Friday, 28 October 2016

all work and no play... (outono 2016)

Si, amigas, dado que non me movo moito polo blog ultimamente porque ando enleada noutros compromisos editoriais (proximamente máis información), decidín ser a máxima expresión da preguiza e xuntar nun só post algunhas series que vin este verán, que tampouco foron tantas (Stranger Things xa ten a súa propia entrada), e as que acaban de comezar, que son menos aínda. Nin que dicir ten que me nego a ver o remake de Lethal Weapon e o de McGyver, nin sequera para evitarvos a vós ter que facelo. 

Así que, como xa é tradicional, aquí vai, sen (apenas) spoilers, a miña lista das series que veñen ou que xa están aquí.

NOTA: Aínda que nestes “all work and no play” só falo de series de estrea, nesta ocasión engadín novas tempadas de dúas series que xa coñecemos, American Horror Story e The Missing, porque cada tempada é independente das outras aínda que repitan algúns actores (a quen quero enganar, AHS metina só porque me gusta meterme con Ryan Murphy...).

O SOÑO DO SISTEMA XUDICIAL PRODUCE MONSTROS

The Night Of (HBO)

De que vai: é un estudo de personaxes (pero de verdade, non coma a desculpa que se lles ocorreu a Carlton Cuse e Damon Lindelof para xustificar a tempada final de Lost) e sobre todo un estudo de cómo funciona o sistema xudicial estadounidense desde que un mozo é detido até que remata o xuízo, completo coa experiencia dese mozo en prisión preventiva e unha ollada á patética vida privada do seu avogado, cunha historia difícil de tragar e personaxes tan reais e lastimosos que, ou ben odias a todos, ou ben che dan todos pena.
Por que mola: John Turturro, por suposto. E o gato. Pero agora en serio: todos os actores e actrices son impecables e ao guión non se lle escapa nada, nin sequera o final agridoce con moito máis agri ca doce, coma a vida misma.
Por que non mola: Como dixen, pódeste chegar cabrear moito cos personaxes, sobre todo co rapaz protagonista, e supoño que a alguén lle pode decepcionar que non sexa unha serie xudicial das clásicas, nas que desde o principio temos claro quén é culpable e quén non.
A quen lle pode gustar: A fans de John Turturro, por suposto, e tamén a quen lle gusten os dramas escuros e as reviravoltas do poder, do estilo das series de David Simon.
Nota serióloga: ★★★★★



A IDADE DE OURO DOS NENOS DESAPARECIDOS/APARECIDOS EN TELEVISIÓN

The Family (ABC)

De que vai: Un cativo desaparece cando a súa nai fai campaña para ser concelleira (creo) e reaparece de adolescente cando a súa nai é unha política moi poderosa en plena campaña para gobernadora (creo). Ah! E a súa familia virou totalmente disfuncional no tempo que botou fóra.
Por que mola: Nos primeiros capítulos mantén un certo grao de intriga porque todos os personaxes ocultan algo pero non sabes exactamente quén fixo qué.
Por que non mola: En xeral, os actores son terribles e os xiros de guión moi predecibles, tanto que remata por aburrir. Tamén hai un par de cagadas no guión nivel “redacción de 6º de primaria”, pero iso aínda é algo gracioso.
A quen lle pode gustar: a fans desta vaga de series con neno secuestrado/asasinado/violado, que comezou con Top of the Lake e Broadchurch e pensei que xa rematara pero vese que non. Pero que non sexan moi esixentes.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆



CUSPINDO SOBRE O NOME DE AMERICAN GOTHIC  1995

American Gothic 2016 (CBS)

De que vai: Se alguén viu a serie de terror da mesma cadea e co mesmo título, que non se leve a engano: esta non ten absolutamente nada que ver, e aínda estou buscando o gothic do título. Vai dunha familia de clase alta que descubre que o patriarca que acaba de morrer gardaba moitos secretos do tipo “vou esconder no pendello do xardín estas probas que me relacionan directamente con varios asasinatos a ver se ninguén as atopa nunca”.
Por que mola: É coma se intentasen moi en serio construír unha serie de intriga que tivese algún sentido, e ao final os personaxes van correndo dun lado a outro descubrindo pistas por casualidade e tomando decisións estúpidas sen ningunha xustificación.
Por que non mola: É coma se intentasen moi en serio construír unha serie de intriga que tivese algún sentido, e ao final os personaxes van correndo dun lado a outro descubrindo pistas por casualidade e tomando decisións estúpidas sen ningunha xustificación.
A quen lle pode gustar: A fans do Cluedo e a incondicionais de Virginia Madsen, que é a matriarca da familia.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆



SEGUNDAS PARTES NUNCA FORON MELLORES CÁS PRIMEIRAS

The Missing 2 (Starz)

De que vai: No mesmo universo da primeira tempada pero con distintos protagonistas, unha rapaza que foi secuestrada en 2003 reaparece en 2014 e os seus pais e irmán tentan axustarse a tela de novo na casa, mentres o detective Baptiste segue a pista doutra nena que secuestraran canda ela e quere descubrir que lles pasou exactamente. Tamén hai insertos de 2016, onde Baptiste segue a investigar e a familia da moza reaparecida está totalmente desfeita por moitas razóns moi escuras.
Por que mola: O que sería un dramón familiar con algúns xiros de guión (véxase The Family máis arriba) convértese nunha serie ben estruturada grazas, sobre todo, aos actores e á produción (a escolla visual é de quedar pampo). E por Tchéky Karyo, que xa bordou a primeira e aquí é o único que repite personaxe principal.
Por que non mola: Como había pouco máis que engadir á primeira entrega, aquí quixeron rizar o rizo e fóiselles un pouco a man engadindo subtramas que inclúen pero non se limitan a: Irak, o Estado Islámico, a demencia senil e o BDSM.
A quen lle pode gustar: a quen lle gustase a primeira e, como dixen antes, a fans deste novo xénero de nenos desaparecidos que parece que non vai rematar nunca.
Nota serióloga: ★★★☆



PARA QUÉ PAGAR DEREITOS CANDO PODEMOS “INSPIRARNOS”

American Horror Story: Roanoke (FX)

De que vai: Despois de “Ryan Murphy na casa encantada”, “Ryan Murphy no manicomio”, “Ryan Murphy visita as bruxas”, “Ryan Murphy no circo” e “Ryan Murphy no hotel encantado”, Ryan Murphy viu Blair Witch Project e ocorréuselle que aínda non fixera ningunha “homenaxe” ás películas de terror baseadas en found footage, así que a cousa vai de: un grupo de actores e actrices recrean para un documental a experiencia terrorífica que un matrimonio tivo dentro dunha mansión illada que mercaron demasiado barata. E despois pasan cousas.
Por que mola: Teño que dicir que o gore desta sexta entrega é moito máis gracioso cós anteriores, como se xa nin se molestasen en disimular... Hai escenas de desmembramentos e xente empalada que se poderían ver coa música de Benny Hill e serían menos graciosas.
Por que non mola: Principalmente porque é aburrida: despois dun par de episodios de ketchup, marmelada de fresa e asasinos saíndo de súpeto de recantos escuros a cousa vólvese repetitiva. Tamén está que a gran sorpresa prevista para o sexto capítulo, na que se baseou toda a campaña publicitaria desta nova entrega, é máis do mesmo, así que ao final son 12 capítulos de gore sen sentido, moitos sustos e moi pouco terror.
A quen lle pode gustar: a fans de Murphy, a quen non se canse nunca de ver tripas e sangue de pega.
Nota serióloga: Voulle dar dúas estrelas polo valor cómico das mortes, veña ★★☆☆☆

Ryan Murphy quedou definitivamente sen ideas


SE GEORGE W. BUSH LEVASE UN GOLPE NA CABEZA...

Graves (EPIX)

De que vai: Nick Nolte é Richard Graves, un ex-presidente republicano dos EUA relegado ao limbo dos ex-presidentes, que un día ten unha revelación e decide que toda a súa política (que basicamente foi a de Bush fillo)estivo mal. Para remedialo, embárcase nunha cruzada quixotesca, coa axuda dun escudeiro/asistente persoal bastante inocente.
Por que mola: Os paralelismos políticos con Bush son inevitables, pero Graves é un personaxe que cae ben ao momento, por vello rosmón que sexa. Tamén é interesante ver como os guionistas xustifican que un político conservador cambie de idea en cuestións como a sanidade pública, os dereitos da comunidade LGTB ou a política exterior.
Por que non mola: non é que non mole, pero é que esta manía que hai agora de chamarlle “comedia” a unha serie porque dura media hora... En fin, se é unha comedia, non esperedes gargalladas.
A quen lle pode gustar: a fans das comedias que non o son, é dicir, de dramas políticos.
Nota serióloga: ★★☆☆



JACK BAUER FAI REALIDADE O SEU SOÑO MÁIS HÚMIDO

Designated Survivor (ABC)

De que vai: Un ataque terrorista mata a practicamente todo o goberno dos EUA durante o debate sobre o estado da Unión, e seica a constitución ianqui di que nun caso así tócalle ser presidente a dedo a un membro do goberno escollido ao chou e resgardado nun búnker durante a sesión, e ese non é outro que Kiefer Sutherland, que é presidente da deputación ou algo así. A partir de aí, o bo de Kiefer ten que lidiar con toda a lea do ataque terrorista e ademais aturar a todos os listillos que opinan que non está cualificado para o cargo, non coma os presidentes americanos de verdade, que o fan moi ben.
Por que mola: Está ben que para variar Kiefer Sutherland non vaia correndo a todos lados con cara de angustiado... agora ten coche oficial! E tamén parece que desempolva as súas dotes de actor. A intriga de saber quén e cómo conseguiron borrar do mapa a todo o Congreso, presidente incluído, tamén ten o seu aquel, e eu persoalmente son moi fan das escenas de destrución masiva.
Por que non mola: Obviamente é a americanada máxima.
A quen lle pode gustar: Fans de intrigas políticas, de The West Wing a Madam Secretary, pero sospeito que tamén fans de historias de espías e series con máis acción.
Nota serióloga: ☆☆



TODOS ESTAMOS CONECTADOS, PERO UNS MÁIS CA OUTROS

This Is Us (NBC)

De que vai: Un feixe de persoas cumpren anos o mesmo día e deseguida descubrimos que están todas conectadas de maneira improbable e con algunha sorpresa máis polo medio.
Por que mola: Está ben feita, os actores e actrices son correctos e o guión ten algunhas sorpresas interesantes que dan ganas de seguir mirando.
Por que non mola: A quen quero enganar... É un dramón do carallo.
A quen lle pode gustar: A fans de Gilmore Girls e Parenthood (Milo Ventimiglia ten un papel protagonista, e as historias teñen ese toque a medio camiño entre a caloriña humana e a sobredose de glucosa), aínda que tira máis para o lado do drama.
Nota serióloga: ☆☆



EL MINISTERIO DEL TIEMPO PERO CON MEDIOS, ACTORES E GUIONISTAS

Timeless (NBC)

De que vai: Un terrorista rouba unha máquina do tempo para tentar cambiar a historia dos EUA, e o goberno, loxicamente,  decide que para perseguilo a través do tempo ninguén mellor ca unha profesora de historia que saca datos da chistera á velocidade de Rainman, un programador informático que non entende o concepto de “pasado” e un soldado calquera.
Por que mola: O malo é Goran Visnjic, e somos fans de Goran Visnjic malia que todo o que fixo despois de E.R. foi terrible. E viaxan a momentos históricos que fan parte do imaxinario colectivo (occidental), coma o desastre do Hindenburg ou o asasinato de Lincoln, o que sempre é entretido, aínda que sospeito que os guionistas empezaron a suspender historia xa en primaria.
Por que non mola: O máis interesante das viaxes no tempo son os paradoxos temporais, e estes despachan todas esas especulacións no primeiro episodio cun “weebly wobbly timey wimey” que desde logo non está á altura do Doutor (por exemplo, para os xenios criminais detrás do guión desta serie só cambia o curso da historia o feito de que na liña temporal alternativa morra alguén que debía vivir, non o feito de que viva alguén que se supuña que ía morrer, e así todo...). Tamén, os chistes son para querer abrirse en canal.
A quen lle pode gustar: A xente que non teña moito respecto pola historiografía.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆



POPE FRANCIS DOESN’T APPROVE

The Good Place (NBC)

De que vai: Unha muller que mentres viviu era un ser humano horrible morre, e por erro vai ao ceo. Até aquí todo ben, se non fose porque hai múltiples ceos de acordo coas necesidades de cada alma, e o dela é basicamente un barrio residencial saído dun cadro de Norman Rockwell, coa veciñanza máis aburrida da historia (todos están emparellados cunha cousa que lle chaman a súa “alma xemelga”).
Por que mola: Como Eleanor, a prota, está alí por erro, comezan a pasar cousas raras nese remanso de paz, como que chove lixo ou se abren cráteres xigantes. Tamén molan bastante os personaxes arredor dela: o profesor de ética Chidi que sabe o seu segredo e tenta axudala, a insoportablemente perfecta Tahani, e o arquitecto do barrio, un Ted Danson celestial e neurótico.
Por que non mola: Nunca pensei que diría isto de Kristen Bell, pero non lle vai nada ben o papel protagonista. De feito, todos os personaxes teñen o seu aquel menos o dela, que non acaba de cadrar nesa mestura. O resultado é entretido pero moi lonxe de outras series de Michael Schur.
A quen lle pode gustar: A fans dese tipo de comedia buenrollista que Schur bordou en Parks and Recreation, pero con moitas reservas.
Nota serióloga: ★★★☆☆



QUE VEÑA XA O METEORITO QUE ISTO NON DÁ PARA MÁIS...

Aftermath (SyFy)

De que vai: Unha familia un pouco peculiar vese atrapada no medio dunha apocalipse que inclúe meteoritos, terremotos, inundacións, tornados, zombis, posesións demoníacas e non sei se me deixo algo (todo isto no primeiro episodio, eh?).
Por que mola: É que non lestes o parágrafo anterior? Meteoritos, terremotos, inundacións, tornados, zombis, posesións demoníacas e non sei se me deixo algo. Se chegan meter nanitos (a miña apocalipse particular preferida) sería o armagedón perfecto.
Por que non mola: Creo que me vou estender sobre este tema na miña próxima entrega de “A miña nova mellor peor serie”, porque esta reúne todas as condicións, pero para resumir digamos que é demasiado terrible para poder aturar máis de dous capítulos, nin polas risas.
A quen lle pode gustar: a fans de outras xoias que xa citei aquí varias veces, coma The Event ou Zero Hour. Tamén aos que se tragaron as catro entregas de Sharknado e outras producións de SyFy.


Nota serióloga: Sería un ★★★★★ en concepto e un ☆☆☆☆ en execución.


Isto é todo para este outono. Vémonos na seguinte, ou nos bares, o que pase antes.

Friday, 22 July 2016

por qué Stranger Things é a serie perfecta para o verán

Levo anos agardando pola perfecta serie de verán. E non digo que non haxa series boas no verán, pero Breaking Bad, RubicobotBadosn digo que non haiE non digo que non haia series boas non, Rectify ou Mr. Robot son boas en calquera época do ano. Poderían emitirse fóra do calendario gregoriano e seguirían sendo boas.

Pola contra, hai series decentes que melloran polo feito de seren emitidas no verán, do mesmo xeito que é moito mellor ver Dragon Ball merendando, ou que os libros de Stephen King prestan máis en vacacións. Por iso cando vai comezar a tempada televisiva do verán, sempre busco entre as descricións e os trailers cál vai ser a serie que cumpra con eses requisitos. No pasado trabuqueime, e moito, con Under the Dome (malia que a tal altura xa debería saber por experiencia que o señor King ten o estraño poder de gafar calquera adaptación dunha obra súa na que estea envolto dalgún xeito) e mais con The Strain, que nun principio me pareceran firmes candidatas. Haven foi durante un par de tempadas unha boa serie de verán, pero comezou a perder pulo curiosamente coincidindo co seu paso á grella de outono.

Este ano non tiña nada en mente, a verdade é que co choio e as opos teño unha lista interminábel de series pendentes por ver de todo o curso, como ben se pode observar pola (ahem) frecuencia dos meus artigos, e nin sequera estiven ao tanto do que anunciaban para o verán, así que cando me atopei con Stranger Things de casualidade buscando outra cousa, e vin que tv.com só tiña una crítica de segunda sobre ela, non agardei moita cousa... E que trabucada estaba.


Velaquí a miña lista de razóns polas que tedes que ver Stranger Things este verán, spoiler free.

É unha carta de amor dos autores, e iso nótase

Algunhas críticas que lin por aí sinalaban os puntos en común con Super 8, esa peli que saíu hai uns anos para aproveitar a nostalxia do grupo de consumo entre os 35 e os 45 anos. A diferenza para min é que Stranger Things é máis honesta, cita as súas referencias sen vergonza ningunha, e xoga coas espectativas que esas referencias crean, como a escena do 6º episodio na que os rapaces escapan en bicicleta e os malos lles bloquean o paso, e todos contemos a respiración agardando a que Eleven conxure a E.T. facendo voar as bicis por riba deles e... non é exactamente iso o que pasa.

Alén de E.T. e The Goonies, que veñen rapidamente á cabeza polo grupo protagonista, hai un pracer oculto en recoñecer referencias literarias e cinematográficas que os autores teñen en común contigo, como cando estás na praia e ves alguén lendo o teu libro preferido, e podo asegurar que son moitas, de Firestarter a Something Wicked This Way Comes, e de Stand by Me a The X Files.


Está ambientada nos anos 80, non no construto idealizado dos anos 80 que se ten no 2016

É certo que a serie está ambientada en 1983 para xustificar parte do argumento (a Guerra Fría) e tamén, é certo, para capturar ese ambiente de nostalxia que nos fai compartir no facebook fotos de casettes e bolis bic, pero para variar está ben feita e parece unha película dos 80, e non un xigantesco lugar común onde todo o mundo leva ombreiras, quentadores, pelo cardado e cores flúor. De feito a ambientación e o vestiario están tan coidados que de seguida te metes na atmosfera e aceptas o salto temporal como se foses parte del.

Unha parte importante do ambiente, que está presente sen ter sequera que ser mencionado, é a reconversión industrial, a inflación e as fondas desigualdades inspiradas pola economía da oferta de Reagan, e iso fai que a serie escape desa visión idealizada que exportan outras series e películas, que non lembran, ou non queren lembrar, que os 80 do punk, o pop e a new wave tamén foron os 80 da heroína, o paro e as dictaduras militares.



A música

Outra cousa odiosa que teñen as series ambientadas nos 80 son os excesos musicais: é como se nesa época todo o mundo constantemente só escoitase os exitazos que a radiofórmula actual elevou a categoría de mitos, e non houbese máis música nin máis estilos no mundo. Algo semellante ao que acontecía daquela coas películas de Vietnam, que calquera diría que todo o elenco de Woodstock foi tocar alí en directo.

Aquí a banda sonora é discreta, salvo pola repetición de Should I Stay or Should I Go como tema vehicular para a trama. A primeira vez que soou pensei inmediatamente que, xa de usar algo dos Clash, ocorríanseme a bote pronto trinta cancións mellores ca esa, pero dado como se usa durante toda a serie, ten sentido que escollesen unha canción con ese título.

Outra cousa que me ten loca é a música de ambiente: ese sintetizador é o máis evocador e ao mesmo tempo o máis ominoso que escoitei na vida.


O ritmo

Para ser unha serie de 8 capítulos, temos unha chea de personaxes e historias diferentes, todas coa súa complexidade. O bo que ten iso é que ningunha historia é de recheo e ningunha deixa de aparecer cando a acción se intensifica, e por iso a medida que van confluíndo todas encaixan con perfecta naturalidade. Ao longo dos capítulos hai unha serie de pistolas de Chejov diseminadas que non se gardan para o truco final, se non que se usan cando son necesarias (como a canteira), por iso todo o argumento remata sendo redondo. Con todo, os autores fan unha chiscadela aos espectadores máis repunantiños no epílogo, coa partida de Dungeons and Dragons.

Como acontece coas series de éxito, xa está renovada para unha segunda tempada, e iso fai que o guión deixe algunhas portas abertas (no pun intended) pero pódese ver perfectamente como se fose unha serie dunha soa tempada.


A colaboración é vital

Isto sigue tendo que ver co punto anterior, pero quíxeno poñer á parte porque son unha tola da ficción na que os personaxes protagonistas e antagonistas se van xuntando a forza de achegárense todos á vez ao misterio, e sempre sempre me emociona o grupo de marxinais que emprega a intelixencia e a empatía (e moitas armas moi chulas) para derrotar o mal, desde BtVS até Salem’s Lot. O que me leva a...



A ciencia é divertida

En Stranger Things hai dous tipos de ciencia: os experimentos prohibidos con LSD e vítimas mal informadas que leva a cabo a escura axencia do goberno que representan os “malos”, e os experimentos saídos da clase de ciencias de secundaria e dun profesor apaixonado, que todos lembramos vagamente (mesmo as que eramos lerdas en ciencias) e que no fondo sempre soubemos que o día menos pensado habían servir para salvar o mundo.

Ademais, como acontece cando tes 12 anos, as cousas máis interesantes pasan na escola.


O elenco

Desde que a miña curmá me arrastrou a ver Reality Bites nos 90, pensei que nunca máis ía ter nada bo que dicir de Winona Ryder (para ser xustos, hai que dicir que a peli que eu quería ir ver aquel día era The Crow, que tamén manda truco...). En Stranger Things a actriz está contida e críbel nun papel no que é moi difícil parecer contida e ao mesmo tempo críbel, así que retiro todo o dito.

O mesmo acontece cos nenos actores. Polo xeral odio os nenos actores, coma calquera persoa de ben, pero estes rapaces interpretan, non se limitan a soltar as súas liñas e poñer caras (se cadra o elo máis feble é o que fai de Will, pero con todo non dá grima). Iso si, se alguén ten pensado ver a serie dobrada que nin se moleste en tentar rebater este punto.

Pero sen dúbida o mellor da serie é David Habour como heroe recalcitrante, o sheriff polo que non das un can no primeiro capítulo e despois resulta que non era tan parvo como parecía e aínda vai salvar o mundo...

E Matthew Modine está moito máis terrorífico do que nunca estivo en ningunha das súas películas mainstream.

O monstro

Un dos fallos estrepitosos de The Strain, e foron moitos, foi que os primeiros capítulos alimentaron as nosas expectativas dun vampiro realmente terrorífico, despois da vaga de poetas lánguidos que inundou o mundo con Twilight e demais, para despois amosarnos unha creación tan chapuceira que só faltaba que se lle vise a cremalleira do traxe no lombo.

É difícil crear plasticamente monstros terroríficos, entre outras cousas porque cada un ten a súa propia idea do que é o terror (a min persoalmente posme entre unha escolopendra e un zombi e boto a correr cara ao zombi), e é moito máis difícil conseguilo na época do consumo masivo de entretemento e a saturación de estímulos, porque as máis das veces os espectadores dedicámonos a buscarlle os fíos aos monicreques en vez de atender ao espectáculo. Unha opción que funcionaba antes para estimular a imaxinación era non desvelar o monstro en ningún momento: Stephen King conta en Danse Macabre que unha asociación de mulleres puritanas pedira que se prohibisen as representacións da adaptación teatral de The Monkey’s Paw, de W.W. Jacobs, pola terríbel visión que aparecía ao final cando a nai abría a porta, cando en realidade o que aparecía, o mesmo que no relato, era nada, o limiar baleiro.

Stranger Things elabora todo o concepto do "outro lado" (Upside-Down) que xa é terrorífico abondo sen necesidade de monstro, e cando por fin o amosa é sempre en penumbra, con luces que veñen e van, ou movéndose moi rápido, de xeito que aos espectadores máis repunantes non nos dá tempo a buscar fíos nin cremalleiras. Ademais, calquera monstro con aires de ter saído dos Mitos de Cthulu ten a miña aprobación inmediata.


Os axudantes


Como bonus, direi que os axudantes do sheriff, que veñen sendo o recurso cómico que usa a serie para aliviar a tensión, son cuspidiños a estes dous:


Friday, 18 December 2015

peche de campaña

Xa está aquí a auténtica, a inimitable... festa da democracia!

Como sabedes hai uns días que non se poden publicar enquisas, e mañá é xornada de reflexión, dous conceptos que na era de internet teñen moita lóxica. En todo caso, como son unha cidadá respectuosa das leis, vou deixar hoxe aquí o meu Comparador de Candidatos Electorais (patent pending) para que o miredes antes das 12 da noite so pena de vos convertir en cabazas (ou berenxenas, ou tomates, ou deus non o queira laranxas...).

O Comparador de Candidatos Electorais non compara os candidatos reais a presidente entre eles, como fan os memes máis aburridos da historia, senón que vos proporciona un método moito máis científico para decidirdes a quen votar, contándovos a qué partido pertencerían os políticos televisivos máis molones se puidesen  presentarse ás eleccións do domingo. Pasade, mirade, e logo votade con sentidiño que despois xa sabedes...

Presidente Fitzgerald Grant III (Scandal)
Este está bastante claro: despois de gañar as eleccións por un pucherazo algo máis elaborado ca nosa moi autóctona carretaxe, as decisións do Presidente Grant día si e día tamén estiveron baseadas nos seus intereses persoais, maiormente poderller facer cariñitos á súa amante e ex-directora de campaña Olivia Pope, e por culpa destas decisións traicionou varias veces o seu programa e mesmo meteu o seu país nunha guerra ilegal (sóalle a alguén?). Ademais diso matou coas súas propias mans a unha xuíza do tribunal supremo que ameazaba con delatalo, utilizou politicamente o asasinato do seu fillo, e polo xeral dedícase a dar polo cú cada día do seu mandato.



Leslie Knope (Parks and Recreation)
Leslie pode chegar a ser irritante cando se trata de traballar, porque quere abarcar todo e implicar a todos, e ten unha estraña obsesión polos ficheiros organizados por cores e os plans mal explicados, pero ninguén pode negar que todo o fai para mellorar a vida dos seus concidadáns, quer como directora axunta do Departamento de Parques de Pawnee, quer como concelleira en minoría.
Os problemas que Leslie ten coa prensa local, que a atacan faga o que faga, e o seu optimismo irredento fan que poida ser unha firme candidata para calquera marea.



Peter Florrick (The Good Wife)
Peter Florrick comezou a primeira tempada de The Good Wife en prisión, como Vera e Barrionuevo, só que el empregara fondos públicos para pagar prostitutas, o que probablemente o faría tamén un candidato ideal para recibir unha tarxeta black. Só foi grazas aos esforzos do seu asesor de campaña Eli Gold (o verdadeiro xenio político da serie) que Peter recuperou o favor do público, e que foi o que fixo entón? Efectivamente, aproveitar a súa posición de poder para atacar e machacar os seus inimigos políticos e persoais, amañar as eleccións a Fiscal Xeral da súa muller e probablemente as súas propias a gobernador de Illinois, non desenvolver ningún dos ambiciosos programas sociais dos que falara na súa campaña, e conspirar aquí e alá até conseguir meterse na carreira presidencial. Iso si, todo coa apariencia externa dun demócrata preocupado pola educación pública e o 99%. Supoñemos que cando remate a súa vida política terá garantido un asento no consello de administración de Gas Natural.



Alan B’Stard (The New Statesman)
Alan B’Stard foi o membro máis novo do Parlamento Británico con só 31 anos, era ben parecido e falaba de cambio... Sóavos? Pois agora vaivos soar máis: B’Stard tamén opinaba que os problemas do sistema educativo poderíanse solucionar de vez se a matrícula custase 2.500 libras por curso, falaba de rematar coas listas de espera da sanidade pública eliminando efectivamente a sanidade pública, o que á súa vez acabaría coa pobreza (literalmente). Aliado coñecido de antigos nazis, empresarios e lores por igual, unha vez declarou nunha entrevista que os ricos só deberían pagar impostos pola cocaína. Aí queda.



Taylor Doose (Gilmore Girls)
Non importa que Taylor sexa o edil dunha comunidade pequeniña e polo xeral ben avenida, Taylor toma moi en serio o seu traballo. De feito, é o único que toma en serio o seu traballo. Nas reunións veciñais ponse dos nervios se alguén non respecta a quenda de palabra ou se as cousas non van por onde a el lle interesa. Claro que Taylor ten sempre o interese da súa vila como prioridade, pero, sobre todas as cousas, o que Taylor quere que entendades é que vós, simples votantes, sempre estades equivocados e el sempre ten a razón.


Tuesday, 24 November 2015

all work and no play... (outono 2015)

Chegou o outono e case marcha, e eu aquí, procrastinando. Pero non vos preocupar, que non vos deixo sen a miña opinión gratuita e desinformada das series que veñen... Das que vin por agora, non pensedes que vou falar da tipa que resolve crimes seguindo pistas tatuadas no seu corpo nin do tío Jesse facéndonos a todos vellos na súa comedia na que é avó. En fin, aí vai, para todos os públicos e sen spoilers, o que vin este outono na tele (por agora).

O outono que ven


ABRIUSE A VEDA PARA A NOSTALXIA DOS NOVENTA

Scream Queens (FOX)

De que vai: Ryan Murphy strikes back. Esta vez é unha “homenaxe” ao xénero slasher, o mesmo que American Horror Story era unha homenaxe  a todas as películas de terror que se lle ocorreron a Murphy, é dicir, un pastiche de escenas sacadas directamente de outros autores, mesturadas nunha cocteleira e sazonadas cos estereotipos raciais e sexuais tan característicos do director multimillonario.
Por que mola: Emma Roberts é moi boa facendo de xefa de irmandade insoportábel,  e Nasim Pedrad é gloria bendita, aínda que non entendo moi ben que fai aí. En xeral o casting está ben, o mesmo que case todas as escenas de asasinatos, aínda que sigo preferindo as das películas orixinais.
Por que non mola: Segue a aburrida fórmula Ryan Murphy, que é a mesma desde Glee: colle de protagonistas a un grupo de brancos de clase alta e beleza imposíbel, e despois rodéaos por personaxes planos con carteis colgados: a negra, o discapacitado, o gay reinona, o gay malvado... Despois fai que os malos da serie sexan os que se metan con eles en todos os capítulos, creando situacións cómicas nas que é moito máis doado identificarse co malo de lingua viperina que co obxecto das súas burlas, e finalmente pon a parir os críticos que non louban os seus programas aducindo que “están contra a diversidade”. Repetir cada tempada até chegar ao billón de dólares.
A quen lle pode gustar: A fans de Glee e nostálxicos dos 90.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆



WASHINGTON OU SHONDALAND?

Quantico (ABC)

De que vai: un grupo de buenorros e buenorras teñen escenas de sexo na ducha mentres estudan na academia do FBI. Uns meses despois, un deles é  responsable dun atentado en New York e os outros seguen dándolle ao vapor mentres investigan ou algo. Non me enterei moi ben, entre os saltos temporais locos e os cambios de parella aleatorios é difícil seguir o argumento.
Por que mola: como xa dixen, buenorros, buenorras, steamy sex, e unha conspiración de fondo que dá para querer saber máis.
Por que non mola: O argumento non se toma en serio nin por un intre. Aínda que a premisa é “atentado terrorista involucrando o FBI”, o mesmo podería ser “doutores e doutoras buenorros salvan vidas no minuto 40 do capítulo” ou “famosa asesora do presidente buenorra líase co presidente armando a marimorena en Washington”... Vedes por onde vou? Outra cousa que me ten tola: os pelos da protagonista. É IMPOSIBLE investigar nada con esa cantidade de pelo diante dos ollos.
A quen lle pode gustar: A fans de Shonda Rhimes, que de todas formas a criticarán porque, con todo, non ten o ritmo das de Shonda Rhimes. Absterse fans de tramas de espías serias.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



NOT SO MODERN FAMILY

Life in Pieces (CBS)

De que vai: sketches cómicos sobre a vida de tres xeracións da mesma familia, conectados entre eles.
Por que mola: faltan comedias novas na tele para encher os ocos das que marcharon (Parks and Recreation) ou das que decaen perigosamente (The Big Bang Theory). Esta é un intento, con sorte mellora ao longo da tempada.
Por que non mola: as situacións cómicas son as mesmas dos últimos vinte anos, sen ningunha revisión nin frescura, co cal ás veces funcionan pero a maioría, non.
A quen lle pode gustar: sei que os fans acérrimos de Modern Family van poñer a parir esta polas conexións obvias, pero son o seu público obxectivo, realmente.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



GRINDER RESTS

The Grinder (FOX)

De que vai: despois do éxito da súa serie dramática, un avogado televisivo pensa que está capacitado para exercer na vida real, métese no bufete (e na vida) do seu irmán, e empeza a irromper nos seus xuízos berrando legalismos de serie de avogados.
Por que mola: Rob Lowe fai un personaxe excesivo por todos lados, compensado pola racionalidade do seu irmán Fred Savage, e é case como un spin-off the Parks and Recreation baseado na vida de Chris Traeger (o que sempre pedín a berros). Rob Lowe é un deses actores que empezaron facendo drama e por culpa diso tardamos en descubrir o seu enorme talento para a comedia. É un crack, e cando xuntas un crack con actores bos e un guión tan tolo como entusiasta, sae isto.
Por que non mola: O único que teño que criticar, por criticar algo, é que se deron demasiada présa en introducir un interese romántico para o protagonista, se cadra non era necesario ser tan sitcom niso.
A quen lle pode gustar: a fans incondicionais de Chris Traeger e do tipo de comedia que inaugurou The Office antes de morrer de morte natural.

Nota serióloga: ★★★★★

Isto no primeiro episodio. Non teño máis nada que engadir.


DEFINE “COMEDIA”

You, me and the apocalypse (Sky, NBC)

De que vai: A descrición oficial da serie di que un grupo “ecléctico” de persoas vense forzadas a agardar xuntas a chegada dun cometa que vai destruír a terra. Si, en fin.
Por que mola: ten toques graciosos, non graciosos de JAJAJAJA!, graciosos como cando contestas un chiste dun amigo cun só emoji de riso pero sen bágoas nos ollos, como dicindo “si, vale, ten graza, pero tampouco flipes que non é tan bo”.
Por que non mola: A este paso vou facer unha tese sobre Rob Lowe. Rob Lowe ten un pequeno papel de cura escéptico aquí, e como sempre borda o material co que traballa, só que desta vez o material co que traballa é normaliño tirando a moñas. Tamén está esa nova manía das cadeas de televisión de coller as comedias que non fai moita graza, estiralas para que os capítulos duren 40 minutos, e rebautizalas como “traxicomedias” ou, peor aínda, “dramedy”.
A quen lle pode gustar: a quen vexa calquera cousa con tal de que leve o selo de comedia británica (esta é coprodución). A fans da apocalipse coma min, pero fans moi militantes, porque hai polo menos sete series mellores que ver antes ca esta.

Nota serióloga: ★★☆☆☆



O PACIENTE LEVA MORTO DESDE 2007

Code Black (CBS)

De que vai: un grupo de residentes comezan a traballar na sala de urxencias máis frenética desde o Mercy Meredith Seattle Derek’s Dead Grace Hospital e o Chicago Whatsherface George Clooney Memorial.
Por que mola: Hai que dicir que a sala de urxencias polo menos está sucia, desordenada, e con iluminación difusa, o cal a fai máis realista ca esas grandes salas brancas con persoal de pixama azul impoluto que vemos noutras series. E tamén sae Luis Guzmán, go Human Beings!
Por que non mola: residentes idealistas dándose de fociños coa dura realidade? si; doutoras teimudas utilizando procedementos inverosímiles nos dez primeiros minutos do episodio? por suposto; administración do hospital que non comulga cos procedementos de dita doutora? claro; celador/enfermeira que son en realidade os putos xefes do cotarro? dálle; mortes inesperadas que provocan un cambio vital nos residentes? como non! Hai moito tempo que o xénero hospitalario non é quen de ofrecernos nada que non saíse antes en E.R. (o cal e lóxico, que foron 15 tempadas).
A quen lle pode gustar: a ionquis das series de médicos. Se che gustan tanto que te chupaches Monday Mornings e The Night Shift, vaiche alegrar saber que esta é lixeiramente mellor.

Nota serióloga: ★☆☆☆☆



NON É SUPERMAN CON SAIA

Supergirl (CBS)

De que vai: a CBS sube ao carro de todas as producións televisivas baseadas en cómics, pero faino ao estilo CBS, nada de torturados personaxes da Marvel de moral dubidosa... Nada de zonas grises... Moito mellor unha super-riquiña e super-boísima Super... girl de boa familia (DC Comics).
Por que mola: o caso é que dalgún xeito este  riquiñismo manifesto funciona, porque Supergirl é exactamente o que agardamos dela, Kara Zor-El a curmá de Kal-El que lle vai axudar a salvar o mundo cada semana, e mentres as aventuras de rutina coas que se atopa sexan entretidas, por que non? Tamén é de agradecer que non só Kara, senón practicamente todas as personaxes principais, boas,  malas e cheas de aristas, sexan mulleres, e sei que é incríbel que en 2015 sigamos a falar do test de Bechdel, pero isto é o que hai.
Por que non mola: polo mesmo que mola, non é máis có que vemos. Sen ningunha pretensión, ten potencial para seguir durante tempadas infinitas até se converter nun coñazo coma Lois & Clark ou, deus non o quera, Smallville.
A quen lle pode gustar: a fans de cómics, pero non a frikis de cómics.

Nota serióloga: ★★★☆☆



O POBO QUE ESQUECE A SÚA PROPIA HISTORIA, ESTÁ CONDENADO A VER CIENCIA-FICCIÓN

The Man in the High Castle (Amazon)

De que vai: Baseada nunha novela de Philip K. Dick, é unha historia de espías nun universo alternativo na que os nazis e os xaponeses gañaron a Segunda Guerra Mundial (de Franco non din nada) e e se repartiron o mundo, aínda que na serie todo pasa en Estados Unidos, loxicamente.
Por que mola: a idea do final alternativo da guerra é interesante abondo, pero ademais o argumento é tan intricado que se sostería sen axuda diso, non é nada tan simple como “a resistencia contra os malos”, tamén hai tensións entre as potencias invasoras, contraespionaxe, e todo o que debe constituír unha boa trama de espías. Tamén mola moito a ambientación dos tres lugares principais onde acontece a historia: New York (zona do Reich), San Francisco (zona xaponesa) e Canon City, NV (zona desmilitarizada); malia que a historia acontece nos anos 60, as diferenzas entre os tres fan intuír a evolución dos Estados Unidos desde a fin da guerra e como se foron adaptando ás potencias invasoras.
Por que non mola: polo que transcende nos primeiros episodios, a historia alternativa de como gañaron os nazis semella ser que soltaron a bomba H en Washington e, sen os americanos, os aliados perderon. O mesmo que ao escribir a historia “auténtica”, no universo paralelo a mitoloxía americana obvia Stalingrado e o papel fundamental da URSS na vitoria, nada novo. Ten outras americanadas, como que as biblias están mal vistas polo Reich, porque o código de boas prácticas da cultura ianqui dita que a relixión cristiá nuuuuuuuunca auspiciou, alentou nin aplaudiu ningún xenocidio no mundo. Pasando por alto iso (ou véndoo coma licencias creativas), non ten duda.
A quen lle pode gustar: malia ser ciencia-ficción estritamente falando, ten máis de drama histórico, así que a fans do xénero, desde Manhattan até The Americans. A premisa das películas que van procurando os protagonistas tamén ten un punto inquietante: lembroume,  claro que noutro estilo moi diferente, a unha xoia de Masters of Horror que se chamaba “Cigarette Burns”.

Nota serióloga: ★★★★☆

Proximanente, na segunda tempada de The Man in the High Castle,
o que si pasou de verdade nos EstadosUnidos de América.


E iso é todo... Polo menos até que a NSA me deteña e me metan en Guantánamo por este último collage. Desfrutade das series até a próxima entrega.