Aviso, como non:
E comezamos co ranking: as catorce mellores cousas que pasaron na tele no 2012.
14. Unha chea de comedias novas, algunhas delas boas
Mentres algunhas das
comedias que nos acompañaron os últimos anos se afunden sen remedio nos abismos
das audiencias e da calidade (The Office)
e outras loitan por non caer aí (How I
Met Your Mother), en 2012 agromaron unha chea de comedias listas para
substituílas, e malia que moitas xa foron canceladas, algunhas resisten con bos
números e, o que é máis difícil, bos guións.
A xoia é Go On, que prometía ser unha comedia moñas
cun Chandler vido a máis e resultou ser unha comedia moi sensible e graciosa
con Matthew Perry facendo dunha persoa lixeiramente mellor que Chandler. Pero o
mellor de Go On é o reparto coral,
porque non hai un só personaxe que non sexa o preferido. Para min, aparte do
obvio Mr. K, John Cho é o actor máis gracioso e con máis recursos da serie, o
que me lembra que xa apuntaba maneiras como convidado no capítulo I’m Not That Guy da 3ª tempada de How I
Met Your Mother e que non lle pegaba
nada o papel “serio” que tiña en Flash
Forward (inciso por se Lorne Michaels fala galego e segue o meu blog: non sería xenial un Saturday Night Live presentado por John Cho? Toma nota!)
Don't Trust The B... In Apartment 23 tamén é unha boa comedia, cunha premisa nada típica. Custoume un pouco entrarlle porque odio a Krysten Ritter desde os tempos de Veronica Mars, pero os capítulos son moi divertidos, e James Van Der Beek facendo de James Van Der Beek non ten prezo.
Alén de Go On e Don't Trust the B..., sorprendéronme gratamente The Mindy Project e Ben and Kate, seguramente porque non daba un duro por eles. Os dous
teñen personaxes estereotipados e historias que vimos cen veces en televisión,
pero os guións son sólidos e os actores moi bos (salvo Ben, queremos matar a
Ben). Animal Practice durou pouco e
tiña 0 sentido, pero saía un mono vestido de médico conducindo ambulancias de
xoguete. Un mono vestido de médico conducindo ambulancias de xoguete! Iso fai
que calquera serie mediocre sexa aceptábel.
Girls foi a nena bonita da crítica deste verán. Non me quero estender moito
porque xa estou escribindo unha reseña poñéndoa a parir que publicarei
proximamente, pero podo dicir que é a típica serie na que odiamos a todos os
personaxes e así e todo seguimos vendo, desexando en secreto que lles pasen
cousas malas.
Por suposto que hai unha
chea de comedias horrorosas, como The
Neighbors, Guys With Kids, The New
Normal ou Malibu Country, pero se
temos en conta o resultado final de 2 boas comedias, 3 que se deixan ver (sen
contar a cancelada) e 4 malas, non está nada mal para 2012. Ademais, inclínome
a contar 666 Park Avenue e Revolution como comedias, e nese caso as
dúas son hilarantes.
Adaptado con moito respecto e permiso (tácito) de tv.com |
13. A enésima homenaxe de Castle a Firefly
Xa vai para unhas cantas
veces que os guionistas de Castle (non
se sabe moi ben se a petición de Nathan Fillion ou porque si) homenaxean máis
ou menos sutilmente á nena bonita de Joss Whedon, Firefly, protagonizada polo propio Fillion. O final da 4ª
tempada mesmo tivo un episodio no que outro actor de Firefly, Adam Baldwin, facía de detective psicópata retomando un
pouco o seu papel de Janey, só que nesta ocasión el daba as ordes e
Nathan Fillion as seguía, ademais de regalarlle o seu "brown coat".
Pero o capítulo The
Final Frontier, da 5ª tempada, foi unha orxía de referencias: un asasinato
nunha convención de ciencia ficción, ao que Castle se referiu como “shiny”, propiciou
que el e Beckett falasen das súas series favoritas (“Son fan da boa ciencia ficción, Star Trek, Battlestar Galactica, aquela outra serie de Joss Whedon...”) e
visitasen unha recreación de unha das series, que malia que en apariencia e
argumento era talmente Star Trek,
tiña unha chea de cousas en común con Firefly,
comezando polos nomes dos protagonistas e seguindo polos malos. Alén diso, todo
o capítulo é unha xigante homenaxe á ciencia ficción e a nós, os frikis
seriólogos, en xeral (Non se perdan a Armin Shimerman, o director Snyder de Buffy the Vampire Slayer entre outros
moitos créditos, facendo de friki cunha camiseta de “Han Shot First”).
12. Michonne (e a 3ª tempada de The
Walking Dead en xeral)
Creo que todos os que
lemos os cómics de TWD somos fans de
Michonne, e é de xustiza que a súa aparición na adaptación televisiva apareza
neste ranking. Con todo, sigo esperando que lle dean un pouco máis de sentido
ao seu personaxe, porque no cómic queda ben claro por qué se vinga do
Gobernador e por qué o deixa vivo para que sufra, poñendo o grupo en perigo sen
querer, pero aquí, a falta de todo o que o Gobernador lle fixo no papel, queda
un pouco de pirada psicópata con tanto odio. Mesmo tería máis sentido que fose
a por Merle, que foi o que tentou matala, aínda que estivese cumprindo ordes.
Iso si, a escena do sable na cabeza da nena zombi foi o mellor desta tempada, e
eu miraría de buscar desinfectante despois de meter a cara chea de cortes
nun acuario con cabezas de zombis, pero semella que a hixiene post-apocalíptica
só me preocupa a min.
11. O capítulo de transición de Wilfred
Ao estilo de Doctor Who, Wilfred fixo un capítulo de transición entre a primeira e a segunda
tempadas, no que a historia non avanzaba exactamente, pero sentaba as bases
para o que había ser a segunda tempada. Ou iso dixeron os creadores, pero a
verdade é que non ten moita lóxica. Nada diso importa, porque o capítulo foi
glorioso: Robin Williams facendo de Robin Williams facendo do psiquiatra petardo de Good Will Hunting, Brian Baumgartner
facendo de Wilfred disfrazado de home (un home disfrazado de can disfrazado de
home!), e o mellor de todo: o Oso conducindo a ambulancia que usan para
fuxir do psiquiátrico.
10. Fringe
meets Monty Python’s Flying Circus
Hai xente á que non lle
está a gustar esta tempada de Fringe.
É certo que os primeiros episodios tiveron un pouco de xogo de plataformas (tes
que buscar a chave para abrir a porta e ao chegar ao seguinte nivel hai unha
nova porta e tes que buscar outra forma de abrila), pero eu estou contenta con
como está avanzando a historia, especialmente nos últimos capítulos, desde a
morte de Etta. Black Blotter é un dos
capítulos psicodélicos que os creadores lanzan antes do final de cada tempada
para ver como reaccionamos, e sendo esta a derradeira, había moitas
probabilidades de que o experimento non callase: Walter toma ácido (mais unha
vez) e vemos a investigación para atopar o neno Observador a través dos seus ollos drogados, mentres se
enfronta aos seus demos interiores. Desta vez bordárono. Coma nun bo musical
(malia que sen cancións) a acción avanzou nas escenas oníricas tanto ou máis
que nas reais, e soubemos de moitas das dúbidas e medos que paralizan a Walter.
E, de regalo, unha enorme homenaxe a Terry Gilliam nesta secuencia coa volta de Gene a vaca, e tamén simboloxía importantísima, que ninguén se engane.
9. A montaña rusa de Homeland
Homeland tiña que comezar forte este ano porque despois do final da tempada pasada
pensabamos que era imposíbel que as cousas se volvesen máis tolas: Brody
decidira non estoupar o chaleco e meterse na equipa do Vicepresidente Walden
para ¿derrubar o sistema desde dentro?, a Carrie fritíronlle o cerebro, Walker
morreu e o USB coa confesión de Brody desapareceu e ninguén sabía cando nin
como ía saír á luz. Os guionistas decidiron non adialo, despois dun excelente
primeiro episodio, Saul descubriu o pincho e o seu contido e amosóullelo, por
esta orde, a Carrie e a Estes. Aí foi cando dixemos “hala, agora vai vir unha
tempada enteira da CIA espiando a Brody, que aburrimento!” pero nada diso: nun par
de capítulos Carrie descubriuse ante Brody, que foi detido, interrogado (nunca
vin un poli bo/poli malo cun poli malo tan malo como Quinn e unha poli boa tan
boa como Carrie) e forzado a cooperar coa CIA. Aí foi cando dixemos “hala,
agora vai vir unha tempada enteira de Brody colaborando coa CIA, que
aburrimento!” pero nada diso: explosións, milicias armadas ás ordes de Abu
Nazir, arrepentimento, fuxidas, Carrie e Brody fodendo na noite de micro aberto da CIA...
non nos deu tempo a soltar o aire e aínda estabamos no episodio 8! Entón todo
comezou a rodar costa abaixo pola senda de 24:
Abu Nazir converteuse nun deses psicópatas de pelis de psicópatas aos que hai
que matar quince veces e así e todo sobreviven até o final dos créditos para
anunciar a segunda parte da saga, Brody parecía un vampiro adolescente namorado
matando xente ao tuntún para protexer a súa amada, e a Carrie déronlle os
peores diálogos desde o comezo da serie. Expresei o meu descontento aquí mesmo e xurei que Homeland estaba
rematada pasase o que pasase a continuación. E resulta que me tiven que tragar
as miñas palabras porque o último episodio da tempada volveu ser de infarto,
como diría o Vicepresidente Walden (festival del humor...), con Carrie e Brody
correndo un aos brazos doutro até que unha bomba posta supostamente por Brody (e
aquí volvemos a non saber de que lado está) matou a media CIA incluíndo David
Estes, a viúva de Walden e o odioso Finn.
Mágoa que a Chris Brody non lle dese por ir ao funeral de Walden.
Así as cousas, volvemos a
non saber qué esperar para a 3ª tempada de Homeland,
e iso é o que mellor fai esta serie: xerar suspense e conspiranoia. En internet
xa hai milleiros de teorías (a mellor que lin, até agora, pon de cerebro de
todo a ex-muller de Saul, que orquestou a matanza para que o seu home ascendese
na CIA) e volvemos estar tan expectantes como o ano pasado a estas alturas.
8. Morreu Lori! (The Walking Dead)
Está feo alegrarse da morte
de alguén que non sexa un ditador xenocida ou un banqueiro, ben o sei, pero
creo firmemente que coa morte de Lori o mundo apocalíptico de The Walking Dead vai ser un lugar
mellor. Como xa dixen algunha vez, non estou de todo certa de que non fose ela quen
provocou a apocalipse zombi dalgún xeito. Ademais, a escena gore da súa morte,
e da súa... voulle chamar “autopsia”, cando Rick saca os seus restos das tripas
dun zombi cheo, foron de traca. Como comentou un ávido lector do blog, a morte
de Lori a mans do tarado do seu fillo debeu estar patrocinada pola Asociación
Nacional do Rifle Infantil.
7. Sobredose de Louis C.K.
O ano que descubrín Louie, o seu creador e protagonista
retomou o personaxe de Dave en Parks and
Recreation e presentou un dos mellores episodios de Saturday Night Live deste ano. Ademáis, esta tempada de Louie tivo momentos como a viaxe a
Miami, Never o neno noxento, as tres partes de Late Show con David Lynch, Louie tentando reparar a boneca que
mercou para a súa filla en New Year’s Eve...
6. Mike Ehrmantraut (Jonathan Banks) en Parks and Recreation
Cando aínda non nos
recuperáramos de despedir para sempre a Mike en Breaking Bad (as súas últimas palabras, "let me die in peace, Water", merecen estar nesta
lista por si propias, pero con dous postos reservados a Breaking Bad xa se me ve bastante o plumeiro), Jonathan Banks
regalounos unha actuación estelar en Parks
and Recreation, facendo do peor pai do mundo. O duelo de titáns con Ron
Swanson pola última gamba Orly do buffet é digno de ver a cámara lenta coa
música de El Hombre y la Tierra.
5. Last Resort
Estaba claro: co
argumento que elixiron, Last Resort
non podía pasar da primeira tempada. Con todo, é unha das mellores series que
se estrearon neste ano, e tamén unha das mellores series que se estrearon e se
cancelaron este ano, e tamén iría na lista de series que se cancelaron
demasiado prematuramente.
4. O piloto de Breaking
Bad: Yeah, bitch! Magnets!
Todo no piloto da quinta
tempada de Breaking Bad foi
espectacular: o misterioso comezo un ano
despois dos feitos narrados, a meticulosidade coa que Walter foi limpando todas
as probas que o vencellaban a Gus Fring, a entrada reticente de Mike no grupo,
a escalada de Walter sacudindo os restos de Mr. White e converténdose en
Heisenberg a tempo completo... Pero o mellor de todo foi que no momento en que
Jesse propuxo o dos imáns, soubemos que ía funcionar, e a escena tanto da proba
como da sabotaxe real foron hilarantes. O segundo mellor, que alguén colleu
esta escena e fixo un loop en youtube.
3. O episodio de Law & Order de Community
Algúns fans estaban
preocupados porque o despido de Dan Harmon, a mente pensante detrás de Community, supuxese o deterioro da
serie. Houbo moitos episodios na 3ª tempada que probaron que se trabucaban: Contemporary Impressionists, Pillows and
Blankets, Digital Estate Planning...
Para min o mellor é a homenaxe a Dick Wolf e a franquicia de Law & Order: Basic Lupine Urology. Desde o comezo da historia (alguén “asasinou”
a batata que o grupo estaba xerminando como parte dun proxecto de ciencias),
pasando polos títulos de crédito ao estilo Law
& Order, o reparto de papeis feito por Shirley porque é adicta ás series
policiais, o cambio de papeis cando Troy e Abed se aburren ("Sorry about my partner, he's been on edge ever
since we switched." BEST LINE EVER!), a ineptitude de Britta, a emulación de
Heisenberg que fai Starburns, as actuacións estelares de Michael Kenneth
Williams e Michael Ironside como profesor Kane e tío militar de Todd
respectivamente... todo é perfecto, e esperemos que este ano Community remate a súa existencia con
episodios tan gloriosos coma este. Ben pensado, esperemos que a NBC entre en
razón e Community non remate este ano
a súa existencia. #sixseasonsandamovie
2. Awake
Outra serie que tamén
está na lista de series canceladas demasiado prematuramente, e que seguramente
sexa a mellor serie de 2012. Polo menos aos seus creadores deulles tempo a
improvisarlle un bo final para que os fans nos sentísemos mellor, un final que
lembra bastante a outra das mellores series de ciencia ficción, Life on Mars (a inglesa, claro, non o
truño da ABC).
1.
O final da primeira parte da quinta tempada de Breaking Bad: Hank no váter.
Sabiamos que non ía ser
posíbel, pero que levante a man quen non respirase aliviado por un intre ao ver
a Heisenberg deixar o negocio despois de amasar máis cartos dos que podería
gastar, reconciliarse daquela maneira con Skyler e volver ser Walter White por
un momento de felicidade xunto á piscina da casa. Sabíamos que non había durar
e sabíamos que a segunda parte da 5ª tempada ía estar encamiñada cara unha
confrontación final entre Heisenberg e Hank, polo que Hank tiña que descubrir
que Walter era Heisenberg. O que non sabíamos (e o xenial Vince Gilligan tiña
claro desde que introduciu o diario de Gale Boetticher a comezos da 4ª
tempada) era a forma en que Hank o ía descubrir: sentado no váter, buscando
algo que ler. E a súa cara, esa cara que para min merece todos os premios de
aquí a Hollywood.
No comments:
Post a Comment