Até hai ben pouco era difícil ver series en versión
orixinal, e as que preferiamos velas así eramos repunantes ou simplemente
queriamos fardar do noso coñecemento de idiomas. Eramos como aquel que, na sala
de cine en versión orixinal, escacha a rir medio segundo antes de que poñan o
subtítulo, para que todo o mundo saiba que entende
o que están a dicir. Veña ho, todos sabedes do que falo, porque ou ben
vivistes iso algunha vez, ou sodes dos que o fan.
Pero os das series eramos peores, porque esixiamos versión
orixinal sen motivo aparente, porque as series non son tan importantes, as
comedias son moi rápidas e non dá tempo a ler os chistes, ou o traballo dos
dobradores españois é recoñecido internacionalmente. Sen ánimo de lles quitar
mérito (xa entraremos despois en casos específicos), hai varios problemas polos
que esta teoría non se sustenta: para comezar, a présa que teñen actualmente as
cadeas de televisión como Fox España ou Canal + por estrear as series de éxito case ao mesmo tempo que se estrea por
primeira vez no país de orixe. Todos lembramos o fiasco dos subtítulos do último
episodio de Lost, non é necesario
dicir que a produción de unha dobraxe é moito máis complexa e a calidade se
resinte se acurtas os tempos. Pero é que ademais non podemos perder de vista o
termo “actor de dobraxe”; os dobradores son iso, actores e actrices, e cando
están mal dirixidos, trasladan os rexistros interpretativos propios da ficción
española á ficción que están a dobrar, e o resultado é tan afastado do orixinal
que cando o comparamos dá medo.
Velaquí algúns exemplos prácticos:
Community
Cústame moito traballo recomendar Community, que é unha das miñas comedias favoritas, porque sempre
me queda a dúbida de se a persoa á que lla recomendo a verá en versión dobrada
e pensará que son parva. Neste caso non é un problema de calidade, pero si que
a dobraxe altera a personalidade dos personaxes e o carácter da serie. Penso
que o director ou os actores de dobraxe de Community
están habituados ao estándar das comedias americanas multicámara dos 90 e,
cal votantes dos Emmy, son incapaces de recoñecer un formato distinto que tamén
é comedia, por iso lle aplican a cada unha das personaxes voces estereotípicas
de sitcom.
Abed, un dos protagonistas, é un fanático da ficción con
serios problemas para relacionarse no mundo real, e a graza do seu personaxe
reside na súa falta de expresividade e na súa interpretación ortopédica que
raia no autismo. En español, Abed é un Chandler. Imaxinade logo o que farán co Señor Chang:
The Wire
Ao meu colega Carlinhos dixéronlle que The Wire se dobraba nun estudio da Coruña, e desde aquela está
empeñado en que escoitou a Omar Little dicir “neno, que movida!” máis dunha
vez. Eu non vin todos os capítulos
dobrados porque non hai cristo que ature ese suplicio, pero gustaríame pensar
que o Carlinhos ten moita imaxinación.
Con todo, sexan ou non sexan as torres de Baltimore Oeste
rebautizadas como Penamoa na dobraxe, o problema neste caso é de calidade:
mentres que a escolla de actores The Wire
foi recoñecida en todo o mundo por preferir actores que soasen naturais e
críbeis no papel a grandes nomes, os seus dobradores soltan as liñas sen rastro
de emoción, xa non digamos naturalidade. Non axuda que o único termo que se
lles ocorreu para traducir yo, fella,
man, dude e nigger sexa “tío”,
porque así parece que todos os personaxes falan no mesmo rexistro. No mesmo
rechinante rexistro.
Breaking Bad
Este vai de terceiro, porque o caso de Breaking Bad é unha mestura do síndrome de Community co síndrome de The
Wire.
Que temos unha serie nova que non sabemos moi ben de que vai
pero o protagonista é o pai de Malcolm
e o dentista de Seinfeld? Pois nada,
a poñerlle unha voz de bonachón de comedia estilo Ned Flanders, aínda que os
tons e matices da voz de Bryan Cranston non se parezan en nada á vociña
aflautada do seu dobrador (teño calafríos cada vez que vexo unha promoción de
Canal + na que se escoita a Walter White, na voz do seu dobrador español, dicir
“yo soy el peligro, Skyler” con voz de Dalek).
Na parte de Jesse acontece algo semellante ao dos mozos das
torres de Baltimore, todos os yo, bitch, dude, bro, etc... tradúcense a un “estándar yonki” en español e
viran plano un personaxe que no orixinal está cheo de matices traxicómicos.
The Big Bang Theory
Sheldon e Penny son os máis claros exemplos de “abedización”
en TBBT, malia que todos os outros
personaxes a sufren dunha forma ou outra. No caso de Sheldon, o problema
evidente é común a moitas das novas comedias: en canto hai un personaxe
melindroso, sabichón ou repugnante, os dobradores españois recorren a
“Serioloxía Española 1” e, entre os 9 arquetipos dos que dispoñen, escollen o
“mariquita”, botando por terra o traballo do actor orixinal e deixando todo o
potencial cómico en mans de quen traduce o diálogo, e iso é xogarse moito. Con
Penny volvemos tirar de estereotipo, vemos unha loira crédula no piloto e poñémoslle
voz de tal, sen atender para nada ao ton da actriz; por iso, mentres a súa
personaxe evoluciona ao longo das sete tempadas que leva en antena, a Penny
española ficará para sempre conxelada no piloto, cal Han Solo atrapado en
carbonita.
E por favor non me fagades falar da autopromoción de Antena
3 ao dobrar a coletilla de Sheldon, “bazinga”,
como “zas, en toda la boca”, unha
frase coa que Family Guy, que se
emitía na mesma filial de Antena 3 que TBBT,
homenaxea na súa particular maneira a Jackie Gleason e o seu personaxe en The Honeymooners. Outra entrada á parte
sería cómo e por qué os dobradores deciden que hai termos e personaxes da
cultura americana que non coñecemos ou para os que non estamos preparados e no
canto de traducilos inventan outros novos... Fresh Prince of Bel-Air, anyone?
Frasier
Alguén escoitou a voz de David Hyde Pierce en orixinal? Pois, por se non vos quedaba claro, non fai de amanerado, nin John Mahoney (Martin Crane) de vello rosmón. Os dous son actores con voces profundas como a do propio Kelsey Grammer, o cal ten sentido no casting da serie, porque se supón que son familia. En español volvemos ao caso do estereotipo: que Niles é repunantiño, snob e feble fisicamente? Daquela poñémoslle voz afectada, porque un home así non o pode interpretar un actor con proxección de voz... Non, en España non pode. O exemplo máis flagrante vémolo no episodio 6 da 4ª tempada, onde Daphne coñece un home nun bar de citas ao que vai con Roz e, cando llo presenta á familia, decátanse de que é un clon de Niles. Só que ao público custaralle un pouco decatarse, porque alén do traxe de dobre lapela e os xestos, o que Daphne leva a casa na versión española é a Fernando Esteso facendo de mariquita, tan tan tan esaxerado e tan fóra de personaxe que nin sequera se parece ao seu referente no reparto principal.
NOTA: gustaríame outorgarlle algúns puntos, se fose posíbel,
aos directores de dobraxe de The Simpsons,
que tendo ao dobrador de Kelsey Grammer para dobrar tamén o seu personaxe Side
Show Bob, molestáronse en contar co dobrador de David Hyde Pierce en Frasier cando este apareceu facendo de
irmán de Bob no episodio “Brother from Another Series” da oitava tempada.
Lost
O amigo Julio lémbrame o de Lost, que eu a verdade xa a tiña medio esquecida. Que eu saiba, non
había nada especialmente ofensivo coas voces dos personaxes principais, pero
que pasaba cos acentos? É que Sayid, Rousseau e todos os outros personaxes
estranxeiros eran parte do reparto orixinal de Top Secret?
Castle
Sei que Castle non
é necesariamente un drama e que está a medio camiño entre a serie policial e a
comedia de situación, pero Nathan Fillion é un dos meus actores preferidos
desde que interpretou ao malvado reverendo Caleb en Buffy the Vampire Slayer e pasando por Firefly, e escoitalo resolvendo crimes coa voz de Fry de Futurama... non. Non.
Por último, The Bridge resume a esquizofrenia que poboa os estudos de dobraxe no estado español:
Resulta que temos unha serie ambientada na fronteira entre Texas
(EUA) e Chihuahua (México), na que a metade dos personaxes son mexicanos e
falan no seu idioma (con subtítulos en inglés na emisión orixinal). E non falan
nalgún escuro dialecto de Ciudad Juárez imposíbel de entender para os hispanofalantes
de outros lugares, falan español mexicano tan claro que o Instituto Cervantes
podería usar as súas escenas como probas de audición para o exame DELE. No
entanto, por razóns dignas de analizar por Iker Jiménez, os cerebros pensantes
de FOX España decidiron que os actores que dobran os personaxes mexicanos cando
interactúan en inglés, os dobrasen tamén cando falan entre eles en mexicano, co
que temos unha serie policíaca de ton
escuro e ambiente enrarecido subitamente animada pola voz dun dobrador español
tentando imitar a Speedy González. Cuates, aquí hai tomate.
Estas son algunhas das máis terroríficas, pero hai máis,
moitas máis... Alguén que se anime a seguir a lista?