Friday 28 October 2016

all work and no play... (outono 2016)

Si, amigas, dado que non me movo moito polo blog ultimamente porque ando enleada noutros compromisos editoriais (proximamente máis información), decidín ser a máxima expresión da preguiza e xuntar nun só post algunhas series que vin este verán, que tampouco foron tantas (Stranger Things xa ten a súa propia entrada), e as que acaban de comezar, que son menos aínda. Nin que dicir ten que me nego a ver o remake de Lethal Weapon e o de McGyver, nin sequera para evitarvos a vós ter que facelo. 

Así que, como xa é tradicional, aquí vai, sen (apenas) spoilers, a miña lista das series que veñen ou que xa están aquí.

NOTA: Aínda que nestes “all work and no play” só falo de series de estrea, nesta ocasión engadín novas tempadas de dúas series que xa coñecemos, American Horror Story e The Missing, porque cada tempada é independente das outras aínda que repitan algúns actores (a quen quero enganar, AHS metina só porque me gusta meterme con Ryan Murphy...).

O SOÑO DO SISTEMA XUDICIAL PRODUCE MONSTROS

The Night Of (HBO)

De que vai: é un estudo de personaxes (pero de verdade, non coma a desculpa que se lles ocorreu a Carlton Cuse e Damon Lindelof para xustificar a tempada final de Lost) e sobre todo un estudo de cómo funciona o sistema xudicial estadounidense desde que un mozo é detido até que remata o xuízo, completo coa experiencia dese mozo en prisión preventiva e unha ollada á patética vida privada do seu avogado, cunha historia difícil de tragar e personaxes tan reais e lastimosos que, ou ben odias a todos, ou ben che dan todos pena.
Por que mola: John Turturro, por suposto. E o gato. Pero agora en serio: todos os actores e actrices son impecables e ao guión non se lle escapa nada, nin sequera o final agridoce con moito máis agri ca doce, coma a vida misma.
Por que non mola: Como dixen, pódeste chegar cabrear moito cos personaxes, sobre todo co rapaz protagonista, e supoño que a alguén lle pode decepcionar que non sexa unha serie xudicial das clásicas, nas que desde o principio temos claro quén é culpable e quén non.
A quen lle pode gustar: A fans de John Turturro, por suposto, e tamén a quen lle gusten os dramas escuros e as reviravoltas do poder, do estilo das series de David Simon.
Nota serióloga: ★★★★★



A IDADE DE OURO DOS NENOS DESAPARECIDOS/APARECIDOS EN TELEVISIÓN

The Family (ABC)

De que vai: Un cativo desaparece cando a súa nai fai campaña para ser concelleira (creo) e reaparece de adolescente cando a súa nai é unha política moi poderosa en plena campaña para gobernadora (creo). Ah! E a súa familia virou totalmente disfuncional no tempo que botou fóra.
Por que mola: Nos primeiros capítulos mantén un certo grao de intriga porque todos os personaxes ocultan algo pero non sabes exactamente quén fixo qué.
Por que non mola: En xeral, os actores son terribles e os xiros de guión moi predecibles, tanto que remata por aburrir. Tamén hai un par de cagadas no guión nivel “redacción de 6º de primaria”, pero iso aínda é algo gracioso.
A quen lle pode gustar: a fans desta vaga de series con neno secuestrado/asasinado/violado, que comezou con Top of the Lake e Broadchurch e pensei que xa rematara pero vese que non. Pero que non sexan moi esixentes.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆



CUSPINDO SOBRE O NOME DE AMERICAN GOTHIC  1995

American Gothic 2016 (CBS)

De que vai: Se alguén viu a serie de terror da mesma cadea e co mesmo título, que non se leve a engano: esta non ten absolutamente nada que ver, e aínda estou buscando o gothic do título. Vai dunha familia de clase alta que descubre que o patriarca que acaba de morrer gardaba moitos secretos do tipo “vou esconder no pendello do xardín estas probas que me relacionan directamente con varios asasinatos a ver se ninguén as atopa nunca”.
Por que mola: É coma se intentasen moi en serio construír unha serie de intriga que tivese algún sentido, e ao final os personaxes van correndo dun lado a outro descubrindo pistas por casualidade e tomando decisións estúpidas sen ningunha xustificación.
Por que non mola: É coma se intentasen moi en serio construír unha serie de intriga que tivese algún sentido, e ao final os personaxes van correndo dun lado a outro descubrindo pistas por casualidade e tomando decisións estúpidas sen ningunha xustificación.
A quen lle pode gustar: A fans do Cluedo e a incondicionais de Virginia Madsen, que é a matriarca da familia.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆



SEGUNDAS PARTES NUNCA FORON MELLORES CÁS PRIMEIRAS

The Missing 2 (Starz)

De que vai: No mesmo universo da primeira tempada pero con distintos protagonistas, unha rapaza que foi secuestrada en 2003 reaparece en 2014 e os seus pais e irmán tentan axustarse a tela de novo na casa, mentres o detective Baptiste segue a pista doutra nena que secuestraran canda ela e quere descubrir que lles pasou exactamente. Tamén hai insertos de 2016, onde Baptiste segue a investigar e a familia da moza reaparecida está totalmente desfeita por moitas razóns moi escuras.
Por que mola: O que sería un dramón familiar con algúns xiros de guión (véxase The Family máis arriba) convértese nunha serie ben estruturada grazas, sobre todo, aos actores e á produción (a escolla visual é de quedar pampo). E por Tchéky Karyo, que xa bordou a primeira e aquí é o único que repite personaxe principal.
Por que non mola: Como había pouco máis que engadir á primeira entrega, aquí quixeron rizar o rizo e fóiselles un pouco a man engadindo subtramas que inclúen pero non se limitan a: Irak, o Estado Islámico, a demencia senil e o BDSM.
A quen lle pode gustar: a quen lle gustase a primeira e, como dixen antes, a fans deste novo xénero de nenos desaparecidos que parece que non vai rematar nunca.
Nota serióloga: ★★★☆



PARA QUÉ PAGAR DEREITOS CANDO PODEMOS “INSPIRARNOS”

American Horror Story: Roanoke (FX)

De que vai: Despois de “Ryan Murphy na casa encantada”, “Ryan Murphy no manicomio”, “Ryan Murphy visita as bruxas”, “Ryan Murphy no circo” e “Ryan Murphy no hotel encantado”, Ryan Murphy viu Blair Witch Project e ocorréuselle que aínda non fixera ningunha “homenaxe” ás películas de terror baseadas en found footage, así que a cousa vai de: un grupo de actores e actrices recrean para un documental a experiencia terrorífica que un matrimonio tivo dentro dunha mansión illada que mercaron demasiado barata. E despois pasan cousas.
Por que mola: Teño que dicir que o gore desta sexta entrega é moito máis gracioso cós anteriores, como se xa nin se molestasen en disimular... Hai escenas de desmembramentos e xente empalada que se poderían ver coa música de Benny Hill e serían menos graciosas.
Por que non mola: Principalmente porque é aburrida: despois dun par de episodios de ketchup, marmelada de fresa e asasinos saíndo de súpeto de recantos escuros a cousa vólvese repetitiva. Tamén está que a gran sorpresa prevista para o sexto capítulo, na que se baseou toda a campaña publicitaria desta nova entrega, é máis do mesmo, así que ao final son 12 capítulos de gore sen sentido, moitos sustos e moi pouco terror.
A quen lle pode gustar: a fans de Murphy, a quen non se canse nunca de ver tripas e sangue de pega.
Nota serióloga: Voulle dar dúas estrelas polo valor cómico das mortes, veña ★★☆☆☆

Ryan Murphy quedou definitivamente sen ideas


SE GEORGE W. BUSH LEVASE UN GOLPE NA CABEZA...

Graves (EPIX)

De que vai: Nick Nolte é Richard Graves, un ex-presidente republicano dos EUA relegado ao limbo dos ex-presidentes, que un día ten unha revelación e decide que toda a súa política (que basicamente foi a de Bush fillo)estivo mal. Para remedialo, embárcase nunha cruzada quixotesca, coa axuda dun escudeiro/asistente persoal bastante inocente.
Por que mola: Os paralelismos políticos con Bush son inevitables, pero Graves é un personaxe que cae ben ao momento, por vello rosmón que sexa. Tamén é interesante ver como os guionistas xustifican que un político conservador cambie de idea en cuestións como a sanidade pública, os dereitos da comunidade LGTB ou a política exterior.
Por que non mola: non é que non mole, pero é que esta manía que hai agora de chamarlle “comedia” a unha serie porque dura media hora... En fin, se é unha comedia, non esperedes gargalladas.
A quen lle pode gustar: a fans das comedias que non o son, é dicir, de dramas políticos.
Nota serióloga: ★★☆☆



JACK BAUER FAI REALIDADE O SEU SOÑO MÁIS HÚMIDO

Designated Survivor (ABC)

De que vai: Un ataque terrorista mata a practicamente todo o goberno dos EUA durante o debate sobre o estado da Unión, e seica a constitución ianqui di que nun caso así tócalle ser presidente a dedo a un membro do goberno escollido ao chou e resgardado nun búnker durante a sesión, e ese non é outro que Kiefer Sutherland, que é presidente da deputación ou algo así. A partir de aí, o bo de Kiefer ten que lidiar con toda a lea do ataque terrorista e ademais aturar a todos os listillos que opinan que non está cualificado para o cargo, non coma os presidentes americanos de verdade, que o fan moi ben.
Por que mola: Está ben que para variar Kiefer Sutherland non vaia correndo a todos lados con cara de angustiado... agora ten coche oficial! E tamén parece que desempolva as súas dotes de actor. A intriga de saber quén e cómo conseguiron borrar do mapa a todo o Congreso, presidente incluído, tamén ten o seu aquel, e eu persoalmente son moi fan das escenas de destrución masiva.
Por que non mola: Obviamente é a americanada máxima.
A quen lle pode gustar: Fans de intrigas políticas, de The West Wing a Madam Secretary, pero sospeito que tamén fans de historias de espías e series con máis acción.
Nota serióloga: ☆☆



TODOS ESTAMOS CONECTADOS, PERO UNS MÁIS CA OUTROS

This Is Us (NBC)

De que vai: Un feixe de persoas cumpren anos o mesmo día e deseguida descubrimos que están todas conectadas de maneira improbable e con algunha sorpresa máis polo medio.
Por que mola: Está ben feita, os actores e actrices son correctos e o guión ten algunhas sorpresas interesantes que dan ganas de seguir mirando.
Por que non mola: A quen quero enganar... É un dramón do carallo.
A quen lle pode gustar: A fans de Gilmore Girls e Parenthood (Milo Ventimiglia ten un papel protagonista, e as historias teñen ese toque a medio camiño entre a caloriña humana e a sobredose de glucosa), aínda que tira máis para o lado do drama.
Nota serióloga: ☆☆



EL MINISTERIO DEL TIEMPO PERO CON MEDIOS, ACTORES E GUIONISTAS

Timeless (NBC)

De que vai: Un terrorista rouba unha máquina do tempo para tentar cambiar a historia dos EUA, e o goberno, loxicamente,  decide que para perseguilo a través do tempo ninguén mellor ca unha profesora de historia que saca datos da chistera á velocidade de Rainman, un programador informático que non entende o concepto de “pasado” e un soldado calquera.
Por que mola: O malo é Goran Visnjic, e somos fans de Goran Visnjic malia que todo o que fixo despois de E.R. foi terrible. E viaxan a momentos históricos que fan parte do imaxinario colectivo (occidental), coma o desastre do Hindenburg ou o asasinato de Lincoln, o que sempre é entretido, aínda que sospeito que os guionistas empezaron a suspender historia xa en primaria.
Por que non mola: O máis interesante das viaxes no tempo son os paradoxos temporais, e estes despachan todas esas especulacións no primeiro episodio cun “weebly wobbly timey wimey” que desde logo non está á altura do Doutor (por exemplo, para os xenios criminais detrás do guión desta serie só cambia o curso da historia o feito de que na liña temporal alternativa morra alguén que debía vivir, non o feito de que viva alguén que se supuña que ía morrer, e así todo...). Tamén, os chistes son para querer abrirse en canal.
A quen lle pode gustar: A xente que non teña moito respecto pola historiografía.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆



POPE FRANCIS DOESN’T APPROVE

The Good Place (NBC)

De que vai: Unha muller que mentres viviu era un ser humano horrible morre, e por erro vai ao ceo. Até aquí todo ben, se non fose porque hai múltiples ceos de acordo coas necesidades de cada alma, e o dela é basicamente un barrio residencial saído dun cadro de Norman Rockwell, coa veciñanza máis aburrida da historia (todos están emparellados cunha cousa que lle chaman a súa “alma xemelga”).
Por que mola: Como Eleanor, a prota, está alí por erro, comezan a pasar cousas raras nese remanso de paz, como que chove lixo ou se abren cráteres xigantes. Tamén molan bastante os personaxes arredor dela: o profesor de ética Chidi que sabe o seu segredo e tenta axudala, a insoportablemente perfecta Tahani, e o arquitecto do barrio, un Ted Danson celestial e neurótico.
Por que non mola: Nunca pensei que diría isto de Kristen Bell, pero non lle vai nada ben o papel protagonista. De feito, todos os personaxes teñen o seu aquel menos o dela, que non acaba de cadrar nesa mestura. O resultado é entretido pero moi lonxe de outras series de Michael Schur.
A quen lle pode gustar: A fans dese tipo de comedia buenrollista que Schur bordou en Parks and Recreation, pero con moitas reservas.
Nota serióloga: ★★★☆☆



QUE VEÑA XA O METEORITO QUE ISTO NON DÁ PARA MÁIS...

Aftermath (SyFy)

De que vai: Unha familia un pouco peculiar vese atrapada no medio dunha apocalipse que inclúe meteoritos, terremotos, inundacións, tornados, zombis, posesións demoníacas e non sei se me deixo algo (todo isto no primeiro episodio, eh?).
Por que mola: É que non lestes o parágrafo anterior? Meteoritos, terremotos, inundacións, tornados, zombis, posesións demoníacas e non sei se me deixo algo. Se chegan meter nanitos (a miña apocalipse particular preferida) sería o armagedón perfecto.
Por que non mola: Creo que me vou estender sobre este tema na miña próxima entrega de “A miña nova mellor peor serie”, porque esta reúne todas as condicións, pero para resumir digamos que é demasiado terrible para poder aturar máis de dous capítulos, nin polas risas.
A quen lle pode gustar: a fans de outras xoias que xa citei aquí varias veces, coma The Event ou Zero Hour. Tamén aos que se tragaron as catro entregas de Sharknado e outras producións de SyFy.


Nota serióloga: Sería un ★★★★★ en concepto e un ☆☆☆☆ en execución.


Isto é todo para este outono. Vémonos na seguinte, ou nos bares, o que pase antes.