Xa está aquí a auténtica,
a inimitable... festa da democracia!
Como sabedes hai uns días
que non se poden publicar enquisas, e mañá é xornada de reflexión, dous
conceptos que na era de internet teñen moita lóxica. En todo caso, como son
unha cidadá respectuosa das leis, vou deixar hoxe aquí o meu Comparador de
Candidatos Electorais (patent pending) para que o miredes antes das 12 da noite
so pena de vos convertir en cabazas (ou berenxenas, ou tomates, ou deus non o queira laranxas...).
O Comparador de
Candidatos Electorais non compara os candidatos reais a presidente entre eles,
como fan os memes máis aburridos da historia, senón que vos proporciona un
método moito máis científico para decidirdes a quen votar, contándovos a qué
partido pertencerían os políticos televisivos máis molones se puidesen presentarse ás eleccións do domingo. Pasade,
mirade, e logo votade con sentidiño que despois xa sabedes...
Presidente Fitzgerald Grant III (Scandal)
Este está bastante claro:
despois de gañar as eleccións por un pucherazo algo máis elaborado ca nosa moi
autóctona carretaxe, as decisións do Presidente Grant día si e día tamén
estiveron baseadas nos seus intereses persoais, maiormente poderller facer
cariñitos á súa amante e ex-directora de campaña Olivia Pope, e por culpa destas
decisións traicionou varias veces o seu programa e mesmo meteu o seu país nunha
guerra ilegal (sóalle a alguén?). Ademais diso matou coas súas propias mans a
unha xuíza do tribunal supremo que ameazaba con delatalo, utilizou
politicamente o asasinato do seu fillo, e polo xeral dedícase a dar polo cú cada
día do seu mandato.
Leslie Knope (Parks
and Recreation)
Leslie pode chegar a ser
irritante cando se trata de traballar, porque quere abarcar todo e implicar a todos,
e ten unha estraña obsesión polos ficheiros organizados por cores e os plans
mal explicados, pero ninguén pode negar que todo o fai para mellorar a vida dos
seus concidadáns, quer como directora axunta do Departamento de Parques de Pawnee,
quer como concelleira en minoría.
Os problemas que Leslie
ten coa prensa local, que a atacan faga o que faga, e o seu optimismo irredento
fan que poida ser unha firme candidata para calquera marea.
Peter Florrick (The Good Wife)
Peter Florrick comezou a
primeira tempada de The Good Wife en
prisión, como Vera e Barrionuevo, só que el empregara fondos públicos para
pagar prostitutas, o que probablemente o faría tamén un candidato ideal para
recibir unha tarxeta black. Só foi
grazas aos esforzos do seu asesor de campaña Eli Gold (o verdadeiro xenio
político da serie) que Peter recuperou o favor do público, e que foi o que fixo
entón? Efectivamente, aproveitar a súa posición de poder para atacar e machacar
os seus inimigos políticos e persoais, amañar as eleccións a Fiscal Xeral da
súa muller e probablemente as súas propias a gobernador de Illinois, non
desenvolver ningún dos ambiciosos programas sociais dos que falara na súa campaña,
e conspirar aquí e alá até conseguir meterse na carreira presidencial. Iso si,
todo coa apariencia externa dun demócrata preocupado pola educación pública e o
99%. Supoñemos que cando remate a súa vida política terá garantido un asento no
consello de administración de Gas Natural.
Alan B’Stard (The
New Statesman)
Alan B’Stard foi o membro
máis novo do Parlamento Británico con só 31 anos, era ben parecido e falaba de
cambio... Sóavos? Pois agora vaivos soar máis: B’Stard tamén opinaba que os
problemas do sistema educativo poderíanse solucionar de vez se a matrícula custase
2.500 libras por curso, falaba de rematar coas listas de espera da sanidade
pública eliminando efectivamente a sanidade pública, o que á súa vez acabaría
coa pobreza (literalmente). Aliado coñecido de antigos nazis, empresarios e
lores por igual, unha vez declarou nunha entrevista que os ricos só deberían
pagar impostos pola cocaína. Aí queda.
Taylor Doose (Gilmore
Girls)
Non importa que Taylor
sexa o edil dunha comunidade pequeniña e polo xeral ben avenida, Taylor toma
moi en serio o seu traballo. De feito, é o único que toma en serio o seu
traballo. Nas reunións veciñais ponse dos nervios se alguén non respecta a
quenda de palabra ou se as cousas non van por onde a el lle interesa. Claro que
Taylor ten sempre o interese da súa vila como prioridade, pero, sobre todas as
cousas, o que Taylor quere que entendades é que vós, simples votantes, sempre
estades equivocados e el sempre ten a razón.
Chegou o outono e case marcha, e eu aquí, procrastinando. Pero non vos preocupar, que non vos deixo sen a miña opinión gratuita e desinformada das series que veñen... Das que vin por agora, non pensedes que vou falar da tipa que resolve crimes seguindo pistas tatuadas no seu corpo nin do tío Jesse facéndonos a todos vellos na súa comedia na que é avó. En fin, aí vai, para todos os públicos e sen spoilers, o que vin este outono na tele (por agora).
O outono que ven
ABRIUSE A VEDA PARA A
NOSTALXIA DOS NOVENTA
Scream Queens (FOX)
De que vai: Ryan
Murphy strikes back. Esta vez é unha “homenaxe” ao xénero slasher, o mesmo que American
Horror Story era unha homenaxe a
todas as películas de terror que se lle ocorreron a Murphy, é dicir, un
pastiche de escenas sacadas directamente de outros autores, mesturadas nunha
cocteleira e sazonadas cos estereotipos raciais e sexuais tan característicos
do director multimillonario.
Por que mola: Emma
Roberts é moi boa facendo de xefa de irmandade insoportábel, e Nasim Pedrad é gloria bendita, aínda que
non entendo moi ben que fai aí. En xeral o casting está ben, o mesmo que case
todas as escenas de asasinatos, aínda que sigo preferindo as das películas
orixinais.
Por que non mola: Segue
a aburrida fórmula Ryan Murphy, que é a mesma desde Glee: colle de protagonistas a un grupo de brancos de clase alta e
beleza imposíbel, e despois rodéaos por personaxes planos con carteis colgados:
a negra, o discapacitado, o gay reinona, o gay malvado... Despois fai que os
malos da serie sexan os que se metan con eles en todos os capítulos, creando
situacións cómicas nas que é moito máis doado identificarse co malo de lingua
viperina que co obxecto das súas burlas, e finalmente pon a parir os críticos
que non louban os seus programas aducindo que “están contra a diversidade”.
Repetir cada tempada até chegar ao billón de dólares.
A quen lle pode
gustar: A fans de Glee e
nostálxicos dos 90.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
WASHINGTON OU
SHONDALAND?
Quantico (ABC)
De que vai: un
grupo de buenorros e buenorras teñen escenas de sexo na ducha mentres estudan
na academia do FBI. Uns meses despois, un deles é responsable dun atentado en New York e os
outros seguen dándolle ao vapor mentres investigan ou algo. Non me enterei moi
ben, entre os saltos temporais locos e os cambios de parella aleatorios é
difícil seguir o argumento.
Por que mola:
como xa dixen, buenorros, buenorras, steamy sex, e unha conspiración de fondo
que dá para querer saber máis.
Por que non mola:
O argumento non se toma en serio nin por un intre. Aínda que a premisa é
“atentado terrorista involucrando o FBI”, o mesmo podería ser “doutores e doutoras
buenorros salvan vidas no minuto 40 do capítulo” ou “famosa asesora do
presidente buenorra líase co presidente armando a marimorena en Washington”...
Vedes por onde vou? Outra cousa que me ten tola: os pelos da protagonista. É
IMPOSIBLE investigar nada con esa cantidade de pelo diante dos ollos.
A quen lle pode
gustar: A fans de Shonda Rhimes, que de todas formas a criticarán porque,
con todo, non ten o ritmo das de Shonda Rhimes. Absterse fans de tramas de
espías serias.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
NOT SO MODERN FAMILY
Life in Pieces (CBS)
De que vai:
sketches cómicos sobre a vida de tres xeracións da mesma familia, conectados
entre eles.
Por que mola:
faltan comedias novas na tele para encher os ocos das que marcharon (Parks and Recreation) ou das que decaen
perigosamente (The Big Bang Theory). Esta é
un intento, con sorte mellora ao longo da tempada.
Por que non mola:
as situacións cómicas son as mesmas dos últimos vinte anos, sen ningunha
revisión nin frescura, co cal ás veces funcionan pero a maioría, non.
A quen lle pode
gustar: sei que os fans acérrimos de Modern
Family van poñer a parir esta polas conexións obvias, pero son o seu
público obxectivo, realmente.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
GRINDER RESTS
The Grinder (FOX)
De que vai:
despois do éxito da súa serie dramática, un avogado televisivo pensa que está
capacitado para exercer na vida real, métese no bufete (e na vida) do seu irmán,
e empeza a irromper nos seus xuízos berrando legalismos de serie de avogados.
Por que mola: Rob
Lowe fai un personaxe excesivo por todos lados, compensado pola racionalidade
do seu irmán Fred Savage, e é case como un spin-off the Parks and Recreation baseado na vida de Chris Traeger (o que sempre
pedín a berros). Rob Lowe é un deses actores que empezaron facendo drama e por
culpa diso tardamos en descubrir o seu enorme talento para a comedia. É un
crack, e cando xuntas un crack con actores bos e un guión tan tolo como
entusiasta, sae isto.
Por que non mola:
O único que teño que criticar, por criticar algo, é que se deron demasiada
présa en introducir un interese romántico para o protagonista, se cadra non era
necesario ser tan sitcom niso.
A quen lle pode
gustar: a fans incondicionais de Chris Traeger e do tipo de comedia que
inaugurou The Office antes de morrer
de morte natural.
Nota serióloga: ★★★★★
Isto no primeiro episodio. Non teño máis nada que engadir.
DEFINE “COMEDIA”
You, me and the apocalypse (Sky, NBC)
De que vai: A descrición
oficial da serie di que un grupo “ecléctico” de persoas vense forzadas a
agardar xuntas a chegada dun cometa que vai destruír a terra. Si, en fin.
Por que mola: ten
toques graciosos, non graciosos de JAJAJAJA!, graciosos como cando contestas un
chiste dun amigo cun só emoji de riso pero sen bágoas nos ollos, como dicindo
“si, vale, ten graza, pero tampouco flipes que non é tan bo”.
Por que non mola:
A este paso vou facer unha tese sobre Rob Lowe. Rob Lowe ten un pequeno papel
de cura escéptico aquí, e como sempre borda o material co que traballa, só que
desta vez o material co que traballa é normaliño tirando a moñas. Tamén está
esa nova manía das cadeas de televisión de coller as comedias que non fai moita
graza, estiralas para que os capítulos duren 40 minutos, e rebautizalas como
“traxicomedias” ou, peor aínda, “dramedy”.
A quen lle pode
gustar: a quen vexa calquera cousa con tal de que leve o selo de comedia
británica (esta é coprodución). A fans da apocalipse coma min, pero fans moi
militantes, porque hai polo menos sete series mellores que ver antes ca
esta.
Nota serióloga: ★★☆☆☆
O PACIENTE LEVA MORTO
DESDE 2007
Code Black (CBS)
De que vai: un
grupo de residentes comezan a traballar na sala de urxencias máis frenética
desde o Mercy Meredith Seattle Derek’s Dead Grace Hospital e o Chicago
Whatsherface George Clooney Memorial.
Por que mola: Hai
que dicir que a sala de urxencias polo menos está sucia, desordenada, e con
iluminación difusa, o cal a fai máis realista ca esas grandes salas brancas con
persoal de pixama azul impoluto que vemos noutras series. E tamén sae Luis
Guzmán, go Human Beings!
Por que non mola: residentes
idealistas dándose de fociños coa dura realidade? si; doutoras teimudas utilizando procedementos
inverosímiles nos dez primeiros minutos do episodio? por suposto; administración do hospital
que non comulga cos procedementos de dita doutora? claro; celador/enfermeira que
son en realidade os putos xefes do cotarro? dálle; mortes inesperadas que provocan un cambio vital nos
residentes? como non! Hai moito tempo que o xénero hospitalario non é quen de ofrecernos nada que non
saíse antes en E.R. (o cal e lóxico,
que foron 15 tempadas).
A quen lle pode
gustar: a ionquis das series de médicos. Se che gustan tanto que te
chupaches Monday Mornings e The Night Shift, vaiche alegrar saber
que esta é lixeiramente mellor.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
NON É SUPERMAN CON
SAIA
Supergirl (CBS)
De que vai: a CBS
sube ao carro de todas as producións televisivas baseadas en cómics, pero faino
ao estilo CBS, nada de torturados personaxes da Marvel de moral dubidosa... Nada
de zonas grises... Moito mellor unha super-riquiña e super-boísima Super...
girl de boa familia (DC Comics).
Por que mola: o
caso é que dalgún xeito este riquiñismo
manifesto funciona, porque Supergirl é
exactamente o que agardamos dela, Kara Zor-El a curmá de Kal-El que lle vai
axudar a salvar o mundo cada semana, e mentres as aventuras de rutina coas que
se atopa sexan entretidas, por que non? Tamén é de agradecer que non só Kara,
senón practicamente todas as personaxes principais, boas, malas e cheas de aristas, sexan mulleres, e
sei que é incríbel que en 2015 sigamos a falar do test de Bechdel, pero
isto é o que hai.
Por que non mola: polo
mesmo que mola, non é máis có que vemos. Sen ningunha pretensión, ten potencial
para seguir durante tempadas infinitas até se converter nun coñazo coma Lois & Clark ou, deus non o quera, Smallville.
A quen lle pode
gustar: a fans de cómics, pero non a frikis de cómics.
Nota serióloga:★★★☆☆
O POBO QUE ESQUECE A SÚA PROPIA HISTORIA, ESTÁ
CONDENADO A VER CIENCIA-FICCIÓN
The Man in the High Castle (Amazon)
De que vai: Baseada
nunha novela de Philip K. Dick, é unha historia de espías nun universo
alternativo na que os nazis e os xaponeses gañaron a Segunda Guerra Mundial (de
Franco non din nada) e e se repartiron o mundo, aínda que na serie todo pasa en
Estados Unidos, loxicamente.
Por que mola: a
idea do final alternativo da guerra é interesante abondo, pero ademais o
argumento é tan intricado que se sostería sen axuda diso, non é nada tan simple
como “a resistencia contra os malos”, tamén hai tensións entre as potencias
invasoras, contraespionaxe, e todo o que debe constituír unha boa trama de
espías. Tamén mola moito a ambientación dos tres lugares principais onde
acontece a historia: New York (zona do Reich), San Francisco (zona xaponesa) e
Canon City, NV (zona desmilitarizada); malia que a historia acontece nos anos
60, as diferenzas entre os tres fan intuír a evolución dos Estados Unidos desde
a fin da guerra e como se foron adaptando ás potencias invasoras.
Por que non mola:
polo que transcende nos primeiros episodios, a historia alternativa de como
gañaron os nazis semella ser que soltaron a bomba H en Washington e, sen os
americanos, os aliados perderon. O mesmo que ao escribir a historia
“auténtica”, no universo paralelo a mitoloxía americana obvia Stalingrado e o
papel fundamental da URSS na vitoria, nada novo. Ten outras americanadas, como
que as biblias están mal vistas polo Reich, porque o código de boas prácticas
da cultura ianqui dita que a relixión cristiá nuuuuuuuunca auspiciou, alentou
nin aplaudiu ningún xenocidio no mundo. Pasando por alto iso (ou véndoo coma
licencias creativas), non ten duda.
A quen lle pode
gustar: malia ser ciencia-ficción estritamente falando, ten máis de drama
histórico, así que a fans do xénero, desde Manhattan
até The Americans. A premisa das
películas que van procurando os protagonistas tamén ten un punto inquietante:
lembroume, claro que noutro estilo moi
diferente, a unha xoia de Masters of
Horror que se chamaba “Cigarette Burns”.
Nota serióloga:★★★★☆
Proximanente, na segunda tempada de The Man in the High Castle, o que si pasou de verdade nos EstadosUnidos de América.
E iso é todo... Polo menos até que a NSA me deteña e me metan en Guantánamo por este último collage. Desfrutade das series até a próxima entrega.
Agárrense los machos! Xa sei que me tocaba a segunda parte
(as dez primeiras) das mortes televisivas máis choradas, e anda por aí, a
piques de saír do forno. Mentres agardamos, e como homenaxe a Fermín Cacho e
todos os xornalistas españois, deportivos e non, acabo de sacarme da manga unha
lista dos quince personaxes de serie que peor levaron o de perder en calquera tipo
de competición. Spoilers, claro.
15. Joey Tribiani (Friends,
Tempada 2 Episodio 18)
Cando Joey interpretaba ao afamado doctor Drake Ramoray en Days of Our Lives, subíuselle un pouco á
cabeza, e nunha entrevista chegou a insinuar que era el o que escribía os seus
guións. Os guionistas, eses seres vingativos que habitan nas tenebrosas terras
de Mordor, decidiron que era unha aldraxe que non podían consentir e para o
seguinte guión escribiron a morte do seu personaxe, facéndoo caer polo oco do
ascensor coma un paspán (ou coma Rosalind Shays en L.A. Law). Joey non só non o levou moi ben, senón que tentou
por todos os medios ficar en terra ou, xa postos, que algún dos compañeiros de
reparto o acompañase naquela viaxe.
14. Jay Pritchett (Modern
Family, Tempada 1 Episodio 19)
A serie empéñase en deixarnos claro que, malia ser dun país
terceiromundista onde o único que hai son drogas e corrupción, Gloria e Manny
están americanizados e teñen gustos refinados. Unha das cousas que saben facer
ben é xogar ao xadrez (xa sabedes, ese deporte que só os intelectuais brancos
deberían dominar, así que... sorpréndete espectador! Poñemos o teu mundo patas
arriba con este asunto tan controvertido, uuuh!). Jay non xoga tan ben coma
eles, e como non ten moi bo perder Gloria empéñase en deixarlle gañar, pero
Manny non pode coa súa superioridade e acaba demostrando o bo que é.
13. Bender Bending Rodríguez (Futurama, Tempada 3 Episodio 7)
Ao comezo dun dos meus episodios favoritos de Futurama, Bender usa a Zoidberg para
competir nun concurso de mascotas por 500 dólares (para Bender) e comida para
cans (para Zoidberg). O Hipnosapo gana o concurso tras hipnotizar a todos os
xuíces para que lle dean un 10. Zoidberg fai unha chea de trucos, cada vez máis
complexos, pero os xuíces outórganlle o segundo posto, e Bender bótalle as
culpas: “Second place? That’s just a fancy word for loser!”
12. Joel Fleishman (Northern
Exposure, Tempada 4 Episodio 16)
O ter mal perder vai moito co carácter repunante de Joel
Fleishman. Neste capítulo está xogando ao Risk con Marilyn, Ruth Anne e Maggie,
tentando demostrar os seus coñecementos de estratexia militar. Cando Maggie
ignora os seus consellos e consegue conquistar as súas tropas, Joel érguese da
mesa anoxado dicindo que abandona o xogo, e dálle a volta á situación culpando
a Maggie. Ela non soporta os malos perdedores, así que Fleishman leva unha
bourada.
11. Sidney (Parenthood,
Tempada 3 Episodio 9)
Os pais de Parenthood
son unha banda de petardos que se deprimen porque os seus fillos baixan
lixeiramente a nota en matemáticas ou non gañan o concurso de soletrar, pero
nun episodio titulado axeitadamente “Sore Loser”, Sidney, unha cativa de 7 anos, vira en Joe Mcenroe cando perde nun xogo de mesa contra o seu pai. Por suposto,
para o final do episodio todo está resolto e a nena amosa máis deportividade do
que calquera adulto, viva a tele educativa!
10. Drew (Wilfred,
Tempada 1 Episodio 6)
Wilfred convence a Ryan de que Drew non é bo abondo para
Jenna e Ryan quérese aproveitar da cousa que máis lle molesta a Jenna de Drew
para que corte con el. Desafía a Drew a
unha partida de tenis de mesa, que deseguida se converte nun desastre porque
Drew é moi competitivo e non soporta perder. En principio Jenna pica e anóxase
con Drew, pero a conciencia de Ryan métese no medio e quere arranxalo todo, así
que Wilfred tenta envelenalo coa substancia máis perigosa xamais coñecida...
polos cans: chocolate.
9. Leslie Knope (Parks
and Recreation, Tempada 4 Episodio 17)
Na cuarta tempada de Parks
and Rec Leslie preséntase a concelleira de Pawnee, e o seu rival político é
Bobby Newport (Paul Rudd), un neno rico a quen lle importa un pito a vila.
Cando Leslie comeza a gañarlle terreo xogando limpo, o pai de Bobby contrata
como directora de campaña a Jennifer Barkley (Kathryn Hahn), que representa a
podremia do sistema electoral estadounidense. Jennifer rouba a idea principal
de Leslie para gañar o voto dos vellos, ridiculízaa en televisión, e despois
dille que se a acusa de roubarlle a idea vai quedar ela mal, porque a ninguén
lle gusta a xente que non sabe perder. Leslie, que efectivamente non sabe
perder, cae na trampa de Hahn e tenta cambiar de tema nun debate en directo
para que non a acusen de mala perdedora, e as consecuencias son aínda peores.
Sempre lle quedará o consolo dunha tonelada de gofres con nata montada.
8. Dallas Royce (Suburgatory,
Tempada 2 Episodio 14)
A guerra librada entre Dallas e Noah (a parte máis
graciosa é cando Noah lle rouba o perruqueiro a Dallas e parece Mufasa,
e ela ten que andar por aí con cinco gafas de sol na cabeza para tapar
as raíces) escala até que Dallas se propón entrear un equipo de béisbol
infantil para competir con Noah. Como non ten nin idea de cómo facelo, viste os
cativos como unicornios que viven no arco da vella comendo nubes de golosina,
pero ao final a rivalidade é máis forte ca ela e acábase convertendo nunha
bruxa á que so lle importa que os seus nenos ganen, malia que sexa lesionando os
outros.
7. Cliff Clavin (Cheers,
Tempada 8 Episodio 14)
Cando o concurso Jeopardy
se emite desde Boston, Cliff por fin ten a oportunidade de demostrar que todos
eses datos triviais cos que ralla todo o día serven para algo. Por sorte para
el, todas as categorías teñen que ver coas súas especialidades (incluídas “selos
do mundo”, “curiosidades dos bares” e “celibato”). A estas alturas da lista xa
imaxinaredes o que vai pasar,non si? Norm tamén o sabe, por moito que Cliff
leve unha clara vantaxe no marcador, vai rematar facendo algo estúpido e
perdendo, como finalmente acontece. E cando acontece acaba montándoa en directo.
6. O neno burbulla (Seinfeld,
Tempada 4 Episodio 7)
Non sei cómo era nas vosas casas, pero na miña o que puña a
tarxeta do Trivial ía á misa e era unha decisión inapelábel, xa contasen en
billóns americanos ou tivesen grallas. O neno da burbulla non o toma tan ben
cando George lle pregunta quén conquistou España no século VIII e por unha
gralla na tarxeta a resposta non é “the Moors” senón “the Moops”, que non
significa nada. Burbulla e todo, o neno tenta esganar a George, e no medio da liorta o
seu medio estéril se despresuriza, co que remata no hospital por non saber
recoñecer unha derrota.
5. Jeff Winger (Community,
Tempada 1 Episodio 19)
O tema de non saber perder é moi recorrente con algúns
personaxes de Community. En toda a
segunda tempada Pierce non soporta que o grupo o exclúa das súas actividades, e
elabora distintos plans para devolvérllela (“Advanced Dungeons and Dragons”, “Intermediate
Documentary Filmmaking”) e na terceira é Chang o que segue ese camiño até
rematar flanderizándose como tirano de Greendale. Pero se hai un mal
perdedor no campus, ese é Jeff, e segundo el mesmo recoñece, débese a que a súa
nai abusou un pouco do reforzo positivo e nunca lle fixo unha soa crítica (ola
ke asen, madres neojipis!). En “Begginer Pottery”, Jeff matricúlase nunha
clase de olería para obter créditos sen esforzo, pero acábase encirrando tanto
porque hai un alumno máis guapo, máis listo e mellor ca el en todo (Greg Cromer)
que rompe a única norma sobre a que o profesor de olería ten tolerancia cero:
nada de imitar a escena de Ghost co torno, e moito menos cantar “Unchained
Melody”.
4. Michael Scott (The
Office, NBC, Tempada 6 Episodio 13)
Se non fose porque nos primeiros postos desta lista deixei a
personaxes que causaron danos irreparábeis polo seu comportamento, o gañador sería Michael, así que supoño que é un paradoxo que tamén perda esta
competición caseira. Todo o que fai, en case todos os capítulos, ten que ver
con ser aceptado (que, no seu caso, pasa por ser o centro de atención) e cando
algunha outra persoa recibe esa atención, colle unha perrencha e non hai quen o
ature. Un dos mellores exemplos é cando Phyllis se pide facer de Pai
Natal na festa da oficina, e el tenta negarse porque todos os anos o facía el.
Como os compañeiros lle dan a razón a Phyllis, Michael péchase no despacho,
customiza o traxe de Pai Natal, e volve convertido en Xesucristo, porque se
Santa Claus é unha figura importante do Nadal, Xesucristo éo máis aínda.
3. Will Schuester e todo o Glee Club (Glee, Tempada 4 Episodio 9)
Practicamente todos os personaxes de Glee son mesquiños e ególatras, especialmente cando se trata de
perseguir os seus soños, e como a maioría deles son adolescentes, vou dicir que
o seu comportamento é culpa do seu modelo, o hiper-mesquiño e hiper-ególatra
profesor Schuester, que lles ensina o mesmo ca un libro de auto-axuda: antepón
as túas necesidades ás de calquera ser humano e así triunfarás na vida. Por iso
non é sorprendente a súa reacción tras perder as ¿rexionais? ¿seccionais?
¿transversais?, whatever, unha desas competicións de canto que hai nos institutos
americanos cada quince minutos, se temos que crer a Glee. O que pasou foi que Marley se desmaiou no escenario porque tiña
problemas de bulimia (inducida por outra das alumnas do señor Schue, como non) e
seica abandonar a competición, malia que sexa porque unha alumna se desmaia e
hai que levala á enfermaría, supón a descualificación inmediata dos concursos
escolares ianquis. Que foi o primeiro que fixo o señor Schue? Demostrar
o gran pedagogo que é, máis preocupado porque os rapaces volvesen ao escenario
para non perder que por Marley, e ao día seguinte deixar que os seus
compañeiros lle montasen un cristo por
desmaiarse e arruinar as súas posibilidades de gañar un concurso de merda (estaba diante e non abriu a boca).
Por certo, por se a alguén lle interesa, a bulimia desapareceu maxicamente e non se volveu tratar o tema nos seguintes capítulos. Bonita lección, Glee.
2. Sir Gregor Clegane (Game
of Thrones, Tempada 1 Episodio 5)
Polo que eu sei, Xogo de Trolls está chea de tolos
sanguinarios que violan e asasinan por deporte.Un deles é Sir Gregor Clegane, e
tampouco leva moi ben o da deportividade. Cando un coitado cabaleiro (cabaleiro
abofé, que anda por aí regalándolle rosas ás rapazas) o derrota nunha xusta, o
tipo agarra tal perrencha que comeza a machetadas (espadadas?) con todo o
mundo, comezando polo seu propio cabalo, meu pobre, até que outro tipo grande
lle para os pés. Como vedes fixen os deberes.
Alto aí. Se nunca vistes Doctor
Horrible’s Sing-Along Blog, antes de seguir lendo facede o seguinte: ide á
cociña, collede a tixola máis grande que teñades e golpeádevos na cabeza con ela
repetidas veces, porque iso é o que merecedes. Despois mirade Doctor Horrible’s Sing-Along Blog, e
despois xa podedes ler isto, que ten un spoiler
importante, o mesmo que o vídeo que o acompaña. Aquí o que ten mal perder é o protagonista, o entrañábel mestre do
crime que non é quen de matar unha mosca. Por desgraza, encírrase tanto coa
idea de vencer por unha vez e para sempre o seu arqui-inimigo, o petardo
Captain Mal Reynolds Hammer, que no proceso acaba matando o amor da súa
vida. Un musical con final triste, ese é o meu Josh Weddon!
Espero que isto sexa
unha cousa semanal, e estamos aí negociando colaboracións para o blog, así que
cunha pouca sorte non tedes que ler soamente o meu punto de vista sesgado e
caprichoso, senón que o poderedes contrastar con outros puntos de vista sesgados
e caprichosos. Mentres tanto, ídesvos ter que conformar con isto.
Ah! Para fardar un pouco
máis, decidín engadir un sistema de puntuación con estrelas, de cero a cinco,
por isto de catalogar e medir que nos gusta aos humanos (“a min mídeme...”).
Imos aló: os spoilers,
grandes, pequenos e medianos, a partir de aquí.
Revolution (Tempada 1 Episodio 6: The Children’s Crusade) ★☆☆☆☆
Estou un
pouco decepcionada con este capítulo de Revolution
porque non foi tan divertido coma o anterior. Agárrense los machos, por suposto
que foi tan malo coma o anterior e que os personaxes seguiron tomando decisións
estúpidas, pero por algunha razón para min non funcionou tan ben coma un
narcotraficante psicópata argallando un duelo a morte entre dous dos
protagonistas porque se aburría.
Esta
semana os nosos heroes seguían o seu camiño interminábel cara a base de
operacións de Monroe (comezo a ter claro que o camiño é o obxectivo e que non
van chegar alí até o final da tempada), cando se atoparon cunha banda de nenos
desamparados mais ao estilo de Peter Pan
ca d'O señor das moscas, como
cabería esperar dunha situación extrema coma esa. Antes de saber que pasaba con
eles, Charlie xa se quería embarcar noutra misión suicida para axudalos, malia
que agora vexo claro porque Charlie nunca ten medo de ir facer o idiota por aí
adiante: sabe que, pase o que pase, o tío Miles sempre a vai rescatar no último
minuto. Claro que os espectadores tamén o sabemos.
A
historia dos nenos era que formaban todos parte dun campamento de superviventes
até que un día a milicia de Monroe matou os seus pais, asumo que porque iso é o
que fan as malvadas milicias post-apocalípticas, porque tampouco o explicaron. Os nenos sobreviviron agochados, e agora a
milicia chegou para levar a Peter Pan ao seu líder non se sabe ónde. A
cousa foi como segue: Charlie quería ir rescatar o chaval a onde fose e como
fose, porque a súa personaxe ten esa consistencia, que nun momento dado está
rosmando porque van moi lentos e non se dan achegado ao seu irmán e no seguinte
estase metendo de cabeza en calquera plan estúpido e perigoso para axudar a
alguén que non llo pediu.
Semellaba que Miles ía ser a voz da razón, pero de
súpeto remordeulle a conciencia que todos eses asasinatos ocorresen mentres el estaba ao cargo da
milicia de Monroe e co seu beneplácito (o que, estrañamente, nin Nora nin a súa
sobriña nin sequera o petardo de Aaron semellan terlle en conta nunca), e
decidiu que tamén era a súa responsabilidade rescatar o rapaz. Aaron, como bo
covarde que é, protestou un pouco, pero non lle fixeron nin caso. E alá se
foron a un misterioso barco ancorado na costa onde a milicia entrenaba reclutas
forzosos para os converter en asasinos sanguinarios.
Chegados
a este punto teño que facer un inciso para comentar que me desconcerta bastante
qué clase de entrenamento militar tivo o tío Miles, porque para ser un soldado
do exército dos E.U.A. que despois fundou o seu propio para-exército, non é
quen de decatarse cando alguén o sigue monte a través. Xa lle pasara dúas veces
co fillo de Giancarlo Esposito, o que pode ter un pase porque o chaval estaba
entrenado, pero é que agora o seguiu o club dos cinco ao completo, incluído o
neno gordo e tímido, a nena negra e resabiada e un par de estereotipos máis, e
non se decatou de nada. O caso é que chegaron todos ao sitio onde estaba o
barco e repetiron punto por punto o argumento da semana pasada, que total xa o
tiñan ensaiado. Véxase:
Paso 1 –
Charlie disfrázase para meterse ela soa na boca do lobo porque (os guionistas insisten
en que) esa é a única forma de levar a cabo o seu plan.
Paso 2 –
Charlie mete a pata facendo algo perigoso e/ou estúpido.
Paso 3
– O tío Miles dá un par de saltos e cabriolas e chega até onde está Charlie sen
correr ningún perigo.
Paso 4 –
O tío Miles desfaise dos gardas, rescata a Charlie e finaliza o plan con éxito
e sen baixas.
Por que,
no nome de Deus, aínda non se lles ocorreu que vaia sempre Miles desde o
principio é algo que descoñezo.
Mentres
todo isto acontecía, Aaron quedou ao cargo dos cativos –o que a min
persoalmente quitaríame o sono- nun faro aparentemente abandonado que despois
de 15 anos sen electricidade estaba en perfectas condicións, porque xusto cando
Miles e os seus ían perdendo a pelexa no barco e precisaban unha distracción, o
USB acendeuse outra vez e o xerador do faro comezou a funcionar e a dar luz coma
se nada, cegando momentaneamente aos malos do barco (e, de verdade, só aos
malos, o cal na miña opinión está moi perto da xenialidade desta escena)
e Miles puido escapar. Ah! No faro había algúns malos máis agochados, pero Aaron
desfíxose deles porque seica é o novo Miles.
Pola súa
banda, a peor nai do mundo, Rachel, axudou a Monroe a torturar e sonsacar a un
antigo compañeiro de traballo para saber ónde estaban agochados os outros USBs,
e grazas a iso soubemos que, ademais de ser a peor nai e a peor compañeira de
traballo do mundo, Rachel tamén formaba parte do peor equipo de científicos do
mundo, porque tratando de desenvolver unha fonte de enerxía inesgotable o que
fixeron foi exactamente o contrario, dar cunha forma de esgotar toooooda a
enerxía, e o contan tan contentos, coma se fosen os inventores do post-it. O
home de Rachel, que só saíu no piloto e do cal non lembro nin o nome, quería
vender esta perigosa arma aos militares, para o cal lle fixo unha demostración
desternillante a un malvado axente do goberno: por algunha razón, en lugar de
amosarlle como todo deixaba de funcionar dentro dun entorno convenientemente
illado e observando a través dun cristal como estaba a facer el, obrigou ao axente
do goberno a meterse dentro dese entorno illado e comunicarse con el por medio
dun teléfono móbil que, claro, tamén deixou de funcionar. Non podo evitar
imaxinar os científicos da CIA dicíndolle aos seus superiores “estamos
desenvolvendo unha droga experimental, achéguese e remangue a camisa, señor
director de operacións”.
En principio Rachel negábase a venderlle a patente da
cousa-que-servía-xustamente-para-o-contrario-do-que-querían aos militares, porque
daquela estaba embarazada de Danny e xa se sabe, mulleres e hormonas! póñense todas
sentimentais e non se lles pode deixar tratar con asuntos de estado... pero
convenientemente tiña unha condición médica que lle ía facer perder o bebé e o
único que podía axudala era o malvado axente gubernamental, co cal asumimos que
aceptou vender porque Danny está vivo. Ah! E ao final descubrimos que o malvado
axente do goberno tamén está vivo e ten secuestrada a aquela señora negra que saíu
só no primeiro capítulo e que tamén tiña un USB e non volvemos saber dela.
En
resumo: os Nenos Perdidos están salvados e agora xa non desconfían de todos os
adultos grazas a Charlie e tío Miles, que seguirán por aí perseguindo aventuras
co mesmo patrón en vez de ir dereitiños a rescatar a Danny; Rachel non coñece
límites éticos á hora de protexer ao seu fillo, pero non parece preocuparse
moito por saber qué vai ser da súa filla agora que o seu home morreu; hai unha
conspiración do goberno detrás dos USB máxicos que volven a luz nos momentos
máis oportunos do mundo; e a milicia segue coas súas tolas aventuras... quen
sabe? se cadra no próximo episodio afogan unha camada de michiños, ou finxen
axudar a unha vella a cruzar a estrada e despois lánzana desapiadadamente
diante dun camión. O que si, do malvado torturador da semana pasada que ía saír
na procura de Charlie e os seus para matalos, non volvemos saber. Quen dixo
continuidade?
A
anterior tempada de Supernatural foi
a peor até o de agora, para min, para os fans e para a crítica de verdade, por
iso a oitava tempada tenta volver ás súas orixes, presentando un caso diferente
cada semana, afondando na relación entre os irmáns e sen preocuparse moito,
polo de agora, da mitoloxía xeral da serie. Ademais de ter uns antagonistas
horríbeis e pouco claros, a anterior tempada tivo a dubidosa honra de contar co
peor capítulo da serie, Season 7, Time for
a Wedding!, onde os recorrentes chistes metatelevisivos de Supernatural desta vez non funcionaron.
Tería borrado ese capítulo da miña mente por completo se non fose porque houbo
unha cousa que si me gustou: Garth, o substituto temporal que Dean escolleu
para Sam, e que durante todo aquel capítulo foi tratado como un substituto
temporal, tiña algo especial para min. O seguinte capítulo no que apareceu, Party On, Garth seguiume dando
esperanzas. Non sei porqué, sempre pensei que detrás da caricatura do cazador
torpe e friki sen amigos había potencial para un personaxe secundario
interesante, se cadra pola interpretación de DJ Qualls ou porque os guionistas
xa contaban con introducilo na serie, pero o caso é que a miña fe viuse
recompensada no capítulo desta semana.
O caso
non tiña nada de particular. Ao xeito dos casos da primeira tempada, foi máis
un vehículo para que os irmáns Winchester discutisen, mais unha vez, os seus
sentimentos, que para outra cousa. Un penique da Guerra Civil posuía a quen o
tocaba co espírito dun soldado confederado vingativo, e se esta persoa lle
gardaba rancor a alguén por calquera motivo, convertíase nun asasino sádico e
non paraba até matar o obxecto da súa ira. Obviamente, Dean tocou o penique e
foise cargar a Sam por deixalo só no Purgatorio, pero Garth salvou o día e
converteuse no novo Bobby, algo que levaba tentando desde o comezo do episodio
pero Dean lle impedía (a verdade é que me fixo graza ver como Dean se indignaba
porque Garth non dicía as coletillas de Bobby, “balls!” e “idjit” nos contextos
axeitados).
Garth é un tipo encantador, pero podía ter lavado a gorra de Bobby antes de poñela.
O que non
entendo moi ben é o rancor de Dean cara Sam por non buscalo cando estaba no
Purgatorio, refacer a súa vida e deixar de ser cazador. Calquera que queira
tanto ao seu irmán como estes dous, querería que fose feliz cando el xa non
está, e Dean fixo exactamente o mesmo ao final da quinta tempada, cando pensou
que Sam estaba morto. Ademais, as continuas referencias ao mal que o pasou no
Purgatorio e que nada o pode describir non semellan corresponderse cos flashbacks
que nos chegan de alí: a serie xa nos amosou os Winchester vivindo infernos nos
que eran torturados día e noite para toda a eternidade; en comparación con iso,
dar voltas por unha fraga matando monstros con axuda de alguén non parece moi
distinto ao que Dean fai na súa vida real, e desde logo non tan doloroso como a
súa tempada no Inferno.
Pola súa
banda, Sam está a ter a peor liña argumental da súa vida, e falando de Sam iso
é moito dicir. Non sei qué me supera máis, se ver a Jared Padalecki pararse no
medio do set e mirar ao baleiro agardando a que na montaxe introduzan as
escenas do flashback, ou a historia totalmente carente de emoción da
veterinaria viúva de guerra que volveu abrir o seu corazón a un completo
estraño. Ademais, se tanto a quería, como é posíbel que marchase a xunta do seu
irmán no medio da noite sen deixar sequera unha nota? Cando Dean abandonou a
Lisa para protexela, polo menos a chamaba de cando en vez para asegurarse de
que estaba ben.
Outra
cousa que boto de menos? A música. Non o podo dicir con seguridade, pero penso
que desde a montaxe co resumo da tempada pasada no primeiro capítulo, na que
soou Locomotive Breath de Jethro
Tull, non houbo outra inclusión do rock clásico no que vai de tempada. Tiña
entendido que a importancia da música na serie era unha aposta persoal do
creador, Eric Kripke (que, incribelmente, tamén está detrás de Revolution aínda que ninguén o diría),
pero Kripke deixou a serie despois da quinta tempada, e este cambio na “política
musical” non se fixo aparente até agora, polo menos para min. Non sei se ten
que ver con que a produtora Sera Gamble tamén deixase a serie ao final da
pasada tempada, se cadra era ela quen mantiña viva a idea orixinal de Kripke,
pero ese era un dos detalles que lle daban autenticidade á serie, coma os chistes de Dean, coma o Impala, e que facían
que os espectadores se identificasen facilmente, sería unha mágoa perdelo. Sobre todo, espero que non se desfagan de Carry On Wayward Son como himno para o resumo da tempada, aínda que teremos que agardar até o último capítulo para sabelo.
Last Resort(Tempada 1
Episodio 6: Another Fine Navy Day) ★★★★☆
Xa
comentei o moito que me gusta esta serie? Despois de ver o piloto tiña as miñas
dúbidas de que Last Resort puidese
seguir mantendo o interese cunha premisa que semellaba non dar máis de si, pero
agora mesmo estou vendo todo o que os guionistas teñen na manga e dá para seis
tempadas e unha peli. É certo que a serie comezou a sacrificar o pouco realismo
que podía ter (toda a parte aburrida das operacións militares secretas e o
código de conduta dos oficiais de submarinos) para afondar nas augas abisais
que hai máis alá do xénero bélico (que ben me quedou a metáfora, que pouco
forzada...) pero eu estou contenta de que fixesen iso, sobre todo con capítulos
como o desta semana. Non quero mencionar a outra serie que se desenvolve nunha
illa e mestura xéneros, porque penso que a Last
Resort lle vai ir mellor sen esas comparacións, pero polo que vin até
agora, os guionistas son capaces de meter calquera xénero na trama sen que
pareza forzado, e iso sempre é bo.
O
episodio desta semana está a ser polémico porque a maioría dos críticos o puxeron a parir. A min gustoume especialmente polo mesmo que lle critican: pola narración fragmentada. Tamén porque as escenas do submarino me lembraron moito a un dos meus episodios
preferidos da televisión de todos os tempos (NOTA MENTAL: facer unha lista cos
meus episodios preferidos da televisión de todos os tempos), Out of Gas, de Firefly, e a boa televisión que é
capaz de evocar máis boa televisión convértese automaticamente en excelente
televisión (non estou moi segura de que quere dicir isto).
O
argumento non é moi complicado, pero foi a maneira de contalo (a decisión de saltar
adiante e atrás no tempo e os movementos erráticos da cámara para acompañar a
angustia dos personaxes) a que o converteu nunha historia case excelente, e
despois chegarei a ese case. O que aconteceu, basicamente, foi que o inimigo
(polo que sabemos o goberno dos E.U.A.) convenceu o cacique local para que
introducise un axente tóxico na auga, unha droga que provoca alucinacións, comportamento
agresivo (só se es francés e xa estás cabreado de antemán) e acaba causando
perdas de consciencia. Os efectos podíanse combater con epinefrina, que había
no dispensario local e tamén no submarino, así que o capitán Chaplin decidiu
levar a parte da tripulación a bordo para tentar coller o antídoto e poñer o
submarino a salvo dun posíbel ataque aproveitando a intoxicación, e Sam ficou
en terra para manter a orde. Como era de esperar, algún traidor (ou traidora, a
xulgar polo avance do próximo episodio) roubara toda a epinefrina do submarino
e o dispensario, así que os nosos heroes tiveron que pasar por todas as fases da
intoxicación.
Alén
diso, o xefe dos Navy Seals que sobreviviu no piloto recuperou a conciencia no
hospital, malia que por pouco tempo, e negouse a revelar a misión que levaran a
cabo en Paquistán, e que Chaplin pensa que é a razón de que os queiran ver
mortos. King púxose da súa parte e mandou tomar vento a Chaplin e a Sam, aínda
que non estaba moi seguro de querer volver a casa, pero isto só durou até que
un novo grupo de Seals (ou supoño que serán Seals, tamén) atracou na illa
aproveitando o brote de loucura transitoria/inconsciencia, matou algunha xente
e torturou ao xefe de King para que lle dese unha información clave sobre o que
acontecera en Paquistán. Despois reanimaron á francesa para que lles axudase a
establecer comunicación cos seus superiores, e ameazaron con matala porque vira
demasiado. Nese momento Sam e King, que se atoparan vagando pola illa mentres
tentaban saber que pasara, irromperon para acabar cos Seals malos e salvar a
chica, e deixaron vivir ao cacique traidor porque estaba namorado da chica, esa
parte non a entendín moi ben.
Mentres
tanto, no submarino, a tripulación foi quedando aos poucos inconsciente polo
efecto da droga, e Chaplin, que ten máis corpo e vou asumir que por iso tardou máis
en asimilala, pairou polo submarino como Mal Reynolds pairou por Serenity no
capítulo de Firefly que mencionei
antes, tentando apagar un incendio que se declarara nunha sala de máquinas e
loitando contras as alucinacións e a falta de osíxeno. O que non me cadra, pero
supoño que se resolverá en próximos episodios, é quen lle axudou e porqué esa
persoa non o deixou morrer, porque Chaplin se desmaiou soñando co seu fillo antes
de conseguir apagar o incendio, pero cando acordou, tiña un chute de epinefrina
no peito e o incendio estaba controlado. Pouco despois descubriu que o
misterioso samaritano tamén lle roubara a chave que activa o protocolo nuclear
que levaba colgada no peito, así que agora non poden ameazar a Washington cos
seus mísiles. Supoño que a razón pola que o traidor non os deixou morrer a
todos aló abaixo era porque el tamén estaba atrapado no submarino e precisaría
de tripulación para levalo outra vez á superficie.
Sam,
pola súa parte, tivo unha alucinación un pouco parva, na que a súa
muller/conciencia se despedía del porque cruzara a liña do eticamente aceptábel
cando (sempre segundo a alucinación) lle deu unha malleira de morte ao Seal
malo. O malo é que esa imaxe perdeu cando volvemos ver o Seal malo, unha hora
despois da brutal malleira, cun par de tiritas na cella e como unha rosa.
Tampouco sei cándo volveu o francés cabreado á illa, non se supón que hai uns
capítulos marchara e deixara colgada a moza alá? É o único que pode atravesar o
bloqueo? Perdín algo?
Estas
últimas dúbidas son suficientes para quitar unha estrela da miña puntuación,
porque non quero que me acusen de parcial (aínda que realmente son parcial, que
mais ten?), pero polo demais diría que, malia que este estilo errático non se
poida repetir todas as semanas porque deixaría de funcionar, este foi un gran capítulo de Last Resort.
Parks and Recreation (Tempada 5 Episodio 6: Ben’s Parents) ★★★★☆
Malia que se supón que as series teñen que ter tensión sexual entre os seus protagonistas e as parellas estábeis non funcionan (é curioso, porque esta premisa só se aplica ás parellas non casadas... dás unha patada a unha pedra e aparece un americano moralista), Parks and Recreation está no seu apoxeo cando Leslie e Ben traballan en equipo, coma esta semana. Desta vez a ocasión era a súa festa de compromiso, e para Leslie tamén coñecer os horríbeis pais de Ben e, como non, poñerse como reto que se levasen ben aínda que só fose durante a festa. Resulta que a nai de Ben non superou o seu divorcio de hai mil anos (o que lle fixo á colcha de Leslie non ten nome, bruxa egoísta!). Máis importante, resulta que o pai de Ben é Mike de Breaking Bad!! (team Mike forever, bitches!), o cal non só é alucinante senón que tamén é alucinante. Iso si, visto BB e visto este capítulo, teño que dicir que Mike é moito mellor avó e asasino a soldo que pai, ademais de estar casado cun ser humano horríbel.
Aparte diso, volveu Jean Ralphio, yupi!, malia que non sabemos se será por moito tempo, porque Tom semellou madurar algo desde o seu fracaso estrepitoso con Entertainment 720 e xa non o quere ter de socio; descubrimos que Ron Swanson ten unha cantidade aceptábel de ouro agochada nalgures; e Chris (que cando se uniu a esta serie me fixo replantearme os meus sentimentos cara a Rob Lowe porque é unha mina para a comedia) comeza a aburrir un pouco, segue deprimido e sen atoparlle sentido á vida, co cal sospeitamos que dentro de pouco tocará fondo volvendo a saír coa aburrida Anne Perkins, que non ten unha liña argumental decente desde a primeira tempada.
O mellor do episodio:
-A colcha da unidade familiar de Leslie (sobre todo o recadro de Joe Biden, o segundo político máis sexy despois de Ben).
-Andy e April tentando animar a Chris cunha terapia de choque consistente en recitar unha batería de cousas alegres (Andy) e deprimentes (April) intercaladas.
-O duelo de titáns entre o pai de Ben (para min sempre será Mike #suspiro#) e Ron Swanson para ver quen colle a última gamba Orly do buffet.
Haven (Tempada 3 Episodio 8: Magic Hour part 2) ★★★☆☆
NOTA: Os
fans de Haven estamos de noraboa porque
SyFy acaba de renovala por unha cuarta tempada de 13 capítulos, que se van
emitir nalgún momento de 2013, se 2013 existe. Esta tempada, Haven está tendo unha audiencia media nos E.U.A. de
2.4 millóns de telespectadores cada semana, o cal está moi ben para unha serie
de xénero nunha cadea de televisión por cable. (fonte: tv.com)
Esta foto só vai aquí porque me fai graza Duke co ukelele... Dukelele!
Despois
do excelente episodio da semana pasada, era difícil que Haven puidese manter o listón igual de alto, sobre todo porque o
final do anterior capítulo, malia que sorprendente, non daba moito lugar a
especulación: todos sabíamos que Nathan non ía morrer porque é un dos
protagonistas da serie, e a única serie na que os protagonistas morren alegremente
é The Walking Dead, que eu saiba. Iso
supuña que Audrey e Crocker ían atopar á moza que resucita mortos a tempo, ou
que ían conseguir que, unha vez morta, o seu don/problema se transmitise a súa
irmá, o que finalmente pasou.
Como era
de esperar, tamén descubriron que Tommy era o asasino da pistola de perno, e
entre Crocker e a amiga de Nathan que electrocuta co tacto tíñano acurralado,
se non fose porque ela ¿tropezou?, electrocutou a Crocker, e Tommy aproveitou
para escapar. Tommy foi a unha cabana de pesca propiedade dos editores do
xornal, Vince e David Teagues, non sei se para agocharse ou para agardar a que
eles se decatasen de que lles faltaba a chave da cabana e fosen até alí a mirar
quén a roubara sen pensar en avisar ao sheriff, porque cando chegaron Tommy
reduciunos a pesar de estar os dous armados, atounos a unhas cadeiras, e
someteunos a un interrogatorio que a min persoalmente non me pareceu tan duro.
Case me esquezo! Tamén descubrimos que Dwight, outro dos bos, ten unha tatuaxe nada discreta do símbolo dos problemáticos en todo o lombo, o que para min non quere dicir demasiado porque agora xa sabemos qué significa e porqué o levan, só que o plano do seu lombo coa tatuaxe quedou un bo cacho suspendido, polo que supoño que nos queren dicir algo con iso, chamádeo intuición.
Ao final
todo rematou ben, salvo que Tommy fuxiu nun barco de manufactura americana, porque
foi dispararlle un par de veces e estoupou coma unha pirotecnia, o mesmo cós
coches nas películas de persecucións, e a idea é que pensemos que está morto
aínda que nunca atoparon o cadáver. Tamén volveu aparecer o pendello que só
Audrey pode ver na illa que está fronte a costa de Haven, malia que desta vez
Vince tamén o viu, así que non entendo nada. O próximo capítulo non
promete aclarar o misterio do pendello nin o de Tommy, pero ten pinta de
resolver moitas dúbidas sobre Audrey/Sarah, porque Crocker vai viaxar no tempo a
1950, e os episodios de viaxes no tempo sempre molan, salvo naquela serie na
que o protagonista viaxaba no tempo en todos os capítulos.
Saturday Night Live (Tempada 38 Episodio 7: Anne
Hathaway/Rihanna) ★★★☆☆
Vaia por
diante que odio a Anne Hathaway. Non sei se son todas esas películas do sábado
de lerda-convertida-en-princesa ou a súa risa forzada, pero odio a esa actriz.
Íame saltar Saturday Night Live esta
semana, pero despois pensei que se fun capaz de aturar o terríbel episodio de
Bruno Mars, ben podía co meu deber blogomíllico? blogomillista? de comentar
tamén este episodio. E menos mal, porque teño que recoñecer que a tipa o fixo
moi ben, e mesmo deixou algúns momentos estelares, a destacar:
-Girlfriends
Talk Show. Non me canso de ver a Cecily Strong facendo de adolescente
superficial, non sei se ten máis rexistros pero ese gústame. Tamén foi unha
oportunidade para darlle algo de tempo en pantalla a outra das novas actrices,
Aidy Bryant, e non o fixo nada mal.
-A
parodia de Homeland. A través da
ollada de Estes, que neste caso facía de espectador medio, cravaron a todos os
personaxes, especialmente a Carrie (Anne Hathaway) e a Brody (Taran Killam,
quen de súpeto semella ter talento para a comedia.. por fin). Case caio do
asento cando a filla de Brody (Nasim Pedrad) apareceu no medio da CIA cos pelos
diante da cara e as mangas do xersei estiradas.
-Weekend
Update. Por Seth Meyers, por suposto, e tamén porque volveu o tío borracho, un
dos mellores personaxes recurrentes de SNL.
O da parella gay de Maine pareceume un pouco topicazo homófobo, máis propio de Aída que de SNL.
-Non
vexo Ellen pero a parodia fíxome graza,
e polo que lembro do personaxe, estivo bastante acertada. Sigo dicindo que Kate
McKinnon é o mellor que lle pasou a SNL
nas últimas tempadas, case non me deu tempo de botar de menos a Kristen Wiig, e
eu adoraba a Kristen Wiig.
Até aquí a primeira parte das reseñas desta semana. Despois da folga máis. Secundade a folga: a televisión só é unha vía de escape, a realidade é brutal.