Por fin! Por fin! Xa está aquí a segunda parte da lista máis agardada do outono. Máis spoilers para todos:
10. Liz (Louie, Tempada 3 Episodio 13)
Mesmo para unha comedia tan marciana coma Louie, o personaxe de Liz sempre foi do máis raro, e a súa morte, absurda e tráxica a un tempo, foi o resumo do seu paso pola serie. Despois de pasar un ano máis ben horríbel (entre outras cousas a perda de Liz, que o facía feliz) Louie sube nun autobús cara ao aeroporto para pasar o fin de ano coa súa irmá e a familia, idea que non lle entusiasma. No autobús atópase con Liz, o que lle devolve a alegría de vivir por aproximadamente medio segundo, porque nese mesmo momento Liz comeza a sangrar polo nariz, debrúzase no chan e pouco despois morre, sen explicación. Que???
9. O Décimo Doutor (Doctor Who, Tempada 4 Episodio 18)
Isto ten un pouco de trampa porque todas sabemos que os Señores do Tempo se rexeneran, e que os distintos actores que interpretaron ao Doutor Who durante décadas non son máis ca reencarnacións do mesmo doutor, iso si, cada unha coa súa propia personalidade. Con todo, decidín meter o Décimo Doutor nesta lista porque: a) adoraba a David Tennant e odio con toda a miña alma a Matt Smith, que o substituíu, e b)semella que o Décimo é o único Doutor Who que ve a súa existencia coma un episodio finito, non unha reencarnación, por iso as súas palabras de despedida (“non quero marchar”) resultan tan dolorosas.
8. Coronel Henry Blake (M*A*S*H, Tempada 3 Episodio 24)
Despois de tres tempadas
pasando por alto as monadas de Hawkeye e Trapper, e aturando a Klinger, o
coronel Blake por fin se licencia e marcha de regreso á súa consulta privada en
Illinois. Un lote de bicos, abrazos e final feliz... Que? Nunha serie que se
estaba emitindo mentres o exército americano estaba aínda en Vietnam? Nin de
broma. Os creadores de M*A*S*H non tiñan ningunha necesidade de entrar aí,
pero quixeron facelo igualmente: chavales, lembrade que na guerra non hai
finais felices, pouco despois da saída de escena do coronel, Radar anuncia
entre bágoas que o seu helicóptero foi abatido sobrevoando o mar de Xapón.
7. Bobby Singer (Supernatural, Tempada 7 Episodio 10)
A sétima tempada de Supernatural foi a peor da serie porque introduciu os estúpidos Leviathans, probabelmente os monstros máis cutres da historia televisiva (así que son super-poderosos, pódense metamorfosear en quen queiran, comen humanos e... mátanse con auga e xabón???). A sétima tempada, ademais, viu a morte do personaxe máis querido da serie, Bobby Singer, a figura paterna que Sam e Dean levaban buscando desde o primeiro episodio da serie. Por sorte, os guionistas de Supernatural déronlle a oportunidade de revivir momentos felices exercendo de pai de Sam e Dean no episodio da súa morte. E a súa frase de despedida, foi a que todos os fans agardábamos: “idjits!”
6. Dan Conner (Roseanne, Tempada 8 Episodio 23, descuberto na Tempada 9 Episodio 24)
Debéramos ter sospeitado cando a novena tempada de Roseanne (unha serie que xa teño louvado aquí por se manter fiel na súa representación da clase obreira) comezaba cos Conner gañando a lotaría e facéndose millonarios. Debéramos ter sospeitado máis aínda cando todo nesa tempada seguiu sendo ridículo: Dan recuperouse milagrosamente do seu ataque ao corazón da tempada anterior, Darlene tivo un bebé, Jackie atopou un príncipe azul que era realmente un príncipe, Steven Seagal salvou a Roseanne e Jackie dun grupo terrorista (como lo oyen!) e outra serie de catastróficas dichas... Así e todo, a todo o mundo colleulle por sorpresa que, despois de cagala tanto nunha soa tempada, no capítulo final da serie os guionistas decidiran marcarse un Dallas (tamén chamado un Los Serrano para os máis novos, aínda que persoalmente prefiro chamalo “xiro argumental do concurso de redacción de terceiro de E.X.B. da miña escola”): era todo un soño! Dan morrera, efectivamente, dun ataque ao corazón ao final da oitava tempada, e os acontecementos desde aquela (e algúns de tempadas anteriores) formaban parte do xeito en que Roseanne narrara a súa propia historia, cambiando o que non quería lembrar. Moitos anos despois Ian McEwan escribiu unha novela con basicamente o mesmo truco final, forrouse e, que eu saiba, ninguén o acusou de plaxio.
5. Omar Little (The Wire, Tempada 5 Episodio 8)
Omar foi un dos
personaxes máis queridos de The Wire,
probablemente porque estaba retratado con máis coidado que os outros personaxes
do lumpen de Baltimore. A súa imaxe icónica, co abrigo e o rifle, e o seu
código de honor tamén axudaron. O mesmo que os espectadores estaban da súa parte,
os rapaciños das torres temíano e admirábano, agardando ser como el algún día
(polo menos en case todo). Por iso foi máis chocante aínda que a súa morte chegase
a man dun deses cativos, así, sen previo aviso, como acontecen as cousas en The Wire.
4. Sayid Jarrah (Lost, Tempada 6 Episodio 14)
A morte de Sayid non foi
nin de lonxe tan tráxica como a de Jin e Sun ou a de Charlie, e iso é o que
máis me saca de quicio. Sayid foi un dos mellores personaxes durante cinco
tempadas (e o único que rompeu o pescozo dun inimigo cos pés mentres estaba
maniatado e deitado no chan), até que na última os guionistas decidiron
castigalo dándolle unha liña argumental de merda, volvéndoo malo sen razón
aparente (resucitárono na piscina equivocad... perdón, que merda me estás
contando???) e volvéndoo bo sen máis explicación no último minuto, para despois
matalo nunha escena con bomba digna de Van
Damme contra Jason, la precuela (vaia, grazas a algunha manobra de
enxeñería incomprensíbel, se corto o cable que non é, en lugar de que non se
pare a bomba ou que se detone inmediatamente, o que vai pasar é que conseguirei
acelerar o reloxo os segundos xustos para que me sexa imposíbel escapar
correndo, nin un máis nin un menos... por favor!). E por se non lles bastase
con iso, tamén tiveron que desenterrar a súa memoria e mexar sobre ela cando,
despois de establecer durante toda a serie que o amor da súa vida era Nadia, no odioso capítulo final decidiron
emparellalo PARA TODA A ETERNIDADE con Shannon, a estúpida que coñeceu na illa
e que morreu pouco despois. Por todo iso eu maldígovos, Damon Lindelof e
Carlton Cuse, e como desagravio meto a Sayid nun dos primeiros postos desta
lista.
3. Joe Dubois (Medium,
Tempada 7 Episodio 13)
As series de tema sobrenatural
non son moi afortunadas amosando a vida cotiá dos protagonistas; as máis das
veces remarcan a soidade do heroe e a imposibilidade para levar unha vida
normal (como lles acontece a Sam e Dean en Supernatural),
e en casos moi contados presentan unha visión idílica onde o resto do mundo
existe para lle facilitar a vida á protagonista (Ghost Whisperer). O caso de Medium
representaba o difícil equilibrio entre unha cousa e outra: os poderes de Allison
creaban conflitos moi críbeis no fogar, especialmente co seu home, mais ao
final do día Joe Dubois estaba alí para se deitar na cama a carón da súa muller
e opinar, coa perspectiva materialista dun científico, sobre todas as taradeces
que a ela lle aconteceran no seu mundo de pantasmas e visións.
Por iso foi duro
que os guionistas decidisen matalo. Por iso e porque non era en absoluto
necesario: nin o actor deixou a serie, nin había unha liña argumental que
remataba coa súa morte, nin ten xustificación o horrendo derradeiro episodio,
onde decidiron matar a Joe uns 40 anos (en tempo da serie) antes ca Allison, co
cal non só nos despedimos de Jack Webber media hora (en tempo real) antes có
resto dos seus compañeiros de rodaxe, senón que tivemos que padecer coa familia
Dubois a devastación por perder ao pai nun accidente aéreo bastante sinistro. O
feito de que Allison fose médium e non fose quen de se comunicar co seu home
até morrer ela tamén, engádelle saña ao agravio.
Ás veces as mortes
televisivas son conmovedoras porque están ben escritas e ben interpretadas, e
outras, como é o caso, simplemente nos fan chorar porque son tan inxustas como
na vida real.
2. Hank Schrader (Breaking Bad, Tempada 5B Episodio 6)
Na primeira parte desta
lista incluín a Gale Boeticher porque era un personaxe que non queriamos perder
e porque o capítulo no que morre está no meu top ten. Desde Gale, moitos outros personaxes perderon a vida en Breaking Bad, e algúns merecerían estar
nesta lista (Mike, que tal por Belice, tío?) e se cadra a máis de un lle
sorprende que este segundo posto non sexa para Walter White, pero escoiten
isto:
Ao longo da serie Walt
experimentou unha evolución persoal e *ehem* profesional que só podía rematar
con el morto, e a pesar de todo eu coido que conseguiu unha resolución máis ou
menos feliz, dentro das súas expectativas: amañouse para facerlle chegar aos
seus fillos o que quedaba da súa fortuna, vingouse dos supremacistas que mataran a Hank
e lle roubaran todo polo que traballou, fixo todo o que puido para eximir a
Skyler de calquera culpa, perdooulle a vida a Jesse e mesmo, dalgunha forma,
venceu o cancro morrendo dun tiro no peito.
E despois está Hank, que
se mantivo recto e firme durante toda a serie, aturou reverentemente a Marie
(#jesuschristmarie!), sobreviviu a unha bomba dentro dunha cabeza, a dous
psicópatas mexicanos cunha hacha, e ao estrés post-traumático que viu con iso,
e tivo tempo de ser un bo cuñado e unha figura paterna bastante mellor que Walt
para Walter Jr. Hank, que soubo quen era Heisenberg só por casualidade, por ter
un apretón no momento axeitado e no váter axeitado, pero que despois fixo un
traballo incríbel para lle tender unha trampa coas poucas armas que tiña, e que
rozou o seu obxectivo nesa última chamada a Marie.
Hank marchou cunha das
mellores frase de toda a serie: “You’re the smartest guy I’ve ever met and you’re
too stupid to see he made up his mind ten minutes ago.” E eu chorei.
1.Joyce Summers (Buffy
the Vampire Slayer, Tempada 5 Episodios 15 e 16)
É a morte, ou a
representación da morte, mellor rodada da historia da televisión. Primeiro
porque nunha serie que trata do sobrenatural, dunha moza que enfronta a morte
todos os días, é descorazonador que esta, a que máis lle importa de todas, sexa
unha morte natural e que non a poida reverter, nin tan sequera vingar. Joyce
Summers morre dunha complicación imprevista tras extirparlle un tumor cerebral,
e Buffy chega a casa unha tarde soleada despois de loitar co monstro da semana
e atópase coa súa nai fría, nun sofá. Títulos de crédito. Ese é un dos medos
máis fondos que todos experimentamos, ese preguntarse “e se agora abro a porta
e os meus pais están mortos?” e Joss Whedon retratouno con cero artificios.
O seguinte capítulo é un
estudo da dor. Con planos tan pechados e fóra de sitio que resultan abafantes,
Joss Whedon, que escribiu este capítulo despois de que a súa propia nai morrese
de forma semellante, recolle as tentativas de Buffy por reanimala, primeiro
chamando “mamá? que fas aí? mamá?” e despois, cando comeza a comprender o que acontece, un
tembloroso “mami?” que me xeou o sangue. A chamada a emerxencias, a chegada da
ambulancia, o radiante día de primavera, toda esa escena está rodada de forma
tan desestruturada que resulta ben críbel para os que perdemos algún ser
querido. Despois diso cadaquén lidia co dó ao seu xeito: Willow poñéndose
histérica porque non atopa que poñerse para ir ao tanatorio, Anya facendo as
preguntas fóra de lugar que normalmente se lle ocorren aos cativos en
situacións así, Dawn querendo vela, querendo ver o corpo... O sobrenatural só
está presente nos últimos minutos, e curiosamente só se usa como un pequeno
recordatorio de que a vida continúa, e o capítulo é tan sobrio que podería
tratarse de calquera drama conceptual deses que gañan os premios da crítica.
Eu sei que a moita xente
non lle interesa en absoluto unha serie sobre unha animadora loira que persegue
monstros, e que non pensan que está á altura de competir nas ligas de The Wire ou Breaking Bad. A todos eses recoméndolles sinceramente ver este episodio.
Espero que isto sexa
unha cousa semanal, e estamos aí negociando colaboracións para o blog, así que
cunha pouca sorte non tedes que ler soamente o meu punto de vista sesgado e
caprichoso, senón que o poderedes contrastar con outros puntos de vista sesgados
e caprichosos. Mentres tanto, ídesvos ter que conformar con isto.
Ah! Para fardar un pouco
máis, decidín engadir un sistema de puntuación con estrelas, de cero a cinco,
por isto de catalogar e medir que nos gusta aos humanos (“a min mídeme...”).
Imos aló: os spoilers,
grandes, pequenos e medianos, a partir de aquí.
Revolution (Tempada 1 Episodio 6: The Children’s Crusade) ★☆☆☆☆
Estou un
pouco decepcionada con este capítulo de Revolution
porque non foi tan divertido coma o anterior. Agárrense los machos, por suposto
que foi tan malo coma o anterior e que os personaxes seguiron tomando decisións
estúpidas, pero por algunha razón para min non funcionou tan ben coma un
narcotraficante psicópata argallando un duelo a morte entre dous dos
protagonistas porque se aburría.
Esta
semana os nosos heroes seguían o seu camiño interminábel cara a base de
operacións de Monroe (comezo a ter claro que o camiño é o obxectivo e que non
van chegar alí até o final da tempada), cando se atoparon cunha banda de nenos
desamparados mais ao estilo de Peter Pan
ca d'O señor das moscas, como
cabería esperar dunha situación extrema coma esa. Antes de saber que pasaba con
eles, Charlie xa se quería embarcar noutra misión suicida para axudalos, malia
que agora vexo claro porque Charlie nunca ten medo de ir facer o idiota por aí
adiante: sabe que, pase o que pase, o tío Miles sempre a vai rescatar no último
minuto. Claro que os espectadores tamén o sabemos.
A
historia dos nenos era que formaban todos parte dun campamento de superviventes
até que un día a milicia de Monroe matou os seus pais, asumo que porque iso é o
que fan as malvadas milicias post-apocalípticas, porque tampouco o explicaron. Os nenos sobreviviron agochados, e agora a
milicia chegou para levar a Peter Pan ao seu líder non se sabe ónde. A
cousa foi como segue: Charlie quería ir rescatar o chaval a onde fose e como
fose, porque a súa personaxe ten esa consistencia, que nun momento dado está
rosmando porque van moi lentos e non se dan achegado ao seu irmán e no seguinte
estase metendo de cabeza en calquera plan estúpido e perigoso para axudar a
alguén que non llo pediu.
Semellaba que Miles ía ser a voz da razón, pero de
súpeto remordeulle a conciencia que todos eses asasinatos ocorresen mentres el estaba ao cargo da
milicia de Monroe e co seu beneplácito (o que, estrañamente, nin Nora nin a súa
sobriña nin sequera o petardo de Aaron semellan terlle en conta nunca), e
decidiu que tamén era a súa responsabilidade rescatar o rapaz. Aaron, como bo
covarde que é, protestou un pouco, pero non lle fixeron nin caso. E alá se
foron a un misterioso barco ancorado na costa onde a milicia entrenaba reclutas
forzosos para os converter en asasinos sanguinarios.
Chegados
a este punto teño que facer un inciso para comentar que me desconcerta bastante
qué clase de entrenamento militar tivo o tío Miles, porque para ser un soldado
do exército dos E.U.A. que despois fundou o seu propio para-exército, non é
quen de decatarse cando alguén o sigue monte a través. Xa lle pasara dúas veces
co fillo de Giancarlo Esposito, o que pode ter un pase porque o chaval estaba
entrenado, pero é que agora o seguiu o club dos cinco ao completo, incluído o
neno gordo e tímido, a nena negra e resabiada e un par de estereotipos máis, e
non se decatou de nada. O caso é que chegaron todos ao sitio onde estaba o
barco e repetiron punto por punto o argumento da semana pasada, que total xa o
tiñan ensaiado. Véxase:
Paso 1 –
Charlie disfrázase para meterse ela soa na boca do lobo porque (os guionistas insisten
en que) esa é a única forma de levar a cabo o seu plan.
Paso 2 –
Charlie mete a pata facendo algo perigoso e/ou estúpido.
Paso 3
– O tío Miles dá un par de saltos e cabriolas e chega até onde está Charlie sen
correr ningún perigo.
Paso 4 –
O tío Miles desfaise dos gardas, rescata a Charlie e finaliza o plan con éxito
e sen baixas.
Por que,
no nome de Deus, aínda non se lles ocorreu que vaia sempre Miles desde o
principio é algo que descoñezo.
Mentres
todo isto acontecía, Aaron quedou ao cargo dos cativos –o que a min
persoalmente quitaríame o sono- nun faro aparentemente abandonado que despois
de 15 anos sen electricidade estaba en perfectas condicións, porque xusto cando
Miles e os seus ían perdendo a pelexa no barco e precisaban unha distracción, o
USB acendeuse outra vez e o xerador do faro comezou a funcionar e a dar luz coma
se nada, cegando momentaneamente aos malos do barco (e, de verdade, só aos
malos, o cal na miña opinión está moi perto da xenialidade desta escena)
e Miles puido escapar. Ah! No faro había algúns malos máis agochados, pero Aaron
desfíxose deles porque seica é o novo Miles.
Pola súa
banda, a peor nai do mundo, Rachel, axudou a Monroe a torturar e sonsacar a un
antigo compañeiro de traballo para saber ónde estaban agochados os outros USBs,
e grazas a iso soubemos que, ademais de ser a peor nai e a peor compañeira de
traballo do mundo, Rachel tamén formaba parte do peor equipo de científicos do
mundo, porque tratando de desenvolver unha fonte de enerxía inesgotable o que
fixeron foi exactamente o contrario, dar cunha forma de esgotar toooooda a
enerxía, e o contan tan contentos, coma se fosen os inventores do post-it. O
home de Rachel, que só saíu no piloto e do cal non lembro nin o nome, quería
vender esta perigosa arma aos militares, para o cal lle fixo unha demostración
desternillante a un malvado axente do goberno: por algunha razón, en lugar de
amosarlle como todo deixaba de funcionar dentro dun entorno convenientemente
illado e observando a través dun cristal como estaba a facer el, obrigou ao axente
do goberno a meterse dentro dese entorno illado e comunicarse con el por medio
dun teléfono móbil que, claro, tamén deixou de funcionar. Non podo evitar
imaxinar os científicos da CIA dicíndolle aos seus superiores “estamos
desenvolvendo unha droga experimental, achéguese e remangue a camisa, señor
director de operacións”.
En principio Rachel negábase a venderlle a patente da
cousa-que-servía-xustamente-para-o-contrario-do-que-querían aos militares, porque
daquela estaba embarazada de Danny e xa se sabe, mulleres e hormonas! póñense todas
sentimentais e non se lles pode deixar tratar con asuntos de estado... pero
convenientemente tiña unha condición médica que lle ía facer perder o bebé e o
único que podía axudala era o malvado axente gubernamental, co cal asumimos que
aceptou vender porque Danny está vivo. Ah! E ao final descubrimos que o malvado
axente do goberno tamén está vivo e ten secuestrada a aquela señora negra que saíu
só no primeiro capítulo e que tamén tiña un USB e non volvemos saber dela.
En
resumo: os Nenos Perdidos están salvados e agora xa non desconfían de todos os
adultos grazas a Charlie e tío Miles, que seguirán por aí perseguindo aventuras
co mesmo patrón en vez de ir dereitiños a rescatar a Danny; Rachel non coñece
límites éticos á hora de protexer ao seu fillo, pero non parece preocuparse
moito por saber qué vai ser da súa filla agora que o seu home morreu; hai unha
conspiración do goberno detrás dos USB máxicos que volven a luz nos momentos
máis oportunos do mundo; e a milicia segue coas súas tolas aventuras... quen
sabe? se cadra no próximo episodio afogan unha camada de michiños, ou finxen
axudar a unha vella a cruzar a estrada e despois lánzana desapiadadamente
diante dun camión. O que si, do malvado torturador da semana pasada que ía saír
na procura de Charlie e os seus para matalos, non volvemos saber. Quen dixo
continuidade?
A
anterior tempada de Supernatural foi
a peor até o de agora, para min, para os fans e para a crítica de verdade, por
iso a oitava tempada tenta volver ás súas orixes, presentando un caso diferente
cada semana, afondando na relación entre os irmáns e sen preocuparse moito,
polo de agora, da mitoloxía xeral da serie. Ademais de ter uns antagonistas
horríbeis e pouco claros, a anterior tempada tivo a dubidosa honra de contar co
peor capítulo da serie, Season 7, Time for
a Wedding!, onde os recorrentes chistes metatelevisivos de Supernatural desta vez non funcionaron.
Tería borrado ese capítulo da miña mente por completo se non fose porque houbo
unha cousa que si me gustou: Garth, o substituto temporal que Dean escolleu
para Sam, e que durante todo aquel capítulo foi tratado como un substituto
temporal, tiña algo especial para min. O seguinte capítulo no que apareceu, Party On, Garth seguiume dando
esperanzas. Non sei porqué, sempre pensei que detrás da caricatura do cazador
torpe e friki sen amigos había potencial para un personaxe secundario
interesante, se cadra pola interpretación de DJ Qualls ou porque os guionistas
xa contaban con introducilo na serie, pero o caso é que a miña fe viuse
recompensada no capítulo desta semana.
O caso
non tiña nada de particular. Ao xeito dos casos da primeira tempada, foi máis
un vehículo para que os irmáns Winchester discutisen, mais unha vez, os seus
sentimentos, que para outra cousa. Un penique da Guerra Civil posuía a quen o
tocaba co espírito dun soldado confederado vingativo, e se esta persoa lle
gardaba rancor a alguén por calquera motivo, convertíase nun asasino sádico e
non paraba até matar o obxecto da súa ira. Obviamente, Dean tocou o penique e
foise cargar a Sam por deixalo só no Purgatorio, pero Garth salvou o día e
converteuse no novo Bobby, algo que levaba tentando desde o comezo do episodio
pero Dean lle impedía (a verdade é que me fixo graza ver como Dean se indignaba
porque Garth non dicía as coletillas de Bobby, “balls!” e “idjit” nos contextos
axeitados).
Garth é un tipo encantador, pero podía ter lavado a gorra de Bobby antes de poñela.
O que non
entendo moi ben é o rancor de Dean cara Sam por non buscalo cando estaba no
Purgatorio, refacer a súa vida e deixar de ser cazador. Calquera que queira
tanto ao seu irmán como estes dous, querería que fose feliz cando el xa non
está, e Dean fixo exactamente o mesmo ao final da quinta tempada, cando pensou
que Sam estaba morto. Ademais, as continuas referencias ao mal que o pasou no
Purgatorio e que nada o pode describir non semellan corresponderse cos flashbacks
que nos chegan de alí: a serie xa nos amosou os Winchester vivindo infernos nos
que eran torturados día e noite para toda a eternidade; en comparación con iso,
dar voltas por unha fraga matando monstros con axuda de alguén non parece moi
distinto ao que Dean fai na súa vida real, e desde logo non tan doloroso como a
súa tempada no Inferno.
Pola súa
banda, Sam está a ter a peor liña argumental da súa vida, e falando de Sam iso
é moito dicir. Non sei qué me supera máis, se ver a Jared Padalecki pararse no
medio do set e mirar ao baleiro agardando a que na montaxe introduzan as
escenas do flashback, ou a historia totalmente carente de emoción da
veterinaria viúva de guerra que volveu abrir o seu corazón a un completo
estraño. Ademais, se tanto a quería, como é posíbel que marchase a xunta do seu
irmán no medio da noite sen deixar sequera unha nota? Cando Dean abandonou a
Lisa para protexela, polo menos a chamaba de cando en vez para asegurarse de
que estaba ben.
Outra
cousa que boto de menos? A música. Non o podo dicir con seguridade, pero penso
que desde a montaxe co resumo da tempada pasada no primeiro capítulo, na que
soou Locomotive Breath de Jethro
Tull, non houbo outra inclusión do rock clásico no que vai de tempada. Tiña
entendido que a importancia da música na serie era unha aposta persoal do
creador, Eric Kripke (que, incribelmente, tamén está detrás de Revolution aínda que ninguén o diría),
pero Kripke deixou a serie despois da quinta tempada, e este cambio na “política
musical” non se fixo aparente até agora, polo menos para min. Non sei se ten
que ver con que a produtora Sera Gamble tamén deixase a serie ao final da
pasada tempada, se cadra era ela quen mantiña viva a idea orixinal de Kripke,
pero ese era un dos detalles que lle daban autenticidade á serie, coma os chistes de Dean, coma o Impala, e que facían
que os espectadores se identificasen facilmente, sería unha mágoa perdelo. Sobre todo, espero que non se desfagan de Carry On Wayward Son como himno para o resumo da tempada, aínda que teremos que agardar até o último capítulo para sabelo.
Last Resort(Tempada 1
Episodio 6: Another Fine Navy Day) ★★★★☆
Xa
comentei o moito que me gusta esta serie? Despois de ver o piloto tiña as miñas
dúbidas de que Last Resort puidese
seguir mantendo o interese cunha premisa que semellaba non dar máis de si, pero
agora mesmo estou vendo todo o que os guionistas teñen na manga e dá para seis
tempadas e unha peli. É certo que a serie comezou a sacrificar o pouco realismo
que podía ter (toda a parte aburrida das operacións militares secretas e o
código de conduta dos oficiais de submarinos) para afondar nas augas abisais
que hai máis alá do xénero bélico (que ben me quedou a metáfora, que pouco
forzada...) pero eu estou contenta de que fixesen iso, sobre todo con capítulos
como o desta semana. Non quero mencionar a outra serie que se desenvolve nunha
illa e mestura xéneros, porque penso que a Last
Resort lle vai ir mellor sen esas comparacións, pero polo que vin até
agora, os guionistas son capaces de meter calquera xénero na trama sen que
pareza forzado, e iso sempre é bo.
O
episodio desta semana está a ser polémico porque a maioría dos críticos o puxeron a parir. A min gustoume especialmente polo mesmo que lle critican: pola narración fragmentada. Tamén porque as escenas do submarino me lembraron moito a un dos meus episodios
preferidos da televisión de todos os tempos (NOTA MENTAL: facer unha lista cos
meus episodios preferidos da televisión de todos os tempos), Out of Gas, de Firefly, e a boa televisión que é
capaz de evocar máis boa televisión convértese automaticamente en excelente
televisión (non estou moi segura de que quere dicir isto).
O
argumento non é moi complicado, pero foi a maneira de contalo (a decisión de saltar
adiante e atrás no tempo e os movementos erráticos da cámara para acompañar a
angustia dos personaxes) a que o converteu nunha historia case excelente, e
despois chegarei a ese case. O que aconteceu, basicamente, foi que o inimigo
(polo que sabemos o goberno dos E.U.A.) convenceu o cacique local para que
introducise un axente tóxico na auga, unha droga que provoca alucinacións, comportamento
agresivo (só se es francés e xa estás cabreado de antemán) e acaba causando
perdas de consciencia. Os efectos podíanse combater con epinefrina, que había
no dispensario local e tamén no submarino, así que o capitán Chaplin decidiu
levar a parte da tripulación a bordo para tentar coller o antídoto e poñer o
submarino a salvo dun posíbel ataque aproveitando a intoxicación, e Sam ficou
en terra para manter a orde. Como era de esperar, algún traidor (ou traidora, a
xulgar polo avance do próximo episodio) roubara toda a epinefrina do submarino
e o dispensario, así que os nosos heroes tiveron que pasar por todas as fases da
intoxicación.
Alén
diso, o xefe dos Navy Seals que sobreviviu no piloto recuperou a conciencia no
hospital, malia que por pouco tempo, e negouse a revelar a misión que levaran a
cabo en Paquistán, e que Chaplin pensa que é a razón de que os queiran ver
mortos. King púxose da súa parte e mandou tomar vento a Chaplin e a Sam, aínda
que non estaba moi seguro de querer volver a casa, pero isto só durou até que
un novo grupo de Seals (ou supoño que serán Seals, tamén) atracou na illa
aproveitando o brote de loucura transitoria/inconsciencia, matou algunha xente
e torturou ao xefe de King para que lle dese unha información clave sobre o que
acontecera en Paquistán. Despois reanimaron á francesa para que lles axudase a
establecer comunicación cos seus superiores, e ameazaron con matala porque vira
demasiado. Nese momento Sam e King, que se atoparan vagando pola illa mentres
tentaban saber que pasara, irromperon para acabar cos Seals malos e salvar a
chica, e deixaron vivir ao cacique traidor porque estaba namorado da chica, esa
parte non a entendín moi ben.
Mentres
tanto, no submarino, a tripulación foi quedando aos poucos inconsciente polo
efecto da droga, e Chaplin, que ten máis corpo e vou asumir que por iso tardou máis
en asimilala, pairou polo submarino como Mal Reynolds pairou por Serenity no
capítulo de Firefly que mencionei
antes, tentando apagar un incendio que se declarara nunha sala de máquinas e
loitando contras as alucinacións e a falta de osíxeno. O que non me cadra, pero
supoño que se resolverá en próximos episodios, é quen lle axudou e porqué esa
persoa non o deixou morrer, porque Chaplin se desmaiou soñando co seu fillo antes
de conseguir apagar o incendio, pero cando acordou, tiña un chute de epinefrina
no peito e o incendio estaba controlado. Pouco despois descubriu que o
misterioso samaritano tamén lle roubara a chave que activa o protocolo nuclear
que levaba colgada no peito, así que agora non poden ameazar a Washington cos
seus mísiles. Supoño que a razón pola que o traidor non os deixou morrer a
todos aló abaixo era porque el tamén estaba atrapado no submarino e precisaría
de tripulación para levalo outra vez á superficie.
Sam,
pola súa parte, tivo unha alucinación un pouco parva, na que a súa
muller/conciencia se despedía del porque cruzara a liña do eticamente aceptábel
cando (sempre segundo a alucinación) lle deu unha malleira de morte ao Seal
malo. O malo é que esa imaxe perdeu cando volvemos ver o Seal malo, unha hora
despois da brutal malleira, cun par de tiritas na cella e como unha rosa.
Tampouco sei cándo volveu o francés cabreado á illa, non se supón que hai uns
capítulos marchara e deixara colgada a moza alá? É o único que pode atravesar o
bloqueo? Perdín algo?
Estas
últimas dúbidas son suficientes para quitar unha estrela da miña puntuación,
porque non quero que me acusen de parcial (aínda que realmente son parcial, que
mais ten?), pero polo demais diría que, malia que este estilo errático non se
poida repetir todas as semanas porque deixaría de funcionar, este foi un gran capítulo de Last Resort.
Parks and Recreation (Tempada 5 Episodio 6: Ben’s Parents) ★★★★☆
Malia que se supón que as series teñen que ter tensión sexual entre os seus protagonistas e as parellas estábeis non funcionan (é curioso, porque esta premisa só se aplica ás parellas non casadas... dás unha patada a unha pedra e aparece un americano moralista), Parks and Recreation está no seu apoxeo cando Leslie e Ben traballan en equipo, coma esta semana. Desta vez a ocasión era a súa festa de compromiso, e para Leslie tamén coñecer os horríbeis pais de Ben e, como non, poñerse como reto que se levasen ben aínda que só fose durante a festa. Resulta que a nai de Ben non superou o seu divorcio de hai mil anos (o que lle fixo á colcha de Leslie non ten nome, bruxa egoísta!). Máis importante, resulta que o pai de Ben é Mike de Breaking Bad!! (team Mike forever, bitches!), o cal non só é alucinante senón que tamén é alucinante. Iso si, visto BB e visto este capítulo, teño que dicir que Mike é moito mellor avó e asasino a soldo que pai, ademais de estar casado cun ser humano horríbel.
Aparte diso, volveu Jean Ralphio, yupi!, malia que non sabemos se será por moito tempo, porque Tom semellou madurar algo desde o seu fracaso estrepitoso con Entertainment 720 e xa non o quere ter de socio; descubrimos que Ron Swanson ten unha cantidade aceptábel de ouro agochada nalgures; e Chris (que cando se uniu a esta serie me fixo replantearme os meus sentimentos cara a Rob Lowe porque é unha mina para a comedia) comeza a aburrir un pouco, segue deprimido e sen atoparlle sentido á vida, co cal sospeitamos que dentro de pouco tocará fondo volvendo a saír coa aburrida Anne Perkins, que non ten unha liña argumental decente desde a primeira tempada.
O mellor do episodio:
-A colcha da unidade familiar de Leslie (sobre todo o recadro de Joe Biden, o segundo político máis sexy despois de Ben).
-Andy e April tentando animar a Chris cunha terapia de choque consistente en recitar unha batería de cousas alegres (Andy) e deprimentes (April) intercaladas.
-O duelo de titáns entre o pai de Ben (para min sempre será Mike #suspiro#) e Ron Swanson para ver quen colle a última gamba Orly do buffet.
Haven (Tempada 3 Episodio 8: Magic Hour part 2) ★★★☆☆
NOTA: Os
fans de Haven estamos de noraboa porque
SyFy acaba de renovala por unha cuarta tempada de 13 capítulos, que se van
emitir nalgún momento de 2013, se 2013 existe. Esta tempada, Haven está tendo unha audiencia media nos E.U.A. de
2.4 millóns de telespectadores cada semana, o cal está moi ben para unha serie
de xénero nunha cadea de televisión por cable. (fonte: tv.com)
Esta foto só vai aquí porque me fai graza Duke co ukelele... Dukelele!
Despois
do excelente episodio da semana pasada, era difícil que Haven puidese manter o listón igual de alto, sobre todo porque o
final do anterior capítulo, malia que sorprendente, non daba moito lugar a
especulación: todos sabíamos que Nathan non ía morrer porque é un dos
protagonistas da serie, e a única serie na que os protagonistas morren alegremente
é The Walking Dead, que eu saiba. Iso
supuña que Audrey e Crocker ían atopar á moza que resucita mortos a tempo, ou
que ían conseguir que, unha vez morta, o seu don/problema se transmitise a súa
irmá, o que finalmente pasou.
Como era
de esperar, tamén descubriron que Tommy era o asasino da pistola de perno, e
entre Crocker e a amiga de Nathan que electrocuta co tacto tíñano acurralado,
se non fose porque ela ¿tropezou?, electrocutou a Crocker, e Tommy aproveitou
para escapar. Tommy foi a unha cabana de pesca propiedade dos editores do
xornal, Vince e David Teagues, non sei se para agocharse ou para agardar a que
eles se decatasen de que lles faltaba a chave da cabana e fosen até alí a mirar
quén a roubara sen pensar en avisar ao sheriff, porque cando chegaron Tommy
reduciunos a pesar de estar os dous armados, atounos a unhas cadeiras, e
someteunos a un interrogatorio que a min persoalmente non me pareceu tan duro.
Case me esquezo! Tamén descubrimos que Dwight, outro dos bos, ten unha tatuaxe nada discreta do símbolo dos problemáticos en todo o lombo, o que para min non quere dicir demasiado porque agora xa sabemos qué significa e porqué o levan, só que o plano do seu lombo coa tatuaxe quedou un bo cacho suspendido, polo que supoño que nos queren dicir algo con iso, chamádeo intuición.
Ao final
todo rematou ben, salvo que Tommy fuxiu nun barco de manufactura americana, porque
foi dispararlle un par de veces e estoupou coma unha pirotecnia, o mesmo cós
coches nas películas de persecucións, e a idea é que pensemos que está morto
aínda que nunca atoparon o cadáver. Tamén volveu aparecer o pendello que só
Audrey pode ver na illa que está fronte a costa de Haven, malia que desta vez
Vince tamén o viu, así que non entendo nada. O próximo capítulo non
promete aclarar o misterio do pendello nin o de Tommy, pero ten pinta de
resolver moitas dúbidas sobre Audrey/Sarah, porque Crocker vai viaxar no tempo a
1950, e os episodios de viaxes no tempo sempre molan, salvo naquela serie na
que o protagonista viaxaba no tempo en todos os capítulos.
Saturday Night Live (Tempada 38 Episodio 7: Anne
Hathaway/Rihanna) ★★★☆☆
Vaia por
diante que odio a Anne Hathaway. Non sei se son todas esas películas do sábado
de lerda-convertida-en-princesa ou a súa risa forzada, pero odio a esa actriz.
Íame saltar Saturday Night Live esta
semana, pero despois pensei que se fun capaz de aturar o terríbel episodio de
Bruno Mars, ben podía co meu deber blogomíllico? blogomillista? de comentar
tamén este episodio. E menos mal, porque teño que recoñecer que a tipa o fixo
moi ben, e mesmo deixou algúns momentos estelares, a destacar:
-Girlfriends
Talk Show. Non me canso de ver a Cecily Strong facendo de adolescente
superficial, non sei se ten máis rexistros pero ese gústame. Tamén foi unha
oportunidade para darlle algo de tempo en pantalla a outra das novas actrices,
Aidy Bryant, e non o fixo nada mal.
-A
parodia de Homeland. A través da
ollada de Estes, que neste caso facía de espectador medio, cravaron a todos os
personaxes, especialmente a Carrie (Anne Hathaway) e a Brody (Taran Killam,
quen de súpeto semella ter talento para a comedia.. por fin). Case caio do
asento cando a filla de Brody (Nasim Pedrad) apareceu no medio da CIA cos pelos
diante da cara e as mangas do xersei estiradas.
-Weekend
Update. Por Seth Meyers, por suposto, e tamén porque volveu o tío borracho, un
dos mellores personaxes recurrentes de SNL.
O da parella gay de Maine pareceume un pouco topicazo homófobo, máis propio de Aída que de SNL.
-Non
vexo Ellen pero a parodia fíxome graza,
e polo que lembro do personaxe, estivo bastante acertada. Sigo dicindo que Kate
McKinnon é o mellor que lle pasou a SNL
nas últimas tempadas, case non me deu tempo de botar de menos a Kristen Wiig, e
eu adoraba a Kristen Wiig.
Até aquí a primeira parte das reseñas desta semana. Despois da folga máis. Secundade a folga: a televisión só é unha vía de escape, a realidade é brutal.
Hai que dicir que as opcións desta semana se reduciron
drasticamente polo furacán Sandy. Non porque destruíse as comunicacións e
forzase a evacuar medio país, como pasou en Cuba ou Haiti, senón porque, como ben explicou Fred Armisen ao comezo de Saturday Night Live, a xente branca non pode vivir sen ver o último capítulo da súa
serie favorita – o chiste era con Homeland
– así que a maioría das cadeas decidiron adiar as estreas de capítulos até a
semana que ven para que a xente que estaba sen luz non os perdese.
A partir de aquí todo son spoilers, así que lede á vosa
discreción.
Revolution
(Tempada 1 Episodio 6)
Sei porque a NBC foi unha das poucas cadeas que decidiron
seguir adiante e emitir parte dos seus contidos novos como estaba programado.
Quedoume claro cando me decatei de que seguiran adiante con Revolution pero ao día seguinte non
emitiron o capítulo novo de Go On. Creo que foi unha manobra de marketing emitir
durante un apago xeneralizado un novo capítulo dunha serie que vai sobre un
apago xeneralizado. E precisan todas as campañas de marketing e toda a axuda
inesperada dos elementos que poidan para lavar a cara desta serie, porque
arredios que é mala. Aínda que non o pareza, eu tiña ganas de que funcionase,de
verdade. Gústame a ciencia ficción e son unha tarada dos escenarios
apocalípticos, sigo mandando cartas ameazantes á CBS por cancelar Jericho... pero isto... isto é mala
televisión da boa, se é que iso ten sentido. Voume limitar a explicar o
argumento desta semana, que é do que trata esta entrada, e xa que cadaquén
decida co seu confesor se quere ou non quere ver este truño.
Xa pasaron unhas cantas cousas desde o piloto no que o pai
de Charlie e Danny morría e un Giancarlo Esposito ao que lle deberían facer
devolver o Emmy imaxinario que non lle deron por Breaking Bad secuestraba a Danny para levalo co archimalvado
Monroe, tan cutre que lle puxo á república que fundou o seu nome de pía. A doutora
inglesa que levaba whisky envelenado nunha petaca por se acaso se atopaba con
milicias violadoras morreu; a nai de Charlie e Danny está viva e secuestrada no
pazo de Monroe porque aparentemente sabe máis dos USB que son capaces de xerar
enerxía do que sabía o seu home; o miliciano ambiguo espía/colado por Charlie
resultou ser o fillo de Giancarlo Esposito e seica o tío Miles ao principio do
apago axudara a Monroe a construír a súa república de pacotilla e nalgún
momento de proceso coñeceu a Nora, que ven sendo Lara Croft pero con menos
peito e bastante máis torpe.
No capítulo desta semana, Nora estaba gravemente ferida por
facer o imbécil no capítulo anterior, e os nosos heroes tiñan que buscar un
sitio para curala antes de que morrese dunha infección. Por sorte, o tío Miles
coñecía un traficante que vivía nunha mansión perto de alí (a unhas seis horas
en coche de cabalos disque é o máis perto que se pode atopar axuda nun
mundo sen electricidade), así que alá foron, pero sorprendentemente o traficante
de heroína non era boa persoa e ademais gardáballe rancor a Miles por
zzzzzzzzzzzzzzzzzzzzz O caso é que Charlie se deu un baño nun cuarto de estilo
colonial (aparentemente os mobles tamén volveron ao século XIX tras o apago) e
despois saíu da bañeira e púxose a romper postais medio en pelotas para darlle
aos produtores un par de escenas ambiguas para a promoción do episodio que nos
fixesen pensar que iamos ver unha trama de trata de brancas, pero nada máis
lonxe da realidade. O traficante era un cruce entre un malo da serie de Batman dos 60 e Pierre Nodoyuna, cunha morea de ideas totalmente inefectivas para os
seus plans de narcotraficante pero hilarantes na súa elaboración e posta en
escena, e tiña un plan ridículo para que Charlie matase a un ex-policía
irlandés que lle queimara un campo de opio en vinganza por enganchar á súa
filla á heroína. Así que Charlie se puxo un vestido axustado (a outra parte da promoción
do episodio)e foi matar a un señor irlandés inocente sen dubidalo porque o
traficante ameazara con non deixalos marchar da súa mansión se non o facía,
entón o tío Miles escapou da mansión sen demasiada dificultade e a foi rescatar
antes de que fixese nada malo. Mentres tanto, o traficante decidiu espertar a
Nora do seu estado semi-comatoso cun chute de adrenalina, e esa actriz debe de
ser a única da súa profesión que non viu Pulp
Fiction porque non ten nin idea de como finxir que estás inconsciente e acaban de meterche un chute de adrenalina. Ah! Outro dos retorcidos plans do
malvado traficante e o seu can Patán foi darlle armas cargadas a Aaron o lerdo
e Nora a torpe, e dicirlles que se tiñan que disparar entre eles e o que
sobrevivise podía escapar porque ¿se aburría? Aaron deu un discurso moi
emotivo, que é o único que fai na serie, e disparouse directamente sobre o
corazón, onde levaba unha petaca probabelmente de adamantium, porque sobreviviu
sen un risco. E despois o imbécil do traficante, que até o momento estivera
parado diante dun coche blindado por se intentaban dispararlle (si, caro
público lector, lestes ben, non dentro do coche blindado ou detrás del, non, diante do coche blindado) achegouse a el
e Aaron matouno. Acto seguido o can Patán e o resto dos secuaces deixaron
marchar a Aaron e a Nora porque Breaking
Bad lles ensinou que ao comezo da súa carreira os traficantes poden ter bo
corazón e nobres ideais.
Mentres tanto, o fillo de Giancarlo Esposito mosqueouse
porque Monroe vai mandar a un perigoso torturador ao que acabamos de coñecer a
matar a Charlie e os outros, e o mesmo malvado Monroe decidiu reunir a Danny
coa súa mamá nun banco dun parque, non sei moi ben con qué taimado propósito.
Ah, si, e tamén vimos flashbacks de Aaron que demostran que era tan covarde e
inútil xusto despois do apago como agora, aínda que pode ser que todo o seu
esqueleto sexa de adamantium, porque saíu indemne de ser
arrollado por un camión cando ía na súa limusina. Que lle pregunte a Lady Di.
Modern Family
(Tempada 4 Episodio 6)
Houbo un conflito que se resolveu satisfactoriamente antes
de que rematase o capítulo, Gloria berrou e fixo honor ás súas orixes humildes
e temperamentais, Jay comportouse como un vello rosmón, Phil Dunphy fixo algo
estúpido e a parella gay tivo unha discusión sobre sobrepeso e ter a razón. E
ao final a voz en off de algún deles explicou que o importante é a familia e
estar todos unidos.
Supernatural
(Tempada 8 Episodio 5)
Cando parecía que por fin nos libráramos dos Leviatáns,
resulta que volven. Noooon, que era broma. Volveron, pero só brevemente nun
flashback do Purgatorio, e Dean, Benny e Castiel libráronse deles en cero coma.
En realidade este capítulo estivo moi ben porque Dean volve
ser Dean, con referencias que só el entende (o diálogo dos “vampirates” é o
mellor que escoitei desde que decidiu chamarlle a uns monstros Jefferson
Starships porque eran chungos e difíciles de matar) e disposto a arriscar todo
por axudar a un amigo (neste caso, Benny, a súa nova adquisición, porque por
moito que queira ao seu irmán, Dean non pode pasar unha tempada enteira sen un
mellor amigo/figura paterna que admirar). O caso da semana tiña que ver coa
historia pasada de Benny, cando era un vampiro que operaba en alta mar (vampire+pirate=vampirate,
iso en lóxica de Dean é como 1+1=2, e tamén me lembrou a Community co cal, ben por ti, Supernatural).
A historia en si é pouco orixinal, a verdade é que pensaba que o personaxe de
Benny ía ter máis chicha, con iso de ser o único disposto a axudar a Dean e
prometer non matar máis humanos con tal de saír do Purgatorio. O caso é que
Benny era un malvado vampiro, namorou dunha rica herdeira, escapou con ela, ao
seu señor/mestre/como se chame o vampiro que o transformou non lle gustou,
matou a Benny e transformou á moza, e agora Benny volveu para se vingar.
Naturalmente, non podía facelo só, e pediulle axuda a Dean, o que nos deixou
algunhas escenas de Dean pateando cus outra vez, e un par de exemplos de
slapstick cando está discutindo con Sam por teléfono en pleno niño de vampiros mentres
intenta que non o descubran. Todo moi Dean.
Sam pola súa banda estivo ñoño e
aburrido coma sempre, cada vez que vía un aparato eléctrico lembráballe ao ano
que traballou como técnico de mantemento dun motel e namorou dunha
veterinaria mentres Dean sufría no Purgatorio. Ao final do capítulo, foi rescatar
a Dean, supoño que pola culpabilidade de ter pasado del cando estaba no
Purgatorio, e amoloulle un pouco chegar tarde, ver que Dean non o precisara
para esa aventura, e sobre todo coñecer ao seu novo mellor amigo Benny, que
ademais é un vampiro. A semana que ven supoño que tocará capítulo de discusión
de namorados entre Sam e Dean (“deixáchesme por un vampiro!”, “el estaba cando
ti non estabas!” e todo iso), e malia que iso é parte da orixe da serie, comeza
a ser un pouco aburrido.
Suburgatory
(Tempada 2 Episodio 3)
O meu problema con Suburgatory
é que me encantan todos os
personaxes pero non me creo a Tessa. É unha especie de
quero-ser-Juno-e-non-podo resabiada e supostamente cosmopolita, pero despois é
tan parva como calquera outra moza de Chatswin. A súa premisa desta semana
era basicamente esa, síntese moi madura pero non é madura abondo para
coidar o bebé de Noah mentres el vai á ópera. O problema é que, se facemos caso
da televisión americana, case todas as mozas medianamente responsábeis de máis
de quince anos se dedican a coidar cativos cando os seus veciños saen a cear, e
non me podo crer que George pensase en serio que a súa filla que pasou o verán
en Nova York facendo prácticas nunha revista non é capaz de facer de canguro
porque é filla única, tan mala é a educación que lle deches a túa filla,
George?
Como era de esperar, Tessa pasou un mal rato coidando do
bebé, pero non polos motivos que serían habituais (medo a que enferme, caia do
berce, trague algo... e non saibas qué facer) senón porque de súpeto lle deu
medo estar soa nunha casa que está a un tiro de pedra da casa do
seu pai e das de outros veciños. Iso, sendo unha rapaza afeita ao máis duro de Nova York (ao que ela fai constantes referencias) non ten moito sentido. Iso solucionouse cando Ryan foi ao seu rescate
(en parte porque estaba convencido de que tiña unha enfermidade terminal polo
ben que o trata a súa irmá ultimamente e quería sonsacar a Tessa), e aí volvín
a non entender o xogo de Tessa, que pasa a vida ondeando a bandeira do
feminismo e a independencia e despois seica se abrandou con Ryan porque lle
quedaba moi ben un bebé no colo. Agora que case todos os personaxes secundarios
gañaron profundidade, Tessa comeza a verse como unha caricatura, e iso non é bo
para o personaxe principal.
Por outra banda, George e Dallas saíron na súa primeira cita
e foi moi divertido e inesperadamente romántico, e na casa dos Shay o feito de
que Ryan sexa adoptado segue a ser o tema principal, o cal xa aburre un pouco.
E case non lle vimos o pelo a Dalia, como desde o comezo da tempada, e iso
sempre é malo. Escritores de Suburgatory,
queremos máis Dalia, os seus diálogos ás veces son xeniais e outras veces se
pasan de rosca, pero Carly Chaikin é unha actriz incríbel e fai que todo o que
di Dalia se comente en internet ao segundo de rematar o capítulo.
Suburgatory foi,
para min, a mellor nova comedia do ano pasado, entre outras cousas porque
Cheryl Hines e Carly Chaikin son enormes, pero non pode confiar só en
personaxes secundarios estereotipados. Se non lle dá algo de corpo a Tessa e
non lle dá a Dalia máis acción que soltar frases lapidarias mentres pinta as
uñas coa súa nai, corre o risco de se converter nun desfile de caricaturas do
mesmo xeito que fixo Modern Family,
outra comedia que prometía moito na súa primeira tempada.
American Horror Story:
Asylum (Episodio 3)
La locura. Este capítulo é difícil de resumir porque pasaron centos de cousas. Para comezar, resulta que na actualidade non
hai un só bloody face senón unha chea
deles, un aparentemente sobrehumano e o resto unha panda de rapaces que
mercaron a careta como disfrace de Halloween, xunto cunha pistola de verdade. O
caso é que a parella fetichista seguía no manicomio abandonado despois do seu
encontro con, imos dicir, Mega Bloody Face, o que lle arrincara o brazo ao
fulano. Cando estaban intentando escapar atopáronse cun dos rapaces disfrazados, ímoslle
chamar Fulgencio para non liarnos, que non só os asustou senón que lle cravou
un pincho no peito ao fulano do brazo amputado e despois foi onda a moza. O
tipo estaba incribelmente forte e, brazo amputado, coitelo no peito e todo,
conseguiu chegar a onde estaba a moza e reducir a Fulgencio, e despois a moza
desatou o seu estrés post-traumático acoitelando a Fulgencio até no carné de
identidade. O problema é que despois chegaron os amigos de Fulgencio, digamos
Atanasio e Teodoro porque eran dous, tamén vestidos de bloody face e mataron a tiros ao amputado e maila moza. E cando
estaban para marchar, chegou Mega Bloody Face e aí nos quedamos.
Pola súa banda, en 1964 pasaron unha chea de cousas
desagradábeis: para comezar a tipa francesa e Kit seguen querendo escapar, pero
como agora xa non se fían de Lana colleron unha nova aliada, a ninfómana que
interpreta Chloe Sevigny e que a semana pasada deu un discurso incríbel sobre a
dobre moral e o feito de que se encerrase a mulleres por ter amantes mentres os
seus homes andaban fodendo por aí, o que a converteu no meu personaxe
preferido. Así que, como era de esperar, as cousas non lle foron demasiado ben
esta semana. Pero xa chegaremos. O caso é que estes tres quixeron escapar, e
aproveitaron unha cousa moi estúpida: como se aproximaba un trebón cousa fina,
estilo Sandy, a irmá Jessica Lange decidiu que o mellor era xuntar a todos os presos
enfermos nunha sala común para que se suxestionasen uns aos outros e cundise o pánico mentres vían
un coñazo de película de Cecil B. DeMille que seguramente converteu en
psicópatas perigosos os que aínda non o eran. Mentres tanto, a monxa pánfila,
que aínda segue posuída polo demo –do que incribelmente ninguén se decatou a
semana pasada malia o obvio que foi-, andou facendo das súas: primeiro tratou
seducir o doutor Mengele (dado o título do seguinte capítulo, “I Am Anne Frank”,
creo que xa lle podemos chamar así sen medo a trabucarnos), como pasou dela foi
matar unha señora mexicana moi devota que seica era a única que recoñecía o que
era, convenceu á irmá Jessica Lange para que volvese a darse á bebida con
hilarantes resultados, e despois foi ver a película de DeMille e semellou
perder interese en todas as maldades que puxera a punto porque seica o demo
nunca estivo presente nas execucións de cristiáns na Antiga Roma ou en
asasinatos de xente en xeral e por iso se sentía tan excitado por ver unha
recreación feita nun plató de cine en 1932. Lana, pola súa banda, mandou o novo
médico, o que vai de moderno e demócrata, a visitar á súa “amiga” (as súas
palabras, non as miñas) e o tipo debe de ter un Máster en Sherlock Holmes,
porque chegou á casa da tipa, viu que a porta estaba aberta e que había unha única
pinga de sangue na alfombra, e concluíu que a moza fora asasinada (e evaporada?)
por bloody face e que por tanto Kit
era inocente.
Lana creu isto sen problemas, non se amosou demasiado abatida
pola morte da súa moza, e decidiu que o seu novo cometido na vida era demostrar
a inocencia do seu até entón archienemigo Kit, así que lles indicou aos outros
onde estaba o túnel que usara para entrar no manicomio coa monxa pánfila. Chloe
Sevigny quedou atrás entretendo a un celador porque é unha soldado incríbel e
sacrifícase polo ben do grupo, e utiliza o seu corpo para axudar porque é o instrumento
que ten (en serio, personaxe preferido), pero o doutor Mengele atopouna e
despois dunha escena de intento de violación que xa foi o bastante dura de por
si (sobre todo cando o doutor se ría de que ela berrase “violación” co que lle
gustaba o sexo, puf) descubrimos que o tipo, aparte de ser un torturador
psicópata tamén ten un “pequeno” complexo (festival del humor) e para curalo
decidiu, non sei, así a bote pronto, AMPUTAR AS DÚAS PERNAS DE CHLOE SEVIGNY!!
Se algunha vez viaxo ao país das series de televisión, quero atopar a ese
médico e matalo coas miñas propias mans.
Mentres tanto os outros tres (Lana, a francesa e Kit)
conseguiron saír do manicomio, pero se atoparon coas criaturas do doutor, que
semellan seres humanos moi sucios e bastante habilidosos, porque colgaron e abriron
en canal ou algo os corpos que a monxa pánfila se limitaba a guindar no chan
cunha carretilla. Os tres intrépidos internos escaparon, pero en vez de escapar
cara a estrada ou o monte ou calquera outro dos puntos cardinais, volvéronse
meter polo túnel e volveron á sala de recreo a tempo para que a irmá Jessica
Lange, aínda medio prea, fixese o reconto dos presos internos.
Case me esquezo,na parte Expediente
X da historia, o doutor Mengele estivo tentando determinar qué era o
aparato con vida propia que sacou do pescozo de Kit, e como é un psicópata
tarado que dirixía o dispensario de Belsen/Dachau/Mauthausen está convencido de que o aparato é un
artefacto de espionaxe posto alí pola Stasi e/ou a KGB. Nesta serie son tan
sutís coa misteriosa orixe do doutor que me sorprende que non vísemos enriba da
mesa do seu despacho un tapete bordado que diga “Arbeit Macht Frei”. Pola súa
banda, a irmá Jessica Lange atopouse cun extraterrestre con boca de vaxina –o que
non sei como interpretar, sinceramente- pero como estaba peneque non se vai
lembrar o episodio que ven, e agora si, iso foi todo o que pasou. Ah, e Pepper
foi ao baño e non volveu, cómo é esta Pepper.
Haven (Tempada 3 Episodio 7)
Por fin! Rematou a tensión sexual, e o gañador dun magreo con Audrey foi... tachán... Duke Crocker. O cal era bastante obvio porque a) hai que estar tola para deixar pasar a Eric Balfour e b) hai que estar tola para deixar pasar a Eric Balfour.
Aparte do meu arrebato de romantismo adolescente, pasaron unha chea de cousas interesantes esta fin de semana en Haven. Semella que estamos máis perto de descubrir o misterio de Audrey/Lucy, agora cunha nova reencarnación, aínda que con esta serie nunca se sabe e poida que todo sexa un xigantesco bluf, pero Audrey e Crocker viaxaron a Colorado e coñeceron á nai do Colorado Kid, do que agora xa sabemos o nome aínda que eu non me lembro. Malia que a nai tiña Alzheimer, cunha perruca e roupa pasada de moda conseguiron que a señora accedese aos seus recordos (en serio, guionistas de Haven? é iso o único que precisamos para curar o Alzheimer?) e enteráronse de que Audrey tamén fora Sarah, e de que o Colorado Kid non era o seu amante senón o seu fillo, e Sarah entregárallo a esta señora para protexelo. Aparte diso, Audrey e Crocker liáronse nunha escena bastante estereotipada, pero na que os guionistas tiveron a ben poñer en boca de Crocker unhas palabras tan conmovedoras que eu tamén me liaría con el, pero a quen quero enganar, faríao de todas todas. Antes de que pasase máis nada, Audrey afastouse del por nonseiqué chorradas de preservar a súa amizade e blablabla.
Onde a cousa se puxo realmente interesante foi en Haven, porque o monstro da semana era unha rapaza que podía resucitar os mortos se os tocaba antes do solpor do día en que morreran, e tiña unha irmá psicópata que ía por aí matando xente e despois pedíndolle cartos aos seus seres queridos para que a súa irmá os resucitase, o cal é a estratexia psicópata máis demencial que vin eu. No transcurso da investigación, Nathan descubriu que Tommy era o asasino da pistola de perno, ou cando menos un asasino cunha pistola de perno, e teño que recoñecer que iso foi unha sorpresa para min, porque malia saber que Tommy ocultaba algo e velo desfacerse dun cadáver nada máis chegar a Haven, foi un personaxe ao que me habituei deseguida e asumín que era un máis da panda de "bos" porque o fixeron encaixar moi ben en apenas dous capítulos. O episodio rematou con Nathan ferido de morte por Tommy, a única rapaza que o pode salvar fuxida, Audrey e Crocker que acaban de voltar da súa aventura en Colorado e non saben que Tommy é malo, e o letreiro de "CONTINUARÁ" na pantalla, así que máis interesante non pode estar.
Non me canso de dicilo, Haven estase a converter nunha xoia de xénero na televisión. É unha serie que comezou cunhas pretensións moi modestas, metendo un monstro da semana e unhas liñas xerais bastante difusas coas que só tiñamos claro que os personaxes principais tiñan cousas misteriosas no seu pasado pero que tampouco nos importaban. En dúas tempadas e media foi capaz de elaborar unha rede intrincada de misterios, dosificando as súas revelacións e dotando os personaxes dunha mitoloxía moi complexa que xa quixeran moitas series de máis orzamento. Eu pola miña banda espero que dure seis tempadas e unha peli como mínimo.
E esta é a primeira parte do (pouco) que vin esta semana. Mañá ou pasado máis.