Tuesday 13 November 2012

folga xeral

Eu apoio a folga xeral, e a única forma que se me ocorre de darlle uso a un blog superficial coma este na véspera dunha folga, é facer unha lista de quen tamén a apoiou desde a ficción televisiva. Ánimo e a polo noso futuro.

All in the Family: The Bunkers and Inflation parts 1, 2, 3 and 4 (Tempada 5, Episodios 1, 2, 3 e 4)
1974

Durante os catro primeiros capítulos da quinta tempada de All in the Family, o sindicato de Archie Bunker decide ir á folga para conseguir que lles aumenten o salario mínimo. A familia ten débedas, como sempre, e Archie tenta que a súa muller Edith non descubra o da folga para non estragarlle o aniversario de voda. Edith, pola súa banda, tenta atopar un traballo para soster a familia durante a folga que, sendo sectorial, prolóngase durante semanas.

Esta é unha das poucas ocasións nas que un problema serio se desenvolve durante varios episodios, co cal a situación de normalidade non se restablece para o final do capítulo como adoita acontecer coas comedias.



Lou Grant: Strike (Tempada 4, Episodio 13)
1981

Lou Grant é o xornalista que todos quixemos ser (todos os que nos lembramos del, claro). Traballa como redactor xefe de Los Angeles Tribune e como boa serie dos 70, as súas tramas están cheas dos conflitos sociais que non volveron abordar xornalistas de ficción máis modernos.

En Strike os traballadores da rotativa do L.A. Tribune temen perder os seus postos de traballo coa instalación dun novo sistema informático e van á folga. Os redactores secúndana en solidariedade cos seus compañeiros, pero a directora do xornal obriga a Lou a permanecer no seu posto xa que é parte da equipa directiva. Coma moitos outros argumentos de Lou Grant, a historia garda paralelismos coa folga que os traballadores do Washington Post mantiveron en 1975.



The Comic Strip Presents: The Strike
1988

The Comic Strip era un grupo de cómicos británico de onde saíron os protagonistas de The Young Ones e algúns outros. Cada capítulo da serie era independente e os actores interpretaban a personaxes diferentes.

The Strike trata dun mineiro de Gales que se converte en guionista de cine e escribe unha peli estilo Ken Loach sobre as folgas mineiras do 84 no Reino Unido, baseada na súa propia experiencia. A produtora que a merca quere convertela nunha película de catástrofes (mineiras) na que Al Pacino (ao que o produtor se refire todo o tempo como Scarface) rescata a Meryl Streep. Aos poucos, a industria vai cambiando toda a película: a localización non lles parece realista malia ser o sitio onde realmente tivo lugar a folga; os anos oitenta non son o suficientemente miserábeis e queren cambiar a ambientación aos 30;  todos os actores ingleses teñen que parecer feos, sucios, mesquiños e ignorantes para destacar a heroicidade de Pacino... O resultado final é tan ridículo e afastado da realidade, que a película gaña numerosos Oscars.



The King of Queens: Strike One, Strike Too, Strike Out (Tempada 3, Episodios 5, 6 e 7)
2000

O protagonista de King of Queens, Doug, traballa para unha empresa de mensaxería e vive no barrio obreiro de Queens, en Nova York, coa súa muller, que é secretaria nun bufete, e o seu pai xubilado.

Neste capítulo a folga tamén se estende no tempo da serie durante máis dun capítulo. Ao primeiro, Doug está preocupado pola folga porque acaba de mercar un coche novo, pero para o último episodio semella que xa se lle esqueceu e parece máis ben que está de vacacións.



Grey’s Anatomy: Break on Through (Tempada 2, Episodio 15)
2006

Grey’s Anatomy é un melodrama sobre a vida e milagros (unha chea de milagros) de unha serie de doutores superdotados do ficticio Hospital Seattle Grace. Case todas as historias teñen que ver con leas amorosas entre os médicos (en ocasións tamén se dignan a confraternizar co persoal de enfermaría), que ven reflectidos os seus problemas nos seus pacientes.

En Break on Through as enfermeiras do Seattle Grace convocan unha folga e os doutores ignórana por completo, pensando que o seu sagrado deber de “salvar” pacientes está por riba das condicións nas que iso se fai. O único que a secunda é o residente de segundo ano George, que dá un discurso bastante efectista sobre a solidariedade obreira e o que supón ser un esquirol.

                             Non atopei fotos do episodio. Estes son algúns dos actores de Grey's Anatomy apoiando a folga dos guionistas en 2007-2008.

No comments:

Post a Comment