Friday 8 November 2013

all work and no play... (outono 2013, a comedia)

Non vou ver todas as comedias que se estrearon este curso, nin sequera unha terceira parte. Non hai dereito a que ninguén pase polo suplicio de ver Sean Saves the World ou We Are Men, pero como serióloga teño que facer un sacrificio por vós, caro público, e por iso estas últimas semanas estiven vendo máis refritos de comedias de situación dos 90 dos que sería aconsellábel para unha persoa sensíbel coma min. E podo dicir con seguridade que a maioría delas son un truño. Aí vai a lista pormenorizada:

MACFARLANE’S CHAINSAW MASSACRE

Dads (Fox)


De que vai: dous programadores de videoxogos modernos, despreocupados e con cartos quéixanse de ter que compartir espazo cos seus pais, que non son nada modernos e non teñen un can, aínda que semellan máis despreocupados aínda cós fillos.
Por que mola: diría que porque ten actores moi versados na comedia (Seth Green,  Giovani Ribisi, Tonita Castro, Martin Mull), pero case dá máis rabia que non teñan unha serie mellor na que aproveitar o seu talento. No primeiro episodio hai un cameo de Dan Castellaneta (Homer Simpson) poñendo voces raras.
Por que non mola: Seth Macfarlane é demasiado branco, guapo e millonario como para que os seus chistes racistas e homófobos podan seguir sendo lidos en clave posmoderna. Agora mesmo só é un abusón de escola meténdose co máis débil, e esa fórmula aburre tanto por si soa que case nos fai esquecer outros horrores da serie, como as risas enlatadas.
A quen lle pode gustar: probabelmente a Peter Griffin, dubido que a ninguén máis.

Nota serióloga: ☆☆☆☆☆ (as estrelas son negras, isto significa 0 estrelas)

LOCA ACADEMIA DE SNL

Brooklyn Nine-Nine (Fox)


De que vai: unha comedia de situación nunha comisaría de policía, co axente que non segue as normas pero é encantador, o xefe duro que non se anda con coñas, o axente torpe, a axente bruta, a secretaria rara, etc...
Por que mola: porque ten actores tan guais como Andy Samberg e André Braugher, e algunha actriz nova da que hai estar moi pendente porque vai dar que falar (Chelsea Peretti). Tamén molan os gags que fan con artistas convidados como Fred Armisen.
Por que non mola: como acontece normalmente nas comedias, os primeiros episodios van por bo camiño pero aínda lle falta atopar o seu ritmo.
A quen lle pode gustar: a quen lle guste Andy Samberg e as curtas de Laser Cats de SNL, pero tamén a calquera que aprecie as comedias de unha cámara da última xeración, como The Office(NBC) ou Parks and Recreation.

Nota serióloga: ★★★★☆

BIG LOVE CON PROTAGONISTAS SIMPÁTICOS

Trophy Wife (ABC)


De que vai: unha moza sexy e alocada casa cun home que xa leva dúas ex-mulleres e tres fillos ao lombo, e por momentos semella que viven todos xuntos na mesma casa.
Por que mola: o da familia disfuncional pode parecer un argumento trillado, pero neste caso funciona. Os personaxes son moi graciosos e deseguida te enganchas con eles, e os nenos non resultan insoportábeis, o que, en televisión, é dicir moito. O piloto foi o mellor de todas as comedias novas con diferenza.
Por que non mola: os dous capítulos que seguiron o piloto baixaron un pouco o ton e o ritmo, e así e todo segue a ser a mellor comedia deste ano. Vaia, se cadra isto debería ir no “Por que non mola” de todas as outras...
A quen lle pode gustar: ao ser unha comedia familiar, abrangue un espectro máis amplo ca Brooklyn Nine-Nine, así que practicamente a calquera, especialmente a quen lle gustasen os primeiros episodios de Modern Family e agora xa estea até o carallo deles.

Nota serióloga: ★★★☆☆

NIN TODO O HISTRIONISMO DO MUNDO

The Crazy Ones (CBS)


De que vai: Robin Williams e Sarah Michelle Gellar son pai e filla e teñen unha axencia de publicidade na que asinan contratos millonarios con McDonalds e así...
Por que mola: malia que os guionistas deseñaron a serie sen máis premisa inicial que o talento de Williams e SMG, son os personaxes secundarios os únicos que aportan algo fresco. Hai actores novos moi brillantes e esperamos que a cancelen pronto para velos en series de máis calidade.
Por que non mola: imaxino todas as reunións de traballo na sala de guionistas comezando con esta frase: “Temos a Robin Williams, para que escribir? Que poña voces graciosas e xa... Alguén quere baixar ao bar?”
A quen lle pode gustar: non sei que dicir, a min gústame moito SMG e tolero bastante ben a Robin Williams, e nin así...

Nota serióloga: ★☆☆☆☆

SE É CERTO QUE VOLVEN OS 80, QUERO JACO PARA VER ISTO

The Goldbergs (ABC)


De que vai: É unha comedia familiar na que se supón que vemos como eran os 80 (para quen non o lembre) a través dos ollos dun neno repunante que se parece moito máis a Carlitos de Cuéntame que a Kevin Arnold.
Por que mola: diría que por ver a xente xogando con cubos de Rubik, polas cores flúor e continuas referencias a Flash Dance, E.T. ou The Goonies, pero como xa levamos case 10 anos metidos nun revival oitenteiro insoportábel, o raro sería non atopar ningunha desas cousas nunha comedia ambientada na actualidade.
Por que non mola: non ten nada demasiado horríbel, pero tampouco nada gracioso, en cada capítulo hai como moito un momento no que podes chegar a esbozar un medio sorriso. O neno pequeno é repulsivo e debe morrer.
A quen lle pode gustar: a quen vexa calquera cousa que dan pola tele con tal de que o formato sexa sitcom de 20 minutos.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆

LOS SERRANO CON PARKINSON

The Michael J. Fox Show (NBC)


De que vai: Michael J. Fox ten parkinson e unha familia televisiva.
Por que mola: Michael J. Fox (aka Alex Keaton aka Marty McFly aka Calvin Klein, ou Levis Strauss na versión dobrada) é dos poucos que souberon pasar de ídolos xuvenís a bos actores, malia gustarme máis cando fai de malo (The Good Wife), e a súa compañeira de reparto é Betsy “Jesus Christ Marie” Brandt.
Por que non mola: sitcom familiar, blabla, pai parvo e nai perfecta, blabla, tres fillos co patrón parvo-lista-entrañable, blabla, persoa de fóra do núcleo familiar (neste caso a cuñada) que crea conflito, blabla... O único que ten de orixinal é que o protagonista ten parkinson e fai chistes de parkinson.
A quen lle pode gustar: a fans incondicionais de Michael J. Fox.

Nota serióloga: ★★☆☆☆

TAKE CAR, GO TO MUM’S, KILL PHIL, GRAB LIZ, GO TO THE WINCHESTER...

Man Down (Channel 4)


De que vai: un desastre de profesor cuarentón que aínda vive cos seus pais tenta tomar as rendas da súa vida (to man up) para recuperar á súa moza. A premisa é moi parecida a Shaun of the Dead, pero sen zombis (polo de agora).
Por que mola: ten personaxes e situacións que lembran a The League of Gentlemen (canto a boto de menos). Os protagonistas son perfectos, e o pai de blabla é nada máis e nada menos que Rick FUCKING AWESOME Mayall, mundialmente coñecido por The Young Ones, Bottom e The New Statesman.
Por que non mola: ás veces confía demasiado nos chistes de caca-culo-pedo-pis, pero despois de todo son británicos.
A quen lle pode gustar: a fans de Rick Mayall, para empezar. A fans de The League of Gentlemen, The Inbetweeners e das comedias británicas en xeral.

Nota serióloga: ★★★★☆

A REACCIÓN DE CALQUERA DE NÓS Á TEORÍA DA CONSPIRACIÓN

The Wrong Mans (BBC Two)


De que vai: Sam colle a chamada dun móbil que se atopa nos restos dun accidente de tráfico, e por culpa diso el e o baldreu do seu amigo Phil vense sumidos nunha conspiración de alta escala.
Por que mola: Sam e Phil son moi críbeis no papel de pringaos que viron demasiadas películas de Hollywood. A conspiración en si é tan ridícula que engancha.
Por que non mola: sei que vai soar raro para estar a falar dunha comedia británica, pero algunhas partes son esaxeradas de máis.
A quen lle pode gustar: mais unha vez, a fans de Mayall e Edmonson, Wright e Pegg, The League of Gentlemen, e os grupos de humoristas británicos en xeral.

Nota serióloga: ★★★★☆

SITUACIÓNS EMBARAZOSAS (TAMÉN PARA O PÚBLICO)

Hello Ladies (HBO)


De que vai: un tipo que non liga porque ten cero habilidades sociais intenta ligar e métese en situacións violentas que fan que as mulleres ás que lle entra se sintan tan mal coma os espectadores na casa.
Por que mola: os actores que acompañan a Stephen Merchant na súa procura de amor son graciosos, máis nada. É a típica serie na que convén ten un ollo posto porque poida que se acabe convertendo nunha boa comedia despois duns cantos episodios.
Por que non mola: é unha nova versión de The Office, a comedia que nos fai sentir vergoña allea e ao mesmo tempo mágoa polo protagonista, mais sen o carisma de Ricky Gervais.
A quen lle pode gustar: a fans de Stephen Merchant e Ricky Gervais.


Nota serióloga:  ★★☆☆☆ (con reservas)

Friday 11 October 2013

vinte e pico mortes televisivas que chorei (segunda parte)

Por fin! Por fin! Xa está aquí a segunda parte da lista máis agardada do outono. Máis spoilers para todos:


10. Liz (Louie, Tempada 3 Episodio 13)
Mesmo para unha comedia tan marciana coma Louie, o personaxe de Liz sempre foi do máis raro, e a súa morte, absurda e tráxica a un tempo, foi o resumo do seu paso pola serie. Despois de pasar un ano máis ben horríbel (entre outras cousas a perda de Liz, que o facía feliz) Louie sube nun autobús cara ao aeroporto para pasar o fin de ano coa súa irmá e a familia, idea que non lle entusiasma. No autobús atópase con Liz, o que lle devolve a alegría de vivir por aproximadamente medio segundo, porque nese mesmo momento Liz comeza a sangrar polo nariz, debrúzase no chan e pouco despois morre, sen explicación. Que???


9. O Décimo Doutor (Doctor Who, Tempada 4 Episodio 18)
Isto ten un pouco de trampa porque todas sabemos que os Señores do Tempo se rexeneran, e que os distintos actores que interpretaron ao Doutor Who durante décadas non son máis ca reencarnacións do mesmo doutor, iso si, cada unha coa súa propia personalidade. Con todo, decidín meter o Décimo Doutor nesta lista porque: a) adoraba a David Tennant e odio con toda a miña alma a Matt Smith, que o substituíu, e b)semella que o Décimo é o único Doutor Who que ve a súa existencia coma un episodio finito, non unha reencarnación, por iso as súas palabras de despedida (“non quero marchar”) resultan tan dolorosas.


8. Coronel Henry Blake (M*A*S*H, Tempada 3 Episodio 24)
Despois de tres tempadas pasando por alto as monadas de Hawkeye e Trapper, e aturando a Klinger, o coronel Blake por fin se licencia e marcha de regreso á súa consulta privada en Illinois. Un lote de bicos, abrazos e final feliz... Que? Nunha serie que se estaba emitindo mentres o exército americano estaba aínda en Vietnam? Nin de broma. Os creadores de M*A*S*H  non tiñan ningunha necesidade de entrar aí, pero quixeron facelo igualmente: chavales, lembrade que na guerra non hai finais felices, pouco despois da saída de escena do coronel, Radar anuncia entre bágoas que o seu helicóptero foi abatido sobrevoando o mar de Xapón.


7. Bobby Singer (Supernatural, Tempada 7 Episodio 10)
A sétima tempada de Supernatural foi a peor da serie porque introduciu os estúpidos Leviathans, probabelmente os monstros máis cutres da historia televisiva (así que son super-poderosos, pódense metamorfosear en quen queiran, comen humanos e... mátanse con auga e xabón???). A sétima tempada, ademais, viu a morte do personaxe máis querido da serie, Bobby Singer, a figura paterna que Sam e Dean levaban buscando desde o primeiro episodio da serie. Por sorte, os guionistas de Supernatural déronlle a oportunidade de revivir momentos felices exercendo de pai de Sam e Dean no episodio da súa morte. E a súa frase de despedida, foi a que todos os fans agardábamos: “idjits!”


6. Dan Conner (Roseanne, Tempada 8 Episodio 23, descuberto na Tempada 9 Episodio 24)
Debéramos ter sospeitado cando a novena tempada de Roseanne (unha serie que xa teño louvado aquí por se manter fiel na súa representación da clase obreira) comezaba cos Conner gañando a lotaría e facéndose millonarios. Debéramos ter sospeitado máis aínda cando todo nesa tempada seguiu sendo ridículo: Dan recuperouse milagrosamente do seu ataque ao corazón da tempada anterior, Darlene tivo un bebé, Jackie atopou un príncipe azul que era realmente un príncipe, Steven Seagal salvou a Roseanne e Jackie dun grupo terrorista (como lo oyen!) e outra serie de catastróficas dichas... Así e todo, a todo o mundo colleulle por sorpresa que, despois de cagala tanto nunha soa tempada, no capítulo final da serie os guionistas decidiran marcarse un Dallas (tamén chamado un Los Serrano para os máis novos, aínda que persoalmente prefiro chamalo “xiro argumental do concurso de redacción de terceiro de E.X.B. da miña escola”): era todo un soño! Dan morrera, efectivamente, dun ataque ao corazón ao final da oitava tempada, e os acontecementos desde aquela (e algúns de tempadas anteriores) formaban parte do xeito en que Roseanne narrara a súa propia historia, cambiando o que non quería lembrar. Moitos anos despois Ian McEwan escribiu unha novela con basicamente o mesmo truco final, forrouse e, que eu saiba, ninguén o acusou de plaxio.


5. Omar Little (The Wire, Tempada 5 Episodio 8)
Omar foi un dos personaxes máis queridos de The Wire, probablemente porque estaba retratado con máis coidado que os outros personaxes do lumpen de Baltimore. A súa imaxe icónica, co abrigo e o rifle, e o seu código de honor tamén axudaron. O mesmo que os espectadores estaban da súa parte, os rapaciños das torres temíano e admirábano, agardando ser como el algún día (polo menos en case todo). Por iso foi máis chocante aínda que a súa morte chegase a man dun deses cativos, así, sen previo aviso, como acontecen as cousas en The Wire.


4. Sayid Jarrah (Lost, Tempada 6 Episodio 14)
A morte de Sayid non foi nin de lonxe tan tráxica como a de Jin e Sun ou a de Charlie, e iso é o que máis me saca de quicio. Sayid foi un dos mellores personaxes durante cinco tempadas (e o único que rompeu o pescozo dun inimigo cos pés mentres estaba maniatado e deitado no chan), até que na última os guionistas decidiron castigalo dándolle unha liña argumental de merda, volvéndoo malo sen razón aparente (resucitárono na piscina equivocad... perdón, que merda me estás contando???) e volvéndoo bo sen máis explicación no último minuto, para despois matalo nunha escena con bomba digna de Van Damme contra Jason, la precuela (vaia, grazas a algunha manobra de enxeñería incomprensíbel, se corto o cable que non é, en lugar de que non se pare a bomba ou que se detone inmediatamente, o que vai pasar é que conseguirei acelerar o reloxo os segundos xustos para que me sexa imposíbel escapar correndo, nin un máis nin un menos... por favor!). E por se non lles bastase con iso, tamén tiveron que desenterrar a súa memoria e mexar sobre ela cando, despois de establecer durante toda a serie que o amor da súa vida era  Nadia, no odioso capítulo final decidiron emparellalo PARA TODA A ETERNIDADE con Shannon, a estúpida que coñeceu na illa e que morreu pouco despois. Por todo iso eu maldígovos, Damon Lindelof e Carlton Cuse, e como desagravio meto a Sayid nun dos primeiros postos desta lista.


3. Joe Dubois (Medium, Tempada 7 Episodio 13)
As series de tema sobrenatural non son moi afortunadas amosando a vida cotiá dos protagonistas; as máis das veces remarcan a soidade do heroe e a imposibilidade para levar unha vida normal (como lles acontece a Sam e Dean en Supernatural), e en casos moi contados presentan unha visión idílica onde o resto do mundo existe para lle facilitar a vida á protagonista (Ghost Whisperer). O caso de Medium representaba o difícil equilibrio entre unha cousa e outra: os poderes de Allison creaban conflitos moi críbeis no fogar, especialmente co seu home, mais ao final do día Joe Dubois estaba alí para se deitar na cama a carón da súa muller e opinar, coa perspectiva materialista dun científico, sobre todas as taradeces que a ela lle aconteceran no seu mundo de pantasmas e visións.

Por iso foi duro que os guionistas decidisen matalo. Por iso e porque non era en absoluto necesario: nin o actor deixou a serie, nin había unha liña argumental que remataba coa súa morte, nin ten xustificación o horrendo derradeiro episodio, onde decidiron matar a Joe uns 40 anos (en tempo da serie) antes ca Allison, co cal non só nos despedimos de Jack Webber media hora (en tempo real) antes có resto dos seus compañeiros de rodaxe, senón que tivemos que padecer coa familia Dubois a devastación por perder ao pai nun accidente aéreo bastante sinistro. O feito de que Allison fose médium e non fose quen de se comunicar co seu home até morrer ela tamén, engádelle saña ao agravio.

Ás veces as mortes televisivas son conmovedoras porque están ben escritas e ben interpretadas, e outras, como é o caso, simplemente nos fan chorar porque son tan inxustas como na vida real.


2. Hank Schrader (Breaking Bad, Tempada 5B Episodio 6)
Na primeira parte desta lista incluín a Gale Boeticher porque era un personaxe que non queriamos perder e porque o capítulo no que morre está no meu top ten. Desde Gale, moitos outros personaxes perderon a vida en Breaking Bad, e algúns merecerían estar nesta lista (Mike, que tal por Belice, tío?) e se cadra a máis de un lle sorprende que este segundo posto non sexa para Walter White, pero escoiten isto:

Ao longo da serie Walt experimentou unha evolución persoal e *ehem* profesional que só podía rematar con el morto, e a pesar de todo eu coido que conseguiu unha resolución máis ou menos feliz, dentro das súas expectativas: amañouse para facerlle chegar aos seus fillos o que quedaba da súa fortuna, vingouse dos supremacistas que mataran a Hank e lle roubaran todo polo que traballou, fixo todo o que puido para eximir a Skyler de calquera culpa, perdooulle a vida a Jesse e mesmo, dalgunha forma, venceu o cancro morrendo dun tiro no peito.

E despois está Hank, que se mantivo recto e firme durante toda a serie, aturou reverentemente a Marie (#jesuschristmarie!), sobreviviu a unha bomba dentro dunha cabeza, a dous psicópatas mexicanos cunha hacha, e ao estrés post-traumático que viu con iso, e tivo tempo de ser un bo cuñado e unha figura paterna bastante mellor que Walt para Walter Jr. Hank, que soubo quen era Heisenberg só por casualidade, por ter un apretón no momento axeitado e no váter axeitado, pero que despois fixo un traballo incríbel para lle tender unha trampa coas poucas armas que tiña, e que rozou o seu obxectivo nesa última chamada a Marie. 

Hank marchou cunha das mellores frase de toda a serie: “You’re the smartest guy I’ve ever met and you’re too stupid to see he made up his mind ten minutes ago.” E eu chorei.


1.       Joyce Summers (Buffy the Vampire Slayer, Tempada 5 Episodios 15 e 16)
É a morte, ou a representación da morte, mellor rodada da historia da televisión. Primeiro porque nunha serie que trata do sobrenatural, dunha moza que enfronta a morte todos os días, é descorazonador que esta, a que máis lle importa de todas, sexa unha morte natural e que non a poida reverter, nin tan sequera vingar. Joyce Summers morre dunha complicación imprevista tras extirparlle un tumor cerebral, e Buffy chega a casa unha tarde soleada despois de loitar co monstro da semana e atópase coa súa nai fría, nun sofá. Títulos de crédito. Ese é un dos medos máis fondos que todos experimentamos, ese preguntarse “e se agora abro a porta e os meus pais están mortos?” e Joss Whedon retratouno con cero artificios.

O seguinte capítulo é un estudo da dor. Con planos tan pechados e fóra de sitio que resultan abafantes, Joss Whedon, que escribiu este capítulo despois de que a súa propia nai morrese de forma semellante, recolle as tentativas de Buffy por reanimala, primeiro chamando “mamá? que fas aí? mamá?” e despois, cando comeza a comprender o que acontece, un tembloroso “mami?” que me xeou o sangue. A chamada a emerxencias, a chegada da ambulancia, o radiante día de primavera, toda esa escena está rodada de forma tan desestruturada que resulta ben críbel para os que perdemos algún ser querido. Despois diso cadaquén lidia co dó ao seu xeito: Willow poñéndose histérica porque non atopa que poñerse para ir ao tanatorio, Anya facendo as preguntas fóra de lugar que normalmente se lle ocorren aos cativos en situacións así, Dawn querendo vela, querendo ver o corpo... O sobrenatural só está presente nos últimos minutos, e curiosamente só se usa como un pequeno recordatorio de que a vida continúa, e o capítulo é tan sobrio que podería tratarse de calquera drama conceptual deses que gañan os premios da crítica.

Eu sei que a moita xente non lle interesa en absoluto unha serie sobre unha animadora loira que persegue monstros, e que non pensan que está á altura de competir nas ligas de The Wire ou Breaking Bad. A todos eses recoméndolles sinceramente ver este episodio.


Thursday 12 September 2013

saber perder

Agárrense los machos! Xa sei que me tocaba a segunda parte (as dez primeiras) das mortes televisivas máis choradas, e anda por aí, a piques de saír do forno. Mentres agardamos, e como homenaxe a Fermín Cacho e todos os xornalistas españois, deportivos e non, acabo de sacarme da manga unha lista dos quince personaxes de serie que peor levaron o de perder en calquera tipo de competición. Spoilers, claro.

15. Joey Tribiani (Friends, Tempada 2 Episodio 18)
Cando Joey interpretaba ao afamado doctor Drake Ramoray en Days of Our Lives, subíuselle un pouco á cabeza, e nunha entrevista chegou a insinuar que era el o que escribía os seus guións. Os guionistas, eses seres vingativos que habitan nas tenebrosas terras de Mordor, decidiron que era unha aldraxe que non podían consentir e para o seguinte guión escribiron a morte do seu personaxe, facéndoo caer polo oco do ascensor coma un paspán (ou coma Rosalind Shays en L.A. Law). Joey non só non o levou moi ben, senón que tentou por todos os medios ficar en terra ou, xa postos, que algún dos compañeiros de reparto o acompañase naquela viaxe.


14. Jay Pritchett (Modern Family, Tempada 1 Episodio 19)
A serie empéñase en deixarnos claro que, malia ser dun país terceiromundista onde o único que hai son drogas e corrupción, Gloria e Manny están americanizados e teñen gustos refinados. Unha das cousas que saben facer ben é xogar ao xadrez (xa sabedes, ese deporte que só os intelectuais brancos deberían dominar, así que... sorpréndete espectador! Poñemos o teu mundo patas arriba con este asunto tan controvertido, uuuh!). Jay non xoga tan ben coma eles, e como non ten moi bo perder Gloria empéñase en deixarlle gañar, pero Manny non pode coa súa superioridade e acaba demostrando o bo que é.


13. Bender Bending Rodríguez (Futurama, Tempada 3 Episodio 7)
Ao comezo dun dos meus episodios favoritos de Futurama, Bender usa a Zoidberg para competir nun concurso de mascotas por 500 dólares (para Bender) e comida para cans (para Zoidberg). O Hipnosapo gana o concurso tras hipnotizar a todos os xuíces para que lle dean un 10. Zoidberg fai unha chea de trucos, cada vez máis complexos, pero os xuíces outórganlle o segundo posto, e Bender bótalle as culpas: “Second place? That’s just a fancy word for loser!”


12. Joel Fleishman (Northern Exposure, Tempada 4 Episodio 16)
O ter mal perder vai moito co carácter repunante de Joel Fleishman. Neste capítulo está xogando ao Risk con Marilyn, Ruth Anne e Maggie, tentando demostrar os seus coñecementos de estratexia militar. Cando Maggie ignora os seus consellos e consegue conquistar as súas tropas, Joel érguese da mesa anoxado dicindo que abandona o xogo, e dálle a volta á situación culpando a Maggie. Ela non soporta os malos perdedores, así que Fleishman leva unha bourada.


11. Sidney (Parenthood, Tempada 3 Episodio 9)
Os pais de Parenthood son unha banda de petardos que se deprimen porque os seus fillos baixan lixeiramente a nota en matemáticas ou non gañan o concurso de soletrar, pero nun episodio titulado axeitadamente “Sore Loser”, Sidney, unha cativa de 7 anos, vira en Joe Mcenroe cando perde nun xogo de mesa contra o seu pai. Por suposto, para o final do episodio todo está resolto e a nena amosa máis deportividade do que calquera adulto, viva a tele educativa!


10. Drew (Wilfred, Tempada 1 Episodio 6)
Wilfred convence a Ryan de que Drew non é bo abondo para Jenna e Ryan quérese aproveitar da cousa que máis lle molesta a Jenna de Drew para que corte con el. Desafía  a Drew a unha partida de tenis de mesa, que deseguida se converte nun desastre porque Drew é moi competitivo e non soporta perder. En principio Jenna pica e anóxase con Drew, pero a conciencia de Ryan métese no medio e quere arranxalo todo, así que Wilfred tenta envelenalo coa substancia máis perigosa xamais coñecida... polos cans: chocolate.


9. Leslie Knope (Parks and Recreation, Tempada 4 Episodio 17)
Na cuarta tempada de Parks and Rec Leslie preséntase a concelleira de Pawnee, e o seu rival político é Bobby Newport (Paul Rudd), un neno rico a quen lle importa un pito a vila. Cando Leslie comeza a gañarlle terreo xogando limpo, o pai de Bobby contrata como directora de campaña a Jennifer Barkley (Kathryn Hahn), que representa a podremia do sistema electoral estadounidense. Jennifer rouba a idea principal de Leslie para gañar o voto dos vellos, ridiculízaa en televisión, e despois dille que se a acusa de roubarlle a idea vai quedar ela mal, porque a ninguén lle gusta a xente que non sabe perder. Leslie, que efectivamente non sabe perder, cae na trampa de Hahn e tenta cambiar de tema nun debate en directo para que non a acusen de mala perdedora, e as consecuencias son aínda peores. Sempre lle quedará o consolo dunha tonelada de gofres con nata montada.


8. Dallas Royce (Suburgatory, Tempada 2 Episodio 14)
A guerra librada entre Dallas e Noah (a parte máis graciosa é cando Noah lle rouba o perruqueiro a Dallas e parece Mufasa, e ela ten que andar por aí con cinco gafas de sol na cabeza para tapar as raíces) escala até que Dallas se propón entrear un equipo de béisbol infantil para competir con Noah. Como non ten nin idea de cómo facelo, viste os cativos como unicornios que viven no arco da vella comendo nubes de golosina, pero ao final a rivalidade é máis forte ca ela e acábase convertendo nunha bruxa á que so lle importa que os seus nenos ganen, malia que sexa lesionando os outros.


7. Cliff Clavin (Cheers, Tempada 8 Episodio 14)
Cando o concurso Jeopardy se emite desde Boston, Cliff por fin ten a oportunidade de demostrar que todos eses datos triviais cos que ralla todo o día serven para algo. Por sorte para el, todas as categorías teñen que ver coas súas especialidades (incluídas “selos do mundo”, “curiosidades dos bares” e “celibato”). A estas alturas da lista xa imaxinaredes o que vai pasar,non si? Norm tamén o sabe, por moito que Cliff leve unha clara vantaxe no marcador, vai rematar facendo algo estúpido e perdendo, como finalmente acontece. E cando acontece acaba montándoa en directo.


6. O neno burbulla (Seinfeld, Tempada 4 Episodio 7)
Non sei cómo era nas vosas casas, pero na miña o que puña a tarxeta do Trivial ía á misa e era unha decisión inapelábel, xa contasen en billóns americanos ou tivesen grallas. O neno da burbulla non o toma tan ben cando George lle pregunta quén conquistou España no século VIII e por unha gralla na tarxeta a resposta non é “the Moors” senón “the Moops”, que non significa nada. Burbulla e todo, o neno tenta esganar a George, e no medio da liorta o seu medio estéril se despresuriza, co que remata no hospital por non saber recoñecer unha derrota.


5. Jeff Winger (Community, Tempada 1 Episodio 19)
O tema de non saber perder é moi recorrente con algúns personaxes de Community. En toda a segunda tempada Pierce non soporta que o grupo o exclúa das súas actividades, e elabora distintos plans para devolvérllela (“Advanced Dungeons and Dragons”, “Intermediate Documentary Filmmaking”) e na terceira é Chang o que segue ese camiño até rematar flanderizándose como tirano de Greendale. Pero se hai un mal perdedor no campus, ese é Jeff, e segundo el mesmo recoñece, débese a que a súa nai abusou un pouco do reforzo positivo e nunca lle fixo unha soa crítica (ola ke asen, madres neojipis!). En “Begginer Pottery”, Jeff matricúlase nunha clase de olería para obter créditos sen esforzo, pero acábase encirrando tanto porque hai un alumno máis guapo, máis listo e mellor ca el en todo (Greg Cromer) que rompe a única norma sobre a que o profesor de olería ten tolerancia cero: nada de imitar a escena de Ghost co torno, e moito menos cantar “Unchained Melody”.


4. Michael Scott (The Office, NBC, Tempada 6 Episodio 13)
Se non fose porque nos primeiros postos desta lista deixei a personaxes que causaron danos irreparábeis polo seu comportamento, o gañador sería Michael, así que supoño que é un paradoxo que tamén perda esta competición caseira. Todo o que fai, en case todos os capítulos, ten que ver con ser aceptado (que, no seu caso, pasa por ser o centro de atención) e cando algunha outra persoa recibe esa atención, colle unha perrencha e non hai quen o ature. Un dos mellores exemplos é cando Phyllis se pide facer de Pai Natal na festa da oficina, e el tenta negarse porque todos os anos o facía el. Como os compañeiros lle dan a razón a Phyllis, Michael péchase no despacho, customiza o traxe de Pai Natal, e volve convertido en Xesucristo, porque se Santa Claus é unha figura importante do Nadal, Xesucristo éo máis aínda.


3. Will Schuester e todo o Glee Club (Glee, Tempada 4 Episodio 9)
Practicamente todos os personaxes de Glee son mesquiños e ególatras, especialmente cando se trata de perseguir os seus soños, e como a maioría deles son adolescentes, vou dicir que o seu comportamento é culpa do seu modelo, o hiper-mesquiño e hiper-ególatra profesor Schuester, que lles ensina o mesmo ca un libro de auto-axuda: antepón as túas necesidades ás de calquera ser humano e así triunfarás na vida. Por iso non é sorprendente a súa reacción tras perder as ¿rexionais? ¿seccionais? ¿transversais?, whatever, unha desas competicións de canto que hai nos institutos americanos cada quince minutos, se temos que crer a Glee. O que pasou foi que Marley se desmaiou no escenario porque tiña problemas de bulimia (inducida por outra das alumnas do señor Schue, como non) e seica abandonar a competición, malia que sexa porque unha alumna se desmaia e hai que levala á enfermaría, supón a descualificación inmediata dos concursos escolares ianquis. Que foi o primeiro que fixo o señor Schue? Demostrar o gran pedagogo que é, máis preocupado porque os rapaces volvesen ao escenario para non perder que por Marley, e ao día seguinte deixar que os seus compañeiros lle montasen un cristo por desmaiarse e arruinar as súas posibilidades de gañar un concurso de merda (estaba diante e non abriu a boca). Por certo, por se a alguén lle interesa, a bulimia desapareceu maxicamente e non se volveu tratar o tema nos seguintes capítulos. Bonita lección, Glee.


2. Sir Gregor Clegane (Game of Thrones, Tempada 1 Episodio 5)
Polo que eu sei, Xogo de Trolls está chea de tolos sanguinarios que violan e asasinan por deporte.Un deles é Sir Gregor Clegane, e tampouco leva moi ben o da deportividade. Cando un coitado cabaleiro (cabaleiro abofé, que anda por aí regalándolle rosas ás rapazas) o derrota nunha xusta, o tipo agarra tal perrencha que comeza a machetadas (espadadas?) con todo o mundo, comezando polo seu propio cabalo, meu pobre, até que outro tipo grande lle para os pés. Como vedes fixen os deberes.


1. Doutor Horrible (Doctor Horrible’s Sing-Along Blog)
Alto aí. Se nunca vistes Doctor Horrible’s Sing-Along Blog, antes de seguir lendo facede o seguinte: ide á cociña, collede a tixola máis grande que teñades e golpeádevos na cabeza con ela repetidas veces, porque iso é o que merecedes. Despois mirade Doctor Horrible’s Sing-Along Blog, e despois xa podedes ler isto, que ten un spoiler importante, o mesmo que o vídeo que o acompaña. Aquí o que ten mal perder é o protagonista, o entrañábel mestre do crime que non é quen de matar unha mosca. Por desgraza, encírrase tanto coa idea de vencer por unha vez e para sempre o seu arqui-inimigo, o petardo Captain Mal Reynolds Hammer, que no proceso acaba matando o amor da súa vida. Un musical con final triste, ese é o meu Josh Weddon!



Tuesday 3 September 2013

vinte e pico mortes televisivas que chorei (primeira parte)

Aviso para navegantes.
Acabo de volver das vacacións e xa ando con outra lista na cabeza. Porque a tempada de verán viu cargada de mortes televisivas, desde todas as ridículas de Under the Dome, até as dolorosas de ver, como o brûlé de Eric a les fines neiges en True Blood (máis vos vale que iso só sexa un puteo e non pasase realmente, guionistas de True Blood!) ou as tráxicas mortes de Ray Seward e de Bullet, a mellor personaxe de The Killing con diferenza (e que se parece moitísimo a unha rapaza que me ven polo bar, co cal desde que vin o capítulo da súa morte conmóvome estrañamente cada vez que me pide unha caña, e danme ganas de pregarlle que nunca, baixo ningunha circunstancia, se suba a ningún taxi). No medio de todas esas, a metamorte de James Gandolfini, que encaixa tanto dentro do seu personaxe de Tony Soprano que case dá medo (teño pendente un post sobre como a canción “Don’t Stop Believing” de Journey está máis maldita ca Rosemary’s Baby, xa van dous actores principais de series onde ese tema tivo un gran protagonismo que morren en estrañas circunstancias).

O caso é que con este andazo de pasamentos  viume á cabeza aquela lista de personaxes que merecían ser atropelados por un trailer (por que, no nome de Zeus, esquecín a Betty Draper daquela?) e pensei en facer unha diferente, coas mortes televisivas que lamentei (esta última é máis longa, para demostrar que non son un monstro sen corazón). Chanquetes aparte, é certo que a morte dun personaxe de ficción ao que sigo todas as semanas me pode impactar máis cá da unha persoa real que non coñezo de nada. Se cadra non é bonito, pero coido que é xustificable, porque os sentimentos que espertan en nós eses personaxes si que son moi humanos. Lembro cómo chorei cando souben da morte de Joey Ramone, ou cómo aínda se me escapa unha bágoa cando vexo o video-clip homenaxe a Joe Strummer, pero non sentín nada diso cando me dixeron que morrera o primo terceiro do meu avó, que seguramente sería unha gran persoa, pero non aportou nada á miña existencia.

Sexa como for, houbo personaxes aos que eu chorei amargamente cando nos deixaron para sempre uns centos de minutos antes cós seus co-protagonistas, o mesmo que chorei os seus desenganos amorosos, despedimentos e tamén as súas vodas. Velaquí a miña lista:

20. Nicole Chapman (Fame, Tempada 6 Episodio 11)


Malia non estar na serie desde o principio, Nicole era unha das miñas personaxes preferidas de Fame, supoño que porque como nena me identificaba máis facilmente con ela que co resto de mulleres máis seguras e fortes da serie. O coñazo de episodio no que todos choran a súa morte nun accidente de tráfico estaba pensado como unha desas películas educativas da escola: se bebes non conduzas. A min, as circunstancias exactas do seu pasamento resultáronme determinantes á hora de lembrar poñer sempre o cinto de seguridade.

19. Maggie Gioverti (Falcon Crest, Tempada 9 Episodio 1)


Unha das máis antigas desta lista, e que me causou moita impresión de cativa. Despois de ser un personaxe aburridísimo durante anos, Maggie Gioverti, agora señora de Richard Channing, disfruta dun baño na piscina da súa mansión cando o pedrusco do seu anel de diamantes se engancha no filtro do fondo, e non é quen de quitalo. Mentres, Richard sae da prisión, encamíñase a casa sen sospeitar nada, recibe as duras novas na porta, e por algunha estraña razón un paxaro morre en Biafra e un neno corre cara el, na que pode ser a montaxe máis terríbel da historia da televisión.

18. Bleeding Gums Murphy (The Simpsons, Tempada 6 Episodio 22)



Nin Maude Flanders nin Snowball I, II e III. A morte máis chorada dos Simpson foi a do músico de jazz Bleeding Gums Murphy, que lle aprendeu a Lisa a sentir o saxo e que despois de morrer aparecéuselle no ceo (xunto con algúns outros personaxes doblados por Constantino Romero) para darlle sorte no seu recital.

17. Aileen Morgan (Homeland, Tempada 2 Episodio 7)


Mira que hai listas coma esta en internet e en ningunha delas fun capaz de atopar a Aileen, a terrorista autóctona de Homeland que decidiu suicidarse antes de pasar a vida nunha cela de illamento. O seu personaxe espertou dúbidas interesantes, como por exemplo qué fan os Estados Unidos cando os malvados terroristas que queren acabar coa torta de mazá e os Chevrolet non teñen turbante, senón que son da casa, e para colmo rapazas loiras de ollos claros (non hai moito misterio aí, métenos en Guantánamo, como a calquera outro). O mellor, aparte da súa morte planeada (da que xa falei polo miúdo aquí), foron as dúas conversas que tivo con Saul: a primeira, cando el a detivo e tentou “evanxelizala” nunha viaxe por estrada, e ela deixoulle claro que as súas conviccións, fosen as que fosen, eran dela, e que non se trataba dunha meniña influenciábel á que islamizara o mozo a pirolazos. A segunda conversa, para min a mellor, cando el a foi visitar a á prisión de máxima seguridade na que a metera, e malia mandar xente alí todos os días, o axente da CIA non tiña nin idea das condicións nun lugar así.

16. Gregory (The Americans, Tempada 1 Episodio 10)



Estou convencida de que The Americans vai ser considerada unha serie de culto no futuro, así que non teño problema para meter a Gregory nesta lista, malia aparecer só nunha presada de episodios. Gregory é un personaxe polo que todos nos inclinamos desde o primeiro minuto (un Black Panther que axuda a unha axente do KGB coa que tamén está liado nunha relación aberta? eu digo que é un partidazo!), un tipo duro onde os haxa, e cando Claudia (outra das favoritas) lle fixo unha visita no seu piso franco e puidemos palpar o seu medo, todos o pasamos tan mal coma el. Despois, o seu conmovedor discurso pedíndolle a Elizabeth unha saída digna como combatente que era, e o final apoteósico do episodio, contrastaron coas mortes menos cerimoniosas de outros personaxes aparentemente máis heroicos como o estúpido axente Amador ou o coitado Vlad.

15. Salvatore “Big Pussy” Bonpensiero (The Sopranos, Tempada 2 Episodio 13)



Nas seis tempadas de The Sopranos hai unha chea de mortes impactantes, final aberto incluído. Moita xente dirá que a máis tráxica foi a de Adriana por ser familia directa de Tony e porque o capítulo da súa morte foi moi sentimental, sobre todo por estar tan centrado nas decisións de Chris coma nas da propia Adriana. Para min a máis graciosa foi a de Jimmy Altieri por ser o perfecto equilibrio entre traxedia e comedia (“you smell like Paco Rabanne crawled up your ass and died”) que se deixaba ver nos mellores momentos da serie. Pero sen dúbida a que supuxo un punto sen retorno para Tony foi ter que matar o seu amigo e man dereita “Pussy” Bonpensiero, o que fai que o seu recordo siga perseguindo a todos en moitos episodios trala súa morte.

14. Unhas cantas mortes en Urxencias (E.R.)

Como bo culebrón, E.R. foi responsábel de centos de mortes televisivas nas súas quince tempadas en antena, algunhas delas moi curiosas.


Lembro a de Lucy Knight porque a forma en que decidiron matala foi máis creativa do normal: un psicópata é admitido en urxencias o 14 de febreiro, e como Lucy lle fai dano ao lle facer unha punción lumbar, el decide devolverlla... co coitelo da torta de San Valentín. (Tempada 6 Episodios 13 e 14)


Tamén está o capítulo de moralidade ambigua, na que un home tirotea unha casa de acollida porque perdeu a custodia do seu cativo. Despois de que mate a varios nenos e adultos, a policía fíreo. Cando está só no ascensor co doutor Greene, camiño do quirófano, entra en parada, e o bo doutor acende o desfibrilador pero descarga as pás no ar, a uns centímetros do peito do tío, mirando con cara de anxo vingador mentres o home morre lentamente. (Tempada 7 Episodio 22)


Pero como os dramas dos 90 tiñan un sentido hamurábico da xustiza, os deuses da tele non tardaron en darlle un cancro terminal ao doutor Greene, e a súa morte en Hawai en brazos da súa muller a doutora Cordey, e a carta que posteriormente ela mandou á equipa de Urxencias para comunicarlles o pasamento, foron dúas das escenas que si me fixeron chorar. (Tempada 8 Episodios 20 e 21)


O doutor Romano, o Cartman de E.R.,  era un dos meus personaxes preferidos, e a súa morte foi un pouco demasiado: primeiro, nunha evacuación de emerxencia, a aspa dun helicóptero rebanoulle un brazo, co que non puido volver operar; despois, nun xiro de (in)xustiza poética, noutra das moitas situacións de desastre que se vivían no County General, outro helicóptero rematouno ao lle caer enriba. E para culminar o agravio, a doutora Weaver, que decote era o obxecto das súas burlas homófobas, usou os cartos do seu seguro para fundar un programa médico para homosexuais. (Tempada 10 Episodio 8)


Malia ser bastante canónica, E.R. durou tanto que ás veces se podían permitir dedicar algúns capítulos a experimentar, con puntos de vista pouco habituais ou escollas visuais estrañas. Un deses episodios trataba dun ex-preso (Ray Liotta) que ía morrer ao servizo de Urxencias, e estaba narrado en tempo real. Dicir que foi un dos episodios que mellor lembro de 331 que houbo explica porqué está nesta lista. (Tempada 11 Episodio 6)

13. Lane Pryce (Mad Men, Tempada 5 Episodio 12)



Os fans de Mad Men gustan das teorías conspiranoicas. A deste ano, que non se realizou malia que eu aínda defendo que é plausíbel para a vindeira tempada, era que Megan Draper ía atopar unha morte moi semellante á de Sharon Tate a mans da familia Manson, e todo por unha escolla moi acertada de vestiario. A tempada pasada, todos os presaxios de morte apuntaban a Pete Campbell ou a Roger Sterling, pero finalmente foi Lane Pryce o que nos deixou dun xeito máis ben patético, iso si, despois de tentar unha saída tráxica e grandilocuente como el era: quíxose suicidar usando o tubo de escape do seu novo Jaguar, unha metáfora perfecta para culpar a conta publicitaria que o levara á ruína, pero no último minuto o motor do coche fallou, non foi quen de amañalo, e rematou aforcándose na súa oficina, convertendo así unha saída “digna” nun engorro para todos os seus compañeiros (unha serie de metáforas visuais que poderían ter sido moi torpes pero que Christopher Manley dirixiu con sutileza).

12. Os dinosaurios. TODOS os dinosaurios (Dinosaurs, Tempada 4 Episodio 7)



Moitas veces as series infantís tentan achegar a temática da morte aos cativos para preparalos para aceptar unha parte fundamental da condición humana. Isto faise con fins máis didácticos ca lúdicos, e normalmente os educadores detrás da serie escollen a morte dunha mascota ou dun personaxe secundario (que de seguro é moi ancián e viviu unha vida plena e feliz) para ilustrar o sentimento de perda dunha forma non demasiado traumática para os espectadores.

Despois están os xenios criminais detrás da serie infantil Dinosaurs, que decidiron matar dous paxaros dun tiro e resolver os contidos transversais da morte e o respecto polo medio ambiente nun só capítulo, e de paso aterrorizaron a toda unha xeración amosando non só a morte de todos os protagonistas da serie senón a extinción completa dunha especie. Coido que é a primeira vez que vemos a morte dun bebé (dinosaurio si, pero tamén antropomorfizado) en horario infantil.

11. Gale Boetticher (Breaking Bad, Tempada 3 Episodio 13)


De acordo que Gale tiña que morrer no excelente episodio “Full Measure” porque a outra opción sería que morrese Walt, e daquela aínda non estabamos preparados para iso (por non falar de que remataría a serie) pero Gale era un tipo tan entrañable que é difícil non botalo de menos: inventou un cachivache para facer o café perfecto, idolatraba a Walter White, lía a Stephen King e a Marx, e cantaba “Crapa Pelada” en (ehem) perfecto italiano. Como recordo ao seu (inmortal) xenio, e para pechar esta primeira parte nunha nota alegre, velaí o vídeo completo da súa sesión de karaoke:


Friday 2 August 2013

os meus Emmy (a comedia)

Penso que facer comedias de calidade é máis complicado que facer dramas, porque están moito máis limitadas polo formato. Os produtores españois atoparon a fórmula de chiste sexual/escatolóxico, falar a berros e personaxes estereotipados (o andaluz gracioso, o gay amanerado, o obreiro ignorante pero de bo corazón, o inmigrante co que todos se meten pero de buen rollo, oiga, que tó er mundo e güeno..) e de aí non se moven.  Na galega reinaron Os Tonechos durante nonseicantos anos, e eses si que non saían do estereotipo. Mesmo cando alguén tentou facer cousas distintas, como os Chévere (a idea orixinal de Pepe o Inglés era moi boa), o produto rematou en mans da TVG e virou en máis tonechismo e máis do mesmo.

Na televisión americana tamén é máis doado atopar calidade no drama. Se pos a tele á hora na que están botando Two And A Half Men ou 2 Broke Girls, poderías pensar que no único que evolucionou a sitcom americana desde Lucille Ball é que agora se pode dicir “clítoris” en horario protexido, pero no medio dese panorama tamén hai cousas boas e honestas. Se cadra por iso os Emmy de comedia me amolan máis aínda cós de drama. Que clase de persoa vota a Modern Family catro anos seguidos como mellor comedia, cando non pasou nada desde o episodio tres da primeira tempada (ollo, os datos son aproximados, puido ser no episodio catro)? Hai tempo, nunha das miñas reseñas semanais que tiven que deixar por falta de rego, escribín o argumento “base” de calquera episodio de Modern Family, e o triste é que a día de hoxe segue a ser válido para calquera episodio da serie:

Houbo un conflito que se resolveu satisfactoriamente antes de que rematase o capítulo, Gloria berrou e fixo honor ás súas orixes humildes e temperamentais, Jay comportouse como un vello rosmón, Phil Dunphy fixo algo estúpido e a parella gay tivo unha discusión sobre sobrepeso e ter a razón. E ao final a voz en off de algún deles explicou que o importante é a familia e estar todos unidos.

Contra este tedio, existen comedias que si nos sorprenden, e para elas van ir todas as miñas candidaturas...


Mellor comedia

Non podo con que Girls sexa candidata no apartado de comedia. En realidade non podo con nada desa serie, comezando pola súa protagonista, á que xa lle dera un disputado segundo posto no meu ranking de personaxes de series que deben morrer, pero en todo caso debería competir na categoría de drama. Lena Dunham, por se non o sabías, a túa comedia non é tal. Desta vez colaron a Louie nos seis finalistas porque a avalancha de louvanzas que recibe é demasiado grande para ser ignorada, mesmo polas mentes pequeniñas dos votantes dos Emmy. Este ano igual lle cae o premio a 30 Rock pola súa despedid... nah, que parvadas digo, vaino levar Modern Family, coma sempre.

En todo caso, velaquí as miñas candidatas:


Mellor actor principal na categoría de comedia

O mesmo que Girls, House of Lies non é unha comedia. Non falo de que non teña graza, é que non penso que se poida cualificar de comedia, por iso non sei que pinta Don Cheadle nesta categoría. Jim Parsons xa aburre, e a nova tempada de Arrested Development é case tan terríbel como a nova tempada de Community (aquí non hai sorpresas, Community non pasou o corte, o mesmo ten que sexa horríbel que xenial, todo o mundo odia a Dan Harmon).  Gracias ao ceo Jon Cryer non é candidato esta vez.

Os meus candidatos:

Louis C.K. (Louie)
Matthew Perry (Go On)
Jake Johnson (New Girl)
Elijah Wood (Wilfred)
Matt LeBlanc (Episodes)
Adam Scott (Parks and Recreation)


Mellor actriz principal na categoría de comedia

Noooon! Lena Dunham non! Despois disto non podo dicir máis nada. Ou si, con Tina Fey pásame como con Jim Parsons, non é que non o mereza, só que me aburre vela sempre aí. Contra as outras escollidas non teño nada, pero eu creo que hai quen o merece máis que Julia Louis- Dreyfus e Eddie Falco.

As miñas candidatas:

Amy Poehler (Parks and Recreation)
Laura Dern (Enlightened)
Martha Plimpton (Raising Hope)
Zooey Deschanel (New Girl)
Krysten Ritter (Don’t Trust the B**** in Apt. 23)
Melissa McCarthy (Mike and Molly)*

*Mike & Molly é meh, pero Melissa McCarthy é absolutamente adorábel en todo o que fai.


Mellor actor de reparto na categoría de comedia

Ugh. Modern Family.

Os meus candidatos:

Nick FUCKING AWESOME Offerman (Parks and Recreation)
John Cho (Go On)
Jason Gann (Wilfred)
Bill Hader (Saturday Night Live)
Danny Pudi (Community)
Donald Glover (Community)

Sei o que acabo de dicir. Community foi horríbel este ano, pero Troy e Abed deberían ser SEMPRE candidatos dos Emmy. De feito, nova norma dos Seriologgy™:  Troy e Abed sempre serán candidatos a mellor actor de reparto.


Mellor actriz de reparto na categoría de comedia

Pensar que lle van volver dar un premio a Julie Bowen fíxome vomitar na boca un pouquiño. Polo demais, é como se esta xente non vise as mesmas comedias que vexo eu.

As miñas candidatas:

Carly Chaikin (Suburgatory)
Aubrey Plaza (Parks and Recreation)
Dorian Brown (Wilfred)
Cheryl Hines (Suburgatory)
Cobie Smulders (How I Met Your Mother)
Julie White (Go On)


Como sempre, o mellor para o final. Este ano houbo comedias moi boas e cousas pasables, pero non esquezamos que este tamén foi o ano no que se estrearon as peores comedias da historia, e aínda que por sorte a maioría non han volver en outubro, paga a pena celebralas como se merecen, cos Seriologgy™ á peor comedia da televisión. Pero estas non foron as únicas: tamén hai comedias que volveron este curso e que nunca tiñan que ter volto...

Velaquí as candidatas a peor comedia

The New Normal - prometía controversia e diversidade e desde o minuto 1 foi un festival de estereotipos digno de Telecinco (a parella gay –un serio, limpo e ordenado e o outro unha loca, como non-, a vella facha, a nena rarita, a pailana de bo corazón...)

Guys With Kids - Si, amigos, ía exactamente diso, de tíos que exercen de pais, o que seica algún executivo da NBC considera unha premisa hilarante para unha comedia no século XXI, en fin...

The Neighbors - unha familia nada graciosa que vive nun barrio onde todos os veciños son extraterrestres con nomes de deportistas famosos... por que?

1600 Penn - Bill Pullman é o presidente dos Estados Unidos e a súa familia non é nada graciosa, e o menos gracioso de todos é o seu fillo “o gracioso”, ao que dan ganas de hostiar desde a primeira até a última escena.

Whitney – A Whitney Cummings, que tamén é responsábel do seguinte truño desta lista, parécenlle graciosos os mesmos equívocos propios dunha sociedade sexista que eran a base do humor das comedias dos anos 50. Non vin nada tan rancio desde Friends.

2 Broke Girls – Kat Dennings mira á cámara de esgueira, berra algún chiste que rima con “vaxina” e despois espera a que o montador insira as risas enlatadas. Fundido a negro. Kat Dennings mira á cámara de esgueira, berra algún chiste vagamente racista e despois espera a que o montador insira as risas enlatadas. And so on.

Two And A Half Men – O ano pasado os guionistas fixéronnos un favor e mataron o personaxe de Charlie Sheen (ou máis ben Charlie Sheen suicidouse). Podemos seguir nesta boa racha e matar, por favor nesta orde e antes de que comece a tempada que ven, a Jon Cryer, Ashton Kutcher, o puto neno, a nai, a criada, e todos os guionistas?

Até aquí os candidatos aos Seriologgy™. Se sodes bos e votades, en setembro faremos a gala de entrega de premios, canda os Emmy.