Showing posts with label Homeland. Show all posts
Showing posts with label Homeland. Show all posts

Sunday, 12 March 2017

seis leccións da vida que aprendín con Buffy

Onte fixéronse vinte anos da estrea de Buffy the Vampire Slayer, e deixando á parte o vella que iso me fai, por fin me decidín a escribir a miña tan esperada entrada sobre a miña serie preferida, esa que moitas veces pasa desapercibida por ser de xénero e de adolescentes.
Lembro a primeira vez que vin Buffy, nunhas vacacións de Nadal. O primeiro que me enganchou debeu de ser no minuto dous do piloto, cando un guaperas se coaba pola noite no instituto cunha inocente damisela en apuros, e resulta que era el o que tiña que temer a damisela en apuros, que non era outra que unha vampira (que non vampiresa) de centos de anos.
Daquela só botaban Buffy na tele nas vacacións de Nadal e en Agosto, e era un suplicio agardar un ano enteiro para volver ver os mesmos doce capítulos repetidos intuíndo que nos Estados Unidos xa debían ir pola tempada 4 (si, rapaces e rapazas, a interné e o streaming non sempre existiron).


Vinte anos despois ha de ser a serie que máis veces vin, sobre a que máis lin e a que máis me inspirou na miña propia ficción. Se queredes outro día falo da calidade dos seus guións, de cómo chegou a introducir un vocabulario novo no corpus do inglés americano, ou do fresca que resultou na súa época con respecto a outra series “de maiores” moito máis moñas (diso xa falei un pouquiño aquí). Hoxe apetéceme falar de algo co que lle raiei a cabeza aos meus amigos máis dunha vez: todas as veces que Buffy me serviu para entender mellor a vida.
As mulleres tamén teñen tres dimensións

“Buffy: Seguro que era incrible. Puñan un vestido fabuloso e asistían a bailes, coma as princesas, e tiñan cabalos e criados e máis vestidos fabulosos.
Willow: Supoño. Con todo, creo que prefiro ter dereito ao voto.”

Buffy the Vampire Slayer T02E06 Halloween

Dicía o sempre encantador Alfred Hitchcock que as loiras dan as mellores vítimas porque son coma a neve virxe na que destacan as pegadas ensanguentadas. Parvadas coma esta deron pé ao estereotipo da loira parva e tamén aos milleiros de damiselas en apuros que durante décadas pereceron a mans de perversos asasinos tanto na pantalla grande como na pequena.
A principal idea de Joss Whedon co guión de Buffy a película, que despois a produtora estragou, era subverter ese tropo tan manido da loira relambida, parva e sexualmente activa que sempre morría de primeira nas películas de Wes Craven. Que unha muller fose a protagonista, e que fose ela quen rescatase ao home, non era nada novo (malia que si pouco habitual) na televisión: xa nos 60 Emma Peel daba caña e con frecuencia rescataba ao señor Steed en The Avengers, e nos 70 Wonder Woman fixo o propio, neste caso cunha némesis tamén feminina.
O que si mudou Whedon foi a percepción que até entón se tivera da heroína televisiva: Buffy non era unha figura idealizada, casta e surreal, senón unha adolescente máis con todos os defectos da típica adolescente: en ocasións superficial, mimada, pallasa e melodramática, facía que por primeira vez a heroína de acción fose humana, un espello no que calquera moza se podía mirar, e non o soño húmido dun guionista pajillero. Tamén lle quitou a moralina da que, aínda hoxe, se revisten as películas de terror supostamente modernas e superficiais: Buffy déitase cos seus mozos e ten experiencias boas, malas e regulares, pero o feito de ser sexualmente activa non a transforma automaticamente en albo do asasino en serie do momento.
E detrás de Buffy viu Faith, que decidiu tirar polo lado escuro, e Willow, que se converteu nunha bruxa poderosa e canalizou a enerxía de Buffy cara a todas cazadoras potenciais do mundo (iso si que é un empoderamento), e Cordelia, que era relambida e superficial e tamén sacaba boas notas e era ambiciosa, e Miss Calendar, que non era de todo honesta nin de todo falsa, e entre todas conformaron un tapiz que era difícil ver en personaxes femininas nas series dos 90 e que, a partir de Buffy the Vampire Slayer empezou a ser máis frecuente en televisión: de Veronica Mars a Rose Tyler e de Mary Stuart a Jessica Jones, todas as heroínas que superan o test de Bechdel lle deben algo a Buffy.
Entre estas loiras e esta loira hai un mundo.

O traballo en equipo vale máis que todos os superheroes do mundo
“Spike: Eu chámolle “o factor Yoko”. Non me digas que nunca oíches falar dos Beatles?
Adam: Oín. Gústame “Helter Skelter”.
Spike: Vaia sorpresa... O caso é que houbo un tempo no que foron realmente poderosos. Non esaxero se digo que dominaban o mundo. E cando se separaron todo o mundo culpou a Yoko, pero o certo é que foi o propio grupo o que se foi separando, a ela coincidiulle estar alí, nada máis.”

Buffy the Vampire Slayer T04E20 The Yoko Factor

Buffy the Vampire Slayer trata sobre unha rapaza normal de quince anos que un día recibe a misión de salvar o mundo. Pero do que trata, sobre todo, é de que unha soa non pode salvar o mundo. Un tema recorrente ao longo da serie é o da heroína illada do resto, de feito xa senta o tono de toda a serie no primeiro episodio que ten dúas partes (Wellcome to the Hellmouth e The Harvest): Buffy non quere que Xander e Willow a axuden a rescatar a Jesse porque é perigoso, despois de todo ela ten superpoderes e eles dous non, pero os outros insisten en axudar e só entre todos son quen de escapar dos vampiros.
Este motivo repítese en case todos os finais de tempada, mesmo na recta final da serie: Buffy afasta aos seus amigos e familia para protexelos, pero eles lle demostran que sen a axuda deles non hai xeito de que venza, parte da forza da cazadora é o feito de que non loita por un obxectivo abstracto como as forzas do ben, senón que o fai pola xente á que quere.
De todos os exemplos desta lección, o meu preferido é o último episodio da terceira tempada, cando Buffy se enfronta ao mellor malvado que tivo a serie, o alcalde Richard Wilkins III (que é o mesmo que o alcalde Richard Wilkins I e II). Neste caso os scoobies adestran a todo o instituto para se defender do alcalde e os seus secuaces no acto de graduación e, malia haber algunhas baixas (RIP Larry), o resultado é épico.

O coñecemento é poder
“Kendra: Podemos ir onda o teu vixilante a que nos dea instrucións.
Buffy: Eu non sigo instrucións, fago as cousas ao meu xeito.
Kendra: Daquela non me estraña que te mataran.”

Buffy the Vampire Slayer T02E10 What’s My Line part 2

Poucas series de acción vin nas que se investigue tanto como en Buffy. Os scoobies pasan boa parte de cada tempada estudando libros antigos na biblioteca, na casa de Giles ou na tenda de maxia, e ademais non fan nada por disimular o aburrido que resulta. Non hai montaxes nas que as agullas do reloxo pasan a toda velocidade e eles devoran libro tras libro ávidos de coñecementos, pero si moitas escenas nas que Xander tenta escaquearse, Buffy confunde os nomes dos seres mitolóxicos e Giles non se decata de qué monstro están buscando até que é demasiado obvio. Todo ese traballo ten a súa recompensa no campo de batalla, cando Buffy aplica o aprendido para vencer os monstros, pero tamén é parte das ensinanzas da serie: canto máis lemos e máis aprendemos, máis difícil é que nos puteen os malos, xa sexa os ficticios ou os que levan gravata.
A miña preferida de todas as escenas nas que investigan é, claro está, o derradeiro capítulo da tempada 4, no que despois de vencer a Adam os catro teñen pesadelos (en parte profecías, en parte sobre-simplificacións freudianas, e en parte un señor cunha bandexa de queixos). No seu soño, Giles está no Bronze con Willow e Xander, e sube ao escenario a cantar para explicarlles o que pensa que está acontecer e darlles instrucións do que deben buscar nos libros. Esta broma interna, que comezou porque o actor Anthony Head tamén era cantautor, desembocou despois no capítulo musical da sexta tempada Once More With Feeling, unha homenaxe aos musicais clásicos antes de que a todas as series lles dese por facer o mesmo sen ter a cultura de musical de Joss Whedon.
Non todas as investigacións son ortodoxas.

A vida laboral pode ser unha merda, mesmo para os superheroes
“Dawn: Non lle podes cobrar á xente inocente por salvarlles a vida.
Anya: Spiderman faino.
Dawn: Non tal!
Anya: Si tal!
Dawn: Xander?
Xander: A acción é a súa recompensa.
Anya: Por qué nunca te pos da miña parte?”

Buffy the Vampire Slayer T06E04 Flooded.

De acordo que isto non é nada que non soubésemos xa por Clark Kent ou Peter Parker, pero eles cando menos tiñan unha profesión “glamurosa”  (na altura) e ademais sempre acababan valéndose da súa identidade secreta para salvar a cara diante do xefe.
Buffy, pola contra dános unha lección máis realista en varios episodios da tempada 6: a que se pode dedicar unha rapaza que só estudou até a secundaria e sen experiencia ningunha? Nada de traballos glamurosos, desde logo. En Life Serial (T06E05) fai dúas tentativas de se incorporar ao mundo laboral ao seu alcance,unha como peón para a cuadrilla de construción de Xander e outra como dependenta para a tenda de Giles, ambas as dúas con desastrosos resultados, e aínda que os seus fracasos no episodio son provocados polos ridículos villanos Johnathan, Warren e Andrew, a ninguén se lle escapa a mensaxe que está detrás: a vida real é dura e non hai atallos máxicos.
Toda esa mensaxe aparece en case todos os capítulos da 6ª tempada, a primeira desde a morte de Joyce e tamén desde a morte (sobrenatural) da propia Buffy, para puntuar que quen naceu ao comezo da mesma foi a Buffy de carne e óso, a que se ten que preocupar polos gastos da casa en Flooded (T06E04) ou acaba traballando nunha hamburguesería como calquera outro mozo americano con educación básica en Doublemeat Palace (T06E12). O propio capítulo Normal Again (T06E17), no que Buffy alterna entre realidades (a que todos coñecemos e outra na que é unha rapaza normal que desvaría nun psiquiátrico) apunta ao mesmo: os monstros cos que loitamos na vida real, o desemprego, as débedas, o futuro incerto, son tan pouco interesantes como as arquinémesis da sexta tempada, pero iso non os fai menos perigosos nin tampouco menos reais.
O maior terror de calquera superheroe: pedir un crédito ao banco.

As nosas accións teñen consecuencias
“Buffy: Cala a boca! Sempre fas isto, convertes todo nunha historia para que ninguén sexa responsable de nada porque están seguindo un guión.
Andrew: Por favor, non me mates. Warren dixo que Jonathan ía estar ben, eu crino e perdín o meu mellor amigo.
Buffy: Non o perdiches, matáchelo.
Andrew: Xa o sei, pero non tes que matarme. Dixeches que podiamos superar isto...
Buffy: Mentín. Minto todo o tempo, en que clase de heroe me converte iso?
Andrew: Que va! Estás a facelo xenial, en serio. Moi ben.
Buffy: En serio? O certo é que non me gusta andar dando discursos sobre cómo todos imos sobrevivir, porque non o imos facer. Isto non é un conto no que os bos trunfan porque os bos sempre trunfan. Hai xente boa que vai morrer! As rapazas. Eu tamén, se cadra. Tí probablemente.  Agora, probablemente.”

Buffy the Vampire Slayer T07E16 Storyteller

Calquera que visite o meu perfil en tv.com verá que as dúas primeiras series do meu ranking son, por esta orde, Buffy the Vampire Slayer e Breaking Bad. Supoño que para moitos de vós isto será difícil de entender, porque na aparencia non hai dúas series máis distintas, pero realmente son tan distintas? No fondo, o tema das dúas é moi semellante: as consecuencias dos nosos actos atopan a forma de colarse por calquera fenda.
Mesmo me atrevería a dicir que o final (televisivo) de Buffy, con toda a súa épica sobrenatural, resultou máis realista có de Breaking Bad, onde Walter White inventaba unha ametralladora en plan McGyver, cargábase el soíño aos supremacistas, rescataba a Jesse e conseguía que a súa familia acadase a seguridade xurídica e financeira que tanto lle preocupaba.
En todo caso, xa vimos que en Buffy a maxia non o resolve todo. Desde o principio da serie Buffy ten que facer fronte aos problemas habituais dunha adolescente e a medida que vai madurando eses problemas fanse máis complexos, pero non é só Buffy a que ten que aceptar as consecuencias dos seus actos, desde o comezo todos os personaxes toman decisións que afectan á súa vida: Faith mata un home, e tense que enfrontar primeiro ao consello e despois aos seus amigos, con fuxida da xustiza incluída; Giles loita por atopar o seu lugar (e un emprego) cando é relegado das súas funcións de vixilante; Willow perde a Tara por culpa dunha adicción (é certo que a adicción de Willow á maxia está pintada con brocha gordísima e é unha liña argumental que non me importaría obviar, pero así e todo as consecuencias están aí); Anya e Xander non superan as dúbidas sobre a súa relación e rematan por romper, e despois no fantástico Selfless (T07E05) Anya ten que facer fronte á súa decisión de volver ao seu antigo traballo de demo vingador, e mesmo enfrontarse a Buffy.
Se hai un personaxe que exemplifica todo iso é Andrew, que pasa de tentar ser un supervillano na tempada 6, a protexido dos scoobies na 7. En Storyteller (T07E16), Andrew tenta fuxir das consecuencias dos seus actos procurando acubillo na fantasía que el mesmo se conta do que pasou desde que se volveu malo, pero Buffy esíxelle que se enfronte á realidade e que asuma esas consecuencias. Ao final do capítulo, Andrew asume a responsabilidade pola morte de Jonathan e, antes de apagar a cámara coa que está gravando todo o que acontece, explica que probablemente non sobreviva á batalla final, e que sen dúbida non merece facelo. Pero como a realidade non entende de xustiza, non é Andrew o que finalmente morre no derradeiro episodio.
Isto podería ter pasado...

A doutrina do medo
“Giles: Están confiscando os meus libros.
Buffy: Giles, precisamos eses libros.
Giles: Créme que xa llo tentei explicar ao amable señor da pistola.”

Buffy the Vampire Slayer T03E11 Gingerbread

Un dos capítulos que máis me gustan de Buffy é Gingerbread (T03E11). Nel, a cazadora atopa dous cativos mortos no parque e ten que investigar se un culto de bruxas está detrás do asasinato ritual. Pouco a pouco, o que semellaba un episodio máis de recheo mentres os scoobies se preparan para loitar contra o malo desa tempada, vaise convertendo nun estudo de corenta minutos sobre cómo funciona a doutrina do medo: o monstro desta semana non chucha o sangue nin arrinca a pel a tiras, o que fai é aproveitar un feito traumático para todos (poñamos por caso a morte de dous cativos nunha vila pequena ou un atentado terrorista en Europa), bombardear coas imaxes dos inocentes asasinados unha e outra vez, desde todos os ángulos, até que todos os pais de Sunnydale están tan hipnotizados que abandonan as súas conciencias particulares e pasan a ter mentalidade de enxame, e finalmente lanzar esa masa enfurecida necesitada de vinganza (que eles, convenientemente, chaman xustiza) contra os máis débiles, neste caso un grupo de mozas e mozos do instituto que tontean coa maxia branca. Durante todo o episodio xógase con imaxes poderosas, os “raritos” da escola acosados polos atletas, a policía facendo unha redada no instituto, a prohibición de libros perigosos... até a escena final, na que todos os cidadáns respectables se concentran na casa do concello, representativa da máxima autoridade local, para queimar ás bruxas nunha pira formada cos libros confiscados, ao estilo de Salem.
Gingerbread emitiuse por primeira vez o 12 de Xaneiro de 1999, pero eu volvo a el cada vez que as noticias tentan establecer unha causalidade entre as violacións en fin de ano e o aumento da migración, ou cando todos os xornais titulan unanimemente que uns monicreques fixeron apoloxía do terrorismo e até a alcaldesa progre da súa cidade pide que se actúe contra eles con todo o peso da lei. Gingerbread é un conto de fadas dentro dunha serie sobrenatural para adolescentes, pero antes que nada é un exemplo do que estamos a vivir case cada día nunha sociedade mediatizada, algo que Carrie Mathison explica moi ben na última tempada de Homeland, mentres a súa filla ve as imaxes en bucle dun atentado, emitidas por todas as televisións: "Iso vai saír todo o día na tele. Hoxe e mañá e ao día seguinte e o outro... E non o fan para contarlle á xente qué está pasando, fano para asustarnos".

Tuesday, 3 September 2013

vinte e pico mortes televisivas que chorei (primeira parte)

Aviso para navegantes.
Acabo de volver das vacacións e xa ando con outra lista na cabeza. Porque a tempada de verán viu cargada de mortes televisivas, desde todas as ridículas de Under the Dome, até as dolorosas de ver, como o brûlé de Eric a les fines neiges en True Blood (máis vos vale que iso só sexa un puteo e non pasase realmente, guionistas de True Blood!) ou as tráxicas mortes de Ray Seward e de Bullet, a mellor personaxe de The Killing con diferenza (e que se parece moitísimo a unha rapaza que me ven polo bar, co cal desde que vin o capítulo da súa morte conmóvome estrañamente cada vez que me pide unha caña, e danme ganas de pregarlle que nunca, baixo ningunha circunstancia, se suba a ningún taxi). No medio de todas esas, a metamorte de James Gandolfini, que encaixa tanto dentro do seu personaxe de Tony Soprano que case dá medo (teño pendente un post sobre como a canción “Don’t Stop Believing” de Journey está máis maldita ca Rosemary’s Baby, xa van dous actores principais de series onde ese tema tivo un gran protagonismo que morren en estrañas circunstancias).

O caso é que con este andazo de pasamentos  viume á cabeza aquela lista de personaxes que merecían ser atropelados por un trailer (por que, no nome de Zeus, esquecín a Betty Draper daquela?) e pensei en facer unha diferente, coas mortes televisivas que lamentei (esta última é máis longa, para demostrar que non son un monstro sen corazón). Chanquetes aparte, é certo que a morte dun personaxe de ficción ao que sigo todas as semanas me pode impactar máis cá da unha persoa real que non coñezo de nada. Se cadra non é bonito, pero coido que é xustificable, porque os sentimentos que espertan en nós eses personaxes si que son moi humanos. Lembro cómo chorei cando souben da morte de Joey Ramone, ou cómo aínda se me escapa unha bágoa cando vexo o video-clip homenaxe a Joe Strummer, pero non sentín nada diso cando me dixeron que morrera o primo terceiro do meu avó, que seguramente sería unha gran persoa, pero non aportou nada á miña existencia.

Sexa como for, houbo personaxes aos que eu chorei amargamente cando nos deixaron para sempre uns centos de minutos antes cós seus co-protagonistas, o mesmo que chorei os seus desenganos amorosos, despedimentos e tamén as súas vodas. Velaquí a miña lista:

20. Nicole Chapman (Fame, Tempada 6 Episodio 11)


Malia non estar na serie desde o principio, Nicole era unha das miñas personaxes preferidas de Fame, supoño que porque como nena me identificaba máis facilmente con ela que co resto de mulleres máis seguras e fortes da serie. O coñazo de episodio no que todos choran a súa morte nun accidente de tráfico estaba pensado como unha desas películas educativas da escola: se bebes non conduzas. A min, as circunstancias exactas do seu pasamento resultáronme determinantes á hora de lembrar poñer sempre o cinto de seguridade.

19. Maggie Gioverti (Falcon Crest, Tempada 9 Episodio 1)


Unha das máis antigas desta lista, e que me causou moita impresión de cativa. Despois de ser un personaxe aburridísimo durante anos, Maggie Gioverti, agora señora de Richard Channing, disfruta dun baño na piscina da súa mansión cando o pedrusco do seu anel de diamantes se engancha no filtro do fondo, e non é quen de quitalo. Mentres, Richard sae da prisión, encamíñase a casa sen sospeitar nada, recibe as duras novas na porta, e por algunha estraña razón un paxaro morre en Biafra e un neno corre cara el, na que pode ser a montaxe máis terríbel da historia da televisión.

18. Bleeding Gums Murphy (The Simpsons, Tempada 6 Episodio 22)



Nin Maude Flanders nin Snowball I, II e III. A morte máis chorada dos Simpson foi a do músico de jazz Bleeding Gums Murphy, que lle aprendeu a Lisa a sentir o saxo e que despois de morrer aparecéuselle no ceo (xunto con algúns outros personaxes doblados por Constantino Romero) para darlle sorte no seu recital.

17. Aileen Morgan (Homeland, Tempada 2 Episodio 7)


Mira que hai listas coma esta en internet e en ningunha delas fun capaz de atopar a Aileen, a terrorista autóctona de Homeland que decidiu suicidarse antes de pasar a vida nunha cela de illamento. O seu personaxe espertou dúbidas interesantes, como por exemplo qué fan os Estados Unidos cando os malvados terroristas que queren acabar coa torta de mazá e os Chevrolet non teñen turbante, senón que son da casa, e para colmo rapazas loiras de ollos claros (non hai moito misterio aí, métenos en Guantánamo, como a calquera outro). O mellor, aparte da súa morte planeada (da que xa falei polo miúdo aquí), foron as dúas conversas que tivo con Saul: a primeira, cando el a detivo e tentou “evanxelizala” nunha viaxe por estrada, e ela deixoulle claro que as súas conviccións, fosen as que fosen, eran dela, e que non se trataba dunha meniña influenciábel á que islamizara o mozo a pirolazos. A segunda conversa, para min a mellor, cando el a foi visitar a á prisión de máxima seguridade na que a metera, e malia mandar xente alí todos os días, o axente da CIA non tiña nin idea das condicións nun lugar así.

16. Gregory (The Americans, Tempada 1 Episodio 10)



Estou convencida de que The Americans vai ser considerada unha serie de culto no futuro, así que non teño problema para meter a Gregory nesta lista, malia aparecer só nunha presada de episodios. Gregory é un personaxe polo que todos nos inclinamos desde o primeiro minuto (un Black Panther que axuda a unha axente do KGB coa que tamén está liado nunha relación aberta? eu digo que é un partidazo!), un tipo duro onde os haxa, e cando Claudia (outra das favoritas) lle fixo unha visita no seu piso franco e puidemos palpar o seu medo, todos o pasamos tan mal coma el. Despois, o seu conmovedor discurso pedíndolle a Elizabeth unha saída digna como combatente que era, e o final apoteósico do episodio, contrastaron coas mortes menos cerimoniosas de outros personaxes aparentemente máis heroicos como o estúpido axente Amador ou o coitado Vlad.

15. Salvatore “Big Pussy” Bonpensiero (The Sopranos, Tempada 2 Episodio 13)



Nas seis tempadas de The Sopranos hai unha chea de mortes impactantes, final aberto incluído. Moita xente dirá que a máis tráxica foi a de Adriana por ser familia directa de Tony e porque o capítulo da súa morte foi moi sentimental, sobre todo por estar tan centrado nas decisións de Chris coma nas da propia Adriana. Para min a máis graciosa foi a de Jimmy Altieri por ser o perfecto equilibrio entre traxedia e comedia (“you smell like Paco Rabanne crawled up your ass and died”) que se deixaba ver nos mellores momentos da serie. Pero sen dúbida a que supuxo un punto sen retorno para Tony foi ter que matar o seu amigo e man dereita “Pussy” Bonpensiero, o que fai que o seu recordo siga perseguindo a todos en moitos episodios trala súa morte.

14. Unhas cantas mortes en Urxencias (E.R.)

Como bo culebrón, E.R. foi responsábel de centos de mortes televisivas nas súas quince tempadas en antena, algunhas delas moi curiosas.


Lembro a de Lucy Knight porque a forma en que decidiron matala foi máis creativa do normal: un psicópata é admitido en urxencias o 14 de febreiro, e como Lucy lle fai dano ao lle facer unha punción lumbar, el decide devolverlla... co coitelo da torta de San Valentín. (Tempada 6 Episodios 13 e 14)


Tamén está o capítulo de moralidade ambigua, na que un home tirotea unha casa de acollida porque perdeu a custodia do seu cativo. Despois de que mate a varios nenos e adultos, a policía fíreo. Cando está só no ascensor co doutor Greene, camiño do quirófano, entra en parada, e o bo doutor acende o desfibrilador pero descarga as pás no ar, a uns centímetros do peito do tío, mirando con cara de anxo vingador mentres o home morre lentamente. (Tempada 7 Episodio 22)


Pero como os dramas dos 90 tiñan un sentido hamurábico da xustiza, os deuses da tele non tardaron en darlle un cancro terminal ao doutor Greene, e a súa morte en Hawai en brazos da súa muller a doutora Cordey, e a carta que posteriormente ela mandou á equipa de Urxencias para comunicarlles o pasamento, foron dúas das escenas que si me fixeron chorar. (Tempada 8 Episodios 20 e 21)


O doutor Romano, o Cartman de E.R.,  era un dos meus personaxes preferidos, e a súa morte foi un pouco demasiado: primeiro, nunha evacuación de emerxencia, a aspa dun helicóptero rebanoulle un brazo, co que non puido volver operar; despois, nun xiro de (in)xustiza poética, noutra das moitas situacións de desastre que se vivían no County General, outro helicóptero rematouno ao lle caer enriba. E para culminar o agravio, a doutora Weaver, que decote era o obxecto das súas burlas homófobas, usou os cartos do seu seguro para fundar un programa médico para homosexuais. (Tempada 10 Episodio 8)


Malia ser bastante canónica, E.R. durou tanto que ás veces se podían permitir dedicar algúns capítulos a experimentar, con puntos de vista pouco habituais ou escollas visuais estrañas. Un deses episodios trataba dun ex-preso (Ray Liotta) que ía morrer ao servizo de Urxencias, e estaba narrado en tempo real. Dicir que foi un dos episodios que mellor lembro de 331 que houbo explica porqué está nesta lista. (Tempada 11 Episodio 6)

13. Lane Pryce (Mad Men, Tempada 5 Episodio 12)



Os fans de Mad Men gustan das teorías conspiranoicas. A deste ano, que non se realizou malia que eu aínda defendo que é plausíbel para a vindeira tempada, era que Megan Draper ía atopar unha morte moi semellante á de Sharon Tate a mans da familia Manson, e todo por unha escolla moi acertada de vestiario. A tempada pasada, todos os presaxios de morte apuntaban a Pete Campbell ou a Roger Sterling, pero finalmente foi Lane Pryce o que nos deixou dun xeito máis ben patético, iso si, despois de tentar unha saída tráxica e grandilocuente como el era: quíxose suicidar usando o tubo de escape do seu novo Jaguar, unha metáfora perfecta para culpar a conta publicitaria que o levara á ruína, pero no último minuto o motor do coche fallou, non foi quen de amañalo, e rematou aforcándose na súa oficina, convertendo así unha saída “digna” nun engorro para todos os seus compañeiros (unha serie de metáforas visuais que poderían ter sido moi torpes pero que Christopher Manley dirixiu con sutileza).

12. Os dinosaurios. TODOS os dinosaurios (Dinosaurs, Tempada 4 Episodio 7)



Moitas veces as series infantís tentan achegar a temática da morte aos cativos para preparalos para aceptar unha parte fundamental da condición humana. Isto faise con fins máis didácticos ca lúdicos, e normalmente os educadores detrás da serie escollen a morte dunha mascota ou dun personaxe secundario (que de seguro é moi ancián e viviu unha vida plena e feliz) para ilustrar o sentimento de perda dunha forma non demasiado traumática para os espectadores.

Despois están os xenios criminais detrás da serie infantil Dinosaurs, que decidiron matar dous paxaros dun tiro e resolver os contidos transversais da morte e o respecto polo medio ambiente nun só capítulo, e de paso aterrorizaron a toda unha xeración amosando non só a morte de todos os protagonistas da serie senón a extinción completa dunha especie. Coido que é a primeira vez que vemos a morte dun bebé (dinosaurio si, pero tamén antropomorfizado) en horario infantil.

11. Gale Boetticher (Breaking Bad, Tempada 3 Episodio 13)


De acordo que Gale tiña que morrer no excelente episodio “Full Measure” porque a outra opción sería que morrese Walt, e daquela aínda non estabamos preparados para iso (por non falar de que remataría a serie) pero Gale era un tipo tan entrañable que é difícil non botalo de menos: inventou un cachivache para facer o café perfecto, idolatraba a Walter White, lía a Stephen King e a Marx, e cantaba “Crapa Pelada” en (ehem) perfecto italiano. Como recordo ao seu (inmortal) xenio, e para pechar esta primeira parte nunha nota alegre, velaí o vídeo completo da súa sesión de karaoke:


Monday, 3 December 2012

So long, Homeland! Fuches unha gran serie...


Estou bastante afeita a escoller unha serie como a sorpresa da tempada e que a cancelen case coma se os executivos das cadeas estadounidenses lesen este blog e buscasen formas crueis de burlarse de min (Awake, Last Resort). Tamén estou afeita a que series que comezaron sendo boas ou cando menos entretidas vaian entrando aos poucos nunha espiral de inwatchabilidade (perdón polo galinglish, non se me ocorre outro termo para dicir unwatchable sen que sexa invisíbel, que non é o que quero dicir, vaia tradutora) até que miralas cada semana se converte nun trámite aburrido (The Office, The Big Bang Theory, How I Met Your Mother). O que non me esperaba é que fixo Homeland hoxe. Iso si que non o esperaba, e estou cabreada.

En palabras de Saul:


Para explicar o meu cabreo vai ser mellor que empece por contar qué pasou no capítulo de hoxe de Homeland, pero para iso teño que remontarme aos capítulos anteriores, porque hai máis de quince días que non publico unha entrada nova (unha crítica por semana? a quen quería enganar?). Á luz da nova deriva do guión non estou segura de poder ser moi xusta resumindo os capítulos anteriores porque non deixo de pensar no estúpido que foi todo o que aconteceu esta semana, tan estúpido que case anula todas as xenialidades previas desta tempada, nun claro caso de Lostitis aguda, pero vou tentar compartimentar.

E iso, spoiler alert, blablabla.

Homeland (Tempada 2, Episodios 7, 8 e 9) ★★★★☆

Pasaron unha chea de cousas nestes tres episodios: Brody e Carrie liáronse outra vez! Saul e o resto da CIA escoitaron con cara de circunstancia cómo Brody e Carrie se liaban outra vez! Volveu Aileen! Morreu Aileen! O fillo de Brody tivo dúas frases no diálogo! Virgil! Adoro a Virgil.

Vou tentar ir por orde.

En The Clearing, o primeiro deses tres episodios, Roya Hammad díxolle a Brody que por culpa da operación nada secreta nin delicada de Gettysburg perderan algúns homes, e que precisaba que el estivese máis involucrado na célula terrorista. A el pareceu non facerlle moita graza, pero non se tiña por que preocupar, porque o seu labor consistía en ir pasar a fin de semana á mansión dun millonario con festas na piscina, paseos polas cortes e demais, e de paso “estar perto do vicepresidente”, o cal a min pareceume unha misión un pouco chorras, pero que saberei eu, nunca dirixín unha célula terrorista. Dana seguiu dando a barrila con que había que contarlle aos maiores que atropelaran unha vella, e Finn non quería nin de coña, pero comezaron a discutir por iso e finalmente as mamás descubriron todo. Entón Morena Baccarin primeiro e Brody despois comportáronse como auténticos necios, querendo ir á policía a explicar que o fillo do Vicepresidente dos EUA e a filla do futuro Vicepresidente dos EUA atropelaran unha muller, déranse á fuga e deixárana morrer na rúa. Que clase de carreira política pretendían ter estes dous? Hai dous capítulos Morena Baccarin estaba toda tola coa idea de ser Segunda Dama? Viceprimeira Dama? pasase o que pasase e agora escandalízase porque a muller do Vicepresidente non quere oír falar de ir á policía coa historia do atropelo e fuga? Non hai quen a entenda.

Vouvos aforrar o suplicio desta liña argumental: Brody acompañou a Dana á policía a contalo todo; Carrie interceptouno e explicoulle que nin de coña podía xogar ao pai honrado cando a seguridade nacional estaba en xogo e blablabla; Dana chinouse con el por non deixarlle contalo e porque foi Carrie, a amante tarada, a que llo impediu; Dana marchou a casa de Mike, nun movemento que eu diría que foi do máis intelixente que fixo esta rapaza desde que comezou a serie, porque se es unha adolescente cabreada e de verdade queres ferir ao teu pai, escapa del e vai pasar uns días á casa do seu ex-mellor amigo/ex-amante da túa nai; Mike levouna a ver a filla da señora morta, moito máis realista e espabilada que Dana, quen lle dixo que tivese a boca calada porque a oficina do Vicepresidente estaba a pagarlle un pasturcio para que non lle contase a ninguén o do atropelo; fin da horríbel historia do atropelo e fuga. Para o único que serviu todo isto, aparte de para ver suspirar a Dana aínda máis, foi para estresar a Brody até o punto de dicirlle a Roya que mandaba todo á merda e que pasaba de Abu Nazir, o que á súa vez levou a Carrie a “secuestrar” a Brody para reprogramalo, e ao sexo escoitado por toda a CIA e parte de outras axencias, e a que Abu Nazir secuestrase a Brody para re-reprogramalo. Pero a iso xa chego agora.

As decisións estúpidas ás veces comezan cunha aperta.
E agora, un exemplo de trama secundaria que tampouco leva a ningures pero que, ao contrario cá de Dana, susténtase por si propia e é entretida e conmovedora como para non decepcionarnos cando vemos que non ten relación coa trama xeral: Saul e Aileen. Resulta que grazas a seguir a Roya Hammad, a CIA tiña fotos dun novo terrorista con cara de terrorista pero non sabían quen era, e a falta dunha pista mellor Saul decidiu ir á Prisión de Máxima Seguridade do Carallo 29 para tentar sacarlle información a Aileen, a terrorista americana que detiveran na anterior tempada. Esta premisa é un pouco frouxa porque dubido que entre a CIA e os carcereiros Aileen non estivese xa sen uñas, moas e dignidade para que revelase toda a información pertinente sobre toda Al Qaeda, pero o que viu a continuación foi bonito. Saul atopou a Aileen nun rocho de 2x2 no soto da prisión, e cando ela lle dixo que só ía falar con el fóra da cela, el preguntou, estrañado “e logo que ten isto de malo?”. MecagonaCIA, o primeiro golpe no estómago. Foron a unha sala cunha fiestra, desde a que se vía unha paisaxe moito máis aceptábel da que (segundo a miña pouca experiencia) se ve desde algunhas prisións españolas, o cal foi unha sorte para Aileen, porque non tiña pensado voltar á cela. O que seguiu foi un xogo de poder entre Aileen, unha prisioneira totalmente rota, e Saul, un veterano da CIA con centos de horas de traballo de campo ao lombo, e a min pareceume poético. El tentou que Aileen confiase nel, ela non o fixo, malia que había deportividade na súa contenda, e finalmente foi Saul o que confiou nela, que o enganou, e aproveitou a súa debilidade para quedar pechada a soas cuns lentes e cortar as veas co cristal. E Saul pareceu xenuinamente triste por perdela, o que contrasta máis coa súa actitude ao comezo do episodio, cando lle pareceu que un rocho sen luz no soto dun edificio de cemento era un sitio máis que aceptábel para pasar 23 horas ao día. Esta foi unha historia coa que non me pareceu que estivese perdendo o tempo, ben espaciada ao longo do episodio e executada, o mellor que dá Homeland cando non lle dá por mandalo todo á merda e converterse en 24... En fin, sigamos.


O que tamén pasou neses tres episodios foi que Quinn se recuperou coma se nada do tiroteo de Gettysburg, e que Quinn é claramente malo. Saul andaba coa mosca detrás da orella, así que mandou a Virgil e a Robin (non sei como se chama o compañeiro de Virgil, pero en serio, desde agora Virgil e Robin e o Virgilmóbil) a osmar ao seu piso, e fixeron un traballo de primeira, coma sempre que se lles encarga algo a eses dous XENIOS: descubriron que Quinn non é quen di ser, é un paranoico da seguridade e ten reunións secretas moi pouco discretas cun tipo da CIA que se dedica a operacións especiais, así que sabemos que Quinn máis que analista é un asasino. Resulta que Estes o puxo ao mando da operación de Saul e Carrie non só para botarlles un ollo, senón para eliminar a Brody cando este xa non fose necesario. No último destes tres fantásticos episodios, mentres a CIA desenvolve a operación contra a Abu Nazir, Quinn faise pasar polo chófer de Brody para matalo en canto lle dean a confirmación, pero por sorte Abu Nazir escapa e Estes anula a orde no último minuto.

O que nos leva a Brody e Abu Nazir, Brody e Carrie. Gústame como a serie explotou esas dúas relacións até agora: na primeira tempada explicáronnos que Abu Nazir rompera a Brody durante o seu cativerio até que non quedaba nada del e despois recompuxérao e déralle amor e un sentimento de pertenza, e para min foi críbel a maneira en que todo iso se foi revelando, como cando Brody lle explicou a Carrie na cabana do bosque que el realmente amaba a Abu Nazir. A segunda tempada tratábase de volver atraer a Brody cara ao lado americano da guerra, e por moito que o ameazasen e Quinn lle atravesase a man cun coitelo, a que estaba a facer o delicado traballo equivalente ao de Abu Nazir era Carrie, querendo ou sen querer, e houbo un paralelismo evidente nas dúas historias: Carrie capturou ao Brody soldado de Abu Nazir en New Car Smell, Carrie rompeuno facéndolle cuestionarse a súa relación con Abu Nazir, con Isah e coa súa propia familia nos capítulos seguintes, e finalmente Carrie tendeulle a man e amouno (máis literalmente que Nazir) en I’ll Fly Away, mentres Peter Quinn se regodeaba e Saul parecía un pai preocupado e asqueado. E, do mesmo xeito que fixera Nazir cando lle deu a Brody unha palmadiña no lombo e lle dixo “hala, a atacar o teu país”, ao día seguinte da súa noite de amor Carrie deulle unha palmadiña no cu e díxolle “hala, a infiltrarte na rede de Nazir”.

Despois diso Nazir fixo unha viaxe aos EUA aparentemente só co obxecto de secuestrar a Brody, o cal é un pouco ida de olla, porque o alter ego de Osama Bin Laden non se vai pasear polas pataqueiras de Idaho coma se nada para convencer a un axente dobre que o está traizoando de que volva ao rego, pero como até o de agora Homeland sempre nos recompensara con historias que ían a algures, deixámolo pasar cun pouquiño de “suspension of disbelief” (outra cousa que non sei como se di en galego). Total, que Nazir secuestrou a Brody, que debe de tomar Nervocalm de almorzo, porque non fan mais que levalo e traelo, soltouno, e nun dos momentos que fixeron a Homeland unha serie maxistral, vimos por medio dun flashback o que Brody lle contaba a Carrie que pasara, pero nunca o que pasara realmente, co cal seguiamos sen ter claro se estabamos perante un axente dobre, triplo ou elevado a infinito. A CIA coordinou unha operación para deter a todos os malos do mundo, na que caeron Roya Hammad e unha chea de extras que estaban cargando explosivos nunha furgoneta das noticias de forma moi pouco discreta, o cal me fixo pensar que toda a historia dos explosivos fora un cebo, e, como xa dixen, Nazir non estaba alí así que Estes e Quinn abortaron a Operación Rick Astley (que é o nome que lle darían ao plan para matar a Brody se os que poñen os nomes das operacións na CIA fosen os mesmos que os que poñen os nomes das da Guardia Civil Española).


Alén diso, a familia de Brody está nun piso franco da CIA mentres dura a operación (non sei se o termo “chabolo franco” está aceptado, pero pedazo chabolo);  Morena Baccarin volveuse liar con Mike, o peor mellor amigo do mundo, o cal espero que lles fixese aliviar tensión sexual e deixar de ser tan lánguidos e insoportábeis; e o fillo de Brody dixo algo sobre que auga da piscina estaba boa e que as pantallas planas molan. Por dios, dádelle algo que facer a ese rapaz!

O que por fin nos leva a:

Homeland (Tempada 2, Episodio 10) ★☆☆☆☆

NOTA: doulle unha estrela porque pasaron cousas, e supoño que a iluminación non estivo mal.

O episodio chámase Broken Hearts, o cal é revelador, porque así me sentín eu.

Daquela, nalgún punto entre o capítulo anterior e este, Homeland, aquela serie chea de matices e caras escuras, converteuse en 24, os putos Estados Unidos do Ben contra as Forzas do Mal con Turbante (non esaxero, acabo de miralo e o seguinte capítulo chámase The Motherfucker with a Turban).

Neste episodio Brody volve ao piso franco e atópase con Morena Baccarin e Mike, o peor mellor amigo do mundo, todos postcoitais e incapaces de disimular. Pasa deles e tenta pasar algún tempiño cos fillos, para compensar por poñer as súas vidas en perigo e iso. Chama Carrie, Morena Baccarin enfádase pero a quen lle importa, porque Brody está feliz como unha perdiz falando en plan adolescente con Carrie, a lo “colga ti primeiro”, e Carrie está a piques de chegar á CIA e poñerse a garabatear “Señora de Nick Brody” e corazonciños en todos os informes clasificados. Pero de súpeto un recurso argumental manido lánzase contra o seu coche, e adeus Carrie, secuestrada polo terrorista máis buscado desde Bin Laden a plena luz do día no medio de Washington (si, o mesmo Washington onde vive o Presidente dos Estados Unidos e onde están o Pentágono e o Congreso e moi perto de onde está a CIA).


Así comeza a demencia. Despois Abu Nazir chama a Brody, amósalle a Carrie atada a unha tubería, e dille que (atención ao plan digno de supervillano de Revolution) a vai matar a menos que Brody se cole no despacho do Vicepresidente Walden, averigüe o número de serie do seu marcapasos e llo pase para que poIda provocarlle un ataque ao corazón a distancia. How fucking brilliant! Para que narices Abu Nazir se pasou 8 anos entrenando a Brody e a Walker e montou todo ese dispositivo con Aileen, o mozo de Aileen, o agregado da embaixada do Líbano e deus sabe quen máis para matar a Walden no bunker, cando era tan doado como roubar o número de serie do seu marcapasos e facelo fibrilar a distancia ou o que sexa? Estiven tentando lembrar se nalgún capítulo anterior se mencionara algo de que o Vicepresidente tiña un marcapasos, porque así e todo négome a crer que os guionistas de Homeland sexan tan chambóns de sacarse da manga un elemento coma ese, pero de verdade que non me lembro. Se estou trabucada, por favor que alguén me corrixa.

Deixando iso á parte, todo o que seguiu esixiume un exercicio de fe que, de facelo, podería ter crido que Brody ía viaxar a Kripton no seu gadgetocóptero e volver cun condensador de fluzo que destruíse a Abu Nazir para sempre. En vez diso, non me cansei de facerlle pedorretas á pantalla do ordenador. Creo que Damian Lewis pensou o mesmo ca min, porque até agora a súa actuación parecérame impecábel mesmo nos momentos máis histriónicos (como matando ao xastre de Gettysburg, por exemplo) e neste capítulo actuou simplemente mal. E non me estraña. Brody correu coma un tolo á residencia do Vicepresidente, onde os axentes do servizo secreto máis incompetentes da historia vixiárono concienzudamente mentres agardaba na entrada e despois, cando preguntou polo baño, deixárono andar só pola casa do Vicepresidente adiante e non se volveron preocupar malia que tardou moito, moitísimo en volver. Brody entrou no despacho, atopou de seguida o maletín do marcapasos, e o único que lle custou un pouco en toda esa fazaña foi ler os números de serie porque eran moi pequenos e, xa se sabe, a presbicia. Menos mal que alguén deixara unha lupa convenientemente apoiada nun andel. Toda esa escena estaba gravada a un ritmo frenético que (penso) quería imitar o do primeiro capítulo da tempada, cando tivera que entrar no despacho de Estes para coller a lista duns posíbeis obxectivos de Al Qaeda. Daquela, eu estivera sentada na beira do asento, dando chimpos de emoción e berrándolle a Brody que se apurase. A escena desta semana foi tan grotesca que non puiden manter os ollos na pantalla todo o tempo. Por fin Brody chamou a Nazir, díxolle que soltase a Carrie primeiro, e este soltouna sen plan B ningún... Seica Abu Nazir secuestrara a Carrie, unha axente de campo da CIA, el só, e non tiña ninguén máis con el no edificio abandonado no que se atopaba (supoño que a implicación era que na operación da semana pasada a CIA detivera a todos os contactos de Abu Nazir e el escapara polos pelos, só e acurralado, pero mesmo eu sei que non é así como se organizan as células de Al Qaeda). Brody leulle os números a Nazir, e Nazir mandoulle un whatsapp ao seu hacker de garda en Beirut, e este activou a secuencia de autodestrución do marcapasos, ou o que fose, aí xa deixei de prestar atención.


Total que o Vicepresidente rematou a súa reunión e entrou no despacho sen escolta, onde non lle sorprendeu para nada atopar a Brody fedellando nas súas cousas, e díxolle unha cousa súper malvada sobre matar nenos árabes ou así, e Brody alegrouse de ter colaborado con Nazir e despois volveu outra escena vergoñenta na que o Vicepresidente sufría un ataque ao corazón mentres Brody o zarandeaba e lle dicía que se alegraba de que morrese por querer matar nenos. Nin rastro do servizo secreto. Nin cando Brody saíu correndo do despacho e comezou a berrar que precisaba un médico, non había ninguén en toda a planta. En serio, en que gasta a Casa Branca os cartos dos contribuíntes?

Mentres, en Langley, Saul enfrontouse con Estes e díxolle que descubrira quen era Quinn e a Operación Rick Astley, e Estes chinouse tanto que ao final do episodio mandouno reter e levar ao calabozo da CIA. Gálvez, o actor secundario que todos os telespectadores esperan que sexa o topo da CIA, volveu misteriosamente do seu leito de morte para axudar porque “soubo que secuestraran a Carrie” e a ningún dos seus colegas espías lle pareceu súper sospeitoso, onde está Virgil cando o precisas? 

E polo medio de todos estes despropósitos, Carrie e Abu Nazir tiveron unha conversa que debía ter sido un duelo de titáns polo amor de Brody e a lexitimidade das súas respectivas guerras santas, e en troques diso foi unha redacción de sexto do meu cole polo día da Paz:


Até aquí a intriga toda, as teorías de se Brody era un axente dobre ou triplo, a doble moral dos dous bandos e a boa televisión. A partir de agora God Save America, témome.

E este foi, para min, o final de Homeland. Moito teñen que amañar os dous capítulos que quedan para que recupere a alegría de vivir.

Thursday, 8 November 2012

spoiler alert: o que vin esta semana na tele (2)


A segunda parte das cousas que vin a semana pasada. A verdade é que vin unhas cantas máis, pero mentres non teña colaboradores, Gemi, tampouco podo facelo mellor.



Fringe  (Tempada 5 Episodio 5)

Non é por fardar, pero sabíao! Non é que o soubese, pero tiña a esperanza/ilusión de que fose pasar. Estou falando do mellor paradoxo temporal de todos os tempos, que seguramente se dea no final de Fringe se os tiros seguen indo por onde nos indicaron esta semana. O capítulo lembroume a unha das miñas novelas preferidas, Terra! de Stefano Benni, na que se descubre que blablabla e blablabla eran en realidade blablabla e blablabla, que cando foron na procura de blablabla o que atoparon foi blablabla, creando un paradoxo temporal (só espoileo series, non son tan cruel).

O futuro dá moito medo.
Esta semana en Fringe sentaron as bases para que aconteza algo parecido. Walter e Astrid /Asteroid/Aspirin (os mellores nomes da televisión) seguen enredados na súa procura das pezas do puzzle para construír a arma definitiva que mate a todos os Observadores. Até agora esa liña argumental parecérame un pouco coñazo, sentía que estaba xogando a Monkey Island en vez de ver unha serie, cos personaxes facendo unhas tarefas predeterminadas para conseguir obxectos e levar a cabo outras tarefas con eses obxectos (cheguei a esperar que, nunha desas, Walter dixese “eso no necesita chicle!”). Agora comezo a pensar que os guionistas de Fringe non dan puntada sen fío, e se cadra todo isto das cintas vai converxer coa outra liña argumental. Que ven sendo: Peter e Olivia intentan recuperarse da morte de Etta como fixeron cando a perderan durante a invasión dos Observadores, cadaquén ao seu xeito. Olivia no estilo clásico do duelo, retraída e sen entender moi ben a Peter, e Peter irrecoñecíbel (creo que é o primeiro capítulo no que non vin absolutamente nada do amigo parvo de Dawson), nun ataque de Liam Neeson se lanza a unha orxía de vinganza e caras de malo maloso. E aquí é onde ven o interesante: despois dun intercambio de opinións cun Observador ao que estaba interrogando, Peter chegou á conclusión de que, sendo el tan listo e superior, podería facer moito máis cós Observadores se levase incorporada no corpo a tecnoloxía que eles teñen (eu debín perder algún episodio, porque até o venres pasado descoñecía que os Observadores tiñan unha especie de chips na caluga), así que decidiu abrir o pescozo do Observador capturado e auto-implantarse o seu chip. O cal nos leva ao paradoxo temporal: e se Peter é a orixe dos mesmos Observadores aos que trata de exterminar? De acordo que o meu cerebro tamén fai bum! cando vexo unha ecuación de 8º de EXB, pero aquí o bum! é maiúsculo. Penso que toda a historia das cintas de Walter é unha forma de demorar o que vai pasar a continuación, que cando reúna todas as pezas do puzzle Walter vaise decatar de que a forma de derrotar os Observadores é parar (matar?) a Peter, e aí vai comezar o verdadeiro conflito. Ou se cadra só é unha idea parva que teño eu na cabeza, pero non molaría?

Aí atrás alguén me comentou que xa non seguía Fringe porque ao comezo (na que eu bauticei como “a tempada aburrida”) trataba con ciencia experimental plausible, como o seu nome indica, pero que nas seguintes tempadas entrara de cheo na ciencia ficción máis inverosímil, e xa non lle podemos chamar “fringe science”. A min paréceme estupendo que non lle chame matrimonio se non lle dá a gana, pero penso que Fringe gañou co salto á ciencia ficción, e quedo cos universos alternativos, a crioxenización en ámbar e as viaxes temporais.

Saturday Night Live (Tempada 38 Episodio 6)

O único que teño que dicir é: Louis CK en Saturday Night Live.

Todo o programa foi fantástico, pero se teño que destacar algo:

O comezo, cunha parodia do alcalde de Nova York e a súa efusiva intérprete de signos dirixíndose á cidadanía tras o Sandy, despois o gobernador de Nova Jersey e a súa intérprete(que era unha mestura entre Carmela Soprano e a Nanny Fine) ameazando ao Sandy se volvía polo seu estado e ao alcalde de Atlantic City por ir de sobrado, e mais unha vez o alcalde de Nova York, esta vez explicando aos cidadáns hispanos que estes días os brancos van estar máis irritábeis do normal porque non teñen televisión por cable. Glo-rio-so.
O monólogo de Louis CK sobre axudar señoras vellas en apuros.

A parodia de Louie, con Louis CK como Abraham Lincoln, tentando facerse amigo de clientes negros nos bares para que lle agradezan a liberación.


O sketch totalmente ridículo do dependente do hotel, que lle pregunta ao cliente que marcha se mangou cousas do cuarto como as toallas ou un puma disecado, ou queréndolle cargar un extra polo uso de argón (“non sei o que é, non o puiden usar!”, “é un gas noble, señor, é inodoro e incoloro, como está seguro de que non o usou?”), moi no estilo dos Monty Python.

O sketch dos últimos clientes do bar, con Louis CK e Kate McKinnon (unha xoia do novo SNL) ligando de forma realista, con frases como “non che parece máxico a forma en que nos coñecemos aquí, cando xa pasaron de min todos os tíos medianamente guapos do bar e es a miña última oportunidade?” ou “parece cousa do destino que che coñecese xusto agora que xa estou borracho abondo para considerarte atractiva!”. E o morreo que se dan ao final é do máis noxento que vin en anos! E unhas risas, claro.

Downton Abbey (Tempada 3 Episodio 8)

As dúas primeiras tempadas de Downton Abbey gustáronme. Non unha cousa esaxerada, pero era un culebrón de época que se deixaba ver, bastante calcado de Upstairs & Downstairs, pero con personaxes aos que lle collías cariño deseguida e coas frases lapidarias de Maggie Smith como condesa viúva de Grantham (“oh, dear, war is so very inconvenient!”). O retrato que facían da Inglaterra da Primeira Guerra Mundial, malia que pasado polo cerne da telenovela, era bastante acertado. Ao final da anterior tempada a filla pequena dos Grantham, Sybill, namoraba perdidamente de Branson, o chófer irlandés, e sen a aprobación do seu pai marchaba con el a Dublín, casaban e estaba embarazada. Na terceira tempada, que rematou este domingo, as promocións prometían tratar o asunto do conflito con Irlanda e a guerra civil a través da figura de Branson, un socialista irlandés que citaba a James Connolly cada dúas frases e soñaba con axudar a liberar Irlanda do xugo inglés. Non se me escapa que Julian Fellowes é un cabaleiro británico, e que aínda hoxe algúns británicos teñen unha visión sesgada sobre a historia irlandesa, pero non debería introducir un personaxe así se tiña pensado darlle a evolución absurda que lle deu no arco argumental desta tempada.

O máis reivindicativo que fixo Branson esta tempada foi bautizar a súa filla.
No transcurso destes oito episodios, o que pasou con este personaxe foi como segue: Branson e Sybill foron un par de veces a visitar os Grantham por vodas e cousas así, de súpeto un día aparece Sybill toda nerviosa e dilles que tivo que escapar de Dublín porque a policía a seguía, seica Branson participara nunha revolta (aleatoria  e sen motivo, nin mención ao Alzamento de Pascua, as posteriores execucións masivas, ou a mesma Guerra da Independencia na que estaban inmersos na época na que está ambientada esta tempada). Xusto despois chega Branson, fuxido e moi afectado porque viu como uns compatriotas desaloxaban unha mansión ocupada por nobles ingleses e a queimaban sen motivo aparente (sic). Os condes de Grantham recrimínanlle que metese a súa filla nese clima de violencia e odio (ambos presuntamente unidireccionais), perdóano, dinlle que se volve a Irlanda o van deter e Branson queda tan feliz a vivir en Downton. Fin do tema irlandés. Ao pouco disto, Sybill morre no parto, Branson quere marchar coa cativa a Liverpool, ignoro porqué, os Grantham convénceno de que fique en Downton e danlle traballo como administrador das súas terras. Fin do tema socialista.

E esta foi, a ollos de Julian Fellowes, a evolución lóxica dun revolucionario irlandés seguidor de Connolly. Estou desexando ver qué fai coas sufraxistas.

Homeland (Tempada 2 Episodio 6)

Estaba case segura de que esta tempada de Homeland se ía estragar en canto decidiron revelarlle a Brody que sabían que traballa para Abu Nazir. Supuxen que a partir de agora trataríase de convencer a Brody de que traballase para a CIA, e Homeland pasaría a ser o típico drama de bos e malos. E en teoría foi  así. En teoría, porque esta semana vimos a Brody seguindo as instrucións de Carrie Mathison, contándolle á súa muller que traballa para a CIA, tentando identificar o presunto terrorista ao que gravaron falando con Roya Hammad... e despois vímolo falando con Roya Hammad, mirándose as mans nervioso -ou poida que facendo sinais secretos con elas-, compartindo un minuto de silencio mentres agardaban a que un señor que pasaba por alí se afastase -ou poida que comunicándose dalgunha forma que as cámaras da CIA non puidesen captar-, e volvendo a ser o mesmo Brody raro e explosivo que non poderiamos dicir de que lado está. É como volver á primeira tempada, que para min foi impecábel, mesmo na relación sempre tensa entre Brody e Carrie. Ao final do capítulo o novo terrorista cargouse aos axentes que estaban rexistrando a xastrería de Gettysburg onde fixeron o chaleco, e levou algo con pinta de bomba que estaba agochado na parede, pero o importante de todo iso é que non sabemos se Brody tentou evitalo ou foi de feito quen o provocou.


Agora tamén entrou en xogo o peor amigo do mundo, que despois de volverlle entrar á muller de Brody no capítulo anterior, esta semana dedicouse a indagar sobre a morte de Tom Walker e a case acusar a Brody dela (o cal parece un pouco chambón, dado que a tempada pasada as mentes máis brillantes da CIA non foron capaces de confirmar se Brody estaba detrás dela).  As súas preguntas puxeron incómodo a Estes, que intentou asustalo de forma bastante pouco CIA para que deixase de meter o fociño nesa historia, pero iso non impediu que lle fose co conto á muller de Brody.

A historia chorras desta semana foi a da filla adolescente, que agora está metida en plena película do sábado despois de comer, cun atropelo con fuga e un amigo que non se quere facer cargo, pero como confío nos guionistas de Homeland espero que esta liña argumental chega a algún lado interesante, e a ser posíbel explosivo.

The Walking Dead

Estou tan contenta de perder de vista a Lori, que case vou pasar por alto a escena da súa morte. Desde que dixo que estaba embarazada, na tempada pasada, estiveren imaxinando o fabuloso que sería que o feto morrese polo estrés da vida que levaba e comezase a devorala desde dentro, así que cando ela mesma suxeriu esa posibilidade no capítulo do domingo, o meu corazón elevouse un pouquichiño. Un premio Darwin para Lori!

Ao final a cousa non foi tan gore coma iso, o feto e ela corrían perigo, así que Lori tivo que decidir qué vida salvar. Para honrar o seu paso pola serie cunha última decisión estúpida, Lori sacrificouse pola vida de un bebé que ten as horas contadas en plena apocalipse zombi, e deixou que Maggie lle practicase unha cesárea con cero experiencia, medios e, o máis importante, co coitelo de matar zombis de Carl, que hai que ser asquerosita, porque eu nunca vin o rapaz limpalo. Agora van vir os listos a dicirme que era o único que podía facer se non quería ser devorada por un feto-zombi, pero había outras formas de evitar iso (unha delas, proposta por Tim Surette en tv.com, implicaba unha agulla moi longa e algún tipo de pinzas para desmembrar, para refocile do Foro da Familia). Total, hola novo bebé que vas durar dous telediarios zombis, D.E.P. Lori, sempre te recordaremos por ser A PERSONAXE MÁIS ODIOSA DA TELEVISIÓN.

Esta ha de ser a primeira escena na que Lori sabe onde está Carl.
Mentres tanto, un dos presos aos que o sheriff Rick botou da súa casa porque cada vez se parece máis a Walker Texas Ranger, sobreviviu aos zombis do patio do cárcere e planificou unha vinganza elaborada de aúpa, o grupo separouse, Carol desapareceu –así que, coas súas habilidades augúrolle un futuro tan negro como o da súa filla Sophia- e T-Dog por fin fixo algo útil sacrificándose por un compañeiro (aínda que elixiu a Carol, co cal o seu sacrificio tampouco é que servise para moito). D.E.P. T-Dog e moi probabelmente D.E.P. Carol nun par de episodios.

Andrea e Michonne seguen en Woodsbury. Michonne quere marchar, porque é lista ou se cadra porque leu os cómics, pero Andrea non se entera de nada e está facendo o parvo, preguntándolle ao Gobernador se estuda ou mata zombis, e así. Ah! E Merle,que sobreviviu a unha man cortada por el mesmo na azotea dun edificio invadido por zombis, agora di que quere volver onda o seu irmán, pero o Gobernador non lle deixa. E como até o momento iso é o máis duro que vimos do Gobernador (o das cabezas cortadas... oiga, cada quen entende o ocio á súa maneira) a min el por agora non me dá demasiado medo, pero haberá que agardar a ver cómo evoluciona o seu personaxe e que cousas ignominiosas fai nos vindeiros capítulos.

Esta reseña foi patrocinada por “corazón solitario”.