimos que Ron Swanson ten unha cantidade aceptábel de ouro agochada nalgures; e Chris  (que cando se uniu a esta serie me fixo replantearme os meus sentimentos cara a Rob Lowe porque é unha mina para a comedia) comeza a aburrir un pouco, segue deprimido e sen atoparlle sentido á vida, co cal sospeitamos que dentro de pouco tocará fondo volvendo a saír coa aburrida Anne Perkins, que non ten unha liña argumental decente desde a primeira tempada.

O mellor do episodio:

-A colcha da unidade familiar de Leslie (sobre todo o recadro de Joe Biden, o segundo político máis sexy despois de Ben).

-Andy e April tentando animar a Chris cunha terapia de choque consistente en recitar unha batería de cousas alegres (Andy) e deprimentes (April) intercaladas.

-O duelo de titáns entre o pai de Ben (para min sempre será Mike #suspiro#) e Ron Swanson para ver quen colle a última gamba Orly do buffet.




Haven (Tempada 3 Episodio 8: Magic Hour part 2) ★★★☆☆

NOTA: Os fans de Haven estamos de noraboa porque SyFy acaba de renovala por unha cuarta tempada de 13 capítulos, que se van emitir nalgún momento de 2013, se 2013 existe. Esta tempada, Haven está tendo unha audiencia media nos E.U.A. de 2.4 millóns de telespectadores cada semana, o cal está moi ben para unha serie de xénero nunha cadea de televisión por cable. (fonte: tv.com)

Esta foto só vai aquí porque me fai graza Duke co ukelele... Dukelele!
Despois do excelente episodio da semana pasada, era difícil que Haven puidese manter o listón igual de alto, sobre todo porque o final do anterior capítulo, malia que sorprendente, non daba moito lugar a especulación: todos sabíamos que Nathan non ía morrer porque é un dos protagonistas da serie, e a única serie na que os protagonistas morren alegremente é The Walking Dead, que eu saiba. Iso supuña que Audrey e Crocker ían atopar á moza que resucita mortos a tempo, ou que ían conseguir que, unha vez morta, o seu don/problema se transmitise a súa irmá, o que finalmente pasou.

Como era de esperar, tamén descubriron que Tommy era o asasino da pistola de perno, e entre Crocker e a amiga de Nathan que electrocuta co tacto tíñano acurralado, se non fose porque ela ¿tropezou?, electrocutou a Crocker, e Tommy aproveitou para escapar. Tommy foi a unha cabana de pesca propiedade dos editores do xornal, Vince e David Teagues, non sei se para agocharse ou para agardar a que eles se decatasen de que lles faltaba a chave da cabana e fosen até alí a mirar quén a roubara sen pensar en avisar ao sheriff, porque cando chegaron Tommy reduciunos a pesar de estar os dous armados, atounos a unhas cadeiras, e someteunos a un interrogatorio que a min persoalmente non me pareceu tan duro.

Case me esquezo! Tamén descubrimos que Dwight, outro dos bos, ten unha tatuaxe nada discreta do símbolo dos problemáticos en todo o lombo, o que para min non quere dicir demasiado porque agora xa sabemos qué significa e porqué o levan, só que o plano do seu lombo coa tatuaxe quedou un bo cacho suspendido, polo que supoño que nos queren dicir algo con iso, chamádeo intuición.


Ao final todo rematou ben, salvo que Tommy fuxiu nun barco de manufactura americana, porque foi dispararlle un par de veces e estoupou coma unha pirotecnia, o mesmo cós coches nas películas de persecucións, e a idea é que pensemos que está morto aínda que nunca atoparon o cadáver. Tamén volveu aparecer o pendello que só Audrey pode ver na illa que está fronte a costa de Haven, malia que desta vez Vince tamén o viu, así que non entendo nada. O próximo capítulo non promete aclarar o misterio do pendello nin o de Tommy, pero ten pinta de resolver moitas dúbidas sobre Audrey/Sarah, porque Crocker vai viaxar no tempo a 1950, e os episodios de viaxes no tempo sempre molan, salvo naquela serie na que o protagonista viaxaba no tempo en todos os capítulos.


Saturday Night Live (Tempada 38 Episodio 7: Anne Hathaway/Rihanna) ★★☆☆

Vaia por diante que odio a Anne Hathaway. Non sei se son todas esas películas do sábado de lerda-convertida-en-princesa ou a súa risa forzada, pero odio a esa actriz. Íame saltar Saturday Night Live esta semana, pero despois pensei que se fun capaz de aturar o terríbel episodio de Bruno Mars, ben podía co meu deber blogomíllico? blogomillista? de comentar tamén este episodio. E menos mal, porque teño que recoñecer que a tipa o fixo moi ben, e mesmo deixou algúns momentos estelares, a destacar:

-Girlfriends Talk Show. Non me canso de ver a Cecily Strong facendo de adolescente superficial, non sei se ten máis rexistros pero ese gústame. Tamén foi unha oportunidade para darlle algo de tempo en pantalla a outra das novas actrices, Aidy Bryant, e non o fixo nada mal.

-A parodia de Homeland. A través da ollada de Estes, que neste caso facía de espectador medio, cravaron a todos os personaxes, especialmente a Carrie (Anne Hathaway) e a Brody (Taran Killam, quen de súpeto semella ter talento para a comedia.. por fin). Case caio do asento cando a filla de Brody (Nasim Pedrad) apareceu no medio da CIA cos pelos diante da cara e as mangas do xersei estiradas.


-Weekend Update. Por Seth Meyers, por suposto, e tamén porque volveu o tío borracho, un dos mellores personaxes recurrentes de SNL. O da parella gay de Maine pareceume un pouco topicazo homófobo, máis propio de Aída que de SNL.

-Non vexo Ellen pero a parodia fíxome graza, e polo que lembro do personaxe, estivo bastante acertada. Sigo dicindo que Kate McKinnon é o mellor que lle pasou a SNL nas últimas tempadas, case non me deu tempo de botar de menos a Kristen Wiig, e eu adoraba a Kristen Wiig.

Até aquí a primeira parte das reseñas desta semana. Despois da folga máis. Secundade a folga: a televisión só é unha vía de escape, a realidade é brutal.

Thursday, 8 November 2012

spoiler alert: o que vin esta semana na tele (2)


A segunda parte das cousas que vin a semana pasada. A verdade é que vin unhas cantas máis, pero mentres non teña colaboradores, Gemi, tampouco podo facelo mellor.



Fringe  (Tempada 5 Episodio 5)

Non é por fardar, pero sabíao! Non é que o soubese, pero tiña a esperanza/ilusión de que fose pasar. Estou falando do mellor paradoxo temporal de todos os tempos, que seguramente se dea no final de Fringe se os tiros seguen indo por onde nos indicaron esta semana. O capítulo lembroume a unha das miñas novelas preferidas, Terra! de Stefano Benni, na que se descubre que blablabla e blablabla eran en realidade blablabla e blablabla, que cando foron na procura de blablabla o que atoparon foi blablabla, creando un paradoxo temporal (só espoileo series, non son tan cruel).

O futuro dá moito medo.
Esta semana en Fringe sentaron as bases para que aconteza algo parecido. Walter e Astrid /Asteroid/Aspirin (os mellores nomes da televisión) seguen enredados na súa procura das pezas do puzzle para construír a arma definitiva que mate a todos os Observadores. Até agora esa liña argumental parecérame un pouco coñazo, sentía que estaba xogando a Monkey Island en vez de ver unha serie, cos personaxes facendo unhas tarefas predeterminadas para conseguir obxectos e levar a cabo outras tarefas con eses obxectos (cheguei a esperar que, nunha desas, Walter dixese “eso no necesita chicle!”). Agora comezo a pensar que os guionistas de Fringe non dan puntada sen fío, e se cadra todo isto das cintas vai converxer coa outra liña argumental. Que ven sendo: Peter e Olivia intentan recuperarse da morte de Etta como fixeron cando a perderan durante a invasión dos Observadores, cadaquén ao seu xeito. Olivia no estilo clásico do duelo, retraída e sen entender moi ben a Peter, e Peter irrecoñecíbel (creo que é o primeiro capítulo no que non vin absolutamente nada do amigo parvo de Dawson), nun ataque de Liam Neeson se lanza a unha orxía de vinganza e caras de malo maloso. E aquí é onde ven o interesante: despois dun intercambio de opinións cun Observador ao que estaba interrogando, Peter chegou á conclusión de que, sendo el tan listo e superior, podería facer moito máis cós Observadores se levase incorporada no corpo a tecnoloxía que eles teñen (eu debín perder algún episodio, porque até o venres pasado descoñecía que os Observadores tiñan unha especie de chips na caluga), así que decidiu abrir o pescozo do Observador capturado e auto-implantarse o seu chip. O cal nos leva ao paradoxo temporal: e se Peter é a orixe dos mesmos Observadores aos que trata de exterminar? De acordo que o meu cerebro tamén fai bum! cando vexo unha ecuación de 8º de EXB, pero aquí o bum! é maiúsculo. Penso que toda a historia das cintas de Walter é unha forma de demorar o que vai pasar a continuación, que cando reúna todas as pezas do puzzle Walter vaise decatar de que a forma de derrotar os Observadores é parar (matar?) a Peter, e aí vai comezar o verdadeiro conflito. Ou se cadra só é unha idea parva que teño eu na cabeza, pero non molaría?

Aí atrás alguén me comentou que xa non seguía Fringe porque ao comezo (na que eu bauticei como “a tempada aburrida”) trataba con ciencia experimental plausible, como o seu nome indica, pero que nas seguintes tempadas entrara de cheo na ciencia ficción máis inverosímil, e xa non lle podemos chamar “fringe science”. A min paréceme estupendo que non lle chame matrimonio se non lle dá a gana, pero penso que Fringe gañou co salto á ciencia ficción, e quedo cos universos alternativos, a crioxenización en ámbar e as viaxes temporais.

Saturday Night Live (Tempada 38 Episodio 6)

O único que teño que dicir é: Louis CK en Saturday Night Live.

Todo o programa foi fantástico, pero se teño que destacar algo:

O comezo, cunha parodia do alcalde de Nova York e a súa efusiva intérprete de signos dirixíndose á cidadanía tras o Sandy, despois o gobernador de Nova Jersey e a súa intérprete(que era unha mestura entre Carmela Soprano e a Nanny Fine) ameazando ao Sandy se volvía polo seu estado e ao alcalde de Atlantic City por ir de sobrado, e mais unha vez o alcalde de Nova York, esta vez explicando aos cidadáns hispanos que estes días os brancos van estar máis irritábeis do normal porque non teñen televisión por cable. Glo-rio-so.
O monólogo de Louis CK sobre axudar señoras vellas en apuros.

A parodia de Louie, con Louis CK como Abraham Lincoln, tentando facerse amigo de clientes negros nos bares para que lle agradezan a liberación.


O sketch totalmente ridículo do dependente do hotel, que lle pregunta ao cliente que marcha se mangou cousas do cuarto como as toallas ou un puma disecado, ou queréndolle cargar un extra polo uso de argón (“non sei o que é, non o puiden usar!”, “é un gas noble, señor, é inodoro e incoloro, como está seguro de que non o usou?”), moi no estilo dos Monty Python.

O sketch dos últimos clientes do bar, con Louis CK e Kate McKinnon (unha xoia do novo SNL) ligando de forma realista, con frases como “non che parece máxico a forma en que nos coñecemos aquí, cando xa pasaron de min todos os tíos medianamente guapos do bar e es a miña última oportunidade?” ou “parece cousa do destino que che coñecese xusto agora que xa estou borracho abondo para considerarte atractiva!”. E o morreo que se dan ao final é do máis noxento que vin en anos! E unhas risas, claro.

Downton Abbey (Tempada 3 Episodio 8)

As dúas primeiras tempadas de Downton Abbey gustáronme. Non unha cousa esaxerada, pero era un culebrón de época que se deixaba ver, bastante calcado de Upstairs & Downstairs, pero con personaxes aos que lle collías cariño deseguida e coas frases lapidarias de Maggie Smith como condesa viúva de Grantham (“oh, dear, war is so very inconvenient!”). O retrato que facían da Inglaterra da Primeira Guerra Mundial, malia que pasado polo cerne da telenovela, era bastante acertado. Ao final da anterior tempada a filla pequena dos Grantham, Sybill, namoraba perdidamente de Branson, o chófer irlandés, e sen a aprobación do seu pai marchaba con el a Dublín, casaban e estaba embarazada. Na terceira tempada, que rematou este domingo, as promocións prometían tratar o asunto do conflito con Irlanda e a guerra civil a través da figura de Branson, un socialista irlandés que citaba a James Connolly cada dúas frases e soñaba con axudar a liberar Irlanda do xugo inglés. Non se me escapa que Julian Fellowes é un cabaleiro británico, e que aínda hoxe algúns británicos teñen unha visión sesgada sobre a historia irlandesa, pero non debería introducir un personaxe así se tiña pensado darlle a evolución absurda que lle deu no arco argumental desta tempada.

O máis reivindicativo que fixo Branson esta tempada foi bautizar a súa filla.
No transcurso destes oito episodios, o que pasou con este personaxe foi como segue: Branson e Sybill foron un par de veces a visitar os Grantham por vodas e cousas así, de súpeto un día aparece Sybill toda nerviosa e dilles que tivo que escapar de Dublín porque a policía a seguía, seica Branson participara nunha revolta (aleatoria  e sen motivo, nin mención ao Alzamento de Pascua, as posteriores execucións masivas, ou a mesma Guerra da Independencia na que estaban inmersos na época na que está ambientada esta tempada). Xusto despois chega Branson, fuxido e moi afectado porque viu como uns compatriotas desaloxaban unha mansión ocupada por nobles ingleses e a queimaban sen motivo aparente (sic). Os condes de Grantham recrimínanlle que metese a súa filla nese clima de violencia e odio (ambos presuntamente unidireccionais), perdóano, dinlle que se volve a Irlanda o van deter e Branson queda tan feliz a vivir en Downton. Fin do tema irlandés. Ao pouco disto, Sybill morre no parto, Branson quere marchar coa cativa a Liverpool, ignoro porqué, os Grantham convénceno de que fique en Downton e danlle traballo como administrador das súas terras. Fin do tema socialista.

E esta foi, a ollos de Julian Fellowes, a evolución lóxica dun revolucionario irlandés seguidor de Connolly. Estou desexando ver qué fai coas sufraxistas.

Homeland (Tempada 2 Episodio 6)

Estaba case segura de que esta tempada de Homeland se ía estragar en canto decidiron revelarlle a Brody que sabían que traballa para Abu Nazir. Supuxen que a partir de agora trataríase de convencer a Brody de que traballase para a CIA, e Homeland pasaría a ser o típico drama de bos e malos. E en teoría foi  así. En teoría, porque esta semana vimos a Brody seguindo as instrucións de Carrie Mathison, contándolle á súa muller que traballa para a CIA, tentando identificar o presunto terrorista ao que gravaron falando con Roya Hammad... e despois vímolo falando con Roya Hammad, mirándose as mans nervioso -ou poida que facendo sinais secretos con elas-, compartindo un minuto de silencio mentres agardaban a que un señor que pasaba por alí se afastase -ou poida que comunicándose dalgunha forma que as cámaras da CIA non puidesen captar-, e volvendo a ser o mesmo Brody raro e explosivo que non poderiamos dicir de que lado está. É como volver á primeira tempada, que para min foi impecábel, mesmo na relación sempre tensa entre Brody e Carrie. Ao final do capítulo o novo terrorista cargouse aos axentes que estaban rexistrando a xastrería de Gettysburg onde fixeron o chaleco, e levou algo con pinta de bomba que estaba agochado na parede, pero o importante de todo iso é que non sabemos se Brody tentou evitalo ou foi de feito quen o provocou.


Agora tamén entrou en xogo o peor amigo do mundo, que despois de volverlle entrar á muller de Brody no capítulo anterior, esta semana dedicouse a indagar sobre a morte de Tom Walker e a case acusar a Brody dela (o cal parece un pouco chambón, dado que a tempada pasada as mentes máis brillantes da CIA non foron capaces de confirmar se Brody estaba detrás dela).  As súas preguntas puxeron incómodo a Estes, que intentou asustalo de forma bastante pouco CIA para que deixase de meter o fociño nesa historia, pero iso non impediu que lle fose co conto á muller de Brody.

A historia chorras desta semana foi a da filla adolescente, que agora está metida en plena película do sábado despois de comer, cun atropelo con fuga e un amigo que non se quere facer cargo, pero como confío nos guionistas de Homeland espero que esta liña argumental chega a algún lado interesante, e a ser posíbel explosivo.

The Walking Dead

Estou tan contenta de perder de vista a Lori, que case vou pasar por alto a escena da súa morte. Desde que dixo que estaba embarazada, na tempada pasada, estiveren imaxinando o fabuloso que sería que o feto morrese polo estrés da vida que levaba e comezase a devorala desde dentro, así que cando ela mesma suxeriu esa posibilidade no capítulo do domingo, o meu corazón elevouse un pouquichiño. Un premio Darwin para Lori!

Ao final a cousa non foi tan gore coma iso, o feto e ela corrían perigo, así que Lori tivo que decidir qué vida salvar. Para honrar o seu paso pola serie cunha última decisión estúpida, Lori sacrificouse pola vida de un bebé que ten as horas contadas en plena apocalipse zombi, e deixou que Maggie lle practicase unha cesárea con cero experiencia, medios e, o máis importante, co coitelo de matar zombis de Carl, que hai que ser asquerosita, porque eu nunca vin o rapaz limpalo. Agora van vir os listos a dicirme que era o único que podía facer se non quería ser devorada por un feto-zombi, pero había outras formas de evitar iso (unha delas, proposta por Tim Surette en tv.com, implicaba unha agulla moi longa e algún tipo de pinzas para desmembrar, para refocile do Foro da Familia). Total, hola novo bebé que vas durar dous telediarios zombis, D.E.P. Lori, sempre te recordaremos por ser A PERSONAXE MÁIS ODIOSA DA TELEVISIÓN.

Esta ha de ser a primeira escena na que Lori sabe onde está Carl.
Mentres tanto, un dos presos aos que o sheriff Rick botou da súa casa porque cada vez se parece máis a Walker Texas Ranger, sobreviviu aos zombis do patio do cárcere e planificou unha vinganza elaborada de aúpa, o grupo separouse, Carol desapareceu –así que, coas súas habilidades augúrolle un futuro tan negro como o da súa filla Sophia- e T-Dog por fin fixo algo útil sacrificándose por un compañeiro (aínda que elixiu a Carol, co cal o seu sacrificio tampouco é que servise para moito). D.E.P. T-Dog e moi probabelmente D.E.P. Carol nun par de episodios.

Andrea e Michonne seguen en Woodsbury. Michonne quere marchar, porque é lista ou se cadra porque leu os cómics, pero Andrea non se entera de nada e está facendo o parvo, preguntándolle ao Gobernador se estuda ou mata zombis, e así. Ah! E Merle,que sobreviviu a unha man cortada por el mesmo na azotea dun edificio invadido por zombis, agora di que quere volver onda o seu irmán, pero o Gobernador non lle deixa. E como até o momento iso é o máis duro que vimos do Gobernador (o das cabezas cortadas... oiga, cada quen entende o ocio á súa maneira) a min el por agora non me dá demasiado medo, pero haberá que agardar a ver cómo evoluciona o seu personaxe e que cousas ignominiosas fai nos vindeiros capítulos.

Esta reseña foi patrocinada por “corazón solitario”.