Tuesday 7 May 2013

7 razóns para ver The Americans

1. É un drama que medra con cada capítulo

É difícil atopar series que equilibren o desenvolvemento da trama coa caracterización dos personaxes e que saiban manter a tensión un capítulo tras doutro. Algunhas combinan capítulos expositivos, nos que a historia avanza, con capítulos “de personaxes” nos que realmente non acontece nada pero nos dan unha chea de información sobre a historia e as motivacións dos protagonistas (Lost, Mad Men). Outras confían en grandes xiros e sorpresas para manter os espectadores en tensión dun capítulo a outro, pero ás veces se esquecen de xustificar esas sorpresas (Homeland). The Americans constrúe en cada capítulo unha trama de espías no que as relacións dos personaxes son reflexo das relacións diplomáticas e de espías dos dous bandos. Os conflitos entre a URSS e os Estados Unidos resoan nos conflitos persoais do matrimonio Jennings, espías soviéticos que se fan pasar por unha modélica familia de clase media americana, do seu veciño axente do FBI, dos superiores de ambos e dos axentes aos que utilizan para conseguir os seus medios. Cada un dos 13 episodios da primeira tempada engade unha capa máis ao conflito e afonda un pouco nas miserias dos personaxes sen descoidar a acción, e o equilibrio resultante é (desculpen a comparación forzada) como ver a Nadia Comǎneci executar un mortal sobre barra fixa.


2. Os personaxes teñen múltiples arestas, que se van perfilando máis con cada capítulo

Peter e Elizabeth Jennings son, nós xa o sabemos desde o comezo, dous membros de elite da KGB adestrados desde a súa mocidade para se facer pasar por unha parella americana media. Viven nun barrio residencial, teñen dous fillos, traballan xuntos nunha axencia de viaxes, e no seu tempo libre reclutan axentes, matan contra-espías e montan dispositivos de vixilancia. Pero despois dun piloto cunha caracterización algo forzada (o cal non é nada raro para un piloto) resulta evidente que esas dúas son só as capas máis superficiais dos Jennings, e comezamos a ver a unha Elizabeth que se tenta achegar aos seus fillos sen o conseguir, un Phillip namorado da súa muller falsa, mais tamén namorado do seu antigo amor ruso, un axente Beeman (o veciño do FBI) que sacrifica o amor da súa familia pola súa lealdade ao país pero tamén pon en perigo esa lealdade polo seu amor por unha das axentes que recluta, Nina, quen a súa vez vai gañando profundidade e protagonismo en cada capítulo... Mesmo os personaxes secundarios e os máis irrelevantes teñen contradicións, dúbidas e tantas sombras que a historia podería desenvolverse durante tempadas sen perder nada do seu interese inicial.


3. Os actores

Nunca pensei que ía loubar o traballo da chorona de Felicity e dun dos irmáns petardos de Brothers & Sisters, pero estes dous souberon superar as súas orixes e darlles credibilidade a dous personaxes moi difíciles de interpretar. Mención á parte merecen Noah Emmerich, que fai que de inmediato sintamos simpatía polo axente Beeman malia as nosas máis fondas conviccións anti-imperialistas; Annet Mahendru, unha relativa descoñecida que borda o papel de espía (dobre? triple?) de Nina sen revelar demasiado sobre as súas verdadeiras lealdades;  e sobre todo Margo Martindale, que está soberbia como Claudia, unha axente soviética que pasa desapercibida como avoíña encantadora e matou nazis na fronte de Stalingrado (e ten moitos, pero que moitos ases na manga até o derradeiro capítulo #ClaudiaFTW).



4. O feito de situar a trama nos 80 dálle credibilidade

Para empezar, porque fixo que a acción da serie sexa realmente entretida, con disfraces, persecucións e artimañas que semellan reais e procuran a complicidade do espectador, en contraposición ás actuais tramas de espionaxe nas que alguén hackea un número de serie dun marcapasos e provoca un ataque ao corazón grazas a un virus informático (si, Homeland, estoute mirando a ti); pero tamén porque podemos observar a evolución do xogo de espías con certa distancia, coñecendo o escenario global no que se desenvolveu e as consecuencias que tivo no mundo, e como para os americanos esa guerra xa rematou, os escritores non senten a necesidade de meternos propaganda pola gorxa e concéntranse en nos entreter.


5. Por primeira vez na ficción sobre a guerra fría, os americanos son lixeiramente máis parvos cós rusos

Isto non quere dicir que ningún dos dous sexa especialmente parvo. De feito o xogo de espías que se desenvolve durante a primeira tempada é exquisito, ben planificado e demostra que a “intelixencia” de ambos bandos se chamaba así por algo. Pero, sendo sinceros, nos sempre nos imos pór do lado dos irmáns soviéticos e contra o bloque capitalista, por iso dá gusto ver que neste caso Hollywood abandonou a súa tendencia de caricaturizar os axentes do outro lado e canonizar os propios, e neste caso pon a KGB un (pequeno) paso por diante dos americanos. É certo que a ficción estadounidense sempre respectou moito máis á malvada KGB que a calquera dos supervillanos estereotipados que viñeron despois (nomeadamente, o ditador bananero con barba branca ou boina vermella, e os terroristas con turbante que “odian o noso modo de vida”). O primeiro capítulo de The Americans acusou un pouco a pilotitis e tiña algo de caricatura, con momentos nos que Phillip e Elizabeth Jennings se parecían bastante a Boris Malinoff e a Natasha, por non falar da crise de fe de Phillip, que se planteou cambiar de bando porque “a comida de aquí é moito mellor”, pero iso non se repetiu nos episodios seguintes.



6. O derradeiro episodio pechou unha tempada brillante, e xa estamos desexando que volva

Como dicía ao comezo do post, The Americans equilibra perfectamente todas as súas historias sen necesidade de golpes de efecto. Por iso o derradeiro capítulo fuxiu dos recursos forzados e confiou na forza da historia e dos personaxes para facernos volver na segunda tempada. Quen pense que isto quere dicir aburrimento está moi equivocado. Á última hora de The Americans non lle faltaron persecucións, situacións de perigo nin escenas de infarto (persoalmente, pasei a metade do episodio á beira do asento e a outra metade vitoreando como unha tola, #ClaudiaFTW outra vez), pero en vez de rematar nunha nota alta, cos personaxes nalgunha situación de perigo inverosímil ou sen saber se alguén está vivo ou morto, os escritores decidiron deixar algúns elementos da trama abertos e pechar outros discretamente, e confiar máis na evolución dos personaxes que en crear expectativas falsas nos espectadores, e ao final iso é o que distingue a boa televisión dos produtos prefabricados (alguén lembra os helicópteros de Monroe sobrevoando os protagonistas nun campo aberto na final de inverno de Revolution e como se resolveu ese fiasco?)

Paige, a Dana Brody do cruel universo paralelo (isto é, lista), comeza a facerse preguntas.

7. A careta

Normalmente non lle presto demasiada atención a iso, salvo os casos nos que a careta é moito máis creativa có resto da serie (ola ke ase, True Blood?). En The Americans a presentación suma puntos ao total da serie.  Se cadra a C convertida en fouce e martelo é innecesaria, porque o resto do grafismo fai ese mesmo traballo de forma moito máis sutil, pero a iuxtaposición de estereotipos ianquis e estereotipos soviéticos equilíbrase soa por exceso, e as fotos dos protagonistas pegadas sobre unha "auténtica" familia americana son o perfecto resumo da trama.


The Americans é probabelmente a miña serie preferida de 2013. E agora que acabo de gafala dicindo iso vou tocar madeira inmediatamente para evitar que corra a sorte de Awake e Last Resort.