Levaba un tempo
querendo facer esta lista. Mentalmente fixéraa moitas veces, en moitas épocas
televisivas, pero desde que escribo o blog levaba tempo pensando en facer unha
lista coma esta cos tres primeiros postos reservados para a familia Grimes.
Entón Lori morreu a mans do tarado do seu fillo, e dixen “aí vai a miña
oportunidade perdida, coma unha folla da árbore caída que nunca máis ha volver
á súa póla”. En realidade non dixen iso, dixen algo como “merda”. E fíxenme a
firme promesa de non deixar que un fato de guionistas pouco imaxinativos se me
adiantase outra vez.
A lista fala só de
personaxes de series que están actualmente en antena, porque do contrario sería
inabarcable. Hai spoilers por aí, navegade pola vosa conta e risco.
12. Skyler White (Breaking Bad)
Anna Gunn é unha
excelente actriz, pero houbo un tempo no que Skyler estaría nos primeiros
postos desta lista (tamén a moza de Jesse interpretada por Krysten Ritter, pero
desa xa se encargaron Walt e a lei da gravidade). É insoportable,
controladora e hipócrita: dicindo que quere afastar a Walter dos seus fillos
porque é unha mala influencia, pero despois empeñada en controlar as finanzas do negocio e sacarlle
beneficio. Na primeira metade da quinta tempada, porén, cheguei a sentir mágoa
por ela porque xa non quedaba nada de Walt, e Heisenberg pode chegar a dar
bastante medo, sobre todo cando che respira na caluga mentres intentas durmir.
Agora está por ver de que lado se posiciona no duelo Hank vs. Heisenberg,
aínda que se alguén merece morrer nesta serie é ela, porque o resto dos
personaxes son sinxelamente imprescindíbeis (boto tanto de menos a Mike...).
11. Sam Winchester (Supernatural)
Sei que isto vai ser
unha decisión impopular, principalmente porque sen Sam non hai tensión con Dean
e polo tanto non hai serie. Pero se cadra vai sendo hora de que remate a serie.
E en serio, Sam: non é o mesmo que Dean se faga colega dun vampiro que o axudou
a saír do Purgatorio e que ti te líes cunha tipa que non sabe quen es e pases
de buscar ao teu irmán presuntamente morto do que nunca viches o cadáver. Non é
o mesmo que ti rompas coa túa moza porque o seu marido volve de Iraq e que lle
esixas a Dean que non teña amigos porque ti non os tes. Non é o mesmo estar
resentido e canso de levar unha vida de cazador e ser un petardo chorón que
ameaza con abandonar en cada capítulo. En serio, Sam, danos un descanso, non
pasaría nada por ir parar debaixo das rodas dun tráiler, que total Dean si é un bo irmán e non ía
deixar que unha aventura cunha veterinaria sosaina lle impedise resucitarte.
10. Emma (Once
Upon a Time)
Emma é o peor. É a
Britta Perry de Once Upon a Time. Vai
por aí gabándose de que o seu super-poder é detectar a mentira, pero Regina
leva meténdolla doblada desde o piloto. Mesmo o seu fillo de 10 anos lle minte
e non se entera. E que pasa coas pintas que leva? Como pode unha sheriff
resolver casos se non dá visto a través das pestanas postizas e os bucles
infinitos? E como combina iso coa camiseta de asas e as botas sacadas de
“Cárcere de Mulleres II: A Vinganza das Zorras”? O único motivo polo que aínda
segue con vida é porque Snow coida dela, porque do contrario xa tería morto por
esquecerse comer ou por electrocutarse mentres tentaba arranxar un tostador
enchufado cando estaba borracha.
9. Matthew
(Downton Abbey)
Aquí non se trata tanto
dunha cuestión de odio (que tamén) como de práctica: Matthew precisa morrer
polo ben da trama, que se está a converter en zzzzzzzzzzzz. Perdón, apoieime
nunha tecla. Que se está a converter en mortalmente aburrida, quería dicir. Eu
non son da lexión de fans enfurecidos que tentaron incendiar a BBC tras a morte
de Sybill, porque me pareceu unha decisión o suficientemente tola para animar a
serie (e total, a trama irlandesa non ía a ningures, tristemente),
pero si creo que tería máis consistencia matar un personaxe como Matthew para
que Mary se puxese as pilas de herdeira, tivese que lidiar coa desfeita
económica que lle legou o inútil do seu pai, e deixase de pasar a vida
queixándose de que o seu mundo está a cambiar. E como valor engadido,
deixaríamos ver a cara lánguida de Matthew choromicando polos –amplos-
corredores de Downton: que se Lavinia isto, que se a miña disfunción eréctil o
outro...
8. David Nolan / Prince Charming (Once Upon a Time)
David Nolan tiña escusa
para ser un capullo na primeira tempada de OUaT porque non lembraba quen era. Dentro do
encantamento de Regina el espertou sendo un marido infiel, un amante
manipulador e un covarde, que lle imos facer. Pero agora que recuperou a
memoria segue a ser un monicreque que vai á zaga de Snow e de Emma, e que non
sabe nin coidar do seu neto Henry cando o deixan só con el. A última foi cando
tomou voluntariamente unha pócema do moi pouco fiable Mr. Gold para entrar nun
coma posiblemente irreversible e aparecer nun limbo en lapas no que
supostamente ía atopar a Snow (malia que iso só era unha posibilidade remota),
e talvez conseguir sacala do mundo de fantasía, porque con iso quería evitar
que o fixese Henry (que de todas formas
cada vez que quedaba durmido ía parar a aquel limbo). David Nolan nunca tiña
que ter espertado, tería que seguir ardendo no limbo, e iso daríalle a Snow a
oportunidade para meter baza na relación de Aurora e Mulan (en serio,
que pasa con esas dúas? Estaban claramente liadas, non?).
Como exemplo do listo que é Prince Charming, vai un diálogo do capítulo "Manhattan" da segunda tempada, o último emitido:
Charming: Daquela Rumpelstinskin é o avó de Henry?
Snow: Si.
Charming: Pero... o seu avó son eu.
Snow: O certo é que podes ter dous avós.
Oh, Charming! Mátasme. Só che falta asinar os mails como O Príncipe EmPalmaDo...
Como exemplo do listo que é Prince Charming, vai un diálogo do capítulo "Manhattan" da segunda tempada, o último emitido:
Charming: Daquela Rumpelstinskin é o avó de Henry?
Snow: Si.
Charming: Pero... o seu avó son eu.
Snow: O certo é que podes ter dous avós.
Oh, Charming! Mátasme. Só che falta asinar os mails como O Príncipe EmPalmaDo...
7. Ezra Fitzgerald (Pretty Little Liars)
O nome só xa é abondo
como para que se retorza no máis oculto dos círculos do Inferno. E se non chega
co nome, temos a pose. Eu non comparto a crítica moralista de moitos fans da
serie para os que é un problema que
ande moceando coa súa ex-alumna
adolescente. Para empezar, porque el mesmo aparenta ter 20 anos como moito e
porque fai que sae cunha actriz que semella maior ca el e que nos tres últimos
anos estivo interpretando a unha nena de instituto permanentemente atrapada nun
limbo adolescente de idade difícil de determinar. Tamén hai algunhas teorías ao
respecto da implicación de Ezra con A, malia que eu non o considero intelixente
abondo para montar un plan de vixilancia omnisciente e ubicuo (pista: A é
Deus). O que si, empurraríao con gusto debaixo das rodas do tráiler se me le un
só dos seus poemas ou o cacho escribindo a máquina (!) no seu apartamento do
Club de los Poetas Muertos.
6. Claire Dunphy (Modern Family)
Un dos misterios do
mundo televisivo actual é Modern Family
e a presada de premios que acumula. Para algúns expertos, está bastante claro que os
señores gordos que conceden os Emmy e os corresponsais untados que conceden os
Golden Globes non ven a televisión, porque os seus premios sempre se
identifican máis co que as revistas modernas din que é tendencia, e non cos
datos de audiencia e (isto por descontado) co gusto da crítica. Modern Family é o paradigma desa
contradición. Non só acumula premios ano tras ano malia ter os personaxes máis
planos da televisión e a súa trama non avanzar nunca, senón que os favoritos do
público, Jay (Ed O’Neill) e Gloria (Sofía Vergara), son os eternos segundóns
das nominacións e sempre ven os seus premios arrebatados pola parella gay (teño
que comprobalo, pero estou case segura de que xa alternan os premios entre os
dous a razón de un ano para cada un) e pola terrible Claire. O personaxe é
odioso, pero iso case é o de menos: Julie Bowen nunca foi graciosa e nunca o
vai ser. Como acontece con Lena Dunham, é un deses casos nos que non sei se
meter nesta lista o personaxe ou directamente a actriz.
5. A familia enteira do Teniente Brody, Mike o
destrozahogares incluído (Homeland)
Sei que a familia de
Brody está aí como contrapunto necesario a Abu Nazir (RIP) e sei que sen pensar
as cousas dúas veces por amor á súa familia, a serie tería rematado moito
antes: Brody non recibiría a chamada de Dana ao final da primeira tempada e
tería feito estoupar o chaleco na mellor escena pro-terrorista da historia da
televisión. Pero son moi petardos. As olladas lánguidas entre Morena Baccarin e
Mike son máis propias de Grey’s Anatomy
ca de un thriller como Homeland, e
Chris Brody é un personaxe totalmente prescindible (aínda que admiro o seu
sangue frío para poñerse a durmir a perna solta xusto despois de enterarse de q
o seu pai era o inimigo público número 1 e que presuntamente matara a
duascentas persoas cunha bomba). E agora que está claro que o apoio
incondicional de Brody para a terceira tempada vai ser Carrie (cunha pouca
sorte a Carrie-ollos de tola-mural conspiranoico, de mono de litio e non a
Carrie-adolescente namorada) igual era o momento de cargarse a toda a familia
Brody e endilgarllo a el. Ou, cando menos, de facer unha subtrama na que Mike se
lía con Dana, Morena Baccarin os descubre e os mata aos dous.
NOTA: Todo o meu
respecto para Morena Baccarin desde que interpretou a Inara en Firefly, pero son incapaz de lembrar o
nome do seu personaxe de Homeland. E
tamén: en Firefly non tiña a cabeza
tan pequena, algo que dicir, Iker Jiménez?
4. Andrea (The Walking Dead)
Nunca me gustou Andrea.
Non entendo porqué Dale non a deixou morrer no final da primeira tempada, aínda
que por min tamén podía ter ido el ao carallo, como finalmente pasou. Na segunda
tempada, virou un pouco máis soportable, malia que só foi unha ilusión debido
ao efecto paliativo de Lori (en comparación, todo ao seu redor era máis
brillante):aprendeu a disparar, tomou parte activa na defensa do grupo, safou
de Dale e montou en cólera cando Lori insinuou que estaba deixando de lado as
tarefas do fogar para andar por aí matando zombis cos homes. Entón chegou a
terceira tempada, e despois de que Michonne a rescatase e a mantivese con vida
todo o inverno, decidiu agradecerllo negándolle o beneficio da dúbida cando
aquela quixo marchar de Woodbury e ficou alí ao rabiño do Gobernador (non tiña
a intención de que esta frase soase como soa, lojuro). E hai un par de episodios fixo un discurso a medio camiño entre “Película Deportiva Xenérica” e o
día da Paz no meu colexio que non fixo nada por mellorar a súa imaxe perante os
meus ollos.
3. O señor Schuester (Glee)
Certo que todos os
personaxes de Glee deberían ser utilizados por Daryl de The Walking Dead como cebo para cazar donicelas /atraer zombis até
a súa morte. Mesmo a favorita do público, Sue Sylvester, entrou na dinámica estereotipada
da “malvada con bo corazón que axuda na sombra malia que garda as apariencias de
odiar os protas” e agora é insoportable. Rachel Berry debería ter unha morte
particularmente lenta, agónica e que involucrase as súas cordas vocais. Pero o
señor Schuester é, desde o minuto 1, o personaxe máis egoísta, prescindible
(como demostrou a primeira metade desta tempada) e anti-empático que un
guionista puido concibir xamais. Só por repasar algúns dos seus momentos
estelares ensinando a un fato de adolescentes marxinados-pero-estrañamente-atractivos-e-con-fortes-personalidades
a ser peores persoas: puxo unha bolsa de marihuana na taquilla dun alumno para
obligalo a formar parte dunha actividade extraescolar porque lle gustaba a súa
voz; iniciou dita actividade extraescolar por motivos puramente egoístas e
chorras (sentíase fracasado por facerse profesor despois de ser popular como
membro do Glee Club nos seus anos de instituto); desatendeu as súas clases
reais e o resto dos seus alumnos para centrarse no grupo de enchufados que se
anotaron á súa actividade; non tomou ningunha medida cando, baixo a súa
supervisión, unha das alumnas do Glee Club induciu a outra á bulimia e lle
causou un problema de saúde, é máis, anoxouse porque o desmaio da bulímica
descalificou o seu grupo para competir nas
rexionais/seccionais/estatais/whatever; finalmente, convenceu o mesmo fato de
rapaces presuntamente marxinados de que o importante na vida é axudarse e
contar uns cos outros, e acto seguido abandonounos a eles, á súa prometida e ao
resto dos seus alumnos aos que de todos modos xa non facía puto caso, para
perseguir o seu soño de ser ¿secretario xeral do departamento de coros de
instituto dos Estados Unidos? Will Shuester, es o peor profesor de instituto
desde Gloria Lago.
2.
Hannah (Girls)
A morte da protagonista
de Girls debería de ser tan lenta
coma calquera dos seus capítulos de media hora. Como unha sesuda crítica explicou no seu momento, Hannah é tan superficial que se ten que
autodefinir como “profunda” e “auténtica” cada dúas liñas de diálogo. É a peor
amiga do mundo e permítese o luxo de andar sempre xulgando aos demais, e se o
fixese en silencio polo menos non teriamos que aturala, se o fixese ás súas
costas crearía conflitos na serie, pero simplemente abre a bocaza e empeza a
dicir chorradas mentres o resto dos personaxes/actores miran con cara de
circunstancias, supoño que preguntándose en qué momento quedaron atrapados no
vórtice infernal de Lena Dunham e os seus premios de críticos que non ven a
televisión. E de verdade que non necesito vela espida en todas e cada unha das
escenas, malia que agora que o penso, tampouco preciso vela con roupa.
1.
Lori (The
Walking Dead)
Seino, a introdución
deste post foi un pouco trampulleira porque falaba da morte de Lori, pero non
era coa intención de despistar nin de crear tensión dramática. O certo é que
Lori morreu, pero os guionistas de The
Walking Dead odian tanto ao seu público que agora queren meternos pola
gorxa a actuación estelar do fantasma de Lori vestida de branco sepulcral. Se a Lori real xa era unha dor de cabeza de ver,
a Lori/Rapaza da Curva non se queda atrás: en dous capítulos que leva con nós xa
se amañou para botar da prisión un grupo de personaxes interesantes sen que
ninguén o sometese a votación, sacar o parvo de Rick da seguridade do perímetro
para irse morrear co aire no medio do monte, poñer en perigo a todos os habitantes
da prisión grazas a iso, e conseguir que matasen a Axel cando comezaba a ser
interesante. Obrigada pola visita, Lori de Ultratumba. Podías volver como zombi
para que alguén che rebentase a cabeza coa porta traseira dun monovolumen, pero
sempre elixes a forma máis coñazo e nociva de implicarte na vida de todos os
que te rodean. Comezo a pensar que se The
Walking Dead se rodase aquí, o teu personaxe estaría interpretado por Rosa
Díez.
Aínda non rematei e xa se me están ocorrendo outros personaxes que mataría con gusto... Outro día, os que nunca deberon morrer (Mike, I miss you sooooooo bad!)
Si, amigos. Alguén tiña que facelo... |
Estimada serióloga: menos mal que os seus personaxes atropellables non son todos/todas mulleres, nen mulleres do prota, senón aínda ía que acudir a Freud (o famoso supermercado) para ulteriores interpretacións raras. Como só podo opinar dun par ou tres de series vistas por menda, direille que Lori, vale, é unha pantasma un pouco coñazo, da que eu esperaba no último capítalo que se convertira en zombi real (outro zombi) mentras Rick lle facía carantoñas. Pero que me di do paspán do seu marido, cada vez con máis cara de poñer sempre a mesma cara, desatendendo as súas obrigas de atender á súa ass-kicker e ao delincuente xuvenil prematuro ou serial killer do seu fillo? e andar aí de paseo polo campo (sen desbrozar), buscando a súa identidade ou un mensaxe divino, á espera de que lle saquen as castañas do lume os Dixon Brothers, do pouco decente da serie, se non en modais, sí en capacidade actorial. O de Andrea poñendo cara de "non me entero de nada, quizás estos fillos de puta non sexan tan bos como parecían" sí que é de atropello con trailer de 8 rodas. O da muller de Walter White xa o temos falado, paréceme vostede moi severa, deixea tranquila na súa oficina de lavado de coches e de cartos. E sin máis que opinar, despídese este que lo es.
ReplyDeleteAs usual, razón non che falta, anónima comentadora de pseudónimo exquisito. Rick é un inútil, e os Dixon Brothers son lo más, malia que moitos lectores de cómic reneguen deles porque son creación da serie (isto probablemente me traia unha chea de cartas ameazantes escritas con letras recortadas de revistas, pero eu tamén sigo o cómic e non me parece tan alucinante como á maioría da xente, nin formal, nin artística, nin argumentalmente). O problema con Rick, é que se o matas remata a serie tal como a concibiron, aínda que a min non me importaría ver un spin-off dos Dixon Brothers matando zombis na Alabama profunda, ou de Carl en Supernani.
ReplyDelete