Titis, estou nerviosa como unha colexiala. Nunhas poucas
horas é o final de tempada dunha das series máis tolas, marcianas e
ridiculamente adictivas que vin na miña. A tal altura moitos de vós teredes
oído falar de A, ou non poñeredes cara rara se vos digo que esta noite van
desvelar quen é a moza do abrigo vermello e se cadra tamén quen é a viúva negra
(que, posibelmente sexa, á súa vez, a raíña de corazóns, diso non hai xeito de
estar certa...). Para os que non entenderon unha palabra da frase anterior, vou
tentar explicar toda esta tolemia que é Pretty
Little Liars.
Esta semana: Guía
para engancharse a Pretty Little Liars
Eeeh... normalmente aquí poñería un dos meus avisos de
spoilers, pero esta serie dá tantas voltas que é difícil saber se vou revelar
algo vital ou non. Por se acaso...
De que vai
Vale. Collédevos todos da man e pegados a min, que é doado
perderse.
Isto eran catro amigas que vivían en Rosewood, unha vila de
Pennsylvania (presuntamente, xa chegaremos a ese punto) onde o salario medio
estaba arredor do trillón de dólares anuais. Durante anos foron as guais do
instituto e a súa vida xiraba arredor de Alison, unha lurpia de moito coidado á
que a metade do instituto odiaba e a outra metade quería ver morta. A serie
comeza un ano despois da moi misteriosa desaparición de Alison unha noite que
as cinco estaban a facer botellón no pendello dos pais dunha delas (nótese que
neste resumo emprego a palabra “pendello” con total liberdade creativa, para
empezar porque os moi millonarios señores Hatings, que teñen cociñeiros para facerlles a cea, non
empregan o pendello para gardar as ferrament... que é iso? e para seguir porque
en 15 anos de aluguer en Santiago vin pisos por 600 euros máis pequenos có tal
pendello). Digresión, tu nombre me sabe a miel.
Total, que un ano despois da
desaparición da raíña do cotarro, as súas palmeras están espalladas, cada unha
ao seu. Ao pouco das mozas se reuniren outra vez, os veciños que se mudaron á
antiga casa de Alison descobren un corpo morto que todo o mundo asume que é
Alison e fanlle un funeral. E xusto nese momento as mozas comezan a recibir
mensaxes de texto de alguén que asina como –A e que seica sabe todos os seus
secretos e os da xente que as rodea, e empeza a chantaxealas para que fagan
cousas que non queren facer.
As protas
Como dixen, as liars son
só catro.
Aria. Ao comezo
da serie ven de pasar un ano sabático cos seus pais en Islandia porque o seu
pai leva tempo poñéndolle os cornos a súa nai e esta frase para Pretty Little Liars ten perfecta lóxica.
Nada máis volver, enróllase cun tipo nun bar e despois descubre que é o seu
novo profe de literatura, todo un clásico. Este dato é súper importante, aparte
de porque –A a chantaxea con iso, porque gran parte da serie se centra no
romance entre Aria, que ao comezo ten 16, e Ezra, que é un adulto nunha
posición de poder e xa antes de estar con Aria estivera liado coa desaparecida
Alison, cando ela tiña... 14 ou 15? O mellor de todo é que a serie se emite en
ABC Family, que se supón que é a filial familiar de ABC, onde emiten os
contidos para todos os públicos, e que ambas as dúas son propiedade da Disney.
Malia as críticas que lle choven a diario en internet, os guionistas de PLL poñen moito pero que moito empeño en
romantizar esta relación de Aria co seu profe, e para moitos esa foi a pista
definitiva para pensar que Ezra podía ser o mesmísimo –A (ver máis abaixo na
sección Sospeitosos Habituais), pero
o certo é que en 6 tempadas que levamos hai polo menos unha vintena de exemplos
de homes adultos en posición de poder que nalgún momento lle tiran os trastos
ás protagonistas, así que a serie tamén é unha mina para o tumblr. Por certo,
deberiades saber que o nome monger de Aria + Ezra en internet é “Ezria”, e que
teñades moito ollo cos seus fans, porque toman a defensa desa relación como
algo demasiado personal.
Alén de todo isto, Aria é, xunto con Emily, unha das liars parvas, obxecto de todas as burlas
do mundo no Reddit. Moita xente tamén sospeita que ela é –A porque as putadas
que lle fai a ela semellan moito máis light cás das outras e por toda unha
serie de detalles que a min se me escapan pero podedes atopar en milleiros,
MI-LLEI-ROS, de blogs e páxinas web. Outra das razóns polas que a personaxe é
tan popular en internet é polos modeliños que leva, que sempre inclúen
estampados raros e sobre todo moitas plumas de cores.
Emily é outra das
liars intelectualmente comprometidas,
sempre que actúa pola súa conta fai cousas incribelmente parvas que fan que lle
berres á pantalla, como nas pelis de terror dos 80 cando a moza indefensa entraba
na casa e pechaba a cal e canto antes de mirar se había alguén dentro.
Ao comezo da serie está centrada na súa carreira deportiva
como nadadora, pero deseguida descubrimos que a natación é unha metáfora
xigante para o lesbianismo, e a partir de aí todo é unha sucesión de mozas
nadadoras para Emily. A estas alturas a tradición di que Emily non pode pasar
máis de medio capítulo sen moza, e cada vez que unha nova personaxe feminina aparece
en Rosewood podemos dar por descontado que se vai acabar enrollando con Emily.
Si, seguimos en ABC Family, pero é o que ten Pretty Little Liars, que é como se a escribise un comité de
adolescentes salidos.
Emily tamén é a que máis lei lle segue a ter a Alison, mesmo
despois de que desaparecese, e a través dos flashbacks das primeiras tempadas
entendemos porqué. Unha pista: si, tamén se lían.
Hannah é unha das
favoritas do público. Ao comezo da serie está reconvertida nunha especie de Alison,
superficial e zorrupia, pero segundo avanzan as tempadas espabila, vólvese unha
liar moi lista e fai tandem con
Spencer, o cerebro do grupo. Ao pouco de comezar a serie coñece a súa alma
xemelga, Caleb, e se pensabades que os fans de Ezria son perigosos, nunca nunca nunca cabreedes a un fan de Haleb, so risco de perder a vida. E
sobre todo nunca, repito NUNCA mencionedes un spin off de PLL chamado Ravenswood diante deles.
Spencer é dalgunha forma a líder do grupo, así que o seu
nome tamén sae frecuentemente nas listas de sospeitosas de ser –A. Cando comeza
a serie está centrada nos estudios e en ir a unha universidade das molonas, e
cando –A comeza a torturar as mozas é unha das máis activas en tentar desenmascaralo/a
e os seus plans terían éxito se non fose porque fai un pouco como Mortadelo e
Filemón, que unha vez que un plan lle sae mal por causas alleas ao propio plan
non se molesta en repetilo.
E así comezan todos os plans de Spencer... |
No pasado Spencer tamén tivo unha certa tendencia a se liar cos
mozos da súa irmá maior, porque, mais unha vez, isto é ABC Family e así é como
funciona, pero despois comezou unha relación máis ou menos estable co xenial
Toby, o que nos leva a...
Os favoritos do público
(segundo Reddit e mais eu)
Toby. As nosas
intrépidas protagonistas se pasan a primeira tempada e parte da segunda
convencidas de que Toby ten algo que ver con –A porque é o irmán de Jenna. A
ver como vos explico: Jenna era unha das inimigas de Alison no instituto, e
tiña un irmán adoptivo (Toby) ao que obligaba a se deitar con ela porque, todos
a coro, ABC Family! Un día Alison decidiu que Toby estaba espiando as mozas
pola ventá e para darlle un escarmento foi e incendiou a súa casa (si amigos,
si) sen saber que Jenna estaba dentro. Toby rescatouna, pero a raíz diso Jenna
quedou cega e Toby pasou un ano ou así nun centro de menores porque todas lle
botaron a culpa a el.
Se isto non fose malo abondo, Toby está interpretado por
Keegan Allen, que posibelmente sexa o peor actor do mundo, e os textos que lle
dan tampouco son especialmente brillantes nin coherentes. Nestas seis tempadas
(dous anos no tempo de Rosewood), Toby pasou de ser o sospeitoso número un de
matar a Alison a facerse moi amigo de Emily (antes de que ela descubrise que
era... nadadora), e despois a saír con Spencer (Spoby) e a independizarse e montar a súa propia empresa de
construción con... non sei, é difícil calcular o tempo nesta serie, digamos 18
anos?, e tamén como non a infiltrarse no círculo de –A para tentar descubrir
quen é pero sen lle dicir nada a Spencer nin a o público para que todos
pensásemos que el era –A. A última xenial idea de Toby foi facerse policía
(así, a lo loco, e nun entrenamento que durou entre tres e dez días no tempo da
serie) para traballar no moi corrupto e/ou incompetente departamento de policía
de Rosewood e descubrir así a –A e a todo o seu equipo. A última vez que o vin
suspendérano de emprego e soldo porque, nun capítulo patrocinado pola FAD,
comeu unhas gominolas de marihuana (sen el o saber, por dios) e estragou unha
nova oportunidade de coller a –A ao sufrir unha viaxe psicotrópica digna dun
directo dos Grateful Dead. Que así non é como funciona a marihuana. Si,
sabémolo, pero seica os guionistas de Pretty
Little Liars non.
Mona. Antes de
que Alison desaparecese, Mona era o parrulo feo, todas se rían dela e ela o
único que quería era que a aceptasen no grupo... Tantas veces rexeitada,
rematou por desenvolver unha mente criminal digna do doutor NO, pasou a formar
parte da armada de –A para despois virar na súa contra (aínda que xura que
nunca a/o chegou coñecer en persoa), hackeou o departamento de policía de
Rosewood, finxiu a súa propia morte e tivo tempo de participar no festival da
canción do instituto.
Os pais e nais de
Rosewood. Lembrades cando ao principio de Al Salir de Clase en cada casa había unha familia enteira con pais
e irmáns, e segundo ía avanzando a serie e reducíndose o orzamento os pais e
nais de Siete Robles comezaron a desaparecer cos pretextos máis inverosímiles,
até que nas casas só quedaron os adolescentes e xa non se vía ningún adulto na
serie? Veña ho, se até se desfixeron de Manu, o pizzeiro galego! [Pausa para
chorar a perda da xoia do humor absurdo da ficción española. Sigh] O caso é que
en Rosewood pasa algo semellante, ao principio os pais e nais das protagonistas
eran unha parte importante da trama malia non se coscar de que había un
criminal acosando as súas fillas día si, día tamén. Despois algúns deles
comezaron a marchar de Rosewood con estrañas explicacións (destinoume o exército
en... tachán... Texas!; acabo de coñecer un home, imos casar e ir vivir a
Suíza; durmo no meu despacho da universidade porque túa nai está anoxada...) e
así até o punto que, no xogo de beber de Pretty
Little Liars tes que beber un chupito por cada nai ou pai que aparece no
capítulo. Aparte disto, os pais de Rosewood son un desastre para se preocupar
pola seguridade das súas fillas, xamais botan o pecho da casa nin pechan as
cortinas, non se decatan de que a vida das súas fillas está constantemente en
perigo malia a tonelada de cadáveres que a tal altura se está amoreando no
barrio residencial onde viven (así, a bote pronto, conto 8 persoas relacionadas
coas rapazas en dous anos, pero para máis información só tedes que poñer “pretty
little liars death toll” en Google).
Hai pouco as nais de Rosewood volveron á escena cos ollos
abertos e a única misión de protexer as súas fillas, pero nun dos mellores
capítulos que vin na miña vida, emborracháronse, deixaron as mozas sen
supevisión e acabaron pechadas nun soto. Probabelmente morra algunha.
Sospeitosos Habituais
Para as mozas e para nós é fundamental desenmascarar a –A,
non porque lles mande mensaxes para se meter con elas, senón porque ao longo
das tempadas –A foi desenvolvendo un gusto excesivo polas películas de Saw e a tal altura é responsábel de
secuestrar, torturar e matar a varios personaxes. Ademais é omnisciente, sabe
todas as cousas que van facer as mozas antes de que as fagan e posibelmente
tamén teña fontes no departamento de policía de Rosewood. E non traballa só.
Soa? Aínda non temos claro se é un home ou unha muller, pero por agora, o que
sabemos de –A é isto: hai un -A superior, que é un cerebro criminal con cartos ilimitados e acceso a toda a tecnoloxía e infraestruturas do mundo. A este -A vémolo normalmente ao final dos episodios, vestido de negro con capucha, luvas e máscara incluídos mentres fai cousas super normais como mercar nunha tenda, o cal non deixa de ser gracioso. Traballando para -A suponse que hai tamén unha serie de -A menores, e ademais tamén temos a:
Por iso é incríbel que cada vez que collen un único
sospeitoso, estas rapazas se empeñen en pensar que remataron con –A.
Polo de agora estes son os sospeitosos máis ou menos
plausibles que engrosan a lista de “Segurísimo que é –A pero non, pero se cadra
si, pero ves como non? é que lle tenderan unha trampa, pero é se finxiu o da
trampa e en realidade foi –A todo o tempo? pero é imposíbel que sexa porque ten
coartada, pero a coartada non se sostén...”:
E, lembramos...
EzrA: nun momento
dado descubriuse que sabía de sobra quen era Aria antes de lle entrar no baño
dun bar o día antes de empezar a darlle clase (si, amigas) e non só iso, senón
que tiña un rocho de acosador cun complexo dispositivo de seguimento e cámaras
nas casas de todas as mozas ao final non pasou nada, porque todo iso era parte
da súa investigación para... ESCRIBIR UNHA NOVELA!
Caleb: salvo polo
incidente de Ravenswood, é o mozo
perfecto e ademais hacker, o que sempre fai desconfiar.
Mona: Foi –A.
Pero non a –A principal, senón unha das –As pequenas que traballaban para –A pero
non sabían quen era, pero despois tamén foi secuestrada por –A. Dá igual, nin
eu mesma o entendo.
Alison: a tal
altura xa vos daría para pensar que Alison non está tan morta como parece ao
comezo da serie, sobre todo porque PLL cumpre
a mellor tradición telenovelesca, e se non ves o cadáver cos teus propios ollos
iso significa que non hai tal cadáver, e ás veces nin que o vexas...
Melissa: a irmá
maior de Spencer, que estaba resentida con esta porque lle quitaba e/ou mataba
accidentalmente os seus mozos e quen sabe cantas complicadas razóns máis.
Peter Hastings: o
pai de Spencer, que tivo un fillo fóra do matrimonio coa nai de Alison. Fillo
que tamén é sospeitoso, o mesmo que era a nai de Alison até que a mataron.
Kenneth Dilaurentis:
o pai de Alison. Un crack no de protexer a súa familia.
Aria: só porque
os internautas a odian. Eu non creo que sexa tan lista.
Toby: estivo
infiltrado canda Mona na rede de –As que conforman –A e agora ten acceso a
moita
información sobre o caso porque en tres meses pasou de cadete a axudante
da inspectora xefe de policía.
Calquera dos homes adultos metidos en relacións inapropiadas
con mozas adolescentes, o que ven sendo calquera home adulto de Rosewood.
Calquera en Rosewood, en xeral.
La ciudad de
Townsvil... digoo, Rosewood!
Rosewood en si escapa ás leis da lóxica e da física máis
elemental. Suponse que está en Pennsylvania, e suponse que os invernos en
Pennsylvania son duros e hai tormentas de neve e esas cousas. Este é o aspecto
dun inverno en Rosewood:
Se engadimos a iso o feito de que o tempo alí pasa de forma
diferente, porque as mozas levan catro tempadas ancoradas en 2012 pero ao mesmo
tempo fan referencia a circunstancias externas posteriores, como estreas de
películas ou cancións deste ano, a min non me sorprendería que en realidade
Rosewood sexa unha desas vilas marcianas de Ray Bradbury onde os protagonistas
pensan que están na súa casa e rodeados dos seus seres queridos pero en
realidade están a piques de morrer no planeta vermello. Tampouco sería unha
mala explicación para a serie.
Curiosidades
Aínda que case nunca o pareza, ás veces os guionistas de PLL fan cousas a propósito. Por exemplo, un capítulo enteiro en clave de film noir ou estas homenaxes a Hopper:
Daquela, o teu
consello... Debería ver Pretty Little
Liars?
Se tes entre 13 e 18 anos, sen dúbida algunha.
Se che gustaba Lost polos xiros impepinables de guión
que os escritores daban cada vez que estaban atrapados nun argumento que non
había por onde coller, tamén che vai gustar, pero estate preparado para que ao
final da serie queden moitas preguntas sen resolver e as poucas respostas non
sexan satisfactorias. Ah, que xa sabes o que é iso?
Se botas de menos a anarquía
argumental de Al salir de clase, como
as historias de “la banda del bate” ou cando había un asasino en serie que matou
a Helen Lindes, esta é definitivamente a túa serie. Continuidade moi pouca,
explicacións as xustas e aos guionistas non lles podería importar menos.
Se che gusta trolear en internet
e estás enganchado a Reddit, definitivamente. Un dos maiores praceres de ver Pretty Little Liars é vela en streaming
(ehem, ás tres da mañá de aquÍ) mentres vas seguindo este fío de comentarios,
que ten un xogo para beber con PLL
incríbel e algunhas das críticas máis agudas que vin eu na vida.
Finalmente, se es un tío e conseguiches ler até aquí, non só é recomendábel que vexas a serie, senón que aquí tes máis coma ti.
Hala, a ver quen se traga un maratón antes da final desta noite!