Tuesday, 11 August 2015

Guía para engancharse a... Pretty Little Liars

Titis, estou nerviosa como unha colexiala. Nunhas poucas horas é o final de tempada dunha das series máis tolas, marcianas e ridiculamente adictivas que vin na miña. A tal altura moitos de vós teredes oído falar de A, ou non poñeredes cara rara se vos digo que esta noite van desvelar quen é a moza do abrigo vermello e se cadra tamén quen é a viúva negra (que, posibelmente sexa, á súa vez, a raíña de corazóns, diso non hai xeito de estar certa...). Para os que non entenderon unha palabra da frase anterior, vou tentar explicar toda esta tolemia que é Pretty Little Liars.

Esta semana: Guía para engancharse a Pretty Little Liars

Eeeh... normalmente aquí poñería un dos meus avisos de spoilers, pero esta serie dá tantas voltas que é difícil saber se vou revelar algo vital ou non. Por se acaso...



De que vai

Vale. Collédevos todos da man e pegados a min, que é doado perderse.

Isto eran catro amigas que vivían en Rosewood, unha vila de Pennsylvania (presuntamente, xa chegaremos a ese punto) onde o salario medio estaba arredor do trillón de dólares anuais. Durante anos foron as guais do instituto e a súa vida xiraba arredor de Alison, unha lurpia de moito coidado á que a metade do instituto odiaba e a outra metade quería ver morta. A serie comeza un ano despois da moi misteriosa desaparición de Alison unha noite que as cinco estaban a facer botellón no pendello dos pais dunha delas (nótese que neste resumo emprego a palabra “pendello” con total liberdade creativa, para empezar porque os moi millonarios señores Hatings, que teñen cociñeiros para facerlles a cea, non empregan o pendello para gardar as ferrament... que é iso? e para seguir porque en 15 anos de aluguer en Santiago vin pisos por 600 euros máis pequenos có tal pendello). Digresión, tu nombre me sabe a miel. 


Total, que un ano despois da desaparición da raíña do cotarro, as súas palmeras están espalladas, cada unha ao seu. Ao pouco das mozas se reuniren outra vez, os veciños que se mudaron á antiga casa de Alison descobren un corpo morto que todo o mundo asume que é Alison e fanlle un funeral. E xusto nese momento as mozas comezan a recibir mensaxes de texto de alguén que asina como –A e que seica sabe todos os seus secretos e os da xente que as rodea, e empeza a chantaxealas para que fagan cousas que non queren facer.


As protas

Como dixen, as liars son só catro.

Aria. Ao comezo da serie ven de pasar un ano sabático cos seus pais en Islandia porque o seu pai leva tempo poñéndolle os cornos a súa nai e esta frase para Pretty Little Liars ten perfecta lóxica. Nada máis volver, enróllase cun tipo nun bar e despois descubre que é o seu novo profe de literatura, todo un clásico. Este dato é súper importante, aparte de porque –A a chantaxea con iso, porque gran parte da serie se centra no romance entre Aria, que ao comezo ten 16, e Ezra, que é un adulto nunha posición de poder e xa antes de estar con Aria estivera liado coa desaparecida Alison, cando ela tiña... 14 ou 15? O mellor de todo é que a serie se emite en ABC Family, que se supón que é a filial familiar de ABC, onde emiten os contidos para todos os públicos, e que ambas as dúas son propiedade da Disney. Malia as críticas que lle choven a diario en internet, os guionistas de PLL poñen moito pero que moito empeño en romantizar esta relación de Aria co seu profe, e para moitos esa foi a pista definitiva para pensar que Ezra podía ser o mesmísimo –A (ver máis abaixo na sección Sospeitosos Habituais), pero o certo é que en 6 tempadas que levamos hai polo menos unha vintena de exemplos de homes adultos en posición de poder que nalgún momento lle tiran os trastos ás protagonistas, así que a serie tamén é unha mina para o tumblr. Por certo, deberiades saber que o nome monger de Aria + Ezra en internet é “Ezria”, e que teñades moito ollo cos seus fans, porque toman a defensa desa relación como algo demasiado personal.


Alén de todo isto, Aria é, xunto con Emily, unha das liars parvas, obxecto de todas as burlas do mundo no Reddit. Moita xente tamén sospeita que ela é –A porque as putadas que lle fai a ela semellan moito máis light cás das outras e por toda unha serie de detalles que a min se me escapan pero podedes atopar en milleiros, MI-LLEI-ROS, de blogs e páxinas web. Outra das razóns polas que a personaxe é tan popular en internet é polos modeliños que leva, que sempre inclúen estampados raros e sobre todo moitas plumas de cores.

Emily é outra das liars intelectualmente comprometidas, sempre que actúa pola súa conta fai cousas incribelmente parvas que fan que lle berres á pantalla, como nas pelis de terror dos 80 cando a moza indefensa entraba na casa e pechaba a cal e canto antes de mirar se había alguén dentro.
Ao comezo da serie está centrada na súa carreira deportiva como nadadora, pero deseguida descubrimos que a natación é unha metáfora xigante para o lesbianismo, e a partir de aí todo é unha sucesión de mozas nadadoras para Emily. A estas alturas a tradición di que Emily non pode pasar máis de medio capítulo sen moza, e cada vez que unha nova personaxe feminina aparece en Rosewood podemos dar por descontado que se vai acabar enrollando con Emily. Si, seguimos en ABC Family, pero é o que ten Pretty Little Liars, que é como se a escribise un comité de adolescentes salidos.


Emily tamén é a que máis lei lle segue a ter a Alison, mesmo despois de que desaparecese, e a través dos flashbacks das primeiras tempadas entendemos porqué. Unha pista: si, tamén se lían.

Hannah é unha das favoritas do público. Ao comezo da serie está reconvertida nunha especie de Alison, superficial e zorrupia, pero segundo avanzan as tempadas espabila, vólvese unha liar moi lista e fai tandem con Spencer, o cerebro do grupo. Ao pouco de comezar a serie coñece a súa alma xemelga, Caleb, e se pensabades que os fans de Ezria son perigosos, nunca nunca nunca cabreedes a un fan de Haleb, so risco de perder a vida. E sobre todo nunca, repito NUNCA mencionedes un spin off de PLL  chamado Ravenswood diante deles.


Spencer é dalgunha forma a líder do grupo, así que o seu nome tamén sae frecuentemente nas listas de sospeitosas de ser –A. Cando comeza a serie está centrada nos estudios e en ir a unha universidade das molonas, e cando –A comeza a torturar as mozas é unha das máis activas en tentar desenmascaralo/a e os seus plans terían éxito se non fose porque fai un pouco como Mortadelo e Filemón, que unha vez que un plan lle sae mal por causas alleas ao propio plan non se molesta en repetilo.

E así comezan todos os plans de Spencer...
No pasado Spencer tamén tivo unha certa tendencia a se liar cos mozos da súa irmá maior, porque, mais unha vez, isto é ABC Family e así é como funciona, pero despois comezou unha relación máis ou menos estable co xenial Toby, o que nos leva a...

Os favoritos do público (segundo Reddit e mais eu)

Toby. As nosas intrépidas protagonistas se pasan a primeira tempada e parte da segunda convencidas de que Toby ten algo que ver con –A porque é o irmán de Jenna. A ver como vos explico: Jenna era unha das inimigas de Alison no instituto, e tiña un irmán adoptivo (Toby) ao que obligaba a se deitar con ela porque, todos a coro, ABC Family! Un día Alison decidiu que Toby estaba espiando as mozas pola ventá e para darlle un escarmento foi e incendiou a súa casa (si amigos, si) sen saber que Jenna estaba dentro. Toby rescatouna, pero a raíz diso Jenna quedou cega e Toby pasou un ano ou así nun centro de menores porque todas lle botaron a culpa a el.

Se isto non fose malo abondo, Toby está interpretado por Keegan Allen, que posibelmente sexa o peor actor do mundo, e os textos que lle dan tampouco son especialmente brillantes nin coherentes. Nestas seis tempadas (dous anos no tempo de Rosewood), Toby pasou de ser o sospeitoso número un de matar a Alison a facerse moi amigo de Emily (antes de que ela descubrise que era... nadadora), e despois a saír con Spencer (Spoby) e a independizarse e montar a súa propia empresa de construción con... non sei, é difícil calcular o tempo nesta serie, digamos 18 anos?, e tamén como non a infiltrarse no círculo de –A para tentar descubrir quen é pero sen lle dicir nada a Spencer nin a o público para que todos pensásemos que el era –A. A última xenial idea de Toby foi facerse policía (así, a lo loco, e nun entrenamento que durou entre tres e dez días no tempo da serie) para traballar no moi corrupto e/ou incompetente departamento de policía de Rosewood e descubrir así a –A e a todo o seu equipo. A última vez que o vin suspendérano de emprego e soldo porque, nun capítulo patrocinado pola FAD, comeu unhas gominolas de marihuana (sen el o saber, por dios) e estragou unha nova oportunidade de coller a –A ao sufrir unha viaxe psicotrópica digna dun directo dos Grateful Dead. Que así non é como funciona a marihuana. Si, sabémolo, pero seica os guionistas de Pretty Little Liars non.


Mona. Antes de que Alison desaparecese, Mona era o parrulo feo, todas se rían dela e ela o único que quería era que a aceptasen no grupo... Tantas veces rexeitada, rematou por desenvolver unha mente criminal digna do doutor NO, pasou a formar parte da armada de –A para despois virar na súa contra (aínda que xura que nunca a/o chegou coñecer en persoa), hackeou o departamento de policía de Rosewood, finxiu a súa propia morte e tivo tempo de participar no festival da canción do instituto.

Os pais e nais de Rosewood. Lembrades cando ao principio de Al Salir de Clase en cada casa había unha familia enteira con pais e irmáns, e segundo ía avanzando a serie e reducíndose o orzamento os pais e nais de Siete Robles comezaron a desaparecer cos pretextos máis inverosímiles, até que nas casas só quedaron os adolescentes e xa non se vía ningún adulto na serie? Veña ho, se até se desfixeron de Manu, o pizzeiro galego! [Pausa para chorar a perda da xoia do humor absurdo da ficción española. Sigh] O caso é que en Rosewood pasa algo semellante, ao principio os pais e nais das protagonistas eran unha parte importante da trama malia non se coscar de que había un criminal acosando as súas fillas día si, día tamén. Despois algúns deles comezaron a marchar de Rosewood con estrañas explicacións (destinoume o exército en... tachán... Texas!; acabo de coñecer un home, imos casar e ir vivir a Suíza; durmo no meu despacho da universidade porque túa nai está anoxada...) e así até o punto que, no xogo de beber de Pretty Little Liars tes que beber un chupito por cada nai ou pai que aparece no capítulo. Aparte disto, os pais de Rosewood son un desastre para se preocupar pola seguridade das súas fillas, xamais botan o pecho da casa nin pechan as cortinas, non se decatan de que a vida das súas fillas está constantemente en perigo malia a tonelada de cadáveres que a tal altura se está amoreando no barrio residencial onde viven (así, a bote pronto, conto 8 persoas relacionadas coas rapazas en dous anos, pero para máis información só tedes que poñer “pretty little liars death toll” en Google).

Hai pouco as nais de Rosewood volveron á escena cos ollos abertos e a única misión de protexer as súas fillas, pero nun dos mellores capítulos que vin na miña vida, emborracháronse, deixaron as mozas sen supevisión e acabaron pechadas nun soto. Probabelmente morra algunha.


Sospeitosos Habituais

Para as mozas e para nós é fundamental desenmascarar a –A, non porque lles mande mensaxes para se meter con elas, senón porque ao longo das tempadas –A foi desenvolvendo un gusto excesivo polas películas de Saw e a tal altura é responsábel de secuestrar, torturar e matar a varios personaxes. Ademais é omnisciente, sabe todas as cousas que van facer as mozas antes de que as fagan e posibelmente tamén teña fontes no departamento de policía de Rosewood. E non traballa só. Soa? Aínda non temos claro se é un home ou unha muller, pero por agora, o que sabemos de –A é isto: hai un -A superior, que é un cerebro criminal con cartos ilimitados e acceso a toda a tecnoloxía e infraestruturas do mundo. A este -A vémolo normalmente ao final dos episodios, vestido de negro con capucha, luvas e máscara incluídos mentres fai cousas super normais como mercar nunha tenda, o cal non deixa de ser gracioso. Traballando para -A suponse que hai tamén unha serie de -A menores, e ademais tamén temos a:


Por iso é incríbel que cada vez que collen un único sospeitoso, estas rapazas se empeñen en pensar que remataron con –A.

Polo de agora estes son os sospeitosos máis ou menos plausibles que engrosan a lista de “Segurísimo que é –A pero non, pero se cadra si, pero ves como non? é que lle tenderan unha trampa, pero é se finxiu o da trampa e en realidade foi –A todo o tempo? pero é imposíbel que sexa porque ten coartada, pero a coartada non se sostén...”:

E, lembramos...


EzrA: nun momento dado descubriuse que sabía de sobra quen era Aria antes de lle entrar no baño dun bar o día antes de empezar a darlle clase (si, amigas) e non só iso, senón que tiña un rocho de acosador cun complexo dispositivo de seguimento e cámaras nas casas de todas as mozas ao final non pasou nada, porque todo iso era parte da súa investigación para... ESCRIBIR UNHA NOVELA!

Caleb: salvo polo incidente de Ravenswood, é o mozo perfecto e ademais hacker, o que sempre fai desconfiar.

Mona: Foi –A. Pero non a –A principal, senón unha das –As pequenas que traballaban para –A pero non sabían quen era, pero despois tamén foi secuestrada por –A. Dá igual, nin eu mesma o entendo.

Alison: a tal altura xa vos daría para pensar que Alison non está tan morta como parece ao comezo da serie, sobre todo porque PLL cumpre a mellor tradición telenovelesca, e se non ves o cadáver cos teus propios ollos iso significa que non hai tal cadáver, e ás veces nin que o vexas...

Melissa: a irmá maior de Spencer, que estaba resentida con esta porque lle quitaba e/ou mataba accidentalmente os seus mozos e quen sabe cantas complicadas razóns máis.

Peter Hastings: o pai de Spencer, que tivo un fillo fóra do matrimonio coa nai de Alison. Fillo que tamén é sospeitoso, o mesmo que era a nai de Alison até que a mataron.

Kenneth Dilaurentis: o pai de Alison. Un crack no de protexer a súa familia.

Aria: só porque os internautas a odian. Eu non creo que sexa tan lista.

Toby: estivo infiltrado canda Mona na rede de –As que conforman –A e agora ten acceso a moita 
información sobre o caso porque en tres meses pasou de cadete a axudante da inspectora xefe de policía.

Calquera dos homes adultos metidos en relacións inapropiadas con mozas adolescentes, o que ven sendo calquera home adulto de Rosewood.

Calquera en Rosewood, en xeral.

La ciudad de Townsvil... digoo, Rosewood!

Rosewood en si escapa ás leis da lóxica e da física máis elemental. Suponse que está en Pennsylvania, e suponse que os invernos en Pennsylvania son duros e hai tormentas de neve e esas cousas. Este é o aspecto dun inverno en Rosewood:


Se engadimos a iso o feito de que o tempo alí pasa de forma diferente, porque as mozas levan catro tempadas ancoradas en 2012 pero ao mesmo tempo fan referencia a circunstancias externas posteriores, como estreas de películas ou cancións deste ano, a min non me sorprendería que en realidade Rosewood sexa unha desas vilas marcianas de Ray Bradbury onde os protagonistas pensan que están na súa casa e rodeados dos seus seres queridos pero en realidade están a piques de morrer no planeta vermello. Tampouco sería unha mala explicación para a serie.

Curiosidades

Aínda que case nunca o pareza, ás veces os guionistas de PLL fan cousas a propósito. Por exemplo, un capítulo enteiro en clave de film noir ou estas homenaxes a Hopper:


Daquela, o teu consello... Debería ver Pretty Little Liars?

Se tes entre 13 e 18 anos, sen dúbida algunha.

Se che gustaba Lost polos xiros impepinables de guión que os escritores daban cada vez que estaban atrapados nun argumento que non había por onde coller, tamén che vai gustar, pero estate preparado para que ao final da serie queden moitas preguntas sen resolver e as poucas respostas non sexan satisfactorias. Ah, que xa sabes o que é iso?

Se botas de menos a anarquía argumental de Al salir de clase, como as historias de “la banda del bate” ou cando había un asasino en serie que matou a Helen Lindes, esta é definitivamente a túa serie. Continuidade moi pouca, explicacións as xustas e aos guionistas non lles podería importar menos.


Se che gusta trolear en internet e estás enganchado a Reddit, definitivamente. Un dos maiores praceres de ver Pretty Little Liars é vela en streaming (ehem, ás tres da mañá de aquÍ) mentres vas seguindo este fío de comentarios, que ten un xogo para beber con PLL incríbel e algunhas das críticas máis agudas que vin eu na vida.

Finalmente, se es un tío e conseguiches ler até aquí, non só é recomendábel que vexas a serie, senón que aquí tes máis coma ti.

Hala, a ver quen se traga un maratón antes da final desta noite!

Wednesday, 5 August 2015

o peso ideal nas series de televisión

Este mes deixei a dieta, e para evadir o meu sentimento de culpa levo toda a noite buscando mulleres gordas en papeis relevantes en televisión, que case é o mesmo que buscar mulleres vellas ou mulleres feas, a non ser que falemos, claro está, de convencións estilísticas como a vella sabia ou o parrulo feo.  As mulleres gordas non están por ningures na televisión que consumimos e que eu comento, e cando están obedecen a un obxecto satírico ou moralizante, nunca son personaxes reais senón máis ben encarnación de defectos ou virtudes, o mesmo daría que en vez da Monica gorda de Friends os seus amigos se dirixisen a unha galiña falante de dous metros ou que García de Criminal Minds fose unha porquiña rosa vestida con minisaia e tacóns. Outro día, se cadra noutro blog, podo analizar o caso español, onde as presentadoras de televisión teñen que ser simpáticas á vez que están cachondísimas, ou o caso galego, onde Gayoso leva trinta anos presentando o Luar acompañado dun desfile de traxes de noite con clons dentro que se renovan cando van quedando vellos, porque para carisma xa abonda co del, pero iso, que mellor noutro blog...

O que me chama a atención das series americanas é que levan anos perfeccionando o papel do “espectador subrogado” , nun intento por lle dar voz e imaxe á audiencia das súas ficcións, e é estúpido que ningún personaxe feminino relevante de ningunha serie teña un IMG superior a 20 cando o 35% da poboación adulta estadounidense é obesa (un dato terrorífico tirado da Wikipedia que á súa vez tirouno dunha publicación do CDC en 2010).


O mesmo que as guapas teñen que ser guapas pero sen o tentar demasiado e que os retoques son pecado mortal (sempre que sexan chafalleiros e te pillen) as gordas simplemente non poden existir na televisión americana porque... que caste de exemplo lle estariamos dando ás nosas fillas? Falo das mesmas fillas ás que bombardeamos con programas como Toddlers and Tiaras, os centos de Real Housewives ou o xa clásico da endogamia redneck Duck Dynasty. [NOTA: négome a reproducir imaxes deses programas neste lugar sagrado para min, pero os máis masoquistas tedes ligazóns a todos eles a só un click... alá vós].

A conclusión de todo isto ven sendo que en televisión todo é aceptable salvo os quilos de máis.



E como sempre, coa vocación de servizo público que caracteriza este blog, velaquí a serie de directrices a seguir se algunha vez na vosa vida sodes personaxes de ficción televisiva ou guionistas na procura de produtoras.

Como conseguir o peso ideal para aparecer nunha serie americana

1. Unha muller nunca nunca nunca se preocupa polo seu peso. Ou está delgada de forma innata a pesar de meterse atracóns de comida rápida American-style ou simplemente non merece vivir. Lembro unha tempada da infame The O.C. na que tentaban introducir un interés romántico máis terreal para Ryan. A rapaza en cuestión estaba delgada coma unha porta, o mesmiño có resto, pero cometía o erro de comentar diante de Marissa e Summer que lle custaba moito seguir a súa estrita dieta para conseguir estar así. As dúas mozas ollárona horrorizadas por enriba das súas hamburguesas graxentas e despois seguiron roendo nelas. Por desgraza, a escena cortouse antes de amosarnos como as dúas divas de instituto se dirixían ao baño a vomitar toda a graxa que acababan de tragar, o único que explicaría a súa gravidade cero con eses hábitos alimenticios. E, por suposto, a nova rapaza e Ryan nunca foron algo serio, ela simplemente non estaba feita para ese mundo.

Isto aconteceu porque nalgún momento a comezos do novo século alguén quixo vendernos que a nova muller (branca e de clase media) xa non se preocupaba polo que comía, facer dieta era vulgar e nada sofisticado... O que nunca nos revelaron é que todas as nosas heroínas de ficción tiñan un metabolismo máxico que lles permitía comer sen preocupacións e tamén sen consecuencias.



2. Se non estás delgada, só podes ser unha gordecha entrañable, pero ningunha mención á comida. Como en Mike & Molly, onde o 80% dos chistes no guión teñen que ver con Mike e a comida pero nin unha soa vez se menciona a posibilidade de que a Molly lle guste comer. E como non, é unha comedia, o único que pode facer Melissa McCarthy porque, malia ser unha actriz cun rexistro incrible, seica non dá a talla para o drama (pun intended). O mesmo acontece nas últimas tempadas de SNL con Aidy Bryant, unha das mellores incorporacións a quen só lle dan papeis de gorda... Xa estou oíndo os repunantes, “é que está gorda...” Vale, fans de SNL, imaxinade por un momento que Jay Pharoah só tivese papeis de negro. Como é iso? Que en vez de interpretar ás veces un home de negocios ou un dependente deTarget, interpretase sempre un home de negocios de Baltimore ou un rapeiro dependente de Target que atende bailando e facendo chistes de “yo’mamma”. Iso é o que lle pasa a Aidy Bryant: cando fai de nena, é a nena gordecha entrañable; cando fai de adolescente, é a adolescente gordecha e sen amigos; e cando fai de señora maior é esa velliña que parece a muller de Santa Claus. E, malia ter unha voz normal, sempre sempre sempre ten que falar co mesmo falsete cá gorda da Orquesta Mondragón.

3. Se tes forza de vontade abondo, pódeseche premiar coa delgadeza extrema. Iso si, con ocasionais chamadas de atención para que non esquezas de onde vés. Gabba Gabba, you’re NOT one of us. 



4. Se todo o anterior falla, pero seguimos precisando a actriz por un tempo, a única opción para non amosar o seu horrendo corpo é agochalo baixo sete saias e que todos os demais personaxes na escena finxan que non pasa nada, como fan as telenovelas cando unha actriz está embarazada e a súa personaxe non.  Este foi, durante case todas as tempadas de , Medium o caso de Patricia Arquette, á que eu sempre considerara a irmá máis guapa de Rosanna Arquette.  Como comezou a rodar a serie aos seus 37 anos, Patricia Arquette era unha muller adulta con algo de barriga, interpretando a unha muller da súa mesma idade que, en vez de ter algo de barriga como é natural, desenvolveu un apéndice moito máis inquietante nun xiro de guión que, algún día, os analistas televisivos darán en chamar “O estrano caso da señora Dubois e as blusas súper holgadas”.


Neste último suposto está o caso flagrante de Sasha Pieterse, flagrante polo nova que é a actriz e polo perfil de telespectadora influenciable que ve a súa serie (as miñas sobriñas de 15 e 11 anos, por exemplo). Sasha Pieterse comezou a  interpretar a Alison, a raíña das lurpias en Pretty Little Liars, cando só tiña 14 anos, malia o personaxe representar 16. Como era de esperar, o seu corpo cambiou ao longo dos anos de rodaxe, e non sei se por causa do estrés ao que, seguro, foi sometida pola produtora ou por unha revolución hormonal normal e corrente, colleu unha forma máis redonda (na miña época de instituto seguiría estando claramente no bando das delgadas da clase, pero que saberei eu, eu non estudei no West Beverly Hills High). Na tempada que ABCFamily, custodia dos valores Disney na televisión, está a emitir este verán, só pasaron dous anos e Alison ten 18, pero en vez de abrazar as súas fermosas curvas, os estilistas da serie decidiron convertela na muller dun senador do medio oeste.



Conclusión: é moito mellor parecer un pouco pailana que amosar barriga, e se agardas o suficiente non te terás que preocupar pola barriga tampouco, que xa se apañarán para eliminar o teu personaxe ou toda a serie con el... e se non, que llo pregunten a Kirstie Alley!

Saturday, 20 September 2014

8 dobraxes de serie que merecen un xuízo sumarísimo e ser fusiladas ao amencer

Até hai ben pouco era difícil ver series en versión orixinal, e as que preferiamos velas así eramos repunantes ou simplemente queriamos fardar do noso coñecemento de idiomas. Eramos como aquel que, na sala de cine en versión orixinal, escacha a rir medio segundo antes de que poñan o subtítulo, para que todo o mundo saiba que entende o que están a dicir. Veña ho, todos sabedes do que falo, porque ou ben vivistes iso algunha vez, ou sodes dos que o fan.

Pero os das series eramos peores, porque esixiamos versión orixinal sen motivo aparente, porque as series non son tan importantes, as comedias son moi rápidas e non dá tempo a ler os chistes, ou o traballo dos dobradores españois é recoñecido internacionalmente. Sen ánimo de lles quitar mérito (xa entraremos despois en casos específicos), hai varios problemas polos que esta teoría non se sustenta: para comezar, a présa que teñen actualmente as cadeas de televisión como Fox España ou Canal + por estrear as series de éxito case ao mesmo tempo que se estrea por primeira vez no país de orixe. Todos lembramos o fiasco dos subtítulos do último episodio de Lost, non é necesario dicir que a produción de unha dobraxe é moito máis complexa e a calidade se resinte se acurtas os tempos. Pero é que ademais non podemos perder de vista o termo “actor de dobraxe”; os dobradores son iso, actores e actrices, e cando están mal dirixidos, trasladan os rexistros interpretativos propios da ficción española á ficción que están a dobrar, e o resultado é tan afastado do orixinal que cando o comparamos dá medo.

Velaquí algúns exemplos prácticos:

Community

Cústame moito traballo recomendar Community, que é unha das miñas comedias favoritas, porque sempre me queda a dúbida de se a persoa á que lla recomendo a verá en versión dobrada e pensará que son parva. Neste caso non é un problema de calidade, pero si que a dobraxe altera a personalidade dos personaxes e o carácter da serie. Penso que o director ou os actores de dobraxe de Community están habituados ao estándar das comedias americanas multicámara dos 90 e, cal votantes dos Emmy, son incapaces de recoñecer un formato distinto que tamén é comedia, por iso lle aplican a cada unha das personaxes voces estereotípicas de sitcom.

Abed, un dos protagonistas, é un fanático da ficción con serios problemas para relacionarse no mundo real, e a graza do seu personaxe reside na súa falta de expresividade e na súa interpretación ortopédica que raia no autismo. En español, Abed é un Chandler.  Imaxinade logo o que farán co Señor Chang:


The Wire

Ao meu colega Carlinhos dixéronlle que The Wire se dobraba nun estudio da Coruña, e desde aquela está empeñado en que escoitou a Omar Little dicir “neno, que movida!” máis dunha vez.  Eu non vin todos os capítulos dobrados porque non hai cristo que ature ese suplicio, pero gustaríame pensar que o Carlinhos ten moita imaxinación.

Con todo, sexan ou non sexan as torres de Baltimore Oeste rebautizadas como Penamoa na dobraxe, o problema neste caso é de calidade: mentres que a escolla de actores The Wire foi recoñecida en todo o mundo por preferir actores que soasen naturais e críbeis no papel a grandes nomes, os seus dobradores soltan as liñas sen rastro de emoción, xa non digamos naturalidade. Non axuda que o único termo que se lles ocorreu para traducir yo, fella, man, dude e nigger sexa “tío”, porque así parece que todos os personaxes falan no mesmo rexistro. No mesmo rechinante rexistro.


Breaking Bad

Este vai de terceiro, porque o caso de Breaking Bad é unha mestura do síndrome de Community co síndrome de The Wire.

Que temos unha serie nova que non sabemos moi ben de que vai pero o protagonista é o pai de Malcolm e o dentista de Seinfeld? Pois nada, a poñerlle unha voz de bonachón de comedia estilo Ned Flanders, aínda que os tons e matices da voz de Bryan Cranston non se parezan en nada á vociña aflautada do seu dobrador (teño calafríos cada vez que vexo unha promoción de Canal + na que se escoita a Walter White, na voz do seu dobrador español, dicir “yo soy el peligro, Skyler” con voz de Dalek).


Na parte de Jesse acontece algo semellante ao dos mozos das torres de Baltimore, todos os yo, bitch, dude, bro, etc... tradúcense a un “estándar yonki” en español e viran plano un personaxe que no orixinal está cheo de matices traxicómicos.

The Big Bang Theory

Sheldon e Penny son os máis claros exemplos de “abedización” en TBBT, malia que todos os outros personaxes a sufren dunha forma ou outra. No caso de Sheldon, o problema evidente é común a moitas das novas comedias: en canto hai un personaxe melindroso, sabichón ou repugnante, os dobradores españois recorren a “Serioloxía Española 1” e, entre os 9 arquetipos dos que dispoñen, escollen o “mariquita”, botando por terra o traballo do actor orixinal e deixando todo o potencial cómico en mans de quen traduce o diálogo, e iso é xogarse moito. Con Penny volvemos tirar de estereotipo, vemos unha loira crédula no piloto e poñémoslle voz de tal, sen atender para nada ao ton da actriz; por iso, mentres a súa personaxe evoluciona ao longo das sete tempadas que leva en antena, a Penny española ficará para sempre conxelada no piloto, cal Han Solo atrapado en carbonita.



E por favor non me fagades falar da autopromoción de Antena 3 ao dobrar a coletilla de Sheldon, “bazinga”, como “zas, en toda la boca”, unha frase coa que Family Guy, que se emitía na mesma filial de Antena 3 que TBBT, homenaxea na súa particular maneira a Jackie Gleason e o seu personaxe en The Honeymooners. Outra entrada á parte sería cómo e por qué os dobradores deciden que hai termos e personaxes da cultura americana que non coñecemos ou para os que non estamos preparados e no canto de traducilos inventan outros novos... Fresh Prince of Bel-Air, anyone?

Frasier

Alguén escoitou a voz de David Hyde Pierce en orixinal? Pois, por se non vos quedaba claro, non fai de amanerado, nin John Mahoney (Martin Crane) de vello rosmón. Os dous son actores con voces profundas como a do propio Kelsey Grammer, o cal ten sentido no casting da serie, porque se supón que son familia. En español volvemos ao caso do estereotipo: que Niles é repunantiño, snob e feble fisicamente? Daquela poñémoslle voz afectada, porque un home así non o pode interpretar un actor con proxección de voz... Non, en España non pode. O exemplo máis flagrante vémolo no episodio 6 da 4ª tempada, onde Daphne coñece un home nun bar de citas ao que vai con Roz e, cando llo presenta á familia, decátanse de que é un clon de Niles. Só que ao público custaralle un pouco decatarse, porque alén do traxe de dobre lapela e os xestos, o que Daphne leva a casa na versión española é a Fernando Esteso facendo de mariquita, tan tan tan esaxerado e tan fóra de personaxe que nin sequera se parece ao seu referente no reparto principal.


NOTA: gustaríame outorgarlle algúns puntos, se fose posíbel, aos directores de dobraxe de The Simpsons, que tendo ao dobrador de Kelsey Grammer para dobrar tamén o seu personaxe Side Show Bob, molestáronse en contar co dobrador de David Hyde Pierce en Frasier cando este apareceu facendo de irmán de Bob no episodio “Brother from Another Series” da oitava tempada.


Lost

O amigo Julio lémbrame o de Lost, que eu a verdade xa a tiña medio esquecida. Que eu saiba, non había nada especialmente ofensivo coas voces dos personaxes principais, pero que pasaba cos acentos? É que Sayid, Rousseau e todos os outros personaxes estranxeiros eran parte do reparto orixinal de Top Secret?


Castle

Sei que Castle non é necesariamente un drama e que está a medio camiño entre a serie policial e a comedia de situación, pero Nathan Fillion é un dos meus actores preferidos desde que interpretou ao malvado reverendo Caleb en Buffy the Vampire Slayer e pasando por Firefly, e escoitalo resolvendo crimes coa voz de Fry de Futurama...  non. Non.



The Bridge

Por último, The Bridge resume a esquizofrenia que poboa os estudos de dobraxe no estado español:

Resulta que temos unha serie ambientada na fronteira entre Texas (EUA) e Chihuahua (México), na que a metade dos personaxes son mexicanos e falan no seu idioma (con subtítulos en inglés na emisión orixinal). E non falan nalgún escuro dialecto de Ciudad Juárez imposíbel de entender para os hispanofalantes de outros lugares, falan español mexicano tan claro que o Instituto Cervantes podería usar as súas escenas como probas de audición para o exame DELE. No entanto, por razóns dignas de analizar por Iker Jiménez, os cerebros pensantes de FOX España decidiron que os actores que dobran os personaxes mexicanos cando interactúan en inglés, os dobrasen tamén cando falan entre eles en mexicano, co que temos unha serie  policíaca de ton escuro e ambiente enrarecido subitamente animada pola voz dun dobrador español tentando imitar a Speedy González. Cuates, aquí hai tomate.


Estas son algunhas das máis terroríficas, pero hai máis, moitas máis... Alguén que se anime a seguir a lista?

Thursday, 14 August 2014

a obsesión humana por medir, calibrar, comparar...

Esta semana, na serie de: Pati esbardalla sobre calquera cousa que leu en internet e tomou demasiado a peito...

Friends e How I Met Your Mother NON son a mesma serie

[full disclaimer: gústame Friends. Malia que aquí critico a parte moralista e relambida que nunca me gustou da serie, creo que é unha gran comedia con doses de humor á que poucas comedias posteriores poden aspirar. O que non entendo é a necesidade de militar, cando estaba en antena non entendía que tiveses forzosamente que ser de Friends ou de Seinfeld, e agora non entendo que teñas que volver elixir bando. En todo caso, se hai que elixir, vou quedar con Allo’Allo’...]

Acabo de ler un artigo de Buzzfeed que compara Friends con How I Met Your Mother en termos moi científicos, moi mesurables, se é que iso existe... pero non é o primeiro artigo ao respecto. Desde que HIMYM comezou a ter éxito, xa vin unhas cantas montaxes en Youtube que facían o mesmo con máis ou menos tino. Tamén con Happy Endings, outra serie cunha mestura homoxénea de amigos brancos de clase alta de vinte-trinta anos.

Claro que desde que Lost rematou, cada vez que un drama tira do rollo sobrenatural pero só en parte, como con vergoña, non faltan os xornalistas non especializados en televisión (ou especializados en televisión española) que lle colgan a etiqueta de “a nova Lost”.

Flash Forward, The Event, Alcatraz e Revolution, catro series precedidas polo perigoso título de "a nova Lost" que fracasaron miserablemente. Non é que iso tivese moito que ver, fracasaron porque eran malas con avaricia.

A nosa obsesión polas comparacións ven de antigo. Cando Fra Angelico estaba a pintar a Anunciación, seguro que viu algún imbécil a dicirlle “tío, dixéronche algunha vez que es o Giotto do século XV?”, e seguro que ao artista lle fixo moita graza.
Hai ademais dous axiomas que acompañan tales comparacións, a saber:
1)      A obra que coñecemos primeiro sempre é percibida como a “orixinal”, sendo os traballos posteriores percibidos como imitacións ou “a nova Lost
2)      Se a primeira obra non é coñecida polo gran público, daquela queda automaticamente excluída da comparación, e pasa á categoría de “frikadas de puretas”.
Por exemplo, calquera que se lle ocorra loubar o sentido do humor de True Blood na súa primeira tempada recibirá unha apupada tremenda dos fans de Buffy the Vampire Slayer, que somos lexión, porque nós todo iso xa o vimos, pero se eu digo que iso de que a moza rescate o mozo non o inventou Joss Whedon senón The Avengers en 1961, estades no voso dereito de chamarme pureta.

Por cada vez que Buffy salvou a Xander, Emma Peel fixo o propio con John Steed.

Con todo, é certo que as semellanzas entre HIMYM e Friends son demasiadas como para atribuílas todas á nosa teima por buscar denominadores comúns. Isto sempre acontece máis entre comedias de situación ca no drama, porque, por definición, as comedias de situación teñen uns parámetros máis ríxidos: basicamente teñen que facer risa (comedia) e se teñen que dar nun escenario concreto (si, adivinástelo, iso é a situación). E os escenarios nos que podemos facer comedia poden semellar infinitos, pero case sempre recorremos aos mesmos: a casa (comedias de familias ou de amigos), o lugar de traballo (unha oficina, un hospital ou unha escola son sempre as escollas máis obvias) ou o lugar de ocio (o bar, nomeadamente).
No drama as posibilidades son máis, pero en certos tipos de drama tamén acontece isto. Pensade na cantidade de series policiais que hai agora mesmo en antena que están compostas por unha parella de investigador ortodoxo mais unha persoa allea aos métodos policiais que pola súa personalidade desbaraxusta os métodos do detective pero axuda a resolver os casos (así, a bote pronto, The Mentalist, Bones, Unforgettable...). Tamén os dramas de hospital son tan parecidos que se es fan podes diagnosticar os pacientes cunha marxe de erro do 1% no momento que entran polas portas batentes de urxencias, ou predicir en que momento da noite o doutor guapo, o doutor bo ou a doutora putón-pero-competente van berrar “desfibrilador!”
Por certo, iso de subverter o tópico chamándolle McDreamy, McSteamy, etc... aos personaxes de hospital tampouco o inventou Shonda Rhymes en Grey’s Anatomy, iso é tan vello como a gloriosa comedia australiana Let the Blood Run Free, que, se non vistes cando a botaron hai anos en Canal +, xa estades tardando:


É máis, pensade na de antiheroes que a partir de agora e polos séculos de tele que virán se van comparar con Walter White/Heisenberg. Desde que Breaking Bad rematou, ese título xa o ostentou Lester Nygaard en Fargo, e non houbo unha soa crítica que non mencionase o parecido, pero tamén é doado trazar unha liña de patróns comúns que una a Tony Soprano, Jimmy McNulty, Don Draper e mesmo o doutor House.

O que me leva á orixe do meu desbarre:

Son HIMYM e Friends a mesma serie como afirma algún listo no Buzzfeed? En esencia si, porque as dúas son series formulaicas que utilizan arquetipos nos que encaixar os seus personaxes principais, pero a maioría das comedias de situación de antes e de agora seguen eses patróns:

A localización
Que hai máis neoioquino ca un plató de Los Ángeles?
A gran cidade, sexa New York (Friends, How I Met Your Mother), Chicago (Happy Endings) ou Los Angeles (New Girl) sempre é unha prioridade nas series de xente guapa sen problemas e con bos traballos, porque a xente nova e triunfadora non quere vivir no Lanford de Roseanne ou no Queens do King of... E por suposto, o apartamento no centro é á franxa de audiencia de profesionais entre 20 e 35 anos, solteiros e sen fillos o que a casa das aforas ás familias.

Ocio en horas de oficina

Imaxe cedida tacitamente por cuantarazon.com
Entre Cheers e How I Met Your Mother hai unha semellanza máis evidente, non porque as dúas tivesen como escenario principal (en Cheers único nas primeiras tempadas) o bar, senón porque tanto unha como outra reflectían con honestidade o que fan os traballadores americanos cando rematan a xornada: beben, e a bebida e o lugar elixido (na casa ou no bar) poden variar en función de distintos parámetros sociais, pero o feito de beber non está estigmatizado porque non o está na sociedade.
Con Friends en cambio tentaron colarnos a idea antinatural de que unha panda de amigos de vinte e pico anos pasan a vida nunha cafetería, comendo café e madalenas como se fosen a miña avoa e as amigas, e os poucos episodios no que consumiron bebidas alcohólicas sempre tiveron que ver co abuso delas e as consecuencias negativas que isto provocou (Chandler tentando ocultar que Mónica estaba borracha NO SEU PROPIO CUMPLE, Rachel deixándolle unha mensaxe embarazosa a Ross porque bebera para esquecelo durante unha cita, o mozo de Mónica que ten un problema co alcohol...).
Isto ten moito que ver cunha certa tendencia de Friends a acompañar os seus capítulos dunha moralina que non concorda coa audiencia á que ía dirixida nin con outras series da época: Larry David tiña a norma de “no hugging, no learning” no plató de Seinfeld, que viña a significar que o propósito da serie era entreter e que os personaxes non debían aprender ningunha valiosa lección vital polo camiño; Alexa Junge, guionista de Friends, estaba casada con Doug Petrie, escritor en Buffy the Vampire Slayer (que, non esquezamos, era unha serie da WB para o público xuvenil) e decote queixábase ao seu home porque a censura auto-imposta na primeira era moito máis estrita cá de Buffy.

Doug Petrie: [Nesta escena] Xander está tentando amañar un arma do exército. Lembro que lle contei á miña muller que Xander ía dicir “Se en vez de blaster se chamase orgasmatrón probaría a premer o gatillo”. Ela traballa en Friends e díxome “nós non podemos dicir algo así en Friends”, así que podes ter un orgasmatrón en Buffy pero non en Friends.
A forma de tratar as drogas é outro dos temas que distingue Friends doutras series semellantes. Desde os episodios coñazo de Blossom que eran como unha titoría interminable coa monxa moderna da miña escola, as comedias tenden a obviar a existencia das drogas en xeral, para evitar dar sermóns que ao público adulto non lle interesan. Friends en troques entra de cheo no territorio moralista de Blossom nun capítulo de infausto recordo, no que Jon Lovitz interpreta ao dono dun restaurante que quere contratar a Mónica como chef. Desde a reacción puritana desmesurada de Mónica cando informa aos seus amigos de que o restaurador “fumou un porro cando viñamos para aquí!!!!” até o comportamento de Lovitz baixo os efectos do porro, máis propio dun mandril epiléptico pasado de farlopa ca de un adulto que fumou marihuana, todo o episodio é un despropósito que semella patrocinado pola Liga de Mulleres Abstemias do Sur Profundo. Desde que o sobriño do doutor Nacho Martín bouroulle á  súa curmá baixo os efectos dun porro en Médico de Familia, nunca tal cousa se vira en televisión, e miren que estou a comparar Friends cunha serie costumbrista española.
How I Met Your Mother subverteu ese tópico parodiando a dobre moral de comedias como Friends, que pontificaba sobre os perigos das drogas mentres Matthew Perry chegaba ao plató borracho e enfarlopado día si, día tamén. En HIMYM os protagonistas saen “comendo bocadillos” en moitas ocasións: non teñen problema en fumar, pero Ted, que lle conta aos seus fillos as proezas sexuais de Barney con todo luxo de detalles, considera que os debe protexer ocultando o feito de que fumaban porros e cambiándoos polos inocentes bocadillos. Tamén hai un episodio no que Marshall toma algo que supoñemos que é éxtase, malia que nunca o aclaren, con hilarantes consecuencias e cero remorsos, o que é un sopro de aire fresco con respecto a outras comedias.


Outra das diferenzas fundamentais entre Friends e How I Met Your Mother  (e case calquera outra serie semellante) é o tratamento do sexo. Aí Friends emprega o libro de estilo de I Love Lucy, onde os homes poden ser conquistadores como Joey sempre que as mulleres sexan mozas “sensatas” que sempre procuran unha relación estable, ou rubias parvas que se deixan enganar para ter sexo sen compromiso. Elas nunca son suxeitos activos e nunca deciden follar con quen lles pete sen ter unha axenda secreta para atrapalo, porque daquela non serían ben consideradas. O exemplo máis flagrante disto é un episodio no que Phoebe sae un par de veces cun mozo que non se quere deitar con ela; cando ela decide tomar a iniciativa e finalmente deitarse con el, Joey dille que ese tío é o seu ídolo, porque (atención á perversión) conseguiu que ela pensase que se quería deitar con el, que llo pedise e que lle dixera que non era necesario que a volvese chamar e (sobre todo)  conseguiu que ela crese que iso era unha boa idea. A pequena burbulla de emancipación de Phoebe estoupa daquela, e remata sentíndose fatal porque así é como se debe sentir unha moza decente despois de ter sexo esporádico cun home do que non está namorada, chicas.
Ante este panorama, Robin de HIMYM é unha abandeirada da liberación sexual, pero  tamén o serían Jess de New Girl ou Roz de Frasier, aínda que for por oposición.

Pero sigamos coas comparacións dos arquetipos principais...

A parella da tensión sexual


Como ben explica Shirley en Community, o feito de que para moitos fans Ross e Rachel sexan os representantes orixinais da parella intermitente na que basear o arco argumental dunha serie, non é máis ca unha cuestión xeracional. Para os que viamos comedias antes que Friends esa parella principal de actores un pouco máis protagonistas có resto, lixeiramente máis atractivos ou mellor vestidos có resto, sempre será Sam e Diane. E despois de Friends, claro, temos a Ted e Robin, Jess e Nick, Leonard e Penny ou Jeff e Britta, por moito que Community se esmere en subvertelo. O caso é xerar unha dinámica de will they won’t they que chegue para encher varias tempadas.

O Casanova


O mesmo que no caso da parella, antes de Joey Tribbiani existiu Sam Malone, e antes ca este Fonzie, e algo despois Barney Stinson. E probabelmente sexa un arquetipo que tenda a desaparecer ou modificarse a medida que avanzamos cara a un mundo onde os roles sexuais están menos estereotipados, pero non esquezamos que os guionistas de comedia van sempre uns corenta anos por detrás dos avances da sociedade, non hai máis que contar os personaxes LBGT que son protagonistas nalgunha serie de máxima difusión (e os guionistas de comedia española van uns 60 anos por detrás da realidade, doutra forma non se explica que a estas alturas teñan sempre un personaxe arquetípico que é “el mariquita”).

O Comic Relief


Este era outro dos arquetipos aos que facía referencia o artigo de Buzzfeed, aínda que comparar o humor cínico de Chandler co simplón de Marshall paréceme máis collido polos pelos. Con todo, en todas as comedias este personaxe forma parte do coro e normalmente leva as liñas argumentais máis lixeiras e con máis humor físico de todas, véxase o Entrenador e posteriormente Woody en Cheers, Niles en Frasier, Troy en Community ou Schmidt en New Girl. E por suposto que o bufón vai rematar (ou comezar) emparellado coa Amiga Maternal, pero aí hai pouco misterio: descontando a parella intermitente e os Casanova, son os dous personaxes home-muller que sobran.


O que si me parece interesante e quedou fora do artigo de Buzzfeed (non do meu porque levo... cinco páxinas???) é que hai historias puntuais en episodios de Friends que foron reproducidas case da mesma forma en How I Met Your Mother (como cando Rachel/Ted non se fía do seu criterio para ligar e pídelle a Mónica/Lily e Marshall que a partir dese momento se ocupe(n) das súas citas), e iso é dificilmente explicable apelando aos arquetipos, aínda que penso que podemos concluír que os argumentos de comedia moderna, o mesmo cós xéneros narrativos de Vladimir Propp, son finitos, e que no transcurso de oito ou nove tempadas por serie é normal que se acaben repetindo algúns, pero iso xa é unha cuestión de estatística, e eu de matemáticas non che sei nadiña.

Thursday, 7 August 2014

guía para engancharse a... Under the Dome

Como ben sabedes, este blog ten máis vocación de servizo público que os anuncios de desaparecidos que botan en Radio 3 ás 5 da mañá, así que nunha nova iniciativa para que gocedes coas series americanas que todos baixades de quince en quince e despois non tedes tempo para ver, aquí chega un novo apartado da serióloga titulado Guía para engancharse. Como sempre, spoilers galore!


Esta semana: Guía para engancharse a Under the Dome

De que vai

Como moitos xa saberedes, Under the Dome está libremente baseada nunha novela desa máquina de facer cartos que se chama Stephen King. Insisto no de “libremente” porque, agás os nomes da vila e dos personaxes e a premisa inicial, todo parecido coa novela é pura coincidencia. Pero en todo caso, levar o selo de aprobación do señor King nunca garantiu a calidade dun produto televisivo, aínda me choran os ollos se lembro algún dos exemplos máis flagrantes...


Unha excepción notábel sería Haven, que tamén está moi libremente inspirada no libro The Colorado Kid, de King (máis libremente que Under the Dome, mesmo) e é unha boa serie sobrenatural.
Pero, ao que imos, por onde comezar a explicar Under the Dome?

Resulta que un día calquera, nunha vila americana calquera chamada Chester’s Mill, unha cúpula xigantesca aparece da nada, illando parte da vila do resto do mundo. Iso está moi ben, porque en principio semella unha premisa interesante para todo o que pode pasar despois sen ter que recorrer a cousas raras como mafias e clubs secretos de loita (pero si, amigos, recorren a iso), e sobre todo porque o momento na que a cúpula se pousa sobre Chester’s Mill está bastante currado, con imaxes coma esta:


De seguida desátase o caos, xente tentando desesperadamente atopar unha saída da cúpula e os bombeiros e as ambulancias, que por algunha estraña razón estaban todos fora da vila, tentando entrar. Este é o momento no que coñecemos os nosos heroes.

Os protas

Primeiro está o ex-militar Dale Barbara, Barbie, o forasteiro que pasaba por alí e que é demasiado listo para o seu propio ben, ou iso é o que a serie se empeña en demostrar, porque a verdade é que moi listo non é.


Despois está a intrépida xornalista Julia Shumway, que tamén é moi lista. A súa traxectoria na serie resúmese deste xeito: primeiro desconfía de Barbie e está moi preocupada porque non localiza o seu home, e non sabe se quedaría fóra da cúpula ou algo. Un par de capítulos despois decide que o seu home a abandonou e comeza a poñerlle ollos tenros a Barbie, quen finalmente lle confesa que é un asasino a soldo e que matou o seu home por unhas débedas de xogo (certo). Julia anóxase con el medio capítulo en tempo real e uns dous días en tempo-cúpula, e finalmente fan o amor con música de violíns e unha sutil elipse entre o primeiro bico e o postcoito, porque isto é a CBS e non a HBO, e comezan a vivir xuntos e se comportar como se fosen unha parella de toda a vida. Pero, chachán, o conflito entra en xogo nesta segunda tempada, porque Julia comeza a ter fe (si, amigas) en que a cúpula é unha especie de deidade que guía os seus destinos, e se rebota moito con Barbie porque el é o racional, se é que iso é posíbel nesa parella.


Despois está Big Jim Rennie, que é o teu alcalde do PP ao uso. Ademais de gobernar Chester’s Mill con man de ferro e tanta incompetencia como calquera outro dos habitantes faría, Big Jim é o vendedor de coches usados, o produtor/distribuidor de drogas local e o pai dun zumbado chamado Junior. Pero sobre todo, e para gran escarnio da que lles fala, Big Jim está interpretado por Dean “Jesuschristmarie” Norris, co cal, ver cada capítulo de Under the Dome é como cuspir sobre a tumba de Hank Schrader. E desenterrar o seu cadáver e mexarlle enriba. Varias veces.


Non teño claro se Junior só está tolo, se sufre algún retardo medicamente descrito, ou se os seus pais lle prestaron tan pouca atención de neno que é como eses chavales que parecen autistas sen o ser. Tan pronto está secuestrando quinceañeras e encadeándoas nun zulo como apuntando armas á cara da xente como tentando matar a Barbie como chorando porque a súa nai pinta cadros coa sensibilidade artística dun mandril con encefalopatía. Agora habemos chegar a como e por que o departamento de policía de Chester’s Mill é o máis incompetente desde a  invención da policía, pero sobra dicir que unha das primeiras decisións da nova sheriff é darlle unha placa, un arma e un coche patrulla a Junior, basicamente porque nunha das crises que asolan a vila cada dez segundos, el mantivo a orde apuntando un rifle á cara dun pobre home que só quería saír do hospital.


O que nos leva a...

Observen o poderío do departamento de policía de Chester’s Mill manobrando


Resulta que a cúpula actúa como unha especie de inhibidor, e cada vez que se achega un aparato electrónico a ela este deixa de funcionar ou estoupa ou algo. Mala sorte para o xefe de policía de Chester’s Mill, que levaba un marcapasos e foi dos primeiros en achegarse a investigar a cúpula.

Na ausencia do sheriff, quedaron en Chester’s Mill os policías máis listos do departamento: a axente Linda, o axente Paul, e un terceiro axente ao que non lle chegaron a dar nome. No segundo episodio, o axente Paul toleou e tentou desfacerse da cúpula disparando, pero as balas rebotaron e déronlle ao terceiro axente, que deixou de ser tal e pasou a engrosar a lista de falecidos por ataque de cúpula. O axente Paul seguiu a súa escalada de violencia até que a axente Linda tivo que rematalo en defensa propia, e así é como Linda se converteu na nova sheriff do lugar, polo menos até a estrea da segunda tempada.


Na lista de éxitos da axente Linda figuran, entre outros:

-Cando o axente Paul estaba arrestado por disparar (sen querer) ao outro policía, fixo o vello truco de afogar na súa propia saliva para que Linda se achegase a axudalo e, cando a tivo cerca, bam!, desarmouna, pechouna na cela e marchou roubando un feixe de rifles de asalto. Ben xogado, Linda!

-A axente Linda asumiu as súas novas responsabilidades como xefe de policía Linda nun episodio no que os militares do exterior planeaban lanzar un mísil contra a cúpula e mandaron a todo o mundo a se despedir dos seus seres queridos con moi pouco tacto. Sabendo de primeira man o perigoso que era achegarse á cúpula, Linda prohibiulle a todo o mundo tocala ou achegarse demasiado, e xusto despois diso veu o seu mozo bombeiro do outro lado, e ela fixo isto:


-SPOILERACO: Hai un episodio no que a cúpula se volve magnética e as cousas metálicas que están perto saen voando e se pegan a ela (inexplicablemente, todo o que saíu voando cara á cúpula foron triciclos e grellas, así que supoño que haberá unha tenda de triciclos e barbacoas nunha das beiras de Chester’s Mill). Barbie está pegado á cúpula por unhas esposas que lle puxera Linda momentos antes, e un coche sen o freo de man posto vai avanzando cara el moi, moi amodo. En vez de a) frear o coche ou b) turrar de Barbie para quitalo da traxectoria do coche, a axente Linda decide empurrar a Barbie e despois sofre unha transmutación en cervo cegado polos faros e queda parada no sitio, durante moito moito tempo, esperando a que o coche sexa atraído pola cúpula, con tráxicas consecuencias.

Os adolescentes

Se o cociente intelectual do cidadán medio de Chester’s Mill anda arredor de 70, a LOGSE de Chester’s Mill debeu de ser terrible, porque eses nenos!

Os adolescentes protagonistas da trama son: Joe, un alelado que nos primeiros episodios engana a todos facéndolles crer que sabe algo de trigonometría, anotando números nun caderno e finxindo que mide a cúpula, e a medida que pasan os capítulos vai perdendo materia cerebral e remata por propoñer facer unha análise de sangue a unha rapaza que saiu dun ovo (demasiado longo para explicar) para determinar se é humana, levándoa a cabo da seguinte maneira:

Como lo cuento
Norrie é unha das personaxes máis carismáticas e convincentes que vin en todos estes anos de analizar series de telev...Haha NON. Norrie quedou atrapada na cúpula cando estaba de paso coas súas nais, creo que de camiño a visitar a súa mellor amiga e mentora Dana Brody. Unha das súas nais morreu porque a outra non foi egoísta abondo para roubar do hospital as doses de insulina que tan desesperadamente precisaba, e a que queda viva é un personaxe secundario que aparece cando hai que facer recheo no café de Chester’s Mill, así que o único que fai Norrie é enrollarse con Joe e en xeral dar polo cu pero non literalmente porque os dous deixaron claro que querían ir amodo na relación.


Os favoritos do público (mostraxe extraída dun total de: eu)

Coa Sheriff Linda fóra de xogo, é difícil decidirse polo personaxe máis estúpido ou inverosímil, aínda que hai algúns candidatos á súa altura.

Ben é o amigo burro de Joe, e falando de Joe, dicir amigo burro é un novo nivel de burremia que só se acada con perseverancia e múltiples golpes na cachola. O papel de Ben na serie é, basicamente, facer festas *ehem* salvaxes aproveitando que a maioría dos pais de Chester’s Mill quedaron do lado aburrido da cúpula, dicir que non entende nada e poñerse constantemente en perigo para que alguén teña que arriscar a vida para rescatalo. O mellor de Ben é a súa actitude desenfadada, chillanxing total, como se non estivese deseñado por un executivo da CBS que pensa que sabe como falan os chavales hoxe en día:


O reverendo. Xa non me lembro do seu nome porque apareceu en moi poucos capítulos, pero que actuación, señoras e señores. O reverendo era Pepe Viyuela meets Buster Keaton, puro slapstick e fatalismo. O único que podo facer para compartir a miña adoración polo reverendo, é mostrarvos o que fixo para queimar uns papeis que o incriminaban no asunto das drogas.

Por "Reverend on fire" non me ven nada no youtube, pero por favor, é FUNDAMENTAL que miredes esta escea. É o episodio 2 da primeira tempada, que está dispoñible nos vosos proveedores de series habituais.

Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata. O bo que ten Chester’s Mill é que, malia estar cercada por unha cúpula, ter problemas de abastecemento, e sufrir cada tres minutos a ameaza dunha catástrofe inminente, non deixan de agromar novos cidadáns aquí e acolá. Xente que estaba presuntamente ocupada durante a tontada esa da cúpula xigante que se materializou da nada e isolou por completo a vila e matou unhas ducias de habitantes, e que de cando en vez aparecen de súpeto no café da vila dicindo “ola, estiven aquí, en segundo plano, todo o tempo”. Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata é unha delas, unha adquisición deliciosa da segunda tempada, e a súa misión é basicamente non sorrir nunca e matar moscas a canonazos. E se esa imaxe vos parece esaxerada, isto é o que fixo para acabar cunha praga de eirugas que ameazaban as colleitas de Chester’s Mill:


Ah, si! Alén diso, tamén propuxo facer un censo para ver como de útil era cada habitante da cúpula, e despois desenvolveu no seu laboratorio da escola unha nova cepa de gripe porcina para matar o 20% da poboación e ter máis recursos para os superviventes. Todo o que fai faino en nome da ciencia e con cara moi seria, e cada vez que alguén a acusa de cometer crimes de lesa humanidade, ela deféndese berrando “ciencia!” Con todo, non importa moito o que faga, porque como os habitantes de Chester’s Mill teñen a memoria dunha gamba e o cerebro de media, Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata pasou unhas tres horas no cárcere e no capítulo seguinte déronlle acceso a todos os explosivos da vila, aparentemente.

Si, amigos, uns dos residentes a eliminar pola gripe porcina era este tenro bebé, e cando Big Jim tratou de opoñerse, Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata deixouno mudo berrando "Darwinismo!"

O misterio do café de Chester’s Mill

O café de Chester’s Mill é o lugar de reunión para os habitantes da cúpula. A súa dona morreu ao pouco de comezar a serie, e desde aquela a porta quedou aberta, e calquera que pase por aí é libre de entrar na barra, facer cafés para os seus paisanos e preparar o almorzo para todos botando man do subministro máxico ilimitado da despensa (ou se cadra a longa man da Iniciativa Dharma tamén está detrás disto? Cuando menos inquietante, Carmen...).

Á parte da conspiración do eterno subministro de alimentos, a forma en que os chestermilianos levan o café é o máis parecido que vin eu á colectivización, e funciona, pero shhh! non vaian censurar a serie por bolivariana.


As cousas divertidas que pasan dentro da cúpula cada semana

Tede presente que o tempo na cúpula non segue o horario GMT. O que para nós foron dous veráns interminábeis de agonía televisiva tradúcese en apenas unhas poucas semanas en Chester’s Mill, a xulgar pola continuidade da serie. Nesas semanas, os habitantes de Chester’s Mill enfrontáronse a:

-unha cúpula xigante que se materializou da nada.
-un incendio nunha casa que demostrou que os chestermilianos non saben facer unha cadea con cubos de auga nin que lles vaia a vida niso.
-o brote de meninxite que levou a poñer en corentena UNHA DAS PORTAS do hospital.
-unha tentativa do exército de destruír a cúpula lanzando un mísil nuclear que devastou a terra do outro lado e ao mesmo tempo fixo que toda a vexetación se rexenerase en dous capítulos.
-varios cortes de auga que se resolveron sen problemas con chuvia.
-unha crise de escaseza de comida que se resolveu sen problemas cando unha personaxe secundaria confesou que era unha acumuladora compulsiva e que tiña toda a súa casa, TODA, chea de produtos envasados que non caducaban nunca.
-outra das personaxes pop-up montou un club de loita clandestina nunha fábrica abandonada, e todos os chestermilianos foron mirar.
-a cúpula virou magnética e todos os triciclos e grellas de Chester’s Mill voaron cara ela.
-varios intentos de linchamentos populares, para os que mesmo se chegou construír un cadalso na praza da vila.
-pantasmas das personaxes mortas.
-un asasino en serie que só matou unha vítima.
-unha tormenta de area que tupía a cúpula e impedía a correcta ventilación.
-un predicador tolo que bautizaba con ácido.
-a praga de eirugas e o posterior incendio das colleitas provocado para contrarrestar o seu efecto por Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata.
-chuvia ácida, que Rebeca combateu botando no lago de Chester's Mill un bote de deterxente??
- Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata en todas e cada unha das súas aparicións.

Unha sólida formación científica

O que os habitantes de Chester’s Mill teñen de burros, téñeno tamén de enxeñeiros. No tempo indeterminado que levan debaixo da cúpula xa se apañaron para construír o devandito cadalso, un contra-imán xigante para reverter o campo magnético da cúpula e un xerador eólico feito con chapas de sinais recicladas ao que engancharon unha mangueira para fabricar o humidificador máis grande na área dos tres estados.


A metafísica detrás da serie

Vouno tentar resumir: resulta que no centro xeométrico da cúpula, que varía segundo o episodio, atópase unha mini-cúpula que se ilumina cando catro mans particulares a tocan e comeza a proxectar hologramas rosas como unha tola por toda canta parede haxa perto. Ás veces tamén proxecta pantasmas que lle din aos personaxes que fagan cousas estúpidas como aforcarse no cadalso da vila. Dentro desa mini-cúpula hai un ovo negro, e cando se activa fai un zunido que só molesta a algúns personaxes e as bolboretas compórtase de xeito estraño e a cúpula se magnetiza, e algúns dos protagonistas pensan que a cúpula é unha especie de deus que lles dá ordes e por iso sacaron o ovo de dentro cando virou rosa e tirárono ao lago e despois no medio do lago naceu unha rapaza que levaba morta desde o 88 cando tocara un meteorito que posteriormente se converteu no ovo negro de dentro da mini-cúpula.

Daquela, o teu consello... Debería ver Under the Dome?


POR SUPOSTO. Non podo enfatizar máis a necesidade de ver esta gran serie, no ronsel de outras que nos deixaron antes como The Event, Flash Forward, RevolutionZero Hour... Se podes, míraa cos teus amigos, e cada vez que Julia diga algo que non ten ningún sentido como “a cúpula quere que sexa alcaldesa” bebede un chupito. Cada vez que algún dos actores principais bote man do afamado método “función de fin de curso do meu colexio” bebede outro chupito. Cada vez que Norrie poña cara de cu bebede un grolo, e cada vez que unha crise de proporcións bíblicas se resolva nos cinco últimos minutos do episodio cun deus-ex-machina en forma de señora tola que acumula provisións na súa casa bebede a copa enteira. E como vai os luns, é mellor que pidades o martes libre.