Sunday 19 March 2017

all work and no play (primavera 2017)

Xa están aquí, saídas do forno, as series que se estrearon este mes e o anterior. E que fai Westworld no medio, cenutria?, preguntarédesme como sempre con cariño, porque é certo que esa xa se estreou en outono e xa onde vai que rematou a primeira tempada. Pois que non a vin no seu momento por circunstancias da vida (chamádelle traballo, chamádelle que se me foi a pinza por completo) e vina agora, e gustoume abondo como para querer recomendala, así que a metín aquí, pouco misterio.

Como sempre hai pouco spoiler, que na maioría dos casos as series aínda están comezando e nin eu, coa miña intuición de serióloga, sei cómo van rematar, pero lede á vosa discreción e que vos preste. E non esquezades que ver televisión máis de dúas horas ao día é prexudicial para a saúde e as habilidades sociais, así que facede coma min e mirádeas no ordenador.

MI BISABUELO FUE EL DOCTOR MUELTE, MI PADRE TUVO QUE DEJARLO...

Mary Kills People (Global)

De que vai: Unha doutora de Urxencias ten un traballo paralelo como asistente de suicidio, co conseguinte risco que iso supón para o seu traballo e tamén a súa integridade, porque está sendo vixiada pola policía e ao mesmo tempo ten que tratar con camellos chungos que lle pasen as drogas que precisa para axudar a xente a morrer dignamente.
Por que mola: Ten moita menos moralina do que podería parecer con ese tema, de feito móvese entre a comedia negra e o thriller, e engancha desde o primeiro capítulo. Ademais, como son só 6 capítulos, non hai escenas de recheo.
Por que non mola: O tema do antieheroe empeza a estar un pouco trillado (aínda que non fose tan explorado coas mulleres como cos homes).
A quen lle pode gustar: Como digo, a fans de series con antiheroes de protagonistas. Fans de procedurals absterse, porque non vai nin de médicos nin de crimes.
Nota serióloga: ★★★★☆


CARNE PARA LINDA

Santa Clarita Diet (Netflix)

De que vai: Linda tiene un secreto para conservar su línea. Sus amigos se preguntan por la clase de alimento, Linda sonríe coqueta y se guarda su secreto, pues su fuente de energía es la carne de...
Boeno, quitando que a protagonista non é Linda senón Drew Barrymore, a premisa da serie é tal cual esa canción de Loquillo (no spoilers) que me facía tanta graza cando tiña doce anos.
Por que mola: De entrada a premisa pode parecer graciosa, pero non.
Por que non mola: Gustaríame dicir que só por Drew Barrymore, que é unha pésima actriz, pero ela non é o único problema. De feito mesmo Timothy Olyphant, que demostrara ter moito talento para a comedia en The Grinder, parece contaxiarse e o único que fai é poñer caras, o mesmo ca ela. O guión é horrible, e o intento desesperado por facer unha comedia negra quítalle toda a sutileza á comedia e toda a diversión ao gore.
A quen lle pode gustar: Non sei, a Sabino Méndez?
Nota serióloga: ☆☆☆☆☆


QUÉ FOI DE RYAN MURPHY?

Feud (FX)

De que vai: Daquela vez que Bette Davis (Susan Sarandon) e Joan Crawford (Jessica Lange) rodaron What ever happened to Baby Jane? e seica se levaban fatal dentro e fóra do plató e todo iso fixo que o filme fora un exitazo e recadase moitos cartos para a Warner.
Por que mola: Sempre hai algo de morboso en ver a lenda negra de Hollywood e o que hai detrás dunha gran produción. Os créditos imitando as clásicas siluetas recortadas de Saul Bass son ben chulos, e contan a historia sen necesidade de ver a serie.
Por que non mola: Lembrades cando Marisa Paredes e Juanjo Puigcorbé redefiniron a palabra ridículo interpretando aos Borbóns baseándose unicamente nos seus “peculiares” acentos? Por favor, dicídeme que o lembrades, porque foi o máis perto que estivo este país de proclamar a 3ª república. Pois isto ven sendo o mesmo: as actrices empéñanse tanto en imitar os manierismos das estrelas que interpretan que o resultado é aínda máis impostado, sobre todo no caso de Jessica Lange, ou se cadra é que eu non teño o amor por Jessica Lange que teñen Ryan Murphy e media América.
A quen lle pode gustar: a incondicionais de Murphy, que supoño que serán os máximos accionistas de FX porque cántas series ten ese señor na cadea? Tamén está ben para quen lle guste ver grandes nomes de Hollywood aparecer cada dous minutos na pantalla (Judy Davis, Kathy Bates, Catherine Zeta-Jones, Stanley Tucci...).
Nota serióloga: ★★☆☆☆


AS ESCOLAS WALDORF DA COSTA DE CALIFORNIA

Big Little Lies (HBO)

De que vai: Tres nais de distrito escolar millonetis teñen unhas vidas perfectas na aparencia, pero no fondo non son tan perfectas porque cada unha ten os seus problemas persoais e ademais de fondo hai un crime, como para lembrarnos que los ricos también lloran.
Por que mola: Agora que está tan de moda que os pais teñan grupos de whatsapp para discutir até o aborrecemento absolutamente todo o que pasa nas aulas dos seus fillos, e que son os pais os que fan os deberes e meten aos nenos en inglés aos seis meses porque nunca é cedo abondo, está ben que unha serie nos poña un espello diante para lembrarnos o ridículo que é todo iso. Tamén é moi revelador que as protagonistas desta serie sexan americanas e basicamente millonarias e teñan os mesmos valores que empezamos a ver aquí entre os progres. Se cadra temos que facernos mirar se iso de “eu só quero o mellor para os meus fillos” non será caer na lóxica individualista do capitalismo.
Por que non mola: as personaxes son odiosas e dá ganas de matalas a todas sen excepción, mesmo ás que nos primeiros capítulos pensas que poden ter un pase, pero a quén quero enganar, por iso é polo que mola.
A quen lle pode gustar: a fans do típico misterio nunha comunidade pequena, ao estilo da primeira tempada de Desperate Housewives.
Nota serióloga: ★★★☆☆


A ARCHIE SÁENLLE PELOS

Riverdale (The CW)

De que vai: Outra de “misterioso asasinato en comunidade pequena chea de secretos”, desta vez cos personaxes dos cómics de Archie levados á vida como protagonistas. Soa raro e é raro, pero o único que teñen en común os cómics de Archie coa serie é o aspecto físico e catro pinceladas de personalidade máis ben a trazo groso.
Por que mola: Máis que molar, diría que é entretida se che gustan os misterios que en vez de resolverse cada vez se enlean máis.
Por que non mola: Iso de coller personaxes de tebeo máis ou menos infantil e convertelos en adolescentes buenorros ten un aquel de mente enferma, ou son eu? Se cadra por iso tamén  todos os personaxes se ven terriblemente estereotipados e pouco cribles.
A quen lle pode gustar: A fans do xénero de asasinatos en comunidades pequenas cheas de secretos, desta vez máis do estilo de Pretty Little Liars, pola idade dos protagonistas.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆

A verdadeira traxedia é decatarse de que un dos protas é o fillo de Ross.

BASIC LUPINE UROLOGY II

Chicago Justice (NBC)

De que vai: A última incorporación á franquicia de Chicago de Dick Wolf. Despois dos policías, os médicos e os bombeiros, chegan o fiscal e os investigadores do fiscal para pechar o círculo e que poidamos ver non só cómo os bos apagan o incendio, curan os feridos e deteñen os culpables, senón tamén cómo despois de moito batallar conseguen meter os culpables no cárcere.
Por que mola: é un drama xudicial, coas súas testemuñas sorpresa e os seus culpables que resultan ser inocentes e viceversa, teño que dicir máis?
Por que non mola: polo de agora non ten moito matiz, os protagonistas son sempre os bos da historia e aqueles aos que acusan os malos.
A quen lle pode gustar: a incondicionais de Dick Wolf, xa sexa na versión neoiorquina de Law & Order ou na de Chicago. A fans dos dramas xudiciais, que veñen sendo os mesmos.
Nota serióloga: ★★★☆☆


THE GOOD WIFE PERO SEN WIFE

The Good Fight (CBS)

De que vai: Como o final de The Good Wife nos soubo a pouco aos seus fans, a CBS convenceu a Michelle e Robert King para producir o spin-off The Good Fight, cos mesmos personaxes e premisa pero quitándose do medio a Julianna Margulies, que xa estaba moi crecidita.
Por que mola: porque segue exactamente a mesma liña de The Good Wife, desta vez nun bufete de socios afro-americanos (e Diane Lockhart) que se reparten o tempo entre casos de dereitos civís e casos de pasta gansa. E sobre todo porque volven moitos dos mellores personaxes da anterior, aínda que sexa en calidade de artistas convidados, como Lucca, Elsbeth Tascioni, Marissa, David Lee e Howard. E contamos as horas para que apareza Eli Gold nalgunha historia.
Por que non mola: as protagonistas neste caso son Diane e Maia Rindell, unha avogada nova de familia pija que cae en desgraza cando meten ao seu pai na cadea por estafar os seus clientes ao estilo Madoff, e as dúas poden chegar a ser bastante insufribles no seu buenismo.
A quen lle pode gustar: esta é fácil, a fans de The Good Wife, por suposto. Realmente non sei se é moi doada de ver sen coñecer a serie da que parte.
Nota serióloga: ★★★★☆


SOÑAN OS COWBOYS ANDROIDES CON VACAS ELÉCTRICAS?

Westworld (HBO)

De que vai: Baseada na peli de Michael Crichton do 73 pero algo máis complexa, Westworld é un parque de atraccións dun futuro indeterminado, onde os visitantes que paguen unha millonada poden interactuar do xeito máis realista con robots que non parecen robots nun escenario de salvaxe oeste, até que algúns deses robots comezan a tomar consciencia e aquilo se converte no capítulo dos Simpsons no que os autómatas de Rascapiquilandia toleaban e se liaban a machetazos.
Por que mola: Teno todo: futuro tecnolóxico, salvaxe oeste, misterio, robots marcándose un Blade Runner, uns créditos de flipar e mesmo Anthony Hopkins e Ed Harris cagando por riba de case todos os outros actores.
Por que non mola: como ao final o que pode pasar cunha premisa así é bastante predicible se estás afeita á ciencia ficción, os guionistas sentiron a necesidade de enlealo todo moitísimo nos capítulos que levan á revelación final, e os xiros están ben nalgúns casos pero noutros dan a sensación de estar vendo a derradeira tempada de Lost.
A quen lle pode gustar: a fans da ciencia ficción especulativa e os futuros distópicos en xeral, aínda que deste futuro non coñecemos moito.
Nota serióloga: ★★★★☆


Até aquí as estreas para ver esta primavera (e mais Westworld). Se cadra estou eu máis repunante este ano, pero por agora non vin ningún Better Call Saul, ningún Fargo, Orphan Black ou The Americans. Se cadra a gran serie da primavera está á volta da esquina, en cuxo caso actualizarei a entrada, ou se cadra é certo que a terceira idade de ouro da televisión xa dá signos de esgotamento, quén sabe... De calquera forma, desfrutade do visto!





Sunday 12 March 2017

seis leccións da vida que aprendín con Buffy

Onte fixéronse vinte anos da estrea de Buffy the Vampire Slayer, e deixando á parte o vella que iso me fai, por fin me decidín a escribir a miña tan esperada entrada sobre a miña serie preferida, esa que moitas veces pasa desapercibida por ser de xénero e de adolescentes.
Lembro a primeira vez que vin Buffy, nunhas vacacións de Nadal. O primeiro que me enganchou debeu de ser no minuto dous do piloto, cando un guaperas se coaba pola noite no instituto cunha inocente damisela en apuros, e resulta que era el o que tiña que temer a damisela en apuros, que non era outra que unha vampira (que non vampiresa) de centos de anos.
Daquela só botaban Buffy na tele nas vacacións de Nadal e en Agosto, e era un suplicio agardar un ano enteiro para volver ver os mesmos doce capítulos repetidos intuíndo que nos Estados Unidos xa debían ir pola tempada 4 (si, rapaces e rapazas, a interné e o streaming non sempre existiron).


Vinte anos despois ha de ser a serie que máis veces vin, sobre a que máis lin e a que máis me inspirou na miña propia ficción. Se queredes outro día falo da calidade dos seus guións, de cómo chegou a introducir un vocabulario novo no corpus do inglés americano, ou do fresca que resultou na súa época con respecto a outra series “de maiores” moito máis moñas (diso xa falei un pouquiño aquí). Hoxe apetéceme falar de algo co que lle raiei a cabeza aos meus amigos máis dunha vez: todas as veces que Buffy me serviu para entender mellor a vida.
As mulleres tamén teñen tres dimensións

“Buffy: Seguro que era incrible. Puñan un vestido fabuloso e asistían a bailes, coma as princesas, e tiñan cabalos e criados e máis vestidos fabulosos.
Willow: Supoño. Con todo, creo que prefiro ter dereito ao voto.”

Buffy the Vampire Slayer T02E06 Halloween

Dicía o sempre encantador Alfred Hitchcock que as loiras dan as mellores vítimas porque son coma a neve virxe na que destacan as pegadas ensanguentadas. Parvadas coma esta deron pé ao estereotipo da loira parva e tamén aos milleiros de damiselas en apuros que durante décadas pereceron a mans de perversos asasinos tanto na pantalla grande como na pequena.
A principal idea de Joss Whedon co guión de Buffy a película, que despois a produtora estragou, era subverter ese tropo tan manido da loira relambida, parva e sexualmente activa que sempre morría de primeira nas películas de Wes Craven. Que unha muller fose a protagonista, e que fose ela quen rescatase ao home, non era nada novo (malia que si pouco habitual) na televisión: xa nos 60 Emma Peel daba caña e con frecuencia rescataba ao señor Steed en The Avengers, e nos 70 Wonder Woman fixo o propio, neste caso cunha némesis tamén feminina.
O que si mudou Whedon foi a percepción que até entón se tivera da heroína televisiva: Buffy non era unha figura idealizada, casta e surreal, senón unha adolescente máis con todos os defectos da típica adolescente: en ocasións superficial, mimada, pallasa e melodramática, facía que por primeira vez a heroína de acción fose humana, un espello no que calquera moza se podía mirar, e non o soño húmido dun guionista pajillero. Tamén lle quitou a moralina da que, aínda hoxe, se revisten as películas de terror supostamente modernas e superficiais: Buffy déitase cos seus mozos e ten experiencias boas, malas e regulares, pero o feito de ser sexualmente activa non a transforma automaticamente en albo do asasino en serie do momento.
E detrás de Buffy viu Faith, que decidiu tirar polo lado escuro, e Willow, que se converteu nunha bruxa poderosa e canalizou a enerxía de Buffy cara a todas cazadoras potenciais do mundo (iso si que é un empoderamento), e Cordelia, que era relambida e superficial e tamén sacaba boas notas e era ambiciosa, e Miss Calendar, que non era de todo honesta nin de todo falsa, e entre todas conformaron un tapiz que era difícil ver en personaxes femininas nas series dos 90 e que, a partir de Buffy the Vampire Slayer empezou a ser máis frecuente en televisión: de Veronica Mars a Rose Tyler e de Mary Stuart a Jessica Jones, todas as heroínas que superan o test de Bechdel lle deben algo a Buffy.
Entre estas loiras e esta loira hai un mundo.

O traballo en equipo vale máis que todos os superheroes do mundo
“Spike: Eu chámolle “o factor Yoko”. Non me digas que nunca oíches falar dos Beatles?
Adam: Oín. Gústame “Helter Skelter”.
Spike: Vaia sorpresa... O caso é que houbo un tempo no que foron realmente poderosos. Non esaxero se digo que dominaban o mundo. E cando se separaron todo o mundo culpou a Yoko, pero o certo é que foi o propio grupo o que se foi separando, a ela coincidiulle estar alí, nada máis.”

Buffy the Vampire Slayer T04E20 The Yoko Factor

Buffy the Vampire Slayer trata sobre unha rapaza normal de quince anos que un día recibe a misión de salvar o mundo. Pero do que trata, sobre todo, é de que unha soa non pode salvar o mundo. Un tema recorrente ao longo da serie é o da heroína illada do resto, de feito xa senta o tono de toda a serie no primeiro episodio que ten dúas partes (Wellcome to the Hellmouth e The Harvest): Buffy non quere que Xander e Willow a axuden a rescatar a Jesse porque é perigoso, despois de todo ela ten superpoderes e eles dous non, pero os outros insisten en axudar e só entre todos son quen de escapar dos vampiros.
Este motivo repítese en case todos os finais de tempada, mesmo na recta final da serie: Buffy afasta aos seus amigos e familia para protexelos, pero eles lle demostran que sen a axuda deles non hai xeito de que venza, parte da forza da cazadora é o feito de que non loita por un obxectivo abstracto como as forzas do ben, senón que o fai pola xente á que quere.
De todos os exemplos desta lección, o meu preferido é o último episodio da terceira tempada, cando Buffy se enfronta ao mellor malvado que tivo a serie, o alcalde Richard Wilkins III (que é o mesmo que o alcalde Richard Wilkins I e II). Neste caso os scoobies adestran a todo o instituto para se defender do alcalde e os seus secuaces no acto de graduación e, malia haber algunhas baixas (RIP Larry), o resultado é épico.

O coñecemento é poder
“Kendra: Podemos ir onda o teu vixilante a que nos dea instrucións.
Buffy: Eu non sigo instrucións, fago as cousas ao meu xeito.
Kendra: Daquela non me estraña que te mataran.”

Buffy the Vampire Slayer T02E10 What’s My Line part 2

Poucas series de acción vin nas que se investigue tanto como en Buffy. Os scoobies pasan boa parte de cada tempada estudando libros antigos na biblioteca, na casa de Giles ou na tenda de maxia, e ademais non fan nada por disimular o aburrido que resulta. Non hai montaxes nas que as agullas do reloxo pasan a toda velocidade e eles devoran libro tras libro ávidos de coñecementos, pero si moitas escenas nas que Xander tenta escaquearse, Buffy confunde os nomes dos seres mitolóxicos e Giles non se decata de qué monstro están buscando até que é demasiado obvio. Todo ese traballo ten a súa recompensa no campo de batalla, cando Buffy aplica o aprendido para vencer os monstros, pero tamén é parte das ensinanzas da serie: canto máis lemos e máis aprendemos, máis difícil é que nos puteen os malos, xa sexa os ficticios ou os que levan gravata.
A miña preferida de todas as escenas nas que investigan é, claro está, o derradeiro capítulo da tempada 4, no que despois de vencer a Adam os catro teñen pesadelos (en parte profecías, en parte sobre-simplificacións freudianas, e en parte un señor cunha bandexa de queixos). No seu soño, Giles está no Bronze con Willow e Xander, e sube ao escenario a cantar para explicarlles o que pensa que está acontecer e darlles instrucións do que deben buscar nos libros. Esta broma interna, que comezou porque o actor Anthony Head tamén era cantautor, desembocou despois no capítulo musical da sexta tempada Once More With Feeling, unha homenaxe aos musicais clásicos antes de que a todas as series lles dese por facer o mesmo sen ter a cultura de musical de Joss Whedon.
Non todas as investigacións son ortodoxas.

A vida laboral pode ser unha merda, mesmo para os superheroes
“Dawn: Non lle podes cobrar á xente inocente por salvarlles a vida.
Anya: Spiderman faino.
Dawn: Non tal!
Anya: Si tal!
Dawn: Xander?
Xander: A acción é a súa recompensa.
Anya: Por qué nunca te pos da miña parte?”

Buffy the Vampire Slayer T06E04 Flooded.

De acordo que isto non é nada que non soubésemos xa por Clark Kent ou Peter Parker, pero eles cando menos tiñan unha profesión “glamurosa”  (na altura) e ademais sempre acababan valéndose da súa identidade secreta para salvar a cara diante do xefe.
Buffy, pola contra dános unha lección máis realista en varios episodios da tempada 6: a que se pode dedicar unha rapaza que só estudou até a secundaria e sen experiencia ningunha? Nada de traballos glamurosos, desde logo. En Life Serial (T06E05) fai dúas tentativas de se incorporar ao mundo laboral ao seu alcance,unha como peón para a cuadrilla de construción de Xander e outra como dependenta para a tenda de Giles, ambas as dúas con desastrosos resultados, e aínda que os seus fracasos no episodio son provocados polos ridículos villanos Johnathan, Warren e Andrew, a ninguén se lle escapa a mensaxe que está detrás: a vida real é dura e non hai atallos máxicos.
Toda esa mensaxe aparece en case todos os capítulos da 6ª tempada, a primeira desde a morte de Joyce e tamén desde a morte (sobrenatural) da propia Buffy, para puntuar que quen naceu ao comezo da mesma foi a Buffy de carne e óso, a que se ten que preocupar polos gastos da casa en Flooded (T06E04) ou acaba traballando nunha hamburguesería como calquera outro mozo americano con educación básica en Doublemeat Palace (T06E12). O propio capítulo Normal Again (T06E17), no que Buffy alterna entre realidades (a que todos coñecemos e outra na que é unha rapaza normal que desvaría nun psiquiátrico) apunta ao mesmo: os monstros cos que loitamos na vida real, o desemprego, as débedas, o futuro incerto, son tan pouco interesantes como as arquinémesis da sexta tempada, pero iso non os fai menos perigosos nin tampouco menos reais.
O maior terror de calquera superheroe: pedir un crédito ao banco.

As nosas accións teñen consecuencias
“Buffy: Cala a boca! Sempre fas isto, convertes todo nunha historia para que ninguén sexa responsable de nada porque están seguindo un guión.
Andrew: Por favor, non me mates. Warren dixo que Jonathan ía estar ben, eu crino e perdín o meu mellor amigo.
Buffy: Non o perdiches, matáchelo.
Andrew: Xa o sei, pero non tes que matarme. Dixeches que podiamos superar isto...
Buffy: Mentín. Minto todo o tempo, en que clase de heroe me converte iso?
Andrew: Que va! Estás a facelo xenial, en serio. Moi ben.
Buffy: En serio? O certo é que non me gusta andar dando discursos sobre cómo todos imos sobrevivir, porque non o imos facer. Isto non é un conto no que os bos trunfan porque os bos sempre trunfan. Hai xente boa que vai morrer! As rapazas. Eu tamén, se cadra. Tí probablemente.  Agora, probablemente.”

Buffy the Vampire Slayer T07E16 Storyteller

Calquera que visite o meu perfil en tv.com verá que as dúas primeiras series do meu ranking son, por esta orde, Buffy the Vampire Slayer e Breaking Bad. Supoño que para moitos de vós isto será difícil de entender, porque na aparencia non hai dúas series máis distintas, pero realmente son tan distintas? No fondo, o tema das dúas é moi semellante: as consecuencias dos nosos actos atopan a forma de colarse por calquera fenda.
Mesmo me atrevería a dicir que o final (televisivo) de Buffy, con toda a súa épica sobrenatural, resultou máis realista có de Breaking Bad, onde Walter White inventaba unha ametralladora en plan McGyver, cargábase el soíño aos supremacistas, rescataba a Jesse e conseguía que a súa familia acadase a seguridade xurídica e financeira que tanto lle preocupaba.
En todo caso, xa vimos que en Buffy a maxia non o resolve todo. Desde o principio da serie Buffy ten que facer fronte aos problemas habituais dunha adolescente e a medida que vai madurando eses problemas fanse máis complexos, pero non é só Buffy a que ten que aceptar as consecuencias dos seus actos, desde o comezo todos os personaxes toman decisións que afectan á súa vida: Faith mata un home, e tense que enfrontar primeiro ao consello e despois aos seus amigos, con fuxida da xustiza incluída; Giles loita por atopar o seu lugar (e un emprego) cando é relegado das súas funcións de vixilante; Willow perde a Tara por culpa dunha adicción (é certo que a adicción de Willow á maxia está pintada con brocha gordísima e é unha liña argumental que non me importaría obviar, pero así e todo as consecuencias están aí); Anya e Xander non superan as dúbidas sobre a súa relación e rematan por romper, e despois no fantástico Selfless (T07E05) Anya ten que facer fronte á súa decisión de volver ao seu antigo traballo de demo vingador, e mesmo enfrontarse a Buffy.
Se hai un personaxe que exemplifica todo iso é Andrew, que pasa de tentar ser un supervillano na tempada 6, a protexido dos scoobies na 7. En Storyteller (T07E16), Andrew tenta fuxir das consecuencias dos seus actos procurando acubillo na fantasía que el mesmo se conta do que pasou desde que se volveu malo, pero Buffy esíxelle que se enfronte á realidade e que asuma esas consecuencias. Ao final do capítulo, Andrew asume a responsabilidade pola morte de Jonathan e, antes de apagar a cámara coa que está gravando todo o que acontece, explica que probablemente non sobreviva á batalla final, e que sen dúbida non merece facelo. Pero como a realidade non entende de xustiza, non é Andrew o que finalmente morre no derradeiro episodio.
Isto podería ter pasado...

A doutrina do medo
“Giles: Están confiscando os meus libros.
Buffy: Giles, precisamos eses libros.
Giles: Créme que xa llo tentei explicar ao amable señor da pistola.”

Buffy the Vampire Slayer T03E11 Gingerbread

Un dos capítulos que máis me gustan de Buffy é Gingerbread (T03E11). Nel, a cazadora atopa dous cativos mortos no parque e ten que investigar se un culto de bruxas está detrás do asasinato ritual. Pouco a pouco, o que semellaba un episodio máis de recheo mentres os scoobies se preparan para loitar contra o malo desa tempada, vaise convertendo nun estudo de corenta minutos sobre cómo funciona a doutrina do medo: o monstro desta semana non chucha o sangue nin arrinca a pel a tiras, o que fai é aproveitar un feito traumático para todos (poñamos por caso a morte de dous cativos nunha vila pequena ou un atentado terrorista en Europa), bombardear coas imaxes dos inocentes asasinados unha e outra vez, desde todos os ángulos, até que todos os pais de Sunnydale están tan hipnotizados que abandonan as súas conciencias particulares e pasan a ter mentalidade de enxame, e finalmente lanzar esa masa enfurecida necesitada de vinganza (que eles, convenientemente, chaman xustiza) contra os máis débiles, neste caso un grupo de mozas e mozos do instituto que tontean coa maxia branca. Durante todo o episodio xógase con imaxes poderosas, os “raritos” da escola acosados polos atletas, a policía facendo unha redada no instituto, a prohibición de libros perigosos... até a escena final, na que todos os cidadáns respectables se concentran na casa do concello, representativa da máxima autoridade local, para queimar ás bruxas nunha pira formada cos libros confiscados, ao estilo de Salem.
Gingerbread emitiuse por primeira vez o 12 de Xaneiro de 1999, pero eu volvo a el cada vez que as noticias tentan establecer unha causalidade entre as violacións en fin de ano e o aumento da migración, ou cando todos os xornais titulan unanimemente que uns monicreques fixeron apoloxía do terrorismo e até a alcaldesa progre da súa cidade pide que se actúe contra eles con todo o peso da lei. Gingerbread é un conto de fadas dentro dunha serie sobrenatural para adolescentes, pero antes que nada é un exemplo do que estamos a vivir case cada día nunha sociedade mediatizada, algo que Carrie Mathison explica moi ben na última tempada de Homeland, mentres a súa filla ve as imaxes en bucle dun atentado, emitidas por todas as televisións: "Iso vai saír todo o día na tele. Hoxe e mañá e ao día seguinte e o outro... E non o fan para contarlle á xente qué está pasando, fano para asustarnos".