Tuesday 2 October 2012

all work and no play...

Este ano tiven que facerme un calendario para lembrarme das series que teño que ver cada día. Non é grave, dentro dun mes estarei vendo só a metade delas, mais polo de agora vou tentar chegar ao 4º capítulo de cada unha das novidades que me propuxen ver porque, ben, porque é a regra dos catro capítulos: o piloto dunha serie nunca é un bo capítulo porque só sirve para establecer o escenario e as relacións entre os personaxes (iso non quere dicir que non enganche, unha salve a Breaking Bad),o segundo capítulo comeza a darche unha idea de por ónde vai a cousa, e os dous seguintes son fundamentais ben para engancharte definitivamente ou para perderte para sempre. Así que, unha vez establecida a regra dos catro capítulos, vou pasar dela para comezar a rajar das novas series desta tempada cando só vin os pilotos na maioría dos casos.

Hai cousas que nin sequera me molestei en ver porque chega con escoitar o nome para augurarlles unha cancelación inmediata - The Mob Doctor?, Guys with Kids? Emily Owens M.D?.En serio? – e outras porque lin o argumento e non teño palabras (teño palabras, pero está feo dicilas) – The Neighbors, Made in Jersey, Malibu Country-, o caso é que fixen a miña lista do que gosto e non gosto das novas series de outono. Como sempre, cun gran criterio e sensibilidade, e con algún que outro spoiler, pero só dos pilotos.

HOXE IMOS CO DRAMA, XA OUTRO DÍA SE TAL AS COMEDIAS

A GRANDE ESPERANZA BRANCA (o termo racista non é meu, senón dos señores que fixeron a peli):

Last Resort (ABC)



De que vai: duns militares americanos nun submarino no medio do ¿Pacífico? que en teoría están de manobras usuais, e de súpeto lles chega a orde de atacar Paquistán cunha chea de mísiles. O tema é que a orde non lles chega pola vía habitual, senón por unha canle de emerxencia que só se debía usar no caso de que Washington fose un cráter xigante. Os tipos comproban que Washington aínda existe (isto está guai, compróbano simplemente poñendo a tele), cuestionan a orde, e son desautorizados e atacados polo seu propio goberno. Conseguen escapar a unha illa e até aquí podo ler. E para que vos fagades unha idea, isto todo, na primeira media hora do piloto.
Por que mola: porque ten acción pero tamén intriga, os actores saben actuar (malia que un sexa o guapo de Felicity e outra a petarda de The O.C.), e as teorías da conspiración dan para moooooitas tempadas, que é o que nos gusta a nós.
Por que non mola: é certo que desenvolvendo tanto a trama no primeiro capítulo desconcerta un pouco, non estás segura de cómo van seguir tirando do fío sen facerse aburridos nos seguintes, pero cando chegue ao 4º xa o hei decidir.
A quen lle pode gustar: esta sería a típica serie que engancharía ao meu pai sen que ao final do capítulo tivese que preguntar “pero a Tony Manero non o mataran antes?” como fixo cando viu Pulp Fiction. Así que iso, xente afeita a ver series conspiranoicas, mais tamén pais fans de Walker Texas Ranger.


A DECEPCIÓN DE TODOS OS ANOS (a.k.a. A SERIE QUE TODO O MUNDO SE VAI EMPEÑAR EN COMPARAR CON LOST):

Revolution (NBC)



De que vai: Quince anos despois dun fenómeno que sumiu o planeta nun apago no que ningún aparato eléctrico de ningún tipo funciona (e foi por causas humanas, quero recalcar), un grupo de ­sunormales persoas únense nunha expedición para buscar ao irmán da prota, que foi secuestrado pola típica milicia ultra-violenta que se alza nos E.U.A. aos dez minutos de calquera desastre de magnitude, se temos que crer á ficción.
Por que mola: polo de agora ten un pouco de pracer culpable, porque te ris e lle berras “sunormal!” á pantalla cada vez que un dos protagonistas toma unha decisión estúpida, como pasaba con The Event (que non vistes The Event? A mirala agora mesmo! Das mellores peores series da historia, aí aí con Al salir de clase, e iso di unha fan de corazón da segunda).
Por que non mola: para empezar,obviamente, porque Eric Kripke me copiou a idea, aínda que só a idea inicial (a do apagamento global), da novela que debería estar continuando agora mesmo en vez de procrastinar con este blog. Para seguir porque os actores son malos con avaricia, menos Giancarlo Esposito, que xa ten collóns que pase da gloria de Breaking Bad a Once Upon a Time e a isto. Ademais, a distopía dun futuro sen luz ten os topicazos de sempre: milicias armadas até os dentes que no primeiro que pensan é en violar-violar-violar; un grupo de superviventes que entenden que a nova lei que impera é a da selva e deus os libre de traballar asambleariamente, colectivizar o que producen ou tomar decisións baseadas no sentido común (chaval, se vinte homes armados te apuntan a ti e a toda a túa vila con pistolas e rifles, a qué ven dispararlles unha frecha cun arco, espabilao?); uns efectos por ordenador cutres de carallo, onde as cidades están a medio camiño do Plistoceno só quince anos despois de marchar a luz, and so on.
A quen lle pode gustar: supoñendo que alguén aturase a tempada enteira de Terra Nova, vai camiño de se converter no mesmo bodrio.


A QUE SÓ MERECE UN POUCO  A QUE LLE VAI CAER ENRIBA:

Elementary (CBS)



De que vai: Ben, o nome desta tamén é bastante obvio, non si? Eu non vin a fantástica Sherlock da BBC/PBS da que todo o mundo fala marabillas, así que falo un pouco de oídas, pero tranquis que a teño na miña lista. Seica a CBS quixo aproveitar o tirón de Sherlock (do mesmo xeito que Sherlock aproveitou o tirón da peli de Guy Ritchie), e fixeron a súa propia versión do moderno Sherlock Holmes, eis o orixinal título. A novidade ven sendo que Watson é unha tipa (Lucy Liu, que non sei se me gusta ou me dá medo), e que Holmes, en vez de ser un detective que consume drogas de xeito lúdico, é un drogadicto que resolve crimes de xeito lúdico. Uau!, escoito dicir ás masas, tremendo cambio.
Por que mola: o piloto é entretido, sen máis,  (a resolución do caso algo coñazo) e Holmes non é brillante e irritante a un tempo, senón simplemente irritante, pero non me vexo capaz de engadir cos meus reproches máis pesar á súa situación (isto é unha referencia cinéfila, listos!), porque todos os fans militantes da serie británica están mandando hate-mails e ¿hate-twitters?  á sede da CBS por ousar facer algo semellante á súa Sherlock (por outra banda, coma se a BBC tivese a exclusividade sobre o personaxe ou algo).
Por que non mola: É moi triste que no primeiro capítulo sexa Lucy Liu/Watson a que dá a clave para resolver o caso. Veña ho! Suponse que nos estás presentando a Sherlock Holmes, unha mente extraordinaria capaz de deducilo todo, se non deixas iso claro no piloto... pf.
A quen lle pode gustar: A xente que non sexa fan de Sherlock,  e aos mesmos que lles gusta CSI, supoño.


A QUE TODO O MUNDO ESTABA AGARDANDO PARA ESCARALLARSE:

666 Park Avenue (ABC, malia que eu xuraría que era de E!)



De que vai: este título tamén é bastante obvio. É un edificio encantado que está situado no 999 de Park Avenue, en realidade (o que é bastante estúpido, porque se en Park Avenue hai un 999 iso quere dicir que tamén hai un 666 e por qué non usalo directamente, ademais Nova York debe de estar nalgún hemisferio estraño no que os 999 ao proxectar a sombra na parede se len 666, ha!). Basicamente consiste en que o dono do edificio (Terry O'Quinn de Lost e Millenium, e quén lle mandaría) é o demo,  e isto non é ningún spoiler porque o sabemos desde o minuto 0 do piloto máis ou menos, e vai facendo tratos a lo Fausto cos seus inquilinos. Mete á parella inocente de soñadores de Iowa que acaban de chegar á Gran Mazá, e listo, non dá para máis.
Por que mola: sinceramente, porque todo o mundo estaba agardando por ela para escarallarse. Lembrades como nos primeiros capítulos de American Horror Story parecía que todo era unha montaxe de videoclip das escenas de terror favoritas de Ryan Murphy un día que estaba particularmente pasado de éxtase? Pois esta é como unha montaxe con música de ascensor das escenas de terror favoritas dos guionistas de Tu estilo a juicio sen droga ningunha.
Por que non mola: porque só vin o piloto e tiven que mirar o reloxo unhas dez veces do soporífero que chega ser, e porque, parafraseando á amiga parva de Blossom, "Liberad a Willie II daba más miedo que esto".
A quen lle pode gustar: a alguén a que non lle guste en absoluto o terror nin o suspense nin a acción nin a comedia. Non sei, seguidores de Brothers & Sisters? (por certo, o prota de 666 é o irmán pequeno ionqui desa serie, o que se leaba coa de Revenge e ao primeiro lle daba cousa porque era como a súa medio irmá, e Ally McBeal estaba super en contra... que non ho! que eu nunca a vin!)


A QUE ESTÁ GUAI PERO PASA DESAPERCIBIDA (sobre todo porque aquí non a van dar na vida):

Copper (BBC America)



De que vai: Copper é unha palabra de argot inglesa para referirse aos policías (de aí ven o cop norteamericano). Aquí vou facer un pouco de etimoloxía creativa e dicir que a palabra ten a súa orixe na chapa identificativa que levaban os policías, que antigamente era de cobre (en inglés copper), a que se o digo así convencida cola? Pois iso Copper é a historia dun poli de orixe irlandesa que vive e traballa no distrito de Five Points de Nova York cara ao final da Guerra Civil Americana, un barrio no sur de Manhattan que agora é moi respectable pero daquela era unha braña. O tipo ten unha historia moi tortuosa detrás (a súa filla morreu e a súa muller desapareceu mentres estaba na guerra) e basicamente dedícase a combater o crime e a corrupción mentres se debate entre o amor dunha colega súa, madame dun bordel, e o dunha señora da alta sociedade, bastante putón.
Por que mola: desta xa vin os catro primeiros episodios, e malia que no primeiro explica un pouco de máis e non deixa lugar á intriga, a medida que avanza vai espazando moi ben a información, e sobre todo integrando o argumento de cada capítulo (os crimes que el resolve) coa historia xeral da serie. Os personaxes secundarios están moi ben retratados (ei, Franka Potente!) e a historia ten gancho.
Por que non mola: aínda que a ambientación está moi ben coidada, hai cousas bastante inverosímiles, como que o protagonista, Corky, sendo lumpenproletariado por moi detective que sexa, se poida pasear polos barrios altos e entrar nas festas das mansións coma se nada, ou que o seu colega o Dr. Freeman teña coñecementos eruditos de medicina forense sendo negro en 1864 (parece Grissom o tío, con tinta de lura e polvos de talco faiche un luminol se fai falla).
A quen lle pode gustar: a miña nai estou convencida, pero non lla van poñer en ningunha cadea e vai pasar de vela en orixinal. En xeral a xente que lle gusten as cousas un pouco escuras, de gangsters, polis corruptos, bandas e así. É de época, pero bastante moderna.


Hala,xa. A próxima semana ou así, as comedias.

No comments:

Post a Comment