Showing posts with label All In The Family. Show all posts
Showing posts with label All In The Family. Show all posts

Tuesday, 13 November 2012

folga xeral

Eu apoio a folga xeral, e a única forma que se me ocorre de darlle uso a un blog superficial coma este na véspera dunha folga, é facer unha lista de quen tamén a apoiou desde a ficción televisiva. Ánimo e a polo noso futuro.

All in the Family: The Bunkers and Inflation parts 1, 2, 3 and 4 (Tempada 5, Episodios 1, 2, 3 e 4)
1974

Durante os catro primeiros capítulos da quinta tempada de All in the Family, o sindicato de Archie Bunker decide ir á folga para conseguir que lles aumenten o salario mínimo. A familia ten débedas, como sempre, e Archie tenta que a súa muller Edith non descubra o da folga para non estragarlle o aniversario de voda. Edith, pola súa banda, tenta atopar un traballo para soster a familia durante a folga que, sendo sectorial, prolóngase durante semanas.

Esta é unha das poucas ocasións nas que un problema serio se desenvolve durante varios episodios, co cal a situación de normalidade non se restablece para o final do capítulo como adoita acontecer coas comedias.



Lou Grant: Strike (Tempada 4, Episodio 13)
1981

Lou Grant é o xornalista que todos quixemos ser (todos os que nos lembramos del, claro). Traballa como redactor xefe de Los Angeles Tribune e como boa serie dos 70, as súas tramas están cheas dos conflitos sociais que non volveron abordar xornalistas de ficción máis modernos.

En Strike os traballadores da rotativa do L.A. Tribune temen perder os seus postos de traballo coa instalación dun novo sistema informático e van á folga. Os redactores secúndana en solidariedade cos seus compañeiros, pero a directora do xornal obriga a Lou a permanecer no seu posto xa que é parte da equipa directiva. Coma moitos outros argumentos de Lou Grant, a historia garda paralelismos coa folga que os traballadores do Washington Post mantiveron en 1975.



The Comic Strip Presents: The Strike
1988

The Comic Strip era un grupo de cómicos británico de onde saíron os protagonistas de The Young Ones e algúns outros. Cada capítulo da serie era independente e os actores interpretaban a personaxes diferentes.

The Strike trata dun mineiro de Gales que se converte en guionista de cine e escribe unha peli estilo Ken Loach sobre as folgas mineiras do 84 no Reino Unido, baseada na súa propia experiencia. A produtora que a merca quere convertela nunha película de catástrofes (mineiras) na que Al Pacino (ao que o produtor se refire todo o tempo como Scarface) rescata a Meryl Streep. Aos poucos, a industria vai cambiando toda a película: a localización non lles parece realista malia ser o sitio onde realmente tivo lugar a folga; os anos oitenta non son o suficientemente miserábeis e queren cambiar a ambientación aos 30;  todos os actores ingleses teñen que parecer feos, sucios, mesquiños e ignorantes para destacar a heroicidade de Pacino... O resultado final é tan ridículo e afastado da realidade, que a película gaña numerosos Oscars.



The King of Queens: Strike One, Strike Too, Strike Out (Tempada 3, Episodios 5, 6 e 7)
2000

O protagonista de King of Queens, Doug, traballa para unha empresa de mensaxería e vive no barrio obreiro de Queens, en Nova York, coa súa muller, que é secretaria nun bufete, e o seu pai xubilado.

Neste capítulo a folga tamén se estende no tempo da serie durante máis dun capítulo. Ao primeiro, Doug está preocupado pola folga porque acaba de mercar un coche novo, pero para o último episodio semella que xa se lle esqueceu e parece máis ben que está de vacacións.



Grey’s Anatomy: Break on Through (Tempada 2, Episodio 15)
2006

Grey’s Anatomy é un melodrama sobre a vida e milagros (unha chea de milagros) de unha serie de doutores superdotados do ficticio Hospital Seattle Grace. Case todas as historias teñen que ver con leas amorosas entre os médicos (en ocasións tamén se dignan a confraternizar co persoal de enfermaría), que ven reflectidos os seus problemas nos seus pacientes.

En Break on Through as enfermeiras do Seattle Grace convocan unha folga e os doutores ignórana por completo, pensando que o seu sagrado deber de “salvar” pacientes está por riba das condicións nas que iso se fai. O único que a secunda é o residente de segundo ano George, que dá un discurso bastante efectista sobre a solidariedade obreira e o que supón ser un esquirol.

                             Non atopei fotos do episodio. Estes son algúns dos actores de Grey's Anatomy apoiando a folga dos guionistas en 2007-2008.

Thursday, 25 October 2012

que foi da comedia obreira


Non sei moi ben por que comecei a lembrarme de series inglesas ou americanas decentes que intentaron ter o seu refrito español... Lembreime desa especie de cruel universo paralelo no que Verónica Forqué interpretaba a Rosseane, e (válgame el cielo) El Comisario a John Goodman. A escenografía era como se unha tenda de souvenirs españois estoupase enriba da casa dos Conner, porque alén diso non mudaran nada. Lembro que mesmo tiñan unha manta de patchwork no respaldo do sofá, e o cable do teléfono (si, amigos, teléfonos con cable) era longuísimo, para que as fillas puidesen relear coas amigas pechadas no armario, como só se vía nas comedias americanas dos oitenta. O que tampouco mudaran fora o tema da vivenda, e iso renxía desde o primeiro capítulo: Roseanne e Dan Conner vivían nunha casa de dúas plantas nas aforas de Lanford, Illinois, porque así é como viven as familias obreiras americanas, polo menos as que sobreviven; que trasladasen iso punto por punto, facendo que unha familia obreira española vivise nun chalé nun barrio residencial de Madrid en vez dalgún deses edificios grises de cidade dormitorio, non foi a única das atrocidades que os adaptadores da serie cometeron, pero si a meirande.

Nestas estaba cando comecei a pensar que Roseanne era unha comedia con conciencia de clase, cando menos nas primeiras tempadas, até que os guionistas empezaron a consumir drogas duras e remataron facendo que aos Conner lles tocase a lotaría. Até entón, os seus problemas eran reais e sentíanse perto, e iso era o que tiña de auténtico, moito máis ca os chistes da súa creadora.

O malo é que a lotaría non lle tocou só aos Conner. Nese momento, os actores de Friends (1994-2004) aínda non eran multimillonarios, pero os seus personaxes xa vivían en pisos imposíbeis do Village neoiorquino, tiñan traballos indeterminados que lles permitían estar a todas horas no café, e cartos abondo para non ter que falar deles en case ningún episodio. Lembro unha bochornosa excepción, na que un conflito económico dividía o grupo en “amigos ricos” e “amigos pobres”: os pobres reprochábanlle aos ricos que eles non podían ir celebrar un aniversario a un restaurante carísimo nin pagar as entradas dun concerto de Hootie & the Blowfish, quero ser pobre en Friends. O único do grupo que xogaba ás veces o papel de pobre era Joey, un actor en paro que certamente non debería ter cartos nin para comer no Nova York real, por fortuna o seu amigo Chandler sempre estaba alí para pagar o piso, as facturas, a comida, e calquera outro vicio que Joey tivese, mesmo cando xa non vivían xuntos, iso é amizade. Phoebe facía moitas referencias a cando era pobre e vivía na rúa, e o que lle pasou a ela ha de ser o soño americano, porque pasou de vivir na rúa a ter cartos abondo para aparecer cada día cun vestido distinto e un bolso de deseño, e todo iso traballando de masaxista ou algo así. A moral detrás da historia ven sendo algo así como que aos vinte e tantos anos un pode ser un mozo neoiorquino atolondrado que non pode nin pagarse unha cea nun restaurante caro, mais a medida que vas entrando nos trinta, as cousas se acomodan e a madurez viste de Ralph Lauren. Aquí, na vida real, os trinta e tantos son tan incertos coma os vinte, pero con menos cartos no peto.



Os nenos pijos de Friends poden ser o estereotipo de personaxes superficiais, pero non son os únicos. En Mad About You, que estivo en antena de 1992 a 1999, houbo moitas ocasións nas que só un dos Buchman tiña traballo, e con todo amañábanse para pagar ese piso imposíbel no que vivían (hai uns anos uns tipos sacaron unha fórmula para calcular canto mediría en realidade o estadio de Oliver e Benji, considerando que cada vez que corrían por el vían a curvatura da terra; o piso dos Buchman non era tan esaxerado, pero a primeira vez que escoitei falar desa fórmula pregunteime se alguén podería facer algo semellante para medir o seu cuarto de baño). E non quero nin comezar a falar das series que están agora mesmo en antena, desde os apartamentos e a conta do bar de How I Met Your Mother, quén paga as matrículas da universidade dos personaxes de Community, ou qué pasa coa demencial Modern Family, na que todo o mundo é millonario malia que a metade dos personaxes non traballen e os que o fan teñen traballos máis ben dudosos (a quen se lle ocorrese facer o personaxe de Phil axente inmobiliario triunfador despois da crise financieira estadounidense é un xenio incomprendido).

Plano do "apartamento" dos Buchman en Mad About You. O que se atopa na internet!

Modern Family ou un anuncio de Tommy Hilfiger, o que fose primeiro.

Os ingleses sempre tiveron máis man para a comedia social. Nas mellores comedias de Rick Mayall, The Young Ones e Bottom, os protagonistas non traballan e viven en pisos miserentos cobrando o subsidio por desemprego, malia que o fin que se persegue  é cómico e esaxerado. The League of Gentlemen era unha comedia surrealista con toques de terror, totalmente fóra da realidade, e con todo os seus personaxes tiñan que ir todas ás semanas ao Job Centre aos mesmos cursiños de inserción inútiles que temos aquí, para poder seguir cobrando o subsidio. Iso xa a sitúa máis perto da realidade que calquera das comedias que están agora mesmo en antena.

Alguén podería argumentar que os tempos de necesidade son tempos de escapismo, e que a xente non quere ver desgraza na tele cando xa a ten na casa, pero iso ven sendo a mesma análise feita desde unha certa superioridade intelectual –e, seguro, moral – que cando alguén ven co conto de que os programas de merda de telerrealidade trunfan porque a xente é ignorante. Eu non creo iso para nada: All in the Family, a versión americana da serie británica Till Death Us Do Part estreouse en xaneiro de 1971, nun momento en que os E.U.A. estaban metidos até o pescozo en Vietnam e os conflitos domésticos ían en escalada, Roseanne viu o seu primeiro capítulo uns meses despois do Luns Negro da Bolsa... A comedia nunca foi sinónimo de escapismo, velaquí a miña (curta) lista desta semana:

The Honeymooners (CBS, 1951-1955)

The Honeymooners foi unha serie que as comedias snobs da actualidade leron en clave unidimensional, entendendo que facía apoloxía da violencia machista pola famosa frase de Jackie Gleason “One of these days... one of these days... Pow! Right in the kisser!". Unha chea de comedias modernas, desde Futurama a Family Guy parodiaron esa frase sen afondar nela: os Honeymooners eran unha parella de clase obreira que loitaba para chegar a fin de mes a primeiros dos anos 50, a violencia machista (malia que Ralph nunca chegase a cumprir as súas ameazas) era un problema estrutural que non se pode analizar independentemente das súas condicións de vida. O interesante da serie era que por primeira vez unha familia obreira e os seus problemas tiñan o protagonismo absoluto na televisión, algo que agora é impensábel.



All in the Family (CBS, 1971-1979)

Os protagonistas de All in the Family vivían no barrio obreiro de Queens e os guionistas eran conscientes diso. Nas primeiras tempadas, a filla e o xenro dos Bunker vivían con eles porque non tiñan cartos abondo para ser independentes, e os cartos e os conflitos laborais eran un tema recorrente na serie.



Good Times (CBS, 1974-1979)

Good Times é un spin-off de Maude, que á súa vez é un spin-off de All in the Family. Os seus protagonistas son unha parella negra, Florida e James Evans, que viven nun barrio pobre de Chicago. Non modesto, pobre. Florida traballa limpando casas e o seu home ás veces non atopa traballo e ás veces ten que ter dous á vez. A parte máis interesante desta comedia é que os Evans viven nuns edificios de protección oficial que máis tarde se fixeron famosos porque as bandas organizadas os tomaron como centro de distribución de drogas (algo así como as torres de The Wire) e puxeron de manifesto o papel das autoridades públicas á hora de crear guetos.



Roseanne (ABC, 1988-1997)

Os Conner son unha familia obreira que vive en Lanford, Illinois. Roseanne traballa coa súa irmá Jackie nunha liña de montaxe, e o seu home Dan fai chapuzas. Os cartos e os conflitos laborais son un tema recorrente nas primeiras tempadas: a primeira dela remata con Roseanne e as súas compañeiras da fábrica enfrontándose ao capataz e perdendo, o que as leva a todas á rúa.


Ao final só é tele, para qué darlle tanta importancia... Xa sei, ho, pero para min, que a televisión actual expulsase todos os personaxes da clase obreira pola porta de atrás e en silencio é un exemplo mais de cómo o capitalismo intenta expulsar a loita de clases do discurso cultural. E iso.


NOTA (26/10/12): Despois de publicar esta entrada, o meu colega Dio díxome que era un sacrilexio deixar a familia Bundy fóra desta lista; se alguén representa ás clases populares ese é o vendedor de zapatos máis malfadado da historia. A verdade é que si que me pasara pola cabeza incluir Married With Children na lista, pero despois desboteino porque a considero máis unha parodia de sitcom ca unha sitcom en si propia, creo que o feito de que os Bundy teñan problemas económicos é máis para burlarse das outras comedias de barrio residencial que nunca os mencionan, que como reflexo da sociedade na que se inspiran. Con todo, tes razón, Dio, se cadra porque foron capaces de ver onde se estaban encamiñando as outras telecomedias e souberon meterse con iso, merecen estar na lista:

Married With Children (Fox, 1987-1997)

Antes de ser millonario, Al Bundy vivía nun barrio de Chicago coa súa familia disfuncional. Mentres el se mataba a traballar vendendo zapatos de muller nuns grandes almacéns, a súa muller dedicábase a gastar os seus cartos e... Vaia, como en Modern Family pero en realista. (Ed O'Neill é un actorazo estea na serie na que estea; aquí, outra das marabillas que fixo e que ninguén lembra: The 10th Kingdom)