Thursday 12 September 2013

saber perder

Agárrense los machos! Xa sei que me tocaba a segunda parte (as dez primeiras) das mortes televisivas máis choradas, e anda por aí, a piques de saír do forno. Mentres agardamos, e como homenaxe a Fermín Cacho e todos os xornalistas españois, deportivos e non, acabo de sacarme da manga unha lista dos quince personaxes de serie que peor levaron o de perder en calquera tipo de competición. Spoilers, claro.

15. Joey Tribiani (Friends, Tempada 2 Episodio 18)
Cando Joey interpretaba ao afamado doctor Drake Ramoray en Days of Our Lives, subíuselle un pouco á cabeza, e nunha entrevista chegou a insinuar que era el o que escribía os seus guións. Os guionistas, eses seres vingativos que habitan nas tenebrosas terras de Mordor, decidiron que era unha aldraxe que non podían consentir e para o seguinte guión escribiron a morte do seu personaxe, facéndoo caer polo oco do ascensor coma un paspán (ou coma Rosalind Shays en L.A. Law). Joey non só non o levou moi ben, senón que tentou por todos os medios ficar en terra ou, xa postos, que algún dos compañeiros de reparto o acompañase naquela viaxe.


14. Jay Pritchett (Modern Family, Tempada 1 Episodio 19)
A serie empéñase en deixarnos claro que, malia ser dun país terceiromundista onde o único que hai son drogas e corrupción, Gloria e Manny están americanizados e teñen gustos refinados. Unha das cousas que saben facer ben é xogar ao xadrez (xa sabedes, ese deporte que só os intelectuais brancos deberían dominar, así que... sorpréndete espectador! Poñemos o teu mundo patas arriba con este asunto tan controvertido, uuuh!). Jay non xoga tan ben coma eles, e como non ten moi bo perder Gloria empéñase en deixarlle gañar, pero Manny non pode coa súa superioridade e acaba demostrando o bo que é.


13. Bender Bending Rodríguez (Futurama, Tempada 3 Episodio 7)
Ao comezo dun dos meus episodios favoritos de Futurama, Bender usa a Zoidberg para competir nun concurso de mascotas por 500 dólares (para Bender) e comida para cans (para Zoidberg). O Hipnosapo gana o concurso tras hipnotizar a todos os xuíces para que lle dean un 10. Zoidberg fai unha chea de trucos, cada vez máis complexos, pero os xuíces outórganlle o segundo posto, e Bender bótalle as culpas: “Second place? That’s just a fancy word for loser!”


12. Joel Fleishman (Northern Exposure, Tempada 4 Episodio 16)
O ter mal perder vai moito co carácter repunante de Joel Fleishman. Neste capítulo está xogando ao Risk con Marilyn, Ruth Anne e Maggie, tentando demostrar os seus coñecementos de estratexia militar. Cando Maggie ignora os seus consellos e consegue conquistar as súas tropas, Joel érguese da mesa anoxado dicindo que abandona o xogo, e dálle a volta á situación culpando a Maggie. Ela non soporta os malos perdedores, así que Fleishman leva unha bourada.


11. Sidney (Parenthood, Tempada 3 Episodio 9)
Os pais de Parenthood son unha banda de petardos que se deprimen porque os seus fillos baixan lixeiramente a nota en matemáticas ou non gañan o concurso de soletrar, pero nun episodio titulado axeitadamente “Sore Loser”, Sidney, unha cativa de 7 anos, vira en Joe Mcenroe cando perde nun xogo de mesa contra o seu pai. Por suposto, para o final do episodio todo está resolto e a nena amosa máis deportividade do que calquera adulto, viva a tele educativa!


10. Drew (Wilfred, Tempada 1 Episodio 6)
Wilfred convence a Ryan de que Drew non é bo abondo para Jenna e Ryan quérese aproveitar da cousa que máis lle molesta a Jenna de Drew para que corte con el. Desafía  a Drew a unha partida de tenis de mesa, que deseguida se converte nun desastre porque Drew é moi competitivo e non soporta perder. En principio Jenna pica e anóxase con Drew, pero a conciencia de Ryan métese no medio e quere arranxalo todo, así que Wilfred tenta envelenalo coa substancia máis perigosa xamais coñecida... polos cans: chocolate.


9. Leslie Knope (Parks and Recreation, Tempada 4 Episodio 17)
Na cuarta tempada de Parks and Rec Leslie preséntase a concelleira de Pawnee, e o seu rival político é Bobby Newport (Paul Rudd), un neno rico a quen lle importa un pito a vila. Cando Leslie comeza a gañarlle terreo xogando limpo, o pai de Bobby contrata como directora de campaña a Jennifer Barkley (Kathryn Hahn), que representa a podremia do sistema electoral estadounidense. Jennifer rouba a idea principal de Leslie para gañar o voto dos vellos, ridiculízaa en televisión, e despois dille que se a acusa de roubarlle a idea vai quedar ela mal, porque a ninguén lle gusta a xente que non sabe perder. Leslie, que efectivamente non sabe perder, cae na trampa de Hahn e tenta cambiar de tema nun debate en directo para que non a acusen de mala perdedora, e as consecuencias son aínda peores. Sempre lle quedará o consolo dunha tonelada de gofres con nata montada.


8. Dallas Royce (Suburgatory, Tempada 2 Episodio 14)
A guerra librada entre Dallas e Noah (a parte máis graciosa é cando Noah lle rouba o perruqueiro a Dallas e parece Mufasa, e ela ten que andar por aí con cinco gafas de sol na cabeza para tapar as raíces) escala até que Dallas se propón entrear un equipo de béisbol infantil para competir con Noah. Como non ten nin idea de cómo facelo, viste os cativos como unicornios que viven no arco da vella comendo nubes de golosina, pero ao final a rivalidade é máis forte ca ela e acábase convertendo nunha bruxa á que so lle importa que os seus nenos ganen, malia que sexa lesionando os outros.


7. Cliff Clavin (Cheers, Tempada 8 Episodio 14)
Cando o concurso Jeopardy se emite desde Boston, Cliff por fin ten a oportunidade de demostrar que todos eses datos triviais cos que ralla todo o día serven para algo. Por sorte para el, todas as categorías teñen que ver coas súas especialidades (incluídas “selos do mundo”, “curiosidades dos bares” e “celibato”). A estas alturas da lista xa imaxinaredes o que vai pasar,non si? Norm tamén o sabe, por moito que Cliff leve unha clara vantaxe no marcador, vai rematar facendo algo estúpido e perdendo, como finalmente acontece. E cando acontece acaba montándoa en directo.


6. O neno burbulla (Seinfeld, Tempada 4 Episodio 7)
Non sei cómo era nas vosas casas, pero na miña o que puña a tarxeta do Trivial ía á misa e era unha decisión inapelábel, xa contasen en billóns americanos ou tivesen grallas. O neno da burbulla non o toma tan ben cando George lle pregunta quén conquistou España no século VIII e por unha gralla na tarxeta a resposta non é “the Moors” senón “the Moops”, que non significa nada. Burbulla e todo, o neno tenta esganar a George, e no medio da liorta o seu medio estéril se despresuriza, co que remata no hospital por non saber recoñecer unha derrota.


5. Jeff Winger (Community, Tempada 1 Episodio 19)
O tema de non saber perder é moi recorrente con algúns personaxes de Community. En toda a segunda tempada Pierce non soporta que o grupo o exclúa das súas actividades, e elabora distintos plans para devolvérllela (“Advanced Dungeons and Dragons”, “Intermediate Documentary Filmmaking”) e na terceira é Chang o que segue ese camiño até rematar flanderizándose como tirano de Greendale. Pero se hai un mal perdedor no campus, ese é Jeff, e segundo el mesmo recoñece, débese a que a súa nai abusou un pouco do reforzo positivo e nunca lle fixo unha soa crítica (ola ke asen, madres neojipis!). En “Begginer Pottery”, Jeff matricúlase nunha clase de olería para obter créditos sen esforzo, pero acábase encirrando tanto porque hai un alumno máis guapo, máis listo e mellor ca el en todo (Greg Cromer) que rompe a única norma sobre a que o profesor de olería ten tolerancia cero: nada de imitar a escena de Ghost co torno, e moito menos cantar “Unchained Melody”.


4. Michael Scott (The Office, NBC, Tempada 6 Episodio 13)
Se non fose porque nos primeiros postos desta lista deixei a personaxes que causaron danos irreparábeis polo seu comportamento, o gañador sería Michael, así que supoño que é un paradoxo que tamén perda esta competición caseira. Todo o que fai, en case todos os capítulos, ten que ver con ser aceptado (que, no seu caso, pasa por ser o centro de atención) e cando algunha outra persoa recibe esa atención, colle unha perrencha e non hai quen o ature. Un dos mellores exemplos é cando Phyllis se pide facer de Pai Natal na festa da oficina, e el tenta negarse porque todos os anos o facía el. Como os compañeiros lle dan a razón a Phyllis, Michael péchase no despacho, customiza o traxe de Pai Natal, e volve convertido en Xesucristo, porque se Santa Claus é unha figura importante do Nadal, Xesucristo éo máis aínda.


3. Will Schuester e todo o Glee Club (Glee, Tempada 4 Episodio 9)
Practicamente todos os personaxes de Glee son mesquiños e ególatras, especialmente cando se trata de perseguir os seus soños, e como a maioría deles son adolescentes, vou dicir que o seu comportamento é culpa do seu modelo, o hiper-mesquiño e hiper-ególatra profesor Schuester, que lles ensina o mesmo ca un libro de auto-axuda: antepón as túas necesidades ás de calquera ser humano e así triunfarás na vida. Por iso non é sorprendente a súa reacción tras perder as ¿rexionais? ¿seccionais? ¿transversais?, whatever, unha desas competicións de canto que hai nos institutos americanos cada quince minutos, se temos que crer a Glee. O que pasou foi que Marley se desmaiou no escenario porque tiña problemas de bulimia (inducida por outra das alumnas do señor Schue, como non) e seica abandonar a competición, malia que sexa porque unha alumna se desmaia e hai que levala á enfermaría, supón a descualificación inmediata dos concursos escolares ianquis. Que foi o primeiro que fixo o señor Schue? Demostrar o gran pedagogo que é, máis preocupado porque os rapaces volvesen ao escenario para non perder que por Marley, e ao día seguinte deixar que os seus compañeiros lle montasen un cristo por desmaiarse e arruinar as súas posibilidades de gañar un concurso de merda (estaba diante e non abriu a boca). Por certo, por se a alguén lle interesa, a bulimia desapareceu maxicamente e non se volveu tratar o tema nos seguintes capítulos. Bonita lección, Glee.


2. Sir Gregor Clegane (Game of Thrones, Tempada 1 Episodio 5)
Polo que eu sei, Xogo de Trolls está chea de tolos sanguinarios que violan e asasinan por deporte.Un deles é Sir Gregor Clegane, e tampouco leva moi ben o da deportividade. Cando un coitado cabaleiro (cabaleiro abofé, que anda por aí regalándolle rosas ás rapazas) o derrota nunha xusta, o tipo agarra tal perrencha que comeza a machetadas (espadadas?) con todo o mundo, comezando polo seu propio cabalo, meu pobre, até que outro tipo grande lle para os pés. Como vedes fixen os deberes.


1. Doutor Horrible (Doctor Horrible’s Sing-Along Blog)
Alto aí. Se nunca vistes Doctor Horrible’s Sing-Along Blog, antes de seguir lendo facede o seguinte: ide á cociña, collede a tixola máis grande que teñades e golpeádevos na cabeza con ela repetidas veces, porque iso é o que merecedes. Despois mirade Doctor Horrible’s Sing-Along Blog, e despois xa podedes ler isto, que ten un spoiler importante, o mesmo que o vídeo que o acompaña. Aquí o que ten mal perder é o protagonista, o entrañábel mestre do crime que non é quen de matar unha mosca. Por desgraza, encírrase tanto coa idea de vencer por unha vez e para sempre o seu arqui-inimigo, o petardo Captain Mal Reynolds Hammer, que no proceso acaba matando o amor da súa vida. Un musical con final triste, ese é o meu Josh Weddon!



No comments:

Post a Comment