Thursday, 28 February 2013

a miña nova mellor peor serie: Zero Hour


Se hai unha cousa que me molesta de Zero Hour, é que a ABC cancelou Last Resort para poñela. E agora que xa quitei iso do medio, teño que dicir que Zero Hour é unha digna sucesora de The Event e que todos deberíamos estar obrigados contratualmente a vela, para que non a cancelen nunca.

Como boa serie conceptual, é moi difícil explicar sen máis o seu argumento e moito menos o que pasa nun capítulo, por iso vou utilizar os meus superpoderes co Paint para tentar resumir o episodio piloto. Mmmm, diría que hai spoilers, pero non estou segura, porque despois de ver o episodio non teño nin idea do que pasou.

Zero Hour T01E01 “Strike”


Todo comeza en pleno ascenso do nazismo en Alemania, cando unha panda de mestres reloxeiros que traballan no soto dunha igrexa se preocupan porque hai moitas bandeiras con esvásticas nas rúas e comezan a citar profecías apocalípticas coma tolos. 


Mentres tanto, dous deses reloxeiros se disfrazan de médicos e van a un hospital nazi a mirar un bebé que presuntamente fora creado nunha probeta e por iso ten os ollos raros, como con cataratas. 


Os soldados os descobren e teñen que fuxir e agocharse no cuartel xeral da sociedade secreta dos reloxeiros, que resulta que eran os Rosacruz, e seguen dando a vara con iso da fin dos tempos. Por culpa da apocalipse inminente, os rosacrucianos deciden rescatar unha cousa misteriosa que permanecera asolagada no fondo dun sumidoiro durante xeracións, e que pode derrotar os nazis. Considerando a temática nazi-ocultista, pódese tratar de:

a) O Golem
b) A Arca Perdida
c) A Madonna Caída das Tetas Grandes


Todo isto, antes do primeiro intermedio. Entón aparecemos na época actual, onde o doutor Greene resucitou de ER e agora é o director da revista “Más Allá” edición de Nova York, e está paseando coa súa muller, que é mestra reloxeira, por un mercadiño de todo inocente. Entón vai a súa muller e solta esta frase:


loxicamente anunciando que vai morrer e/ou desaparecer nos próximos cinco minutos de capítulo.

Efectivamente, de aí a un cacho, alguén secuestra a muller de Hank (así se chama o Doutor Greene aquí) do seu taller de reloxos, mentres el está na redacción de “Mas Allá” falando cos seus dous únicos colaboradores, Santi Camacho e Carmen Porter un chaval e unha chavala.


A policía non fai nada, como era de esperar, pero ao pouco chega unha parella do FBI a casa de Hank, e lle explican que o home que secuestrou a súa muller é un terrorista moi perigoso, que (como o conto) empezou na Lexión estranxeira e acabou convertido nun novo Chacal.


Hank pasa do FBI e os bota da súa casa de forma máis ben maleducada, porque como bo director dunha revista conspiranoica non se fía do goberno. Entón atopa un reloxo que a súa muller mercara no mercadiño despois de que el marchase a traballar, e que por algunha estraña razón agora está na súa casa. Ao abrilo (porque está claro que é unha pista) Hank descubre un diamante que non lle impresiona demasiado.
Un dos seus axudantes, ao que imos chamar Santi porque non me lembro do nome, descubre que o diamante proxecta un mapa na parede, é que está escrito en lingua rara, así que se van todos a ver a un cura lingüista que tiñan de man, que lles explica que o mapa está escrito nun dialecto exipcio que se deixou de usar no século II pero que unha sociedade secreta dentro da igrexa católica, os Rosacruz, seguía usando na actualidade (como os lo cuento).


Hank, Santi, Carmen e o cura lingüista deciden que o mapa é a clave para atopar a muller de Hank, e que ten algo que ver cun sitio chamado New Bartholomew que está no Círculo Polar Ártico, pero antes de que collan todos roupa de abrigo e se vaian para alá, o secuestrador chama, falando así como se en clase de primeiro de interpretación lle dixesen "fai de desequilibrado", e dille a Hank que lle cambia a súa muller polo reloxo (entendemos que interesado no diamante-mapa, pero non, non o di). 


Entón Hank dálle o diamante ao cura para que o garde no seu pastillero, e vaille pedir axuda á señora do FBI para o intercambio de reféns, pero non lle conta a parte do reloxo porque... non sei porqué. 


O caso é que o FBI monta un dispositivo de seguimento do copón, con aparellos de alta tecnoloxía e un montón de técnicos monitorizando todo, e aquí ven a miña parte preferida do guión: o plan era rastrear a chamada do secuestrador cando volva chamar a Hank para darlle instrucións, o FBI ten todo preparado, a mellor tecnoloxía do mundo ao seu alcance, e entón, cando o secuestrador chama, os técnicos dinlle á súa xefa:

“Mira, é que está chamando por Skype, entón non podemos rastrear a chamada”.

Tíos, saltáronseme as bágoas.

Total, que con este movemento de xenio maquiavélico, o secuestrador despista ao FBI e tamén a Hank, e vai onde quería ir realmente: a xunta do cura lingüista ao que Hank lle dera o diamante antes de ir ao encontro do secuestrador. Cando Hank chega, o diamante xa non está e o cura está gravemente ferido, só que non tanto, porque marcha na ambulancia falando alegremente.


Ante este xiro dos acontecementos, Hank fai o único sensato que pode facer, e marcha a Canadá para comezar unha excursión ao Polo Norte na procura do New Bartholomew ese, pero no aeroporto o intercepta a muller do FBI, que lle confesa que lle importa un carallo o secuestro da súa muller, e que só vai detrás do secuestrador porque (atención): hai catro anos, ela era unha simple traballadora de servizos sociais, e o seu marido estaba viaxando por Rusia, cando uns separatistas chechenos puxeron unha bomba no avión no que ía o seu home, matando a todos os pasaxeiros, e o que fabricara esa bomba non era outro que o noso secuestrador. 


A Hank convéncelle o suficiente para deixar que vaia con ela, e alá marchan os dous para Alaska. Mentres tanto, Santi e Carmen descubren no reloxo o nome do mestre que o ensamblou, e como seica só hai un vello alemán no mundo con ese mesmo nome, pero por desgracia non sae na guía, deciden ir a Baviera a buscalo.

Noutra parte do mundo, o noso amigo o secuestrador, alias Chacal, alias Niño do Cuco, alias Rosemary’s Baby, quita as lentillas despois dun longo día de extorsión, secuestro e intento de asasinato, e descubrimos que: a) é o bebé diabólico que saía ao comezo do episodio, ou b) hai unha chea de bebés diabólicos como o do comezo do episodio e este é só un deles.


En Alaska, ou onde queira que estean agora, Hank e a axente do FBI alugan unha avioneta para chegar ao tal New Bartholomew, e descubren que o secuestrador está indo cara ao mesmo sitio, pero en jeep, naturalmente, porque o lobo sempre toma o camiño máis longo. O que atopan no punto sinalado polo mapa é isto:


Un submarino nazi medio enterrado na neve e que até o momento non saíra en Google Earth.


Mentres tanto , Santi e Carmen atopan o vello mestre reloxeiro, que non é outro que un rosacruciano retirado, e este cóntalles que a súa secta de tarados decidiu nomear outros 12 apóstolos en 1938, para que gardasen un segredo que só eles podían saber (así que é un misterio quen llelo transmitiu a eles) e que tiña algo que ver coa cousa que sacaran do sumidoiro ao comezo do episodio e que podía ser unha arma contra os Nazis. Cada un deses apóstolos levaba un reloxo, e un deses reloxos é o que mercou a muller de Hank no mercadiño. Porqué o secuestrador non o rastreou antes, cando estaba no posto do mercadiño, outro misterio.


Nunha montaxe digna do mesmo Eisenstein, o vello reloxeiro vailles explicando todo o tema dos novos apóstolos (New Bartholomew era un deses apóstolos e ao mesmo tempo un soldado nazi bo, non un sitio, coma eles pensaban), mentres Hank se mete de cabeza no submarino e descubre unha chea de corpos conxelados, entre os que destaca o famoso soldado nazi bo, que se converteu no Apóstolo New Bartholomew, e que non é outro que, tachaaaan!


Un tío coa mesma cara que Hank! (tiven que ver o episodio dúas veces para coller este detalle).


Entón Hank se marea do susto, o reloxeiro bota outra parrafada sobre a Apocalipse, e vemos como o noso secuestrador/neno demoníaco preferido se achega ao tanque no seu jeep.


E todo isto pasou só no primeiro capítulo. Como diría Stefon, esta serie ten de todo. Volvan para o seguinte capítulo, eu vouno ver xa mesmo.

Tuesday, 19 February 2013

doce personaxes de series que necesitan ser arrollados por un tráiler


Levaba un tempo querendo facer esta lista. Mentalmente fixéraa moitas veces, en moitas épocas televisivas, pero desde que escribo o blog levaba tempo pensando en facer unha lista coma esta cos tres primeiros postos reservados para a familia Grimes. Entón Lori morreu a mans do tarado do seu fillo, e dixen “aí vai a miña oportunidade perdida, coma unha folla da árbore caída que nunca máis ha volver á súa póla”. En realidade non dixen iso, dixen algo como “merda”. E fíxenme a firme promesa de non deixar que un fato de guionistas pouco imaxinativos se me adiantase outra vez.

A lista fala só de personaxes de series que están actualmente en antena, porque do contrario sería inabarcable. Hai spoilers por aí, navegade pola vosa conta e risco.

12. Skyler White (Breaking Bad)

Anna Gunn é unha excelente actriz, pero houbo un tempo no que Skyler estaría nos primeiros postos desta lista (tamén a moza de Jesse interpretada por Krysten Ritter, pero desa xa se encargaron Walt e a lei da gravidade). É insoportable, controladora e hipócrita: dicindo que quere afastar a Walter dos seus fillos porque é unha mala influencia, pero despois empeñada en  controlar as finanzas do negocio e sacarlle beneficio. Na primeira metade da quinta tempada, porén, cheguei a sentir mágoa por ela porque xa non quedaba nada de Walt, e Heisenberg pode chegar a dar bastante medo, sobre todo cando che respira na caluga mentres intentas durmir. Agora está por ver de que lado se posiciona no duelo Hank vs. Heisenberg, aínda que se alguén merece morrer nesta serie é ela, porque o resto dos personaxes son sinxelamente imprescindíbeis (boto tanto de menos a Mike...).


11. Sam Winchester (Supernatural)

Sei que isto vai ser unha decisión impopular, principalmente porque sen Sam non hai tensión con Dean e polo tanto non hai serie. Pero se cadra vai sendo hora de que remate a serie. E en serio, Sam: non é o mesmo que Dean se faga colega dun vampiro que o axudou a saír do Purgatorio e que ti te líes cunha tipa que non sabe quen es e pases de buscar ao teu irmán presuntamente morto do que nunca viches o cadáver. Non é o mesmo que ti rompas coa túa moza porque o seu marido volve de Iraq e que lle esixas a Dean que non teña amigos porque ti non os tes. Non é o mesmo estar resentido e canso de levar unha vida de cazador e ser un petardo chorón que ameaza con abandonar en cada capítulo. En serio, Sam, danos un descanso, non pasaría nada por ir parar debaixo das rodas dun tráiler, que total Dean si é un bo irmán e non ía deixar que unha aventura cunha veterinaria sosaina lle impedise resucitarte.


10. Emma (Once Upon a Time)

Emma é o peor. É a Britta Perry de Once Upon a Time. Vai por aí gabándose de que o seu super-poder é detectar a mentira, pero Regina leva meténdolla doblada desde o piloto. Mesmo o seu fillo de 10 anos lle minte e non se entera. E que pasa coas pintas que leva? Como pode unha sheriff resolver casos se non dá visto a través das pestanas postizas e os bucles infinitos? E como combina iso coa camiseta de asas e as botas sacadas de “Cárcere de Mulleres II: A Vinganza das Zorras”? O único motivo polo que aínda segue con vida é porque Snow coida dela, porque do contrario xa tería morto por esquecerse comer ou por electrocutarse mentres tentaba arranxar un tostador enchufado cando estaba borracha.


9. Matthew  (Downton Abbey)

Aquí non se trata tanto dunha cuestión de odio (que tamén) como de práctica: Matthew precisa morrer polo ben da trama, que se está a converter en zzzzzzzzzzzz. Perdón, apoieime nunha tecla. Que se está a converter en mortalmente aburrida, quería dicir. Eu non son da lexión de fans enfurecidos que tentaron incendiar a BBC tras a morte de Sybill, porque me pareceu unha decisión o suficientemente tola para animar a serie (e total, a trama irlandesa non ía a ningures, tristemente), pero si creo que tería máis consistencia matar un personaxe como Matthew para que Mary se puxese as pilas de herdeira, tivese que lidiar coa desfeita económica que lle legou o inútil do seu pai, e deixase de pasar a vida queixándose de que o seu mundo está a cambiar. E como valor engadido, deixaríamos ver a cara lánguida de Matthew choromicando polos –amplos- corredores de Downton: que se Lavinia isto, que se a miña disfunción eréctil o outro...


8. David Nolan / Prince Charming (Once Upon a Time)

David Nolan tiña escusa para ser un capullo na primeira tempada de OUaT  porque non lembraba quen era. Dentro do encantamento de Regina el espertou sendo un marido infiel, un amante manipulador e un covarde, que lle imos facer. Pero agora que recuperou a memoria segue a ser un monicreque que vai á zaga de Snow e de Emma, e que non sabe nin coidar do seu neto Henry cando o deixan só con el. A última foi cando tomou voluntariamente unha pócema do moi pouco fiable Mr. Gold para entrar nun coma posiblemente irreversible e aparecer nun limbo en lapas no que supostamente ía atopar a Snow (malia que iso só era unha posibilidade remota), e talvez conseguir sacala do mundo de fantasía, porque con iso quería evitar que  o fixese Henry (que de todas formas cada vez que quedaba durmido ía parar a aquel limbo). David Nolan nunca tiña que ter espertado, tería que seguir ardendo no limbo, e iso daríalle a Snow a oportunidade para meter baza na relación de Aurora e Mulan (en serio, que pasa con esas dúas? Estaban claramente liadas, non?).
Como exemplo do listo que é Prince Charming, vai un diálogo do capítulo "Manhattan" da segunda tempada, o último emitido:

Charming: Daquela Rumpelstinskin é o avó de Henry?
Snow: Si.
Charming: Pero... o seu avó son eu.
Snow: O certo é que podes ter dous avós.

Oh, Charming! Mátasme. Só che falta asinar os mails como O Príncipe EmPalmaDo...


7. Ezra Fitzgerald (Pretty Little Liars)

O nome só xa é abondo como para que se retorza no máis oculto dos círculos do Inferno. E se non chega co nome, temos a pose. Eu non comparto a crítica moralista de moitos fans da serie para os que é un problema que ande moceando coa súa ex-alumna adolescente. Para empezar, porque el mesmo aparenta ter 20 anos como moito e porque fai que sae cunha actriz que semella maior ca el e que nos tres últimos anos estivo interpretando a unha nena de instituto permanentemente atrapada nun limbo adolescente de idade difícil de determinar. Tamén hai algunhas teorías ao respecto da implicación de Ezra con A, malia que eu non o considero intelixente abondo para montar un plan de vixilancia omnisciente e ubicuo (pista: A é Deus). O que si, empurraríao con gusto debaixo das rodas do tráiler se me le un só dos seus poemas ou o cacho escribindo a máquina (!) no seu apartamento do Club de los Poetas Muertos.


6. Claire Dunphy (Modern Family)

Un dos misterios do mundo televisivo actual é Modern Family e a presada de premios que acumula. Para algúns expertos, está bastante claro que os señores gordos que conceden os Emmy e os corresponsais untados que conceden os Golden Globes non ven a televisión, porque os seus premios sempre se identifican máis co que as revistas modernas din que é tendencia, e non cos datos de audiencia e (isto por descontado) co gusto da crítica. Modern Family é o paradigma desa contradición. Non só acumula premios ano tras ano malia ter os personaxes máis planos da televisión e a súa trama non avanzar nunca, senón que os favoritos do público, Jay (Ed O’Neill) e Gloria (Sofía Vergara), son os eternos segundóns das nominacións e sempre ven os seus premios arrebatados pola parella gay (teño que comprobalo, pero estou case segura de que xa alternan os premios entre os dous a razón de un ano para cada un) e pola terrible Claire. O personaxe é odioso, pero iso case é o de menos: Julie Bowen nunca foi graciosa e nunca o vai ser. Como acontece con Lena Dunham, é un deses casos nos que non sei se meter nesta lista o personaxe ou directamente a actriz.


5. A familia enteira do Teniente Brody, Mike o destrozahogares incluído (Homeland)

Sei que a familia de Brody está aí como contrapunto necesario a Abu Nazir (RIP) e sei que sen pensar as cousas dúas veces por amor á súa familia, a serie tería rematado moito antes: Brody non recibiría a chamada de Dana ao final da primeira tempada e tería feito estoupar o chaleco na mellor escena pro-terrorista da historia da televisión. Pero son moi petardos. As olladas lánguidas entre Morena Baccarin e Mike son máis propias de Grey’s Anatomy ca de un thriller como Homeland, e Chris Brody é un personaxe totalmente prescindible (aínda que admiro o seu sangue frío para poñerse a durmir a perna solta xusto despois de enterarse de q o seu pai era o inimigo público número 1 e que presuntamente matara a duascentas persoas cunha bomba). E agora que está claro que o apoio incondicional de Brody para a terceira tempada vai ser Carrie (cunha pouca sorte a Carrie-ollos de tola-mural conspiranoico, de mono de litio e non a Carrie-adolescente namorada) igual era o momento de cargarse a toda a familia Brody e endilgarllo a el. Ou, cando menos, de facer unha subtrama na que Mike se lía con Dana, Morena Baccarin os descubre e os mata aos dous.

NOTA: Todo o meu respecto para Morena Baccarin desde que interpretou a Inara en Firefly, pero son incapaz de lembrar o nome do seu personaxe de Homeland. E tamén: en Firefly non tiña a cabeza tan pequena, algo que dicir, Iker Jiménez?


4. Andrea (The Walking Dead)

Nunca me gustou Andrea. Non entendo porqué Dale non a deixou morrer no final da primeira tempada, aínda que por min tamén podía ter ido el ao carallo, como finalmente pasou. Na segunda tempada, virou un pouco máis soportable, malia que só foi unha ilusión debido ao efecto paliativo de Lori (en comparación, todo ao seu redor era máis brillante):aprendeu a disparar, tomou parte activa na defensa do grupo, safou de Dale e montou en cólera cando Lori insinuou que estaba deixando de lado as tarefas do fogar para andar por aí matando zombis cos homes. Entón chegou a terceira tempada, e despois de que Michonne a rescatase e a mantivese con vida todo o inverno, decidiu agradecerllo negándolle o beneficio da dúbida cando aquela quixo marchar de Woodbury e ficou alí ao rabiño do Gobernador (non tiña a intención de que esta frase soase como soa, lojuro). E hai un par de episodios fixo un discurso a medio camiño entre “Película Deportiva Xenérica” e o día da Paz no meu colexio que non fixo nada por mellorar a súa imaxe perante os meus ollos.


3. O señor Schuester (Glee)

Certo que todos os personaxes de Glee deberían ser utilizados por Daryl de The Walking Dead como cebo para cazar donicelas /atraer zombis até a súa morte. Mesmo a favorita do público, Sue Sylvester, entrou na dinámica estereotipada da “malvada con bo corazón que axuda na sombra malia que garda as apariencias de odiar os protas” e agora é insoportable. Rachel Berry debería ter unha morte particularmente lenta, agónica e que involucrase as súas cordas vocais. Pero o señor Schuester é, desde o minuto 1, o personaxe máis egoísta, prescindible (como demostrou a primeira metade desta tempada) e anti-empático que un guionista puido concibir xamais. Só por repasar algúns dos seus momentos estelares ensinando a un fato de adolescentes marxinados-pero-estrañamente-atractivos-e-con-fortes-personalidades a ser peores persoas: puxo unha bolsa de marihuana na taquilla dun alumno para obligalo a formar parte dunha actividade extraescolar porque lle gustaba a súa voz; iniciou dita actividade extraescolar por motivos puramente egoístas e chorras (sentíase fracasado por facerse profesor despois de ser popular como membro do Glee Club nos seus anos de instituto); desatendeu as súas clases reais e o resto dos seus alumnos para centrarse no grupo de enchufados que se anotaron á súa actividade; non tomou ningunha medida cando, baixo a súa supervisión, unha das alumnas do Glee Club induciu a outra á bulimia e lle causou un problema de saúde, é máis, anoxouse porque o desmaio da bulímica descalificou o seu grupo para competir nas rexionais/seccionais/estatais/whatever; finalmente, convenceu o mesmo fato de rapaces presuntamente marxinados de que o importante na vida é axudarse e contar uns cos outros, e acto seguido abandonounos a eles, á súa prometida e ao resto dos seus alumnos aos que de todos modos xa non facía puto caso, para perseguir o seu soño de ser ¿secretario xeral do departamento de coros de instituto dos Estados Unidos? Will Shuester, es o peor profesor de instituto desde Gloria Lago.


2.       Hannah (Girls)

A morte da protagonista de Girls debería de ser tan lenta coma calquera dos seus capítulos de media hora. Como unha sesuda crítica explicou no seu momento, Hannah é tan superficial que se ten que autodefinir como “profunda” e “auténtica” cada dúas liñas de diálogo. É a peor amiga do mundo e permítese o luxo de andar sempre xulgando aos demais, e se o fixese en silencio polo menos non teriamos que aturala, se o fixese ás súas costas crearía conflitos na serie, pero simplemente abre a bocaza e empeza a dicir chorradas mentres o resto dos personaxes/actores miran con cara de circunstancias, supoño que preguntándose en qué momento quedaron atrapados no vórtice infernal de Lena Dunham e os seus premios de críticos que non ven a televisión. E de verdade que non necesito vela espida en todas e cada unha das escenas, malia que agora que o penso, tampouco preciso vela con roupa.


1.       Lori (The Walking Dead)

Seino, a introdución deste post foi un pouco trampulleira porque falaba da morte de Lori, pero non era coa intención de despistar nin de crear tensión dramática. O certo é que Lori morreu, pero os guionistas de The Walking Dead odian tanto ao seu público que agora queren meternos pola gorxa a actuación estelar do fantasma de Lori vestida de branco sepulcral. Se a Lori real xa era unha dor de cabeza de ver, a Lori/Rapaza da Curva non se queda atrás: en dous capítulos que leva con nós xa se amañou para botar da prisión un grupo de personaxes interesantes sen que ninguén o sometese a votación, sacar o parvo de Rick da seguridade do perímetro para irse morrear co aire no medio do monte, poñer en perigo a todos os habitantes da prisión grazas a iso, e conseguir que matasen a Axel cando comezaba a ser interesante. Obrigada pola visita, Lori de Ultratumba. Podías volver como zombi para que alguén che rebentase a cabeza coa porta traseira dun monovolumen, pero sempre elixes a forma máis coñazo e nociva de implicarte na vida de todos os que te rodean. Comezo a pensar que se The Walking Dead se rodase aquí, o teu personaxe estaría interpretado por Rosa Díez. 

Si, amigos. Alguén tiña que facelo...
Aínda non rematei e xa se me están ocorrendo outros personaxes que mataría con gusto... Outro día, os que nunca deberon morrer (Mike, I miss you sooooooo bad!)


Monday, 14 January 2013

o que vin este Nadal


Este Nadal tiven deberes auto-impostos, destes que molan porque non hai que erguerse do sofá para facelos. Fixen maratón dalgunhas series xa rematadas e outras actuais para poder rajar delas a gusto, así que spoilers ahead.

Na sección de Noticias que me acabo de inventar, onte se entregaron os Golden Globes, e viuse confirmar que a Asociación de Prensa Estranxeira de Hollywood non ten tempo para ver a televisión pero si para ler as revistas de tendencias: gañaron Homeland (mellor drama, mellor actor e actriz, como se estivésemos en 2012), Girls (mellor comedia ou musical e mellor actriz, o que, pf), e unha chea de actores de cine que fixeron tele no último ano, como era de esperar. Aínda non vin a gala, así que non sei cómo foi, pero por moito que Amy Poehler estea ben en absolutamente todo o que fai, vou arriscar e dicir que foi aburrida, longa e previsíbel.

E imos cos spoilers.



Rubicon ou porqué as series boas son as primeiras en morrer

Rubicon é a típica serie que todos os puretas de series que se precen viron ou din que viron. É o desempate cando dous amigos hipsters discuten se é mellor Breaking Bad ou The Wire. É, porén, unha boa serie, que pasou case inadvertida para o grande público porque se emitiu na AMC en agosto e xa estaba cancelada antes de estrear o seu cuarto episodio (son 13 en total).

O máis pedante que ten Rubicon é o título, que despistou a moita xente facéndolles pensar que ían ver un drama de romanos (Nota: onde di "a moita xente" quere dicir "a min"). Salvado este erro, atopámonos cun drama sobre conspiracións ambientado na época actual que semella unha desas películas de conspiracións tan molonas dos anos setenta, cando Hollywood era minimamente crítico co seu goberno e  se podían facer concertos a favor da Revolución Sandinista en Central Park.

É evidente que ese aire dos setenta se transmite na textura e no ritmo pausado, pre-Jason Bourne, e tamén no xeito deliberado en que o protagonista, Will Travers, semella ignorar a tecnoloxía, buscando claves en obxectos aos que lle falta ben pouco para ser obsoletos: xornais, guías telefónicas, axendas..., obxectos que por inverosímiles nos reconfortan como nos reconforta o cheiro do papel, pero o máis setenteiro que ten Rubicon é a premisa de desconfiar de todo, comezando polo goberno.

Will traballa nunha axencia de intelixencia ficticia, na que os analistas fan o traballo aburrido para os axentes da CIA que despois van por aí asaltando casas en Paquistán. No piloto, atopa unha clave anticuada nun xornal e amósalla ao seu sogro, que tamén é o seu superior. Para o final do episodio, o sogro está morto, nun accidente de tren cunha chea de danos colaterais, e Will atopa unha serie de pistas que o levan a convencerse deseguida de que se trata dunha conspiración do goberno. Iso é o que nos gusta de Will, que nin por un momento dubida da súa familia e non perde un segundo en dubidar do seu goberno. Segundo sabemos despois, a súa muller e a súa filla morreron de incongruencia de guión (suponse que estaban no miradoiro das Torres Xemelgas o 11 de setembro de 2001 cando o dos avións, malia que dito miradoiro non abría até as 9:30 da mañá. NOTA: tamén son conspiróloga), o que debería ser relambido e patrioteiro, pero neste caso dálle dramatismo á elección de Will de non crer ao goberno. Will busca aliados e os espectadores tamén: aínda que temos claro quén son os malos, hai unha chea de personaxes claroscuros dos que non nos fiamos, e iso é abondo para crear a atmósfera de tensión das películas de espías sen recorrer ás persecucións en coche e os saltos de trens en marcha.



É certo que a posta en marcha da trama é un pouco lenta, pero paga a pena a espera cando imos vendo cómo se entretecen todas as redes da conspiración. Despois dos resultados dos primeiros episodios, a AMC non lle concedeu o beneficio da dúbida, e é unha pena, porque unha segunda tempada tería leado máis aínda a trama e poderíamos estar falando de Homeland, máis contida e sen Abu Nazir/Batman.

Sherlock: previsíbel, meu caro Watson

Non sei porqué xa me daba a min que o novo Sherlock da BBC non me ía gustar. Partía con desvantaxe porque xa me gustaba o Sherlock Holmes da serie dos 80, ambientado na mesma época cós relatos de Conan Doyle, e non lle vía a necesidade a “actualizar” o detective máis famoso sen darlle máis xiro ca un teléfono móbil. Se cadra ese é o problema principal: tanto Sherlock como Elementary, as dúas adaptacións modernas do personaxe, confían na tecnoloxía como peza fundamental da modernización do mito. Basicamente collen a Sherlock Holmes, quítanlle as drogas por iso da corrección política (a CBS faino ex-adicto estigmatizado e a BBC dálle parches de nicotina), e cámbianlle a pipa por un iPhone, e iso é todo. Non hai un cambio real na forma en que Sherlock Holmes se relaciona co mundo, malia que pasou máis dun século desde a súa creación e a sociedade cambiou moito máis ca o que pode atestar un teléfono con GPS. En Sherlock, Holmes e Watson seguen a ser dous solteróns (aos que a xente cuestiona máis abertamente ca en 1880, pero do mesmo xeito) que viven no piso de arriba dunha señora Hudson que non evolucionou nada nun século, Moriarty é un arquimalvado criminal máis perto de SPECTRA ca dun criminal do século XXI, e Irene Adler pasou de actriz de mala reputación a dominatrix de mala reputación, o que parece de risa.

Unha chea de interpretacións do detective que me gustaron máis ca Sherlock:
o dos 80, o chaval do Segredo da Pirámide, Greg House,
Sherlock Hound, o detective Conan e Basil, o rato superdetective.

Con todo, a verdadeira eiva de Sherlock é a relación cos espectadores. Na primeira media hora do piloto, a serie establece e reforza até a saciedade a idea de que Sherlock Holmes é un detective dunha sagacidade tal que semella superdotado, non se limitan ás mostras de poder dedutivo das historias de Conan Doyle, senón que o converten nun savant que pode calcular nun segundo todas as rutas de tráfico e as distintas probabilidades de que un taxi chegue a un punto determinado en X tempo. Isto require unha certa suspensión do noso escepticismo, porque este Holmes parécese máis a un Observador de Fringe do que a un detective que utiliza o método dedutivo, pero podemos ignorar isto polo ben do argumento. Entón é cando os guionistas deciden que o espectador medio non se vai sentir ben se non resolve o misterio antes de que Holmes o faga, e para iso teñen que lanzar pistas ao público con sinais luminosos e letreiros que din “son unha pista” e, ao mesmo tempo, converter a Holmes nun idiota durante o resto do episodio. Se cadra ten algún tipo de bipolaridade que lle fai alternar entre a intelixencia superior e a incompetencia máis absoluta. Neste primeiro episodio, tres persoas aparecían mortas no que semellaban suicidios illados (son eu ou é un pouco bluf que os dous primeiros episodios dunha serie que só ten tres por tempada partisen da mesma premisa?) e o que tiñan en común é que todas estaban a piques de coller un taxi cando acontecera (os espectadores vimos isto e Holmes non, pero en dous dos casos había testemuñas e no terceiro a muller acababa de chegar de viaxe e levaba unha maleta). Holmes deduciu de forma indedutíbel que os tres foran asasinados e que o asasino debía ser unha persoa que non levantase sospeitas entre a multitude e que todos estivesen afeitos a ver nunha rúa ateigada, despois tendeulle unha trampa mandándoo a un enderezo, e cando un taxi apareceu, Holmes supuxo que o asasino era... o pasaxeiro!! Despois dunha persecución/homenaxe a Mary Poppins por tellados de cartón pedra, Holmes concluíu que o taxi simplemente parara naquel enderezo de casualidade. Non contentos con iso, cando chegou á casa, a señora Hudson informoulle de que había un taxi que el non pedira agardando por el na porta, pero o detective máis sagaz do mundo, capaz de saber que unha muller tivo relacións sexuais só mirándolle os xeonllos, non suma 2+2 despois de pasar a escena anterior perseguindo un taxi. Entón ven o letreiro luminoso con sirena e rotativos: o asasino ten un teléfono móbil que Watson está localizando vía GPS, cando aparecen as coordenadas na pantalla son o 221B de Baker Street, Watson e Lestrade (marabillosamente interpretado por José Mourinho) comentan “debe de haber algún erro, o GPS indica que o asasino está aquí”, mentres a señora Hudson insiste en que hai un taxista agardando na porta, pero Holmes como quen oe chover. Só é despois de que aos espectadores lles dese ben tempo a berrarlle “é o taxista, imbécil!” ás súas pantallas que os engranaxes do cerebro de Holmes volven funcionar e case podemos escoitar o clic mentres encaixa as únicas pezas non difíciles de encaixar da investigación. A resolución do caso foi terríbel: o asesino non tiña máis motivación ca súa propia mesquindade, e a escena final con Holmes foi copiada da Princesa Prometida pero quitándolle toda a gracia. Nos seguintes episodios a cousa non foi mellor, malia que na segunda tempada a serie comeza a usar o sentido do humor e faise lixeiramente máis soportábel.

Outra cousa da que a serie abusa é o recurso ao flashback inmediato. A cousa funciona así: Holmes fai unha dedución en voz alta sobre quén ou cómo é o asasino, menos de quince minutos despois cólleo, e así e todo a serie vése na necesidade de inserir un flashback de Sherlock describindo o asasino, por se acaso temos memoria de peixe. Estes recursos dan idea de que os creadores de Sherlock non teñen en moita consideración as capacidades dos seus espectadores, e nunha era televisiva dominada polo atrevemento é frustrante verse tratada coma unha lerda, especialmente cando detrás desta adaptación están mentes brillantes coma Steven Moffat, autor dos mellores capítulos do moderno Doctor Who. Para os produtores, tamén debería ser preocupante que mesmo un debuxo infantil coma o Detective Conan encarne mellor o espírito de Sherlock Holmes ca unha serie como Sherlock.

Girls: ás persoas horríbeis pásanlles cousas boas

Girls vai sobre a vida de Hanna, unha moza de vinte e poucos malcriada e egoísta que vive en Nova York. No primeiro episodio, os seus pais deciden pecharlle a billa porque desde que rematou a universidade estábanlle pagando o aluguer, a comida e todos os gastos para que ela se dedique a escribir unha novela ou algo así. A Hanna parécelle unha situación inxusta, porque son os seus pais e teñen a obriga moral de mantela por tempo indefinido mentres que ela se dedica a escribir e interpretar o seu rol estereotipado de neoiorquina neurótica. Iso só nos primeiros cinco minutos de serie. Despois coñecemos as súas amigas: a compañeira de piso sensata, a europea deshinibida e a xudía recatada.

As súas preocupacións son as características de un grupo de adolescentes de clase alta: atopar un bo mozo/marido e ter moitas experiencias interesantes para contalas en libros que tratan sobre elas propias. É curioso, porque durante os dez episodios da tempada, as catro protagonistas acúsanse mutuamente de ser egoístas e malas amigas, e a ningunha lle falta razón. Malia iso, ou se cadra por causa diso, ao final da tempada seguen a ser amigas, e a vida non lles vai demasiado mal. Hanna consigue un traballo ideal nun par de capítulos, pero decide deixalo porque despois dunha escena de acoso sexual/chantaxe que me custou entender, o seu xefe non a despide e a anima a seguir traballando con el porque, malia que sempre chega tarde e non sabe facer nada, ten personalidade. Na parte sentimental, pasa a primeira metade da serie tentando que o seu rollo informal se comprometa e sexa o seu mozo formal, e cando el se decide a facelo, agóbiase e non está segura do que quere. Nunha delirante discusión no derradeiro episodio da tempada, o mozo acúsaa de ser unha egoísta (mais unha vez) e ela responde que non é doado ser ela porque ten medo todo o tempo. Medo de que? O aluguer págao a súa mellor amiga, os seus pais ofrécenlle cartos a pesar de dicirlle que se debe valer por si propia, e debaixo da súa casa ha de haber un colector de roupa vintage, porque non repite modelo en toda a serie.


A personaxe de Hannah só fala con paixón cando considera que algo é “real”, “honesto” ou “auténtico”. Esta escolla de palabras é o que máis chirría, porque case sempre que fala diso estase a referir a estados de ánimo, e a min que me explique como un estado de ánimo pode ser outra cousa que real. Quéixase de vivir poucas experiencias e esa é a súa desculpa para non avanzar co seu libro, porque seica para ser auténticos e honestos só podemos escribir sobre experiencias propias e os nosos sentimentos, unha e outra vez. E os exemplos están claros, as experiencias pasan por liarse cun tío con síndrome de Diógenes ou masturbarse compulsivamente durante a adolescencia, nada de cousas pouco honestas como buscar traballo (ao que a serie dedica unha soa escena, recreando unha entrevista que ía moi ben até que Hannah comezou a dicir chorradas) ou pagar o aluguer. Nese sentido a serie é o Reality Bites dos 2010, e para os afortunados que non saben de qué estou falando, Reality Bites era unha película supostamente xeracional na que Winona Ryder fumaba e lía libros na cola do supermercado, vestía roupa grunge e falaba de ser profunda e real e auténtica e honesta mentres vivía de gorra na casa dunha amiga.


As amigas non son moito mellores: a compañeira de piso ten un mozo ao que decide deixar porque xa non está namorada, e á media hora ou así deprímese porque o rapaz segue adiante coa súa vida e non lle garda ausencias, pero de seguida atopa outro home arredor do cal construír a súa vida, porque está moi boa e é doado; a xudía é unha estudante (de pais ricos, supoñemos) cun apartamento pijo e moitas neuras, e está preocupada porque é virxe con 21 anos e as amigas trátana coma un becho raro, malia que para facerlle xustiza hai que dicir que leva moi ben o feito de ser unha caricatura; a inglesa é un espírito libre, recibe consellos gratuítos de xente á que trata mal, fai o que quere sen importarlle as consecuencias, malia que as consecuencias supoñan que alguén reciba unha malleira pola súa culpa, e por suposto parece unha supermodelo mesmo ao se erguer da cama. Ah! Por suposto, no derradeiro episodio todas toman decisións vitais: despois dunha bronca porque Hannah é egoísta e non paga o aluguer, a súa compañeira marcha (iso si, non só marcha ela en vez de botar á que non paga, senón que lle deixa un mes pagado por adiantado); a xudía por fin se desvirga, co cal supoñemos que para a tempada que ven casará, quedará embarazada e se mudará ao Upper East Side; e a inglesa alocada flirtea co seu xefe, despois arrepíntese, recibe unha visita da súa xefa (a muller do seu xefe) na que esta lle explica que ser superficial non trae a felicidade, e decide casar por sorpresa cun tipo ao que coñece de dúas semanas porque a verdadeira felicidade há de ser casar, ter fillos e mudarse ao Upper East Side.

Girls está considerada a comedia realista de moda da HBO, e Lena Dunham, a súa creadora e protagonista, a nena revelación do cine independente. O sorprendente é a controversia que suscitou esta serie baleira de contido real, o mesmo que é sorprendente ver a actores consagrados pasearse como extras polo set de Girls (que eu identificase, Kathryn Hahn, Bobby Moynihan ou Michael Imperioli, e seica a segunda tempada comeza con Donald Glover, glup). Na América da post-crise hipotecaria e Occupy Wall Street, o realista segue a ser preocuparse dun propio e do duro que é ser auténtico, mentres un deus ex machina paga as facturas.

Coma: coma a película...

Coma é unha película de 1978 baseada nun libro de Robin Cook, que bebe de todos eses filmes de conspiracións que, dicíamos, inspiraron Rubicon. É unha boa película de suspense, con escenas que a min me aterraron (Geneviève Bujold perdendo un zapato e case a vida ao baixar por unha escada interminábel, a visión dos non-mortos pendurados como pezas de matadoiro...). Entón a cadena A&E (nunha vaga que semella non rematar nunca) decidiu gravar unha “actualización” que ven sendo exactamente igual pero con teléfonos móbiles e sen suspense.

Vin algunhas cousas máis (maratonei a nova entrega de Doctor Who, pero só me deu tempo a chegar até a 4ª tempada, así que me ides excusar se aínda non falo diso) pero polo de agora só me dá a cabeza para comentar estas. Bicos a todas.

Thursday, 3 January 2013

outra lista con cousas molonas de 2012

Esta é a típica lista de [insira número] cousas que máis molaron do 2012 na televisión. Por un momento pensei en incluír o discurso de Fin de Ano do noso benquerido presidente, pero como son,diante de todo, serióloga americanóloga, e para rir de Frijolito xa teño o Facebook, decidín cinguirme ao campo que coñezo. Con todo, esta é unha lista subxectiva (aínda que o meu excelso coñecemento é indiscutíbel) e seguramente deixei moitas cousas fóra, unha porque non vexo todo (Game of Trolls, preferida de Gemi moitos de vós, queda fóra do meu alcance) e outra porque 14 é un número ben raro. Por iso molaría moito que vós, caro público lector, aportásedes os vosos favoritos de 2012 nos comentarios.

Aviso, como non:


E comezamos co ranking: as catorce mellores cousas que pasaron na tele no 2012.

14. Unha chea de comedias novas, algunhas delas boas
Mentres algunhas das comedias que nos acompañaron os últimos anos se afunden sen remedio nos abismos das audiencias e da calidade (The Office) e outras loitan por non caer aí (How I Met Your Mother), en 2012 agromaron unha chea de comedias listas para substituílas, e malia que moitas xa foron canceladas, algunhas resisten con bos números e, o que é máis difícil, bos guións.

A xoia é Go On, que prometía ser unha comedia moñas cun Chandler vido a máis e resultou ser unha comedia moi sensible e graciosa con Matthew Perry facendo dunha persoa lixeiramente mellor que Chandler. Pero o mellor de Go On é o reparto coral, porque non hai un só personaxe que non sexa o preferido. Para min, aparte do obvio Mr. K, John Cho é o actor máis gracioso e con máis recursos da serie, o que me lembra que xa apuntaba maneiras como convidado no capítulo I’m Not That Guy da 3ª tempada de  How I Met Your Mother  e que non lle pegaba nada o papel “serio” que tiña en Flash Forward (inciso por se Lorne Michaels fala galego e segue o meu blog:  non sería xenial un Saturday Night Live presentado por John Cho? Toma nota!)


Don't Trust The B... In Apartment 23 tamén é unha boa comedia, cunha premisa nada típica. Custoume un pouco entrarlle porque odio a Krysten Ritter desde os tempos de Veronica Mars, pero os capítulos son moi divertidos, e James Van Der Beek facendo de James Van Der Beek non ten prezo.

Alén de Go On e Don't Trust the B..., sorprendéronme gratamente The Mindy Project e Ben and Kate, seguramente porque non daba un duro por eles. Os dous teñen personaxes estereotipados e historias que vimos cen veces en televisión, pero os guións son sólidos e os actores moi bos (salvo Ben, queremos matar a Ben). Animal Practice durou pouco e tiña 0 sentido, pero saía un mono vestido de médico conducindo ambulancias de xoguete. Un mono vestido de médico conducindo ambulancias de xoguete! Iso fai que calquera serie mediocre sexa aceptábel.

Girls foi a nena bonita da crítica deste verán. Non me quero estender moito porque xa estou escribindo unha reseña poñéndoa a parir que publicarei proximamente, pero podo dicir que é a típica serie na que odiamos a todos os personaxes e así e todo seguimos vendo, desexando en secreto que lles pasen cousas malas.

Por suposto que hai unha chea de comedias horrorosas, como The Neighbors, Guys With Kids, The New Normal ou Malibu Country, pero se temos en conta o resultado final de 2 boas comedias, 3 que se deixan ver (sen contar a cancelada) e 4 malas, non está nada mal para 2012. Ademais, inclínome a contar 666 Park Avenue e Revolution como comedias, e nese caso as dúas son hilarantes.

Adaptado con moito respecto e permiso (tácito) de tv.com

13. A enésima homenaxe de Castle a Firefly
Xa vai para unhas cantas veces que os guionistas de Castle (non se sabe moi ben se a petición de Nathan Fillion ou porque si) homenaxean máis ou menos sutilmente á nena bonita de Joss Whedon, Firefly, protagonizada polo propio Fillion. O final da 4ª tempada mesmo tivo un episodio no que outro actor de Firefly, Adam Baldwin, facía de detective psicópata retomando un pouco o seu papel de Janey, só que nesta ocasión el daba as ordes e Nathan Fillion as seguía, ademais de regalarlle o seu "brown coat". 

Pero o capítulo The Final Frontier, da 5ª tempada, foi unha orxía de referencias: un asasinato nunha convención de ciencia ficción, ao que Castle se referiu como “shiny”, propiciou que el e Beckett falasen das súas series favoritas (“Son fan da boa ciencia ficción, Star Trek, Battlestar Galactica, aquela outra serie de Joss Whedon...”) e visitasen unha recreación de unha das series, que malia que en apariencia e argumento era talmente Star Trek, tiña unha chea de cousas en común con Firefly, comezando polos nomes dos protagonistas e seguindo polos malos. Alén diso, todo o capítulo é unha xigante homenaxe á ciencia ficción e a nós, os frikis seriólogos, en xeral (Non se perdan a Armin Shimerman, o director Snyder de Buffy the Vampire Slayer entre outros moitos créditos, facendo de friki cunha camiseta de “Han Shot First”).



12. Michonne (e a 3ª tempada de The Walking Dead en xeral)
Creo que todos os que lemos os cómics de TWD somos fans de Michonne, e é de xustiza que a súa aparición na adaptación televisiva apareza neste ranking. Con todo, sigo esperando que lle dean un pouco máis de sentido ao seu personaxe, porque no cómic queda ben claro por qué se vinga do Gobernador e por qué o deixa vivo para que sufra, poñendo o grupo en perigo sen querer, pero aquí, a falta de todo o que o Gobernador lle fixo no papel, queda un pouco de pirada psicópata con tanto odio. Mesmo tería máis sentido que fose a por Merle, que foi o que tentou matala, aínda que estivese cumprindo ordes. Iso si, a escena do sable na cabeza da nena zombi foi o mellor desta tempada, e eu miraría de buscar desinfectante despois de meter a cara chea de cortes nun acuario con cabezas de zombis, pero semella que a hixiene post-apocalíptica só me preocupa a min.



11. O capítulo de transición de Wilfred
Ao estilo de Doctor Who, Wilfred fixo un capítulo de transición entre a primeira e a segunda tempadas, no que a historia non avanzaba exactamente, pero sentaba as bases para o que había ser a segunda tempada. Ou iso dixeron os creadores, pero a verdade é que non ten moita lóxica. Nada diso importa, porque o capítulo foi glorioso: Robin Williams facendo de Robin Williams facendo do psiquiatra petardo de Good Will Hunting, Brian Baumgartner facendo de Wilfred disfrazado de home (un home disfrazado de can disfrazado de home!), e o mellor de todo: o Oso conducindo a ambulancia que usan para fuxir do psiquiátrico.



10. Fringe meets Monty Python’s Flying Circus
Hai xente á que non lle está a gustar esta tempada de Fringe. É certo que os primeiros episodios tiveron un pouco de xogo de plataformas (tes que buscar a chave para abrir a porta e ao chegar ao seguinte nivel hai unha nova porta e tes que buscar outra forma de abrila), pero eu estou contenta con como está avanzando a historia, especialmente nos últimos capítulos, desde a morte de Etta. Black Blotter é un dos capítulos psicodélicos que os creadores lanzan antes do final de cada tempada para ver como reaccionamos, e sendo esta a derradeira, había moitas probabilidades de que o experimento non callase: Walter toma ácido (mais unha vez) e vemos a investigación para atopar o neno Observador  a través dos seus ollos drogados, mentres se enfronta aos seus demos interiores. Desta vez bordárono. Coma nun bo musical (malia que sen cancións) a acción avanzou nas escenas oníricas tanto ou máis que nas reais, e soubemos de moitas das dúbidas e medos que paralizan a Walter. E, de regalo, unha enorme homenaxe a Terry Gilliam nesta secuencia coa volta de Gene a vaca, e tamén simboloxía importantísima, que ninguén se engane.



9. A montaña rusa de Homeland
Homeland tiña que comezar forte este ano porque despois do final da tempada pasada pensabamos que era imposíbel que as cousas se volvesen máis tolas: Brody decidira non estoupar o chaleco e meterse na equipa do Vicepresidente Walden para ¿derrubar o sistema desde dentro?, a Carrie fritíronlle o cerebro, Walker morreu e o USB coa confesión de Brody desapareceu e ninguén sabía cando nin como ía saír á luz. Os guionistas decidiron non adialo, despois dun excelente primeiro episodio, Saul descubriu o pincho e o seu contido e amosóullelo, por esta orde, a Carrie e a Estes. Aí foi cando dixemos “hala, agora vai vir unha tempada enteira da CIA espiando a Brody, que aburrimento!” pero nada diso: nun par de capítulos Carrie descubriuse ante Brody, que foi detido, interrogado (nunca vin un poli bo/poli malo cun poli malo tan malo como Quinn e unha poli boa tan boa como Carrie) e forzado a cooperar coa CIA. Aí foi cando dixemos “hala, agora vai vir unha tempada enteira de Brody colaborando coa CIA, que aburrimento!” pero nada diso: explosións, milicias armadas ás ordes de Abu Nazir, arrepentimento, fuxidas, Carrie e Brody fodendo na noite de micro aberto da CIA... non nos deu tempo a soltar o aire e aínda estabamos no episodio 8! Entón todo comezou a rodar costa abaixo pola senda de 24: Abu Nazir converteuse nun deses psicópatas de pelis de psicópatas aos que hai que matar quince veces e así e todo sobreviven até o final dos créditos para anunciar a segunda parte da saga, Brody parecía un vampiro adolescente namorado matando xente ao tuntún para protexer a súa amada, e a Carrie déronlle os peores diálogos desde o comezo da serie. Expresei o meu descontento aquí mesmo e xurei que Homeland estaba rematada pasase o que pasase a continuación. E resulta que me tiven que tragar as miñas palabras porque o último episodio da tempada volveu ser de infarto, como diría o Vicepresidente Walden (festival del humor...), con Carrie e Brody correndo un aos brazos doutro até que unha bomba posta supostamente por Brody (e aquí volvemos a non saber de que lado está) matou a media CIA incluíndo David Estes, a viúva de Walden e o odioso Finn.  Mágoa que a Chris Brody non lle dese por ir ao funeral de Walden.

Así as cousas, volvemos a non saber qué esperar para a 3ª tempada de Homeland, e iso é o que mellor fai esta serie: xerar suspense e conspiranoia. En internet xa hai milleiros de teorías (a mellor que lin, até agora, pon de cerebro de todo a ex-muller de Saul, que orquestou a matanza para que o seu home ascendese na CIA) e volvemos estar tan expectantes como o ano pasado a estas alturas.



8. Morreu Lori! (The Walking Dead)
Está feo alegrarse da morte de alguén que non sexa un ditador xenocida ou un banqueiro, ben o sei, pero creo firmemente que coa morte de Lori o mundo apocalíptico de The Walking Dead vai ser un lugar mellor. Como xa dixen algunha vez, non estou de todo certa de que non fose ela quen provocou a apocalipse zombi dalgún xeito. Ademais, a escena gore da súa morte, e da súa... voulle chamar “autopsia”, cando Rick saca os seus restos das tripas dun zombi cheo, foron de traca. Como comentou un ávido lector do blog, a morte de Lori a mans do tarado do seu fillo debeu estar patrocinada pola Asociación Nacional do Rifle Infantil.



7. Sobredose de Louis C.K.
O ano que descubrín Louie, o seu creador e protagonista retomou o personaxe de Dave en Parks and Recreation e presentou un dos mellores episodios de Saturday Night Live deste ano. Ademáis, esta tempada de Louie tivo momentos como a viaxe a Miami, Never o neno noxento, as tres partes de Late Show con David Lynch, Louie tentando reparar a boneca que mercou para a súa filla en New Year’s Eve...



6. Mike Ehrmantraut (Jonathan Banks) en Parks and Recreation
Cando aínda non nos recuperáramos de despedir para sempre a Mike en Breaking Bad (as súas últimas palabras, "let me die in peace, Water", merecen estar nesta lista por si propias, pero con dous postos reservados a Breaking Bad xa se me ve bastante o plumeiro), Jonathan Banks regalounos unha actuación estelar en Parks and Recreation, facendo do peor pai do mundo. O duelo de titáns con Ron Swanson pola última gamba Orly do buffet é digno de ver a cámara lenta coa música de El Hombre y la Tierra.



5. Last Resort
Estaba claro: co argumento que elixiron, Last Resort non podía pasar da primeira tempada. Con todo, é unha das mellores series que se estrearon neste ano, e tamén unha das mellores series que se estrearon e se cancelaron este ano, e tamén iría na lista de series que se cancelaron demasiado prematuramente.



4. O piloto de Breaking Bad: Yeah, bitch! Magnets!
Todo no piloto da quinta tempada de Breaking Bad foi espectacular:  o misterioso comezo un ano despois dos feitos narrados, a meticulosidade coa que Walter foi limpando todas as probas que o vencellaban a Gus Fring, a entrada reticente de Mike no grupo, a escalada de Walter sacudindo os restos de Mr. White e converténdose en Heisenberg a tempo completo... Pero o mellor de todo foi que no momento en que Jesse propuxo o dos imáns, soubemos que ía funcionar, e a escena tanto da proba como da sabotaxe real foron hilarantes. O segundo mellor, que alguén colleu esta escena e fixo un loop en youtube.


3. O episodio de Law & Order de Community
Algúns fans estaban preocupados porque o despido de Dan Harmon, a mente pensante detrás de Community, supuxese o deterioro da serie. Houbo moitos episodios na 3ª tempada que probaron que se trabucaban: Contemporary Impressionists, Pillows and Blankets, Digital Estate Planning... Para min o mellor é a homenaxe a Dick Wolf e a franquicia de Law & Order: Basic Lupine Urology. Desde o comezo da historia (alguén “asasinou” a batata que o grupo estaba xerminando como parte dun proxecto de ciencias), pasando polos títulos de crédito ao estilo Law & Order, o reparto de papeis feito por Shirley porque é adicta ás series policiais, o cambio de papeis cando Troy e Abed se aburren ("Sorry about my partner, he's been on edge ever since we switched." BEST LINE EVER!), a ineptitude de Britta, a emulación de Heisenberg que fai Starburns, as actuacións estelares de Michael Kenneth Williams e Michael Ironside como profesor Kane e tío militar de Todd respectivamente... todo é perfecto, e esperemos que este ano Community remate a súa existencia con episodios tan gloriosos coma este. Ben pensado, esperemos que a NBC entre en razón e Community non remate este ano a súa existencia. #sixseasonsandamovie



2. Awake
Outra serie que tamén está na lista de series canceladas demasiado prematuramente, e que seguramente sexa a mellor serie de 2012. Polo menos aos seus creadores deulles tempo a improvisarlle un bo final para que os fans nos sentísemos mellor, un final que lembra bastante a outra das mellores series de ciencia ficción, Life on Mars (a inglesa, claro, non o truño da ABC).



1.       O final da primeira parte da quinta tempada de Breaking Bad:  Hank no váter.
Sabiamos que non ía ser posíbel, pero que levante a man quen non respirase aliviado por un intre ao ver a Heisenberg deixar o negocio despois de amasar máis cartos dos que podería gastar, reconciliarse daquela maneira con Skyler e volver ser Walter White por un momento de felicidade xunto á piscina da casa. Sabíamos que non había durar e sabíamos que a segunda parte da 5ª tempada ía estar encamiñada cara unha confrontación final entre Heisenberg e Hank, polo que Hank tiña que descubrir que Walter era Heisenberg. O que non sabíamos (e o xenial Vince Gilligan tiña claro desde que introduciu o diario de Gale Boetticher a comezos da 4ª tempada) era a forma en que Hank o ía descubrir: sentado no váter, buscando algo que ler. E a súa cara, esa cara que para min merece todos os premios de aquí a Hollywood.