Showing posts with label Medium. Show all posts
Showing posts with label Medium. Show all posts

Wednesday, 5 August 2015

o peso ideal nas series de televisión

Este mes deixei a dieta, e para evadir o meu sentimento de culpa levo toda a noite buscando mulleres gordas en papeis relevantes en televisión, que case é o mesmo que buscar mulleres vellas ou mulleres feas, a non ser que falemos, claro está, de convencións estilísticas como a vella sabia ou o parrulo feo.  As mulleres gordas non están por ningures na televisión que consumimos e que eu comento, e cando están obedecen a un obxecto satírico ou moralizante, nunca son personaxes reais senón máis ben encarnación de defectos ou virtudes, o mesmo daría que en vez da Monica gorda de Friends os seus amigos se dirixisen a unha galiña falante de dous metros ou que García de Criminal Minds fose unha porquiña rosa vestida con minisaia e tacóns. Outro día, se cadra noutro blog, podo analizar o caso español, onde as presentadoras de televisión teñen que ser simpáticas á vez que están cachondísimas, ou o caso galego, onde Gayoso leva trinta anos presentando o Luar acompañado dun desfile de traxes de noite con clons dentro que se renovan cando van quedando vellos, porque para carisma xa abonda co del, pero iso, que mellor noutro blog...

O que me chama a atención das series americanas é que levan anos perfeccionando o papel do “espectador subrogado” , nun intento por lle dar voz e imaxe á audiencia das súas ficcións, e é estúpido que ningún personaxe feminino relevante de ningunha serie teña un IMG superior a 20 cando o 35% da poboación adulta estadounidense é obesa (un dato terrorífico tirado da Wikipedia que á súa vez tirouno dunha publicación do CDC en 2010).


O mesmo que as guapas teñen que ser guapas pero sen o tentar demasiado e que os retoques son pecado mortal (sempre que sexan chafalleiros e te pillen) as gordas simplemente non poden existir na televisión americana porque... que caste de exemplo lle estariamos dando ás nosas fillas? Falo das mesmas fillas ás que bombardeamos con programas como Toddlers and Tiaras, os centos de Real Housewives ou o xa clásico da endogamia redneck Duck Dynasty. [NOTA: négome a reproducir imaxes deses programas neste lugar sagrado para min, pero os máis masoquistas tedes ligazóns a todos eles a só un click... alá vós].

A conclusión de todo isto ven sendo que en televisión todo é aceptable salvo os quilos de máis.



E como sempre, coa vocación de servizo público que caracteriza este blog, velaquí a serie de directrices a seguir se algunha vez na vosa vida sodes personaxes de ficción televisiva ou guionistas na procura de produtoras.

Como conseguir o peso ideal para aparecer nunha serie americana

1. Unha muller nunca nunca nunca se preocupa polo seu peso. Ou está delgada de forma innata a pesar de meterse atracóns de comida rápida American-style ou simplemente non merece vivir. Lembro unha tempada da infame The O.C. na que tentaban introducir un interés romántico máis terreal para Ryan. A rapaza en cuestión estaba delgada coma unha porta, o mesmiño có resto, pero cometía o erro de comentar diante de Marissa e Summer que lle custaba moito seguir a súa estrita dieta para conseguir estar así. As dúas mozas ollárona horrorizadas por enriba das súas hamburguesas graxentas e despois seguiron roendo nelas. Por desgraza, a escena cortouse antes de amosarnos como as dúas divas de instituto se dirixían ao baño a vomitar toda a graxa que acababan de tragar, o único que explicaría a súa gravidade cero con eses hábitos alimenticios. E, por suposto, a nova rapaza e Ryan nunca foron algo serio, ela simplemente non estaba feita para ese mundo.

Isto aconteceu porque nalgún momento a comezos do novo século alguén quixo vendernos que a nova muller (branca e de clase media) xa non se preocupaba polo que comía, facer dieta era vulgar e nada sofisticado... O que nunca nos revelaron é que todas as nosas heroínas de ficción tiñan un metabolismo máxico que lles permitía comer sen preocupacións e tamén sen consecuencias.



2. Se non estás delgada, só podes ser unha gordecha entrañable, pero ningunha mención á comida. Como en Mike & Molly, onde o 80% dos chistes no guión teñen que ver con Mike e a comida pero nin unha soa vez se menciona a posibilidade de que a Molly lle guste comer. E como non, é unha comedia, o único que pode facer Melissa McCarthy porque, malia ser unha actriz cun rexistro incrible, seica non dá a talla para o drama (pun intended). O mesmo acontece nas últimas tempadas de SNL con Aidy Bryant, unha das mellores incorporacións a quen só lle dan papeis de gorda... Xa estou oíndo os repunantes, “é que está gorda...” Vale, fans de SNL, imaxinade por un momento que Jay Pharoah só tivese papeis de negro. Como é iso? Que en vez de interpretar ás veces un home de negocios ou un dependente deTarget, interpretase sempre un home de negocios de Baltimore ou un rapeiro dependente de Target que atende bailando e facendo chistes de “yo’mamma”. Iso é o que lle pasa a Aidy Bryant: cando fai de nena, é a nena gordecha entrañable; cando fai de adolescente, é a adolescente gordecha e sen amigos; e cando fai de señora maior é esa velliña que parece a muller de Santa Claus. E, malia ter unha voz normal, sempre sempre sempre ten que falar co mesmo falsete cá gorda da Orquesta Mondragón.

3. Se tes forza de vontade abondo, pódeseche premiar coa delgadeza extrema. Iso si, con ocasionais chamadas de atención para que non esquezas de onde vés. Gabba Gabba, you’re NOT one of us. 



4. Se todo o anterior falla, pero seguimos precisando a actriz por un tempo, a única opción para non amosar o seu horrendo corpo é agochalo baixo sete saias e que todos os demais personaxes na escena finxan que non pasa nada, como fan as telenovelas cando unha actriz está embarazada e a súa personaxe non.  Este foi, durante case todas as tempadas de , Medium o caso de Patricia Arquette, á que eu sempre considerara a irmá máis guapa de Rosanna Arquette.  Como comezou a rodar a serie aos seus 37 anos, Patricia Arquette era unha muller adulta con algo de barriga, interpretando a unha muller da súa mesma idade que, en vez de ter algo de barriga como é natural, desenvolveu un apéndice moito máis inquietante nun xiro de guión que, algún día, os analistas televisivos darán en chamar “O estrano caso da señora Dubois e as blusas súper holgadas”.


Neste último suposto está o caso flagrante de Sasha Pieterse, flagrante polo nova que é a actriz e polo perfil de telespectadora influenciable que ve a súa serie (as miñas sobriñas de 15 e 11 anos, por exemplo). Sasha Pieterse comezou a  interpretar a Alison, a raíña das lurpias en Pretty Little Liars, cando só tiña 14 anos, malia o personaxe representar 16. Como era de esperar, o seu corpo cambiou ao longo dos anos de rodaxe, e non sei se por causa do estrés ao que, seguro, foi sometida pola produtora ou por unha revolución hormonal normal e corrente, colleu unha forma máis redonda (na miña época de instituto seguiría estando claramente no bando das delgadas da clase, pero que saberei eu, eu non estudei no West Beverly Hills High). Na tempada que ABCFamily, custodia dos valores Disney na televisión, está a emitir este verán, só pasaron dous anos e Alison ten 18, pero en vez de abrazar as súas fermosas curvas, os estilistas da serie decidiron convertela na muller dun senador do medio oeste.



Conclusión: é moito mellor parecer un pouco pailana que amosar barriga, e se agardas o suficiente non te terás que preocupar pola barriga tampouco, que xa se apañarán para eliminar o teu personaxe ou toda a serie con el... e se non, que llo pregunten a Kirstie Alley!

Friday, 11 October 2013

vinte e pico mortes televisivas que chorei (segunda parte)

Por fin! Por fin! Xa está aquí a segunda parte da lista máis agardada do outono. Máis spoilers para todos:


10. Liz (Louie, Tempada 3 Episodio 13)
Mesmo para unha comedia tan marciana coma Louie, o personaxe de Liz sempre foi do máis raro, e a súa morte, absurda e tráxica a un tempo, foi o resumo do seu paso pola serie. Despois de pasar un ano máis ben horríbel (entre outras cousas a perda de Liz, que o facía feliz) Louie sube nun autobús cara ao aeroporto para pasar o fin de ano coa súa irmá e a familia, idea que non lle entusiasma. No autobús atópase con Liz, o que lle devolve a alegría de vivir por aproximadamente medio segundo, porque nese mesmo momento Liz comeza a sangrar polo nariz, debrúzase no chan e pouco despois morre, sen explicación. Que???


9. O Décimo Doutor (Doctor Who, Tempada 4 Episodio 18)
Isto ten un pouco de trampa porque todas sabemos que os Señores do Tempo se rexeneran, e que os distintos actores que interpretaron ao Doutor Who durante décadas non son máis ca reencarnacións do mesmo doutor, iso si, cada unha coa súa propia personalidade. Con todo, decidín meter o Décimo Doutor nesta lista porque: a) adoraba a David Tennant e odio con toda a miña alma a Matt Smith, que o substituíu, e b)semella que o Décimo é o único Doutor Who que ve a súa existencia coma un episodio finito, non unha reencarnación, por iso as súas palabras de despedida (“non quero marchar”) resultan tan dolorosas.


8. Coronel Henry Blake (M*A*S*H, Tempada 3 Episodio 24)
Despois de tres tempadas pasando por alto as monadas de Hawkeye e Trapper, e aturando a Klinger, o coronel Blake por fin se licencia e marcha de regreso á súa consulta privada en Illinois. Un lote de bicos, abrazos e final feliz... Que? Nunha serie que se estaba emitindo mentres o exército americano estaba aínda en Vietnam? Nin de broma. Os creadores de M*A*S*H  non tiñan ningunha necesidade de entrar aí, pero quixeron facelo igualmente: chavales, lembrade que na guerra non hai finais felices, pouco despois da saída de escena do coronel, Radar anuncia entre bágoas que o seu helicóptero foi abatido sobrevoando o mar de Xapón.


7. Bobby Singer (Supernatural, Tempada 7 Episodio 10)
A sétima tempada de Supernatural foi a peor da serie porque introduciu os estúpidos Leviathans, probabelmente os monstros máis cutres da historia televisiva (así que son super-poderosos, pódense metamorfosear en quen queiran, comen humanos e... mátanse con auga e xabón???). A sétima tempada, ademais, viu a morte do personaxe máis querido da serie, Bobby Singer, a figura paterna que Sam e Dean levaban buscando desde o primeiro episodio da serie. Por sorte, os guionistas de Supernatural déronlle a oportunidade de revivir momentos felices exercendo de pai de Sam e Dean no episodio da súa morte. E a súa frase de despedida, foi a que todos os fans agardábamos: “idjits!”


6. Dan Conner (Roseanne, Tempada 8 Episodio 23, descuberto na Tempada 9 Episodio 24)
Debéramos ter sospeitado cando a novena tempada de Roseanne (unha serie que xa teño louvado aquí por se manter fiel na súa representación da clase obreira) comezaba cos Conner gañando a lotaría e facéndose millonarios. Debéramos ter sospeitado máis aínda cando todo nesa tempada seguiu sendo ridículo: Dan recuperouse milagrosamente do seu ataque ao corazón da tempada anterior, Darlene tivo un bebé, Jackie atopou un príncipe azul que era realmente un príncipe, Steven Seagal salvou a Roseanne e Jackie dun grupo terrorista (como lo oyen!) e outra serie de catastróficas dichas... Así e todo, a todo o mundo colleulle por sorpresa que, despois de cagala tanto nunha soa tempada, no capítulo final da serie os guionistas decidiran marcarse un Dallas (tamén chamado un Los Serrano para os máis novos, aínda que persoalmente prefiro chamalo “xiro argumental do concurso de redacción de terceiro de E.X.B. da miña escola”): era todo un soño! Dan morrera, efectivamente, dun ataque ao corazón ao final da oitava tempada, e os acontecementos desde aquela (e algúns de tempadas anteriores) formaban parte do xeito en que Roseanne narrara a súa propia historia, cambiando o que non quería lembrar. Moitos anos despois Ian McEwan escribiu unha novela con basicamente o mesmo truco final, forrouse e, que eu saiba, ninguén o acusou de plaxio.


5. Omar Little (The Wire, Tempada 5 Episodio 8)
Omar foi un dos personaxes máis queridos de The Wire, probablemente porque estaba retratado con máis coidado que os outros personaxes do lumpen de Baltimore. A súa imaxe icónica, co abrigo e o rifle, e o seu código de honor tamén axudaron. O mesmo que os espectadores estaban da súa parte, os rapaciños das torres temíano e admirábano, agardando ser como el algún día (polo menos en case todo). Por iso foi máis chocante aínda que a súa morte chegase a man dun deses cativos, así, sen previo aviso, como acontecen as cousas en The Wire.


4. Sayid Jarrah (Lost, Tempada 6 Episodio 14)
A morte de Sayid non foi nin de lonxe tan tráxica como a de Jin e Sun ou a de Charlie, e iso é o que máis me saca de quicio. Sayid foi un dos mellores personaxes durante cinco tempadas (e o único que rompeu o pescozo dun inimigo cos pés mentres estaba maniatado e deitado no chan), até que na última os guionistas decidiron castigalo dándolle unha liña argumental de merda, volvéndoo malo sen razón aparente (resucitárono na piscina equivocad... perdón, que merda me estás contando???) e volvéndoo bo sen máis explicación no último minuto, para despois matalo nunha escena con bomba digna de Van Damme contra Jason, la precuela (vaia, grazas a algunha manobra de enxeñería incomprensíbel, se corto o cable que non é, en lugar de que non se pare a bomba ou que se detone inmediatamente, o que vai pasar é que conseguirei acelerar o reloxo os segundos xustos para que me sexa imposíbel escapar correndo, nin un máis nin un menos... por favor!). E por se non lles bastase con iso, tamén tiveron que desenterrar a súa memoria e mexar sobre ela cando, despois de establecer durante toda a serie que o amor da súa vida era  Nadia, no odioso capítulo final decidiron emparellalo PARA TODA A ETERNIDADE con Shannon, a estúpida que coñeceu na illa e que morreu pouco despois. Por todo iso eu maldígovos, Damon Lindelof e Carlton Cuse, e como desagravio meto a Sayid nun dos primeiros postos desta lista.


3. Joe Dubois (Medium, Tempada 7 Episodio 13)
As series de tema sobrenatural non son moi afortunadas amosando a vida cotiá dos protagonistas; as máis das veces remarcan a soidade do heroe e a imposibilidade para levar unha vida normal (como lles acontece a Sam e Dean en Supernatural), e en casos moi contados presentan unha visión idílica onde o resto do mundo existe para lle facilitar a vida á protagonista (Ghost Whisperer). O caso de Medium representaba o difícil equilibrio entre unha cousa e outra: os poderes de Allison creaban conflitos moi críbeis no fogar, especialmente co seu home, mais ao final do día Joe Dubois estaba alí para se deitar na cama a carón da súa muller e opinar, coa perspectiva materialista dun científico, sobre todas as taradeces que a ela lle aconteceran no seu mundo de pantasmas e visións.

Por iso foi duro que os guionistas decidisen matalo. Por iso e porque non era en absoluto necesario: nin o actor deixou a serie, nin había unha liña argumental que remataba coa súa morte, nin ten xustificación o horrendo derradeiro episodio, onde decidiron matar a Joe uns 40 anos (en tempo da serie) antes ca Allison, co cal non só nos despedimos de Jack Webber media hora (en tempo real) antes có resto dos seus compañeiros de rodaxe, senón que tivemos que padecer coa familia Dubois a devastación por perder ao pai nun accidente aéreo bastante sinistro. O feito de que Allison fose médium e non fose quen de se comunicar co seu home até morrer ela tamén, engádelle saña ao agravio.

Ás veces as mortes televisivas son conmovedoras porque están ben escritas e ben interpretadas, e outras, como é o caso, simplemente nos fan chorar porque son tan inxustas como na vida real.


2. Hank Schrader (Breaking Bad, Tempada 5B Episodio 6)
Na primeira parte desta lista incluín a Gale Boeticher porque era un personaxe que non queriamos perder e porque o capítulo no que morre está no meu top ten. Desde Gale, moitos outros personaxes perderon a vida en Breaking Bad, e algúns merecerían estar nesta lista (Mike, que tal por Belice, tío?) e se cadra a máis de un lle sorprende que este segundo posto non sexa para Walter White, pero escoiten isto:

Ao longo da serie Walt experimentou unha evolución persoal e *ehem* profesional que só podía rematar con el morto, e a pesar de todo eu coido que conseguiu unha resolución máis ou menos feliz, dentro das súas expectativas: amañouse para facerlle chegar aos seus fillos o que quedaba da súa fortuna, vingouse dos supremacistas que mataran a Hank e lle roubaran todo polo que traballou, fixo todo o que puido para eximir a Skyler de calquera culpa, perdooulle a vida a Jesse e mesmo, dalgunha forma, venceu o cancro morrendo dun tiro no peito.

E despois está Hank, que se mantivo recto e firme durante toda a serie, aturou reverentemente a Marie (#jesuschristmarie!), sobreviviu a unha bomba dentro dunha cabeza, a dous psicópatas mexicanos cunha hacha, e ao estrés post-traumático que viu con iso, e tivo tempo de ser un bo cuñado e unha figura paterna bastante mellor que Walt para Walter Jr. Hank, que soubo quen era Heisenberg só por casualidade, por ter un apretón no momento axeitado e no váter axeitado, pero que despois fixo un traballo incríbel para lle tender unha trampa coas poucas armas que tiña, e que rozou o seu obxectivo nesa última chamada a Marie. 

Hank marchou cunha das mellores frase de toda a serie: “You’re the smartest guy I’ve ever met and you’re too stupid to see he made up his mind ten minutes ago.” E eu chorei.


1.       Joyce Summers (Buffy the Vampire Slayer, Tempada 5 Episodios 15 e 16)
É a morte, ou a representación da morte, mellor rodada da historia da televisión. Primeiro porque nunha serie que trata do sobrenatural, dunha moza que enfronta a morte todos os días, é descorazonador que esta, a que máis lle importa de todas, sexa unha morte natural e que non a poida reverter, nin tan sequera vingar. Joyce Summers morre dunha complicación imprevista tras extirparlle un tumor cerebral, e Buffy chega a casa unha tarde soleada despois de loitar co monstro da semana e atópase coa súa nai fría, nun sofá. Títulos de crédito. Ese é un dos medos máis fondos que todos experimentamos, ese preguntarse “e se agora abro a porta e os meus pais están mortos?” e Joss Whedon retratouno con cero artificios.

O seguinte capítulo é un estudo da dor. Con planos tan pechados e fóra de sitio que resultan abafantes, Joss Whedon, que escribiu este capítulo despois de que a súa propia nai morrese de forma semellante, recolle as tentativas de Buffy por reanimala, primeiro chamando “mamá? que fas aí? mamá?” e despois, cando comeza a comprender o que acontece, un tembloroso “mami?” que me xeou o sangue. A chamada a emerxencias, a chegada da ambulancia, o radiante día de primavera, toda esa escena está rodada de forma tan desestruturada que resulta ben críbel para os que perdemos algún ser querido. Despois diso cadaquén lidia co dó ao seu xeito: Willow poñéndose histérica porque non atopa que poñerse para ir ao tanatorio, Anya facendo as preguntas fóra de lugar que normalmente se lle ocorren aos cativos en situacións así, Dawn querendo vela, querendo ver o corpo... O sobrenatural só está presente nos últimos minutos, e curiosamente só se usa como un pequeno recordatorio de que a vida continúa, e o capítulo é tan sobrio que podería tratarse de calquera drama conceptual deses que gañan os premios da crítica.

Eu sei que a moita xente non lle interesa en absoluto unha serie sobre unha animadora loira que persegue monstros, e que non pensan que está á altura de competir nas ligas de The Wire ou Breaking Bad. A todos eses recoméndolles sinceramente ver este episodio.


Thursday, 20 December 2012

a fin do mundo en 7 teleseries


Seica mañá remata o mundo. Ou se cadra é pasado. Ou hoxe, como dicía o discjockey ao comezo de Until the End of the World, “non sei en que fuso horario está Deus”.

En todo caso, se facemos caso á ficción estadounidense, que é a que coñezo, a fin do mundo sempre comeza nos E.U.A., con algúns preludios illados na Torre Eiffel, o Big Ben, o Taj Mahal e un poblado remoto de África, pero o gordo sempre se centra alí, máis concretamente na cidade de Nova York, así que podemos asumir con certa marxe de manobra que a fin do mundo terá lugar o 21 de decembro segundo o horario GMT -5. Iso aínda nos dá unhas horiñas xeitosas para pasar coa familia, desfasar en plan fin do mundo, ou ver series. E existen grandes series e grandes capítulos que tratan ese tema, a maioría ianquis porque, como digo, os americanos son expertos en acabar con todo (pun intended).

As miñas series preferidas que, até a data, trataron ese tema, son:

Survivors (BBC, 1975-1977, 2008-2010): Hai esperanza despois da fin.

O que sempre me mosqueou da ficción apocalíptica, especialmente  en televisión, é que adoita centrarse nun grupo de personaxes que non merecerían estar vivos. Fundamentalmente porque fan cousas estúpidas, como a miña adorada Charlie de Revolution; ou porque fan cousas estúpidas e non son boas persoas, como Lori e Rick de The Walking Dead, os peores pais do mundo; e outras veces porque son personaxes tan planos que non merecen estar vivos como personaxes.


En Survivors (2008), un virus remata co 99% da poboación en poucos días, e nos atopámonos cunha muller, Abby Grant, que tivo a enfermidade e a superou, co cal é inmune ao virus, e vai na procura do seu fillo, que estaba interno nun colexio deses da campiña inglesa. Polo camiño atópase cunha serie de superviventes que se lle van unindo e tamén algún personaxe escuro que sabe máis do virus do que conta. Refírome á versión de 2008 porque da orixinal, de 1975, só atopei o primeiro capítulo, e non me parece que a nova versión o desmerecese.

O que me atraeu desde o principio é que todos os personaxes principais son moi reais, bos ás veces e mesquiños outras, heroes e covardes, e sobre todo que malia verse envoltos na fin do mundo razoan e actúan conforme ás circunstancias, en vez de se converter en rambos ou survivalistas expertos. Dito doutra forma, se cada unha das series apocalípticas da televisión contasen entre os seus superviventes a un membro do grupo de Abby Grant, as súas posibilidades de vivir cunha certa comodidade acrecentaríanse nun 200%.

Tamén é certo que o creador da versión orixinal é Terry Nation, guionista de Doctor Who e orgulloso pai dos Daleks.

Jericho (CBS, 2006-2008): Unha lección: o futuro aquí pódese parecer ao presente noutros lados.

O de Jericho é algo que non entendo. Lembro o rebumbio que espertou cando a estrearon (aquí) en televisión, semellante ao de Lost, pero só durou unha tempada e pouco e cancelárona por falta de audiencia. Supoño que botala na CBS, unha cadea especializada en series de policías e forenses destinadas a outro tipo de público máis conservador, tiña os seus riscos. Pero penso que o que non lle gustou á xente de Jericho foi o mesmo que o que non lles gustou de Rubicon e actualmente de Last Resort: as tres falan de ter o inimigo na casa, e iso non cadra ben cos votantes da “liberdade duradeira”.

En Jericho a causa da apocalipse é un holocausto nuclear. Unha serie de bombas eliminan as principais cidades dos E.U.A. e sumen o país no caos. Jericho é unha vila granxeira de Kansas, onde a comunidade dividida tenta sobrevivir. Coma sempre, hai teoría da conspiración polo medio, pero o que fai interesante esta serie, sobre todo a segunda tempada, é a chegada da poderosa Jennings & Rall, unha empresa subcontratada polo exército dos novos Estados Unidos (que se volven dividir), e que na súa organización, tácticas paramilitares e contactos coas altas esferas parécese moito, demasiado, ás compañías de mercenarios que se ocuparon de “reconstruír” Iraq despois da invasión americana. O paralelismo é tan obvio que os habitantes de Jericho se teñen que converter en combatentes pola liberdade, malia que o exército ocupante e os xefes de Jennings & Rall din que son terroristas... aí queda.


Con esta exposición tan dura dos feitos –e diante de todo, divertida, porque non hai que esquecer que se trata dunha serie de acción- Jericho non sobreviviu á primeira tempada e da segunda só houbo 7 episodios, que apenas deron tempo para improvisar un final que atase todos os cabos soltos. Existe tamén un final aberto que ten algo máis de sentido, e a serie continuou despois en formato de cómic, aínda que xa moi lonxe da idea orixinal.


Red Dwarf (BBC2, 1988-1993): Cartas desde a tumba.

Red Dwarf é unha comedia de media hora cunha premisa de ciencia ficción: os habitantes dunha nave espacial morren por unha fuga radioactiva, e o único que queda vivo é o mecánico de máis baixo rango, Lister, que no momento da fuga estaba cumprindo castigo nunha máquina de crioxenia por ter un gato agochado a bordo. Cando Lister sae do castigo, tres millóns de anos despois, atópase con que os únicos que fican na nave son o holograma do seu superior coñazo, Rimmer, o ordenador intelixente de a bordo, Holly, e unha forma evolucionada do gato que tiña agochado, Cat, que é un humanoide obsesionado co seu aspecto e tamén un pouco Little Richard pasado de éxtase.


Como comedia ten todos os ingredientes de comedia,comezando pola relación amor-odio entre Lister e Rimmer e rematando polo histrionismo do gato, e con todo lembro un capítulo cun tema tan estúpido que case me fai chorar: no episodio 8, os protagonistas atópanse cunha nave de correos que estaba perdida, e Rimmer (que, lembremos, é un holograma) atopa unha carta que lle mandaran tres millóns de anos atrás para dicirlle que o seu pai morrera, e deprímese. Os outros tentan convencelo de que é estúpido deprimirse porque un ser querido morreu hai tres millóns de anos, porque todos están mortos e a Terra nin sequera existe, e con todo é algo tan humano que fai o episodio tráxico. Hai outros, moitos outros, máis graciosos ca este, pero sen dúbida o episodio de Red Dwarf que mellor representa a apocalipse é este, “Better than Life”.


Life After People (History Channel, 2009): Cats after people.

Life After People é un documental especulativo que non se centra nos acontecementos que poden levar á fin da raza humana, como tantos outros, senón no que vai pasar despois de que a raza humana desapareza. Está contado de diversos puntos de vista: a evolución de animais e prantas, as construcións, a enerxía, etc... sempre tomando como punto de partida a primeira hora sen vida humana na terra, e desenvolvendo esas teorías para saber o que vai pasar despois dunha semana, un mes, un ano...

Tranquilas, non é Revolution, é o Londres de Life After People.
Por suposto que é especulación, porque non podemos medir o que vai pasar cando non esteamos, pero a forma na que está narrado (o feito de que conten con expertos en distintos campos e que fuxan da espectacularidade) fai que todo semelle plausible.

Un dato interesante: segundo o documental, os gatos son os animais domésticos que máis preparados están para sobrevivir sen nós porque son os putos amos.


Medium (NBC/CBS, 2005-2011): os psicópatas tamén ven ficción apocalíptica.

Moito me gustaba Medium pola forma que tiña de presentar os casos. Nun dos meus preferidos, "Apocalypse... Now?" (T. 5, Ep. 6), Allison soña cun escenario apocalíptico no que o seu home e as súas fillas están agochados na casa, desesperados porque non lles quedan reservas de auga nin comida, e o que se ve fóra é un deserto post-nuclear. Non se trata dun futuro moi afastado, a xulgar pola idade das nenas. Loxicamente, en canto esperta, Allison vai correndo á súa tenda para pirados survivalistas máis próxima e carga o maleteiro con barriñas enerxéticas e bidóns de auga. Se os meus soños fosen premonitorios, eu faría o mesmo ca ela.

"Ten algo para sobrevivir á fin do mundo? Non? Bueno, pois déame armas, que malo será..."
O que acontece na realidade é moito máis perverso: un psicópata matou a toda unha familia para secuestrar a filla pequena e metela nun búnker convencida de que houbo un verdadeiro holocausto nuclear, e de que ela e o pervertido son os dous últimos habitantes do planeta que, claro, terán que repoboar algún día. A escena na que (SUPER-SPOILER) a moza xa adolescente sae do búnker porque hai un incendio, e atopa o secuestrador na súa casa tranquilamente vendo un partido pola tele e tomando unha cervexa, é brutal.

Millennium (Fox, 1996-1999): creadores pasados de ácido e Patti Smith.

Alguén vaime discutir que Millennium non é per se apocalíptica, pero nalgún punto da primeira tempada estableceron que o propósito do grupo Millennium era investigar unha serie de acontecementos e persoas que ían levar a unha apocalipse inminente arredor do ano 2000, así que podo argumentar facilmente que é unha serie pre-apocalítica, o que ben vale.

Ademais, incluína na lista como excusa para poñer esta escena xenial, que forma parte do último episodio da segunda tempada, e ese episodio si que trata dun virus que vai rematar coa humanidade.


O mellor videoclip que lle podían facer a esta canción, non podo crer que a Fox o emitise enteiro.


Twilight Zone (1959-1964, 1985-1989): o terror que marcou a miña infancia.

Igual que outras series de ciencia ficción, como Doctor Who, The Outer Limits ou Masters of Science Fiction, The Twilight Zone ten moitos capítulos que tratan o tema da fin do mundo. Time Enough At Last (1959) é un dos máis lembrados e parodiados: un home solitario ao que lle encanta ler e nunca ten tempo atópase nun futuro post-nuclear, por fin só e rodeado de libros, até que lle rompen as gafas. Eu persoalmente nunca entendín o clímax da historia, do mesmo xeito que a biblioteca municipal se salvou do holocausto, ben pode haber por aí algunha óptica, ou algunha casa, ou algún cadáver torrado que conserve as gafas graduadas postas... o que quero dicir é que o problema do protagonista é difícil pero non é insalvábel.

O episodio que a min me resultou máis aterrador, en troques, foi A Little Peace and Quiet (1985). Nel, unha ama de casa tamén rodeada de ruídos, tarefas, nenos berrando, marido petardo e veciños coñazos, atopa un colgante en forma de reloxo de sol. Descubre que cada vez que o pon, o mundo enteiro se paraliza, e deseguida comeza a desfrutar del, usándoo para safarse de vendedores inoportunos ou para relaxarse cando a súa familia mete moito ruído. Aos poucos a historia de fondo deixa ver que hai unha guerra nuclear inminente, e finalmente unha noite a muller ve na televisión as noticias de que Rusia (daquela era Rusia) lanzou nonseicantos mísiles con destino aos Estados Unidos. Coa tele mandando evacuar, o marido berrando e os nenos chorando, a muller para o tempo máis unha vez e sae á rúa a ver qué acontece. Mentres camiña polas rúas ateigadas de xente conxelada no acto de correr, tropeza cun home que está sinalando ao ceo, dáse a volta para ver ónde apunta o dedo e ve, no ceo, a uns metros da súa cabeza, o mísil soviético, suspendido no aire.

Escribo este resumo de memoria, porque non volvín ver o episodio desde que o puxeron por primeira vez na tele, cando eu tiña uns 9 ou 10 anos. Lembro o argumento perfectamente como lembro que o camisón que levaba a señora era rosa, e que tropezou co home que sinalaba o ceo xusto diante do cine, porque foi unha imaxe que me perseguiu moitas noites, o que para min a eleva á categoría sublime de dúas das miñas cousas favoritas: o bo terror e a boa televisión.

Buscando imaxes despois de escribir a entrada atopeime con isto: lembraba que a última escena era diante dun cine, pero de cativa non collín á referencia cómica ás dúas películas.

Jeremiah (bonus track)

Nunca vin Jeremiah, que vai dun mundo onde todos os adultos morreron e os nenos medraron salvaxes, pero pensei que pagaba a pena pechar esta lista con ela, só polo feito de que os protagonistas son, atención: Dylan de Beverly Hills 90210 e o fillo de Bill Cosby!

Isto claramente di: fin do mundo.




Friday, 2 November 2012

agora que xa pasaron os especiais de Halloween


Agora que xa pasou Defuntos, podo dicir que non odio Halloween. É só que non é de aquí, é tan ridículo ver xente disfrazada de The Walking Dead cousas monstruosas nesa noite, primeiro porque aquí sempre foi o día de Defuntos, e a tradición tiña máis que ver con acompañar á túa avoa a limpar as tumbas da familia que con disfrazarse e andar de festa, e despois porque a xente que o celebra ao estilo americano reproduce unha parte moi pequena e moi deturpada do que ven na tele, o de ir vestido de monstro e mazarse como preas, e esquecen o que para min é a parte fundamental: os especiais televisivos.
Quen nunca vise It’s the Great Pumpkin, Charlie Brown non ten dereito a celebrar Halloween ao estilo ianqui. Eu non o celebro, pero como boa hipócrita podo dicir que me recreo nesta época mirando os especiais da televisión americana, porque, aínda que aquí teñamos outro tipo de tradicións, alí outubro é o mellor mes da televisión. E con tal desculpa, agora que xa pasou a romaría, podo facer outra lista:

OS TRECE MELLORES ESPECIAIS DE HALLOWEEN

Como imos de menos a máis, vou comezar pola mención honorífica: o capítulo de Halloween da segunda tempada de Castle é bastante normal, pero a aparición de Nathan Fillion ao comezo do capítulo vestido como Mal Reynolds é digna de figurar nesta humilde lista. Foi ao mesmo tempo un aceno aos fans leais de Firefly  (coma min) e un tirón de orellas aos fans frikis de Firefly (coma min), cando a súa filla lle di que xa hai cinco anos que leva o mesmo disfrace e que debería superalo.


13. Louie: Halloween/ Ellie (Tempada 2 Episodio 10)
Os capítulos de Louie normalmente teñen dúas historias diferentes. Esta escolla é un pouco trampa porque me gustou máis a segunda historia, que non vai de Halloween, que a primeira, pero paga a pena ver a persecución dos dous tipos que realmente dan medo e a reacción nada cómica de Louie e as súas fillas.


12. Bottom: Terror (Tempada 3 Episodio 2)
Non é dos mellores capítulos de Bottom, demasiado caca-cu-peido-pis mesmo para eles, pero o peor capítulo de Bottom é mellor que a metade das comedias da televisión actual. Ademais, pensei que me ía mal coa cenoria de Halloween e o francés/galés.


11. The Simpsons. Treehouse of Horror
Non sei moi ben como facer con Treehouse of Horror, porque de case todos me gusta unha das historias moito máis que as outras, pero se teño que elixir, diría que o primeiro (o episodio 3 da segunda tempada) por ser o primeiro especial, e a primeira aparición de Kang e Kodos. E xa que son tres historias por especial, as miñas tres historias preferidas, malia que de tempadas diferentes son: “The Raven” (Treehouse of Horror I), a representación máis entretida posíbel dun poema que até o momento me parecera estúpido e carente de interés; “The Shinning” (Treehouse of Horror V)porque cravaron a película (No TV and no beer make Homer go crazy); “The Genesis Tub” , sempre me fixo graza o da civilización pequeniña, ademais é unha das moitas homenaxes á The Twilight Zone.


10. Phineas and Ferb: The Monster of Phineas-n-Ferbenstein (Tempada 1 Episodio 22)
En realidade só quería meter calquera capítulo de Phineas and Ferb. Este ademais fai o mellor uso que se pode facer dunha masa enfurecida, e a maldade de Doofenshmirtz/Hyde é digna de ver. “And that is why there are pumpkins”.


9. American Horror Story: Halloween I & II (Tempada 1 Episodios 4 e 5)
Para as series de terror ás veces é difícil facer un bo capítulo de Halloween, porque sempre se lles esixe que lle dean unha volta ao argumento. Pareceume unha boa idea que na primeira parte de American Horror Story a noite do 31 de outubro fose a única na que as pantasmas podían abandonar os lugares onde morreran e andar polo mundo, sobre todo porque algúns deles aproveitaron para facer “recados”, cousas normais que facían estando vivos e que xa non podían volver facer. Tamén foi a primeira vez que intuímos a verdadeira historia de Tate e vimos as vítimas do tiroteo no instituto, algo moi macabro para a cultura americana.


8. Medium: Bite Me (Tempada 6 Episodio 6)
Hai dúas razóns polas que sempre me gustou Medium. A primeira, que a contrapón a series cursis a dolor como Ghost Whisperer, é que a súa familia se comportaba como unha familia normal se comportaría se a nai puidese falar cos mortos. Alison e as súas fillas tiñan problemas domésticos derivados do seu don, e a vida non sempre era color chicle na casa dos Dubois (ademais, eran todos listísimos, eu querería un marido e unhas fillas así). A segunda,e isto creo que ningunha serie con tema sobrenatural o logrou tan ben, é a orixinalidade coa que presentaba os casos da semana: pesadelos en tecnicolor ou en branco e negro, espertar falando outro idioma ou sen poder oír máis ca unha canción todo o tempo, o xenial episodio no que Bridgette soñaba cuns debuxos animados de monos que lle revelaban uns crimes violentos de forma que ela os puidese entender... O normal é que as series que funcionan cun caso semanal independente acaben aburrindo, pero con Medium eu atopábame cada semana desexando saber cómo me ían presentar o caso desa vez.
Aínda que neste episodio a resolución do caso sexa previsíbel, é o exemplo perfecto de por que me gustaba Medium: Alison atrapada en Night of the Living Dead, o cameo dunha estrela do terror, unha araña morta comunicándose con Bridgette, e chistes metatelevisivos (encántame cando Bridgette comenta que están poñendo películas de zombis na tele e Joe Dubois –interpretado por Jake Weber- pregunta se van poñer esa na que están atrapados no centro comercial).


7. Buffy the Vampire Slayer: Fear Itself (Tempada 4 Episodio 4)
A cuarta tempada de Buffy the Vampire Slayer é a peor, para min, pero os capítulos bos que ten son moi bos, por exemplo este. Estou segura de que hai unha chea de series sobrenaturais que usaron o tema de enfrontarse literalmente aos propios medos antes e despois deste capítulo, a propia BtVS  xa o fixera no capítulo Nightmares da primeira tempada (é interesante ver cómo os medos dos personaxes se van facendo máis abstractos a medida que eles maduran), pero o xenial deste episodio é o humor que ten, e por suposto o xiro final, e iso non o podo contar aquí. E Giles con sombreiro mexicano.


6. Roseanne: Boo! (Tempada 2 Episodio 7)
Os capítulos de Halloween de Roseanne sempre foron famosos, supoño que porque, como xa comentei algunha outra vez, parecían reais. As decoracións eran propias dunha familia á que lle gustaba moito esa festa e se mataban a decorar a casa co que tiñan, non de inverter medio millón de dólares e contratar ao equipo de decorados de Disneyworld. “Boo” é o primeiro deses especiais de Halloween, pero podería ser calquera deles. Elixín este porque é o máis fresco, e o disfraz de Becky de azafata morta en accidente aéreo é do máis macabro que vin na vida, qué podo dicir...


5. South Park: Spookyfish (Tempada 2 Episodio 15)
É o segundo capítulo de South Park que vin na miña vida, nunha cinta VHS que foi unha pena perder, porque contiña: este capítulo, o de Babura/MegaPoitier/Robert Smith, e o especial de Terrance e Philip “Not Without My Anus”. O único que se emitiu como especial de Halloween é este, pero eu recomendaría ver os tres seguidos. O Cartman malo do cruel universo paralelo, a tenda de animais que se chama “Antigo Cemiterio Indio” , a cara de Barbara Streisand nas esquinas da pantalla para crear efecto “spooky-vision” son algunhas das cousas que sempre vou lembrar desta serie.


Stan: So you just- built your store on top of an Indian burial ground?
Clerk: Oh, hell no! First I dug up all the bodies, pissed on 'em, then buried them again upside down.

4. Community: Introduction to Statistics (Tempada 1 Episodio 6)
Deberían deportarme por recoñecer isto, pero a primeira vez que vin Community deixoume máis ben como estaba. Tiven que ler un par de reseñas de Tim Surette (o meu seriólogo de confianza) para volverme interesar pola serie, e menos mal que me fiei del. O primeiro capítulo que me enganchou foi este, pero xa non o puiden deixar, e creo que a calquera persoa que o vexa lle vai pasar o mesmo, se a ve en orixinal (algún día falarei dos dobladores ao español desta serie e de como os deberían colgar polos dedos gordos dos pés e arrincarlles a pel a tiras mentres unha rata esfameada lles roe os xenitais).

“Wherever a party needs to be saved, I’m there. Wherever there are masks, or there’s tomfoolery and joy, I’m there. But sometimes I’m not, ’cause I’m out in the night, staying vigilant, watching, lurking, running, jumping, hurtling, sleeping. No, I can’t sleep. I don’t sleep. You sleep. I’m awake. I don’t sleep. I don’t blink. Am I a bird? No. I’m a bat. I am Batman … or am I? Yes, I am Batman."
3. Parks and Recreation: Greg Pikitis (Tempada 2 Episodio 7)
Greg Pikitis é un dos capítulos máis xeniais de Parks and Recreation. A historia da festa de Anne é aburrida, como case todas as historias de Anne (por que a xente adora a Rashida Jones? É tan normal que non pode ser cómica), pero a persecución entre Leslie e Greg Pikitis chega de sobra para compensar o capítulo. Ademáis, Louis CK facendo de Louie Dave, o policía máis riquiño da historia. E a primeira aparición do axente Burt Macklin, do fucking FBI.


2. Buffy the Vampire Slayer: Halloween (Tempada 2 Episodio 6)
A ver, é obvio que teño unha certa debilidade por esta serie e que me sei os guións de memoria e considero a Joss Whedon un semidios, pero agora máis ca nunca, vendo a cantidade de vampiros lánguidos e rapaciñas indefensas que poboan as pantallas de cine e televisión, dá gusto ver unha moza pija de instituto mallando nos malos e rescatando rapaces, en vez de suspirar e facer promesas de abstinencia.
Por iso mesmo neste capítulo é interesante ver cómo sería Buffy se fose unha princesiña indefensa, e en xeral a idea de que os habitantes de Sunnydale se transformen nos seus disfraces está moi ben, eses nenos convertidos en monstros pequeniños son espeluznantes.


1. Community: Epidemiology (Tempada 2 Episodio 6)
Non sei quen me comentou unha vez que non lle gustara este capítulo de Community. Non todos os demais, este en concreto. Supoño que será porque é un capítulo de Halloween e sae do estándar do posíbel, pero nesta serie todo sae do estándar do posíbel. Eu choro da risa con este capítulo, moi especialmente cos detalles: o feito de que a apocalipse zombi se desate a ritmo dunha lista de reprodución de ABBA, ou a escena dos gatos do sótano e a pregunta obvia de Troy son as cousas que me van seguir facendo rir as seguintes cincuenta veces que o vexa.

"Holy crap! Leonard's a zombie!"