Friday 4 April 2014

a Apocalipse séntavos tan ben...

Por aclamación popular (preguntáronme dous colegas qué pasaba) vou retomar o blog nunha nota pedante:

Cosy catastrophe é un termo acuñado por críticos literarios para se referir ás novelas distópicas de John Wyndham, nas que un feito apocalíptico acababa con gran parte da poboación, pero os protagonistas (xente educada de clase media) non o pasaban demasiado mal para sobrevivir. Despois dalgunhas aventuras perigosas adoitaban atopar un lugar idílico no que vivir do campo sen esforzo, estaban ben abastecidos de auga, alimentos básicos, combustible e entretemento e, polo xeral, fundaban unha sociedade utópica na que todos eran bastante felices.

Nada que ver coas series apocalípticas que invaden as cadeas de televisión nos últimos anos. Nada que ver? Os protagonistas destas series enfrontan perigos terríbeis, pasan fame e teñen dilemas morais, e nalgún momento ou outro todos pasan por perruquería e vestiario antes de se volver enfrontar coa catástrofe.  É case como se en lugar de se enfrontar á fin do mundo, só estivesen rodando unha serie, haha.  

Se me desen a escoller eu viviría nunha apocalipse de John Whyndam (The Day of the Triffids, por exemplo), pero por se acaso non o tedes claro, e coa miña vocación de servizo público, velaquí a miña clasificación exhaustiva dos mundos apocalípticos da tele actual, con pros e contras coma nas páxinas de viaxes.

The Walking Dead – Apocalipse zombi

Localización: Estados Unidos, que é onde pasa todo, nos primeiros meses despois dun andazo de “este muerto está muy vivo”.

A favor: Os zombis teñen un cute de merda e non se lavan moito, pero mentres esteas viva non che han faltar as cremas da cara, porque todas as mulleres desta serie teñen ese resplandor en base nude con pos mate e blush en tonos naturais que só a Apocalipse che pode dar. Non quero nin empezar a falar da abundancia de produtos Pantene en todas as tendas saqueadas que os superviventes visitan, porque mirade que volume, por dios.


Tamén hai que ter en conta que, malia vivir nun mundo no que o terror irrompeu no cotiá, os protagonistas teñen humor abondo para seguir a celebrar o Halloween, como evidencia o disfrace de soldada putilla que leva Rosita, unha das novas fichaxes recén saída dos cómics.


En contra: Rick Grimes espertou dun coma nun hospital devastado, descubriu que os mortos volvían á vida e comían xente, e non sabía onde estaba a súa familia. Con todo, o primeiro que fixo este fenómeno foi ir á súa antiga comisaría e... coller armas? Non. Aprovisionarse de comida e auga? Tampouco... O das armas e a comida foi despois, porque o primeiro que fixo, o máis importante, foi poñer o seu uniforme de shériff e o seu gorro, como ten que ser. Apocalipse si, pero no con estos pelos. 

O que me leva á seguinte dedución: despois de que os zombis e as milicias tolas tomen o control da terra, segues tendo que depilarte. Para iso loitei eu pola supervivencia da humanidade? No lado bo, diría que todas as casas nas que recalan as nosas intrépidas aventureiras foron abastecidas con centos de Silk-Épil pola Iniciativa Dharma, porque, o mesmiño que en Lost, os machos non teñen forma de barbearse pero as mulleres van tal que así:

Estes acabados non se conseguen coa navalla de Hershel.

Relación calidade prezo: se ben é certo que nalgún momento estiveron a piques de comer comida de gatos, ao final a providencia sempre acaba por poñelos no camiño dunha despensa chea de Nutella ou como mínimo un coello ao espeto. Boas comunicacións, porque seguen usando o coche, e unha vez que os zombis están baixo control, as condicións de vida son máis que aceptábeis. Cada poucos capítulos hai unha purga de personaxes innecesarios, pero mentres un se manteña no círculo de elixidos, pouco ten que temer.

RevolutionApocalipse tecnolóxica

Localización: Suponse que o mundo enteiro pero, a quen queremos enganar, Estados Unidos, despois do apagamento de todas as fontes de enerxía eléctrica. Todas? Chachaaan...

A favor: para ser un mundo sen electricidade, hai que dicir que os difusores a pedais funcionan moi pero que moi ben. Aí vai unha mostra:


A verdade é que deixei de prestar atención antes que rematase a primeira tempada, pero até onde vin vivían moi ben, tanto os malos, cos seus despachos untuosos e os seus candelabros, coma os bos, na súa comunidade neo-hippy de ambiente rústico.

Estilo neo-colonial e estilo rústico, as dúas tendencias post-apocalípticas máis "in"

Despois resulta que toda a electricidade morreu a non ser que teñas uns aparellos de tecnoloxía punta chamados “nanitos”, non é coña, que che dan o control total sobre todas as cousas a pilas. Así que se parece bastante á nova factura da luz: a non ser que sexas un privilexiado, vas ter que vivir con velas.

En contra: Revolution ten a manía de matar as personaxes así que comezan a coller algo de profundidade, como fixo na primeira tempada con Maggie (a doutora que levaba unha petaca de whisky envelenado no bolso, así por se acaso), así que para sobrevivir é mellor non destacar demasiado. A outra opción é ser sobriña de Miles Matheson. Así si, por moito que fagas o imbécil, sempre podes contar co bo do tío Miles para irche rescatar facendo parkour.

Relación calidade prezo: un dos problemas dos malos de Revolution é que as veces ameazan con torturar. Con todo, este é o aspecto da mazmorra e a cara que se che queda despois de que o fagan, así que se cadra se trata dun reconfortante tratamento de thalasso-tortura...


Falling Skies – Apocalipse extraterrestre

Localización: Repetide comigo: Estaaaaados Uniiiiiidos de Ameeeerica. Que viñeron uns extraterrestres malos e teñen a poboación terrícola sometida y ya tal.

A favor: Sen dúbida algunha, a perruquería. Entre ataque e ataque marciano danche reflexos, alísanche o pelo, aplícanche mascarillas nutritivas... O que ti queiras.

Unha mañá calquera, xa non digamos resaca mediante, levántome eu moito máis apocalíptica ca estas titis.

En contra: os marcianos pódenche capturar e meterche no lombo unha especie de espiña dorsal fosforescente que fai cousas raras. Se cha intentan quitar vas jodido, porque o resultado é case sempre mortal, pero por outra banda, con ela posta loces así de sexy:


Relación calidade prezo: o de ter que andar de nómade seguindo roteiros da Guerra Civil Americana cansa un pouco, pero se che gustan os LARP esta é definitivamente a túa Apocalipse, porque os diferentes grupos de superviventes fanse chamar como as compañías do exército confederado dos EUA e pasan a vida revivindo batallitas.

The 100 – Apocalipse nuclear

Localización: The 100 é a máis nova incorporación á longa lista de series apocalípticas e trata dun grupo de rapaces que son enviados á terra (Estados Unidos, mais unha vez) uns cen anos despois dun inferno nuclear para ver se é habitable. Os maiores fican nunha estación espacial bastante cotroñenta que orbita polo espazo.

A favor: Durante os cen anos que pasaron na estación espacial, os terrícolas claramente estiveron tonteando co ADN, porque todos os adolescentes da serie son incriblemente guapos, atléticos e con pelaso.

Así é como loces despois de pasar anos nunha prisión interestelar e caer á terra nunha nave avariada.

Os que están na terra levaban tempo pechados en celas na estación espacial, así que o cambio é considerablemente mellor malia non ter comida nin refuxios. Cando aterraron non había rastro do deserto nuclear, todo estaba mesto e florido, a auga semellaba potable e os ríos tiñan tan boa pinta coma este:


Tamén, falos por doquier:


A estación espacial é bastante confortable, ten algúns problemas de mantemento, pero non han ser importantes cando teñen gravidade en todos os puntos.

En contra: Eu preocuparíame un pouco por isto:


Os que están na estación espacial teñen algunhas restricións na política social (só un fillo por familia), son bastante estritos coa delincuencia, e están quedando sen osíxeno, o que con sorte significará que farán algunha especie de sorteo ou xogos da fame para ver a quen matan. Yuhu, Circo Romano!

Relación calidade prezo:  a estación espacial é un pouco mierder, pero os que están na terra poden facer o que queren, polo xeral, aínda que teñen que ter coidado de non entrar nos límites dalgúns humanoides con lanzas que habitan agora o planeta, pero, considerando que as súas lanzas non provocan feridas mortais malia atravesarche o peito e que eles tampouco parecen moi listos, sempre podes probar a mercarlles a selva a cambio dun par de chaveiros brillantes.

A típica ferida non mortal.

Isto é todo por hoxe. Hai moitas máis series apocalípticas con pelo limpo, pero sen dúbida estas son as máis confortables para vivir. Sede bos e feliz fin do mundo.