Friday 18 December 2015

peche de campaña

Xa está aquí a auténtica, a inimitable... festa da democracia!

Como sabedes hai uns días que non se poden publicar enquisas, e mañá é xornada de reflexión, dous conceptos que na era de internet teñen moita lóxica. En todo caso, como son unha cidadá respectuosa das leis, vou deixar hoxe aquí o meu Comparador de Candidatos Electorais (patent pending) para que o miredes antes das 12 da noite so pena de vos convertir en cabazas (ou berenxenas, ou tomates, ou deus non o queira laranxas...).

O Comparador de Candidatos Electorais non compara os candidatos reais a presidente entre eles, como fan os memes máis aburridos da historia, senón que vos proporciona un método moito máis científico para decidirdes a quen votar, contándovos a qué partido pertencerían os políticos televisivos máis molones se puidesen  presentarse ás eleccións do domingo. Pasade, mirade, e logo votade con sentidiño que despois xa sabedes...

Presidente Fitzgerald Grant III (Scandal)
Este está bastante claro: despois de gañar as eleccións por un pucherazo algo máis elaborado ca nosa moi autóctona carretaxe, as decisións do Presidente Grant día si e día tamén estiveron baseadas nos seus intereses persoais, maiormente poderller facer cariñitos á súa amante e ex-directora de campaña Olivia Pope, e por culpa destas decisións traicionou varias veces o seu programa e mesmo meteu o seu país nunha guerra ilegal (sóalle a alguén?). Ademais diso matou coas súas propias mans a unha xuíza do tribunal supremo que ameazaba con delatalo, utilizou politicamente o asasinato do seu fillo, e polo xeral dedícase a dar polo cú cada día do seu mandato.



Leslie Knope (Parks and Recreation)
Leslie pode chegar a ser irritante cando se trata de traballar, porque quere abarcar todo e implicar a todos, e ten unha estraña obsesión polos ficheiros organizados por cores e os plans mal explicados, pero ninguén pode negar que todo o fai para mellorar a vida dos seus concidadáns, quer como directora axunta do Departamento de Parques de Pawnee, quer como concelleira en minoría.
Os problemas que Leslie ten coa prensa local, que a atacan faga o que faga, e o seu optimismo irredento fan que poida ser unha firme candidata para calquera marea.



Peter Florrick (The Good Wife)
Peter Florrick comezou a primeira tempada de The Good Wife en prisión, como Vera e Barrionuevo, só que el empregara fondos públicos para pagar prostitutas, o que probablemente o faría tamén un candidato ideal para recibir unha tarxeta black. Só foi grazas aos esforzos do seu asesor de campaña Eli Gold (o verdadeiro xenio político da serie) que Peter recuperou o favor do público, e que foi o que fixo entón? Efectivamente, aproveitar a súa posición de poder para atacar e machacar os seus inimigos políticos e persoais, amañar as eleccións a Fiscal Xeral da súa muller e probablemente as súas propias a gobernador de Illinois, non desenvolver ningún dos ambiciosos programas sociais dos que falara na súa campaña, e conspirar aquí e alá até conseguir meterse na carreira presidencial. Iso si, todo coa apariencia externa dun demócrata preocupado pola educación pública e o 99%. Supoñemos que cando remate a súa vida política terá garantido un asento no consello de administración de Gas Natural.



Alan B’Stard (The New Statesman)
Alan B’Stard foi o membro máis novo do Parlamento Británico con só 31 anos, era ben parecido e falaba de cambio... Sóavos? Pois agora vaivos soar máis: B’Stard tamén opinaba que os problemas do sistema educativo poderíanse solucionar de vez se a matrícula custase 2.500 libras por curso, falaba de rematar coas listas de espera da sanidade pública eliminando efectivamente a sanidade pública, o que á súa vez acabaría coa pobreza (literalmente). Aliado coñecido de antigos nazis, empresarios e lores por igual, unha vez declarou nunha entrevista que os ricos só deberían pagar impostos pola cocaína. Aí queda.



Taylor Doose (Gilmore Girls)
Non importa que Taylor sexa o edil dunha comunidade pequeniña e polo xeral ben avenida, Taylor toma moi en serio o seu traballo. De feito, é o único que toma en serio o seu traballo. Nas reunións veciñais ponse dos nervios se alguén non respecta a quenda de palabra ou se as cousas non van por onde a el lle interesa. Claro que Taylor ten sempre o interese da súa vila como prioridade, pero, sobre todas as cousas, o que Taylor quere que entendades é que vós, simples votantes, sempre estades equivocados e el sempre ten a razón.


Tuesday 24 November 2015

all work and no play... (outono 2015)

Chegou o outono e case marcha, e eu aquí, procrastinando. Pero non vos preocupar, que non vos deixo sen a miña opinión gratuita e desinformada das series que veñen... Das que vin por agora, non pensedes que vou falar da tipa que resolve crimes seguindo pistas tatuadas no seu corpo nin do tío Jesse facéndonos a todos vellos na súa comedia na que é avó. En fin, aí vai, para todos os públicos e sen spoilers, o que vin este outono na tele (por agora).

O outono que ven


ABRIUSE A VEDA PARA A NOSTALXIA DOS NOVENTA

Scream Queens (FOX)

De que vai: Ryan Murphy strikes back. Esta vez é unha “homenaxe” ao xénero slasher, o mesmo que American Horror Story era unha homenaxe  a todas as películas de terror que se lle ocorreron a Murphy, é dicir, un pastiche de escenas sacadas directamente de outros autores, mesturadas nunha cocteleira e sazonadas cos estereotipos raciais e sexuais tan característicos do director multimillonario.
Por que mola: Emma Roberts é moi boa facendo de xefa de irmandade insoportábel,  e Nasim Pedrad é gloria bendita, aínda que non entendo moi ben que fai aí. En xeral o casting está ben, o mesmo que case todas as escenas de asasinatos, aínda que sigo preferindo as das películas orixinais.
Por que non mola: Segue a aburrida fórmula Ryan Murphy, que é a mesma desde Glee: colle de protagonistas a un grupo de brancos de clase alta e beleza imposíbel, e despois rodéaos por personaxes planos con carteis colgados: a negra, o discapacitado, o gay reinona, o gay malvado... Despois fai que os malos da serie sexan os que se metan con eles en todos os capítulos, creando situacións cómicas nas que é moito máis doado identificarse co malo de lingua viperina que co obxecto das súas burlas, e finalmente pon a parir os críticos que non louban os seus programas aducindo que “están contra a diversidade”. Repetir cada tempada até chegar ao billón de dólares.
A quen lle pode gustar: A fans de Glee e nostálxicos dos 90.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆



WASHINGTON OU SHONDALAND?

Quantico (ABC)

De que vai: un grupo de buenorros e buenorras teñen escenas de sexo na ducha mentres estudan na academia do FBI. Uns meses despois, un deles é  responsable dun atentado en New York e os outros seguen dándolle ao vapor mentres investigan ou algo. Non me enterei moi ben, entre os saltos temporais locos e os cambios de parella aleatorios é difícil seguir o argumento.
Por que mola: como xa dixen, buenorros, buenorras, steamy sex, e unha conspiración de fondo que dá para querer saber máis.
Por que non mola: O argumento non se toma en serio nin por un intre. Aínda que a premisa é “atentado terrorista involucrando o FBI”, o mesmo podería ser “doutores e doutoras buenorros salvan vidas no minuto 40 do capítulo” ou “famosa asesora do presidente buenorra líase co presidente armando a marimorena en Washington”... Vedes por onde vou? Outra cousa que me ten tola: os pelos da protagonista. É IMPOSIBLE investigar nada con esa cantidade de pelo diante dos ollos.
A quen lle pode gustar: A fans de Shonda Rhimes, que de todas formas a criticarán porque, con todo, non ten o ritmo das de Shonda Rhimes. Absterse fans de tramas de espías serias.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



NOT SO MODERN FAMILY

Life in Pieces (CBS)

De que vai: sketches cómicos sobre a vida de tres xeracións da mesma familia, conectados entre eles.
Por que mola: faltan comedias novas na tele para encher os ocos das que marcharon (Parks and Recreation) ou das que decaen perigosamente (The Big Bang Theory). Esta é un intento, con sorte mellora ao longo da tempada.
Por que non mola: as situacións cómicas son as mesmas dos últimos vinte anos, sen ningunha revisión nin frescura, co cal ás veces funcionan pero a maioría, non.
A quen lle pode gustar: sei que os fans acérrimos de Modern Family van poñer a parir esta polas conexións obvias, pero son o seu público obxectivo, realmente.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



GRINDER RESTS

The Grinder (FOX)

De que vai: despois do éxito da súa serie dramática, un avogado televisivo pensa que está capacitado para exercer na vida real, métese no bufete (e na vida) do seu irmán, e empeza a irromper nos seus xuízos berrando legalismos de serie de avogados.
Por que mola: Rob Lowe fai un personaxe excesivo por todos lados, compensado pola racionalidade do seu irmán Fred Savage, e é case como un spin-off the Parks and Recreation baseado na vida de Chris Traeger (o que sempre pedín a berros). Rob Lowe é un deses actores que empezaron facendo drama e por culpa diso tardamos en descubrir o seu enorme talento para a comedia. É un crack, e cando xuntas un crack con actores bos e un guión tan tolo como entusiasta, sae isto.
Por que non mola: O único que teño que criticar, por criticar algo, é que se deron demasiada présa en introducir un interese romántico para o protagonista, se cadra non era necesario ser tan sitcom niso.
A quen lle pode gustar: a fans incondicionais de Chris Traeger e do tipo de comedia que inaugurou The Office antes de morrer de morte natural.

Nota serióloga: ★★★★★

Isto no primeiro episodio. Non teño máis nada que engadir.


DEFINE “COMEDIA”

You, me and the apocalypse (Sky, NBC)

De que vai: A descrición oficial da serie di que un grupo “ecléctico” de persoas vense forzadas a agardar xuntas a chegada dun cometa que vai destruír a terra. Si, en fin.
Por que mola: ten toques graciosos, non graciosos de JAJAJAJA!, graciosos como cando contestas un chiste dun amigo cun só emoji de riso pero sen bágoas nos ollos, como dicindo “si, vale, ten graza, pero tampouco flipes que non é tan bo”.
Por que non mola: A este paso vou facer unha tese sobre Rob Lowe. Rob Lowe ten un pequeno papel de cura escéptico aquí, e como sempre borda o material co que traballa, só que desta vez o material co que traballa é normaliño tirando a moñas. Tamén está esa nova manía das cadeas de televisión de coller as comedias que non fai moita graza, estiralas para que os capítulos duren 40 minutos, e rebautizalas como “traxicomedias” ou, peor aínda, “dramedy”.
A quen lle pode gustar: a quen vexa calquera cousa con tal de que leve o selo de comedia británica (esta é coprodución). A fans da apocalipse coma min, pero fans moi militantes, porque hai polo menos sete series mellores que ver antes ca esta.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



O PACIENTE LEVA MORTO DESDE 2007

Code Black (CBS)

De que vai: un grupo de residentes comezan a traballar na sala de urxencias máis frenética desde o Mercy Meredith Seattle Derek’s Dead Grace Hospital e o Chicago Whatsherface George Clooney Memorial.
Por que mola: Hai que dicir que a sala de urxencias polo menos está sucia, desordenada, e con iluminación difusa, o cal a fai máis realista ca esas grandes salas brancas con persoal de pixama azul impoluto que vemos noutras series. E tamén sae Luis Guzmán, go Human Beings!
Por que non mola: residentes idealistas dándose de fociños coa dura realidade? si; doutoras teimudas utilizando procedementos inverosímiles nos dez primeiros minutos do episodio? por suposto; administración do hospital que non comulga cos procedementos de dita doutora? claro; celador/enfermeira que son en realidade os putos xefes do cotarro? dálle; mortes inesperadas que provocan un cambio vital nos residentes? como non! Hai moito tempo que o xénero hospitalario non é quen de ofrecernos nada que non saíse antes en E.R. (o cal e lóxico, que foron 15 tempadas).
A quen lle pode gustar: a ionquis das series de médicos. Se che gustan tanto que te chupaches Monday Mornings e The Night Shift, vaiche alegrar saber que esta é lixeiramente mellor.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆



NON É SUPERMAN CON SAIA

Supergirl (CBS)

De que vai: a CBS sube ao carro de todas as producións televisivas baseadas en cómics, pero faino ao estilo CBS, nada de torturados personaxes da Marvel de moral dubidosa... Nada de zonas grises... Moito mellor unha super-riquiña e super-boísima Super... girl de boa familia (DC Comics).
Por que mola: o caso é que dalgún xeito este  riquiñismo manifesto funciona, porque Supergirl é exactamente o que agardamos dela, Kara Zor-El a curmá de Kal-El que lle vai axudar a salvar o mundo cada semana, e mentres as aventuras de rutina coas que se atopa sexan entretidas, por que non? Tamén é de agradecer que non só Kara, senón practicamente todas as personaxes principais, boas,  malas e cheas de aristas, sexan mulleres, e sei que é incríbel que en 2015 sigamos a falar do test de Bechdel, pero isto é o que hai.
Por que non mola: polo mesmo que mola, non é máis có que vemos. Sen ningunha pretensión, ten potencial para seguir durante tempadas infinitas até se converter nun coñazo coma Lois & Clark ou, deus non o quera, Smallville.
A quen lle pode gustar: a fans de cómics, pero non a frikis de cómics.

Nota serióloga: ★★★☆☆



O POBO QUE ESQUECE A SÚA PROPIA HISTORIA, ESTÁ CONDENADO A VER CIENCIA-FICCIÓN

The Man in the High Castle (Amazon)

De que vai: Baseada nunha novela de Philip K. Dick, é unha historia de espías nun universo alternativo na que os nazis e os xaponeses gañaron a Segunda Guerra Mundial (de Franco non din nada) e e se repartiron o mundo, aínda que na serie todo pasa en Estados Unidos, loxicamente.
Por que mola: a idea do final alternativo da guerra é interesante abondo, pero ademais o argumento é tan intricado que se sostería sen axuda diso, non é nada tan simple como “a resistencia contra os malos”, tamén hai tensións entre as potencias invasoras, contraespionaxe, e todo o que debe constituír unha boa trama de espías. Tamén mola moito a ambientación dos tres lugares principais onde acontece a historia: New York (zona do Reich), San Francisco (zona xaponesa) e Canon City, NV (zona desmilitarizada); malia que a historia acontece nos anos 60, as diferenzas entre os tres fan intuír a evolución dos Estados Unidos desde a fin da guerra e como se foron adaptando ás potencias invasoras.
Por que non mola: polo que transcende nos primeiros episodios, a historia alternativa de como gañaron os nazis semella ser que soltaron a bomba H en Washington e, sen os americanos, os aliados perderon. O mesmo que ao escribir a historia “auténtica”, no universo paralelo a mitoloxía americana obvia Stalingrado e o papel fundamental da URSS na vitoria, nada novo. Ten outras americanadas, como que as biblias están mal vistas polo Reich, porque o código de boas prácticas da cultura ianqui dita que a relixión cristiá nuuuuuuuunca auspiciou, alentou nin aplaudiu ningún xenocidio no mundo. Pasando por alto iso (ou véndoo coma licencias creativas), non ten duda.
A quen lle pode gustar: malia ser ciencia-ficción estritamente falando, ten máis de drama histórico, así que a fans do xénero, desde Manhattan até The Americans. A premisa das películas que van procurando os protagonistas tamén ten un punto inquietante: lembroume,  claro que noutro estilo moi diferente, a unha xoia de Masters of Horror que se chamaba “Cigarette Burns”.

Nota serióloga: ★★★★☆

Proximanente, na segunda tempada de The Man in the High Castle,
o que si pasou de verdade nos EstadosUnidos de América.


E iso é todo... Polo menos até que a NSA me deteña e me metan en Guantánamo por este último collage. Desfrutade das series até a próxima entrega.

Thursday 3 September 2015

all work and no play... (verán 2015)

O verán é un ermo televisivo e supoño que iso está ben, porque os seriólogos tamén precisamos que nos dea o sol e o aire... Así e todo, entre todos os libros que tiña pendentes aínda tiven tempo de ir vendo un par de series novas, e agora que se achegan as estreas de outono aquí volas deixo, para que despois non vos pillen coa axenda cargada. Nada de spoilers desta vez (creo):

O que vin este verán na tele:


ANONYMOUS É UN RAPAZ TÍMIDO E MOI RIQUIÑO

Mr. Robot (USA)

De que vai: un programador / hacker (pero dos de verdade, non dos que matan o vicepresidente metendo un virus informático no seu marcapasos, Homeland) traballa para a malvada corporación capitalista que domina o mundo (Monsanto? Pricewaterhouse? Gas Natural?) e ao mesmo tempo plantéase derrubala desde dentro coa axuda dunha sociedade secreta que poida que estea na súa imaxinación ou non.
Por que mola: Mr. Robot é a mellor estrea do verán e, a falta de ver as novas series de outono, diría que de todo o ano. A linguaxe visual e a escolla musical son impecábeis, e todo o bla-blá sobre tecnoloxía por primeira vez non dá ganas de cortarse as veas. Alén diso, creo que podería ver a Rami Malek vendéndome prolongadores de pene na teletenda e seguiría merecendo todos os premios do mundo, e o resto dos actores e, especialmente, as actrices que o acompañan tamén están á altura.
Por que non mola: é certo que os fans acérrimos de Fight Club levan cacarexando desde o minuto cero que as dúbidas sobre a saúde mental do protagonista son un calco da peli, pero aquí están tratadas de forma máis honesta e non co único obxecto de sorprender, por iso entran mellor. A caracterización dos malos ás veces é un pouco demasiado caricaturesca, pero como eu me creo calquera cousa que me conten dos executivos das grandes multinacionais, para min non hai problema.
A quen lle pode gustar: vou dicir unha sobrada, pero a calquera que lle guste a calidade nas series de televisión e que non as consuma simplemente porque son gratis e fáciles de ver. E tamén a programadores que soñan con ser hackers,  fans de Snowden e xusticeiros sociais en xeral.

Nota serióloga: «««««

Esta son eu cada vez que instalo un programa coa configuración automática.

LOS NIKIS TIÑAN RAZÓN

Zoo (CBS)

De que vai: un día calquera, todos os animais do mundo deciden poñerse de acordo para vingarse da raza humana de forma moi estraña, porque en vez de exterminarnos sen máis comezan a desenvolver condutas psicopáticas moi propias dos humanos. Por sorte, hai un grupo de conspiranoicos que dalgunha maneira xa previran isto e están dispostos a salvar a humanidade.
Por que mola: os leóns desenvolven mentalidade de enxame para poder atacar máis eficazmente os humanos, bandas de morcegos derruban helicópteros a plena luz do día e un oso entra nunha cociña de París para beber unha copa de Pinot Noir.
Por que non mola: os personaxes son case tan planos coma os actores que os interpretan, e non me fagades falar dos guións, porque nesta serie absolutamente nada ten sentido, pero que esperabades? É unha serie sobre animais sociópatas!

Ollo que isto é un diálogo real da serie.

A quen lle pode gustar: a calquera que lle guste o gore e os animais. Eu, pola miña parte, xa fixen as paces coa miña gata e prometinlle xogo limpo cando sexamos inimigas mortais.

Nota serióloga: «¶¶¶



BERRA DO MALA QUE É

Scream (MTV)

De que vai: un intento de recuperar a franquicia cinematográfica dos noventa pero adaptada a outro medio e outros tempos, iso quere dicir que as actrices son máis delgadas e os actores máis musculosos.
Por que mola: é unha serie para ter de fondo mentres fas outras cousas, como escribir blogs sobre series ou cortar as uñas dos pés. Ah! E sae Bex Taylor-Klaus, así que é como se Bullet vivise.
Por que non mola: a primeira película estableceu as regras, a segunda rompeunas e a terceira deulles a volta. A serie non sabe como xogar con regras auto-referenciais, así que o único que fai e darlles aos personaxes guións metatelevisivos sen chiste final nin sentido na trama.
A quen lle pode gustar: a idea era que lles gustase aos fans das películas pero tamén aos que nunca as viran. Ao final, creo que só lle gusta aos seus produtores.

Nota serióloga: 


CADÁVERES (ALGO MÁIS) EXQUISITOS

Fear the Walking Dead (AMC)

De que vai: os produtores de The Walking Dead tentando capitalizar o seu éxito cunha serie situada en Los Ángeles no comezo mesmo da praga, algo que Robert Kirkman, guionista dos cómics e co-creador da serie, asegurou que nunca veriamos.
Por que mola: cando xa empezabamos a cansarnos dos mantras da serie orixinal (ninguén está a salvo, non hai refuxios que duren, zzzzzzzz...), aparece unha nova fornada de personaxes que non saben nada dos zombis nin de como funcionan, e sempre é divertido ver unha cidade como Los Ángeles sumirse no caos.
Por que non mola: só temos un número determinado de episodios (e polo ritmo que leva van ser poucos) por diante até chegar ao punto de partida da serie orixinal, e despois será ver The Walking Dead outra vez, e iso si que non.
A quen lle pode gustar: a fans de The Walking Dead, pero non demasiado fans, porque esta serie non está copiada plano por plano do guión dos cómics, de feito é totalmente nova, co cal para moitos será un sacrilexio.

Nota serióloga: «««¶¶



NÚMERO 6 ALL OVER AGAIN

Wayward Pines (Fox)

De que vai: un axente do FBI vai na procura de dous axentes perdidos e atopa Wayward Pines, unha vila idílica que é basicamente como o Hotel California, podes tentar irte cando queiras pero nunca podes marchar. Mentres tanto a súa muller búscao a el e unha liña argumental, sen éxito.
Por que mola: a pesar de Matt Dillon e Juliette Lewis, ten actores e actrices moi bos, e a atmosfera de vila pequena e inquietante está moi lograda nos primeiros capítulos. O final é moi interesante se é realmente o final, pero moito me temo que vai ser unha desculpa para a segunda tempada.
Por que non mola: hai ocasións nas que os personaxes principais son tan estúpidos que é difícil non desexar que os maten dunha forma lenta e dolorosa, e a medida que avanza a trama comezan a verse os fíos que sosteñen os monicreques.
A quen lle pode gustar: seica aos lectores das novelas nas que está baseada non lles gustou moito, así que vou tirar máis por fans de series claustrofóbicas con vilas nas que nada é o que parece ou cun lixeiro toque sobrenatural, estilo (sempre sen comparar, átense los machos)Twin Peaks, The X Files, The Lost Room ou Persons Unknown e sobre todo The Prisoner.

Nota serióloga: «««¶¶



GOODBYE LENIN, WELCOME REVISIONISMO HISTÓRICO

Deutschland 83 (Sundance)

De que vai: un soldado noviño da RDA é forzado a infiltrarse como espía na RFA con hilarantes consecuencias. Non, é coña, as consecuencias prometen ser devastadoras, pero polo de agora fai moita graza ver as torpezas que comete o coitado chaval na súa labor de espía, como falar con naturalidade dos seus amigos de Cuba, haha.
Por que mola: a produción é impecable, desde a ambientación até a banda sonora, e a historia de Martin e como tenta servir o seu país aínda que sexa pola forza é bastante conmovedora, especialmente se obviamos o tufo anti-comunista do argumento.
Por que non mola: porque é inevitable comparala con The Americans, e esta última faino todo mellor e sen caer de xeito tan obvio na dicotomía “capitalistas bos / comunistas malos”.
A quen lle pode gustar: se despois de ler o resumo tiveches que buscar RDA e RFA esta non é a túa serie. É máis ben para nostálxicos da Guerra Fría desde ambos bandos ou xente que aprecie un bo guión e por suposto uns bos subtítulos, porque está rodada en alemán.

Nota serióloga: «««



HELTER SKELTER IN THE SUMMER SWELTER

Aquarius (NBC)

De que vai: David Duchovny é un policía duro ao que lle toca traballar cun policía moderno (para 1967)na procura dunha adolescente que fuxiu da casa para ir vivir coa Familia Manson. Só que na altura nin é a Familia Manson como a coñecemos, nin están a preparar os seus horrendos e moi morbosos crimes, nin Charlie Manson ten nada do infame atractivo que o fixo líder de adolescentes tolais. Nin sequera canta ben.
Por que mola: porque tira do morbo asociado á figura de Charles Manson, e unha espera entender como é posible que todas esas rapazas cometesen crimes sen pestanexar só porque el o dicía.
Por que non mola: porque a serie está centrada nos problemas familiares de David Duchovny e os clichés das series de época (un pouco de Vietnam por aquí e un pouco de LSD por alá...) e case diría que fan ben, porque o actor que fai de Manson ten o carisma dun calcetín de ximnasia usado.
A quen lle pode gustar: a incondicionais do xénero “aquellos maravillosos años”: Mad Men, Masters of Sex, The Astronaut Wives Club e o que parece un interminable etcétera na tempada que queda por vir.

Nota serióloga: «¶¶¶¶

A este Charles Manson si que o seguiría eu nunha serie de seis tempadas.

CARAMBA, POR QUE NO DECIRLO, LOS VISITANTES ESTÁN AQUÍ

The Whispers (ABC)

De que vai: Teoría da conspiración con marcianos polo medio, baseada nun relato de Ray Bradbury pero de casualidade. Está moi na liña da gloriosa e nunca suficientemente ponderada The Event. Unha serie de nenos empezan a comportarse de forma rara seguindo instrucións duns amigos imaxinarios, e un grupo de adultos listillos de seguida chega á conclusión de que os marcianos van invadir a terra e dispóñense a paralo.
Por que mola: Xa dixen teoría da conspiración e marcianos? É unha serie de verán, entretida e disparatada, pódela ver sen pedirlle moito e berrarlle aos protagonistas cada vez que toman unha decisión estúpida.
Por que non mola: ehem, nenos actores por doquier.
A quen lle pode gustar: fans de todas as series locas que tentaron seguir a onda de Lost e fracasaron estrepitosa mente. Asinantes da revista Mas Allá.

Nota serióloga: «««¶¶



LORD GRANTHAM TIÑA UN CURMÁN EN RHODE ISLAND (Comedy Central)

Another Period

De que vai: Natasha Leggero e Riki Lindhome converten Downton Abbey nunha sitcom, o cal non foi sen tempo. Case como unha colección de sketchs con continuidade, conta en clave de reality a historia de dúas ricas herdeiras mimadas e crueis e os criados que teñen que soportalas.
Por que mola: porque os chistes son moi básicos e os “famosos” invitados, como Mark Twain, Hellen Keller, Charlie Chaplin, Freud, Ghandi ou Trotsky, comportándose como se estivesen no programa das Kardashians son lo más.
Por que non mola: Ás veces os chistes son un pouco caca-culo-pedo-pis de máis... A quen quero enganar? Non hai tal cousa como ser caca-culo-pedo-pis de máis. É unha pena que Artemis Pebdani, que facía da irmá fea e polo tanto sufraxista das protagonistas, fose substituída despois do piloto, porque é unha cómica xenial, pero á parte diso...
A quen lle pode gustar: a calquera que considere que non hai algo como chistes caca-culo-pedo-pis de máis.


Nota serióloga: ««««



Isto é todo, titis. Apurade a ver as que creades que pagan a pena, que dentro de nada xa estamos de volta coas estreas do outono!

Tuesday 11 August 2015

Guía para engancharse a... Pretty Little Liars

Titis, estou nerviosa como unha colexiala. Nunhas poucas horas é o final de tempada dunha das series máis tolas, marcianas e ridiculamente adictivas que vin na miña. A tal altura moitos de vós teredes oído falar de A, ou non poñeredes cara rara se vos digo que esta noite van desvelar quen é a moza do abrigo vermello e se cadra tamén quen é a viúva negra (que, posibelmente sexa, á súa vez, a raíña de corazóns, diso non hai xeito de estar certa...). Para os que non entenderon unha palabra da frase anterior, vou tentar explicar toda esta tolemia que é Pretty Little Liars.

Esta semana: Guía para engancharse a Pretty Little Liars

Eeeh... normalmente aquí poñería un dos meus avisos de spoilers, pero esta serie dá tantas voltas que é difícil saber se vou revelar algo vital ou non. Por se acaso...



De que vai

Vale. Collédevos todos da man e pegados a min, que é doado perderse.

Isto eran catro amigas que vivían en Rosewood, unha vila de Pennsylvania (presuntamente, xa chegaremos a ese punto) onde o salario medio estaba arredor do trillón de dólares anuais. Durante anos foron as guais do instituto e a súa vida xiraba arredor de Alison, unha lurpia de moito coidado á que a metade do instituto odiaba e a outra metade quería ver morta. A serie comeza un ano despois da moi misteriosa desaparición de Alison unha noite que as cinco estaban a facer botellón no pendello dos pais dunha delas (nótese que neste resumo emprego a palabra “pendello” con total liberdade creativa, para empezar porque os moi millonarios señores Hatings, que teñen cociñeiros para facerlles a cea, non empregan o pendello para gardar as ferrament... que é iso? e para seguir porque en 15 anos de aluguer en Santiago vin pisos por 600 euros máis pequenos có tal pendello). Digresión, tu nombre me sabe a miel. 


Total, que un ano despois da desaparición da raíña do cotarro, as súas palmeras están espalladas, cada unha ao seu. Ao pouco das mozas se reuniren outra vez, os veciños que se mudaron á antiga casa de Alison descobren un corpo morto que todo o mundo asume que é Alison e fanlle un funeral. E xusto nese momento as mozas comezan a recibir mensaxes de texto de alguén que asina como –A e que seica sabe todos os seus secretos e os da xente que as rodea, e empeza a chantaxealas para que fagan cousas que non queren facer.


As protas

Como dixen, as liars son só catro.

Aria. Ao comezo da serie ven de pasar un ano sabático cos seus pais en Islandia porque o seu pai leva tempo poñéndolle os cornos a súa nai e esta frase para Pretty Little Liars ten perfecta lóxica. Nada máis volver, enróllase cun tipo nun bar e despois descubre que é o seu novo profe de literatura, todo un clásico. Este dato é súper importante, aparte de porque –A a chantaxea con iso, porque gran parte da serie se centra no romance entre Aria, que ao comezo ten 16, e Ezra, que é un adulto nunha posición de poder e xa antes de estar con Aria estivera liado coa desaparecida Alison, cando ela tiña... 14 ou 15? O mellor de todo é que a serie se emite en ABC Family, que se supón que é a filial familiar de ABC, onde emiten os contidos para todos os públicos, e que ambas as dúas son propiedade da Disney. Malia as críticas que lle choven a diario en internet, os guionistas de PLL poñen moito pero que moito empeño en romantizar esta relación de Aria co seu profe, e para moitos esa foi a pista definitiva para pensar que Ezra podía ser o mesmísimo –A (ver máis abaixo na sección Sospeitosos Habituais), pero o certo é que en 6 tempadas que levamos hai polo menos unha vintena de exemplos de homes adultos en posición de poder que nalgún momento lle tiran os trastos ás protagonistas, así que a serie tamén é unha mina para o tumblr. Por certo, deberiades saber que o nome monger de Aria + Ezra en internet é “Ezria”, e que teñades moito ollo cos seus fans, porque toman a defensa desa relación como algo demasiado personal.


Alén de todo isto, Aria é, xunto con Emily, unha das liars parvas, obxecto de todas as burlas do mundo no Reddit. Moita xente tamén sospeita que ela é –A porque as putadas que lle fai a ela semellan moito máis light cás das outras e por toda unha serie de detalles que a min se me escapan pero podedes atopar en milleiros, MI-LLEI-ROS, de blogs e páxinas web. Outra das razóns polas que a personaxe é tan popular en internet é polos modeliños que leva, que sempre inclúen estampados raros e sobre todo moitas plumas de cores.

Emily é outra das liars intelectualmente comprometidas, sempre que actúa pola súa conta fai cousas incribelmente parvas que fan que lle berres á pantalla, como nas pelis de terror dos 80 cando a moza indefensa entraba na casa e pechaba a cal e canto antes de mirar se había alguén dentro.
Ao comezo da serie está centrada na súa carreira deportiva como nadadora, pero deseguida descubrimos que a natación é unha metáfora xigante para o lesbianismo, e a partir de aí todo é unha sucesión de mozas nadadoras para Emily. A estas alturas a tradición di que Emily non pode pasar máis de medio capítulo sen moza, e cada vez que unha nova personaxe feminina aparece en Rosewood podemos dar por descontado que se vai acabar enrollando con Emily. Si, seguimos en ABC Family, pero é o que ten Pretty Little Liars, que é como se a escribise un comité de adolescentes salidos.


Emily tamén é a que máis lei lle segue a ter a Alison, mesmo despois de que desaparecese, e a través dos flashbacks das primeiras tempadas entendemos porqué. Unha pista: si, tamén se lían.

Hannah é unha das favoritas do público. Ao comezo da serie está reconvertida nunha especie de Alison, superficial e zorrupia, pero segundo avanzan as tempadas espabila, vólvese unha liar moi lista e fai tandem con Spencer, o cerebro do grupo. Ao pouco de comezar a serie coñece a súa alma xemelga, Caleb, e se pensabades que os fans de Ezria son perigosos, nunca nunca nunca cabreedes a un fan de Haleb, so risco de perder a vida. E sobre todo nunca, repito NUNCA mencionedes un spin off de PLL  chamado Ravenswood diante deles.


Spencer é dalgunha forma a líder do grupo, así que o seu nome tamén sae frecuentemente nas listas de sospeitosas de ser –A. Cando comeza a serie está centrada nos estudios e en ir a unha universidade das molonas, e cando –A comeza a torturar as mozas é unha das máis activas en tentar desenmascaralo/a e os seus plans terían éxito se non fose porque fai un pouco como Mortadelo e Filemón, que unha vez que un plan lle sae mal por causas alleas ao propio plan non se molesta en repetilo.

E así comezan todos os plans de Spencer...
No pasado Spencer tamén tivo unha certa tendencia a se liar cos mozos da súa irmá maior, porque, mais unha vez, isto é ABC Family e así é como funciona, pero despois comezou unha relación máis ou menos estable co xenial Toby, o que nos leva a...

Os favoritos do público (segundo Reddit e mais eu)

Toby. As nosas intrépidas protagonistas se pasan a primeira tempada e parte da segunda convencidas de que Toby ten algo que ver con –A porque é o irmán de Jenna. A ver como vos explico: Jenna era unha das inimigas de Alison no instituto, e tiña un irmán adoptivo (Toby) ao que obligaba a se deitar con ela porque, todos a coro, ABC Family! Un día Alison decidiu que Toby estaba espiando as mozas pola ventá e para darlle un escarmento foi e incendiou a súa casa (si amigos, si) sen saber que Jenna estaba dentro. Toby rescatouna, pero a raíz diso Jenna quedou cega e Toby pasou un ano ou así nun centro de menores porque todas lle botaron a culpa a el.

Se isto non fose malo abondo, Toby está interpretado por Keegan Allen, que posibelmente sexa o peor actor do mundo, e os textos que lle dan tampouco son especialmente brillantes nin coherentes. Nestas seis tempadas (dous anos no tempo de Rosewood), Toby pasou de ser o sospeitoso número un de matar a Alison a facerse moi amigo de Emily (antes de que ela descubrise que era... nadadora), e despois a saír con Spencer (Spoby) e a independizarse e montar a súa propia empresa de construción con... non sei, é difícil calcular o tempo nesta serie, digamos 18 anos?, e tamén como non a infiltrarse no círculo de –A para tentar descubrir quen é pero sen lle dicir nada a Spencer nin a o público para que todos pensásemos que el era –A. A última xenial idea de Toby foi facerse policía (así, a lo loco, e nun entrenamento que durou entre tres e dez días no tempo da serie) para traballar no moi corrupto e/ou incompetente departamento de policía de Rosewood e descubrir así a –A e a todo o seu equipo. A última vez que o vin suspendérano de emprego e soldo porque, nun capítulo patrocinado pola FAD, comeu unhas gominolas de marihuana (sen el o saber, por dios) e estragou unha nova oportunidade de coller a –A ao sufrir unha viaxe psicotrópica digna dun directo dos Grateful Dead. Que así non é como funciona a marihuana. Si, sabémolo, pero seica os guionistas de Pretty Little Liars non.


Mona. Antes de que Alison desaparecese, Mona era o parrulo feo, todas se rían dela e ela o único que quería era que a aceptasen no grupo... Tantas veces rexeitada, rematou por desenvolver unha mente criminal digna do doutor NO, pasou a formar parte da armada de –A para despois virar na súa contra (aínda que xura que nunca a/o chegou coñecer en persoa), hackeou o departamento de policía de Rosewood, finxiu a súa propia morte e tivo tempo de participar no festival da canción do instituto.

Os pais e nais de Rosewood. Lembrades cando ao principio de Al Salir de Clase en cada casa había unha familia enteira con pais e irmáns, e segundo ía avanzando a serie e reducíndose o orzamento os pais e nais de Siete Robles comezaron a desaparecer cos pretextos máis inverosímiles, até que nas casas só quedaron os adolescentes e xa non se vía ningún adulto na serie? Veña ho, se até se desfixeron de Manu, o pizzeiro galego! [Pausa para chorar a perda da xoia do humor absurdo da ficción española. Sigh] O caso é que en Rosewood pasa algo semellante, ao principio os pais e nais das protagonistas eran unha parte importante da trama malia non se coscar de que había un criminal acosando as súas fillas día si, día tamén. Despois algúns deles comezaron a marchar de Rosewood con estrañas explicacións (destinoume o exército en... tachán... Texas!; acabo de coñecer un home, imos casar e ir vivir a Suíza; durmo no meu despacho da universidade porque túa nai está anoxada...) e así até o punto que, no xogo de beber de Pretty Little Liars tes que beber un chupito por cada nai ou pai que aparece no capítulo. Aparte disto, os pais de Rosewood son un desastre para se preocupar pola seguridade das súas fillas, xamais botan o pecho da casa nin pechan as cortinas, non se decatan de que a vida das súas fillas está constantemente en perigo malia a tonelada de cadáveres que a tal altura se está amoreando no barrio residencial onde viven (así, a bote pronto, conto 8 persoas relacionadas coas rapazas en dous anos, pero para máis información só tedes que poñer “pretty little liars death toll” en Google).

Hai pouco as nais de Rosewood volveron á escena cos ollos abertos e a única misión de protexer as súas fillas, pero nun dos mellores capítulos que vin na miña vida, emborracháronse, deixaron as mozas sen supevisión e acabaron pechadas nun soto. Probabelmente morra algunha.


Sospeitosos Habituais

Para as mozas e para nós é fundamental desenmascarar a –A, non porque lles mande mensaxes para se meter con elas, senón porque ao longo das tempadas –A foi desenvolvendo un gusto excesivo polas películas de Saw e a tal altura é responsábel de secuestrar, torturar e matar a varios personaxes. Ademais é omnisciente, sabe todas as cousas que van facer as mozas antes de que as fagan e posibelmente tamén teña fontes no departamento de policía de Rosewood. E non traballa só. Soa? Aínda non temos claro se é un home ou unha muller, pero por agora, o que sabemos de –A é isto: hai un -A superior, que é un cerebro criminal con cartos ilimitados e acceso a toda a tecnoloxía e infraestruturas do mundo. A este -A vémolo normalmente ao final dos episodios, vestido de negro con capucha, luvas e máscara incluídos mentres fai cousas super normais como mercar nunha tenda, o cal non deixa de ser gracioso. Traballando para -A suponse que hai tamén unha serie de -A menores, e ademais tamén temos a:


Por iso é incríbel que cada vez que collen un único sospeitoso, estas rapazas se empeñen en pensar que remataron con –A.

Polo de agora estes son os sospeitosos máis ou menos plausibles que engrosan a lista de “Segurísimo que é –A pero non, pero se cadra si, pero ves como non? é que lle tenderan unha trampa, pero é se finxiu o da trampa e en realidade foi –A todo o tempo? pero é imposíbel que sexa porque ten coartada, pero a coartada non se sostén...”:

E, lembramos...


EzrA: nun momento dado descubriuse que sabía de sobra quen era Aria antes de lle entrar no baño dun bar o día antes de empezar a darlle clase (si, amigas) e non só iso, senón que tiña un rocho de acosador cun complexo dispositivo de seguimento e cámaras nas casas de todas as mozas ao final non pasou nada, porque todo iso era parte da súa investigación para... ESCRIBIR UNHA NOVELA!

Caleb: salvo polo incidente de Ravenswood, é o mozo perfecto e ademais hacker, o que sempre fai desconfiar.

Mona: Foi –A. Pero non a –A principal, senón unha das –As pequenas que traballaban para –A pero non sabían quen era, pero despois tamén foi secuestrada por –A. Dá igual, nin eu mesma o entendo.

Alison: a tal altura xa vos daría para pensar que Alison non está tan morta como parece ao comezo da serie, sobre todo porque PLL cumpre a mellor tradición telenovelesca, e se non ves o cadáver cos teus propios ollos iso significa que non hai tal cadáver, e ás veces nin que o vexas...

Melissa: a irmá maior de Spencer, que estaba resentida con esta porque lle quitaba e/ou mataba accidentalmente os seus mozos e quen sabe cantas complicadas razóns máis.

Peter Hastings: o pai de Spencer, que tivo un fillo fóra do matrimonio coa nai de Alison. Fillo que tamén é sospeitoso, o mesmo que era a nai de Alison até que a mataron.

Kenneth Dilaurentis: o pai de Alison. Un crack no de protexer a súa familia.

Aria: só porque os internautas a odian. Eu non creo que sexa tan lista.

Toby: estivo infiltrado canda Mona na rede de –As que conforman –A e agora ten acceso a moita 
información sobre o caso porque en tres meses pasou de cadete a axudante da inspectora xefe de policía.

Calquera dos homes adultos metidos en relacións inapropiadas con mozas adolescentes, o que ven sendo calquera home adulto de Rosewood.

Calquera en Rosewood, en xeral.

La ciudad de Townsvil... digoo, Rosewood!

Rosewood en si escapa ás leis da lóxica e da física máis elemental. Suponse que está en Pennsylvania, e suponse que os invernos en Pennsylvania son duros e hai tormentas de neve e esas cousas. Este é o aspecto dun inverno en Rosewood:


Se engadimos a iso o feito de que o tempo alí pasa de forma diferente, porque as mozas levan catro tempadas ancoradas en 2012 pero ao mesmo tempo fan referencia a circunstancias externas posteriores, como estreas de películas ou cancións deste ano, a min non me sorprendería que en realidade Rosewood sexa unha desas vilas marcianas de Ray Bradbury onde os protagonistas pensan que están na súa casa e rodeados dos seus seres queridos pero en realidade están a piques de morrer no planeta vermello. Tampouco sería unha mala explicación para a serie.

Curiosidades

Aínda que case nunca o pareza, ás veces os guionistas de PLL fan cousas a propósito. Por exemplo, un capítulo enteiro en clave de film noir ou estas homenaxes a Hopper:


Daquela, o teu consello... Debería ver Pretty Little Liars?

Se tes entre 13 e 18 anos, sen dúbida algunha.

Se che gustaba Lost polos xiros impepinables de guión que os escritores daban cada vez que estaban atrapados nun argumento que non había por onde coller, tamén che vai gustar, pero estate preparado para que ao final da serie queden moitas preguntas sen resolver e as poucas respostas non sexan satisfactorias. Ah, que xa sabes o que é iso?

Se botas de menos a anarquía argumental de Al salir de clase, como as historias de “la banda del bate” ou cando había un asasino en serie que matou a Helen Lindes, esta é definitivamente a túa serie. Continuidade moi pouca, explicacións as xustas e aos guionistas non lles podería importar menos.


Se che gusta trolear en internet e estás enganchado a Reddit, definitivamente. Un dos maiores praceres de ver Pretty Little Liars é vela en streaming (ehem, ás tres da mañá de aquÍ) mentres vas seguindo este fío de comentarios, que ten un xogo para beber con PLL incríbel e algunhas das críticas máis agudas que vin eu na vida.

Finalmente, se es un tío e conseguiches ler até aquí, non só é recomendábel que vexas a serie, senón que aquí tes máis coma ti.

Hala, a ver quen se traga un maratón antes da final desta noite!

Wednesday 5 August 2015

o peso ideal nas series de televisión

Este mes deixei a dieta, e para evadir o meu sentimento de culpa levo toda a noite buscando mulleres gordas en papeis relevantes en televisión, que case é o mesmo que buscar mulleres vellas ou mulleres feas, a non ser que falemos, claro está, de convencións estilísticas como a vella sabia ou o parrulo feo.  As mulleres gordas non están por ningures na televisión que consumimos e que eu comento, e cando están obedecen a un obxecto satírico ou moralizante, nunca son personaxes reais senón máis ben encarnación de defectos ou virtudes, o mesmo daría que en vez da Monica gorda de Friends os seus amigos se dirixisen a unha galiña falante de dous metros ou que García de Criminal Minds fose unha porquiña rosa vestida con minisaia e tacóns. Outro día, se cadra noutro blog, podo analizar o caso español, onde as presentadoras de televisión teñen que ser simpáticas á vez que están cachondísimas, ou o caso galego, onde Gayoso leva trinta anos presentando o Luar acompañado dun desfile de traxes de noite con clons dentro que se renovan cando van quedando vellos, porque para carisma xa abonda co del, pero iso, que mellor noutro blog...

O que me chama a atención das series americanas é que levan anos perfeccionando o papel do “espectador subrogado” , nun intento por lle dar voz e imaxe á audiencia das súas ficcións, e é estúpido que ningún personaxe feminino relevante de ningunha serie teña un IMG superior a 20 cando o 35% da poboación adulta estadounidense é obesa (un dato terrorífico tirado da Wikipedia que á súa vez tirouno dunha publicación do CDC en 2010).


O mesmo que as guapas teñen que ser guapas pero sen o tentar demasiado e que os retoques son pecado mortal (sempre que sexan chafalleiros e te pillen) as gordas simplemente non poden existir na televisión americana porque... que caste de exemplo lle estariamos dando ás nosas fillas? Falo das mesmas fillas ás que bombardeamos con programas como Toddlers and Tiaras, os centos de Real Housewives ou o xa clásico da endogamia redneck Duck Dynasty. [NOTA: négome a reproducir imaxes deses programas neste lugar sagrado para min, pero os máis masoquistas tedes ligazóns a todos eles a só un click... alá vós].

A conclusión de todo isto ven sendo que en televisión todo é aceptable salvo os quilos de máis.



E como sempre, coa vocación de servizo público que caracteriza este blog, velaquí a serie de directrices a seguir se algunha vez na vosa vida sodes personaxes de ficción televisiva ou guionistas na procura de produtoras.

Como conseguir o peso ideal para aparecer nunha serie americana

1. Unha muller nunca nunca nunca se preocupa polo seu peso. Ou está delgada de forma innata a pesar de meterse atracóns de comida rápida American-style ou simplemente non merece vivir. Lembro unha tempada da infame The O.C. na que tentaban introducir un interés romántico máis terreal para Ryan. A rapaza en cuestión estaba delgada coma unha porta, o mesmiño có resto, pero cometía o erro de comentar diante de Marissa e Summer que lle custaba moito seguir a súa estrita dieta para conseguir estar así. As dúas mozas ollárona horrorizadas por enriba das súas hamburguesas graxentas e despois seguiron roendo nelas. Por desgraza, a escena cortouse antes de amosarnos como as dúas divas de instituto se dirixían ao baño a vomitar toda a graxa que acababan de tragar, o único que explicaría a súa gravidade cero con eses hábitos alimenticios. E, por suposto, a nova rapaza e Ryan nunca foron algo serio, ela simplemente non estaba feita para ese mundo.

Isto aconteceu porque nalgún momento a comezos do novo século alguén quixo vendernos que a nova muller (branca e de clase media) xa non se preocupaba polo que comía, facer dieta era vulgar e nada sofisticado... O que nunca nos revelaron é que todas as nosas heroínas de ficción tiñan un metabolismo máxico que lles permitía comer sen preocupacións e tamén sen consecuencias.



2. Se non estás delgada, só podes ser unha gordecha entrañable, pero ningunha mención á comida. Como en Mike & Molly, onde o 80% dos chistes no guión teñen que ver con Mike e a comida pero nin unha soa vez se menciona a posibilidade de que a Molly lle guste comer. E como non, é unha comedia, o único que pode facer Melissa McCarthy porque, malia ser unha actriz cun rexistro incrible, seica non dá a talla para o drama (pun intended). O mesmo acontece nas últimas tempadas de SNL con Aidy Bryant, unha das mellores incorporacións a quen só lle dan papeis de gorda... Xa estou oíndo os repunantes, “é que está gorda...” Vale, fans de SNL, imaxinade por un momento que Jay Pharoah só tivese papeis de negro. Como é iso? Que en vez de interpretar ás veces un home de negocios ou un dependente deTarget, interpretase sempre un home de negocios de Baltimore ou un rapeiro dependente de Target que atende bailando e facendo chistes de “yo’mamma”. Iso é o que lle pasa a Aidy Bryant: cando fai de nena, é a nena gordecha entrañable; cando fai de adolescente, é a adolescente gordecha e sen amigos; e cando fai de señora maior é esa velliña que parece a muller de Santa Claus. E, malia ter unha voz normal, sempre sempre sempre ten que falar co mesmo falsete cá gorda da Orquesta Mondragón.

3. Se tes forza de vontade abondo, pódeseche premiar coa delgadeza extrema. Iso si, con ocasionais chamadas de atención para que non esquezas de onde vés. Gabba Gabba, you’re NOT one of us. 



4. Se todo o anterior falla, pero seguimos precisando a actriz por un tempo, a única opción para non amosar o seu horrendo corpo é agochalo baixo sete saias e que todos os demais personaxes na escena finxan que non pasa nada, como fan as telenovelas cando unha actriz está embarazada e a súa personaxe non.  Este foi, durante case todas as tempadas de , Medium o caso de Patricia Arquette, á que eu sempre considerara a irmá máis guapa de Rosanna Arquette.  Como comezou a rodar a serie aos seus 37 anos, Patricia Arquette era unha muller adulta con algo de barriga, interpretando a unha muller da súa mesma idade que, en vez de ter algo de barriga como é natural, desenvolveu un apéndice moito máis inquietante nun xiro de guión que, algún día, os analistas televisivos darán en chamar “O estrano caso da señora Dubois e as blusas súper holgadas”.


Neste último suposto está o caso flagrante de Sasha Pieterse, flagrante polo nova que é a actriz e polo perfil de telespectadora influenciable que ve a súa serie (as miñas sobriñas de 15 e 11 anos, por exemplo). Sasha Pieterse comezou a  interpretar a Alison, a raíña das lurpias en Pretty Little Liars, cando só tiña 14 anos, malia o personaxe representar 16. Como era de esperar, o seu corpo cambiou ao longo dos anos de rodaxe, e non sei se por causa do estrés ao que, seguro, foi sometida pola produtora ou por unha revolución hormonal normal e corrente, colleu unha forma máis redonda (na miña época de instituto seguiría estando claramente no bando das delgadas da clase, pero que saberei eu, eu non estudei no West Beverly Hills High). Na tempada que ABCFamily, custodia dos valores Disney na televisión, está a emitir este verán, só pasaron dous anos e Alison ten 18, pero en vez de abrazar as súas fermosas curvas, os estilistas da serie decidiron convertela na muller dun senador do medio oeste.



Conclusión: é moito mellor parecer un pouco pailana que amosar barriga, e se agardas o suficiente non te terás que preocupar pola barriga tampouco, que xa se apañarán para eliminar o teu personaxe ou toda a serie con el... e se non, que llo pregunten a Kirstie Alley!