Monday 5 November 2012

spoiler alert! o que vin esta semana na tele (1)


Hai que dicir que as opcións desta semana se reduciron drasticamente polo furacán Sandy. Non porque destruíse as comunicacións e forzase a evacuar medio país, como pasou en Cuba ou Haiti, senón porque, como ben explicou Fred Armisen ao comezo de Saturday Night Live, a xente branca non pode vivir sen ver o último capítulo da súa serie favorita – o chiste era con Homeland – así que a maioría das cadeas decidiron adiar as estreas de capítulos até a semana que ven para que a xente que estaba sen luz non os perdese.



A partir de aquí todo son spoilers, así que lede á vosa discreción.

Revolution (Tempada 1 Episodio 6)

Sei porque a NBC foi unha das poucas cadeas que decidiron seguir adiante e emitir parte dos seus contidos novos como estaba programado. Quedoume claro cando me decatei de que seguiran adiante con Revolution pero ao día seguinte non emitiron o capítulo novo de Go On.  Creo que foi unha manobra de marketing emitir durante un apago xeneralizado un novo capítulo dunha serie que vai sobre un apago xeneralizado. E precisan todas as campañas de marketing e toda a axuda inesperada dos elementos que poidan para lavar a cara desta serie, porque arredios que é mala. Aínda que non o pareza, eu tiña ganas de que funcionase,de verdade. Gústame a ciencia ficción e son unha tarada dos escenarios apocalípticos, sigo mandando cartas ameazantes á CBS por cancelar Jericho... pero isto... isto é mala televisión da boa, se é que iso ten sentido. Voume limitar a explicar o argumento desta semana, que é do que trata esta entrada, e xa que cadaquén decida co seu confesor se quere ou non quere ver este truño.

Xa pasaron unhas cantas cousas desde o piloto no que o pai de Charlie e Danny morría e un Giancarlo Esposito ao que lle deberían facer devolver o Emmy imaxinario que non lle deron por Breaking Bad secuestraba a Danny para levalo co archimalvado Monroe, tan cutre que lle puxo á república que fundou o seu nome de pía. A doutora inglesa que levaba whisky envelenado nunha petaca por se acaso se atopaba con milicias violadoras morreu; a nai de Charlie e Danny está viva e secuestrada no pazo de Monroe porque aparentemente sabe máis dos USB que son capaces de xerar enerxía do que sabía o seu home; o miliciano ambiguo espía/colado por Charlie resultou ser o fillo de Giancarlo Esposito e seica o tío Miles ao principio do apago axudara a Monroe a construír a súa república de pacotilla e nalgún momento de proceso coñeceu a Nora, que ven sendo Lara Croft pero con menos peito e bastante máis torpe.


No capítulo desta semana, Nora estaba gravemente ferida por facer o imbécil no capítulo anterior, e os nosos heroes tiñan que buscar un sitio para curala antes de que morrese dunha infección. Por sorte, o tío Miles coñecía un traficante que vivía nunha mansión perto de alí (a unhas seis horas en coche de cabalos disque é o máis perto que se pode atopar axuda nun mundo sen electricidade), así que alá foron, pero sorprendentemente o traficante de heroína non era boa persoa e ademais gardáballe rancor a Miles por zzzzzzzzzzzzzzzzzzzzz O caso é que Charlie se deu un baño nun cuarto de estilo colonial (aparentemente os mobles tamén volveron ao século XIX tras o apago) e despois saíu da bañeira e púxose a romper postais medio en pelotas para darlle aos produtores un par de escenas ambiguas para a promoción do episodio que nos fixesen pensar que iamos ver unha trama de trata de brancas, pero nada máis lonxe da realidade. O traficante era un cruce entre un malo da serie de Batman dos 60 e Pierre Nodoyuna, cunha morea de ideas totalmente inefectivas para os seus plans de narcotraficante pero hilarantes na súa elaboración e posta en escena, e tiña un plan ridículo para que Charlie matase a un ex-policía irlandés que lle queimara un campo de opio en vinganza por enganchar á súa filla á heroína. Así que Charlie se puxo un vestido axustado (a outra parte da promoción do episodio)e foi matar a un señor irlandés inocente sen dubidalo porque o traficante ameazara con non deixalos marchar da súa mansión se non o facía, entón o tío Miles escapou da mansión sen demasiada dificultade e a foi rescatar antes de que fixese nada malo. Mentres tanto, o traficante decidiu espertar a Nora do seu estado semi-comatoso cun chute de adrenalina, e esa actriz debe de ser a única da súa profesión que non viu Pulp Fiction porque non ten nin idea de como finxir que estás inconsciente e acaban de meterche un chute de adrenalina. Ah! Outro dos retorcidos plans do malvado traficante e o seu can Patán foi darlle armas cargadas a Aaron o lerdo e Nora a torpe, e dicirlles que se tiñan que disparar entre eles e o que sobrevivise podía escapar porque ¿se aburría? Aaron deu un discurso moi emotivo, que é o único que fai na serie, e disparouse directamente sobre o corazón, onde levaba unha petaca probabelmente de adamantium, porque sobreviviu sen un risco. E despois o imbécil do traficante, que até o momento estivera parado diante dun coche blindado por se intentaban dispararlle (si, caro público lector, lestes ben, non dentro do coche blindado ou detrás del, non, diante do coche blindado) achegouse a el e Aaron matouno. Acto seguido o can Patán e o resto dos secuaces deixaron marchar a Aaron e a Nora porque Breaking Bad lles ensinou que ao comezo da súa carreira os traficantes poden ter bo corazón e nobres ideais.


Mentres tanto, o fillo de Giancarlo Esposito mosqueouse porque Monroe vai mandar a un perigoso torturador ao que acabamos de coñecer a matar a Charlie e os outros, e o mesmo malvado Monroe decidiu reunir a Danny coa súa mamá nun banco dun parque, non sei moi ben con qué taimado propósito. Ah, si, e tamén vimos flashbacks de Aaron que demostran que era tan covarde e inútil xusto despois do apago como agora, aínda que pode ser que todo o seu esqueleto sexa de adamantium, porque saíu indemne de ser arrollado por un camión cando ía na súa limusina. Que lle pregunte a Lady Di.

Modern Family (Tempada 4 Episodio 6)

Houbo un conflito que se resolveu satisfactoriamente antes de que rematase o capítulo, Gloria berrou e fixo honor ás súas orixes humildes e temperamentais, Jay comportouse como un vello rosmón, Phil Dunphy fixo algo estúpido e a parella gay tivo unha discusión sobre sobrepeso e ter a razón. E ao final a voz en off de algún deles explicou que o importante é a familia e estar todos unidos.

Supernatural (Tempada 8 Episodio 5)

Cando parecía que por fin nos libráramos dos Leviatáns, resulta que volven. Noooon, que era broma. Volveron, pero só brevemente nun flashback do Purgatorio, e Dean, Benny e Castiel libráronse deles en cero coma.

En realidade este capítulo estivo moi ben porque Dean volve ser Dean, con referencias que só el entende (o diálogo dos “vampirates” é o mellor que escoitei desde que decidiu chamarlle a uns monstros Jefferson Starships porque eran chungos e difíciles de matar) e disposto a arriscar todo por axudar a un amigo (neste caso, Benny, a súa nova adquisición, porque por moito que queira ao seu irmán, Dean non pode pasar unha tempada enteira sen un mellor amigo/figura paterna que admirar). O caso da semana tiña que ver coa historia pasada de Benny, cando era un vampiro que operaba en alta mar (vampire+pirate=vampirate, iso en lóxica de Dean é como 1+1=2, e tamén me lembrou a Community co cal, ben por ti, Supernatural). A historia en si é pouco orixinal, a verdade é que pensaba que o personaxe de Benny ía ter máis chicha, con iso de ser o único disposto a axudar a Dean e prometer non matar máis humanos con tal de saír do Purgatorio. O caso é que Benny era un malvado vampiro, namorou dunha rica herdeira, escapou con ela, ao seu señor/mestre/como se chame o vampiro que o transformou non lle gustou, matou a Benny e transformou á moza, e agora Benny volveu para se vingar. Naturalmente, non podía facelo só, e pediulle axuda a Dean, o que nos deixou algunhas escenas de Dean pateando cus outra vez, e un par de exemplos de slapstick cando está discutindo con Sam por teléfono en pleno niño de vampiros mentres intenta que non o descubran. Todo moi Dean. 


Sam pola súa banda estivo ñoño e aburrido coma sempre, cada vez que vía un aparato eléctrico lembráballe ao ano que traballou como técnico de mantemento dun motel e namorou dunha veterinaria mentres Dean sufría no Purgatorio. Ao final do capítulo, foi rescatar a Dean, supoño que pola culpabilidade de ter pasado del cando estaba no Purgatorio, e amoloulle un pouco chegar tarde, ver que Dean non o precisara para esa aventura, e sobre todo coñecer ao seu novo mellor amigo Benny, que ademais é un vampiro. A semana que ven supoño que tocará capítulo de discusión de namorados entre Sam e Dean (“deixáchesme por un vampiro!”, “el estaba cando ti non estabas!” e todo iso), e malia que iso é parte da orixe da serie, comeza a ser un pouco aburrido.

Suburgatory (Tempada 2 Episodio 3)

O meu problema con Suburgatory  é que me encantan todos os personaxes pero non me creo a Tessa. É unha especie de quero-ser-Juno-e-non-podo resabiada e supostamente cosmopolita, pero despois é tan parva como calquera outra moza de Chatswin. A súa premisa desta semana era basicamente esa, síntese moi madura pero non é madura abondo para coidar o bebé de Noah mentres el vai á ópera. O problema é que, se facemos caso da televisión americana, case todas as mozas medianamente responsábeis de máis de quince anos se dedican a coidar cativos cando os seus veciños saen a cear, e non me podo crer que George pensase en serio que a súa filla que pasou o verán en Nova York facendo prácticas nunha revista non é capaz de facer de canguro porque é filla única, tan mala é a educación que lle deches a túa filla, George?

Como era de esperar, Tessa pasou un mal rato coidando do bebé, pero non polos motivos que serían habituais (medo a que enferme, caia do berce, trague algo... e non saibas qué facer) senón porque de súpeto lle deu medo estar soa nunha casa que está a un tiro de pedra da casa do seu pai e das de outros veciños. Iso, sendo unha rapaza afeita ao máis duro de Nova York (ao que ela fai constantes referencias) non ten moito sentido. Iso solucionouse cando Ryan foi ao seu rescate (en parte porque estaba convencido de que tiña unha enfermidade terminal polo ben que o trata a súa irmá ultimamente e quería sonsacar a Tessa), e aí volvín a non entender o xogo de Tessa, que pasa a vida ondeando a bandeira do feminismo e a independencia e despois seica se abrandou con Ryan porque lle quedaba moi ben un bebé no colo. Agora que case todos os personaxes secundarios gañaron profundidade, Tessa comeza a verse como unha caricatura, e iso non é bo para o personaxe principal.

Por outra banda, George e Dallas saíron na súa primeira cita e foi moi divertido e inesperadamente romántico, e na casa dos Shay o feito de que Ryan sexa adoptado segue a ser o tema principal, o cal xa aburre un pouco. E case non lle vimos o pelo a Dalia, como desde o comezo da tempada, e iso sempre é malo. Escritores de Suburgatory, queremos máis Dalia, os seus diálogos ás veces son xeniais e outras veces se pasan de rosca, pero Carly Chaikin é unha actriz incríbel e fai que todo o que di Dalia se comente en internet ao segundo de rematar o capítulo.


Suburgatory foi, para min, a mellor nova comedia do ano pasado, entre outras cousas porque Cheryl Hines e Carly Chaikin son enormes, pero non pode confiar só en personaxes secundarios estereotipados. Se non lle dá algo de corpo a Tessa e non lle dá a Dalia máis acción que soltar frases lapidarias mentres pinta as uñas coa súa nai, corre o risco de se converter nun desfile de caricaturas do mesmo xeito que fixo Modern Family, outra comedia que prometía moito na súa primeira tempada.

American Horror Story: Asylum (Episodio 3)

La locura. Este capítulo é difícil de resumir porque pasaron centos de cousas. Para comezar, resulta que na actualidade non hai un só bloody face senón unha chea deles, un aparentemente sobrehumano e o resto unha panda de rapaces que mercaron a careta como disfrace de Halloween, xunto cunha pistola de verdade. O caso é que a parella fetichista seguía no manicomio abandonado despois do seu encontro con, imos dicir, Mega Bloody Face, o que lle arrincara o brazo ao fulano. Cando estaban intentando escapar atopáronse cun dos rapaces disfrazados, ímoslle chamar Fulgencio para non liarnos, que non só os asustou senón que lle cravou un pincho no peito ao fulano do brazo amputado e despois foi onda a moza. O tipo estaba incribelmente forte e, brazo amputado, coitelo no peito e todo, conseguiu chegar a onde estaba a moza e reducir a Fulgencio, e despois a moza desatou o seu estrés post-traumático acoitelando a Fulgencio até no carné de identidade. O problema é que despois chegaron os amigos de Fulgencio, digamos Atanasio e Teodoro porque eran dous, tamén vestidos de bloody face e mataron a tiros ao amputado e maila moza. E cando estaban para marchar, chegou Mega Bloody Face e aí nos quedamos.


Pola súa banda, en 1964 pasaron unha chea de cousas desagradábeis: para comezar a tipa francesa e Kit seguen querendo escapar, pero como agora xa non se fían de Lana colleron unha nova aliada, a ninfómana que interpreta Chloe Sevigny e que a semana pasada deu un discurso incríbel sobre a dobre moral e o feito de que se encerrase a mulleres por ter amantes mentres os seus homes andaban fodendo por aí, o que a converteu no meu personaxe preferido. Así que, como era de esperar, as cousas non lle foron demasiado ben esta semana. Pero xa chegaremos. O caso é que estes tres quixeron escapar, e aproveitaron unha cousa moi estúpida: como se aproximaba un trebón cousa fina, estilo Sandy, a irmá Jessica Lange decidiu que o mellor era xuntar a todos os presos enfermos nunha sala común para que se suxestionasen uns aos outros e cundise o pánico mentres vían un coñazo de película de Cecil B. DeMille que seguramente converteu en psicópatas perigosos os que aínda non o eran. Mentres tanto, a monxa pánfila, que aínda segue posuída polo demo –do que incribelmente ninguén se decatou a semana pasada malia o obvio que foi-, andou facendo das súas: primeiro tratou seducir o doutor Mengele (dado o título do seguinte capítulo, “I Am Anne Frank”, creo que xa lle podemos chamar así sen medo a trabucarnos), como pasou dela foi matar unha señora mexicana moi devota que seica era a única que recoñecía o que era, convenceu á irmá Jessica Lange para que volvese a darse á bebida con hilarantes resultados, e despois foi ver a película de DeMille e semellou perder interese en todas as maldades que puxera a punto porque seica o demo nunca estivo presente nas execucións de cristiáns na Antiga Roma ou en asasinatos de xente en xeral e por iso se sentía tan excitado por ver unha recreación feita nun plató de cine en 1932. Lana, pola súa banda, mandou o novo médico, o que vai de moderno e demócrata, a visitar á súa “amiga” (as súas palabras, non as miñas) e o tipo debe de ter un Máster en Sherlock Holmes, porque chegou á casa da tipa, viu que a porta estaba aberta e que había unha única pinga de sangue na alfombra, e concluíu que a moza fora asasinada (e evaporada?) por bloody face e que por tanto Kit era inocente. 


Lana creu isto sen problemas, non se amosou demasiado abatida pola morte da súa moza, e decidiu que o seu novo cometido na vida era demostrar a inocencia do seu até entón archienemigo Kit, así que lles indicou aos outros onde estaba o túnel que usara para entrar no manicomio coa monxa pánfila. Chloe Sevigny quedou atrás entretendo a un celador porque é unha soldado incríbel e sacrifícase polo ben do grupo, e utiliza o seu corpo para axudar porque é o instrumento que ten (en serio, personaxe preferido), pero o doutor Mengele atopouna e despois dunha escena de intento de violación que xa foi o bastante dura de por si (sobre todo cando o doutor se ría de que ela berrase “violación” co que lle gustaba o sexo, puf) descubrimos que o tipo, aparte de ser un torturador psicópata tamén ten un “pequeno” complexo (festival del humor) e para curalo decidiu, non sei, así a bote pronto, AMPUTAR AS DÚAS PERNAS DE CHLOE SEVIGNY!! Se algunha vez viaxo ao país das series de televisión, quero atopar a ese médico e matalo coas miñas propias mans.


Mentres tanto os outros tres (Lana, a francesa e Kit) conseguiron saír do manicomio, pero se atoparon coas criaturas do doutor, que semellan seres humanos moi sucios e bastante habilidosos, porque colgaron e abriron en canal ou algo os corpos que a monxa pánfila se limitaba a guindar no chan cunha carretilla. Os tres intrépidos internos escaparon, pero en vez de escapar cara a estrada ou o monte ou calquera outro dos puntos cardinais, volvéronse meter polo túnel e volveron á sala de recreo a tempo para que a irmá Jessica Lange, aínda medio prea, fixese o reconto dos presos internos.

Case me esquezo,na parte Expediente X da historia, o doutor Mengele estivo tentando determinar qué era o aparato con vida propia que sacou do pescozo de Kit, e como é un psicópata tarado que dirixía o dispensario de Belsen/Dachau/Mauthausen  está convencido de que o aparato é un artefacto de espionaxe posto alí pola Stasi e/ou a KGB. Nesta serie son tan sutís coa misteriosa orixe do doutor que me sorprende que non vísemos enriba da mesa do seu despacho un tapete bordado que diga “Arbeit Macht Frei”. Pola súa banda, a irmá Jessica Lange atopouse cun extraterrestre con boca de vaxina –o que non sei como interpretar, sinceramente- pero como estaba peneque non se vai lembrar o episodio que ven, e agora si, iso foi todo o que pasou. Ah, e Pepper foi ao baño e non volveu, cómo é esta Pepper.

Haven (Tempada 3 Episodio 7)

Por fin! Rematou a tensión sexual, e o gañador dun magreo con Audrey foi... tachán... Duke Crocker. O cal era bastante obvio porque a) hai que estar tola para deixar pasar a Eric Balfour e b) hai que estar tola para deixar pasar a Eric Balfour.

Aparte do meu arrebato de romantismo adolescente, pasaron unha chea de cousas interesantes esta fin de semana en Haven. Semella que estamos máis perto de descubrir o misterio de Audrey/Lucy, agora cunha nova reencarnación, aínda que con esta serie nunca se sabe e poida que todo sexa un xigantesco bluf, pero Audrey e Crocker viaxaron a Colorado e coñeceron á nai do Colorado Kid, do que agora xa sabemos o nome aínda que eu non me lembro. Malia que a nai tiña Alzheimer, cunha perruca e roupa pasada de moda conseguiron que a señora accedese aos seus recordos (en serio, guionistas de Haven? é iso o único que precisamos para curar o Alzheimer?) e enteráronse de que Audrey tamén fora Sarah, e de que o Colorado Kid non era o seu amante senón o seu fillo, e Sarah entregárallo a esta señora para protexelo. Aparte diso, Audrey e Crocker liáronse nunha escena bastante estereotipada, pero na que os guionistas tiveron a ben poñer en boca de Crocker unhas palabras tan conmovedoras que eu tamén me liaría con el, pero a quen quero enganar, faríao de todas todas. Antes de que pasase máis nada, Audrey afastouse del por nonseiqué chorradas de preservar a súa amizade e blablabla.


Onde a cousa se puxo realmente interesante foi en Haven, porque o monstro da semana era unha rapaza que podía resucitar os mortos se os tocaba antes do solpor do día en que morreran, e tiña unha irmá psicópata que ía por aí matando xente e despois pedíndolle cartos aos seus seres queridos para que a súa irmá os resucitase, o cal é a estratexia psicópata máis demencial que vin eu. No  transcurso da investigación, Nathan descubriu que Tommy era o asasino da pistola de perno, ou cando menos un asasino cunha pistola de perno, e teño que recoñecer que iso foi unha sorpresa para min, porque malia saber que Tommy ocultaba algo e velo desfacerse dun cadáver nada máis chegar a Haven, foi un personaxe ao que me habituei deseguida e asumín que era un máis da panda de "bos" porque o fixeron encaixar moi ben en apenas dous capítulos. O episodio rematou con Nathan ferido de morte por Tommy, a única rapaza que o pode salvar fuxida, Audrey e Crocker que acaban de voltar da súa aventura en Colorado e non saben que Tommy é malo, e o letreiro de "CONTINUARÁ" na pantalla, así que máis interesante non pode estar.

Non me canso de dicilo, Haven estase a converter nunha xoia de xénero na televisión. É unha serie que comezou cunhas pretensións moi modestas, metendo un monstro da semana e unhas liñas xerais bastante difusas coas que só tiñamos claro que os personaxes principais tiñan cousas misteriosas no seu pasado pero que tampouco nos importaban. En dúas tempadas e media foi capaz de elaborar unha rede intrincada de misterios, dosificando as súas revelacións e dotando os personaxes dunha mitoloxía moi complexa que xa quixeran moitas series de máis orzamento. Eu pola miña banda espero que dure seis tempadas e unha peli como mínimo.

E esta é a primeira parte do (pouco) que vin esta semana. Mañá ou pasado máis.

No comments:

Post a Comment