O verán é un ermo televisivo e supoño que iso está ben, porque os seriólogos tamén precisamos que nos dea o sol e o aire... Así e todo, entre todos os libros que tiña pendentes aínda tiven tempo de ir vendo un par de series novas, e agora que se achegan as estreas de outono aquí volas deixo, para que despois non vos pillen coa axenda cargada. Nada de spoilers desta vez (creo):
O que vin este verán na tele:
ANONYMOUS É UN RAPAZ TÍMIDO E MOI RIQUIÑO
ANONYMOUS É UN RAPAZ TÍMIDO E MOI RIQUIÑO
Mr. Robot (USA)
De que vai: un
programador / hacker (pero dos de verdade, non dos que matan o vicepresidente metendo
un virus informático no seu marcapasos, Homeland)
traballa para a malvada corporación capitalista que domina o mundo (Monsanto?
Pricewaterhouse? Gas Natural?) e ao mesmo tempo plantéase derrubala desde
dentro coa axuda dunha sociedade secreta que poida que estea na súa imaxinación
ou non.
Por que mola: Mr. Robot é a mellor estrea do verán
e, a falta de ver as novas series de outono, diría que de todo o ano. A
linguaxe visual e a escolla musical son impecábeis, e todo o bla-blá sobre
tecnoloxía por primeira vez non dá ganas de cortarse as veas. Alén diso, creo
que podería ver a Rami Malek vendéndome prolongadores de pene na teletenda e
seguiría merecendo todos os premios do mundo, e o resto dos actores e,
especialmente, as actrices que o acompañan tamén están á altura.
Por que non mola: é
certo que os fans acérrimos de Fight Club
levan cacarexando desde o minuto cero que as dúbidas sobre a saúde mental do
protagonista son un calco da peli, pero aquí están tratadas de forma máis
honesta e non co único obxecto de sorprender, por iso entran mellor. A
caracterización dos malos ás veces é un pouco demasiado caricaturesca, pero
como eu me creo calquera cousa que me conten dos executivos das grandes
multinacionais, para min non hai problema.
A quen lle pode
gustar: vou dicir unha sobrada, pero a calquera que lle guste a calidade
nas series de televisión e que non as consuma simplemente porque son gratis e
fáciles de ver. E tamén a programadores que soñan con ser hackers, fans de Snowden e xusticeiros sociais en
xeral.
Nota serióloga: «««««
Esta son eu cada vez que instalo un programa coa configuración automática. |
LOS NIKIS TIÑAN RAZÓN
Zoo (CBS)
De que vai: un
día calquera, todos os animais do mundo deciden poñerse de acordo para vingarse
da raza humana de forma moi estraña, porque en vez de exterminarnos sen máis
comezan a desenvolver condutas psicopáticas moi propias dos humanos. Por sorte,
hai un grupo de conspiranoicos que dalgunha maneira xa previran isto e están dispostos
a salvar a humanidade.
Por que mola: os
leóns desenvolven mentalidade de enxame para poder atacar máis eficazmente os
humanos, bandas de morcegos derruban helicópteros a plena luz do día e un oso entra
nunha cociña de París para beber unha copa de Pinot Noir.
Por que non mola: os
personaxes son case tan planos coma os actores que os interpretan, e non me
fagades falar dos guións, porque nesta serie absolutamente nada ten sentido,
pero que esperabades? É unha serie sobre animais sociópatas!
Ollo que isto é un diálogo real da serie. |
A quen lle pode
gustar: a calquera que lle guste o gore e os animais. Eu, pola miña parte,
xa fixen as paces coa miña gata e prometinlle xogo limpo cando sexamos inimigas
mortais.
Nota serióloga: «¶¶¶¶
BERRA DO MALA QUE É
Scream (MTV)
De que vai: un
intento de recuperar a franquicia cinematográfica dos noventa pero adaptada a
outro medio e outros tempos, iso quere dicir que as actrices son máis delgadas
e os actores máis musculosos.
Por que mola: é
unha serie para ter de fondo mentres fas outras cousas, como escribir blogs
sobre series ou cortar as uñas dos pés. Ah! E sae Bex Taylor-Klaus, así que é
como se Bullet vivise.
Por que non mola: a
primeira película estableceu as regras, a segunda rompeunas e a terceira
deulles a volta. A serie non sabe como xogar con regras auto-referenciais, así
que o único que fai e darlles aos personaxes guións metatelevisivos sen chiste
final nin sentido na trama.
A quen lle pode
gustar: a idea era que lles gustase aos fans das películas pero tamén aos
que nunca as viran. Ao final, creo que só lle gusta aos seus produtores.
Nota serióloga: ¶¶¶¶¶
CADÁVERES (ALGO MÁIS) EXQUISITOS
Fear the Walking Dead (AMC)
De que vai: os
produtores de The Walking Dead tentando
capitalizar o seu éxito cunha serie situada en Los Ángeles no comezo mesmo da
praga, algo que Robert Kirkman, guionista dos cómics e co-creador da serie,
asegurou que nunca veriamos.
Por que mola: cando
xa empezabamos a cansarnos dos mantras da serie orixinal (ninguén está a salvo,
non hai refuxios que duren, zzzzzzzz...), aparece unha nova fornada de
personaxes que non saben nada dos zombis nin de como funcionan, e sempre é
divertido ver unha cidade como Los Ángeles sumirse no caos.
Por que non mola: só
temos un número determinado de episodios (e polo ritmo que leva van ser poucos)
por diante até chegar ao punto de partida da serie orixinal, e despois será ver
The Walking Dead outra vez, e iso si
que non.
A quen lle pode
gustar: a fans de The Walking Dead,
pero non demasiado fans, porque esta serie non está copiada plano por plano do
guión dos cómics, de feito é totalmente nova, co cal para moitos será un
sacrilexio.
Nota serióloga: «««¶¶
NÚMERO 6 ALL OVER AGAIN
Wayward Pines (Fox)
De que vai: un
axente do FBI vai na procura de dous axentes perdidos e atopa Wayward Pines, unha
vila idílica que é basicamente como o Hotel California, podes tentar irte cando
queiras pero nunca podes marchar. Mentres tanto a súa muller búscao a el e unha
liña argumental, sen éxito.
Por que mola: a
pesar de Matt Dillon e Juliette Lewis, ten actores e actrices moi bos, e a
atmosfera de vila pequena e inquietante está moi lograda nos primeiros capítulos.
O final é moi interesante se é realmente o final, pero moito me temo que vai
ser unha desculpa para a segunda tempada.
Por que non mola: hai
ocasións nas que os personaxes principais son tan estúpidos que é difícil non
desexar que os maten dunha forma lenta e dolorosa, e a medida que avanza a
trama comezan a verse os fíos que sosteñen os monicreques.
A quen lle pode
gustar: seica aos lectores das novelas nas que está baseada non lles gustou
moito, así que vou tirar máis por fans de series claustrofóbicas con vilas nas
que nada é o que parece ou cun lixeiro toque sobrenatural, estilo (sempre sen
comparar, átense los machos)Twin Peaks, The X Files, The Lost Room ou Persons
Unknown e sobre todo The Prisoner.
Nota serióloga: «««¶¶
GOODBYE LENIN, WELCOME REVISIONISMO HISTÓRICO
Deutschland 83 (Sundance)
Deutschland 83 (Sundance)
De que vai: un
soldado noviño da RDA é forzado a infiltrarse como espía na RFA con hilarantes
consecuencias. Non, é coña, as consecuencias prometen ser devastadoras, pero
polo de agora fai moita graza ver as torpezas que comete o coitado chaval na
súa labor de espía, como falar con naturalidade dos seus amigos de Cuba, haha.
Por que mola: a
produción é impecable, desde a ambientación até a banda sonora, e a historia de
Martin e como tenta servir o seu país aínda que sexa pola forza é bastante
conmovedora, especialmente se obviamos o tufo anti-comunista do argumento.
Por que non mola:
porque é inevitable comparala con The
Americans, e esta última faino todo mellor e sen caer de xeito tan obvio na
dicotomía “capitalistas bos / comunistas malos”.
A quen lle pode
gustar: se despois de ler o resumo tiveches que buscar RDA e RFA esta non é
a túa serie. É máis ben para nostálxicos da Guerra Fría desde ambos bandos ou
xente que aprecie un bo guión e por suposto uns bos subtítulos, porque está
rodada en alemán.
Nota serióloga: «««¶¶
HELTER SKELTER IN THE SUMMER SWELTER
Aquarius (NBC)
De que vai: David
Duchovny é un policía duro ao que lle toca traballar cun policía moderno (para
1967)na procura dunha adolescente que fuxiu da casa para ir vivir coa Familia
Manson. Só que na altura nin é a Familia Manson como a coñecemos, nin están a
preparar os seus horrendos e moi morbosos crimes, nin Charlie Manson ten nada
do infame atractivo que o fixo líder de adolescentes tolais. Nin sequera canta
ben.
Por que mola:
porque tira do morbo asociado á figura de Charles Manson, e unha espera
entender como é posible que todas esas rapazas cometesen crimes sen pestanexar
só porque el o dicía.
Por que non mola:
porque a serie está centrada nos problemas familiares de David Duchovny e os
clichés das series de época (un pouco de Vietnam por aquí e un pouco de LSD por
alá...) e case diría que fan ben, porque o actor que fai de Manson ten o
carisma dun calcetín de ximnasia usado.
A quen lle pode
gustar: a incondicionais do xénero “aquellos maravillosos años”: Mad Men, Masters of Sex, The Astronaut
Wives Club e o que parece un interminable etcétera na tempada que queda por
vir.
Nota serióloga: «¶¶¶¶
A este Charles Manson si que o seguiría eu nunha serie de seis tempadas. |
CARAMBA, POR QUE NO
DECIRLO, LOS VISITANTES ESTÁN AQUÍ
The Whispers (ABC)
De que vai: Teoría
da conspiración con marcianos polo medio, baseada nun relato de Ray Bradbury
pero de casualidade. Está moi na liña da gloriosa e nunca suficientemente
ponderada The Event. Unha
serie de nenos empezan a comportarse de forma rara seguindo instrucións duns
amigos imaxinarios, e un grupo de adultos listillos de seguida chega á
conclusión de que os marcianos van invadir a terra e dispóñense a paralo.
Por que mola: Xa
dixen teoría da conspiración e marcianos? É unha serie de verán, entretida e disparatada,
pódela ver sen pedirlle moito e berrarlle aos protagonistas cada vez que toman
unha decisión estúpida.
Por que non mola: ehem,
nenos actores por doquier.
A quen lle pode
gustar: fans de todas as series locas que tentaron seguir a onda de Lost e fracasaron estrepitosa mente.
Asinantes da revista Mas Allá.
Nota serióloga: «««¶¶
LORD GRANTHAM TIÑA UN
CURMÁN EN RHODE ISLAND (Comedy Central)
Another Period
De que vai: Natasha
Leggero e Riki Lindhome converten Downton
Abbey nunha sitcom, o cal non foi sen tempo. Case como unha colección de
sketchs con continuidade, conta en clave de reality a historia de dúas ricas
herdeiras mimadas e crueis e os criados que teñen que soportalas.
Por que mola: porque
os chistes son moi básicos e os “famosos” invitados, como Mark Twain, Hellen
Keller, Charlie Chaplin, Freud, Ghandi ou Trotsky, comportándose como se
estivesen no programa das Kardashians son lo más.
Por que non mola: Ás
veces os chistes son un pouco caca-culo-pedo-pis de máis... A quen quero
enganar? Non hai tal cousa como ser caca-culo-pedo-pis de máis. É unha pena que
Artemis Pebdani, que facía da irmá fea e polo tanto sufraxista das
protagonistas, fose substituída despois do piloto, porque é unha cómica xenial,
pero á parte diso...
A quen lle pode
gustar: a calquera que considere que non hai algo como chistes
caca-culo-pedo-pis de máis.
Nota serióloga: ««««¶
Isto é todo, titis. Apurade a ver as que creades que pagan a pena, que dentro de nada xa estamos de volta coas estreas do outono!