Showing posts with label All work and no play.... Show all posts
Showing posts with label All work and no play.... Show all posts

Tuesday, 24 November 2015

all work and no play... (outono 2015)

Chegou o outono e case marcha, e eu aquí, procrastinando. Pero non vos preocupar, que non vos deixo sen a miña opinión gratuita e desinformada das series que veñen... Das que vin por agora, non pensedes que vou falar da tipa que resolve crimes seguindo pistas tatuadas no seu corpo nin do tío Jesse facéndonos a todos vellos na súa comedia na que é avó. En fin, aí vai, para todos os públicos e sen spoilers, o que vin este outono na tele (por agora).

O outono que ven


ABRIUSE A VEDA PARA A NOSTALXIA DOS NOVENTA

Scream Queens (FOX)

De que vai: Ryan Murphy strikes back. Esta vez é unha “homenaxe” ao xénero slasher, o mesmo que American Horror Story era unha homenaxe  a todas as películas de terror que se lle ocorreron a Murphy, é dicir, un pastiche de escenas sacadas directamente de outros autores, mesturadas nunha cocteleira e sazonadas cos estereotipos raciais e sexuais tan característicos do director multimillonario.
Por que mola: Emma Roberts é moi boa facendo de xefa de irmandade insoportábel,  e Nasim Pedrad é gloria bendita, aínda que non entendo moi ben que fai aí. En xeral o casting está ben, o mesmo que case todas as escenas de asasinatos, aínda que sigo preferindo as das películas orixinais.
Por que non mola: Segue a aburrida fórmula Ryan Murphy, que é a mesma desde Glee: colle de protagonistas a un grupo de brancos de clase alta e beleza imposíbel, e despois rodéaos por personaxes planos con carteis colgados: a negra, o discapacitado, o gay reinona, o gay malvado... Despois fai que os malos da serie sexan os que se metan con eles en todos os capítulos, creando situacións cómicas nas que é moito máis doado identificarse co malo de lingua viperina que co obxecto das súas burlas, e finalmente pon a parir os críticos que non louban os seus programas aducindo que “están contra a diversidade”. Repetir cada tempada até chegar ao billón de dólares.
A quen lle pode gustar: A fans de Glee e nostálxicos dos 90.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆



WASHINGTON OU SHONDALAND?

Quantico (ABC)

De que vai: un grupo de buenorros e buenorras teñen escenas de sexo na ducha mentres estudan na academia do FBI. Uns meses despois, un deles é  responsable dun atentado en New York e os outros seguen dándolle ao vapor mentres investigan ou algo. Non me enterei moi ben, entre os saltos temporais locos e os cambios de parella aleatorios é difícil seguir o argumento.
Por que mola: como xa dixen, buenorros, buenorras, steamy sex, e unha conspiración de fondo que dá para querer saber máis.
Por que non mola: O argumento non se toma en serio nin por un intre. Aínda que a premisa é “atentado terrorista involucrando o FBI”, o mesmo podería ser “doutores e doutoras buenorros salvan vidas no minuto 40 do capítulo” ou “famosa asesora do presidente buenorra líase co presidente armando a marimorena en Washington”... Vedes por onde vou? Outra cousa que me ten tola: os pelos da protagonista. É IMPOSIBLE investigar nada con esa cantidade de pelo diante dos ollos.
A quen lle pode gustar: A fans de Shonda Rhimes, que de todas formas a criticarán porque, con todo, non ten o ritmo das de Shonda Rhimes. Absterse fans de tramas de espías serias.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



NOT SO MODERN FAMILY

Life in Pieces (CBS)

De que vai: sketches cómicos sobre a vida de tres xeracións da mesma familia, conectados entre eles.
Por que mola: faltan comedias novas na tele para encher os ocos das que marcharon (Parks and Recreation) ou das que decaen perigosamente (The Big Bang Theory). Esta é un intento, con sorte mellora ao longo da tempada.
Por que non mola: as situacións cómicas son as mesmas dos últimos vinte anos, sen ningunha revisión nin frescura, co cal ás veces funcionan pero a maioría, non.
A quen lle pode gustar: sei que os fans acérrimos de Modern Family van poñer a parir esta polas conexións obvias, pero son o seu público obxectivo, realmente.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



GRINDER RESTS

The Grinder (FOX)

De que vai: despois do éxito da súa serie dramática, un avogado televisivo pensa que está capacitado para exercer na vida real, métese no bufete (e na vida) do seu irmán, e empeza a irromper nos seus xuízos berrando legalismos de serie de avogados.
Por que mola: Rob Lowe fai un personaxe excesivo por todos lados, compensado pola racionalidade do seu irmán Fred Savage, e é case como un spin-off the Parks and Recreation baseado na vida de Chris Traeger (o que sempre pedín a berros). Rob Lowe é un deses actores que empezaron facendo drama e por culpa diso tardamos en descubrir o seu enorme talento para a comedia. É un crack, e cando xuntas un crack con actores bos e un guión tan tolo como entusiasta, sae isto.
Por que non mola: O único que teño que criticar, por criticar algo, é que se deron demasiada présa en introducir un interese romántico para o protagonista, se cadra non era necesario ser tan sitcom niso.
A quen lle pode gustar: a fans incondicionais de Chris Traeger e do tipo de comedia que inaugurou The Office antes de morrer de morte natural.

Nota serióloga: ★★★★★

Isto no primeiro episodio. Non teño máis nada que engadir.


DEFINE “COMEDIA”

You, me and the apocalypse (Sky, NBC)

De que vai: A descrición oficial da serie di que un grupo “ecléctico” de persoas vense forzadas a agardar xuntas a chegada dun cometa que vai destruír a terra. Si, en fin.
Por que mola: ten toques graciosos, non graciosos de JAJAJAJA!, graciosos como cando contestas un chiste dun amigo cun só emoji de riso pero sen bágoas nos ollos, como dicindo “si, vale, ten graza, pero tampouco flipes que non é tan bo”.
Por que non mola: A este paso vou facer unha tese sobre Rob Lowe. Rob Lowe ten un pequeno papel de cura escéptico aquí, e como sempre borda o material co que traballa, só que desta vez o material co que traballa é normaliño tirando a moñas. Tamén está esa nova manía das cadeas de televisión de coller as comedias que non fai moita graza, estiralas para que os capítulos duren 40 minutos, e rebautizalas como “traxicomedias” ou, peor aínda, “dramedy”.
A quen lle pode gustar: a quen vexa calquera cousa con tal de que leve o selo de comedia británica (esta é coprodución). A fans da apocalipse coma min, pero fans moi militantes, porque hai polo menos sete series mellores que ver antes ca esta.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



O PACIENTE LEVA MORTO DESDE 2007

Code Black (CBS)

De que vai: un grupo de residentes comezan a traballar na sala de urxencias máis frenética desde o Mercy Meredith Seattle Derek’s Dead Grace Hospital e o Chicago Whatsherface George Clooney Memorial.
Por que mola: Hai que dicir que a sala de urxencias polo menos está sucia, desordenada, e con iluminación difusa, o cal a fai máis realista ca esas grandes salas brancas con persoal de pixama azul impoluto que vemos noutras series. E tamén sae Luis Guzmán, go Human Beings!
Por que non mola: residentes idealistas dándose de fociños coa dura realidade? si; doutoras teimudas utilizando procedementos inverosímiles nos dez primeiros minutos do episodio? por suposto; administración do hospital que non comulga cos procedementos de dita doutora? claro; celador/enfermeira que son en realidade os putos xefes do cotarro? dálle; mortes inesperadas que provocan un cambio vital nos residentes? como non! Hai moito tempo que o xénero hospitalario non é quen de ofrecernos nada que non saíse antes en E.R. (o cal e lóxico, que foron 15 tempadas).
A quen lle pode gustar: a ionquis das series de médicos. Se che gustan tanto que te chupaches Monday Mornings e The Night Shift, vaiche alegrar saber que esta é lixeiramente mellor.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆



NON É SUPERMAN CON SAIA

Supergirl (CBS)

De que vai: a CBS sube ao carro de todas as producións televisivas baseadas en cómics, pero faino ao estilo CBS, nada de torturados personaxes da Marvel de moral dubidosa... Nada de zonas grises... Moito mellor unha super-riquiña e super-boísima Super... girl de boa familia (DC Comics).
Por que mola: o caso é que dalgún xeito este  riquiñismo manifesto funciona, porque Supergirl é exactamente o que agardamos dela, Kara Zor-El a curmá de Kal-El que lle vai axudar a salvar o mundo cada semana, e mentres as aventuras de rutina coas que se atopa sexan entretidas, por que non? Tamén é de agradecer que non só Kara, senón practicamente todas as personaxes principais, boas,  malas e cheas de aristas, sexan mulleres, e sei que é incríbel que en 2015 sigamos a falar do test de Bechdel, pero isto é o que hai.
Por que non mola: polo mesmo que mola, non é máis có que vemos. Sen ningunha pretensión, ten potencial para seguir durante tempadas infinitas até se converter nun coñazo coma Lois & Clark ou, deus non o quera, Smallville.
A quen lle pode gustar: a fans de cómics, pero non a frikis de cómics.

Nota serióloga: ★★★☆☆



O POBO QUE ESQUECE A SÚA PROPIA HISTORIA, ESTÁ CONDENADO A VER CIENCIA-FICCIÓN

The Man in the High Castle (Amazon)

De que vai: Baseada nunha novela de Philip K. Dick, é unha historia de espías nun universo alternativo na que os nazis e os xaponeses gañaron a Segunda Guerra Mundial (de Franco non din nada) e e se repartiron o mundo, aínda que na serie todo pasa en Estados Unidos, loxicamente.
Por que mola: a idea do final alternativo da guerra é interesante abondo, pero ademais o argumento é tan intricado que se sostería sen axuda diso, non é nada tan simple como “a resistencia contra os malos”, tamén hai tensións entre as potencias invasoras, contraespionaxe, e todo o que debe constituír unha boa trama de espías. Tamén mola moito a ambientación dos tres lugares principais onde acontece a historia: New York (zona do Reich), San Francisco (zona xaponesa) e Canon City, NV (zona desmilitarizada); malia que a historia acontece nos anos 60, as diferenzas entre os tres fan intuír a evolución dos Estados Unidos desde a fin da guerra e como se foron adaptando ás potencias invasoras.
Por que non mola: polo que transcende nos primeiros episodios, a historia alternativa de como gañaron os nazis semella ser que soltaron a bomba H en Washington e, sen os americanos, os aliados perderon. O mesmo que ao escribir a historia “auténtica”, no universo paralelo a mitoloxía americana obvia Stalingrado e o papel fundamental da URSS na vitoria, nada novo. Ten outras americanadas, como que as biblias están mal vistas polo Reich, porque o código de boas prácticas da cultura ianqui dita que a relixión cristiá nuuuuuuuunca auspiciou, alentou nin aplaudiu ningún xenocidio no mundo. Pasando por alto iso (ou véndoo coma licencias creativas), non ten duda.
A quen lle pode gustar: malia ser ciencia-ficción estritamente falando, ten máis de drama histórico, así que a fans do xénero, desde Manhattan até The Americans. A premisa das películas que van procurando os protagonistas tamén ten un punto inquietante: lembroume,  claro que noutro estilo moi diferente, a unha xoia de Masters of Horror que se chamaba “Cigarette Burns”.

Nota serióloga: ★★★★☆

Proximanente, na segunda tempada de The Man in the High Castle,
o que si pasou de verdade nos EstadosUnidos de América.


E iso é todo... Polo menos até que a NSA me deteña e me metan en Guantánamo por este último collage. Desfrutade das series até a próxima entrega.

Thursday, 3 September 2015

all work and no play... (verán 2015)

O verán é un ermo televisivo e supoño que iso está ben, porque os seriólogos tamén precisamos que nos dea o sol e o aire... Así e todo, entre todos os libros que tiña pendentes aínda tiven tempo de ir vendo un par de series novas, e agora que se achegan as estreas de outono aquí volas deixo, para que despois non vos pillen coa axenda cargada. Nada de spoilers desta vez (creo):

O que vin este verán na tele:


ANONYMOUS É UN RAPAZ TÍMIDO E MOI RIQUIÑO

Mr. Robot (USA)

De que vai: un programador / hacker (pero dos de verdade, non dos que matan o vicepresidente metendo un virus informático no seu marcapasos, Homeland) traballa para a malvada corporación capitalista que domina o mundo (Monsanto? Pricewaterhouse? Gas Natural?) e ao mesmo tempo plantéase derrubala desde dentro coa axuda dunha sociedade secreta que poida que estea na súa imaxinación ou non.
Por que mola: Mr. Robot é a mellor estrea do verán e, a falta de ver as novas series de outono, diría que de todo o ano. A linguaxe visual e a escolla musical son impecábeis, e todo o bla-blá sobre tecnoloxía por primeira vez non dá ganas de cortarse as veas. Alén diso, creo que podería ver a Rami Malek vendéndome prolongadores de pene na teletenda e seguiría merecendo todos os premios do mundo, e o resto dos actores e, especialmente, as actrices que o acompañan tamén están á altura.
Por que non mola: é certo que os fans acérrimos de Fight Club levan cacarexando desde o minuto cero que as dúbidas sobre a saúde mental do protagonista son un calco da peli, pero aquí están tratadas de forma máis honesta e non co único obxecto de sorprender, por iso entran mellor. A caracterización dos malos ás veces é un pouco demasiado caricaturesca, pero como eu me creo calquera cousa que me conten dos executivos das grandes multinacionais, para min non hai problema.
A quen lle pode gustar: vou dicir unha sobrada, pero a calquera que lle guste a calidade nas series de televisión e que non as consuma simplemente porque son gratis e fáciles de ver. E tamén a programadores que soñan con ser hackers,  fans de Snowden e xusticeiros sociais en xeral.

Nota serióloga: «««««

Esta son eu cada vez que instalo un programa coa configuración automática.

LOS NIKIS TIÑAN RAZÓN

Zoo (CBS)

De que vai: un día calquera, todos os animais do mundo deciden poñerse de acordo para vingarse da raza humana de forma moi estraña, porque en vez de exterminarnos sen máis comezan a desenvolver condutas psicopáticas moi propias dos humanos. Por sorte, hai un grupo de conspiranoicos que dalgunha maneira xa previran isto e están dispostos a salvar a humanidade.
Por que mola: os leóns desenvolven mentalidade de enxame para poder atacar máis eficazmente os humanos, bandas de morcegos derruban helicópteros a plena luz do día e un oso entra nunha cociña de París para beber unha copa de Pinot Noir.
Por que non mola: os personaxes son case tan planos coma os actores que os interpretan, e non me fagades falar dos guións, porque nesta serie absolutamente nada ten sentido, pero que esperabades? É unha serie sobre animais sociópatas!

Ollo que isto é un diálogo real da serie.

A quen lle pode gustar: a calquera que lle guste o gore e os animais. Eu, pola miña parte, xa fixen as paces coa miña gata e prometinlle xogo limpo cando sexamos inimigas mortais.

Nota serióloga: «¶¶¶



BERRA DO MALA QUE É

Scream (MTV)

De que vai: un intento de recuperar a franquicia cinematográfica dos noventa pero adaptada a outro medio e outros tempos, iso quere dicir que as actrices son máis delgadas e os actores máis musculosos.
Por que mola: é unha serie para ter de fondo mentres fas outras cousas, como escribir blogs sobre series ou cortar as uñas dos pés. Ah! E sae Bex Taylor-Klaus, así que é como se Bullet vivise.
Por que non mola: a primeira película estableceu as regras, a segunda rompeunas e a terceira deulles a volta. A serie non sabe como xogar con regras auto-referenciais, así que o único que fai e darlles aos personaxes guións metatelevisivos sen chiste final nin sentido na trama.
A quen lle pode gustar: a idea era que lles gustase aos fans das películas pero tamén aos que nunca as viran. Ao final, creo que só lle gusta aos seus produtores.

Nota serióloga: 


CADÁVERES (ALGO MÁIS) EXQUISITOS

Fear the Walking Dead (AMC)

De que vai: os produtores de The Walking Dead tentando capitalizar o seu éxito cunha serie situada en Los Ángeles no comezo mesmo da praga, algo que Robert Kirkman, guionista dos cómics e co-creador da serie, asegurou que nunca veriamos.
Por que mola: cando xa empezabamos a cansarnos dos mantras da serie orixinal (ninguén está a salvo, non hai refuxios que duren, zzzzzzzz...), aparece unha nova fornada de personaxes que non saben nada dos zombis nin de como funcionan, e sempre é divertido ver unha cidade como Los Ángeles sumirse no caos.
Por que non mola: só temos un número determinado de episodios (e polo ritmo que leva van ser poucos) por diante até chegar ao punto de partida da serie orixinal, e despois será ver The Walking Dead outra vez, e iso si que non.
A quen lle pode gustar: a fans de The Walking Dead, pero non demasiado fans, porque esta serie non está copiada plano por plano do guión dos cómics, de feito é totalmente nova, co cal para moitos será un sacrilexio.

Nota serióloga: «««¶¶



NÚMERO 6 ALL OVER AGAIN

Wayward Pines (Fox)

De que vai: un axente do FBI vai na procura de dous axentes perdidos e atopa Wayward Pines, unha vila idílica que é basicamente como o Hotel California, podes tentar irte cando queiras pero nunca podes marchar. Mentres tanto a súa muller búscao a el e unha liña argumental, sen éxito.
Por que mola: a pesar de Matt Dillon e Juliette Lewis, ten actores e actrices moi bos, e a atmosfera de vila pequena e inquietante está moi lograda nos primeiros capítulos. O final é moi interesante se é realmente o final, pero moito me temo que vai ser unha desculpa para a segunda tempada.
Por que non mola: hai ocasións nas que os personaxes principais son tan estúpidos que é difícil non desexar que os maten dunha forma lenta e dolorosa, e a medida que avanza a trama comezan a verse os fíos que sosteñen os monicreques.
A quen lle pode gustar: seica aos lectores das novelas nas que está baseada non lles gustou moito, así que vou tirar máis por fans de series claustrofóbicas con vilas nas que nada é o que parece ou cun lixeiro toque sobrenatural, estilo (sempre sen comparar, átense los machos)Twin Peaks, The X Files, The Lost Room ou Persons Unknown e sobre todo The Prisoner.

Nota serióloga: «««¶¶



GOODBYE LENIN, WELCOME REVISIONISMO HISTÓRICO

Deutschland 83 (Sundance)

De que vai: un soldado noviño da RDA é forzado a infiltrarse como espía na RFA con hilarantes consecuencias. Non, é coña, as consecuencias prometen ser devastadoras, pero polo de agora fai moita graza ver as torpezas que comete o coitado chaval na súa labor de espía, como falar con naturalidade dos seus amigos de Cuba, haha.
Por que mola: a produción é impecable, desde a ambientación até a banda sonora, e a historia de Martin e como tenta servir o seu país aínda que sexa pola forza é bastante conmovedora, especialmente se obviamos o tufo anti-comunista do argumento.
Por que non mola: porque é inevitable comparala con The Americans, e esta última faino todo mellor e sen caer de xeito tan obvio na dicotomía “capitalistas bos / comunistas malos”.
A quen lle pode gustar: se despois de ler o resumo tiveches que buscar RDA e RFA esta non é a túa serie. É máis ben para nostálxicos da Guerra Fría desde ambos bandos ou xente que aprecie un bo guión e por suposto uns bos subtítulos, porque está rodada en alemán.

Nota serióloga: «««



HELTER SKELTER IN THE SUMMER SWELTER

Aquarius (NBC)

De que vai: David Duchovny é un policía duro ao que lle toca traballar cun policía moderno (para 1967)na procura dunha adolescente que fuxiu da casa para ir vivir coa Familia Manson. Só que na altura nin é a Familia Manson como a coñecemos, nin están a preparar os seus horrendos e moi morbosos crimes, nin Charlie Manson ten nada do infame atractivo que o fixo líder de adolescentes tolais. Nin sequera canta ben.
Por que mola: porque tira do morbo asociado á figura de Charles Manson, e unha espera entender como é posible que todas esas rapazas cometesen crimes sen pestanexar só porque el o dicía.
Por que non mola: porque a serie está centrada nos problemas familiares de David Duchovny e os clichés das series de época (un pouco de Vietnam por aquí e un pouco de LSD por alá...) e case diría que fan ben, porque o actor que fai de Manson ten o carisma dun calcetín de ximnasia usado.
A quen lle pode gustar: a incondicionais do xénero “aquellos maravillosos años”: Mad Men, Masters of Sex, The Astronaut Wives Club e o que parece un interminable etcétera na tempada que queda por vir.

Nota serióloga: «¶¶¶¶

A este Charles Manson si que o seguiría eu nunha serie de seis tempadas.

CARAMBA, POR QUE NO DECIRLO, LOS VISITANTES ESTÁN AQUÍ

The Whispers (ABC)

De que vai: Teoría da conspiración con marcianos polo medio, baseada nun relato de Ray Bradbury pero de casualidade. Está moi na liña da gloriosa e nunca suficientemente ponderada The Event. Unha serie de nenos empezan a comportarse de forma rara seguindo instrucións duns amigos imaxinarios, e un grupo de adultos listillos de seguida chega á conclusión de que os marcianos van invadir a terra e dispóñense a paralo.
Por que mola: Xa dixen teoría da conspiración e marcianos? É unha serie de verán, entretida e disparatada, pódela ver sen pedirlle moito e berrarlle aos protagonistas cada vez que toman unha decisión estúpida.
Por que non mola: ehem, nenos actores por doquier.
A quen lle pode gustar: fans de todas as series locas que tentaron seguir a onda de Lost e fracasaron estrepitosa mente. Asinantes da revista Mas Allá.

Nota serióloga: «««¶¶



LORD GRANTHAM TIÑA UN CURMÁN EN RHODE ISLAND (Comedy Central)

Another Period

De que vai: Natasha Leggero e Riki Lindhome converten Downton Abbey nunha sitcom, o cal non foi sen tempo. Case como unha colección de sketchs con continuidade, conta en clave de reality a historia de dúas ricas herdeiras mimadas e crueis e os criados que teñen que soportalas.
Por que mola: porque os chistes son moi básicos e os “famosos” invitados, como Mark Twain, Hellen Keller, Charlie Chaplin, Freud, Ghandi ou Trotsky, comportándose como se estivesen no programa das Kardashians son lo más.
Por que non mola: Ás veces os chistes son un pouco caca-culo-pedo-pis de máis... A quen quero enganar? Non hai tal cousa como ser caca-culo-pedo-pis de máis. É unha pena que Artemis Pebdani, que facía da irmá fea e polo tanto sufraxista das protagonistas, fose substituída despois do piloto, porque é unha cómica xenial, pero á parte diso...
A quen lle pode gustar: a calquera que considere que non hai algo como chistes caca-culo-pedo-pis de máis.


Nota serióloga: ««««



Isto é todo, titis. Apurade a ver as que creades que pagan a pena, que dentro de nada xa estamos de volta coas estreas do outono!

Friday, 8 November 2013

all work and no play... (outono 2013, a comedia)

Non vou ver todas as comedias que se estrearon este curso, nin sequera unha terceira parte. Non hai dereito a que ninguén pase polo suplicio de ver Sean Saves the World ou We Are Men, pero como serióloga teño que facer un sacrificio por vós, caro público, e por iso estas últimas semanas estiven vendo máis refritos de comedias de situación dos 90 dos que sería aconsellábel para unha persoa sensíbel coma min. E podo dicir con seguridade que a maioría delas son un truño. Aí vai a lista pormenorizada:

MACFARLANE’S CHAINSAW MASSACRE

Dads (Fox)


De que vai: dous programadores de videoxogos modernos, despreocupados e con cartos quéixanse de ter que compartir espazo cos seus pais, que non son nada modernos e non teñen un can, aínda que semellan máis despreocupados aínda cós fillos.
Por que mola: diría que porque ten actores moi versados na comedia (Seth Green,  Giovani Ribisi, Tonita Castro, Martin Mull), pero case dá máis rabia que non teñan unha serie mellor na que aproveitar o seu talento. No primeiro episodio hai un cameo de Dan Castellaneta (Homer Simpson) poñendo voces raras.
Por que non mola: Seth Macfarlane é demasiado branco, guapo e millonario como para que os seus chistes racistas e homófobos podan seguir sendo lidos en clave posmoderna. Agora mesmo só é un abusón de escola meténdose co máis débil, e esa fórmula aburre tanto por si soa que case nos fai esquecer outros horrores da serie, como as risas enlatadas.
A quen lle pode gustar: probabelmente a Peter Griffin, dubido que a ninguén máis.

Nota serióloga: ☆☆☆☆☆ (as estrelas son negras, isto significa 0 estrelas)

LOCA ACADEMIA DE SNL

Brooklyn Nine-Nine (Fox)


De que vai: unha comedia de situación nunha comisaría de policía, co axente que non segue as normas pero é encantador, o xefe duro que non se anda con coñas, o axente torpe, a axente bruta, a secretaria rara, etc...
Por que mola: porque ten actores tan guais como Andy Samberg e André Braugher, e algunha actriz nova da que hai estar moi pendente porque vai dar que falar (Chelsea Peretti). Tamén molan os gags que fan con artistas convidados como Fred Armisen.
Por que non mola: como acontece normalmente nas comedias, os primeiros episodios van por bo camiño pero aínda lle falta atopar o seu ritmo.
A quen lle pode gustar: a quen lle guste Andy Samberg e as curtas de Laser Cats de SNL, pero tamén a calquera que aprecie as comedias de unha cámara da última xeración, como The Office(NBC) ou Parks and Recreation.

Nota serióloga: ★★★★☆

BIG LOVE CON PROTAGONISTAS SIMPÁTICOS

Trophy Wife (ABC)


De que vai: unha moza sexy e alocada casa cun home que xa leva dúas ex-mulleres e tres fillos ao lombo, e por momentos semella que viven todos xuntos na mesma casa.
Por que mola: o da familia disfuncional pode parecer un argumento trillado, pero neste caso funciona. Os personaxes son moi graciosos e deseguida te enganchas con eles, e os nenos non resultan insoportábeis, o que, en televisión, é dicir moito. O piloto foi o mellor de todas as comedias novas con diferenza.
Por que non mola: os dous capítulos que seguiron o piloto baixaron un pouco o ton e o ritmo, e así e todo segue a ser a mellor comedia deste ano. Vaia, se cadra isto debería ir no “Por que non mola” de todas as outras...
A quen lle pode gustar: ao ser unha comedia familiar, abrangue un espectro máis amplo ca Brooklyn Nine-Nine, así que practicamente a calquera, especialmente a quen lle gustasen os primeiros episodios de Modern Family e agora xa estea até o carallo deles.

Nota serióloga: ★★★☆☆

NIN TODO O HISTRIONISMO DO MUNDO

The Crazy Ones (CBS)


De que vai: Robin Williams e Sarah Michelle Gellar son pai e filla e teñen unha axencia de publicidade na que asinan contratos millonarios con McDonalds e así...
Por que mola: malia que os guionistas deseñaron a serie sen máis premisa inicial que o talento de Williams e SMG, son os personaxes secundarios os únicos que aportan algo fresco. Hai actores novos moi brillantes e esperamos que a cancelen pronto para velos en series de máis calidade.
Por que non mola: imaxino todas as reunións de traballo na sala de guionistas comezando con esta frase: “Temos a Robin Williams, para que escribir? Que poña voces graciosas e xa... Alguén quere baixar ao bar?”
A quen lle pode gustar: non sei que dicir, a min gústame moito SMG e tolero bastante ben a Robin Williams, e nin así...

Nota serióloga: ★☆☆☆☆

SE É CERTO QUE VOLVEN OS 80, QUERO JACO PARA VER ISTO

The Goldbergs (ABC)


De que vai: É unha comedia familiar na que se supón que vemos como eran os 80 (para quen non o lembre) a través dos ollos dun neno repunante que se parece moito máis a Carlitos de Cuéntame que a Kevin Arnold.
Por que mola: diría que por ver a xente xogando con cubos de Rubik, polas cores flúor e continuas referencias a Flash Dance, E.T. ou The Goonies, pero como xa levamos case 10 anos metidos nun revival oitenteiro insoportábel, o raro sería non atopar ningunha desas cousas nunha comedia ambientada na actualidade.
Por que non mola: non ten nada demasiado horríbel, pero tampouco nada gracioso, en cada capítulo hai como moito un momento no que podes chegar a esbozar un medio sorriso. O neno pequeno é repulsivo e debe morrer.
A quen lle pode gustar: a quen vexa calquera cousa que dan pola tele con tal de que o formato sexa sitcom de 20 minutos.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆

LOS SERRANO CON PARKINSON

The Michael J. Fox Show (NBC)


De que vai: Michael J. Fox ten parkinson e unha familia televisiva.
Por que mola: Michael J. Fox (aka Alex Keaton aka Marty McFly aka Calvin Klein, ou Levis Strauss na versión dobrada) é dos poucos que souberon pasar de ídolos xuvenís a bos actores, malia gustarme máis cando fai de malo (The Good Wife), e a súa compañeira de reparto é Betsy “Jesus Christ Marie” Brandt.
Por que non mola: sitcom familiar, blabla, pai parvo e nai perfecta, blabla, tres fillos co patrón parvo-lista-entrañable, blabla, persoa de fóra do núcleo familiar (neste caso a cuñada) que crea conflito, blabla... O único que ten de orixinal é que o protagonista ten parkinson e fai chistes de parkinson.
A quen lle pode gustar: a fans incondicionais de Michael J. Fox.

Nota serióloga: ★★☆☆☆

TAKE CAR, GO TO MUM’S, KILL PHIL, GRAB LIZ, GO TO THE WINCHESTER...

Man Down (Channel 4)


De que vai: un desastre de profesor cuarentón que aínda vive cos seus pais tenta tomar as rendas da súa vida (to man up) para recuperar á súa moza. A premisa é moi parecida a Shaun of the Dead, pero sen zombis (polo de agora).
Por que mola: ten personaxes e situacións que lembran a The League of Gentlemen (canto a boto de menos). Os protagonistas son perfectos, e o pai de blabla é nada máis e nada menos que Rick FUCKING AWESOME Mayall, mundialmente coñecido por The Young Ones, Bottom e The New Statesman.
Por que non mola: ás veces confía demasiado nos chistes de caca-culo-pedo-pis, pero despois de todo son británicos.
A quen lle pode gustar: a fans de Rick Mayall, para empezar. A fans de The League of Gentlemen, The Inbetweeners e das comedias británicas en xeral.

Nota serióloga: ★★★★☆

A REACCIÓN DE CALQUERA DE NÓS Á TEORÍA DA CONSPIRACIÓN

The Wrong Mans (BBC Two)


De que vai: Sam colle a chamada dun móbil que se atopa nos restos dun accidente de tráfico, e por culpa diso el e o baldreu do seu amigo Phil vense sumidos nunha conspiración de alta escala.
Por que mola: Sam e Phil son moi críbeis no papel de pringaos que viron demasiadas películas de Hollywood. A conspiración en si é tan ridícula que engancha.
Por que non mola: sei que vai soar raro para estar a falar dunha comedia británica, pero algunhas partes son esaxeradas de máis.
A quen lle pode gustar: mais unha vez, a fans de Mayall e Edmonson, Wright e Pegg, The League of Gentlemen, e os grupos de humoristas británicos en xeral.

Nota serióloga: ★★★★☆

SITUACIÓNS EMBARAZOSAS (TAMÉN PARA O PÚBLICO)

Hello Ladies (HBO)


De que vai: un tipo que non liga porque ten cero habilidades sociais intenta ligar e métese en situacións violentas que fan que as mulleres ás que lle entra se sintan tan mal coma os espectadores na casa.
Por que mola: os actores que acompañan a Stephen Merchant na súa procura de amor son graciosos, máis nada. É a típica serie na que convén ten un ollo posto porque poida que se acabe convertendo nunha boa comedia despois duns cantos episodios.
Por que non mola: é unha nova versión de The Office, a comedia que nos fai sentir vergoña allea e ao mesmo tempo mágoa polo protagonista, mais sen o carisma de Ricky Gervais.
A quen lle pode gustar: a fans de Stephen Merchant e Ricky Gervais.


Nota serióloga:  ★★☆☆☆ (con reservas)

Saturday, 13 October 2012

all work and no play... (2)



Dáme moita preguiza comentar as comedias novas porque son todas moi parecidas, non só entre si, tamén parecidas ao de sempre. Polo menos este ano decidiron prescindir da tendencia do falso documental, e non hai ningunha serie na que os personaxes falen directamente a cámara comentando escenas da súa vida privada con total naturalidade, comezaba a ser un pesadelo.
Total, estas son as novas comedias que vin.

TERRIBLE, TERRIBLE, TERRIBLE

The New Normal (NBC)

De que vai: É o novo produto de Ryan Murphy, o creador de Glee e American Horror Story. En principio trata dunha parella homosexual rica que decide ter un fillo e contactan cunha nai de aluguer pobre e pailana. En realidade é media hora de estereotipos (os gays superficiais e con bos traballos, a hillbilly corta pero cun gran corazón, a nena que non encaixa na escola porque é demasiado lista para a súa idade...) e  Ellen Barkin ladrando insultos racistas e homófobos que se supón que nos teñen que facer graza porque ei! opinamos xustamente o contrario!, daquela iso debe de ser a retranca.
Por que mola: televisivamente non podo pensar en nada. En Estados Unidos hai unha panda de taradas que pensan que a serie foi ideada polo Anticristo, polo feito de que saian homosexuais adoptando bebés, e fan campañas contra ela, e ler calquera entrada do seu blog sobre a decadencia de América e a corrupción das nosas almas é moito máis entretido que ver un capítulo da serie.
Por que non mola: son os personaxes máis estereotipados desde aquela comedia dos 90 que se titulaba Unha Cantidade Moderada de Personaxes Estereotipados Facendo Cousas Pouco Realistas pero Hilarantes. Absolutamente todos os chistes baséanse nun dos protagonistas gays sendo super-gay, a paleta facendo cousas de paleta, ou Ellen Barkin dando un discurso tan esaxerado que non fai graza en contra de os gays/os negros/o aborto/as nais solteiras/Obama/Occupy Wall Street/a NBC/os franceses/os Dereitos Humanos and so on.
A quen lle pode gustar: ao seu creador, Ryan Murphy. Imaxínoo deitado na súa chaise longue de 8.000 dólares, co seu batín de seda e unha copa de xerez na man, rindo a esgalla e dicindo “fuck the ratings, I AM hilarious!”



AO FINAL QUEDA CO COMPAÑEIRO DE TRABALLO DURITO PERO DE BO CORAZÓN

The Mindy Project (Fox)

De que vai: Kelly Kapoor deixou a oficina de Scranton de Dunder-Mifflin (gustaríame poder dicir que a tempo, pero a data de caducidade da comedia que unha vez foi a miña preferida está nalgures entre a cuarta e a quinta tempadas), mudouse a  ¿Los Ángeles? e fíxose xinecóloga. En esencia é o mesmo personaxe, o único que lle dá sentido á súa vida é soñar con casar con Ken e ter moitos fillos, pero a diferencia da Kelly de The Office, esta Mindy non é esaxeradamente cotilla, nin unha raíña da chantaxe emocional, nin graciosa. Completando o proxecto están os seus dous compañeiros de traballo, un sedutor descerebrado co que ás veces se deita, e o outro, o da camaradería e a tensión sexual que os escritores van manter polo menos até o final da tempada.
Por que mola: deixei de vela no segundo capítulo. Se molaba por algo, supoño que era por ver que tal lle ía a Mindy Kaling fóra de The Office e a resposta é que se cadra se tiña que ter afundido co barco en vez de saltar a falta dunha tempada, sobre todo para facer isto.
Por que non mola: é previsible, moito máis do que a maioría das comedias, Mindy é aburrida e custa traballo distinguir o doutor cachondo pero superficial do doutor cachondo pero profundo.
A quen lle pode gustar: a quen lle gustase Sex and the City, Will & Grace, Friends e calquera outra comedia que postulase que o obxectivo último das mulleres na vida é casar cun home atractivo e ter fillos.



CHANDLER É MOITO MÁIS GRACIOSO CANDO NON É CHANDLER

Go On (NBC)

De que vai: Chandler Bing Ryan King é un comentarista deportivo de radio ao que lle acaba de morrer a muller. El di que está ben, pero como é evidente que non, obríganlle a ir a un grupo de terapia, deses que os americanos fan con calquera pretexto, para superar a perda. Alí atópase con xente moi rara e moi divertida, comezando pola terapeuta, que nin está cualificada nin o fai moi ben, e seguindo por unha banda de marxinados sociais con corazóns tan grandes coma os seus traumas.
Por que mola: os personaxes fanse querer decontado. Para comezar, non é a típica situación de tipo-duro-que-pasa-da-xente-ao-que-ao-final-lle-abrandan-o-corazón, senón que Ryan xa  demostra ser empático e agarimoso desde o principio. Os seus compañeiros de terapia son moi raros, pero non son caricaturas, teñen moitas aristas e están descritos con moito cariño. Ademais, os compañeiros de traballo de Ryan non aparecen só para dar contraste aos tolos, como acontece normalmente neste tipo de comedias, senón que tamén participan das cousas absurdas que fai Ryan e suman á profundidade da serie.
Por que non mola: ás veces pásase de tenra, normalmente as escenas finais teñen algo de moral, con todos os personaxes xuntos e felices, facendo algo incribelmente emotivo, pero o bo é que as cousas emotivas que fan aínda conseguen ser máis graciosas que na maioría das series. No piloto, vestíronse con complementos medievais da clase de ¿Dragones y Mazmorras? da aula do lado e foron perseguindo o coche de Google Maps.
A quen lle pode gustar: aos fans de Matthew Perry, pero tamén a calquera persoa que lle gusten as comedias cun punto de profundidade, como Parks and Recreation ou Community (por certo, dúas das mellores comedias da historia).



O DE SEMPRE CON MÁIS DO DE SEMPRE

Ben and Kate (Fox)

De que vai: Kate é unha nai solteira que traballa moito e non ten tempo para ligar ou peitearse, Ben é o seu irmán neno-atrapado-nun-corpo-adulto que nunca tivo un traballo serio e vai por aí facendo cousas estúpidas que nunca lle carrexan consecuencias. Hai un par de actores secundarios: o amigo parvo e fiel de Ben que está namorado de Kate desde neno, e a amiga sarcástica de Kate cuxa única misión seica é lanzar frases graciosas no momento axeitado para facer rir o público.
Por que mola: porque se non tes nada mellor que facer,só dura vinte minutos, e riste un par de veces no episodio.
Por que non mola: porque non é só que xa se fixese antes cen veces, é que xa se fixo antes mellor, peor e exactamente igual, así que non teñen nada que demostrar.
A quen lle pode gustar: á xente que sente a mirar calquera comedia de situación que dan na tele, sen importarlle a orixinalidade nin a calidade.



UN MONO CON BATA DE MÉDICO

Animal Practice (NBC)

De que vai: di ti que desta só vin un capítulo, pero non a entendín moi ben. É un hospital veterinario que parece un hospital de verdade (eu nunca estiven nun hospital veterinario pero non creo que se pareza en nada ao plató de ER), un médico que adora os animais pero odia as persoas, e nalgún punto aparece a súa ex-muller que ¿herdou o hospital? e agora é a administradora, creando un estraño paralelismo con House M.D. Non sei, estaba distraída polo mono con bata de médico conducindo unha ambulancia de xoguete.
Por que mola: porque ten un mono en bata de médico conducindo unha ambulancia de xoguete.
Por que non mola: porque só ten iso, e acaba aburrindo, mesmo a min que son unha gran fan dos monos vestidos de persoas.
A quen lle pode gustar: a quen lle gusten os monos e talvez os dramas médicos? En serio, non teño nin idea de qué vai, pero o mono era adorable.

Este é o Hospital Veterinario de Lugo
E esta é a clínica veterinaria de Animal Practice

E até aquí o que vin. Baixo ningún concepto vou ver The Neighbors ou Guys With Kids, nin sequera para poñelas a caldo aquí.

Tuesday, 2 October 2012

all work and no play...

Este ano tiven que facerme un calendario para lembrarme das series que teño que ver cada día. Non é grave, dentro dun mes estarei vendo só a metade delas, mais polo de agora vou tentar chegar ao 4º capítulo de cada unha das novidades que me propuxen ver porque, ben, porque é a regra dos catro capítulos: o piloto dunha serie nunca é un bo capítulo porque só sirve para establecer o escenario e as relacións entre os personaxes (iso non quere dicir que non enganche, unha salve a Breaking Bad),o segundo capítulo comeza a darche unha idea de por ónde vai a cousa, e os dous seguintes son fundamentais ben para engancharte definitivamente ou para perderte para sempre. Así que, unha vez establecida a regra dos catro capítulos, vou pasar dela para comezar a rajar das novas series desta tempada cando só vin os pilotos na maioría dos casos.

Hai cousas que nin sequera me molestei en ver porque chega con escoitar o nome para augurarlles unha cancelación inmediata - The Mob Doctor?, Guys with Kids? Emily Owens M.D?.En serio? – e outras porque lin o argumento e non teño palabras (teño palabras, pero está feo dicilas) – The Neighbors, Made in Jersey, Malibu Country-, o caso é que fixen a miña lista do que gosto e non gosto das novas series de outono. Como sempre, cun gran criterio e sensibilidade, e con algún que outro spoiler, pero só dos pilotos.

HOXE IMOS CO DRAMA, XA OUTRO DÍA SE TAL AS COMEDIAS

A GRANDE ESPERANZA BRANCA (o termo racista non é meu, senón dos señores que fixeron a peli):

Last Resort (ABC)



De que vai: duns militares americanos nun submarino no medio do ¿Pacífico? que en teoría están de manobras usuais, e de súpeto lles chega a orde de atacar Paquistán cunha chea de mísiles. O tema é que a orde non lles chega pola vía habitual, senón por unha canle de emerxencia que só se debía usar no caso de que Washington fose un cráter xigante. Os tipos comproban que Washington aínda existe (isto está guai, compróbano simplemente poñendo a tele), cuestionan a orde, e son desautorizados e atacados polo seu propio goberno. Conseguen escapar a unha illa e até aquí podo ler. E para que vos fagades unha idea, isto todo, na primeira media hora do piloto.
Por que mola: porque ten acción pero tamén intriga, os actores saben actuar (malia que un sexa o guapo de Felicity e outra a petarda de The O.C.), e as teorías da conspiración dan para moooooitas tempadas, que é o que nos gusta a nós.
Por que non mola: é certo que desenvolvendo tanto a trama no primeiro capítulo desconcerta un pouco, non estás segura de cómo van seguir tirando do fío sen facerse aburridos nos seguintes, pero cando chegue ao 4º xa o hei decidir.
A quen lle pode gustar: esta sería a típica serie que engancharía ao meu pai sen que ao final do capítulo tivese que preguntar “pero a Tony Manero non o mataran antes?” como fixo cando viu Pulp Fiction. Así que iso, xente afeita a ver series conspiranoicas, mais tamén pais fans de Walker Texas Ranger.


A DECEPCIÓN DE TODOS OS ANOS (a.k.a. A SERIE QUE TODO O MUNDO SE VAI EMPEÑAR EN COMPARAR CON LOST):

Revolution (NBC)



De que vai: Quince anos despois dun fenómeno que sumiu o planeta nun apago no que ningún aparato eléctrico de ningún tipo funciona (e foi por causas humanas, quero recalcar), un grupo de ­sunormales persoas únense nunha expedición para buscar ao irmán da prota, que foi secuestrado pola típica milicia ultra-violenta que se alza nos E.U.A. aos dez minutos de calquera desastre de magnitude, se temos que crer á ficción.
Por que mola: polo de agora ten un pouco de pracer culpable, porque te ris e lle berras “sunormal!” á pantalla cada vez que un dos protagonistas toma unha decisión estúpida, como pasaba con The Event (que non vistes The Event? A mirala agora mesmo! Das mellores peores series da historia, aí aí con Al salir de clase, e iso di unha fan de corazón da segunda).
Por que non mola: para empezar,obviamente, porque Eric Kripke me copiou a idea, aínda que só a idea inicial (a do apagamento global), da novela que debería estar continuando agora mesmo en vez de procrastinar con este blog. Para seguir porque os actores son malos con avaricia, menos Giancarlo Esposito, que xa ten collóns que pase da gloria de Breaking Bad a Once Upon a Time e a isto. Ademais, a distopía dun futuro sen luz ten os topicazos de sempre: milicias armadas até os dentes que no primeiro que pensan é en violar-violar-violar; un grupo de superviventes que entenden que a nova lei que impera é a da selva e deus os libre de traballar asambleariamente, colectivizar o que producen ou tomar decisións baseadas no sentido común (chaval, se vinte homes armados te apuntan a ti e a toda a túa vila con pistolas e rifles, a qué ven dispararlles unha frecha cun arco, espabilao?); uns efectos por ordenador cutres de carallo, onde as cidades están a medio camiño do Plistoceno só quince anos despois de marchar a luz, and so on.
A quen lle pode gustar: supoñendo que alguén aturase a tempada enteira de Terra Nova, vai camiño de se converter no mesmo bodrio.


A QUE SÓ MERECE UN POUCO  A QUE LLE VAI CAER ENRIBA:

Elementary (CBS)



De que vai: Ben, o nome desta tamén é bastante obvio, non si? Eu non vin a fantástica Sherlock da BBC/PBS da que todo o mundo fala marabillas, así que falo un pouco de oídas, pero tranquis que a teño na miña lista. Seica a CBS quixo aproveitar o tirón de Sherlock (do mesmo xeito que Sherlock aproveitou o tirón da peli de Guy Ritchie), e fixeron a súa propia versión do moderno Sherlock Holmes, eis o orixinal título. A novidade ven sendo que Watson é unha tipa (Lucy Liu, que non sei se me gusta ou me dá medo), e que Holmes, en vez de ser un detective que consume drogas de xeito lúdico, é un drogadicto que resolve crimes de xeito lúdico. Uau!, escoito dicir ás masas, tremendo cambio.
Por que mola: o piloto é entretido, sen máis,  (a resolución do caso algo coñazo) e Holmes non é brillante e irritante a un tempo, senón simplemente irritante, pero non me vexo capaz de engadir cos meus reproches máis pesar á súa situación (isto é unha referencia cinéfila, listos!), porque todos os fans militantes da serie británica están mandando hate-mails e ¿hate-twitters?  á sede da CBS por ousar facer algo semellante á súa Sherlock (por outra banda, coma se a BBC tivese a exclusividade sobre o personaxe ou algo).
Por que non mola: É moi triste que no primeiro capítulo sexa Lucy Liu/Watson a que dá a clave para resolver o caso. Veña ho! Suponse que nos estás presentando a Sherlock Holmes, unha mente extraordinaria capaz de deducilo todo, se non deixas iso claro no piloto... pf.
A quen lle pode gustar: A xente que non sexa fan de Sherlock,  e aos mesmos que lles gusta CSI, supoño.


A QUE TODO O MUNDO ESTABA AGARDANDO PARA ESCARALLARSE:

666 Park Avenue (ABC, malia que eu xuraría que era de E!)



De que vai: este título tamén é bastante obvio. É un edificio encantado que está situado no 999 de Park Avenue, en realidade (o que é bastante estúpido, porque se en Park Avenue hai un 999 iso quere dicir que tamén hai un 666 e por qué non usalo directamente, ademais Nova York debe de estar nalgún hemisferio estraño no que os 999 ao proxectar a sombra na parede se len 666, ha!). Basicamente consiste en que o dono do edificio (Terry O'Quinn de Lost e Millenium, e quén lle mandaría) é o demo,  e isto non é ningún spoiler porque o sabemos desde o minuto 0 do piloto máis ou menos, e vai facendo tratos a lo Fausto cos seus inquilinos. Mete á parella inocente de soñadores de Iowa que acaban de chegar á Gran Mazá, e listo, non dá para máis.
Por que mola: sinceramente, porque todo o mundo estaba agardando por ela para escarallarse. Lembrades como nos primeiros capítulos de American Horror Story parecía que todo era unha montaxe de videoclip das escenas de terror favoritas de Ryan Murphy un día que estaba particularmente pasado de éxtase? Pois esta é como unha montaxe con música de ascensor das escenas de terror favoritas dos guionistas de Tu estilo a juicio sen droga ningunha.
Por que non mola: porque só vin o piloto e tiven que mirar o reloxo unhas dez veces do soporífero que chega ser, e porque, parafraseando á amiga parva de Blossom, "Liberad a Willie II daba más miedo que esto".
A quen lle pode gustar: a alguén a que non lle guste en absoluto o terror nin o suspense nin a acción nin a comedia. Non sei, seguidores de Brothers & Sisters? (por certo, o prota de 666 é o irmán pequeno ionqui desa serie, o que se leaba coa de Revenge e ao primeiro lle daba cousa porque era como a súa medio irmá, e Ally McBeal estaba super en contra... que non ho! que eu nunca a vin!)


A QUE ESTÁ GUAI PERO PASA DESAPERCIBIDA (sobre todo porque aquí non a van dar na vida):

Copper (BBC America)



De que vai: Copper é unha palabra de argot inglesa para referirse aos policías (de aí ven o cop norteamericano). Aquí vou facer un pouco de etimoloxía creativa e dicir que a palabra ten a súa orixe na chapa identificativa que levaban os policías, que antigamente era de cobre (en inglés copper), a que se o digo así convencida cola? Pois iso Copper é a historia dun poli de orixe irlandesa que vive e traballa no distrito de Five Points de Nova York cara ao final da Guerra Civil Americana, un barrio no sur de Manhattan que agora é moi respectable pero daquela era unha braña. O tipo ten unha historia moi tortuosa detrás (a súa filla morreu e a súa muller desapareceu mentres estaba na guerra) e basicamente dedícase a combater o crime e a corrupción mentres se debate entre o amor dunha colega súa, madame dun bordel, e o dunha señora da alta sociedade, bastante putón.
Por que mola: desta xa vin os catro primeiros episodios, e malia que no primeiro explica un pouco de máis e non deixa lugar á intriga, a medida que avanza vai espazando moi ben a información, e sobre todo integrando o argumento de cada capítulo (os crimes que el resolve) coa historia xeral da serie. Os personaxes secundarios están moi ben retratados (ei, Franka Potente!) e a historia ten gancho.
Por que non mola: aínda que a ambientación está moi ben coidada, hai cousas bastante inverosímiles, como que o protagonista, Corky, sendo lumpenproletariado por moi detective que sexa, se poida pasear polos barrios altos e entrar nas festas das mansións coma se nada, ou que o seu colega o Dr. Freeman teña coñecementos eruditos de medicina forense sendo negro en 1864 (parece Grissom o tío, con tinta de lura e polvos de talco faiche un luminol se fai falla).
A quen lle pode gustar: a miña nai estou convencida, pero non lla van poñer en ningunha cadea e vai pasar de vela en orixinal. En xeral a xente que lle gusten as cousas un pouco escuras, de gangsters, polis corruptos, bandas e así. É de época, pero bastante moderna.


Hala,xa. A próxima semana ou así, as comedias.